Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 59 Luns, 25 de marzo de 2013 Páx. 8850

I. Disposicións xerais

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 15 de marzo de 2013 pola que se modifica a Orde do 25 de xuño de 2007, pola que se regulan o acceso e a admisión ás ensinanzas profesionais de Artes Plásticas e Deseño.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, no seu artigo 52, establece os requisitos de acceso ás ensinanzas profesionais de Artes Plásticas e Deseño, e determina que as administracións educativas regularán as ditas probas.

O Real decreto 596/2007, do 4 de maio, polo que se establece a ordenación xeral das ensinanzas profesionais de Artes Plásticas e Deseño, recolle, no seu capítulo V sobre acceso e admisión, os requisitos de acceso, as exencións da proba específica, así como o acceso sen requisitos académicos e a validez das probas de acceso. Igualmente, no seu artigo 18, dispón que as administracións educativas poderán establecer unha porcentaxe de prazas de reserva para quen acceda ás ensinanzas profesionais de Artes Plásticas e Deseño nos supostos recollidos nos artigos 15 e 16 da mesma norma.

Consonte o anterior, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publicou a Orde do 25 de xuño de 2007 pola que se regulan o acceso e a admisión ás ensinanzas profesionais de Artes Plásticas e Deseño, que dispón, no seu artigo 6, a distribución da oferta de prazas que se deberá aplicar para a súa asignación nas diferentes quendas, nas cales non se inclúen as persoas con discapacidade nin os deportistas de alto nivel e rendemento.

Non obstante, as ensinanzas profesionais de Artes Plásticas e Deseño son ensinanzas postobrigatorias cunha estrutura análoga ás da formación profesional; neste sentido, a LOE, no seu artigo 75.2, dispón que as administracións educativas establecerán unha reserva de prazas nas ensinanzas de formación profesional para o alumnado con discapacidade.

A Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, no seu artigo 36 sobre beneficios dos deportistas de alto nivel, establece, no seu punto 1.d), a reserva dunha cota adicional de prazas para o acceso aos estudos universitarios ou non universitarios, sempre que reúnan os requisitos académicos necesarios.

Por outra banda, o Real decreto 971/2007, do 13 de xullo, sobre deportistas de alto nivel e rendemento, no seu artigo 9.4, establece que nos ciclos de grao medio e superior de ensinanzas artísticas, as administracións educativas establecerán unha reserva mínima do cinco por cento das prazas ofertadas para os deportistas que acrediten a condición de deportista de alto nivel ou de alto rendemento que cumpran os requisitos académicos correspondentes e superen a proba específica.

Tendo en conta todo o anterior, parece conveniente modificar a Orde do 25 de xuño de 2007, pola que se regulan o acceso e a admisión ás ensinanzas profesionais de Artes Plásticas e Deseño co obxecto de incluír unha reserva de prazas específica para estes colectivos, así como de axilizar o funcionamento das correspondentes comisións de avaliación.

Así pois, en virtude do exposto e no uso das funcións que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ten atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo único

Modifícanse os artigos 6 e 7 da Orde do 25 de xuño de 2007, pola que se regulan o acceso e a admisión ás ensinanzas profesionais de Artes Plásticas e Deseño, que quedan redactados como segue:

Artigo 6. Distribución e prelación na oferta de prazas

6.1. En cada escola de arte e superior de deseño ofertaranse as prazas dispoñibles para cada ciclo formativo das ensinanzas profesionais de Artes Plásticas e Deseño, e teranse en conta as seguintes reservas e prelacións.

6.2. Distribución da oferta de prazas nos ciclos formativos de grao medio.

a) Para os aspirantes ao acceso aos ciclos de grao medio das ensinanzas profesionais de Artes Plásticas e Deseño exentos da realización da proba específica de acceso, reservaranse un mínimo do 50 % das prazas dispoñibles en cada ciclo formativo. A prelación para a asignación de prazas será a establecida pola mellor cualificación media do expediente académico do título alegado polo/a aspirante para o acceso. No caso de haber máis aspirantes que prazas ofertadas, terán preferencia os aspirantes que teñan alegado para o acceso as seguintes condicións ou titulacións, e nesta mesma orde:

1º. Título de graduado en educación secundaria obrigatoria, ou declarado equivalente, e acredite experiencia laboral de, polo menos un ano, relacionada directamente coas competencias profesionais do ciclo formativo de grao medio ao que se pretende acceder.

2º. Ter superados os cursos comúns de artes aplicadas e oficios artísticos dos planes de estudos establecidos polo Decreto 2127/1963, do 24 de xullo, os establecidos con carácter experimental ao abeiro do Real decreto 799/1984, do 28 de marzo, sobre regulación de experiencias artísticas, así como polo Real decreto 942/1986, do 9 de maio, polo que se establecen normas xerais para a realización de experimentacións educativas en centros docentes.

3º. Título de bacharel na modalidade de Artes ou de bacharel Artístico Experimental.

4º. Título de técnico ou técnico superior de Artes Plásticas e Deseño dunha familia profesional relacionada coas ensinanzas que se desexan cursar, ou título declarado equivalente.

5º. Título superior de Artes Plásticas, título superior de Deseño, título superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais nas súas diferentes especialidades, ou títulos declarados equivalentes.

6º. Título de licenciado/a en Belas Artes, título de Arquitectura ou título de Enxeñaría Técnica en Deseño Industrial.

b) Para os aspirantes ao acceso aos ciclos de grao medio das ensinanzas profesionais de Artes Plásticas e Deseño mediante a superación da proba específica de acceso, reservaranse un mínimo do 35 % do total de prazas dispoñibles en cada ciclo formativo. A prelación no acceso será a establecida pola mellor cualificación obtida polo/a aspirante na proba específica de acceso, ou pola mellor media aritmética entre as cualificacións obtidas polo/a aspirante na parte xeral e na parte específica, no caso de aspirantes que deban superar a proba de acceso establecida para quen non posúa os requisitos de titulación para o acceso aos ciclos formativos de grao medio de Artes Plásticas e Deseño.

c) Para aspirantes ao acceso aos ciclos de grao medio das ensinanzas profesionais de Artes Plásticas e Deseño mediante a superación da proba específica de acceso, coa condición de deportista de alto nivel e rendemento, reservarase un mínimo do 5 % do total das prazas dispoñibles en cada ciclo formativo, de tal xeito que cando o número total de prazas ofertadas sexa menor ou igual a 20, se reserva unha praza, e cando o número total de prazas ofertadas sexa de 21 a 30, se reservarán dúas prazas.

d) Para aspirantes ao acceso aos ciclos de grao medio das ensinanzas profesionais de Artes Plásticas e Deseño mediante a superación da proba específica de acceso, cunha minusvalidez de polo menos o 33 %, reservarase un mínimo do 5 % do total das prazas dispoñibles en cada ciclo formativo, de tal xeito que cando o número total de prazas ofertadas sexa menor ou igual a 20, se reservará unha praza, e cando o número total de prazas ofertadas sexa de 21 a 30, se reservarán dúas prazas.

e) As prazas non cubertas en calquera das reservas establecidas acumularanse á reserva establecida na letra c). As prazas non cubertas na reserva establecida na letra c), acumularanse á reserva establecida na letra a).

6.3. Distribución da oferta de prazas nos ciclos formativos de grao superior.

a) Para os aspirantes ao acceso aos ciclos de grao superior das ensinanzas profesionais de Artes Plásticas e Deseño exentos da realización da proba específica de acceso, reservaranse un mínimo do 50 % das prazas dispoñibles en cada ciclo formativo. A prelación para a asignación de prazas será a establecida pola mellor cualificación media do expediente académico do título alegado polo/a aspirante para o acceso. No caso de haber máis aspirantes que prazas ofertadas, terán preferencia os aspirantes que alegasen para o acceso ás seguintes titulacións ou condicións, e nesta mesma orde:

1º. Título de bacharel na modalidade de Artes ou de bacharel Artístico Experimental.

2º. Título de bacharel en calquera modalidade e acredite experiencia laboral de polo menos un ano, relacionada directamente coas competencias profesionais do ciclo formativo de grao superior a que pretende acceder.

3º. Título de técnico superior de Artes Plásticas e Deseño dunha familia profesional relacionada coas ensinanzas que se desexan cursar, ou declarado equivalente.

4º. Título superior de Artes Plásticas, título superior de Deseño nas súas diferentes especialidades, título superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais nas súas diferentes especialidades, ou títulos declarados equivalentes.

5º. Título de licenciado/a en Belas Artes, título de Arquitectura ou título de Enxeñaría Técnica en Deseño Industrial.

b) Para os aspirantes ao acceso aos ciclos de grao superior das ensinanzas profesionais de Artes Plásticas e Deseño mediante a superación da proba específica de acceso, reservaranse un mínimo do 35 % do total de prazas dispoñibles en cada ciclo formativo. A prelación para o acceso mediante a superación da proba específica, será a establecida pola mellor cualificación obtida polo/a aspirante na proba específica de acceso, ou pola mellor media aritmética entre as cualificacións obtidas polo/a aspirante na parte xeral e na parte específica, no caso de aspirantes que deban superar a proba de acceso establecida para quen non posúa os requisitos de titulación para o acceso aos ciclos formativos de grao superior de Artes Plásticas e Deseño.

c) Para aspirantes ao acceso aos ciclos de grao superior das ensinanzas profesionais de Artes Plásticas e Deseño mediante a superación da proba específica de acceso, coa condición de deportista de alto nivel e rendemento, reservarase un mínimo do 5 % do total das prazas dispoñibles en cada ciclo formativo, de tal xeito que cando o número total de prazas ofertadas sexa menor ou igual a 20, se reservará unha praza, e cando o número total de prazas ofertadas sexa de 21 a 30, se reservarán dúas prazas.

d) Para aspirantes ao acceso aos ciclos de grao superior das ensinanzas profesionais de Artes Plásticas e Deseño mediante a superación da proba específica de acceso, cunha minusvalidez de polo menos o 33 %, reservarase un mínimo do 5 % do total das prazas dispoñibles en cada ciclo formativo, de tal xeito que cando o número total de prazas ofertadas sexa menor ou igual a 20, se reservará unha praza, e cando o número total de prazas ofertadas sexa de 21 a 30, se reservarán dúas prazas.

e) As prazas non cubertas en calquera das reservas establecidas acumularanse á reserva establecida na letra c). As prazas non cubertas na reserva establecida na letra c), acumularanse á reserva establecida na letra a).

Artigo 7. Comisións avaliadoras

1. Para a resolución das exencións previstas no procedemento de acceso e admisión, así como para a organización, desenvolvemento, avaliación e cualificación das diferentes probas de acceso aos ciclos formativos de grao medio e superior de Artes Plásticas e Deseño, a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa nomeará as comisións de avaliación que se consideren necesarias, en función das características das probas e o número de aspirantes ao acceso inscritos nelas.

2. As comisións de avaliación estarán integradas por persoal dos corpos de profesores/as ou mestres/as de taller de Artes Plásticas e Deseño con destino nas escolas de arte e superiores de deseño de Galicia.

3. En cada comisión de avaliación nomearase un/ha presidente/a e catro vogais titulares e, así mesmo, nomearase un/ha presidente/a e catro vogais suplentes.

4. En caso de ausencia xustificada de calquera membro da comisión titular, será substituído/a polo membro da comisión de avaliación suplente que lle corresponda.

Disposición derradeira primeira. Autorización para o desenvolvemento do establecido nesta orde

Autorízase a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para adoptar as medidas necesarias para a aplicación e o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor desta orde

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de marzo de 2013

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria