Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 63 Martes, 2 de abril de 2013 Páx. 9707

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 14 de febreiro de 2013, da Xefatura Territorial da Coruña, de autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución e declaración de utilidade pública, en concreto, dunha instalación eléctrica no concello de Mazaricos (expediente IN407A 104/2012).

Visto o expediente para o outorgamento da autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución e declaración de utilidade pública, en concreto, das instalacións que a continuación se detallan:

Solicitante: Electra del Xallas, S.A. (na actualidade, por absorción Unión Fenosa Distribución, S.A.)

Domicilio: avenida de Arteixo, 171, 15007 A Coruña.

Denominación: LMT, CT e RBT Vilariño de Chacín.

Situación: Mazaricos.

Características técnicas:

– Liña eléctrica de media tensión aérea, a 20 kV, cunha lonxitude de 1.185 m, con orixe no apoio nº 97-4 da LMT aérea ao CT Chacín, condutor tipo LA 56/54,6 mm2, e final no CTI Vilariño de Chacín proxectado.

– Centro de transformación intemperie, cunha potencia de 100 kVA e unha relación de transformación de 20.000/400-230 V.

– Liña de baixa tensión aérea de CTI Vilariño de Chacín, cunha lonxitude de 485 m, con orixe no CTI proxectado, condutor tipo RZ e apoios de formigón.

Resultan os seguintes feitos:

Primeiro. Por Resolución desta xefatura territorial do 5 de xullo de 2012, someteuse a solicitude ao trámite de información pública establecido no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, mediante a publicación no DOG nº 150, do 7 de agosto de 2012, no BOP nº 137, do 19 de xullo, e no xornal La Voz de Galicia do 12 de xullo. Tamén foi exposto no taboleiro de anuncios do Concello de Mazaricos desde o día 10.7.2012 ata o 3.8.2012. Do mesmo xeito, procedeuse á notificación individual aos propietarios dos bens e dereitos afectados.

Segundo. De acordo co establecido no artigo 127 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, deuse traslado ás distintas administracións, organismos ou, de ser o caso, empresas de servizo público ou de servizo de interese xeral dunha separata do proxecto na parte que a instalación puidese afectar a bens e dereitos ao seu cargo, incluíndo as características da instalación e a documentación cartográfica correspondente.

Remitíronse as separatas aos seguintes organismos: Deputación Provincial, Augas de Galicia e Dirección Xeral de Patrimonio a través do Concello de Mazaricos. Durante o prazo establecido regulamentariamente só se recibiu contestación de Augas de Galicia, que remitiu un informe favorable, con independencia de establecer a necesidade de que a empresa solicitante solicite a preceptiva autorización de cruzamento.

Terceiro. Durante o período de información pública presentáronse as seguintes alegacións:

a) Francisco Martínez Noya, propietario do predio identificado co número 17, expón que na solicitude de utilidade pública que recibiu non figura o cultivo do predio, polo que solicita que se reformule sobre o terreo a superficie afectada polo voo da liña e o punto de apoio antes da declaración de utilidade pública e que o apoio o coloquen no punto de enfronte (achega plano), así a servidume discorrería pegada ao camiño, co que o dano sería menor e para a empresa só sería necesario mover un apoio uns metros, xa que o trazado proposto imposibilita calquera actividade no predio.

b) Manuela Martínez Noya, propietaria do predio identificado co número 16, expón que na solicitude de utilidade pública que recibiu non figuran os metros de muro afectados, polo que solicita que se reformule sobre o terreo a superficie afectada polo voo da liña e o punto de apoio antes da declaración de utilidade pública.

c) Manuel Jesús Noya Romero, propietario do predio identificado co número 45, expón que o predio afectado pertence á comunidade hereditaria de Estrella Romero González, formada por el e polas súas irmás, e que é un piñeiral en que existen árbores con máis de sesenta anos de vida, madeireiras e de extraordinario valor forestal. O voo de liña que propón a empresa solicitante é de 24 m lineais e afecta 385 m². Á vista do plano que se achega á comunicación, observa, salvo erro, que no predio afectado non se prevé a instalación de poste ou de varios apoios para a sustentación, nin instalación ningunha. Tampouco se necesita a imposición de dereito de paso para labores de vixilancia, conservación ou de reparación, que poden realizarse desde outros terreos afectados, sitos nas proximidades. Con base nisto, expón que non existe problema en que o trazado da liña se sitúe, máis ben ao norte, máis ben ao sur, seguindo a liña do lindeiro cos predios estremeiros, de xeito que os terreos se afecten en menor extensión e superficie. Continúa expoñendo que a empresa solicitante non xustifica o por que do trazado e a imposibilidade de situar o voo e a lonxitude afectada en correspondencia cos lindeiros, polo que se amosa en desacordo coa declaración de utilidade pública. Por último, expón que a empresa solicitante non se puxo en contacto con el nin coas súas irmás coa finalidade de facerlles saber as súas pretensións, polo que eles tampouco puideron expresar o seu parecer nin propoñer unha alternativa. Realiza finalmente unha serie de consideracións sobre o espírito da Lei de expropiación forzosa no senso de que, de afectarse terreos de titularidade privada, se realice sobre aqueles para os cales o aproveitamento sexa menor, sen que nada teña que ver o maior custo que para a empresa supoña a alternativa ou as alternativas que se propoñan, senón a imposibilidade técnica, que deberá de xustificar pericialmente. No seu caso, entende que, coa alternativa que propón, que supón unha variación que non excede a determinada regulamentariamente, desaparece a necesidade de afección do terreo da súa propiedade. En consecuencia, solicita desta xefatura territorial que resolva declarando a non necesidade de expropiación da parte do predio que se propón, requirindo a Electra del Xallas, S.A. para que modifique o proxecto nos termos da alternativa proposta ou a que se determine sen afección do dito predio.

d) José Manuel Alvite Alvite solicita que antes da redacción da acta previa se marquen no terreo os posibles bens afectados tales como muros, cultivos etc. Tamén se reserva o dereito de poder reclamar a posible existencia de falta de superficie, así como ter dereito á medición do terreo no momento da execución da obra. Por último, resérvase o dereito de poder reclamar en canto á valoración.

Cuarto. As alegacións foron remitidas á empresa, que contestou nos seguintes termos:

a) En relación coa alegación de Francisco Martínez Noya, contesta que a superficie do predio afectado pola colocación da metade do apoio número 4, así como a zona afectada pola servidume de paso aéreo de enerxía eléctrica, lles serán indicadas aos seus propietarios o día en que se proceda ao levantamento das actas previas á ocupación, que lles será notificada coa suficiente antelación, sempre e cando sexa concedida a declaración de utilidade pública do proxecto. No plano de planta e perfil lonxitudinal incluído no proxecto atópase perfectamente definido o trazado e a localización dos apoios proxectados. Situar o apoio no lugar reflectido polo alegante suporía modificar as afeccións nos predios 14, 16, 18 e 19, ademais de sobrevoar as edificacións existentes na parcela numerada como 14, e afectar polo menos un novo predio ao norte do predio número 18, sen que conste a aceptación de todos os propietarios implicados. Xa que o alegante non amosou o cumprimento das condicións requiridas no artigo 161 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, esa sociedade entende que non é posible a proposta realizada polo alegante. Por todo iso, a sociedade solicita que se desestime a alegación presentada.

b) En relación coa alegación de Manuela Martínez Noya, contesta que a superficie do predio afectado pola colocación da metade do apoio número 4, así como a zona afectada pola servidume de paso aéreo de enerxía eléctrica, lle serán indicadas aos seus propietarios o día en que se proceda ao levantamento das actas previas á ocupación, que lle será notificada coa suficiente antelación, sempre e cando sexa concedida a declaración de utilidade pública do proxecto. No plano de planta e perfil lonxitudinal incluído no proxecto atópase perfectamente definido o trazado e a localización dos apoios proxectados. Por todo iso, a sociedade solicita que se desestime a alegación presentada.

c) En relación coa alegación de Manuel Jesús Noya Romero, por si e en representación dos herdeiros de Estrella Romero González, contesta que os bens que poidan estar afectados por atoparse dentro da superficie afectada polo establecemento da servidume de paso serán comprobados e recollidos, de ser o caso, na acta previa á ocupación correspondente, polo perito designado pola Administración, no caso de que o proxecto sexa declarado de utilidade pública. Logo será o Xurado de Expropiación de Galicia o encargado de valorar o prexuízo que se produce neste predio polo establecemento da servidume de paso, conforme a lexislación aplicable, co fin de que non se produza unha perda do patrimonio dos propietarios. Continúa confirmando que na parcela non se proxecta a colocación de ningún apoio da liña eléctrica, pero na relación de bens e dereitos afectados queda reflectido que se ven afectados 385 m² de superficie, pola servidume permanente de paso de enerxía eléctrica aérea. No que respecta a adaptarse o trazado da liña eléctrica aos lindeiros das parcelas de propiedade privada, pódese comprobar tanto no plano de planta e perfil lonxitudinal do proxecto como na base cartográfica do catastro, que a configuración parcelaria desta zona non fai posible o seguimento destes lindes, máis aínda no caso concreto do predio número 45 que se localiza nunha zona elevada pendente onde non se proxectan apoios; adaptar o trazado aos seus lindeiros suporía, ademáis, afectar novas propiedades particulares, colocar novos apoios a media ladeira e engadir ángulos no trazado. Por todo iso, e dado que o alegante non amosou o cumprimento das condicións requiridas no artigo 161 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, esa sociedade entende que non é factible a proposta. Engádese que, segundo o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, e o punto 1.5.1 da ITC-LAT 07, liñas aéreas con condutores nus, as liñas eléctricas aéreas estudaranse seguindo o trazado que considera máis conveniente o autor do proxecto, no seu intento de acadar a solución óptima para o conxunto da instalación, axustándose en todo caso ás prescricións que nesa instrución se establecen; evitaranse, no posible, os ángulos pronunciados, tanto en planta como en alzado, e reduciranse ao mínimo indispensable o número de situacións reguladas polas prescricións especiais do punto 5.3. Por último, sinalar que esa sociedade, antes de iniciar o trámite expropiatorio, intenta chegar a un acordo amigable cos propietarios afectados no intento de actuar coa boa fe, pero isto non implica que Electra del Xallas, S.A. teña obriga ningunha, nin que exista precepto ou norma legal ningunha que estableza a necesidade de conseguir eses acordos antes do inicio de tramitación regulamentaria. Engade que, no caso deste proxecto, das 49 parcelas afectadas, cos propietarios de 40 delas foi posible chegar a acordo amigable, e que representa o 82 % do total. Por todo iso, a sociedade solicita que se acorde desestimar as alegacións presentadas.

d) En relación coa alegación de José Manuel Alvite Alvite, contesta que a superficie dos predios identificados no proxecto cos números 14 e 15, afectados pola servidume de paso aéreo de enerxía eléctrica, lle será indicada ao seu propietario o día en que se proceda ao levantamento das actas previas á ocupación, que lle será notificado coa suficiente antelación, sempre e cando sexa concedida a utilidade pública. No plano de planta e perfil lonxitudinal incluídos no proxecto atópase perfectamente definido o trazado e a localización dos apoios proxectados; así mesmo, no dito acto serán recollidos todos aqueles bens que se vexan afectados pola dita servidume. En canto á valoración, será o Xurado de Expropiación de Galicia o encargado de avaliar o prexuízo que se produce neste predio polo establecemento da servidume de paso, segundo a lexislación aplicable, co fin de que non se produza unha perda no patrimonio do seu propietario. Por todo iso, a sociedade solicita que se acorde desestimar as alegacións presentadas.

Quinto. O 29 de xaneiro de 2013 Unión Fenosa Distribución, S.A. solicita que toda a tramitación regulamentaria do expediente continúe ao seu nome, de acordo coa súa condición de sucesora universal en todos os procedmentos en tramitación solicitados inicialmente por Electra del Xallas, S.A.

Fundamentos de dereito:

Primero. A Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, o Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas (BOE nº 246, do 24 de xullo); a Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico (BOE nº 285, do 28 de novembro); o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro; e o Decreto 36/2001, do 25 de xaneiro, que establece os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 34, do 16 de febreiro).

Segundo. No presente expediente cumpríronse os trámites sinalados no artigo 53 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, e no título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Terceiro. A autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución e a declaración de utilidade pública, en concreto, das instalacións obxecto deste expediente, cumpren coa normativa vixente, isto é: a Lei 54/1997, do 27 de novembro; o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro; o Real decreto 3275/1982, do 12 de novembro, sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en centrais eléctricas, subestacións e centros de transformación (BOE nº 288, do 1 de decembro); o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias (BOE nº 68, do 19 de marzo); e o Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión (BOE nº 224, do 18 de setembro).

Cuarto. Á vista das alegacións formuladas e das contestacións achegadas pola empresa solicitante, cómpre facer unhas previas consideracións de carácter xeral en relación coa descrición dos bens afectados, coas peticións de modificación de trazado e coa valoración económica deses bens:

1) As manifestacións e datos que sexan útiles para determinar os dereitos afectados, así como a medición e descrición exacta das superficies e bens afectados, faranse constar no levantamento da acta previa á ocupación, momento para o cal os interesados afectados serán oportunamente convocados mediante notificación. Este acto desenvolverase de conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954.

2) De conformidade co disposto no punto 1.5 da Instrución técnica complementaria ITC-LAT 07 do Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, as liñas eléctricas aéreas estudaranse seguindo o trazado que considere máis conveniente o autor do proxecto, no seu intento de acadar a solución óptima para o conxunto da instalación, axustándose en todo caso ás prescricións que nesta instrución se establecen. É dicir, o trazado da liña será o elixido polo autor do proxecto, sempre que cumpra os requisitos xerais e de seguridade que establece o propio Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, e non infrinxa as limitacións e prohibicións que para a constitución de servidumes de paso de liñas aéreas establecen o artigo 57 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, e o artigo 161 do Real decreto 1995/2000, do 1 de decembro.

3) Polo que respecta á valoración dos terreos e bens afectados, para o caso de que as partes non acaden un acordo previo, a determinación do prezo xusto corresponde ao Xurado de Expropiación de Galicia, de conformidade coas normas establecidas no capítulo III da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954 e no tamén capítulo III do Regulamento da Lei de expropiación forzosa, do 26 de abril de 1957.

Polo que se refire, en concreto, ás alegacións formuladas polos interesados afectados, ademais do sinalado nos tres puntos anteriores deste cuarto fundamento de dereito, debemos poñer de manifiesto o seguinte:

a) A modificación proposta por Francisco Martínez Noya non só suporía modificar as afeccións nos predios números 14, 16, 18 e 19, senón que, ademais, afectaría un novo predio, ao norte do predio número 18. Ademais, non se acredita a conformidade previa dos posibles novos propietarios afectados pola dita variación, tal e como establece o artigo 153.3 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro. Por outra parte, a variación proposta polo alegante suporía sobrevoar as edificacións existentes no predio número 14. Por todo iso, debemos rexeitar esta proposta.

b) Os motivos da alegación formulada por Manuela Martínez Noya resolveranse no momento do levantamento da acta previa á ocupación, tal e como establece o artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

c) A alegación formulada por Manuel Jesús Noya Romero, en que sinala que o predio número 45 pertence á comunidade hereditaria de Estrella Romero González e está formada por el mesmo e polas súas irmás, queda constatada. Por outro lado, o cambio de trazado proposto por Manuel Jesús Noya Romero non pode ser aceptado, dado que a configuración parcelaria da zona pola que discorre o proxecto da liña non fai posible o seu trazado polos lindes dos predios, ademais de afectar novas propiedades particulares non propostas no proxecto. Por outra parte, a zona en que se localiza o predio do alegante presenta unha elevada pendente, polo que o cambio proposto suporía colocar novos apoios a media ladeira e engadir ángulos no trazado. Ademais, a variación do trazado sería superior ao 10 % da parte da liña afectada pola variación proposta que segundo o proxecto transcorra sobre a propiedade do solicitante, tal e como establece o artigo 161.2.b) do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro. En todo caso, e polo que respecta ás demais alegacións formuladas polo Sr. Noya Romero, debemos lembrar que a descrición definitiva da afección se fará constar na acta previa á ocupación, tal e como establece o artigo 52 da Lei de expropiación forzosa e, así mesmo, a contía indemnizatoria será fixada definitivamente polo Xurado de Expropiación de Galicia, no caso de que as partes non acaden un acordo previo.

d) En canto ás alegacións realizadas por José Manuel Alvite Alvite, remitímonos ao dito anteriormente no senso de aclarar que a descrición definitiva dos bens afectados se fará constar na acta previa á ocupación, de conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa. En canto á valoración económica, será o Xurado de Expropiación de Galicia, de acordo cos trámites previstos no capítulo III da dita Lei de expropiación forzosa, o que finalmente decida a contía indemnizatoria no caso de que as partes non acaden un acordo previo.

Quinto. O 7 de novembro de 2012, a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas autorizou o cambio de titularidade e a subrogación dos dereitos e obrigas asumidos en virtude das autorizacións administrativas outorgadas, no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, a nome de Electra del Xallas, S.A.U. a favor de Unión Fenosa Distribución, S.A.

A dita autorización supeditouse a que Unión Fenosa Distribución S.A. acreditase nun prazo de seis meses a transmisión da dita titularidade e a comunicase nun prazo dun mes desde que se fixese efectiva.

O 18 de xaneiro de 2013, Unión Fenosa Distribución, S.A. comunicou á Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas a dita transmisión, quedando constancia que o 4.12.2012 se elevou a pública a escritura de fusión da sociedade Unión Fenosa Distribución, S.A. e Electra del Xallas, S.A.U., outorgada ante o notario de Madrid Fernando de la Cámara García, baixo o número 2.571 do seu protocolo. Inscribiuse no Rexistro Mercantil de Madrid o 31.12.2012, tomo 30183, libro 0, folio 105, sección 8, folla M503809, inscrición ou anotación 28.

De acordo co anterior, e no exercicio das competencias atribuídas,

RESOLVE:

Autorizar, aprobar o proxecto de execución, e declarar de utilidade pública, en concreto, as ditas instalacións, en que as características axustaranse en todas as partes ás que figuran no proxecto, e ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación.

Esta autorización outórgase sen prexuízo das concesións e autorizacións que sexan necesarias, de acordo con outras disposicións que resulten aplicables e, en especial, as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente.

As instalacións executaranse nun prazo non superior a un ano, contado a partir da data de ocupación dos terreos.

A declaración de utilidade pública leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados, e implicará a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación.

Contra a presente resolución poderase interpoñer un recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao de notificación desta resolución; tamén se poderá interpoñer calquera outro recurso que se considere pertinente a dereito.

A Coruña, 14 de febreiro de 2013

Susana Romero Vázquez
Xefa territorial da Coruña