Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 68 Martes, 9 de abril de 2013 Páx. 10579

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 15 de marzo de 2013, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, pola que se autoriza administrativamente e se aproba o proxecto de execución da infraestrutura eléctrica denominada Subestación San Cibrao 132 kV, liña Galfor 132 kV e acoplamento lonxitudinal, no termo municipal de San Cibrao das Viñas (Ourense), que promove Unión Fenosa Distribución, S.A. (expediente IN407A 2012/70-3).

Logo de examinar o expediente instruído por pedimento da empresa Unión Fenosa Distribución, S.A., con enderezo para os efectos de notificación na avenida de Arteixo, 171, 15007 A Coruña, resultan os seguintes

Antecedentes de feito.

Primeiro. A subestación de San Cibrao das Viñas de Unión Fenosa Distribución, S.A., situada no propio polígono industrial deste termo municipal, dispón dun parque de 132 kV, un parque de 20 kV e tres transformadores de potencia, cunha relación de transformación de 132/20 kV e que suman unha potencia de 110 MVA (2×40 + 1×30).

Segundo. O 3 de decembro de 2012 a empresa Unión Fenosa Distribución, S.A. presentou solicitude de autorización administrativa e aprobación do proxecto de execución da infraestrutura eléctrica denominada «Subestación San Cibrao 132 kV-liña Galfor 132 kV e acoplamento lonxitudinal», xunto coa preceptiva documentación a que fai referencia o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica.

Este proxecto prevé a reforma da subestación de San Cibrao das Viñas, coas seguintes actuacións:

– A ampliación das barras do parque de 132 kV para habilitar con isto catro novas rúas; nunha destas rúas conectarase a posición para a liña Galfor 132 kV (liña que non é obxecto deste proxecto).

– Para unha mellor explotación e maior seguridade da instalación, instalarase unha posición de acoplamento lonxitudinal de barras, o que supón despexar as dúas rúas que se ven afectadas pola instalación do acoplamento; as posicións que se trasladan son a do transformador T-III e a liña Saceda, que, ademais, cambia para tecnoloxía híbrida (módulos blindados en SF6 de exterior) no canto da convencional.

– Coa instalación da posición de acoplamento, o parque 132 kV queda configurado en simple barra partida, polo que se instalará tamén unha nova posición para medida de barras.

A aparellaxe que se instalará será a seguinte:

– Un módulo híbrido de acoplamento lonxitudinal 132 kV, tipo PASS M0 de ABB.

– Un módulo híbrido de liña 132 kV, tipo PASS M= de ABB.

– Un módulo híbrido de liña de terceiro (Galfor) 132 kV tipo PASS M0 de ABB.

– Seis transformadores de tensión indutivos Arteche 132.000:√3/110:√3-110:√3-110:√3 V, 30 VA cl. 1,2, 30 VA cl. 0,5 e 100 VA cl. 3P.

– Tres autoválvulas 132 kV Disace-Tridelta tipo Varisil HTS-120 STS-PEI.

– Doce terminais ríxidos de exterior 132 kV.

– Prolongación de barras 132 kV mediante un pórtico metálico igual aos existentes e barras con cable Condor, igual ao embarrado existente.

Terceiro. O 4 de decembro de 2012 a Xefatura Territorial de Ourense desta consellería (en diante, Xefatura Territorial) ditou resolución pola que se someteu a información pública a solicitude de autorización da dita infraestrutura eléctrica, que se publicou no Diario Oficial de Galicia do 7 de xaneiro de 2013 e no Boletín Oficial da provincia de Ourense do 11 de febreiro. Durante o período en que o dito proxecto se someteu ao trámite de información pública non se presentaron alegacións.

Cuarto. Ademais, esta dirección xeral trasladou unha separata do citado proxecto ao Concello de San Cibrao das Viñas como Administración con bens e dereitos ao seu cargo, afectadas pola mencionada infraestrutura eléctrica, para os efectos de obter a súa conformidade, oposición ou condicionado ao respecto.

No informe emitido por este concello o 13 de decembro de 2012 dise que ao estar prevista a execución de diversas obras civís que non están definidas na separata remitida e ao non constar solicitude de licenza municipal, a empresa promotora Unión Fenosa Distribución, S.A. deberá presentar o correspondente proxecto técnico que defina de xeito axeitado as obras que se van executar e, así mesmo, solicitar a correspondente licenza municipal. Deste informe deuse traslado á empresa promotora, quen presentou o correspondente escrito de aceptación.

Quinto. O 11 de marzo de 2013 a Xefatura Territorial emitiu informe favorable respecto do dito proxecto de execución.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia; no Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas; no Decreto 132/1982, do 4 de novembro, sobre asunción de competencias en materia de industria, enerxía e minas e a súa asignación á Consellería de Industria, Enerxía e Comercio; no Decreto 36/2001, do 25 de xaneiro, polo que se establecen os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia; no Decreto 324/2009, do 11 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Economía e Industria; e no Decreto 235/2012, do 5 de decembro, polo que se fixa a estrutura orgánica da Vicepresidencia e das consellerías da Xunta de Galicia; en relación coa Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico; co Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica; e coa Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segundo. O proxecto cumpre o disposto no Regulamento sobre centrais eléctricas, subestacións e centros de transformación, aprobado polo Real decreto 3275/1982, do 12 de novembro.

Terceiro. No expediente instruído para o efecto cumpríronse os trámites regulamentarios.

De conformidade co que antecede e no exercicio das competencias que ten atribuídas, esta dirección xeral

RESOLVE:

1. Autorizar administrativamente a infraestrutura eléctrica denominada «Subestación San Cibrao 132 kV-liña Galfor 132 kV e acoplamento lonxitudinal», no termo municipal de San Cibrao das Viñas (Ourense), que promove Unión Fenosa Distribución, S.A.

2. Aprobar o proxecto de execución da infraestrutura eléctrica que se cita.

Todo isto con suxeición ás seguintes condicións:

Primeira. As instalacións de distribución de enerxía eléctrica que se autorizan terán que realizarse de acordo coas especificacións e planos que figuran no proxecto presentado pola empresa promotora Unión Fenosa Distribución, S.A., titulado «Subestación San Cibrao 132 kV-liña Galfor e acoplamento lonxitudinal», asinado polo enxeñeiro industrial Carlos Cristóbal Dolado (colexiado nº 17.068 do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Madrid) e visado por este colexio co nº 201215076 e data 12.11.2012, e no cal figura un orzamento total de 1.158.529,00 euros.

Segunda. A empresa promotora asegurará o mantemento e a vixilancia correcta das instalacións durante a construción e despois da súa posta en servizo, co fin de garantir que en todo momento se manterán as condicións regulamentarias de seguridade.

Terceira. En todo momento se deberá cumprir canto establece o Regulamento sobre centrais eléctricas, subestacións e centros de transformación, e as súas instrucións técnicas complementarias de acordo co Real decreto 3275/1982, do 12 de novembro, e ordes posteriores, así como demais normativa e directrices vixentes que sexan de aplicación.

Cuarta. Para introducir modificacións nas instalacións que afecten datos básicos do proxecto será necesaria autorización previa desta dirección xeral. Así mesmo, a Xefatura Territorial poderá autorizar as modificacións de detalle do proxecto que resulten procedentes, e deberá comunicar a esta dirección xeral todas as resolucións que dite en aplicación da citada facultade.

Quinta. O prazo para a posta en marcha das instalacións que se autorizan será de doce meses, contados a partir da data da última autorización administrativa necesaria para a súa execución. Unha vez construídas as instalacións autorizadas, a empresa promotora deberá presentar a solicitude de posta en servizo ante a Xefatura Territorial, quen deberá expedila tras as comprobacións técnicas que considere oportunas.

Sexta. A empresa promotora deberá cumprir co establecido no informe emitido polo Concello de San Cibrao das Viñas, ao cal se fai referencia no antecedente de feito cuarto da presente resolución.

Sétima. A Administración reserva para si o dereito a deixar sen efecto esta autorización por calquera das causas sinaladas no artigo 34.1 do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo, sobre o réxime de instalación, ampliación e traslado de industrias; por incumprimento das condicións estipuladas; pola facilitación de datos inexactos ou por calquera outra causa legal ou regulamentaria que así o prevexa.

Oitava. Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

Contra a presente resolución, que non é definitiva na vía administrativa, cabe interpor recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación ou publicación desta resolución, sen prexuízo de que os interesados poidan interpor calquera outro recurso que consideren pertinente.

Santiago de Compostela, 15 de marzo de 2013

Ángel Bernardo Tahoces
Director xeral de Industria, Enerxía e Minas