Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 75 Xoves, 18 de abril de 2013 Páx. 11791

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 5 de abril de 2013 sobre aprobación definitiva do Plan xeral de ordenación municipal de Sober.

I. Antecedentes.

1. Mediante Orde do 6 de agosto de 2009, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (CMATI) acordou, de conformidade co artigo 85.5.a) da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (LOUG), outorgar a aprobación definitiva con carácter parcial do Plan xeral de ordenación municipal do concello de Sober, deixando en suspenso as áreas e determinacións obxecto de reparos no corpo da orde.

2. Mediante Orde do 12 de febreiro de 2010, a CMATI acordou, de conformidade co artigo 85.5.b) da LOUG, non outorgar a aprobación definitiva á parte do PXOM de Sober deixada en suspenso na anterior Orde do 6 de agosto de 2009.

3. O Plan xeral de ordenación municipal do concello de Sober foi remitido novamente a esta consellería para resolver sobre a súa aprobación definitiva, o 22.10.2012, con documentación complementaria do 23.1.2013.

4. Consta certificado da Secretaría-Intervención municipal do 24.4.2012, de non se ter recibido ningunha alegación durante unha nova exposición pública potestativa (trámite non preceptivo por canto as modificacións introducidas no documento responden ao interesado ao respecto nas ordes autonómicas) mediante anuncios inseridos no DOG nº 28, do 9 de febreiro de 2012, e nos xornais El Progreso e La Voz de Galicia do 14 e 16 de xaneiro de 2012, respectivamente.

5. Constan informes municipais favorables previos á aprobación provisional, da Secretaría e do arquitecto técnico, ambos do 14.9.2012, conforme o previsto no artigo 85.4 da LOUG.

6. O Pleno Municipal do 27.9.2012 acordou aprobar provisionalmente o Plan xeral de ordenación municipal no tocante aos aspectos deixados en suspenso pola Orde da CMATI do 6 de agosto de 2009.

7. Consta certificado da Secretaría-Intervención do Concello de Sober, do 28.1.2013, segundo o cal a parte deixada en suspenso do PXOM de Sober pola Orde do 6 de agosto de 2009, sobre a cal o concello introduciu modificacións substanciais sobre o documento inicialmente aprobado, que foi sometida a exposición pública durante o prazo de dous meses e sobre a cal non foron presentadas alegacións, coincide coa aprobada polo Pleno Municipal en sesión do 27.9.2012.

II. Consideracións e fundamentación.

Analizado o Plan xeral de ordenación municipal do concello de Sober de setembro de 2011, e vista a proposta literal que nesta mesma data eleva a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, cómpre facer as seguintes consideracións:

1. As modificacións introducidas no documento, en atención ao contido das ordes do 6 de agosto de 2009 e do 12 de febreiro de 2010 desta consellería, sobre a aprobación definitiva do Plan xeral de ordenación municipal do concello de Sober, teñen por obxecto:

– Con respecto á clasificación de solo urbanizable, elimínanse os catro ámbitos de solo urbanizable delimitado residencial.

– A clasificación de solo rústico de protección de espazos naturais adáptase ás normas complementarias e subsidiarias de planeamento, espazo natural do Canón do Sil.

– Inclúense na clasificación de solo rústico de protección de infraestruturas as liñas eléctricas de alta tensión ao sur do núcleo de Cerceda e ao norte do núcleo de Francos.

– No artigo 232 da normativa fai referencia a que os bosques de ribeira sexan clasificados como solo rústico de protección forestal.

– O artigo 181 da normativa deixa establecida a limitación de altura das novas edificacións nos contornos de protección, na ordenanza O-1.

Daquela, púidose observar que o documento obxecto de aprobación provisional municipal plenaria, en sesión do 27 de setembro de 2012, cumprimenta as deficiencias observadas na anterior Orde da CMATI do 6 de agosto de 2009, reiteradas o 12 de febreiro de 2010.

A competencia para resolver sobre a aprobación definitiva do planeamento xeral correspóndelle ao conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, de conformidade co disposto nos artigos 89 e 93.4 da LOUG, e no artigo 1 do Decreto 44/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da CMATI.

III. Resolución.

En consecuencia, e visto o que antecede,

RESOLVO:

1º. Outorgar a aprobación definitiva ao Plan xeral de ordenación municipal do concello de Sober, nos ámbitos deixados en suspenso na Orde da CMATI do 6 de agosto de 2009, de acordo co establecido no artigo 85.7.a) da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

2º. De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, o concello deberá publicar no Boletín Oficial da provincia a normativa e ordenanzas do PXOM aprobado definitivamente.

3º. Notifíqueselle esta orde ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

4º. Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo, ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Sober, 5 de abril de 2013

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas