Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 56 Mércores, 20 de marzo de 2013 Páx. 8424

III. Outras disposicións

Consellería de Facenda

RESOLUCIÓN do 12 de marzo de 2013, da Dirección Xeral da Función Pública, pola que se ditan instrucións sobre o réxime de vacacións, permisos e licenzas.

A Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto básico do empregado público, regula no artigo 48 os permisos dos funcionarios públicos e no artigo 49 os permisos por motivos de conciliación da vida persoal, familiar e laboral e por razón de violencia de xénero. Así mesmo, o artigo 50 regula as vacacións.

O Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei da función pública de Galicia, regula esta materia nos seus artigos 74, 75 e 76.

O persoal funcionario ten atribuída a xestión dos intereses xerais que lle sexan encomendados polo que os permisos e as licenzas establecidas polo ordenamento xurídico pretenden facilitar a conciliación dos seus dereitos como traballadoras e traballadores naqueles supostos en que a súa concesión poida alterar a boa e correcta marcha do correspondente servizo público. Debe terse en conta que o artigo 52 da Lei 7/2007, do 12 de abril, do Estatuto básico do empregado público, establece dentro dos deberes dos funcionarios públicos o de dedicación ao servizo público.

Co fin de unificar os criterios de actuación dos distintos órganos da Administración da Comunidade Autónoma competentes para a concesión de vacacións, permisos e licenzas ao persoal dependente deles, estímase necesario ditar unhas instrucións que faciliten a súa aplicación práctica particularmente nalgún dos supostos previstos na normativa reguladora desta materia, garantindo o dereito recollido no artigo 14.m) da Lei 7/2007, do 12 de abril.

De acordo co exposto, esta dirección xeral, no uso das facultades conferidas polo Decreto 307/2009, do 28 de maio, e a Orde da Consellería de Facenda do 4 de maio de 2009, co informe favorable da Comisión de Persoal do 12 de marzo de 2013,

RESOLVE:

Primeira. Ámbito de aplicación

Estas instrucións son de aplicación ao persoal funcionario que presta os seus servizos na Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e nas entidades do sector público autonómico dependentes, sen prexuízo das peculiaridades que estableza outra normativa específica.

Non se aplica ao persoal docente, ao persoal da Administración de xustiza e ao persoal que preste servizos nas institucións sanitarias do Sistema público de saúde de Galicia, que se rexerán nesta materia polas súas normas específicas.

Segunda. Definicións

Para os efectos do disposto en materia de permisos e licenzas, enténdese por:

a) Familiar de primeiro grao por consanguinidade e afinidade e familiar de segundo grao por consaguinidade ou afinidade o que se reflicte no seguinte cadro:

Graos

Titular/cónxuxe ou parella de feito

Nai/Pai

Sogra/Sogro

Filla/Fillo

Nora/Xenro

Avoa/Avó

Irmá/Irmán

Cuñada/Cuñado

Neta/Neto

Enténdese asimilado ao fillo ou á filla o menor en acollemento preadoptivo, acollemento familiar permanente ou acollemento familiar simple de duración superior a un ano. Así mesmo, enténdese asimilado a familiar de primeiro grao o cónxuxe ou parella de feito.

b) Parella de feito: é a que respecto da persoa de referencia mantén unha relación que pode acreditar a través da inscrición nun rexistro público oficial de parellas de feito.

c) Requirir especial dedicación: supón que é preciso que o suxeito reciba tratamento, atención, coidados ou asistencia continuada por terceiras persoas debido a problemas de saúde, entendida esta última como benestar físico, psíquico e social.

d) Convivencia: relación baseada na cohabitación no mesmo domicilio.

e) Ter ao seu cargo: relación de dependencia que non implica convivencia.

f) Coidado directo: relación de dependencia que implica convivencia.

g) Enfermidade moi grave: considérase como tal aquela que con tal carácter determine o facultativo no correspondente informe médico.

h) Enfermidade grave: considérase como tal a hospitalización por máis dun día ou intervención cirúrxica sen hospitalización que requira repouso domiciliario para o seu restablecemento ou curación ou cando así o determine o informe médico. Non obstante, o parto natural ou por cesárea non se considera como unha situación asimilada á enfermidade grave, a non ser que o parto sufra dificultades excepcionais que xustifiquen o tratamento de enfermidade grave.

Terceira. Servizo activo

O desfrute de vacacións, permisos e licenzas non altera a situación de servizo activo sendo de aplicación o réxime de incompatibilidades previsto na correspondente normativa.

Cuarta. Solicitudes

Para a tramitación das solicitudes das vacacións, permisos e licenzas, utilizaranse preferentemente os medios telemáticos que á disposición dos empregados públicos figuran na web da Dirección Xeral da Función Pública a través do Portax no enderezo: http://portax.xunta.es. Así mesmo, deberán acreditarse estes permisos de acordo coa documentación mínima exixida relacionada no anexo desta resolución.

Quinta. Vacacións anuais

1. As vacacións anuais retribuídas do persoal terán unha duración de vinte e dous días hábiles por ano completo de servizos, ou dos días que correspondan proporcionalmente ao tempo de servizos efectivos. Para estes efectos non se considerarán como días hábiles os sábados, sen prexuízo das adaptacións que se establezan para os horarios especiais.

2. As vacacións desfrutaranse, con autorización previa, e sempre que resulte compatible coas necesidades do servizo, dentro do ano natural e ata o 15 de xaneiro do ano seguinte, en períodos mínimos de cinco días hábiles consecutivos. Polo menos, a metade das vacacións (11 días hábiles) deberán ser desfrutadas preferentemente entre os días 1 de xuño e 30 de setembro.

Sen prexuízo do anterior, e sempre que as necesidades do servizo o permitan, dos días de vacacións previstos no número 1, poderase solicitar o desfrute independente de ata seis días hábiles por ano natural, que poderán acumularse aos tres días de asuntos persoais.

3. Para os efectos de determinar o período computable para o cálculo das vacacións anuais, as ausencias do traballo por motivos independentes da vontade do empregado público, tales como enfermidade, accidente ou maternidade, así como aqueloutras derivadas do desfrute de licenzas a que se refire o artigo 74 do Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei da función pública de Galicia, agás a licenza por asuntos propios, e os permisos recollidos nos artigos 75 e 76 do mesmo texto legal, computarán como servizos efectivos e, se o tempo de servizos prestados fose inferior ao ano natural, desfrutaranse, de ser o caso, un número de días proporcionais ao tempo traballado, arredondándose á alza (+0,5) a favor do persoal solicitante.

4. No caso de que o período de vacacións coincida co permiso por parto, adopción ou acollemento, paternidade ou por razón de violencia de xénero previsto no número 4 do artigo 76 do Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, a persoa interesada terá dereito á fixación dun período alternativo.

5. O persoal funcionario que se atope na situación de incapacidade temporal con anterioridade ao comezo das vacacións, poderá desfrutar as ditas vacacións mesmo máis alá do 15 de xaneiro do ano seguinte, sempre que a situación de baixa non permita o seu desfrute con anterioridade ao remate do ano natural. En todo caso as vacacións terán que desfrutarse a partir da situación de alta dentro do ano natural seguinte, sempre que non transcorresen máis de dezaoito meses a partir do final do ano en que se orixinase a dita situación.

Se durante o desfrute do período de vacacións, sobrevén unha situación de incapacidade temporal, o período de vacacións quedará interrompido e poderá desfrutarse o tempo que reste nun período distinto nas mesmas condicións previstas no punto anterior.

6. Recoñécese o dereito á elección do período de vacacións a favor das mulleres xestantes e a preferencia de elección de mulleres e homes con fillas ou fillos menores de doce anos ou persoas maiores dependentes ao seu coidado directo. Para estes efectos, a dependencia ten que estar recoñecida pola consellería competente en materia de benestar ou, se é o caso, órgano equivalente doutras administracións públicas. No caso de que haxa varios beneficiarios con preferencia de elección, elixirá o de máis antigüidade na Administración.

7. Os permisos de maternidade, paternidade e lactación poderanse acumular ao período de vacacións, mesmo despois do remate do ano natural a que aquelas correspondan.

8. Cando se prevexa o peche das instalacións debido á inactividade estacional de determinados servizos públicos, os período de desfrute das vacacións coincidirán na franxa temporal de peche.

9. Cando se produza o cesamento do persoal interino antes de completar o ano de servizo e non puidese desfrutar das vacacións por necesidades do servizo terá dereito ao aboamento da parte proporcional das súas vacacións, a non ser que a causa do cesamento veña motivada pola adquisición da condición de funcionario/a de carreira ou persoal laboral desta Administracións. Neste caso, computaranse os servizos prestados como persoal interino para efectos do cómputo do período de vacacións.

Sexta. Permiso por falecemento, accidente ou enfermidade grave dun familiar (artigo 76.1.a) do Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo)

1. Os días en que se faga uso deste permiso deberán ser en todo caso inmediatamente posteriores ao feito causante, e computarase o día do falecemento, accidente ou enfermidade cando o funcionario ou funcionaria non preste servizos ese día, e lle correspondería prestalos. Así mesmo, estes días deberán ser consecutivos no caso de falecemento, e poderán desfrutarse de forma descontinua no caso de enfermidade ou accidente mentres persista o feito causante e ata o máximo de días establecido.

2. Para os efectos do desfrute deste permiso, considéranse días hábiles os sábados e tomarase como referencia para o cómputo dos prazos na mesma ou en distinta localidade o lugar de residencia habitual do funcionario.

3. Se durante o desfrute do permiso por accidente ou enfermidade grave do familiar, sobrevén o falecemento deste, suspenderase o permiso que se viña disfrutando e iniciarase o cómputo dun novo permiso.

Sétima. Permiso por traslado de domicilio (artigo 76.1.b) do Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo)

O permiso entenderase referido ao día en que se produza o efectivo traslado de domicilio na localidade de residencia, e cando teña unha duración superior a un día natural, desfrutarase con carácter ininterrompido, e deberá acreditarse documentalmente o traslado, con posterioridade.

Oitava. Permiso para concorrer a exames finais e demais probas definitivas de aptitude (artigo 76.1.d) do Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo)

1. Para os efectos deste permiso enténdese por «exames finais ou outras probas definitivas de aptitude» aquelas tendentes á obtención dun título académico ou profesional, así como as probas selectivas no ámbito do emprego público. Non están incluídos exames ou probas de aptitude doutro carácter, como os que se realicen para obter permisos de condución de vehículos ou similares.

2. No suposto de que os exames e demais probas definitivas de aptitude teñan lugar dentro da xornada laboral o permiso concederase durante o día da súa realización, no caso de que se celebren en distinta localidade onde o persoal funcionario preste os seus servizos. Se é na mesma localidade, este permiso deberá concederse polo tempo indispensable para concorrer ao exame ou ás demais probas, entendendo que a expresión «tempo indispensable» será as horas da xornada laboral necesarias para esta finalidade.

3. No caso de que o exame e as demais probas a que se refire o precepto se celebren en distinta localidade onde o persoal funcionario presta os seus servizos e fóra da xornada laboral non procede o outorgamento deste permiso, agás o tempo indispensable para o desprazamento.

Novena. Permiso por lactación (artigo 76.1 e) do Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo)

1. No caso de que o desfrute deste permiso sexa por acumulación en xornadas completas, o persoal funcionario poderá desfrutar de catro semanas ininterrompidas ou ben acollerse a cento cincuenta horas como crédito horario, podéndose aproveitar, en ambos os casos, en calquera momento, despois do desfrute do permiso de maternidade, e ata que a filla ou fillo acade os doce meses.

2. O persoal funcionario interino tamén poderá desfrutar deste permiso nas mesmas condicións que o persoal funcionario de carreira sempre que se prevexa que o seu nomeamento se vai estender no tempo ata os doce meses do fillo. No caso de non cumprirse esta circunstancia poderá acollerse a este permiso soamente na modalidade prevista no número 1 do artigo 76.1.e) do Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo.

Décima. Permiso de asistencia ao médico (artigo 76.1.m) do Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo)

1. O persoal funcionario ten dereito a ausentarse do traballo para a realización de revisións médicas polo tempo indispensable, nos casos en que a consulta se deba realizar durante a xornada laboral e sempre que se atope incluída na carteira de servizos do sistema sanitario público.

2. O persoal funcionario ten dereito a ausentarse para acompañar ás revisións médicas as fillas e os fillos e as persoas maiores ao seu cargo polo tempo necesario, con aviso previo presentando a solicitude de permiso, en que se sinalará a hora prevista da consulta.

No caso de se solicitar o permiso para acompañar nas revisións médicas as fillas e fillos maiores de idade, deberase acreditar que existen limitacións que lles impidan asistir sós.

Así mesmo, para estes efectos considéranse persoas maiores a cargo do persoal funcionario os familiares de primeiro grao que, pola súa idade ou estado de saúde, non se poidan valer por si mesmos para acudir a consulta. Tamén terán esta consideración os familiares de segundo grao con enfermidades moi graves que necesitan seguimento médico estrito e que non se poden valer por si mesmos para ir á consulta, no caso de que estean a cargo da persoa funcionaria e non teñan familiares de 1º grao ou que estes sexan maiores e non poidan atendelos.

Décimo primeira. Permisos para o cumprimento de deberes inescusables e por deberes de conciliación da vida familiar e laboral (artigo 76.2 do Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo)

1. O deber inescusable debe ser personalísimo, sen posibilidade de execución por medio de representante ou substituto, e en todo caso deberá xustificarse debidamente a imposibilidade de cumprimento deste deber fóra da xornada laboral.

2. Considéranse deberes relacionados coa conciliación da vida familiar e laboral o exercicio de actividades inescusables vinculadas directamente ao ámbito familiar do titular do dereito. En todo caso, será requisito indispensable que se xustifique unha situación de dependencia directa respecto do titular do dereito e que se trate dunha situación non protexida polos restantes permisos.

3. A duración deste permiso deberá ser polo tempo mínimo indispensable para o cumprimento do deber.

4. Para os efectos deste permiso enténdese por deber inescusable de carácter público ou persoal:

a) Comparecencia obrigatoria por citacións instadas por órganos xudiciais, comisarías ou calquera outro organismo oficial.

b) Cumprimento de deberes cidadáns derivados dun proceso electoral.

c) Asistencia a reunións dos órganos de goberno e comisións dependentes destes cando deriven estritamente do cargo electivo de concelleira ou concelleiro, así como de deputada ou deputado, ou senadora ou senador.

d) Asistencia como membro ás sesións dun tribunal de selección ou provisión, con nomeamento da autoridade competente.

e) Obrigas cuxo incumprimento xeren ao interesado unha responsabilidade de orde civil, penal ou administrativa.

Décimo segunda. Permiso para asuntos persoais (artigo 76.3 do Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo)

1. Ao longo do ano, o persoal funcionario terá dereito a desfrutar de ata tres días por asuntos persoais.

A concesión deste permiso queda condicionada ás necesidades do servizo, e tales días non se poden acumular aos períodos de vacacións anuais. Sen prexuízo do anterior, os días por asuntos persoais poderán acumularse aos días de vacacións que se poden desfrutar de forma independente (6 días hábiles).

2. O persoal poderá distribuír os ditos días ao longo do ano, e terase en conta que a súa ausencia non provoque unha especial dificultade no normal desenvolvemento do traballo, respectando sempre as necesidades do servizo. Cando por estas razóns non sexa posible desfrutar destes días antes de finalizar o mes de decembro, poderán concederse ata o 31 de xaneiro do ano seguinte.

3. Os días de asuntos persoais corresponderán por ano natural de prestación de servizos efectivos. Nos casos de ter desfrutado de licenza sen retribución ou cando o tempo de servizos prestados fose inferior ao ano natural, desfrutaranse un número de días proporcionais ao tempo traballado, arredondándose á alza (+0,5) a favor do persoal solicitante.

4. Os días 24 e 31 de decembro permanecerán pechadas as oficinas públicas, agás os servizos de Rexistro Xeral e Información. Cando os días 24 e 31 de decembro coincidan en sábado, domingo ou día non laborable, terase dereito a dous días adicionais de asuntos persoais. Así mesmo, o persoal que traballe os días 24 e 31 de decembro poderá desfrutar de dous días adicionais de asuntos persoais.

5. Incorporarase un día adicional de asuntos persoais por cada unha das festividades laborais de ámbito nacional de carácter retribuído, non recuperable e non substituíble pola Comunidade Autónoma, cando coincidan con sábado no dito ano.

Décimo terceira. Permiso por razón de violencia de xénero sobre a muller funcionaria (artigo 76.4.d) do Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo)

As faltas de asistencia das funcionarias vítimas da violencia de xénero, totais ou parciais, terán a consideración de xustificadas polo tempo e nas condicións en que así o determinen os servizos sociais de atención ou de saúde da Administración pública estatal, autonómica ou local, segundo proceda, a través do correspondente informe que deberá presentarse nos tres días inmediatos ao feito causante.

Décimo cuarta. Licenza por matrimonio (artigo 74.1 Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo)

1. Terá unha duración de quince días naturais ininterrompidos, con plenitude de dereitos económicos, e deberá gozarse en datas que comprendan o día do feito causante ou inmediatamente despois. Esta licenza poderá acumularse ao período vacacional anual. No caso de celebración de matrimonio en sede civil e/ou relixiosa, separada no tempo, esta licenza só se desfrutará unha soa vez.

2. Esta licenza tamén se concederá no caso de parellas de feito, inscritas no Rexistro de Parellas de Feito de Galicia ou doutra comunidade autónoma. Os conviventes que desfruten desta licenza e que con posterioridade contraian matrimonio, non terán dereito a desfrutar dunha nova licenza por esta causa.

Décimo quinto. Licenza por asuntos propios (artigo 74.3 Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo)

Por asuntos propios poderanse conceder licenzas sen retribución dunha duración acumulada que non poderá exceder os tres meses cada dous anos, de acordo cos seguintes criterios:

– A concesión desta licenza está subordinada ás necesidades do servizo e terá a duración que solicite o persoal funcionario. Non obstante, a incorporación ao centro de traballo producirase, en todo caso, nun día laborable de prestación de servizos.

– O tempo de duración desta licenza terá a consideración de servizos prestados unicamente para efectos de antigüidade e consolidación de grao persoal.

– A Administración, mentres dure esta licenza sen retribución manterá o persoal en alta especial no réxime de seguridade social que sexa de aplicación.

– O persoal funcionario de novo ingreso só poderá solicitar esta licenza unha vez transcorridos dous anos desde o seu nomeamento. O persoal funcionario interino non poderá desfrutar desta licenza dada a natureza da súa condición.

– O prazo para o cómputo dos dous anos para o desfrute dunha nova licenza por asuntos propios debe comezar a computarse no momento en que remate o desfrute da licenza anterior.

Unha vez esgotados os tres meses de duración máxima do permiso, debe transcorrer un mínimo de dous anos para poder volver solicitalo.

Décimo sexto. Licenza por estudos (artigo 74.3 Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo)

1. Poderase conceder esta licenza para a realización de estudos sobre materias directamente relacionadas coa Administración pública, logo do informe favorable da persoa xerarquicamente superior e percibiranse as retribucións básicas e mais o complemento familiar.

2. Esta licenza pode concederse igualmente ao persoal funcionario en prácticas que xa estivese prestando servizos remunerados na Administración como persoal funcionario de carreira, durante o tempo que se prolongue o curso selectivo ou o período de prácticas, percibindo as retribucións que para os funcionarios en prácticas estableza a normativa vixente.

Décimo sétimo. Permiso por coidado de filla ou fillo menor afectado por cancro ou outra enfermidade grave (artigo 49 e) da Lei 7/2007, do 12 de abril)

1. O persoal funcionario terá dereito, sempre que ambos os dous proxenitores, adoptantes ou acolledores de carácter preadoptivo ou permanente traballen, a unha redución da xornada de traballo de polo menos a metade da duración daquela, percibindo as retribucións íntegras con cargo aos orzamentos do órgano ou entidade onde veña prestando os seus servizos, para o coidado, durante a hospitalización e tratamento continuado, do fillo menor de idade afectado por cancro ou por calquera outra enfermidade grave que implique un ingreso hospitalario de longa duración e requira a necesidade do seu coidado directo, continuo e permanente acreditado polo informe dun facultativo do Servizo Galego de Saúde ou, se é o caso, da entidade sanitaria concertada correspondente e, como máximo, ata que o menor cumpra os 18 anos.

Cando concorren en ambos os dous proxenitores, adoptantes ou acolledores de carácter preadoptivo ou permanente, polo mesmo suxeito e feito causante, as circunstancias necesarias para ter dereito a este permiso ou, de ser o caso, poidan ter a condición de beneficiarios da prestación establecida para este fin no réxime da Seguridade Social que lles sexa de aplicación, o funcionario terá dereito á percepción das retribucións íntegras durante o tempo que dure a redución da súa xornada de traballo, sempre que o outro proxenitor, adoptante ou acolledor de carácter preadoptivo ou permanente, sen prexuízo do dereito á redución de xornada que lle corresponda, non cobre as súas retribucións íntegras en virtude deste permiso ou como beneficiario da prestación establecida para este fin no réxime da Seguridade Social que lle sexa de aplicación. No caso contrario, só se terá dereito á redución de xornada, coa conseguinte redución de retribucións. Para tal efecto, o funcionario que solicite este permiso deberá acreditar que o outro proxenitor non percibe as retribucións ou a prestación económica por coidado de menores afectados por cancro ou outra enfermidade grave.

Así mesmo, no suposto de que ambos os dous presten servizos no mesmo órgano ou entidade, esta poderá limitar o seu exercicio simultáneo por razóns fundadas no correcto funcionamento do servizo.

2. Para a aplicación deste permiso, a listaxe de enfermidades graves será a establecida no Real decreto 1148/2011, do 29 de xullo, para a aplicación e desenvolvemento, no sistema da Seguridade Social, da prestación económica por coidado de menores afectados por cancro ou outra enfermidade grave, sen prexuízo do establecido na súa disposición derradeira terceira.

3. O cancro ou enfermidade grave que padeza o menor deberá implicar un ingreso hospitalario de longa duración que requira o seu coidado directo, continuo e permanente, durante a hospitalización e tratamento continuado da enfermidade. Considerarase, así mesmo, como ingreso hospitalario de longa duración a continuación do tratamento médico ou o coidado do menor en domicilio tras o diagnóstico e hospitalización pola enfermidade grave.

A acreditación de que o menor padece un cancro así como a necesidade de coidado directo, continuo e permanente do menor durante o tempo de hospitalización e tratamento continuado da enfermidade efectuarase, mesmo naqueles casos en que a atención e diagnóstico do cancro ou enfermidade grave se leve a cabo por servizos médicos privados, mediante declaración cuberta polo facultativo do Servizo Galego de Saúde responsable da atención do menor. Cando o diagnóstico e tratamento do cancro ou enfermidade grave do menor se realice a través dos servizos médicos privados exixirase que a declaración sexa cuberta ademais polo médico do centro responsable da atención do menor.

Cando exista recaída do menor polo cancro ou a mesma enfermidade grave non será necesario que exista un novo ingreso hospitalario, aínda que na recaída da enfermidade deberá acreditarse a necesidade, tras o diagnóstico e hospitalización, da continuación do tratamento médico así como do coidado directo, continuado e permanente do menor polo proxenitor, adoptante ou acolledor, mediante unha nova declaración médica de acordo co previsto no punto 1.

4. Este permiso concederase por un período inicial dun ano, prorrogable por períodos de seis meses cando subsista a necesidade do coidado directo, continuo e permanente do menor, que se acreditará mediante declaración do facultativo do Servizo Galego de Saúde responsable da asistencia médica do menor, e como máximo, ata que este cumpra os 18 anos.

5. O permiso suspenderase nas situacións de incapacidade temporal, durante os períodos de descanso por maternidade e paternidade e nos supostos de risco durante o embarazo e, en xeral, cando concorra calquera causa de suspensión da relación funcionarial do solicitante.

6. O permiso extinguirase polas seguintes circunstancias: 

a) Polo cesamento na redución de xornada, calquera que sexa a súa causa.

b) Por non existir a necesidade do coidado directo, continuo e permanente do menor debido á melloría do estado de saúde ou á alta médica por curación.

c) Polo cesamento do outro proxenitor na súa actividade laboral.

d) Por cumprir o menor os 18 anos de idade.

7. Así mesmo, o funcionario ao cal se lle conceda este permiso ten a obriga de comunicar calquera circunstancia que implique a suspensión ou extinción do dereito ao permiso, e o órgano competente en materia de persoal poderá levar a cabo as actuacións necesarias para comprobar que segue cumprindo os requisitos exixidos para a concesión do permiso.

Décimo oitava. Redución de xornada por interese particular (artigo 5 da Lei 1/2012, do 29 de febreiro)

Os empregados públicos poderán solicitar voluntariamente a redución de xornada por interese particular, coa correspondente redución proporcional de retribucións. A redución será como mínimo dunha hora e como máximo de dúas horas e trinta minutos diarios.

Na solicitude deberá, en todo caso, concretarse a exacta franxa horaria sobre a que operaría a dita diminución.

Só de forma excepcional se poderá conceder unha distribución diaria irregular da redución de xornada solicitada ou mesmo a súa acumulación en xornadas de traballo completas. A xustificación da necesidade desta distribución ou acumulación corresponde ao solicitante.

A concesión da redución de xornada por interese particular estará sempre subordinada ás necesidades do servizo, e terá unha duración mínima de tres meses e máxima dun ano, renovable, por pedimento da persoa interesada cunha antelación mínima dun mes á data de finalización. Por necesidades de xestión do servizo público afectado, os órganos competentes en materia de persoal, de oficio, poderán acordar a revogación ou suspensión da redución de xornada, garantindo o dereito do interesado a formular alegacións nun prazo máximo de dez días hábiles desde a comunicación da proposta de revogación ou suspensión.

A concesión da redución de xornada por interese particular queda automaticamente sen efecto en caso de cambio de posto.

Santiago de Compostela, 12 de marzo de 2013

José María Barreiro Díaz
Director xeral da Función Pública

ANEXO
Relación de documentación mínima exixida para a concesión dos permisos,
sen prexuízo da achega doutra documentación requirida e considerada necesaria polos órganos competentes para acreditar o feito causante

1. Permiso por falecemento, accidente ou enfermidade grave ou moi grave dun familiar:

– Documento xustificativo do falecemento ou do accidente ou enfermidade grave ou moi grave do familiar.

– O grao de parentesco e a relación familiar acreditarase co libro ou libros de familia, ou documento que o substitúa, certificación do Rexistro Civil, ou ben coa inscrición en calquera rexistro público que acredite o feito causante.

– Nos supostos de accidente ou de enfermidade moi grave, a situación de convivencia, de ser o caso, debe ser acreditada mediante certificado de empadroamento ou outro documento expedido polo concello de residencia.

2. Permiso por traslado de domicilio: documento acreditativo de cambio efectivo de domicilio.

3. Permiso para concorrer a exames finais e demais probas de aptitude: documento acreditativo da asistencia á proba de aptitude, ao exame final ou á proba de acceso ou ingreso na función pública, no cal conste lugar, data, hora do exame e centro de realización das devanditas probas.

4. Permiso de lactación: de forma simultánea á solicitude do permiso a funcionaria ou funcionario deberá acreditar documentalmente a data de nacemento do fillo mediante a presentación da fotocopia do libro de familia, ou inscrición do nacemento no Rexistro Civil, ademais deberase xustificar documentalmente que o outro proxenitor non desfruta pola súa vez do citado permiso.

5. Permiso por nacemento de fillas/os que deban permanecer hospitalizadas/os despois do parto:

– Fotocopia da partida de nacemento da/o filla/o que xera o dereito ao permiso.

– Documento que acredite a hospitalización da/o filla/o que xere o dereito ao permiso ou da súa condición de prematura/o.

6. Permiso para a realización de exames prenatais ou de técnicas de preparación ao parto:

– Documento xustificativo da realización de exames prenatais e das técnicas de preparación ao parto dentro da xornada laboral, e documento de asistencia.

7. Permiso para tratamentos de fecundación asistida:

– Documento xustificativo da realización de tratamentos de fecundación asistida dentro da xornada laboral.

8. Permiso de asistencia ao médico: documento xustificativo do centro sanitario acreditativa da presenza neste dentro da xornada laboral.

9. Permiso por deber inescusable público ou persoal: orixinal ou copia compulsada da citación ou convocatoria do órgano xudicial, órgano administrativo, órgano de goberno ou calquera outro órgano oficial de que se trate, ou das comisións dependentes deles. Se é o caso, documento acreditativo de ter a condición de elixible no proceso electoral ou de formar parte dunha mesa electoral.

10. Permiso por razón de violencia de xénero: acreditarase mediante calquera das fórmulas sinaladas no artigo 5 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.

11. Permiso por parto: certificado médico oficial, certificado do nacemento do Rexistro Civil ou presentación do libro de familia, que acredite a data en que se produciu o nacemento. Se o inicio do permiso se produce antes do parto, xunto coa solicitude correspondente presentarase o documento xustificativo de atoparse no período de dez semanas anteriores ao parto.

12. Permiso por adopción ou por acollida preadoptiva, permanente ou simple:

– Resolución administrativa ou xudicial da adopción ou da acollida, na cal conste, se é o caso, o carácter internacional da adopción ou da acollida.

– No caso de que o permiso se amplíe por discapacidade da/o nena/o adoptada/o ou acollida/o: documento médico acreditativo da devandita discapacidade.

– Se a adopción é internacional, xunto coa solicitude presentarase documentación oficial acreditativa da tramitación da devandita adopción, co obxecto de autorizar o inicio do permiso con anterioridade á data en que esta se produza. Posteriormente, deberá presentarse a correspondente resolución xudicial de adopción.

13. Permiso por paternidade: libro de familia, ou inscrición do nacemento no Rexistro Civil ou certificación da inscrición no Rexistro.

14. Licenza por matrimonio: fotocopia compulsada do libro de familia ou da inscrición rexistral correspondente.

15. Licenza por enfermidade: parte médico de baixa.

16. Licenza por estudos sobre materias directamente relacionadas coa Administración: documento acreditativo do lugar e datas de realización e de estar admitido para a realización dos cursos.

17. Redución de xornada por razóns de garda legal: documento legal acreditativo desta, así como, se é o caso, da idade, discapacidade ou especial dedicación que requira a persoa en cuestión.

18. Permiso por coidado de filla ou fillo menor afectado por cancro ou outra enfermidade grave: informe médico do menor tal e como se indica na instrución, libro de familia ou inscrición do nacemento no Rexistro Civil ou certificación da inscrición no Rexistro, de ser o caso, documentación acreditativa do acollemento ou adopción, vida laboral do outro proxenitor que acredite a súa condición de asalariado, certificado que acredite que o outro proxenitor do menor non cobra as súas retribucións íntegras en virtude deste permiso ou como beneficiario da prestación establecida para este fin no réxime da Seguridade Social que lle sexa de aplicación.