A Lei 8/2008, do 10 de xullo, de saúde de Galicia, establece no seu artigo 97 que a modernización do sistema require a introdución de novos modelos de xestión que dinamicen o servizo público e garantan un marco de innovación tecnolóxica adecuado, co fin de obter maior rendibilidade social.
O Decreto 168/2010, do 7 de outubro, polo que se establece a estrutura organizativa de xestión integrada do Servizo Galego de Saúde, regula estas como instrumentos de organización, sen personalidade xurídica, no ámbito periférico do Servizo Galego de Saúde, que responde á necesidade de introducir criterios de funcionalidade e optimización dos recursos existentes, situando as necesidades dos pacientes no lugar preferente do Sistema público de saúde.
Deste xeito, mantendo o mapa sanitario da provincia de Lugo, e as áreas sanitarias existentes na actualidade, establécese unha nova organización da xestión sanitaria, integrando nunha soa organización os distintos niveis existentes neste momento, coa finalidade de que a actuación do Servizo Galego de Saúde responda aos principios establecidos no artigo 32 da Lei de saúde de Galicia.
Na súa virtude, de conformidade co establecido no artigo 43 da Lei 16/2010, do 27 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico en Galicia e no artigo 34.5 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, por proposta da conselleira de Sanidade, cos informes previos correspondentes e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e un de marzo de dous mil trece,
DISPOÑO:
Artigo 1. Obxecto
Constitúe o obxecto deste decreto a creación da estrutura organizativa de Xestión Integrada de Lugo, Cervo e Monforte de Lemos, de acordo co establecido no Decreto 168/2010, do 7 de outubro.
Artigo 2. Alcance
O ámbito de actuación da estrutura organizativa de Xestión Integrada de Lugo, Cervo e Monforte de Lemos é o que se establece no anexo do presente decreto.
Artigo 3. Estrutura directiva
1. A estrutura de xestión integrada, para o exercicio das súas competencias e o cumprimento dos seus fins, contará coa seguinte estrutura:
I. Órganos unipersoais.
a) Xerencia de Xestión Integrada de Lugo.
b) Dirección de Procesos Asistenciais.
c) Dirección de Recursos Económicos.
d) Dirección de Recursos Humanos.
e) Xerencia Executiva de Cervo.
f) Xerencia Executiva de Monforte de Lemos.
II. Da Dirección de Procesos Asistenciais dependerán as seguintes unidades.
a) Dirección de Procesos de Enfermaría.
b) Dirección de Procesos con Ingreso.
c) Dirección de Procesos sen Ingreso e Urxencias.
d) Dirección de Procesos de Soporte.
III. O órgano colexiado da estrutura de xestión integrada será a Comisión de Dirección.
2. Poderán constituírse as comisións necesarias para asesorar sobre a xestión clínica, xestión por procesos, docencia e investigación, calidade, seguridade e atención á cidadanía, ou calquera outra que se considere de interese.
Artigo 4. Funcións, requisitos e réxime de suplencias
As funcións de cada órgano directivo, unipersoal ou colexiado, así como os requisitos necesarios que deben cumprir os titulares dos órganos respectivos, réxime de suplencias e organización, serán os establecidos no Decreto 168/2010, do 7 de outubro.
Disposición adicional única. Remisión normativa
En todo o non regulado expresamente neste decreto aplicarase o disposto no Decreto 168/2010, do 7 de outubro.
Disposición transitoria única. Continuidade das comisións de asesoramento
As comisións de asesoramento que na actualidade estivesen constituídas e en funcionamento, continuarán coa súa actividade ordinaria, mentres non se regule a súa denominación e composición, de acordo co establecido no Decreto 168/2010, do 7 de outubro.
Disposición derrogatoria
Quedan derrogadas todas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido neste decreto.
Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento
Facultase a persoa titular da Consellería de Sanidade para ditar, no ámbito das súas competencias, as disposicións necesarias para o desenvolvemento do presente decreto.
Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor
Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, vinte e un de marzo de dous mil trece
Alberto Núñez Feijóo
Presidente
Rocío Mosquera Álvarez
Conselleira de Sanidade
ANEXO
Esta estrutura xestionará todos os servizos sanitarios (atención primaria, especializada e sociosanitaria) dos seguintes concellos:
– Área de Lugo.
Abadín, Antas de Ulla, Baleira, Baralla, Becerreá, Begonte, Castro de Rei, Castroverde, Cervantes, O Corgo, Cospeito, Fonsagrada (A), Friol, Guitiriz, Guntín, Incio (O), Láncara, Lugo, Meira, Monterroso, Muras, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, Nogais (As), Outeiro de Rei, Palas de Rei, Paradela, Páramo (O), Pastoriza (A), Pedrafita do Cebreiro, Pol, Pontenova (A), Portomarín, Rábade, Ribeira de Piquín, Riotorto, Samos, Sarria, Taboada, Triacastela, Vilalba e Xermade.
– Área de Cervo.
Alfoz, Barreiros, Burela, Cervo, Foz, Lourenzá, Mondoñedo, Ourol, Ribadeo, Trabada, O Valadouro, O Vicedo, Viveiro e Xove.
– Área de Monforte de Lemos.
Bóveda, Carballedo, Chantada, Folgoso do Courel, Monforte de Lemos, Pantón, Pobra de Brollón (A), Quiroga, Ribas de Sil, O Saviñao e Sober.