Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 68 Martes, 9 de abril de 2013 Páx. 10550

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 5 de marzo de 2013, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se fai público o contido normativo do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal denominado Centro Tecnolóxico de Compensadores de Dilatación.

O 26.4.2011 a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas resolveu ordenar a publicación no Diario Oficial de Galicia do Acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 20 de abril de 2011, polo que se aproba definitivamente o proxecto sectorial de incidencia supramunicipal denominado Centro Tecnolóxico de Compensadores de Dilatación.

O 16.5.2011 publicouse no DOG a dita resolución pero non se publicou como anexo o contido normativo do antedito proxecto sectorial.

De acordo con todo o indicado,

RESOLVO:

Publicar no Diario Oficial de Galicia o contido normativo do proxecto sectorial de incidencia supramunicipal denominado Centro Tecnolóxico de Compensadores de Dilatación, aprobado definitivamente polo Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do 20 de abril de 2011 (DOG núm. 94, do 16 de maio) e que se inclúe como anexo á presente resolución.

Santiago de Compostela, 5 de marzo de 2013

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Industria, Enerxía e Minas

ANEXO
Regulamentación detallada do uso pormenorizado

1. Xeneralidades e terminoloxía de conceptos.

1.1. Xeneralidades.

A presente regulamentación ten por obxecto a regulamentación do uso dos terreos e a edificación, no ámbito do proxecto sectorial.

Polo que se refire á terminoloxía de conceptos establécense, a continuación, as seguintes definicións:

1.2. Terminoloxía de conceptos.

– Ámbito de actuación.

Comprende o conxunto de terreos obxecto deste proxecto sectorial, e interiores á delimitación gráfica representada nos planos deste proxecto.

– Etapa.

É a unidade mínima de realización das obras de urbanización coordinada coas restantes determinacións do proxecto, en especial, co desenvolvemento no tempo da edificación.

– Rasante.

É a liña que determina a inclinación dun terreo ou pavimento respecto do plano horizontal.

Distínguense dous tipos de rasantes:

• Rasante de vías: é o perfil lonxitudinal do viario, segundo o proxecto de urbanización.

• Rasante de terreo: é a que corresponde ao perfil do terreo natural (cando non experimentase ningunha transformación) ou artificial (despois das obras de explanación, desmonte ou recheo que supoñan unha alteración da rasante natural).

– Aliñación.

Son as liñas definidas polo proxecto sectorial e materializadas polo proxecto construtivo que o desenvolva, que delimitan os espazos de dominio público dos terreos de uso privado.

– Lindeiros.

Son as liñas perimetrais que delimitan os predios.

– Liña de fachada.

É a intersección do plano vertical da fachada co plano de xeratrices horizontais que conten a rasante oficial.

– Recuamento.

Distancia comprendida entre o lindeiro e a liña de fachada.

– Medición do recuamento.

O valor do recuamento medirase perpendicularmente ao lindeiro de referencia, en todos os seus puntos.

– Superficie ocupada.

É a superficie delimitada polas liñas de fachada da edificación.

Para o cómputo da superficie ocupada non se terá en conta os aleiros e marquesiñas.

– Coeficiente de ocupación.

É a porcentaxe que representa a superficie ocupada con relación á superficie do predio.

– Sotos e semisotos.

Enténdese por soto a totalidade ou a parte da planta na que o teito se atopa, en todos os puntos, por debaixo da rasante do terreo en contacto coa edificación.

Enténdese por semisoto a planta da edificación que ten parte de súa altura por debaixo da rasante do terreo en contacto coa edificación e que o paramento inferior do forxado de teito se atopa a unha altura igual ou inferior a 1,00 metro en calquera punto sobre a rasante da beirarrúa ou de terreo en contacto coa edificación.

– Entreplantas.

Enténdese por entreplanta a superficie construída naquelas edificacións dunha soa planta destinadas a uso administrativo, comercial ou industrial con superficie inferior ao 50 % da superficie de planta considerada, sempre e cando o seu uso estea asociado ao da planta, e se acceda a través desta.

– Altura da edificación.

É a comprendida entre a rasante elixida para o proxecto e a cara inferior do forxado de cuberta ou tirante da nave, segundo o caso de que se trate, medida sobre os planos de fachada no punto medio desta.

– Altura de planta.

É a comprendida en cada planta entre caras superiores de forxado ou entre nivel de piso e tirante de nave, segundo os casos.

– Altura libre de planta.

É a comprendida entre dous forxados consecutivos. Cando se trate de naves, a altura de planta e a altura libre de planta considerarase equivalente.

– Naves.

Edificios destinados a soportar os procesos de fabricación e/ou almacenaxe.

– Bloques representativos.

Edificios destinados a despachos, oficinas, salas de recepción e conferencias, exposicións, laboratorios de investigación e, en xeral, todos os que dependendo administrativamente da industria ou comercio, non se dediquen a procesos de fabricación ou almacenaxe.

– Construcións e elementos accesorios.

Son aquelas construcións e instalacións con entidade propia, necesarias para o axeitado funcionamento dos almacéns e industrias, tales como: depósitos elevados, silos, torres de refrixeración, chemineas, caldeiras, básculas de pesaxe etc.

1.3. Condicións do proxecto construtivo.

– Rede viaria.

As calzadas realizaranse con firmes flexibles.

Todos os encontros de rúas serán dimensionados conforme as recomendacións para o proxecto de interseccións do Ministerio de Fomento.

No proxecto de obras determinaranse os materiais que se van utilizar adaptándose ás normas municipais e ás características do terreo.

– Accesibilidade.

A ordenación proposta neste proxecto sectorial deseñouse tratando de evitar toda restrición para a accesibilidade das persoas con limitacións motrices e sensoriais. Os proxectos de edificación que se acompañen en solicitude de licenza garantirán a correcta accesibilidade das ditas persoas dentro das edificacións.

En calquera caso os proxectos de obras axustaranse ao disposto na Lei 8/1997, do 20 de agosto, de accesibilidade e supresión de barreiras na Comunidade Autónoma de Galicia (artigos 5 a 13) e os artigos 12 a 26 do Regulamento de desenvolvemento e execución da dita lei, exixibles á urbanización dos espazos libres de uso público.

– Aparcamentos.

Neste proxecto sinálanse as prazas de aparcamento previstas na área reservada para aparcamento no interior do predio.

Resérvanse cando menos o número total de prazas para persoas de mobilidade reducida sinaladas no artigo 7.c) do anexo ao Regulamento de planeamento e 14 da Lei 8/1997, de accesibilidade e supresión de barreiras na Comunidade Autónoma de Galicia.

En calquera caso os aparcamentos cumprirán as determinacións do Regulamento de desenvolvemento e execución da Lei de accesibilidade e supresión de barreiras na Comunidade Autónoma de Galicia (artigos 21 e 37; e bases 1.3 e 3 do anexo 1 do dito regulamento).

– Redes de servizos.

As características que reunirán as redes de servizos que se van executar cumprirán as seguintes características ben que se terán en conta as exixencias das diferentes normativas técnicas, as municipais ao respecto, así como a adaptación aos novos materiais, usos e técnicas construtivas.

No proxecto de obras poderanse realizar cambios que, sen merma de calidade e/ou cantidade, se adapten ás normas municipais e ás características do terreo.

– Abastecemento.

Características de deseño:

• A rede dispoñerase en malla con válvulas de corte nos cruces, de tal xeito que permita obter tramos independentes e facilite a subministración ao resto dos treitos.

• Disponse acometida individual para a parcela.

• As conducións de abastecemento de auga estarán separadas dos condutos doutras instalacións por unhas distancias mínimas en cm, dadas na táboa seguinte e medidas entre xeneratrices interiores en ambas as conducións e quedarán sempre por riba da condución da rede de sumidoiros:

Instalación

Separación horizontal en cm

Separación vertical en cm

Rede de sumidoiros

60

100

Gas

50

50

Electricidade - alta

30

30

Electricidade - baixa

20

20

Telefonía

30

_

– Contra incendios.

Características de deseño:

• A rede dispoñerase mallada con válvulas de corte nos cruces de tal xeito que permita obter tramos independentes e facilite a subministración ao resto dos treitos.

• As conducións da rede contra incendios estarán separadas das outras instalacións unhas distancias mínimas similares ás recollidas para efecto no punto correspondente á rede de abastecemento.

– Rede de sumidoiros.

Xeneralidades:

• Trazado:

- Proxectase unha rede de saneamento en sistema separativo.

- O trazado discorre paralelo ás vías.

• Características de deseño:

- O material que se vaia empregar será PVC compacto para a rede de saneamento de augas residuais e de formigón para a rede de saneamento de augas pluviais agás que a compañía subministradora indicase outra cousa.

- En ambos os casos, a pendente de canalización será inferior ao 6 % e dispoñeranse resaltes para evitar o perigo de erosións, en cambios de cota maiores de 80 cm.

- As tapas de rexistro serán as axeitadas para soportar tráfico pesado (40 t) e a distancia máxima entre pozos de rexistro será de 50 metros.

- Na rede de recollida de pluviais dispóñense sumidoiros nos puntos baixos, cambios de dirección e cruzamentos e non deberán exceder 50 metros a separación entre dous sumidoiros seguidos.

- Na acometida á parcela realizaranse pozos de rexistro independentes para pluviais e residuais e dispoñeranse as acometidas directas aos pozos.

– Enerxía eléctrica.

Posto que xa existe subministración de enerxía eléctrica nas instalacións actuais mantense a rede actual, coa rede de distribución en media tensión no mesmo lugar que a existente, ao leste do ámbito ata o centro de transformación. A rede de distribución en baixa tensión disponse soterrada baixo o terreo e, en caso de precisarse algunha ampliación, executarase segundo normas da compañía distribuidora.

– Telefonía.

Posto que xa existe subministración de telefonía nas instalacións actuais mantense a rede actual. En caso de precisarse algunha ampliación executarase segundo normas da compañía distribuidora.

2. Condicións da edificación.

– Licenzas.

Estarán suxeitos a licenza previa, todos os actos previstos no artigo 194.2 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia coas modificacións derivadas da Lei 15/2004 e no 10 do Regulamento de disciplina urbanística.

A parcela dispoñerá dun único acceso rodado. O largo xustificarase con base nas dimensións da parcela, ou o uso que se dea nela, así como a posibilidade de que existan varios accesos.

O propietario da parcela está obrigado a reparar os desperfectos que puideren ocasionarse na vía pública debidos á construción dos accesos.

O concello fixará os avais que garanten a reparación destes desperfectos.

– Peches de parcela.

O límite da parcela nos aliñamentos, obxecto de recuamentos, materializarase cun cerramento tipo cunha parte cega de altura máxima 1,00 m e 1,00 m máis en celosías, ben que, preferiblemente con valado metálico e, en ningún caso, superiores a 2 m no seu conxunto. O peche reflectirase no proxecto construtivo, aínda que se deberán cumprir as condicións establecidas no artigo 42, letra c) da Lei 9/2002, modificado pola Lei 15/2004, no que non se permiten peches de bloques de formigón ou outros materiais de fábrica, agás que sexan debidamente revestidos e pintados da forma que regulamentariamente se determine. O impacto visual minimizarase cun peche vexetal con solucións o máis transparentes posibles.

O espazo privado que queda entre a fachada frontal e a vía deberá acondicionarse para aparcadoiro privado ou con tratamento de xardín-espazo libre, que se urbanizará simultaneamente coa construción que se vai definir no correspondente proxecto de edificación.

– Condicións de uso.

Permítense as edificacións e elementos auxiliares definidos neste proxecto sectorial.

2.1. Regulación de emisións contaminantes.

– Xeneralidades:

Non se poderá instalar, ampliar ou modificar ningunha actividade potencialmente contaminante da atmosfera sen a correspondente autorización municipal, sen prexuízo do que dispoñan os demais organismos competentes na materia e conforme a lexislación vixente.

As actividades suxeitas ao procedemento de avaliación e incidencia ambiental de acordo co Decreto 133/2008, do 12 de xuño, polo que se regula a avaliación e incidencia ambiental, cuxa autorización exixa un trámite de avaliación ambiental deberán incluír no documento ambiental que sexa necesario a documentación exixida no artigo 7 do mencionado decreto.

Non obstante, segundo a disposición adicional primeira do Decreto 133/2008, se o proxecto estivese sometido ao procedemento de avaliación de impacto ou efectos ambientais procederase á súa tramitación conforme a normativa reguladora dos devanditos procedementos. Doutra banda, a disposición adicional terceira cando as actividades suxeitas a avaliación de incidencia ambiental fosen acomitidas directamente pola Administración autonómica como promotora dun proxecto, cuxa aprobación leve implícita a declaración de utilidade pública o procedemento tramitarase de acordo cun procedemento abreviado regulado na propia disposición adicional.

– Establecemento de limitacións relativas a emisións á atmosfera:

As emisións gasosas producidas pola actividade axustaranse aos valores permitidos pola Lei 34/2007, do 15 de novembro, de calidade do aire e protección da atmósfera (BOE do 16 de novembro), a Lei 16/2002, do 1 de xullo, de prevención e control integrados da contaminación (BOE do 2 de xullo) e o Decreto 133/2008, do 12 de xuño, que regula a avaliación de incidencia ambiental.

Así mesmo, adaptarase ao disposto na Lei 8/2002, de protección atmosférica de Galicia.

– Establecemento de limitacións relativas a verteduras de augas residuais:

Os límites das composicións cualitativas ou cuantitativas das augas residuais cumpren os parámetros fixados no Real decreto 849/1986, polo que se aproba o Regulamento do dominio público hidráulico e o Real decreto 606/2003, que o modifica así como a normativa vixente, no seu momento, e as limitacións que poida establecer Augas de Galicia ou, se é o caso, a compañía concesionaria.

– Establecemento de limitacións relativas a emisións de ruídos:

En materia acústica é aplicable a Lei 7/1997, do 11 de agosto, de protección contra a contaminación acústica e o Decreto 150/1999, do 7 de maio, polo que se aproba o Regulamento de protección contra a contaminación acústica, da Xunta de Galicia, no que se establece unha clasificación das zonas en función dos niveis acústicos que poden soportar no seu contorno externo.

Nivel sonoro dB (A)

Zona

Día

Noite

A

60

50

B

65

55

C

70

60

D

75

65

Onde:

Zona A: zonas de alta sensibilidade acústica, entendendo por tales aqueles sectores do territorio que admiten unha percepción baixa contra o ruído, como áreas sanitarias, docentes, culturais ou espazos protexidos.

Zona B: zonas de moderada sensibilidade acústica, que comprende todos os sectores do territorio que admiten unha percepción do nivel sonoro medio, como vivendas, hoteis ou zonas de especial protección como centros históricos.

Zona C: zonas de baixa sensibilidade acústica, que comprenden todos os sectores do territorio que admiten unha percepción do nivel sonoro elevado, como restaurantes, bares, locais ou centros comerciais.

Zona D: zonas de servidume onde se engloban os sectores do territorio afectados por servidumes sonoras a favor de sistemas xerais de infraestruturas viarias, ferroviarias ou outros equipos públicos que as reclamen.

Neste proxecto sectorial as instalacións atópanse na zona D.

Así mesmo, atenderase a todo o disposto no CTE DB-R ou, no seu defecto, á normativa que o substitúa.

Xúntase como anexo 6 un Informe de ruído realizado pola empresa, na que xustifícase que non se sobrepasan os nivéis máximos admitidos pola lexislación vixente.

2.2. Condicións estéticas e de integración paisaxística.

Para procurar a integración paisaxística cumpriranse as seguintes características:

– O perímetro do ámbito de actuación revexetarase de xeito que se cree unha pantalla vexetal nas zonas nas que se creen desmontes ou noiros debidos á adaptación das instalacións ao terreo. No caso de que os límites se establezan en zonas verdes existentes, estes manteranse nas condicións existentes, coas súas cualidades iguais ou melloradas.

– O tratamento de todas as fachadas será o de edificio ben terminado.

– Repoñerase o arboredo que sexa necesario quitar do lugar actual debido aos condicionantes de ordenación.

– Tanto as paredes medianeiras como os paramentos susceptibles de posterior ampliación nas posteriores fases, trataranse como unha fachada, ofrecendo calidade de obra terminada.

– As construcións auxiliares e instalacións complementarias da industria ofrecerán un nivel de acabado digno, e que non desmereza da estética do conxunto; para o que os ditos elementos se traten con idéntico nivel de calidade que a edificación principal.

– As especies vexetais que se vaian replantar serán autóctonas.

– Minimizaranse os movementos de terra suavizando as pendentes dos abancalamentos que se produzan.

– As novas edificacións deberán posicionarse preferiblemente nos espazos do predio que estean previamente alterados.

3. Descrición das instalacións que se vaian executar.

Neste punto detállanse as características das instalacións obxecto do proxecto sectorial nas fases I, II e III, de acordo coas especificacións establecidas nos correspondentes proxectos técnicos.

En todas as edificacións se deberá cumprir a normativa vixente en materia de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas vixente no momento de solicitar a autorización para acometer as obras.

– Condicións do establecemento industrial.

Tipoloxía da edificación: edificacións illadas de titularidade privada.

Nº de plantas das naves de produción: planta baixa.

Nº de plantas de almacén: planta baixa.

Nº de plantas do edificio de oficinas: planta baixa e planta primeira.

Nº de traballadores (teórico): máis de 50.

– Adecuación das zonas de actividade.

Tendo en conta as características das actividades propias da zona de naves, que fai necesario o movemento de cargas en zonas de carácter industrial, con obstáculos que implican serios riscos para persoas con mobilidade reducida, considérase que os posibles traballadores de mobilidade reducida do persoal da empresa levarán a cabo as súas actividades no módulo de oficinas.

Por iso, será necesario prever a adecuación dos espazos deste módulo para garantir a correcta accesibilidade por parte de traballadores de mobilidade reducida, xustificando así o cumprimento das condicións previstas na normativa de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas, por medio das medidas correctoras que se refiren á continuación.

A construción e accesos do local estarán adaptados no posible no que se refire aos seguintes aspectos:

a) Existirá un itinerario practicable que une a edificación coa vía pública.

b) Existirá un aseo adaptado para o uso por persoas de mobilidade reducida.

c) Existirán dúas prazas de aparcamento para vehículos que transportan persoas en situación de mobilidade reducida, o máis próximas posible á entrada.

Os elementos de urbanización, tales como pavimentos, saneamentos, redes de subministración de auga e electricidade, iluminación, redes de telecomunicación etc. non constitúen obstáculo para a liberdade de movementos de persoas minusválidas.

Sobre este terreo distínguense tres grupos de construcións:

a) Edificio representativo de oficinas e investigación: ocupa a parte central da parcela, na zona oeste e nela desenvólvese o proceso de investigación e xestión asociada ao proceso produtivo dos compensadores de dilatación. Esta edificación, de planta circular, divídese na planta baixa cunha zona de exposicións, recepción, almacén, zona de reparación e un aseo e a planta alta cun vestíbulo de distribución, arquivo, contabilidade, despachos técnicos, sala de visitas e xuntas, bar e aseos.

b) Edificios de instalacións e almacén: son dous edificios independentes, de planta circular, situados próximos ao edificio de oficinas na zona central da parcela. Un deles alberga aseos e vestiarios para os traballadores e o outro é diáfano destinado a almacén.

c) Naves de produción: actualmente existen sete naves destinadas á produción, de planta rectangular, realizadas con pórticos de estrutura metálica de luz variable entre 20,50 e 26,90 m, cada 10,55 m ou 10,90 m. O interior destas naves é completamente diáfano no seu interior, existindo unicamente, por un lado, un recinto pechado nunha delas que alberga un centro de transformación e por outro un depósito de auga.

As diferentes zonas en que se dividen as naves correspóndense co proceso produtivo, estando independizadas nas seguintes áreas: recepción de materias primas, control de calidade, almacén de materias primas, corte, soldadura, mecanización, montaxe, pintado, granallado, embalaxe e almacén de produto terminado. Así mesmo, existe unha zona independizada destinada a vestiarios, aseos e oficina de persoal.

d) Instalacións complementarias: existen algunhas áreas independizadas do proceso produtivo para garantir as condicións de seguridade polo que se atopan completamente illadas e contan co illamento necesario para evitar a emisión de elementos nocivos e contaminantes á atmosfera. Estas áreas son a cabina de pintado, o búnker para ensaios radiográficos e o almacén de residuos tóxicos perigosos xerados, ata que un xestor autorizado faga o seu tratamento. A cabina de granallado situarase no interior da nave de produción e contará cun sistema de transporte e recuperación do abrasivo coas seguintes características:

• Sistema Scraper Floor: o sistema estará formado por un so de Scraper Floor de dimensións totais aproximadas de 8.000 mm de longo por 8.000 mm de largo, que se encargará de levar todo o abrasivo que se emprege a un foxo onde se recuperará para a súa posterior limpeza e almacenamento.

• Sistema elevador de canxilóns:

- Elevador de canxilóns.

Elevador de canxilóns de altura desde o solo de aproximadamente 4.800 mm, quedando uns 1.600 mm por debaixo da cota 0 da instalación.

A potencia do seu motor será de 1 CV (0,75 kW).

- Sistema de limpeza do abrasivo.

O funcionamento deste limpador será o que segue:

O abrasivo procedente do elevador de canxilóns entra nun tambor cun motor de 0,25 CV (0,20 kW), o cal separa as partículas de gran tamaño, e o resto (abrasivo + po) sométese a unha corrente de aire, quedando o po atrapado no colector de po instalado como sistema de ventilación na cabina. As partículas máis grosas separadas polo tambor criba caen a través dun conduto ata un contedor de refugallos.

- Silo de almacenamento do abrasivo.

O abrasivo limpo e tratado almacenarase nun silo de aproximadamente 2.000 l de capacidade para alimentar dous equipos de granallado.

- Tremoia de solo.

Tremoia de solo para recollida do abrasivo de dimensións aproximadas 1.000 mm×1.000 mm.

• Sistema de ventilación de cabina.

Constará dun colector de po para ventilación que aspire un mínimo de 25.000 m3 de aire/hora.

As especificacións técnicas do filtro son:

Máximo volume de aire: 25.000 m3/h.

Tipo de filtro: cartuchos de poliéster.

Superficie total de filtraxe: 234 m2.

• Enreixado.

Formado por módulos de 900×1.000 mm en reixa galvanizada con chapa perforada antiesvarante, de platina portante de 30 mm de altura e 2 mm de espesor.

• Equipo de chorro abrasivo.

O equipo de chorro abrasivo está formado por:

1 areadora de 200 l de capacidade con control remoto.

20 m de mangueira bitubo para control remoto de acoples.

20 m de mangueira aire operario con acoples.

Acoplamento rápido CQT-2.

Portabocas NHP-2.

Boca de 8 mm.

Careta Apollo 100.

Filtro de carbón activado.

Todos estes equipos colocaranse baixo o silo de almacenamento de abrasivo.

• Envolvente de cabina.

Formada por paneis sándwich de 50 mm de espesor. Constará dunha porta de doble folla para entrada e saída de pezas e dúas portas peonís.

• Engomado interior.

As paredes laterais e portas da cabina irán forradas con goma negra de 3 mm de espesor, solapada e unida entre elas mediante parafusos a intervalos de 2 m que faga efecto colchón. O sistema de colgado das pranchas de goma realizarase mediante a colocación dunha U pregada de 30×40×30 sobre as paredes laterais da cabina, sobre a cal se colgarán as pranchas de goma.

• Iluminación.

Instalaranse 9 luminarias de 400 W de potencia distribuídas uniformemente sobre o teito da cabina.

– Xustificación da tipoloxía das instalacións.

Os compensadores de dilatación son dispositivos, que formados por un ou máis foles, se utilizan para absorber movementos causados pola expansión ou a contracción térmica e as vibracións en sistemas de canalizacións e recipientes. Son pezas deseñadas para absorber movementos axiais, laterais ou angulares, e poden ser circulares ou rectangulares, sen límite de tamaño.

Os materiais utilizados son aceiros inoxidables austeníticos e aliaxes de níquel. O 100 % dos residuos de aceiro son reciclados e reutilizados noutras áreas da industria.

A empresa conta cun departamento de enxeñaría que se encarga do deseño específico do produto e cun departamento de calidade que leva un coidadoso seguimento de todas as etapas do proceso produtivo, desde a compra de materias primas ata a posta en marcha de cada elemento, de maneira que se ofreza unha solución global e adaptada ás características específicas de cada cliente.

O departamento de enxeñaría conta cun equipo de enxeñeiros altamente cualificados que utiliza os máis avanzados programas de análise e cálculo, para deseñar as canalizacións e calcular os requirimentos e características dos compensadores de dilatación axeitados.

Macoga posicionouse como un líder mundial no sector, fabricando a máis completa gama de compensadores de dilatación metálicos e abastecendo todos os sectores da industria polo que non existe un modelo para este tipo de actividade, debendo adaptar as edificacións e instalacións ás necesidades específicas da empresa. As instalacións proxectadas definen as necesidades do proceso produtivo actual e futuro a medio prazo previsto, baseándose na capacidade de crecemento e desenvolvemento da propia actividade.

Así pois, as edificacións existentes mantéñense tal e como están na actualidade, por un lado cos edificios representativos de planta circular dedicados a oficinas e enxeñaría, vestiarios e almacén e, por outro, as naves de produción existentes que manterán o seu proceso produtivo.

As edificacións proxectadas para realizar a ampliación son edificacións industriais, con tipoloxía de naves realizadas con estruturas prefabricadas metálicas, ben que se poderían considerar outros materiais prefabricados, de maneira que se permita a execución de grandes luces e, polo tanto, se consigan grandes espazos diáfanos que permitan a libre disposición das máquinas que se precisen. Xustifícase a existencia de cerramentos e piares de apoio interiores polas necesidades da actividade e a sectorización contra incendios, así como as limitacións derivadas das dimensións máximas dos elementos prefabricados que se vaian empregar na estrutura.

Estas edificacións están adaptadas á topografía da parcela, dotadas de todos os compoñentes de illamento térmico e acústico nos cerramentos tanto verticais como horizontais. A concentración excesiva dos volumes evítase fragmentando en distintos corpos as edificacións e implantándoas, a diferente cota segundo as características do terreo. As naves 1, 2, 3 e 4 proxectadas manteñen a cota de produción na cota existente nas naves xa construídas, como se xustificou por necesidades produtivas.

Déixase un patio de separación entre as naves existentes e as da ampliación, que actúa como peirao de carga e patio de manobras. Desta forma garántese o cumprimento das saídas de evacuación sen superar as distancias dos percorridos máximos e ao mesmo tempo, fragmenta os corpos das edificacións para evitar os impactos visuais na paisaxe das instalacións.

– Obra civil.

Tal e como se define no plano de alzados e seccións de conxunto, o perfil modificado do terreo adaptouse ao perfil existente do terreo o máximo posible.

Para o desenvolvemento da actividade é necesaria a construción dunhas edificacións das dimensións seguintes, especificadas segundo as tres fases previstas de execución:

Lonxitude (m)

Luz (m)

Altura (m)

Sup. construída (m2)

Nave 1
Fase I

50

20

12

1.000

Nave 2
Fase I

50

20

12

1.000

Nave 5
Fase I

50

20,5

7

1.025

Nave 6
Fase I

50

20,5

7

1.025

Nave 3
Fase II

50

20

12

1.000

Nave 4
Fase II

50

20

12

1.000

Nave 7
Fase III

60

40

7

2.400

Fase I
Fase II

Fase III

4.050

2.050

2.400

– Paramentos.

Empregaranse para as fachadas paneis sándwich prefabricados, cunha constitución mixta de aceiro galvanizado e formigón nas caras exteriores respectivamente e illamento de la de rocha ao interior, con rotura de ponte térmica, e fixación directamente sobre a estrutura metálica. Este sistema de cerramento cumpre as condicións de illamento térmico e acústico requiridas, así como a resistencia ao lume de polo menos 120 minutos.

As caras exterior e interior poden alternarse segundo se desexe que o aceiro ou o formigón queden do lado interior ou exterior, ben que, posto que as edificacións existentes están realizadas en aceiro e que ademais é a materia prima utilizada para producir os compensadores de dilatación, utilizarase este material que reforza a imaxe corporativa da empresa.

Ao utilizar elementos prefabricados nos cerramentos, os paneis sándwich substitúense por vidro nalgunhas bandas horizontais para introducir luz natural ao interior.

– Cuberta.

Empregaranse, así mesmo, para as cubertas paneis sándwich de aceiro galvanizado e illamento interior.

– Pavimento.

O pavimento será de formigón fratasado de 200 mm de espesor con dobre malla a base de grella de aceiro de ɸ 10 cada 250 mm sobre capa de 200 mm de pedra de cantería con xuntas de formigonado de 5×5 m.

– Elementos estruturais.

Para recibir aos piares, farase un caixón en zapata e deste modo o piar considerarase encaixado unha vez se encha o caixón con argamasa.

As vigas van apoiadas nos piares, e para iso disponse dun caixón nestes.

As correas tamén son prefabricadas e suxeitaranse ás vigas mediante un enganche de aceiro galvanizado.

– Instalacións.

• Enerxía eléctrica:

Tal e como se indicou, xa existe unha acometida en media tensión e un centro de transformación no interior da parcela dando servizo ás instalacións existentes actualmente. Así pois, ampliarase o cadro xeral de control existente e nas novas edificacións que se vaian realizar situarase un cadro secundario utilizando o mesmo tipo de instalación.

• Iluminación de emerxencia:

Consta de diversos aparellos autónomos de emerxencia e sinalización de forma que permitan en calquera momento a causa dun fallo na subministración atopar a saída cara ao exterior.

A iluminación de emerxencia terá unha autonomía de funcionamento dunha hora como mínimo e entrará en servizo automaticamente no caso de fallar a iluminación xeral ou cando a tensión baixe o 70 % do valor nominal.

A iluminación de sinalización funcionará dun modo continuo e a súa misión é sinalar a situación de portas, corredores, escaleiras e saídas de locais. Deberá proporcionar no eixe dos pasos principais unha iluminación mínima de 1 lux.

O cálculo do número de equipos autónomos para a iluminación de emerxencia, realizarase de acordo co establecido ao respecto no Regulamento de seguridade contra incendios en edificios industriais.

• Posta á terra:

Os condutores serán de cobre, presentando o mesmo illamento que os condutores activos e instalaranse pola mesma canalización.

Conectarase e ampliarase o anel existente de cobre de cada nave, e poñendo diversos puntos de posta a terra. Prestarase especial atención durante a execución das ampliacións á interconexión entre os aneis de terra das novas construcións cos das existentes.

O punto de posta a terra, constará dunha placa de cobre ou aceiro galvanizado con bornes (parafusos ou roscas) á que vai parar a liña principal de terra.

Para unha mellor identificación ao condutor de protección recoñeceráselle pola dobre cor amarelo-verde.

Terán a mesma sección que os condutores activos de cada circuíto.

Por último, débese recordar que todos os condutores de terra teñen a prohibición de ser interrompidos con mandos mecánicos (interruptores, fusibles, seccionadores etc.).

• Fontanaría e saneamento:

Nas naves que se van ampliar non se van instalar dependencias que precisen de subministración de auga potable, auga quente sanitaria nin evacuación desta, posto que xa existen nos edificios actuais, tal e como se indicou, espazos reservados para aseos e vestiarios, polo que non é necesario realizar esta instalación.

• Ventilacións:

A ventilación será natural a través de ventás e reixas con apertura regulable situados en fachadas nas naves de produción (para as fases I, II e III).

• Instalación de seguridade contra incendios.

Posto que as edificacións actuais xa están a realizar a actividade produtiva, xa existe unha instalación de protección contra incendios, adaptada ao Real decreto 2267/2004, do 3 de decembro, polo que se aproba o Regulamento de protección contra incendios en edificios industriais, de aplicación nos edificios de naves e de instalacións e o Real decreto 2177/1996, do 4 de outubro, polo que se aproba a Norma de edificación NBE-CPI-96 Condicións de protección contra incendios nos edificios, de aplicación no edificio de oficinas.

A empresa Macoga conta con plans de autoprotección e de emerxencia que serán adaptados ás novas necesidades que se xeren coa ampliación das edificacións previstas.

• Illamento acústico:

Para edificacións de usos diferentes a residencial, sanitario, docente e administrativo, non son de aplicación as exixencias do DB-HR do código técnico.

En función dos datos de emisión fónica da maquinaria, e tendo en conta un nivel de ruído máximo, pódese estimar o ruído emitido polas máquinas en 102,2 dB (A).

A) Horario diúrno: das 8.00 ás 22.00 horas:

Orientación cerramento

Nivel emisión máximo local (teórico)

Illamento proxectado

Illamento exixido

Nivel emitido

Nivel permitido das 8.00 ás 22.00 horas

Fachada norte

102,2 dB (A)

58 dB (A)

30,00 dB (A)

44,2 dB (A)

75,00 dB (A)

Fachada sur

58 dB (A)

30,00 dB (A)

44,2 dB (A)

Fachada leste

58 dB (A)

30,00 dB (A)

44,2 dB (A)

Fachada oeste

35 dB (A)

30 dB (A)

67,2 dB (A)

B) Horario nocturno: das 22.00 ás 8.00 horas.

Orientación cerramento

Nivel emisión máximo local (teórico)

Illamento proxectado

Illamento exixido

Nivel emitido

Nivel permitido das 8.00 ás 22.00 horas

Fachada norte

84,93 dB (A)

58 dB (A)

30,00 dB (A)

26,93 dB (A)

65,00 dB (A)

Fachada sur

58 dB (A)

30,00 dB (A)

26,93 dB (A)

Fachada leste

58 dB (A)

30,00 dB (A)

26,93 dB (A)

Fachada oeste

35 dB (A)

30 dB (A)

49,93 dB (A)

Vibracións:

Toda a maquinaria rotativa se instalará sobre apoios elásticos antivibratorios. Evítase así a transmisión de vibracións aos cerramentos ou á estrutura das edificacións.