Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 56 Mércores, 20 de marzo de 2013 Páx. 8439

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

DECRETO 47/2013, do 7 de marzo, polo que se aproba o cambio de titularidade dun treito da estrada autonómica OU-131 a prol do Concello da Bola.

A teor do previsto no artigo 5 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas incluídas nas redes dependentes da Comunidade Autónoma deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada lei de estradas dispón, no artigo 54, que as estradas autonómicas ou provinciais ou os seus treitos determinados en que a circulación adquira características urbanas entregaránselles aos respectivos concellos. O expediente promoverase por proposta do concello ou da Administración titular da estrada e será resolto polo Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas, logo de informe de ambos os organismos.

O Concello da Bola solicitoulle á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas o cambio de titularidade do treito da estrada autonómica OU-131, no núcleo de Rairigo, desde o p.q. 6+500 ata o p.q. 7+730.

Ao abeiro das previsións legais, a Área de Planificación e Programación da Axencia Galega de Infraestruturas emite informe favorable sobre o cambio de titularidade do seguinte treito:

Treito da OU-131, no núcleo rural de Rairigo, desde o p.q. 6+500 ata o p.q. 7+730.

Polo exposto, consonte o previsto na Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, tras o acordo entre as administracións afectadas, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día sete de marzo de dous mil trece,

DISPOÑO:

Artigo 1

Apróbase o cambio de titularidade a prol do Concello da Bola do treito da estrada autonómica OU-131, no núcleo de Rairigo, desde o p.q. 6+500 ata o p.q. 7+730.

Artigo 2

En aplicación do artigo 4 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, as entidades locais, no marco das súas competencias e de acordo cos correspondentes plans de estradas, aprobarán a relación de estradas da súa titularidade. De acordo co exposto, o Concello da Bola deberá incorporar ao seu Plan de estradas a vía a que se refire este decreto.

Artigo 3

A entrega da vía formalizarase no prazo dos dous meses seguintes á publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia, mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Artigo 4

Correspóndenlle ao Concello da Bola, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación da vía; así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova Administración titular da estrada.

Disposición derradeira

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, sete de marzo de dous mil trece

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas