Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 71 Venres, 12 de abril de 2013 Páx. 11038

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 25 de marzo de 2013 sobre a aprobación definitiva da modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento do Concello de Maside para a delimitación do núcleo rural da Casanova.

O Concello de Maside eleva, para a súa aprobación definitiva, o expediente da modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento na delimitación do núcleo rural da Casanova, de conformidade co previsto no artigo 85.7 da LOUG, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Analizado o documento remitido polo concello e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, resulta:

I. Antecedentes.

1. O Concello de Maside conta cunhas normas subsidiarias de planeamento municipal aprobadas definitivamente o 29.10.1985.

2. Constan informes técnico e xurídico municipais do 31.8.2011; técnico de data do 12.4.2012 e xurídico de data do 16.4.2012.

3. A Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo emitiu, con data do 31.5.2012, informe previo á aprobación inicial para os efectos establecidos no artigo 85.1. en relación co artigo 93.4. da LOUG.

4. O Pleno do Concello, tras os informes municipais xurídico e técnico do 10.8.2012, aprobou inicialmente a modificación puntual o 17 de agosto de 2012 e someteuna a información pública dous meses, mediante anuncios nos xornais La Región e La Voz de Galicia do 24.8.2012, e no DOG do 12.9.2012. Deuse audiencia aos concellos limítrofes de Amoeiro, O Carballiño, Punxín, San Cristovo de Cea e San Amaro.

5. O Pleno do Concello aprobou provisionalmente modificación puntual con data do 30 de xaneiro de 2013.

6. En cumprimento da lexislación sectorial vixente, constan os seguintes informes:

a) No DOG do 12.3.2012 faise pública a Decisión da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, do 15 de febreiro de 2012, sobre a non necesidade de someter a modificación puntual á avaliación ambiental estratéxica.

b) En materia de augas, constan informes favorables da Subdirección Xeral de Programación e Proxectos de Augas de Galicia e da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, do 10 de xaneiro de 2013.

c) Informe favorable da Dirección Xeral de Estradas do Ministerio de Fomento do 26 de setembro de 2012.

II. Análise e consideracións

1. O ámbito da actuación abarca unha zona que se recolle como solo non urbanizable nas normas subsidiarias de planeamento en vigor, que inclúen edificacións tradicionais a ambas as dúas beiras da estrada N-541 e unha zona ao sur da dita estrada que alberga edificacións de nova construción, nunha situación próxima ao solo urbano de Maside.

2. O obxecto da modificación puntual consiste na delimitación e ordenación do núcleo rural da Casanova para a adaptación á Lei 2/2010, do 25 de marzo, de medidas urxentes de modificación da Lei 9/2002, conforme o establecido na letra e) da disposición transitoria primeira da LOUG, na procura de recoñecer a realidade construída no asentamento da Casanova, axustándose así ao establecido no artigo 94.1. da LOUG.

De conformidade cos artigos 89 e 93.4 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e co artigo 3 do Decreto 83/2009, do 21 de abril, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos plans xerais de ordenación municipal correspóndelle ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.

III. Resolución.

Visto canto antecede,

RESOLVO:

Primeiro. Outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual das normas subsidiarais de planeamento do Concello de Maside para a delimitación do núcleo da Casanova, de acordo artigo 85.7.a) da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Segundo. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Terceiro. Notifíquese esta orde ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de marzo de 2013

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas