Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 62 Luns, 1 de abril de 2013 Páx. 9386

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 14 de febreiro de 2013 pola que se ditan normas para a aplicación do réxime de concertos educativos con centros docentes privados para o curso académico 2013/14 e seguintes, e se realiza a convocatoria.

Ao finalizar o curso 2012 remata o período de catro anos de duración dos concertos educativos subscritos pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria cos centros docentes privados, aprobados pola Orde do 26 de agosto do 2009 (DOG do 31 de agosto), polo que é preciso ditar unhas novas normas e realizar unha convocatoria de subscrición para os vindeiros catro cursos escolares.

A normativa reguladora dos concertos educativos está contida na Lei orgánica 8/1985, do 3 de xullo, reguladora do dereito á educación, na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación; no Real decreto 2377/1985, do 18 de decembro, polo que se aproba o Regulamento de normas básicas sobre concertos educativos, e nesta orde.

O devandito Real decreto 2377/1985, do 18 de decembro, establece as normas e o procedemento para realizar a subscrición dos concertos, así como para a súa renovación e modificación de oficio ou por instancia de parte; procedemento ao que tamén lle é de aplicación a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e a normativa de desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia.

Por canto antecede, de conformidade co previsto no artigo 7 Real decreto 2377/1985, do 18 de decembro, e no artigo 3 do Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, que establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, por proposta da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos,

DISPOÑO:

Capítulo I
Normas xerais

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación

A presente orde ten por obxecto establecer as normas relativas á subscrición, renovación e modificación dos concertos educativos cos centros docentes privados da Comunidade Autónoma de Galicia, e a súa convocatoria a partir do curso académico 2013/14 e ata o curso 2016/17, ambos incluídos.

Artigo 2. Destinatarios

Os centros docentes privados da Comunidade Autónoma de Galicia para as ensinanzas do 2º ciclo de educación infantil, educación primaria, educación secundaria obrigatoria, educación especial, programas de cualificación profesional inicial e ciclos formativos de graos medio e superior.

Artigo 3. Requisitos para a subscrición, renovación ou modificación

1. a) Todas as unidades deberán estar autorizadas previamente á solicitude do concerto de acordo coa normativa vixente.

b) Os centros docentes privados terán que levar máis de cinco anos funcionando desde a data da súa autorización definitiva, a non ser que manifestasen a súa vontade de acollerse a este réxime no momento de solicitar a autorización.

c) Non obstante, poderá solicitarse concerto para unidades que, durante o mes de xaneiro, se atopen en trámite de autorización. Neste suposto, a concesión do concerto educativo para as ditas unidades estará condicionada á efectiva obtención da autorización antes do inicio do curso académico.

2. No segundo ciclo de educación infantil e nos niveis de ensino obrigatorio, os centros privados concertados non poderán ter en funcionamento ningunha unidade máis que as concertadas, sen prexuízo do previsto no artigo 17 e na disposición adicional segunda do Real decreto 2377/1985, do 18 de decembro, polo que se aproba o Regulamento de normas básicas sobre concertos educativos.

3. No caso de solicitar subscrición do concerto educativo para impartir programas de cualificación profesional inicial (PCPI) os centros requiriran estar impartindo educación secundaria obrigatoria e/ou formación profesional.

4. Os centros docentes privados que soliciten o concerto terán que estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias, da Seguridade Social e da Comunidade Autónoma.

Artigo 4. Duración do concerto

1. Os concertos que se subscriban ao abeiro desta orde terán unha duración máxima de 4 cursos académicos, a partir do curso académico 2013/14 incluído.

Non obstante, os que se subscriban ou modifiquen no curso 2014/15 e seguintes rematarán ao final do curso 2016/17, sen prexuízo da súa posible modificación dentro do período de vixencia desta convocatoria.

2. Se se denegase a renovación dun concerto educativo, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria podería acordar coa titularidade do centro a renovación do concerto por un só ano.

Capítulo II
Acceso ao réxime de concertos

Sección 1ª. Normas da convocatoria

Artigo 5. Convocatoria e prazo de solicitude

O procedemento para acollerse ao réxime de concertos educativos ou para modificar os subscritos con anterioridade iniciarase por instancia da titularidade dos centros docentes privados que presentarán unha solicitude dirixida á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no mes de xaneiro anterior ao inicio do ano académico para o que se solicita.

Artigo 6. Solicitudes

1. Lugar de presentación:

As solicitudes presentaranse conforme os modelos que se xuntan como anexos a esta orde, por calquera dos seguintes medios:

a) De acordo co establecido no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, e na Orde do 15 de setembro de 2011, as persoas interesadas poderán presentar electronicamente as solicitudes na sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo: https://sede.xunta.es.

A documentación complementaria poderá presentarse de igual forma, utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Para o caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante e carecerán do carácter de copia auténtica. A Administración, en calquera momento da tramitación do procedemento, poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do citado Decreto 198/2010. Neste caso, os solicitantes deberán anexar, ademais, unha declaración responsable de que os documentos escaneados son orixinais e auténticos, segundo o modelo que figura no anexo III. A achega de tales copias implica a autorización á Administración para que acceda e trate a información persoal contida nos correspondentes documentos (anexo III).

b) Así mesmo, os interesados tamén poderán presentar as solicitudes de forma presencial por calquera das formas previstas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

As solicitudes subscribiranas as persoas que figuren no Rexistro de Centros da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria como titulares dos centros docentes. No suposto de que a titularidade corresponda a unha persoa xurídica, a solicitude deberá ser asinada por quen teña a súa representación, que xuntará a documentación que a acredite suficientemente nos termos do artigo 32 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, agás que esta estea xa na Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Neste caso deberase indicar a data e o procedemento relacionado cos concertos educativos a que se presentou.

2. Modelos de solicitude:

a) Para a subscrición do concerto das ensinanzas do 2º ciclo de educación infantil, educación primaria, educación secundaria obrigatoria, educación especial, programas de cualificación profesional inicial, modalidade A, e para os ciclos formativos de graos medio e superior presentarase a solicitude conforme o modelo do anexo I desta orde.

Para solicitar a modificación do concerto educativo presentarase o modelo do anexo II desta orde.

3. Documentación complementaria:

Unha memoria explicativa en que se fará constar a seguinte información:

1. Para todos os centros:

a) Nivel educativo para o que se formula a solicitude, con expresión do número de unidades autorizadas e en funcionamento. Se se trata de unidades de formación profesional especificaranse os ciclos formativos e/ou os programas de cualificación profesional inicial. Se se trata dun centro que imparte educación secundaria ao cal estea adscrito algún centro de educación primaria, ou dun centro de educación primaria ao cal estea adscrito algún centro de educación infantil, farase constar tal circunstancia.

b) Alumnado matriculado no momento da solicitude, indicando a súa distribución por curso e unidade. No caso de ensinanzas de formación profesional indicarase a súa distribución nas distintas unidades dos ciclos formativos e/ou dos programas de cualificación profesional inicial. Así mesmo, en educación especial, indicarase a distribución do alumnado segundo as súas especiais características.

c) Calquera outro aspecto que o solicitante considere pertinente.

2. Os centros que soliciten o acceso ao réxime de concertos por primeira vez engadirán, ademais da documentación sinalada no punto precedente, a seguinte documentación:

a) Condicións socioeconómicas da poboación escolar atendida polo centro.

b) Experiencias pedagóxicas que se realicen no centro e interese delas para a calidade do ensino e para o sistema educativo.

3. No caso de cooperativas, presentarán declaración xurada da persoa titular da súa presidencia de que os seus estatutos non conteñen cláusulas que impidan o cumprimento das obrigas propias dos centros acollidos ao réxime de concertos educativos, segundo o modelo que figura no anexo III. Se os estatutos sufrisen algunha modificación desde a última sinatura do concerto, engadirase unha copia á declaración.

4. Autorización ao órgano xestor.

A presentación da solicitude polas persoas ou entidades interesadas comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que teñan que emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, de acordo co previsto no artigo 20 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (anexo III).

Artigo 7. Criterios para a concesión do concerto

En virtude do disposto no artigo 116 da LOE poderán renovar ou subscribir o concerto educativo aqueles centros privados que satisfagan necesidades de escolarización. Entre os centros que cumpran este requisito, terán preferencia para acollerse ao réxime de concertos aqueles que atendan poboacións escolares de condicións económicas desfavorables ou os que realicen experiencias de interese pedagóxico para o sistema educativo. En todo caso, serán obxecto de atención preferente e prioritaria os centros que, cumprindo os criterios anteriormente sinalados, estean constituídos e funcionen en réxime de cooperativa, así como os que desenvolvan o principio de coeducación en todas as etapas educativas, sen prexuízo do disposto nos convenios internacionais subscritos por España e en virtude da disposición adicional vixésimo quinta da LOE.

Sección 2ª. Comisións provinciais de valoración

Artigo 8. Constitución e composición da comisión

1. Para o estudo das solicitudes presentadas, na xefatura territorial desta consellería constituirase a comisión provincial de valoración de concertos educativos, de conformidade co artigo 23 do Real decreto 2377/1985, do 18 de decembro.

2. A comisións terán a seguinte composición:

Presidencia: a persoa titular da xefatura territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ou persoa en quen delegue.

Vogais:

– Tres funcionarias ou funcionarios da xefatura territorial correspondente designadas/os pola xefatura territorial. Un/unha deles/as actuará como secretario/a con voz e sen voto.

– Unha persoa representante dos concellos en que teña maior incidencia o ensino concertado, designada pola Fegamp.

– Dúas profesoras ou profesores do ensino privado concertado designadas/os polas organizacións sindicais máis representativas do sector.

– Dúas persoas designadas polas federacións de nais e pais do alumnado máis representativas no ensino privado concertado.

– Dúas persoas representantes de centros docentes privados concertados designadas polas organizacións de titulares máis representativas no ámbito provincial.

– Un/unha técnico/a nomeado/a pola Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa no caso das solicitudes de concerto educativo en formación profesional.

Artigo 9. Estudo das solicitudes e proposta da comisión

1. A xefatura territorial, unha vez recibidas as solicitudes, verificará que a titularidade dos centros achega a documentación exixida e solicitará informe á Inspección educativa. As solicitudes serán examinadas pola comisión provincial.

2. A comisión avaliará a documentación recibida e formulará as correspondentes propostas nos termos previstos no artigo 23 do Real decreto 2377/1985, do 18 de decembro.

3. A xefatura territorial, ao longo do mes de febreiro seguinte ao da presentación, remitirá á Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos as solicitudes dos centros, acompañadas do informe da inspección educativa e as propostas das comisión provinciais de concertos educativos, que deberán ser motivadas.

Artigo 10. Informe da Inspección educativa

O informe da Inspección educativa, vinculado ao curso académico en que se presenta a solicitude, referirase aos seguintes aspectos:

a) Avaliación do déficit ou superávit de postos escolares e relación de alumnado/unidade nos centros de titularidade pública da localidade ou, se é o caso, da zona de escolarización do centro solicitante de concerto, co fin de determinar se o centro cobre as necesidades de escolarización tal como se prevé no artigo 116 da LOE. Cando o informe se refira ás solicitudes de concertos para ensinanzas de formación profesional, a citada avaliación non se limitará á localidade ou á zona de escolarización, senón que, segundo o caso, poderá relacionarse cun ámbito xeográfico maior.

b) Avaliación do déficit ou superávit de postos escolares e relación de alumnado/unidade no centro solicitante do concerto.

c) Valoración das experiencias pedagóxicas realizadas no centro, se as houber (só para os que o solicitan por primeira vez).

d) Características socioeconómicas da zona educativa do centro que solicita o concerto (só para os que o solicitan por primeira vez).

e) No caso das solicitudes relacionadas con concertos educativos en ensinanzas de formación profesional, o informe da Inspección educativa incluirá unha análise das necesidades de escolarización realmente satisfeitas polo centro nos últimos catro anos. Para este informe a Inspección educativa poderá contar co asesoramento dun/ha técnico/a da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

Sección 3ª. Resolución e formalización do concerto

Artigo 11. Proposta de resolución provisional

1. Recibidas as solicitudes segundo o establecido no artigo 9 desta Orde, na Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, á vista da programación xeral da ensinanza e das dispoñibilidades orzamentarias, elaborarase proposta de resolución provisional que se comunicará aos centros afectados, con indicación das unidades e niveis que correspondan e, se é o caso, co motivo de denegación.

2. Contra a dita resolución provisional, os interesados poderán formular as alegacións que consideren oportunas nun prazo de dez días naturais.

3. Unha vez valoradas as alegacións presentadas, a Dirección Xeral de Centros se Recursos Humanos elevará a proposta definitiva de resolución á persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, na cal se incluirán a todos os centros docentes presentados á convocatoria.

Artigo 12. Resolución definitiva

A resolución definitiva producirase no prazo máximo de 5 meses a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia, mediante orde desta consellería. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia, e nela deberá constar o número de unidades, con indicación do nivel educativo, que son obxecto de concerto, así como as solicitudes denegadas.

No suposto de que non se ditase resolución expresa dentro do prazo máximo previsto de 5 meses, o sentido do silencio será negativo, conforme o disposto no artigo 23 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Contra a resolución definitiva a persoa interesada poderá interpoñer recurso potestativo de reposición ante esta consellería, ou recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Artigo 13. Formalización do concerto

Os concertos educativos formalizaranse en documento administrativo axustado ao modelo, aprobado por esta orde, que se incorpora como anexo IV, no que se farán constar os dereitos e obrigas recíprocos, así como as características concretas do centro e demais requisitos derivados da Lei orgánica 8/1985, do 3 de xullo, reguladora do dereito á educación, da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, e demais normas de desenvolvemento.

Artigo 14. Obrigas do centro concertado

1. A titularidade do centro queda obrigada a ter en funcionamento o número total de unidades escolares correspondentes aos niveis ou graos de ensino obxecto do concerto e a ter unha relación media de alumnado/unidade escolar non inferior á que determine a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria tendo en conta a existente para os centros públicos da bisbarra, concello, ou, se é o caso, distrito en que estea situado o centro. Isto sen prexuízo do previsto no artigo 17 e na disposición adicional segunda do Real decreto 2377/1985, do 18 de decembro.

2. Así mesmo, a titularidade do centro queda obrigada ao cumprimento do establecido na normativa vixente sobre escolarización e admisión do alumnado.

3. A titularidade do centro, en caso de inexistencia de alumnado nas unidades concertadas, está obrigada a comunicalo a esta consellería no prazo de 15 días naturais contados a partir da data de finalización da matrícula.

4. Os centros que subscriban concerto educativo quedarán obrigados a colaborar coa consellería en todos aqueles programas dirixidos ou que teñan relación cos centros concertados.

5. Os centros acollidos ao réxime de concertos educativos deberán facer constar na súa denominación, na súa documentación e en toda información ou publicidade que realicen a súa condición de centro concertado coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

CAPÍTULO III
Modificacións dos concertos durante o seu período de vixencia

Artigo 15. Procedemento de modificación

1. Por instancia de parte:

a) Procederá a modificación do concerto por instancia de parte nos casos previstos no artigo 46 do Real decreto 2377/1985, do 18 de decembro.

b) As solicitudes de modificación, a partir do curso 2013/14, presentaranse, conforme o modelo que se xunta como anexo II, no prazo establecido no artigo 5 e a través dos medios sinalados no artigo 6 desta orde.

c) Os centros presentarán a solicitude acompañada dunha certificación actualizada do alumnado matriculado.

2. De oficio:

a) A Administración educativa, de acordo co previsto no artigo 46 do Real decreto 2377/1985, do 18 de decembro, poderá modificar de oficio o número de unidades concertadas dun determinado centro.

Procederá reducir o número de unidades no caso de que a proporción de alumnado/unidade escolar permita concentrar grupos que tivesen pouco alumnado ou cando a relación media por unidade escolar sexa inferior ao determinado pola Administración educativa para cada tipo de ensinanzas.

b) Para proceder de oficio á redución de unidades, a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, logo do informe da Inspección educativa, dará audiencia ao interesado comunicándolle as alteracións que considera necesarias para o curso seguinte co fin de que, no prazo de 10 días naturais, faga as alegacións que considere oportunas.

Avaliadas as alegacións presentadas, a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos elevará proposta ao titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, que resolverá definitivamente. Esta resolución esgotará a vía administrativa e poderá ser obxecto do recurso potestativo de reposición, ou ben ser impugnada directamente ante a Xurisdición do Contencioso-Administrativo.

Artigo 16. Formalización da modificación

1. A alteración do número de unidades concertadas dará lugar á modificación do correspondente concerto educativo subscrito polo centro afectado.

2. A subscrición das modificacións efectuarase mediante addenda ao documento de formalización do concerto educativo.

CAPÍTULO IV
Orzamentos

Artigo 17. Partidas orzamentarias

1. Educación infantil. Estes concertos educativos tramitaranse con cargo á aplicación orzamentaria 09.60.422A.482.0, por unha contía total máxima de 12.925.129,33 € para o período setembro-decembro do ano 2013, de 36.519.908,79 € para cada unha das anualidades de 2014, 2015 e 2016, e de 23.594.779,46 € para o período xaneiro-agosto de 2017.

2. Educación primaria e/ou educación secundaria obrigatoria. Estes concertos educativos tramitaranse con cargo á aplicación orzamentaria 09.60.422A.482.1, por unha contía total máxima de 62.438.210,16 € para o período setembro-decembro do ano 2013, de 176.067.393,92 € para cada unha das anualidades de 2014, 2015 e 2016, e de 113.629.183,76 € para o período xaneiro-agosto de 2017.

3. Educación especial. Estes concertos educativos tramitaranse con cargo á aplicación orzamentaria 09.60.422D.482.0, por unha contía total máxima de 3.751.206,05 € para o período setembro-decembro do ano 2013, de 10.570.598,04 € para cada unha das anualidades de 2014, 2015 e 2016, e de 6.819.391,99 € para o período xaneiro-agosto de 2017.

4. Ciclos formativos de grao medio, ciclos formativos de grao superior e/ou programas de cualificación profesional inicial. Estes concertos educativos tramitaranse con cargo á aplicación orzamentaria 09.60.422M.482.1, por unha contía total máxima de 4.408.396,05 € para o período setembro-decembro do ano 2013, de 12.303.550,68 € para cada unha das anualidades de 2014, 2015 e 2016, e de 7.895.154,63 € para o período xaneiro-agosto de 2017.

5. Os posibles incrementos de unidades concertadas quedarán condicionados á existencia de autorización, á comprobación de que as novas unidades satisfagan necesidades de escolarización e ás dispoñibilidades orzamentarias.

Disposición transitoria única. Solicitude para o curso 2013/14

Para o ano académico 2013-2014, as solicitudes a que se refire o artigo 5 presentaranse no prazo de un mes desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derrogatoria única

Queda derrogada a Orde do 9 de xaneiro de 2009 (DOG núm. 14, do 21 de xaneiro) que ditou as normas para a aplicación, a partir do curso académico 2009-/10, do réxime de concertos educativos, así como todas aquelas normas de igual ou inferior rango que se opoñan ao disposto nesta orde.

Disposición derradeira primeira

Queda facultada a Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos para adoptar todos os actos e medidas necesarios para a execución desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Contra esta orde poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria no prazo de un mes desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia ou, directamente, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses desde a mesma data.

Santiago de Compostela, 14 de febreiro de 2013

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO IV

En Santiago de Compostela, ...

Dunha parte,

..., conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Doutra,

Dª/D. ..., na súa condición de titular/representante legal do centro cuxos datos se sinalan a seguir:

Denominación: ...

Código: ...

Enderezo: ...

Localidade: ...

Concello: ...

Provincia: ...

De conformidade co disposto nos artigos 3.2 e 25 do Regulamento de normas básicas sobre concertos educativos, aprobado polo Real decreto 2377/1985, do 18 de decembro (en diante, o Regulamento), e de acordo coa Orde ...

ACORDAN:

Subscribir o concerto educativo, conforme as seguintes cláusulas:

Primeira. O presente concerto educativo ten por obxecto o sustentamento do centro privado con fondos públicos para a prestación do servizo público da educación nos termos previstos na Lei orgánica 8/1985, do 3 de xullo, reguladora do dereito á educación, e na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

O centro asume as obrigas establecidas nas devanditas leis orgánicas, no Regulamento, na Orde do..., pola que se ditan normas para a aplicación do réxime de concertos educativos a partir do curso académico 2013/14, e demais normativa de aplicación.

Segunda. De acordo co establecido na Orde ... (DOG do ...) pola que se resolve a concesión dos concertos educativos, o presente concerto terá a seguinte extensión e duración:

(Indicarase o nivel ou niveis educativos, número de unidades e período polo que se concerta. No caso de formación profesional especificarase a familia profesional ou ciclo formativo, e no de educación especial expresarase a modalidade).

Terceira. A Administración está obrigada á asignación de fondos públicos para o sustentamento do centro concertado nos termos sinalados nos artigos 116 da LOE e 12 e 13 do Regulamento.

A Administración educativa satisfaralle ao persoal docente os salarios correspondentes, como pagamento delegado e en nome da entidade titular do centro, sen que estes signifiquen relación laboral ningunha entre a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e o referido persoal.

Cuarta. A titularidade do centro está obrigada a impartir as ensinanzas obxecto deste concerto gratuitamente, sen percibir ningún concepto que, directa ou indirectamente, supoña unha contrapartida económica pola súa impartición, de acordo cos correspondentes deseños curriculares base e plans de estudo e con suxeición ás normas de ordenación académica en vigor.

Quinta. A titularidade está obrigada, así mesmo, a que as actividades escolares complementarias, as actividades extraescolares e os servizos complementarios que, se é o caso, se realicen no centro, se adecuen ao disposto no artigo 51 da Lei orgánica reguladora do dereito á educación, e no Decreto 444/1996, do 13 de decembro, polo que se regulan as actividades escolares complementarias, as actividades extraescolares e os servizos complementarios dos centros privados en réxime de concerto.

Sexta. A titularidade obrígase ao cumprimento das normas de admisión de alumnado que se establecen no artigo 84 da Lei orgánica de educación, no Decreto 254/2012, do 13 de decembro, polo que se regula a admisión do alumnado en centros docentes sostidos con fondos públicos que imparten as ensinanzas reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, e demais normativa de desenvolvemento.

Sétima. A titularidade obrígase a manter e, se é o caso, constituír os órganos de goberno a que se refire o artigo 54 da Lei orgánica reguladora do dereito á educación, o artigo 26 do Regulamento e a Orde do 28 de agosto de 1996 pola que se regula o procedemento de elección dos órganos de goberno dos centros privados concertados.

Oitava. A provisión de vacantes do persoal docente que se produzan no centro concertado realizarase conforme o disposto no artigo 60 da Lei orgánica reguladora do dereito á educación e no artigo 26.3 do Regulamento.

Novena. Independentemente do número de unidades autorizadas, o centro unicamente terá en funcionamento, en niveis de ensino obrigatorio, o número de unidades concertadas; non obstante, isto non lle será de aplicación se o centro está a acceder de xeito progresivo ao réxime de concertos.

Décima. O centro deberá facer constar na súa denominación, na súa documentación e na súa publicidade a súa condición de centro concertado.

Igualmente, a titularidade deberá poñer en coñecemento dos membros da comunidade escolar e, se é o caso, das autoridades competentes o carácter propio do centro, no suposto de que o tivese.

Décimo primeira. Para a execución do concerto, a titularidade adoptará as seguintes medidas:

1. Para efectos do aboamento das cantidades correspondentes a salarios facilitaralle á Administración educativa a relación do persoal docente en pagamento delegado, coas súas retribucións, as liquidacións das cotizacións á Seguridade Social, mediante a formalización e remisión dos documentos oficiais de cotización correspondentes, así como os partes de alta, baixa ou alteración.

2. As altas e baixas do persoal docente no réxime da Seguridade Social xestionarase a titularidade do centro na súa condición de empregador na relación laboral. As devanditas circunstancias deberán ser acreditadas por esta ante a Administración educativa.

3. As responsabilidades que puidesen derivar do incumprimento das obrigas de altas, baixas e liquidación de cotizacións, serán por conta da titularidade do centro.

4. Para o pagamento delegado relacionarase o profesorado correspondente ás unidades concertadas sen que, en ningún caso, o custo de cada unidade poida exceder os módulos económicos de distribución de fondos públicos para o sostemento de centros concertados.

5. Así mesmo, a relación de perceptores en pagamento delegado incluirá as circunstancias que concorren en cada profesora ou profesor para efectos de determinar o soldo, a antigüidade, a cotización á Seguridade Social e outras posibles variantes.

6. Todas as actividades do profesorado do centro concertado, tanto lectivas coma non lectivas, retribuídas pola Administración en pagamento delegado prestaranse no nivel de ensino obxecto deste concerto.

7. As cantidades aboadas durante o ano pola Administración, en concepto de «outros gastos», xustificaranse ao longo do mes de xaneiro do ano seguinte mediante a presentación pola titularidade da certificación do acordo do Consello Escolar aprobatorio das contas.

8. Para a xustificación das cantidades aboadas en concepto de «persoal complementario» achegaranse os orixinais ou copias compulsadas das nóminas, TC2 da Seguridade Social e a acreditación do seu pagamento.

9. Estas cantidades xustificaranse, no mesmo prazo, separadamente das do concepto «outros gastos».

Décimo segunda. Para a renovación, prórroga e/ou modificación deste concerto observarase o disposto no título V do Regulamento e na Orde ....

Décimo terceira. Serán causas de extinción deste concerto as sinaladas no título VI do Regulamento.

Décimo cuarta. As incidencias ou cuestións litixiosas que xurdan durante o tempo de aplicación deste concerto serán resoltas pola persoa titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ou órgano en que delegue.

Para que conste, na data e lugar antes indicados, asinan este documento por triplicado,

Polo centro privado Pola Consellería de Cultura, Educación
e Ordenación Universitaria