Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 48 Venres, 8 de marzo de 2013 Páx. 7049

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 25 de febreiro de 2013 sobre a aprobación definitiva do Plan xeral de ordenación municipal do Concello da Coruña.

O Concello da Coruña remite o Plan xeral de ordenación municipal e solicita a súa aprobación definitiva, conforme o disposto no artigo 85.7 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

I. Antecedentes.

I.1. O Concello da Coruña dispón, actualmente vixente, dun Plan xeral de ordenación municipal aprobado definitivamente con data do 19 de outubro de 1998.

I.2. Con data do 21 de agosto de 2009, a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu informe previo á aprobación inicial, de acordo co previsto no artigo 85.1 da LOUG.

I.3. O Concello Pleno da Coruña aprobou inicialmente o plan en sesión do 1 de decembro de 2009; e someteuno a información pública mediante anuncios nos xornais La Voz de Galicia, El Ideal Gallego e La Opinión, do 17 de decembro de 2009, e no DOG do 17 de decembro de 2009. Simultaneamente, déuselle audiencia aos concellos limítrofes de Oleiros, Culleredo e Arteixo.

I.4. En cumprimento da lexislación sectorial vixente emitíronse os seguintes informes:

a) En materia de estradas, informe favorable con condicións da Dirección Xeral de Estradas (Ministerio de Fomento) do 27 de xullo de 2011; e informe favorable da Dirección Xeral de Infraestruturas (Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas) do 9.2.2012.

b) En materia de portos, informe da Autoridade Portuaria da Coruña do 11.1.2010; e informe favorable de Portos de Galicia (Consellería do Medio Rural e do Mar) do 9.7.2012.

c) En materia aeroportuaria, informes da Dirección Xeral de Aviación Civil (Ministerio de Fomento) do 20.6.2012 e do 8.10.2012, favorable.

d) En materia de ferrocarrís, informe de ADIF do 11.1.2010.

e) En materia de patrimonio cultural, informe da Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Histórico (Ministerio de Cultura) do 15.3.2010, e informes da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural do 15.3.2010, desfavorable; do 30.1.2012, favorable; e do 30.10.2012, informe favorable con condicións.

f) En materia de augas, informes de Augas de Galicia con data do 1.2.2010 (Servizo Territorial Zona Norte) e do 20.1.2010 (Subdirección Xeral de Programación e Proxectos).

g) En materia de costas, informe da Dirección Xeral de Sustentabilidade da Costa e o Mar (Ministerio de Medio Ambiente e Rural e Marino) con data do 1.9.2009, segundo o artigo 117.1 da Lei 22/1988, de costas. E informe da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo do 22.1.2010. Informes da Dirección Xeral de Sustentabilidade da Costa e o Mar (Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente) con data do 11.2.2010, do 28.7.2011, do 10.10.2011 e do 13.9.2012, segundo o artigo 117.2 da Lei 22/1988, de costas, e informe da Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo do 11.2.2013.

h) En materia de montes, informe da Dirección Xeral de Montes do 19.2.2010.

i) Informe da Dirección Xeral de Conservación da Natureza (Consellería do Medio Rural) do 5.2.2010.

j) Informe en materia de comunicacións electrónicas, da Subdirección Xeral de Infraestruturas e Normativa Técnica do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio do 20.1.2010.

k) Informe en materia de enerxía, da Consellería de Economía e Industria do 10.3.2010.

l) En materia de defensa, informe favorable da Subdirección Xeral de Patrimonio (Ministerio de Defensa) do 27.7.2012.

m) Informe da Deputación Provincial da Coruña, favorable con condicións do 25.2.2010.

I.5. Os servizos técnicos e xurídicos municipais emitiron os preceptivos informes con data do 30.7.2012.

I.6. A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental da CMATI resolveu aprobar a memoria ambiental correspondente ao procedemento integrado de avaliación ambiental estratéxica, con data do 9.3.2012.

I.7. O Pleno do Concello da Coruña aprobou provisionalmente o plan na súa sesión do 6.8.2012.

I.8. O expediente foi remitido a esta consellería en solicitude da súa aprobación definitiva, con data do 24.8.2012.

I.9. En virtude do previsto no artigo 85.7 da Lei 9/2002, examinada con carácter previo á integridade documental, formulouse requirimento con data do 10.9.2012.

I.10. Os servizos técnicos e xurídicos municipais emitiron os correspondentes informes dun texto refundido con data do 17.12.2012 (técnico) e do 18.12.2012 (xurídico).

I.11. O Pleno do Concello da Coruña aprobou provisionalmente o texto refundido do plan na súa sesión do 26.12.2012.

I.12. O expediente municipal foi remitido a esta consellería para resolver sobre a súa aprobación definitiva, con data do 4.1.2013.

II. Análise e consideracións.

Logo de analizar a documentación que integra o Plan xeral de ordenación municipal do Concello da Coruña aprobado provisionalmente polo concello pleno do 26 de decembro de 2012, e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

II.1. Cuestións de carácter xeral.

Os espazos libres e zonas verdes públicas, en canto que destinados ao esparexemento da poboación e á mellora da calidade ambiental e estética dos espazos urbanos (artigo 5.2.6.2 da normativa), non poderán acoller usos incompatibles, como a implantación de novas gasolineiras, debendo eliminarse tal posibilidade do artigo 5.2.9.h) da normativa.

II.2. Estrutura xeral e orgánica do territorio e dotacións urbanísticas.

Cómpre corrixir a discrepancia na denominación dos equipamentos de sistema xeral: letras QG na memoria xustificativa e letras EQ nos planos de estrutura xeral e orgánica.

Non procede computar os cuarteis militares (EQ-08, EQ-21, EQ-27, EQ-19) como equipamentos de sistema xeral para efectos do cumprimento do artigo 47.1 da LOUG, xa que non son dotacións urbanísticas ao servizo predominante do conxunto da poboación.

Os ámbitos QG-32 do futuro museo do automóbil e EQ-13 pódense considerar sistemas xerais de equipamento público, sen prexuízo da modalidade de xestión municipal.

O terreo onde se prevé o devandito museo do automóbil aparece cualificado simultaneamente como zona verde e como equipamento (EG-09 e EQ-32). Enténdese que a cualificación axeitada que lle corresponde é a de equipamento.

A ficha de características do Plan especial PE I20 referido ao museo, de acordo co convenio incorporado no PXOM, axustarase ás condicións establecidas na LOUG para o solo rústico.

Algúns equipamentos de sistema xeral considerados públicos son privados: residencia Santa Teresa de Jornet, hospital San Rafael, zonas ao oeste do CHUAC e capela de Labaca. Porén, a parcela da actual situación da institución Padre Rubinos, cualificada como AS(Pb), ten que ser AS(Pv).

No PXOM figuran varios ámbitos circulares (EQ-81, EQ-82 e EQ-83) de sistema xeral de equipamento de nova creacións, dos que se descoñece o seu carácter, e que non se encontran reflectidos na estratexia de actuación e no estudo económico.

As dotacións dun plan parcial non poden ser consideradas como sistema xeral de equipamentos: equipamento comercial-social (dotacional privado) do Plan parcial de Altamira, A Zapateira.

O ámbito norte do equipamento deportivo de Elviña aparece incorrectamente cualificado como zona verde (sistema local EL-10), debendo cualificala como equipamento DP(Pb) como o polideportivo que está ao seu carón.

II.3. Clasificación do solo.

Cómpre clasificar como solo rústico de protección de costas os terreos situados estritamente dentro dos 200 metros do límite interior da ribeira do mar (artigo 32.2.e) da LOUG). Os terreos que, polos seus valores paisaxísticos, se deban protexer máis alá deses 200 metros deberán clasificarse, se é o caso, como solo rústico de protección paisaxística (art. 32.2.g) da LOUG).

II.4. Determinacións no solo urbano.

II.4.1. O ditame técnico sobre ámbitos atinxidos polo Plan de emerxencia exterior do polígono industrial A Grela, Bens, anexado ao PXOM, non é respectado en dúas zonas:

– API L 26 A Silva II: debe indicarse na ficha normativa que os novos usos deben limitarse aos industriais, agás que se redacte unha análise cuantitativa de riscos (ACR) que xustifique outros usos.

– API L 28 Severo Ochoa: debe limitarse ao uso industrial (zona de intervención BLEVE de Repsol Petróleo e de Repsol Butano).

Deberase deixar claro na redacción dos artigos do documento de normas urbanísticas, en concordancia coa memoria xustificativa do plan, nas determinacións do seu propio corpo normativo e incluso no documento de contestación ás alegacións, que as construcións existentes que superen as condicións de ordenación de volume establecidas nalgunhas normas zonais se poderán substituír por outras co mesmo volume actual.

II.4.3. A normativa sectorial vixente non pode ser substituída polo PXOM por aquela que estivese en vigor no momento de outorgamento da licenza municipal de primeira ocupación. Deberán aplicarse as correspondentes disposicións que dite cada normativa sectorial no momento no que se outorgue unha nova licenza, cuestión que deberá aclararse na normativa (art. 7.2.2. e 7.2.3.).

II.4.4. No API Q16.2 San Amaro-Orillamar aparece unha reserva de vivenda protexida do 40 %. Porén, no cadro de distribución en tipos, non aparece reserva ningunha. Deberase eliminar esta reserva, en consonancia co informe municipal do 12 de novembro de 2012.

II.5. Determinacións no solo urbanizable.

II.5.1. A pendente máxima nos itinerarios peonís accesibles será do 6 %, de acordo coa Orde do Ministerio da Vivenda VIV/561.2010.

II.5.2. A dotación local de equipamento prevista no SUD-1 é menor que a mínima legal (34.034,39 m2 cando o mínimo é 34.202,41 m2), cuestión que deberá solventarse.

II.6. Aproveitamento tipo.

Solventaranse as deficiencias observadas no cálculo do aproveitamento tipo nas áreas de repartición do solo urbano non consolidado e no solo urbanizable.

II.7. Informe ou memoria de sustentabilidade económica.

Considérase suficiente o contido do informe de sustentabilidade económica, para os efectos de acreditar o impacto das actuacións do PXOM nas facendas públicas.

II.8. Cuestións de índole documental.

Detéctanse incorreccións na toponimia: «El Portiño, La Silva, El Bosque, Las Jubias, El Pasaje, La Moura, El Birloque, La Cabana, Eirís de Abajo, La Sardiñeira», que deberán axustarse ao Decreto 189/2003, do 6 de febreiro, polo que se aproba o nomenclátor das entidades de poboación da provincia da Coruña.

II.9. Análise do Plan xeral en relación ao Plan de ordenación do litoral.

O PXOM do Concello da Coruña deberá adaptarse ao previsto no Plan de ordenación do litoral atendendo ás seguintes consideracións:

– Co sinalamento das áreas do POL, considérase correctamente regulados os usos da zona da ladeira norte do Monte dos Castelos (Nostián), clasificado como solo rústico de protección de infraestruturas e forestal entre dúas proteccións paisaxísticas.

– Cara á coherencia dos usos admisibles no PXOM e no POL, debe superpoñerse o réxime da especial protección paisaxística no Monte de San Pedro e na península da Torre de Hércules, abranguendo os ámbitos de interese paisaxístico do POL incluídos no solo rústico.

– Incorporarase ás fichas dos desenvolvementos urbanísticos a necesidade de observar as normas recollidas no artigo 61 da normativa do POL que estean relacionadas coas características de cada ámbito, que resultan de aplicación independentemente da área na que se atopen. Así mesmo, indicarase a necesidade de ter en conta a cartografía dos usos e elementos para a valoración do POL, co obxecto de integrar os que sexan de especial interese nas ordenacións que se propoñan nos instrumentos de desenvolvemento.

– Na ficha do sector SUD-1 (O Portiño) debe facerse constar que o ámbito incluído no espazo de interese paisaxístico do Monte de San Pedro (entre a «Estrada dos Fortes» e a costa) dedicarase ao sistema xeral ou local de espazos libres, debendo recibir un tratamento axeitado como parte do espazo de interese ao que pertence. Nesta mesma ficha recolleranse as condicións para o desenvolvemento deste ámbito que se sinalan no anexo V (Graos de compatibilidade) do POL, onde figura co grao 2 (compatible).

II.10. Cumprimento do informe da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

Non se cumpren as seguintes condicións establecidas no devandito informe:

– Na memoria xustificativa debe eliminarse o punto sobre desprotección de elementos catalogados polo Plan especial do porto.

– En todos os planos de ordenación, nas diferentes escalas, deberán identificarse e grafarse os bens integrantes do inventario do patrimonio arqueolóxico.

II.11. Análise do plan para efectos do cumprimento da normativa de Costas.

– O artigo 3.4.14. «Condicións dos usos nos solos rústicos de protección das costas» remite ao réxime do solo do artigo 38 da LOUG e ás maiores limitacións establecidas polo Plan do litoral de Galicia. Deberá entenderse engadido o réxime derivado da Lei de costas e do seu regulamento, no ámbito que lle é propio.

– Canto ao punto 6 do artigo 4.4.1 que establece unha normativa transitoria nos SX de portos competencia da Comunidade Autónoma en canto non se aprobe o plan especial, de acordo cos artigos 59, 75 e 81 do TR da Lei de portos, tanto as obras de superestrutura e instalacións que realicen as autoridades portuarias como as concesións demaniais e autorizacións que outorguen deberán axustarse ao Plan especial da zona de servizo do porto, ou no seu defecto, á delimitación de usos e espazos portuarios. O artigo 56 establece o plan especial como figura de ordenación urbanística da zona de servizo do porto.

– No artigo 4.4.3. corrixirase a distancia xenérica da servidume de protección, establecéndoa a 100 m desde o límite interior da ribeira do mar. Establecela a 200 m só sería posible en virtude de acordo expreso entre as administracións estatal, autonómica e local, de conformidade co artigo 23.2 da LC.

– Na serie de planos de solo rústico (O4, planos 007 e 008) existen ámbitos nos primeiros 200 m desde o límite interior da ribeira do mar que deben combinar a categoría de solo rústico de infraestruturas coa de solo rústico de costas (artigo 32.2.e) da LOUG.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral correspóndelle ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, de conformidade co disposto nos artigos 89 e 93.4 da LOUG, e no artigo 1 do Decreto 44/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da CMATI.

III. Resolución.

En consecuencia, e visto o que antecede,

RESOLVO:

1. Outorgar a aprobación definitiva ao Plan xeral de ordenación municipal do Concello da Coruña, de acordo co establecido no artigo 85.7.a) da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e de protección do medio rural de Galicia, condicionado á introdución das modificacións contidas no punto II desta orde.

2. Cómpre achegar un documento refundido que introduza eses cambios.

3. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas do PXOM aprobado definitivamente.

4. Notifíquese esta orde ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

5. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

A Coruña, 25 de febreiro de 2013

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas