Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 75 Xoves, 18 de abril de 2013 Páx. 11806

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 11 de abril de 2013 pola que se establecen as bases que rexen as axudas enmarcadas no programa Iniciativa Xove e se procede á súa convocatoria.

O Estatuto de autonomía de Galicia establece, no seu artigo 27.22, que lle corresponde á Comunidade Autónoma galega a competencia exclusiva nas materias do deporte e da axeitada utilización do lecer, así como da promoción do desenvolvemento comunitario.

A través do Decreto 285/1989, do 16 de decembro, asúmense as funcións e os servizos transferidos pola Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de promoción sociocultural no ámbito da xuventude e do desenvolvemento comunitario.

Coa aprobación do Decreto 42/2013, do 21 de febreiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Traballo e Benestar, correspóndelle á Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, entre outras funcións, a xestión das actuacións en materia de xuventude, así como das políticas xuvenís de carácter interdepartamental e de apoio ao desenvolvemento da actividade xuvenil, e o fomento da participación da xuventude na vida social.

A Lei 6/2012, do 19 de xuño, de xuventude de Galicia, establece, no seu artigo 9, que a Xunta de Galicia fomentará o espírito emprendedor e que potenciará entre a xuventude un sistema de actitudes e preocupacións do que formen parte a iniciativa propia, a responsabilidade, a planificación de obxectivos vitais, a perseverancia, o compromiso e a flexibilidade.

Así mesmo, establece no seu artigo 12 que, co obxecto de fomentar a participación directa da mocidade nos programas de actuación que desenvolvan as administracións públicas galegas, se establecerán medidas específicas para favorecer a participación de grupos informais de mozos e mozas.

A Consellería de Traballo e Benestar considera que, para que as persoas mozas asuman responsabilidades, é necesario que sexan as auténticas protagonistas e que tomen nas súas mans, a través da execución de proxectos, a administración dos recursos necesarios para a súa posta en marcha e consolidación, e para isto xulga que é fundamental apoiar aqueles que, cunha fórmula participativa, estean estreitamente ligados ás necesidades, aspiracións e intereses da mocidade.

Así mesmo, considera prioritario abrir as axudas a grupos informais de mozos e mozas para favorecer que poidan levarse a cabo proxectos interesantes que, nun momento dado, poidan xurdir á marxe das asociacións e entidades legalmente constituídas, pero que igualmente cumpren determinados requisitos que os fan merecedores do apoio da Administración. Deste xeito, estaranse a impulsar iniciativas voluntarias da mocidade que verdadeiramente respondan aos seus intereses e inquedanzas.

En definitiva, trátase de fomentar a participación da mocidade en iniciativas entendidas como importantes experiencias de aprendizaxe non formal, co propósito de estimular o seu espírito de protagonismo e liderado, así como a creatividade e o talento xuvenís e, sobre todo, trátase de lle permitir poñer en práctica as súas ideas relacionadas co emprendemento e coa empregabilidade.

Así, é obxecto desta orde establecer as bases que rexerán a convocatoria de axudas dirixidas a grupos informais de mozos e mozas, ás asociacións xuvenís e ás entidades prestadoras de servizos á xuventude e ás súas respectivas federacións e tratarase, en todos os casos, de apoiar proxectos nos que a mocidade participe de forma activa e directa en actividades concibidas por ela mesma e das cales ela sexa a súa principal protagonista.

Esta convocatoria axústase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, en concreto, no relativo aos principios de obxectividade, concorrencia e publicidade, na concesión das axudas e subvencións, e ao establecido no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007 e as disposicións aplicables da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; a Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega e o Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e finalidade

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras que deberán rexer os procedementos de concesión de axudas enmarcadas no programa Iniciativa Xove para a posta en marcha de iniciativas xuvenís, entendidas estas como proxectos liderados pola mocidade da Comunidade Autónoma de Galicia, que se desenvolvan durante o ano 2013, e nos que as persoas mozas sexan as verdadeiras protagonistas, que participarán activamente na planificación e na realización das actividades deseñadas por elas mesmas, e convocar estas axudas.

Para os efectos desta orde, considéranse áreas de atención prioritarias que se han desenvolver mediante as iniciativas xuvenís as seguintes:

a) Iniciativa Xove Emprendedora: proxectos que lle permitan á mocidade probar as súas ideas no ámbito do emprendemento e da empregabilidade.

b) Proxectos de fomento de actitudes creativas, innovadoras, participativas e de liderado da xuventude na súa comunidade e no seu contorno, así como de fomento da accesibilidade de mozos e mozas con discapacidade a actividades culturais e de tempo de lecer.

c) Proxectos que permitan a participación en experiencias de educación non formal en distintos campos.

d) Proxectos relacionados coa creación de espazos para a comunicación e coas novas tecnoloxías.

e) Proxectos que fomenten a participación e a dinamización das mulleres novas galegas para que colaboren activamente na toma de decisións, xestión e execución desde o asociacionismo ou desde os grupos informais.

2. A finalidade das subvencións é fomentar e consolidar a participación libre e eficaz da mocidade no desenvolvemento político, social, económico e cultural, así como promover a adecuada utilización do lecer, a calidade de vida e o benestar dos mozos e mozas da nosa comunidade autónoma, a través de proxectos integrais e específicos de actuación.

Artigo 2. Orzamento

Para o financiamento destas axudas, existe crédito suficiente e adecuado na Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma para o ano 2013, consignado na aplicación orzamentaria 11.06.313A.481.0, cunha contía de 727.900 euros, que financiará as axudas para a realización dos proxectos de iniciativas xuvenís.

Estas contías distribuiranse, segundo o órgano competente para a tramitación e a resolución dos expedientes, do seguinte xeito, que se materializará nas correspondentes ordes de desconcentración de crédito:

Ámbito provincial

A Coruña

77.000 €

Lugo

65.000 €

Ourense

71.000 €

Pontevedra

77.000 €

Ámbito autonómico

Servizos centrais

185.000 €

Ámbito autonómico

Grupos informais

252.900 €

Artigo 3. Persoas destinatarias

Poderán solicitar a axuda, ao abeiro destas bases reguladoras:

a) Os grupos informais de mozos e mozas que desexen realizar unha iniciativa xuvenil e que reúnan os requisitos establecidos no artigo 4 desta orde.

b) As asociacións xuvenís e as entidades que lle presten servizos á mocidade que carezan de interese de lucro, e as súas respectivas federacións, sempre que, no caso destas últimas, o proxecto que presenten non sexa o mesmo ca o de cada unha das asociacións/entidades que as conforman.

Artigo 4. Requisitos

Para ser beneficiarias das axudas a que se refire esta orde, as persoas solicitantes deberán reunir os seguintes requisitos:

1. As asociacións xuvenís e as entidades que lle presten servizos á xuventude e as súas respectivas federacións deberán estar inscritas no censo oficial dependente organicamente da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, regulado no Decreto 50/2000, do 20 de xaneiro, polo que se refunde e actualiza a normativa vixente en materia de mocidade, modificado polo Decreto 58/2012, do 12 de xaneiro, o día de remate do prazo de presentación de solicitudes, e cumprir a legalidade vixente no referente ás idades nas asociacións xuvenís (Real decreto 397/1988).

2. Os grupos informais deberán estar formados por un mínimo de 5 e un máximo de 10 mozas ou mozos con idades comprendidas entre os 18 e os 30 anos no momento de presentar a solicitude, debidamente identificados/as, e unha destas persoas asumirá o papel de representante único/a do grupo e con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como beneficiario/a, lle corresponden ao grupo. Será obrigatorio que o grupo teña unha denominación que o identifique.

Ademais, no caso de grupos informais, as persoas que os compoñan deberán de ser residentes na Comunidade Autónoma de Galicia ou, se residen no estranxeiro, ter a última veciñanza administrativa en Galicia.

3. O incumprimento por parte de calquera dos membros do grupo do requisito da idade suporá a non admisión a trámite da solicitude.

4. Non se admitirá que a mesma persoa forme parte ou que pertenza a outro grupo ou asociación solicitante destas axudas.

5. En ambos os casos, é requisito para ser beneficiario/a destas axudas non estar incurso/a en ningunha das prohibicións establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

6. Será requisito imprescindible para poder solicitar a axuda ter xustificadas debidamente as axudas recibidas no último ano. No caso dos grupos informais, non poderá obter subvención o proxecto presentado por un grupo do que formen parte mozas ou mozos que o ano anterior participasen nun proxecto subvencionado e non xustificado, aínda que o promotor deste fose un grupo distinto. De todos os xeitos, para a disolución dos grupos deberá terse en conta o disposto no artigo 17.k) desta orde en relación co artigo 8.3 da Lei 9/2007, consonte os artigos 35 e 63 da mesma norma.

Artigo 5. Proxectos subvencionables

Os proxectos para os que se solicite a axuda deberán responder aos seguintes criterios:

1. Os proxectos de iniciativas xuvenís deberán estar enmarcados preferentemente dentro das áreas prioritarias que se recollen no artigo 1 desta orde e subvencionaranse actividades realizadas desde o 1 de xaneiro de 2013 ata o 30 de outubro de 2013.

2. Só se poderá presentar un proxecto por solicitante e o seu orzamento total non poderá ser superior a 4.000 €.

3. Quedan excluídos, para os efectos de axuda, os proxectos docentes e deportivos previstos nos plans regulados de ensino e deporte escolar e federativo, a adquisición de equipamento e material inventariable, así como os gastos ordinarios de funcionamento que non estean asociados co proxecto subvencionado e recollidos no orzamento de gastos que se reflicte no anexo III. En todo caso, este tipo de gastos ordinarios de funcionamento non poderán superar nunca o cinco por cento do orzamento total do proxecto.

4. No caso daqueles proxectos que para o seu desenvolvemento indiquen que precisan formación, o importe desta non poderá exceder do dez por cento do orzamento total do proxecto. Ademais, nestes casos, acreditarase suficientemente que as persoas docentes son competentes para impartir a devandita formación, para o que se xuntará o seu currículum vítae e mais a documentación acreditativa correspondente. Especificaranse os contidos e xuntarase o programa de formación que se vai impartir. A formación será sempre de carácter gratuíto para as persoas destinatarias dela. No caso de se produciren variacións nas persoas que vaian impartir a formación, deberá comunicárselle á Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, con anterioridade ao inicio deste, para o que se ha enviar a nova documentación acreditativa. As novas persoas que vaian impartir a formación deberán ter o nivel de capacitación axustado á citada finalidade.

5. Calquera das actividades desenvolvidas serán de carácter gratuíto para as persoas beneficiarias do proxecto e non poderán xerarse ingresos por pagamento de cotas, entradas etc.

6. Non poderán ser subvencionados os gastos correspondentes ás retribucións do persoal que teña unha relación laboral dependente das persoas ou entidades beneficiarias, nin honorarios profesionais ou remuneracións de calquera clase das persoas ou entidades impulsoras do proxecto.

7. Os gastos de manutención (comidas, consumicións, compra de produtos alimenticios) non poderán superar o dez por cento do orzamento total do proxecto.

8. Non serán subvencionables os proxectos que consistan unicamente na celebración de concertos ou festas, salvo que estas actividades teñan unha entidade menor e se inclúan dentro dun programa de actividades máis amplo e, en todo o caso, xustificarase a súa necesidade e oportunidade dentro do desenvolvemento do proxecto.

9. Deberá terse en conta, á hora da redacción do proxecto e de cara á súa posterior xustificación, ademais, o disposto no artigo 15 desta orde.

10. A persoa beneficiaria deberá realizar por si mesma a actividade subvencionada, polo que a subcontratación só estará permitida nos termos definidos e cos límites previstos neste punto e nos artigos 27 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e 43 do seu regulamento. Neste sentido, e sempre respectando o establecido nas devanditas disposicións, poderase subcontratar a execución da actividade ata unha porcentaxe que non exceda do cincuenta por cento do proxecto subvencionado.

Artigo 6. Incompatibilidade das axudas

Estas axudas son incompatibles co aproveitamento de calquera outro tipo de axudas de institucións públicas ou privadas destinadas á mesma actuación.

Cando o/a solicitante teña concedida ou solicitada outra subvención incompatible con estas, fará constar esta circunstancia na solicitude a través do correspondente anexo II.

Neste suposto, no caso de que lle sexan concedidas as axudas previstas nesta orde, a resolución de concesión condicionará os seus efectos á presentación por parte da persoa beneficiaria da renuncia ás axudas previamente obtidas, así como, se é o caso, ao reintegro dos fondos públicos que percibise.

Cando o órgano instrutor teña coñecemento de que unha persoa beneficiaria percibiu outra ou outras subvencións incompatibles coa outorgada sen efectuar a correspondente renuncia, procederá a exixir o reintegro destas axudas.

Artigo 7. Solicitude e prazo de presentación

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es,
de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos e 24 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o Documento Nacional de Identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria.

A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos e 22.3 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

2. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, que se contará a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto no artigo 29 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Polo tanto, o día final do citado prazo será o correspondente, no mes seguinte, ao mesmo número ordinal do día da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Se no mes de vencemento non houbese día equivalente ao da publicación, entenderase que o prazo expira o derradeiro día do mes.

3. Se o expediente se remite por correo, presentarase nun sobre aberto para que a solicitude a date e a sele un funcionario ou funcionaria de correos antes de proceder á súa certificación.

4. A presentación da solicitude comportará a autorización á Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado e ás xefaturas territoriais para que soliciten as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia.

Artigo 8. Documentación

1. As solicitudes das asociacións xuvenís, das entidades que lle presten servizos á xuventude e das súas respectivas federacións deberán acompañarse con carácter xeral de:

a) A fotocopia do DNI/NIE do presidente ou presidenta da asociación ou da entidade, só no caso de que non dea o seu consentimento expreso para que se comprobe telematicamente o seu DNI/NIE, segundo o Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos e a Orde do 7 de xullo de 2009, da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza que o desenvolve.

b) A acreditación da súa lexitimación como presidente ou presidenta e representante da entidade, mediante a certificación do secretario ou secretaria da entidade ou fotocopia compulsada da acta en que se recolla a composición do órgano de dirección na data de remate do prazo de presentación de solicitudes.

c) Anexo II. Declaración responsable, debidamente cuberta, que contén para as entidades:

– A declaración de non estar incursa nas prohibicións do artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

– A declaración do conxunto de todas as axudas solicitadas para o mesmo proxecto, tanto as aprobadas como as pendentes de resolución ou as outorgadas por outras administracións ou por outros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais.

d) O anexo III debidamente cuberto.

2. As solicitudes dos grupos informais deberán acompañarse da seguinte documentación:

a) Un poder de representación a favor dunha persoa membro do grupo, asinado por todas as persoas que o compoñen (anexo IV).

b) A fotocopia do DNI ou NIE da persoa representante do grupo e dos/as demais membros que o compoñen, só no caso de que non dean o seu consentimento expreso para que se comprobe telematicamente o DNI ou NIE, segundo o Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos e a Orde do 7 de xullo de 2009, da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza que o desenvolve.

c) Anexo II. Declaración responsable (un anexo por cada persoa membro), debidamente cuberta, que contén para os grupos informais:

– A declaración de cada unha das persoas integrantes do grupo informal de non estar incursa nas prohibicións do artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

– A declaración xurada individual de cada unha das persoas integrantes do grupo informal de non pertencer a outro grupo ou asociación (de ámbito autonómico ou provincial) solicitante destas axudas.

– A declaración do conxunto de todas as solicitudes de axuda efectuadas ou concedidas (por ou a calquera das persoas integrantes do grupo), para un mesmo proxecto ou actividade, ante as administracións públicas competentes ou ante outros entes públicos ou privados, estatais ou internacionais.

d) Anexo III debidamente cuberto.

Artigo 9. Emenda de defectos

1. Se na solicitude se apreciasen defectos ou falta de documentación, a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, ou as xefaturas territoriais da Consellería de Traballo e Benestar, requirirán a persoa solicitante para que, nun prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Se non o fixese, considerarase que desistiu da súa petición, de acordo co previsto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, logo da resolución que será ditada nos termos do artigo 42 da referida lei.

2. A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado ou as xefaturas territoriais da Consellería de Traballo e Benestar poderán demandar da persoa solicitante a modificación ou mellora voluntaria dos termos contidos na solicitude. Deles redactarase unha acta sucinta, que se incorporará ao procedemento.

Artigo 10. Contía máxima da axuda

Financiarase o cento por cento do proxecto presentado polo que, consonte o artigo 5.2 desta orde, a contía máxima da axuda concedida será de 4.000 euros.

Artigo 11. Instrución e comisión de avaliación

1. A instrución do procedemento corresponderalle, segundo o caso, a:

a) O Instituto da Xuventude de Galicia, da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, no caso de entidades de ámbito autonómico e grupos informais de mozos e mozas.

b) O Servizo de Xuventude e Voluntariado da xefatura territorial correspondente, no caso de entidades de ámbito provincial ou inferior.

2. O órgano instrutor realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, o coñecemento e a comprobación dos datos en virtude dos cales debe realizar a proposta de resolución.

3. A avaliación das solicitudes corresponderalle á comisión de avaliación, conformada do seguinte xeito:

a) No caso de entidades de ámbito autonómico e de grupos informais de mozos e mozas, a comisión de avaliación estará formada polos/as seguintes membros:

Presidente/a: o xefe ou xefa do Servizo de Participación Xuvenil e Escola Galega de Xuventude ou persoa en quen delegue.

Secretario/a: un funcionario ou funcionaria da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.

Vogais:

– Un funcionario ou funcionaria do Servizo de Participación Xuvenil e Escola Galega de Xuventude.

– Dous técnicos ou técnicas da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.

b) No caso de entidades de ámbito provincial ou inferior, a devandita comisión terá a seguinte composición:

– O xefe ou xefa do Servizo de Xuventude e Voluntariado da xefatura territorial correspondente da Consellería de Traballo e Benestar, que actuará como presidente/a.

– Un funcionario ou funcionaria do devandito servizo.

– Un funcionario ou funcionaria do Servizo de Xestión Económica correspondente.

– Actuará como secretario/a un funcionario ou funcionaria da xefatura territorial.

4. Se por calquera causa, no momento en que a comisión de avaliación teña que examinar as solicitudes, algunha das persoas compoñentes non puidese asistir, será substituída pola persoa que se nomee para este efecto.

5. A comisión de avaliación poderá solicitar das persoas interesadas a achega de cantos datos e documentos se consideren necesarios ou convenientes para a avaliación.

6. Unha vez avaliadas todas as solicitudes admitidas a trámite, a comisión de avaliación correspondente emitirá un informe no que se concretará o resultado da avaliación e a prelación das solicitudes por orde decrecente de puntuación. No mesmo informe determinaranse as solicitudes que deban ser denegadas por non acadar a puntuación mínima requirida no artigo 12 desta orde. No caso de empate na puntuación entre un ou varios grupos ou entidades solicitantes das axudas e co fin de determinar a orde de prelación entre proxectos que obtiveron a mesma puntuación, fíxase como sistema de desempate a maior valoración que realizase a comisión de avaliación do proxecto en cada un dos criterios e baremos que se reflicten no artigo 12, seguindo a orde establecida nel.

Artigo 12. Criterios de avaliación

A concesión da axuda tramitarase en réxime de concorrencia competitiva. Para acceder á axuda, requirirase unha puntuación mínima de 50 puntos na avaliación dos proxectos.

A comisión de avaliación aplicará os seguintes criterios e baremos para a valoración das solicitudes (ata 100 puntos):

1. Adecuación ás áreas de atención prioritarias sinaladas no artigo 1: ata 15 puntos.

2. Persoas destinatarias do proxecto, onde se valorará positivamente que as actividades estean dirixidas a persoas con idades comprendidas entre os 12 e os 35 anos: ata 10 puntos.

3. Calidade do proxecto e metodoloxía proposta baseada na xustificación das razóns deste e na repercusión na mocidade: máximo 60 puntos.

a) Calidade do contido do proxecto e das actividades: ata 15 puntos.

b) Creatividade, innovación e orixinalidade do proxecto: ata 10 puntos.

c) Grao de implicación activa das persoas promotoras do proxecto e impacto deste na poboación destinataria: ata 15 puntos.

d) Calidade do deseño do proxecto: ata 5 puntos.

e) Metodoloxía: ata 10 puntos.

f) Indicadores comparativos e cuantitativos das previsións iniciais que xustifican o proxecto e a situación final unha vez executado este: ata 5 puntos.

4. O grao de difusión e visibilidade das actividades do proxecto, en atención ás medidas previstas neste para estes efectos: ata 10 puntos.

5. Emprego da lingua galega no desenvolvemento do proxecto, tanto nos medios humanos como materiais: ata 5 puntos.

Artigo 13. Proposta de resolución

1. O órgano instrutor, á vista do expediente e do informe da comisión de avaliación, elevará ao órgano competente para resolver o procedemento a proposta de resolución das axudas. Esta proposta concretará:

a) As persoas solicitantes para as que se propón a concesión da axuda. Esta concesión efectuarase, consonte a orde de prelación establecida no informe da comisión de avaliación, ata esgotar o crédito orzamentario correspondente en cada caso.

b) As persoas solicitantes para as que se propón a denegación da axuda e os motivos da proposta.

2. As persoas solicitantes que, aínda que alcancen a puntuación mínima establecida no artigo 12, non sexan propostas como adxudicatarias inicialmente por esgotarse o crédito orzamentario correspondente pasarán a conformar unha lista de reserva, que formará igualmente parte da proposta de resolución, coa finalidade prevista no punto seguinte.

3. No caso de se producir renuncias a estas axudas por parte das persoas adxudicatarias, o órgano instrutor poderá realizar, se o considera oportuno, novas propostas de resolución de concesión destas aos beneficiarios e beneficiarias incluídos na lista de reserva prevista no punto anterior, con atención rigorosa á orde establecida nela.

Artigo 14. Resolución

1. Serán órganos competentes para resolver, por delegación da conselleira de Traballo e Benestar:

a) No caso de entidades de ámbito autonómico e grupos informais de mozos e mozas, o director xeral de Xuventude e Voluntariado.

b) No caso de entidades de ámbito provincial ou inferior, as persoas titulares das xefaturas territoriais da Consellería de Traballo e Benestar.

2. A resolución da solicitude de axuda, que terá lugar no prazo de 15 días desde a elevación da proposta de resolución, notificaráselles a todas as persoas solicitantes no prazo máximo de seis meses desde a publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Unha vez transcorrido o dito prazo sen que recaia resolución expresa, deberá entenderse desestimada a petición correspondente. A dita resolución esgota a vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que a ditase no prazo dun mes, que se contará a partir do día seguinte á notificación da resolución se o acto fose expreso, ou no prazo de tres meses, que se contará a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto. Esta resolución tamén poderá ser impugnada directamente ante o Tribunal Superior de Xustiza, o órgano contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses se o acto é expreso e de seis meses se é presunto, a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

3. Unha vez notificada a resolución polo órgano concedente, a persoa beneficiaria disporá dun prazo de 10 días para a súa aceptación e, unha vez transcorrido este sen que se produza manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada, tal e como dispón o artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. No caso de que a persoa beneficiaria opte por solicitar o anticipo previsto no artigo 16 desta orde, deberá reflectir expresamente esta opción no anexo V.

4. Se, por calquera circunstancia, a persoa beneficiaria non puidese realizar o proxecto subvencionado, deberá presentar unha renuncia á subvención concedida. Esta renuncia deberá formalizarse no prazo máximo de dez días desde a notificación da resolución destas axudas, para os efectos do previsto no artigo 13.3 desta orde. De non presentar a renuncia neste prazo, a axuda considerarase como non xustificada.

5. A Consellería de Traballo e Benestar reserva para si o dereito de orientar tecnicamente o proxecto de actividades e de comprobar a súa execución cando o considere conveniente, así como de divulgar e de dar a coñecer publicamente as actividades subvencionadas.

6. As entidades ou grupos solicitantes aos que non se lles concedese a axuda disporán dun mes de prazo, que se contará a partir da recepción da notificación, para retirar a documentación presentada. Logo de que transcorra este prazo, arquivarase o expediente.

7. En todo caso, a concesión das subvencións quedará condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente no momento da resolución de concesión.

Artigo 15. Xustificación

Unha vez notificada e aceptada a resolución de concesión da axuda, as persoas beneficiarias procederán, ata o 31 de outubro de 2013, á xustificación do cento por cento do proxecto na forma en que se indica a continuación, mediante a presentación da seguinte documentación:

a) Unha memoria das actividades realizadas no proxecto de iniciativas xuvenís (anexo VI).

b) As facturas orixinais (relacionadas no anexo VII) que, no caso de grupos informais, deberán ir a nome da persoa representante do grupo. Considerarase efectivamente pagado o gasto cando se xustifique o pagamento mediante extractos ou certificacións bancarias, debidamente identificados, polo que todas as facturas deberán presentarse acompañadas do correspondente documento bancario xustificativo do pagamento.

Excepcionalmente, en supostos debidamente xustificados e motivados nos que o pagamento se faga en efectivo, poderá aceptarse a xustificación do pagamento mediante a carta de recepción do/a provedor/a, ben a través dun documento separado ou mediante dilixencia no xustificante de gasto, en ambos os dous casos coa sinatura do/a provedor/a, a identificación correspondente e a data de pagamento. Todo isto, unicamente para gastos de escasa contía e por un importe sempre inferior a 1.000 euros. Non se admitirá en ningún caso o fraccionamento de determinados gastos para os efectos de respectar o límite establecido neste parágrafo.

En casos excepcionais en que se xustifique a imposibilidade de obter a correspondente factura, poderase admitir a xustificación de gastos mediante a achega de tíckets. En todo caso, deberase respectar o límite establecido no parágrafo anterior e o importe máximo que se poderá xustificar deste xeito non poderá superar o vinte por cento do proxecto ou da cantidade xustificada, de ser esta inferior a aquel e sen prexuízo da minoración que, de ser o caso, corresponda.

No caso de pagamentos realizados mediante tarxeta de crédito/débito, deberá acompañarse, ademais, a acreditación da súa titularidade. No caso das asociacións, a dita tarxeta deberá estar asociada á conta da entidade. No caso dos grupos informais, a titularidade deberá corresponderlle, en todo caso, a algunha das persoas membros do grupo informal. En ningún outro caso se admitirán pagamentos mediante tarxeta.

Segundo exixe a Lei de subvencións, considerarase gasto realizado o que foi efectivamente pagado con anterioridade á finalización do período de xustificación.

c) Unha memoria económica (anexo IX), na que se reflicta a vinculación de cada gasto executado co proxecto subvencionado. Deberá quedar acreditado que cada gasto que se xustifique mediante factura ou documento equivalente é totalmente necesario para a realización do proxecto, e deberá quedar vinculado a unha actividade ou actuación concreta dentro deste. No caso dos grupos informais, deberá ser asinada por todas as persoas membros do grupo.

d) Unha declaración complementaria de non percibir ningunha outra axuda ou subvención para o mesmo proxecto e que sexa, polo tanto, incompatible con estas. En caso contrario, a persoa beneficiaria deberá proceder a renunciar á axuda outorgada ao abeiro desta orde ou acreditar ante o órgano instrutor o cumprimento dos trámites establecidos no artigo 6, do xeito que neste se especifica. No caso dos grupos informais, esta declaración será individual; é dicir, un anexo por cada membro do grupo (anexo VIII).

e) O certificado dunha conta bancaria aberta a nome da entidade. No caso dos grupos informais, deberán figurar como titulares da conta todas as persoas membros do grupo.

f) No caso de desenvolver actividades formativas, deberá acreditarse documentalmente e axustarse ao establecido no artigo 5.4.

Artigo 16. Pagamento da axuda

Unha vez recibida e comprobada a documentación, poderase proceder ao pagamento da axuda concedida. No caso de que o gasto certificado, mediante facturas ou documento equivalente, sexa inferior ao orzamento do proxecto valorado, a contía da axuda será minorada na mesma porcentaxe.

De acordo co previsto no artigo 63 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, faránselles anticipos de pagamento do oitenta por cento como financiamento necesario para poder levar a cabo as actuacións inherentes á subvención a aquelas entidades e grupos informais que, unha vez notificada a resolución de concesión da axuda, manifesten expresamente a aceptación desta, segundo o modelo que se achega como anexo V, e sempre dentro do prazo de dez días hábiles desde a data de notificación. Neste suposto, deberá presentarse coa aceptación o certificado dunha conta bancaria, tal e como se reflicte no artigo 15.e).

Artigo 17. Obrigas das persoas beneficiarias

As persoas beneficiarias das axudas quedarán obrigadas a:

a) Realizar o proxecto que fundamenta a concesión da axuda por si mesmas ou, en todo caso, respectar os límites que para a subcontratación de actividades establece o artigo 5.10 desta orde, posto en relación cos artigos 27 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia e 43 do seu regulamento.

b) Acreditar ante a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, ou ante as xefaturas territoriais, a realización da actividade ou actividades que conforman o proxecto de iniciativa xuvenil, así como o cumprimento dos requisitos ou das condicións que determinan a concesión ou o aproveitamento da axuda. O cumprimento desta obriga de xustificación realizarase nos termos previstos no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, na normativa regulamentaria de desenvolvemento e no disposto nas bases reguladoras desta orde.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado ou as xefaturas territoriais da Consellería de Traballo e Benestar, así como calquera outra comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto nacionais coma comunitarios, e achegar canta información se lles requira no exercicio das actuacións anteriores.

d) Comunicarlle á Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, ou á xefatura territorial correspondente da Consellería de Traballo e Benestar, a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Para o caso das asociacións xuvenís, federacións e entidades prestadoras, dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados, nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable á persoa beneficiaria en cada caso, coa finalidade de garantir o adecuado exercicio das facultades de comprobación e control.

f) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

g) Adoptar as medidas de difusión contidas no punto 3 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

h) Incluír en todo o material de divulgación das actividades obxecto desta axuda a referencia de que están subvencionadas pola Consellería de Traballo e Benestar a través da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, mediante a inclusión da imaxe corporativa da Xunta de Galicia e, sobre todo, co logo do programa Iniciativa Xove, que poderán obterse no enderezo www.xuventude.net

i) Comunicarlle á Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, ou aos respectivos servizos territoriais, con 15 días de antelación, o inicio da realización das actividades para as que se pide a axuda.

j) Figurar ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias –estatais e autonómicas– e da Seguridade Social, non ser debedor/a de acordo coa resolución declarativa da procedencia de reintegro e non ter ningunha débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración da comunidade autónoma. En caso contrario, non se fará o pagamento da axuda.

k) No caso dos grupos informais de mozos e mozas, deberase respectar o prazo mínimo para a disolución de agrupacións de beneficiarios/as ao que fai referencia o artigo 8 da Lei 9/2007, consonte os artigos 35 e 63 da mesma norma.

Artigo 18. Control e reintegro da axuda

1. Procederá o reintegro nos termos e supostos previstos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, en concreto, nos seguintes casos:

a) Incumprimento da obriga de xustificación, xustificación insuficiente, incorrecta ou fóra de prazo, tendo en conta neste caso os prazos adicionais outorgados pola lei ou dos requirimentos efectuados. Todo isto nos termos establecidos no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e nesta orde.

b) Obtención da axuda sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión, con falsificación das condicións requiridas para isto ou ocultación daquelas que o impedisen.

c) Incumprimento das condicións impostas con motivo da concesión da subvención ou da axuda pública, así como dos compromisos asumidos por estes, sempre que afecten ou se refiran ao modo en que deben acadarse os obxectivos, en que se realiza a actividade, en que se executa o proxecto ou en que se adopta o comportamento que fundamenta a concesión da axuda ou daqueles distintos dos anteriores, cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e a regularidade das actividades subvencionadas ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

d) Incumprimento da obriga de adoptar as medidas de difusión contidas no artigo anterior.

e) Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro previstas nos artigos 11 e 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos, cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e a regularidade das actividades subvencionadas ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

2. Con independencia das causas de reintegro enumeradas neste artigo, a declaración xudicial ou administrativa de nulidade ou anulabilidade da resolución de concesión por concorreren as causas previstas nos artigos 62 e 63 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, cando concorra algunha das causas de reintegro antes referidas, comportará a obriga de devolver as cantidades percibidas.

Non procederá a revisión de oficio do acto de concesión cando concorra causa de reintegro.

3. As cantidades que se deban reintegrar terán a consideración de ingresos de dereito público e resultará de aplicación para o seu cobramento o previsto nos artigos 19 a 23 da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 19. Modificación da resolución de concesión

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, de conformidade co disposto no artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Disposición adicional primeira

No caso de que, unha vez ditada a resolución de concesión de axudas amparadas nesta orde, quedase crédito sen adxudicar, poderase publicar unha segunda orde de convocatoria de axudas. En todo o caso, a concesión de axudas terá como límite a cantidade consignada na correspondente aplicación económica dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2013.

Disposición adicional segunda

Apróbase a delegación de atribucións da conselleira de Traballo e Benestar no director xeral de Xuventude e Voluntariado e nos xefes e xefas territoriais, en función do seu respectivo ámbito competencial, para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das axudas previstas nesta orde, así como para autorizar e dispoñer os gastos, o recoñecemento das obrigas e a proposta de pagamento, en relación co disposto no artigo 73.a) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Disposición adicional terceira

As persoas beneficiarias destas axudas quedan suxeitas ao réxime de infraccións e sancións previstas no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no título V, capítulo II da Lei 6/2012, do 19 de xuño, de xuventude de Galicia.

Disposición adicional cuarta

De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería de Traballo e Benestar publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas beneficiarias e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude autoriza expresamente para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e da súa publicación na citada páxina web. Así mesmo, coa presentación da solicitude, a persoa beneficiaria autoriza a Consellería de Traballo e Benestar a incluír e a facer públicos nos rexistros regulados no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de axudas, subvencións e sancións, os datos relevantes referidos ás axudas concedidas. De conformidade coa Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, a persoa solicitante poderá exercer os dereitos de acceso, rectificación, consulta, cancelación e oposición mediante escrito dirixido á Consellería de Traballo e Benestar.

Disposición derradeira primeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira segunda

Facúltase o director xeral de Xuventude e Voluntariado para que dite cantas disposicións sexan precisas para o desenvolvemento desta orde.

Santiago de Compostela, 11 de abril de 2013

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file