Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 74 Mércores, 17 de abril de 2013 Páx. 11683

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

DECRETO 62/2013, do 27 de marzo, polo que se aproba o cambio de titularidade de treitos antigos da estrada AC-556 nas Ferrerías (parroquia de Vilarrube) e na Loira, A Ramalleira e Marnela de Arriba (parroquia de Pantín) a prol do Concello de Valdoviño.

Segundo o previsto no artigo 5 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas incluídas nas redes dependentes da comunidade autónoma e das entidades locais deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada lei de estradas dispón, no artigo 54, que as estradas autonómicas ou provinciais ou os treitos determinados delas en que a circulación adquira características urbanas se lles entregarán aos respectivos concellos. O expediente promoverase por proposta do concello ou da Administración titular da estrada e será resolto polo Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas, logo de informe de ambos os organismos.

A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo co informe emitido polos servizos competentes, formulou a proposta favorable á transferencia de titularidade de restos da estrada AC-556 (Narón (AC-862)-Campo do Hospital (AC-862) localizados nos seguintes lugares, a prol do Concello de Valdoviño:

– As Ferrerías, na parroquia de Vilarrube.

– A Loira, A Ramalleira e Marnela de Arriba, na parroquia de Pantín.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e sete de marzo de dous mil trece,

DISPOÑO:

Artigo 1

Apróbase o cambio de titularidade a prol do Concello de Valdoviño do resto de tramos da estrada autonómica AC-556 (Narón (AC-862)-Campo do Hospital (AC-862) localizados nos seguintes lugares:

– As Ferrerías, na parroquia de Vilarrube.

– A Loira, A Ramalleira e Marnela de Arriba, na parroquia de Pantín.

Artigo 2

En aplicación do artigo 4 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, o Concello de Valdoviño deberá incorporar ao seu plan de estradas as vías a que se refire este decreto.

Artigo 3

A entrega da vía formalizarase no prazo de dous meses seguintes á publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia, mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Artigo 4

Corresponderanlle ao Concello de Valdoviño, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación das vías, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que lle poida corresponder como nova Administración titular da estrada.

Disposición derradeira

O presente decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e sete de marzo de dous mil trece

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Agustín Hernández-Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas