A Comunidade Autónoma, en virtude do artigo 148.1º 20 da Constitución española e do artigo 27.23º do Estatuto de autonomía de Galicia, asume a competencia exclusiva en materia de asistencia social. A Xunta de Galicia, na aplicación do principio de integración da dimensión da igualdade de oportunidades na elaboración, execución e seguimento de todas as políticas e accións da súa competencia, establece, como un dos criterios xerais da súa actuación, a garantía da dignidade das mulleres e homes, con especial incidencia na adopción de accións tendentes á erradicación de todas as formas de violencia de xénero, tal e como recolle o artigo 6 da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes.
A Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, dispón no seu artigo 39 que a Xunta de Galicia establecerá, a través do departamento competente en materia de igualdade, unha prestación económica dirixida ás mulleres que sofren violencia de xénero. A prestación terá en conta a situación socioeconómica das mulleres e irá dirixida a posibilitar a súa autonomía e independencia económica respecto do seu agresor, e a tentar axudala a romper coa situación de violencia. Indica que se aboará periodicamente, logo da acreditación da situación de violencia de xénero, e que será o departamento competente en materia de igualdade o encargado de regular as bases de convocatoria e as contías das axudas, dentro dos límites orzamentarios de cada anualidade.
A Secretaría Xeral da Igualdade é órgano superior da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia adscrito á Vicepresidencia e Consellería da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, segundo o disposto no artigo 1.a).1 do Decreto 235/2012, do 5 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia.
A través desta disposición establécense as bases que rexerán o procedemento de concesión das axudas dirixidas ás mulleres que sofren violencia de xénero e que se encontran nunha situación de dependencia económica do agresor que as obriga á convivencia e lles impide afrontar o seu futuro con independencia dos seus agresores, e se procede á súa convocatoria para o ano 2013.
Por todo o disposto, e en uso das facultades que teño atribuídas,
DISPOÑO:
Artigo 1. Obxecto
1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases, que se inclúen como anexo, que rexerán a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, de axudas económicas individuais de carácter periódico de apoio a mulleres que sofren violencia de xénero. Así mesmo, por medio desta orde convócanse as ditas axudas para o ano 2013.
2. A finalidade destas axudas é proporcionarlles apoio económico ás mulleres que sofren violencia de xénero para tentar garantirlles unhas condicións suficientes de independencia económica respecto do agresor que lles posibilite dar o primeiro paso ou consolidar a ruptura dunha situación en que corren perigo.
Artigo 2. Lugar e prazo de presentación das solicitudes
1. As solicitudes formalizaranse segundo o modelo do anexo I desta orde asinadas pola persoa solicitante. O formulario da solicitude así como os demais formularios normalizados referidos nas bases reguladoras e que figuran como anexos desta orde estarán dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia no enderezo https://sede.xunta.es e na páxina web da Secretaría Xeral da Igualdade http://www.mulleresengalicia.es
2. As solicitudes poderán presentarse en formato electrónico, ante o Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia, no enderezo electrónico https://sede.xunta.es, de acordo co estipulado na Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades delas dependentes. Para a presentación electrónica a solicitante deberá posuír un DNI electrónico ou calquera outro certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3 recoñecido pola plataforma de validación e sinatura electrónica @firma. Xunto cos formularios de solicitude deberá achegarse a documentación a que se fai referencia no artigo 3 das bases reguladoras da convocatoria, que deberá cumprir os requisitos sinalados no artigo 27 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro. Aqueles documentos non dispoñibles en formato electrónico e que pola súa natureza non sexan susceptibles de achega nun formato electrónico válido deberán presentarse, xunto coa copia do anexo I, a través das vías previstas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
Ademais do formato electrónico admítese igualmente a presentación en formato papel no Rexistro da Secretaría Xeral da Igualdade, sito no Edificio Administrativo de San Lázaro, s/n, Santiago de Compostela, así como nos de calquera outro órgano da Administración xeral do Estado, das comunidades autónomas ou das entidades que integran a Administración local, sempre que neste último caso teñan subscrito o oportuno convenio, ou polos restantes medios previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
No caso de que se optase por presentar a solicitude, ou calquera outra documentación que se achegue nas distintas fases do procedemento, ante unha oficina de Correos, farase en sobre aberto para que sexa selada e datada pola oficina antes de ser certificada, segundo o establecido no Real decreto 1829/1999, do 3 de decembro, polo que se regula a prestación de servizos postais.
3. O prazo de presentación de solicitudes comezará o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e rematará o 31 de outubro de 2013.
Artigo 3. Orzamento
1. Para a concesión destas axudas destinaranse 1.808.850 euros imputables á aplicación orzamentaria 05.11.313D.480.0, de acordo coa seguinte distribución:
Ano 2013: 688.850 euros.
Ano 2014: 1.120.000 euros, para o financiamento das axudas que, pola súa duración, xeren dereitos económicos das beneficiarias durante o exercicio seguinte.
Este crédito poderá ser ampliado cando o aumento veña derivado da súa previsión legal ou dalgún dos supostos previstos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O incremento de crédito quedará condicionado á declaración de dispoñibilidade deste como consecuencia das circunstancias sinaladas no antedito artigo.
Artigo 4. Contía das axudas
1. A contía que poderá acadar esta axuda establécese en función das rendas e ingresos da solicitante da axuda en relación co indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) para o ano 2013, de acordo coas seguintes especificacións:
1.1. Se os ingresos da solicitante son iguais ou inferiores ao IPREM vixente, e ata un máximo de doce mensualidades:
a) Con carácter xeral: 600 euros/mes.
b) Cando a vítima tivese ao seu cargo unha/un filla/o menor ou menor en acollida ou unha discapacidade maior ou igual ao 33 %: 650 euros/mes.
c) Cando a vítima tivese ao seu cargo unha/un filla/o menor ou menor en acollida e esta/e ou a solicitante teña unha discapacidade maior ou igual ao 33 %: 700 euros/mes.
d) Cando a vítima tivese ao seu cargo dúas ou máis fillas/os menores ou menores en acollida: 700 euros/mes.
e) Cando a vítima tivese ao seu cargo dúas ou máis fillas/os menores ou menores en acollida e algunha ou algún deles ou a solicitante teña unha discapacidade maior ou igual ao 33 %: 800 euros/mes.
f) Cando a vítima tivese ao seu cargo unha/un filla/o menor ou menor en acollida e esta/e ou a solicitante teña unha discapacidade maior ou igual ao 65 % ou teñan recoñecido grao de dependencia de acordo coa Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia: 800 euros/mes.
1.2. Se os ingresos da solicitante son superiores ao IPREM vixente e iguais ou inferiores a 1,5 veces o IPREM vixente, e ata un máximo de doce mensualidades:
a) Con carácter xeral: 300 euros/mes.
b) Cando a vítima tivese ao seu cargo unha/un filla/o menor ou menor en acollida ou unha discapacidade maior ou igual ao 33 %: 350 euros/mes.
c) Cando a vítima tivese ao seu cargo unha/un filla/o menor ou menor en acollida e esta/e ou a solicitante teña unha discapacidade maior ou igual ao 33 %: 400 euros/mes.
d) Cando a vítima tivese ao seu cargo dúas ou máis fillas/os menores ou menores en acollida: 400 euros/mes.
e) Cando a vítima tivese ao seu cargo dúas/dous ou máis fillas/os menores ou menores en acollida e algunha ou algún deles ou a solicitante teña unha discapacidade maior ou igual ao 33 %: 500 euros/mes.
f) Cando a vítima tivese ao seu cargo unha/un filla/o menor ou menor en acollida e esta/e ou a solicitante teña unha discapacidade maior ou igual ao 65 % ou teñan recoñecido grao de dependencia de acordo coa Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia: 500 euros/mes.
2. Non se considerarán a cargo as/os menores emancipados e/ou con ingresos mensuais brutos superiores ao IPREM vixente, excluída a parte proporcional das pagas extraordinarias.
Artigo 5. Instrución e resolución
A instrución e resolución do procedemento axustarase ao establecido nas bases reguladoras destas axudas.
Artigo 6. Información ás persoas interesadas
Sobre este procedemento administrativo, que ten o código SI434A, poderase obter documentación normalizada ou información adicional na Secretaría Xeral da Igualdade, nos servizos de Igualdade das delegacións territoriais da Vicepresidencia e Consellería da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a través da páxina web oficial da Xunta de Galicia (http://www.xunta.es/resultados-da-guia-do-cidadan), ou da Secretaría Xeral da Igualdade (http://www.mulleresengalicia.es), do teléfono 981 95 76 99 ou no enderezo electrónico vx.igualdade@xunta.es
Disposición adicional primeira
Apróbase a delegación de atribucións do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza na Secretaría Xeral da Igualdade para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos, así como as relativas aos procedementos de reintegro sinaladas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Disposición adicional segunda
En todo o non previsto nesta orde aplicarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, e demais normativa de aplicación.
Disposición derradeira primeira
Quedan sen efecto as bases reguladoras, para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das axudas periódicas de apoio a mulleres que sofren violencia de xénero, aprobadas pola Resolución da Secretaría Xeral da Igualdade do 14 de xaneiro de 2011 (DOG nº 12, do 19 de xaneiro).
Disposición derradeira segunda
A secretaria xeral da Igualdade ditará as instrucións necesarias para o axeitado desenvolvemento e cumprimento desta orde.
Disposición derradeira terceira
Esta disposición entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 2 de abril de 2013
Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións
Públicas e Xustiza
ANEXO
Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia non competitiva, das axudas periódicas de apoio a mulleres que sofren violencia de xénero
Artigo 1. Requisitos das solicitantes
1. Serán requisitos necesarios para poder ser beneficiaria:
a) Ser muller, maior de idade ou emancipada, vítima de violencia de xénero nunha relación de convivencia e de dependencia económica. Estas condicións acreditaranse con algún dos documentos establecidos no artigo 3.2.a) destas bases reguladoras emitido dentro dos doce meses anteriores á data de presentación da solicitude e, de ser o caso, cun informe dos servizos sociais da Administración pública autonómica ou local.
b) Ter cesado a convivencia co agresor no intervalo temporal que comprende os doce meses inmediatamente anteriores á data de presentación da solicitude.
c) Estar empadroada e residir na Comunidade Autónoma de Galicia e, no caso das mulleres estranxeiras, ter permiso de residencia.
d) Carecer de dispoñibilidade de recursos económicos ou ser de contía insuficiente para afrontar unha independencia inmediata do seu agresor e/ou dispoñer dunhas rendas ou ingresos brutos mensuais iguais ou inferiores a 1,5 veces o IPREM vixente, excluída a parte proporcional das pagas extraordinarias.
2. A solicitante deberá reunir na data de solicitude e manter ata que se resolva esta e durante a súa percepción os requisitos indicados no punto anterior.
3. Non poderán ser beneficiarias destas axudas as mulleres que, reunindo estes requisitos, percibiron esta axuda ou a axuda establecida no artigo 27 da Lei orgánica 1/2004, do 28 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero con anterioridade.
Artigo 2. Natureza das axudas e regras para o cálculo da súa contía
1. A axuda consiste nunha contía económica destinada directamente á beneficiaria, de carácter periódico, ata o máximo de doce mensualidades, sempre que nese período subsistan as circunstancias polas que se concedeu. O cómputo do período comeza o mes da solicitude. No suposto de que a solicitante estivese percibindo ingresos doutras axudas incompatibles con esta e, atendendo ao disposto no artigo 11 destas bases reguladoras, renuncie a elas, detraerase do cómputo total o número de mensualidades coincidentes no período de percepción.
2. A contía que poderá acadar esta axuda establecerase na convocatoria en función das rendas e ingresos da solicitante na data de presentación da solicitude desta axuda.
3. Para os efectos de determinar o requisito de carencia de rendas, unicamente se terán en conta as rendas ou ingresos de que dispoña ou poida dispoñer a solicitante da axuda, sen que se computen para estes efectos as rendas ou ingresos doutros membros da unidade familiar que convivan coa vítima. Non se terán en conta as rendas individuais do agresor nin a vivenda habitual da vítima.
Consideraranse rendas e ingresos computables os bens, dereitos e rendementos derivados do traballo, do capital mobiliario e inmobiliario, incluíndo os incrementos do patrimonio, das actividades económicas e os de natureza prestacional, agás as asignacións económicas da Seguridade Social por filla/o ou menor acollida/o a cargo. Tamén se considerarán os rendementos que poidan deducirse do montante económico do patrimonio, aplicando ao seu valor o cincuenta por cento do tipo do xuro legal do diñeiro vixente, coa excepción da vivenda habitualmente ocupada pola solicitante e dos bens cuxas rendas sexan computadas.
As rendas que non procedan do traballo e se perciban con periodicidade superior ao mes, computaranse para estes efectos rateándose mensualmente.
4. As beneficiarias quedarán incorporadas aos programas de formación, busca activa e mellora do emprego que determine a Secretaría Xeral da Igualdade en colaboración con outras administracións ou entidades.
Artigo 3. Solicitudes e documentación
1. As solicitudes, xunto coa documentación, presentaranse na forma e prazos que se indiquen na respectiva convocatoria.
2. A solicitude da axuda presentarase segundo o modelo do anexo I, asinada pola solicitante, xunto coa seguinte documentación:
a) Acreditación da condición de vítima de violencia de xénero derivada de convivencia mediante algún dos documentos seguintes:
1. Certificación da orde de protección ou da medida cautelar, testemuño ou copia autenticada polo/a secretario/a xudicial da propia orde de protección ou da medida cautelar.
2. Sentenza de calquera orde xurisdicional que declare que a muller sufriu violencia de xénero.
3. Informe do Ministerio Fiscal que indique a existencia de indicios de violencia, auto de apertura de xuízo oral ou documento equivalente en que conste a existencia dos ditos indicios.
4. Informe dos servizos sociais e/ou sanitarios da Administración pública autonómica ou local en que se recolla a dita condición e a data en que se produciu o cesamento da convivencia.
5. Informe dos servizos de acollida da Administración pública autonómica ou local en que se recolla a dita condición e a data en que se produciu o cesamento da convivencia.
Os documentos acreditativos da situación de violencia anteditos deben estar adoptados ou emitidos no intervalo temporal que comprende os doce meses inmediatamente anteriores á data de presentación da solicitude. Así mesmo, a orde de protección ou a medida cautelar terán que estar vixentes na data de presentación da solicitude e manterse na data da resolución desta axuda.
No caso de que para a acreditación da condición de vítima de violencia de xénero se presente algún dos documentos recollidos nos puntos 1, 2 ou 3 anteditos e non conste que a situación de violencia ocorre nunha relación de convivencia, deberase achegar ademais un informe dos servizos sociais da Administración autonómica ou local que o acredite ou, no seu defecto, unha declaración responsable da solicitante, segundo o modelo do anexo IV. En ambos os casos deberá constar a data en que tivo lugar o cesamento da convivencia.
b) Declaración responsable de rendas, patrimonio e ingresos mensuais da solicitante da axuda (anexo II), xunto coa documentación que xustifique os ingresos declarados, de ser o caso (nómina, recibo ou resolución de calquera tipo de prestación ou subsidio...), segundo o previsto no artigo 2.3 destas bases reguladoras.
c) No caso de discapacidade da solicitante e/ou das/os súas/seus fillas/os menores ou menores acollidos, a cargo da solicitante, copia cotexada da certificación acreditativa de tal condición. Non será necesario achegar esta documentación no caso de que fose expedida pola Xunta de Galicia no desenvolvemento das súas competencias.
d) Acreditación de fillas/os menores a cargo, a través da copia cotexada do libro de familia e/ou calquera outro documento que acredite que as/os fillas/os están ao seu cargo (informe de servizos sociais, certificado de empadroamento conxunto, resolución xudicial de custodia...), de ser o caso.
No caso de que a solicitante teña ao seu cargo menores en situación de acollemento, deberá achegar copia cotexada da resolución administrativa ou xudicial acreditativa da dita situación.
e) No caso de solicitantes estranxeiras, copia cotexada da tarxeta de residencia ou da tarxeta de réxime comunitario en vigor, segundo o caso.
f) Declaración de axudas solicitadas ou concedidas para a mesma finalidade das distintas administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades (anexo III).
g) Datos da conta bancaria da cal a solicitante é titular única, ou compartida con persoa distinta do agresor, con expresión dos códigos da entidade bancaria e sucursal, número da conta e díxito de control (anexo I).
3. De acordo co disposto no artigo 35.f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, non será necesario presentar a documentación que xa estea en poder da Administración actuante sempre que se faga constar a data e o órgano ou dependencia en que foron presentados ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.
Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle á solicitante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o dito documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.
4. As solicitantes deberán comunicarlle á Secretaría Xeral da Igualdade calquera modificación que se producise nos datos indicados na súa solicitude ou en calquera dos documentos que a acompañan. Esta variación comunicarase no momento en que se produza, co fin de axilizar a instrución do procedemento.
Artigo 4. Consentimentos e autorizacións
1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras e, ao abeiro do establecido nos artigos 2 e 3 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos, implicará a autorización á Secretaría Xeral da Igualdade para comprobar os datos de carácter persoal que figuren no documento DNI/NIE da persoa que teña a condición de interesada, por medio do acceso telemático ao servizo horizontal de acceso ao Sistema de verificación de datos de identidade e de residencia do Ministerio de Administracións Públicas. Non obstante, a solicitante poderá denegar expresamente o consentimento; daquela, deberá presentar, xunto coa solicitude, unha copia cotexada do documento de identidade en vigor correspondente e un certificado de empadroamento emitido dentro do intervalo temporal que comprende os 3 meses inmediatamente anteriores á data de presentación da solicitude.
Así mesmo, comporta o consentimento expreso para completar o expediente administrativo, para realizar as comprobacións oportunas que acrediten a veracidade dos datos ou documentos achegados no procedemento administrativo e para obter a información adicional que fose necesaria para a axeitada estimación dos ingresos ou recursos económicos da solicitante, así como do mantemento das condicións durante a súa percepción, dirixíndose aos órganos públicos ou privados competentes, ben sexa a través de acceso directo por medios telemáticos ou a través de solicitude por oficio ordinario.
2. A Secretaría Xeral da Igualdade velará polos datos de carácter persoal que sexan obxecto de tratamento e adoptará as medidas necesarias para cumprir co disposto na Lei 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.
A finalidade da recollida e tratamento dos datos persoais será estritamente a xestión e tramitación do expediente correspondente.
Os datos non serán obxecto de cesión a terceiras persoas; non obstante, a Secretaría Xeral da Igualdade revelará ás autoridades públicas competentes os datos persoais e calquera outra información que estea no seu poder ou sexa accesible a través dos seus sistemas e sexa requirida de conformidade coas disposicións legais e regulamentarias aplicables ao caso.
Decláranse recoñecidos, e poderán exercerse, os dereitos de acceso, cancelación, rectificación e oposición, o cal se fará por escrito e achegando identificación suficiente ao seguinte enderezo: Edificio Administrativo San Lázaro, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou ben mediante o procedemento habilitado para o efecto e que poderá atopar na guía de procedementos da páxina web da Xunta.
Artigo 5. Instrución
1. A instrución do procedemento correspóndelle á Subdirección Xeral para o Tratamento da Violencia de Xénero da Secretaría Xeral da Igualdade. Este proceso efectuarase de forma continuada segundo a orde de recepción de solicitudes.
2. O órgano instrutor realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formular a proposta de resolución.
3. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, no suposto de que a solicitude non estivese debidamente cuberta ou a documentación achegada conteña erros ou sexa insuficiente, o órgano competente requirirá a solicitante para que, no prazo de dez (10) días, achegue os documentos preceptivos ou emende os erros detectados, con indicación de que, se así non o fixese no prazo indicado, se terá por desistida da súa solicitude, logo da correspondente resolución, ditada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
4. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderá requirirse ás solicitantes que acheguen cantos datos, documentos complementarios e aclaracións resulten necesarios para a tramitación e resolución do procedemento.
5. O órgano instrutor, de acordo co establecido no artigo 22 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para as axudas concedidas polo procedemento previsto no artigo 19.2 desta lei, unha vez comprobada a concorrencia dos requisitos exixidos formulará a proposta de concesión directamente ao órgano concedente.
6. As solicitudes que non cumpran as exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, que non conteñan a documentación necesaria ou, de ser o caso, non a presenten nos modelos normalizados, quedarán á disposición do órgano instrutor para que formule a proposta de resolución de inadmisión, na que se indicarán as causas desta. En todo caso, non se admitirán a trámite e procederase ao seu arquivamento sen posibilidade de emenda as solicitudes que se presenten fóra do prazo establecido na correspondente convocatoria.
Artigo 6. Resolución e réxime de recursos
1. Correspóndelle á secretaria xeral da Igualdade, por delegación do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a resolución destas axudas.
2. O procedemento de concesión segue o réxime de concorrencia non competitiva, polo que se recoñecerán axudas ata o esgotamento do crédito orzamentario, segundo o disposto no artigo 19.2º da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, sen prexuízo do disposto no artigo 3 desta orde. De esgotarse o crédito, segundo o establecido no artigo 32 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, acordarase a inadmisión de posteriores solicitudes e publicarase no Diario Oficial de Galicia e na páxina web.
3. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución será de cinco meses que se computarán a partir do día seguinte ao da presentación da solicitude. Transcorrido este prazo sen que se ditase resolución expresa, a solicitude entenderase desestimada.
4. A duración e contía das axudas serán as que se especifiquen na resolución de concesión.
5. A secretaria xeral da Igualdade poderá modificar ou suspender a concesión no caso de que varíen as condicións que a motivaron. As resolucións de concesión, denegación, modificación e/ou suspensión ditadas notificaránselles ás interesadas e terán que ser motivadas.
6. As resolucións ditadas esgotan a vía administrativa e contra elas pode interpoñerse potestativamente recurso de reposición ante o órgano que ditou o acto no prazo dun mes desde a súa notificación, de acordo co disposto no artigo 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou directamente recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional competente, no prazo de dous meses a partir do día seguinte ao da súa notificación, segundo o disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.
Artigo 7. Pagamento das axudas
1. O pagamento axustarase ao establecido na Lei 38/2003, xeral de subvencións, e na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A contía da axuda concedida aboaráselles ás beneficiarias en pagamentos periódicos por mensualidades vencidas. O primeiro pagamento consistirá nun aboamento polo importe total dos atrasos que, de ser o caso, lle correspondan segundo as mensualidades que figuren na resolución de concesión.
2. Co obxecto de comprobar que non se producen variacións das circunstancias da concesión, que se cumpren as obrigas establecidas e, en todo caso, que a beneficiaria non reinicia a convivencia co agresor ou solicita deixar sen efecto as medidas de protección que tiver vixentes, o órgano xestor, durante o período de pagamento, poderá obter canta información considere necesaria, a través do Punto de Coordinación de Ordes de Protección (PCOP), de informe dos servizos sociais da Administración local ou autonómica, ou por calquera outro medio con validez legal.
3. O pagamento das axudas reguladas nesta disposición farase unicamente na conta bancaria que as solicitantes fixesen constar na solicitude, que debe permanecer activa para estes efectos mentres non se teña constancia da finalización do expediente, non facéndose responsable a Administración da imposibilidade de efectuar o ingreso por causas directamente imputables ás solicitantes.
Artigo 8. Modificación e suspensión da axuda
1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e, en todo caso, a obtención doutras outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, para a mesma finalidade, poderá dar lugar á modificación ou suspensión da resolución da concesión.
2. Sen prexuízo do disposto nesta orde, o órgano xestor poderá iniciar un procedemento de revisión no momento en que teña constancia, ben a través das actuacións levadas a cabo no seguimento das axudas previstas no artigo 12 destas bases reguladoras, ben a través de calquera outro medio de comprobación, de que variaron as circunstancias da concesión, ou cando a dita comprobación non sexa posible. A apertura deste procedemento pode establecer a suspensión provisional dos pagamentos ata que se dite resolución definitiva de modificación ou de suspensión da concesión, ou se deixe sen efecto a dita suspensión, por comprobación do mantemento das circunstancias iniciais, e se reinicien os pagamentos pendentes.
3. En todo caso, se durante a percepción da axuda, o órgano xestor ten constancia do traslado da residencia da beneficiaria fóra da Comunidade Autónoma de Galicia, de que a beneficiaria reiniciou a convivencia co agresor ou de que a beneficiaria solicitou deixar sen efecto as medidas de protección que tiver vixentes, procederá resolver a suspensión definitiva da axuda.
4. No suposto de que durante a percepción da axuda se produza un incremento de ingresos e, como consecuencia, se superen os límites de referencia tidos en conta para o seu cálculo inicial, procederase á modificación da concesión polo período restante da axuda, minorando o seu importe para a súa regularización.
No caso de que o incremento de ingresos determine que se supera o límite establecido no artigo 1.1.d) destas bases reguladoras, resolverase a suspensión definitiva da axuda.
Artigo 9. Reintegro
1. O órgano xestor poderá proceder á apertura do expediente declarativo de reintegro, total ou parcial, e dos xuros de demora devindicados desde o momento do seu pagamento, de acordo co establecido no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, nos seguintes supostos:
a) Incumprimento das obrigas establecidas nesta orde.
b) Obtención da axuda sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión ou falseando ou ocultando feitos ou datos que terían impedido a súa concesión.
c) Incumprimento da finalidade para a que foi concedida a axuda.
2. De acordo co establecido no artigo 64 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as persoas beneficiarias poderán realizar, sen o requirimento previo da Administración, a devolución total ou parcial da axuda concedida, mediante o seu ingreso na conta operativa do Tesouro da Xunta de Galicia que lle será facilitada polo órgano xestor, en concepto de devolución voluntaria da axuda. Neste caso, a persoa beneficiaria deberá presentar ante o órgano concedente copia xustificativa da devolución voluntaria realizada, na cal conste a data do ingreso, o seu importe e o número do expediente e denominación da axuda concedida.
Artigo 10. Obrigas das beneficiarias
1. As beneficiarias quedan sometidas ao cumprimento das obrigas exixidas de conformidade co disposto no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e ás actuacións de comprobación que acorde a Secretaría Xeral da Igualdade. Así mesmo, quedan obrigadas a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.
2. As beneficiarias quedan obrigadas a comunicarlle ao órgano concedente calquera cambio das circunstancias que xustificaron a concesión da axuda.
3. As beneficiarias quedan obrigadas a manter a residencia na Comunidade Autónoma de Galicia durante a percepción da axuda e a comunicar, con carácter previo, calquera cambio de enderezo que se produza durante o mesmo período.
4. As beneficiarias quedan obrigadas a participar nos programas de formación, busca activa e mellora de emprego, e calquera outro que determine a Secretaría Xeral da Igualdade en colaboración con outras administracións ou entidades.
Artigo 11. Incompatibilidades
1. As axudas reguladas nesta disposición serán incompatibles con calquera outra establecida polas administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades ou por calquera entidade privada, destinadas ao mesmo fin.
2. Cando a solicitante teña solicitada a renda activa de inserción por vítima de violencia de xénero (RAI) fará constar expresamente esta circunstancia na declaración de axudas (anexo III) que presente xunto coa solicitude.
2.1. Cando a solicitante perciba a RAI, deberá facer constar expresamente esta circunstancia na declaración de axudas (anexo III) que presente xa que, de ter dereito a esta axuda, e por seren incompatibles, o órgano xestor concederalle un prazo de cinco días para que manifeste a súa opción, indicándolle que as mensualidades coincidentes no período de percepción de ambas as dúas axudas minoran no mesmo número de meses a axuda regulada nesta disposición. Transcorrido o prazo de cinco días desde a data recepción do escrito de opción pola solicitante sen recibir ningunha comunicación ao respecto no órgano xestor, este procederá á resolución por incompatibilidade e ao arquivamento do expediente.
2.2. No caso de que a interesada solicite ou perciba a RAI con posterioridade á presentación da solicitude desta axuda deberá comunicalo de xeito inmediato, para os efectos do establecido no punto anterior.
3. As solicitantes deberán ter en conta que as normas reguladoras de axudas tales como a renda de integración social de Galicia (Risga), as pensións non contributivas e aqueloutros subsidios percibidos por carencia de recursos teñen límites de percepción de ingresos distintos aos establecidos nesta orde para a percepción destas axudas periódicas de apoio a mulleres que sofren violencia de xénero, polo que no momento de recibir a notificación de concesión deberán comunicalo aos organismos responsables da xestión das axudas que estivesen a percibir.
Artigo 12. Seguimento e control
1. O seguimento das axudas concedidas será realizado polo persoal especializado que determine a secretaria xeral da Igualdade, e incidirá especialmente nos aspectos que se relacionan a continuación, ademais daqueloutros que se consideren salientables:
a) Avaliación e control da súa aplicación, que comprenderá os documentos referidos no artigo 7.2 destas bases reguladoras e un informe anual sobre a situación das beneficiarias. En todo caso, velarase polo cumprimento dos requisitos polos que se concedeu a axuda durante todo o período de percepción.
b) Apoio e orientación ás beneficiarias para acadar canto antes a súa plena autonomía.
Artigo 13. Infraccións e sancións
As beneficiarias estarán sometidas ás responsabilidades e ao réxime sancionador que sobre infraccións nesta materia establecen a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento.
Artigo 14. Publicidade
A concesión destas axudas non será obxecto de publicidade, en aplicación do disposto no artigo 15.2º d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 13.6º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega.