Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 75 Xoves, 18 de abril de 2013 Páx. 11797

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 9 de abril de 2013 pola que se convocan axudas para financiar actividades das confederacións e federacións de pais de alumnos e das asociacións de pais de alumnos de centros de educación especial para o ano 2013.

O artigo 5.5º da Lei orgánica 8/1985, do 3 de xullo, reguladora do dereito á educación, modificado pola disposición derradeira primeira da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, establece que as administracións educativas favorecerán o exercicio do dereito de asociación dos pais, así como a formación de federacións e confederacións para contribuíren á mellor consecución dos obxectivos educativos.

O Estatuto de autonomía de Galicia declara no seu artigo 31, a competencia plena da Comunidade Autónoma galega para o regulamento e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, sen prexuízo das limitacións impostas polos artigos 27 e 149 da Constitución española.

Coa finalidade de apoiar e potenciar a realización de actividades por parte das federacións e confederacións de pais de alumnos e das asociacións de pais de alumnos de centros de educación especial mediante a subvención dos gastos ocasionados polas citadas actividades, así como os derivados da xestión administrativa, adquisición de material non inventariable e mantemento ordinario das instalacións, esta consellería

DISPÓN:

Primeiro. Faise pública a convocatoria de axudas destinadas a subvencionar a realización de actividades por parte das federacións e confederacións de pais de alumnos legalmente constituídas e das asociacións de pais de alumnos de centros de educación especial, desde o 1 de xaneiro de 2013 ata o prazo límite de xustificación de gastos.

Segundo. Poderán solicitar estas axudas as federacións e confederacións de pais de alumnos así como as asociacións de pais de alumnos de centros de educación especial que, con anterioridade á data de remate do prazo de presentación de solicitudes, estean inscritas no censo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Terceiro. O importe que se distribuirá nesta convocatoria de axudas será de cincuenta e nove mil oitocentos sesenta e catro euros con oitenta céntimos (59.864,80 €), cantidade que procede de fondos propios da comunidade autónoma para esta finalidade. Non obstante, o importe destas axudas poderá incrementarse se, antes da publicación da resolución de concesión no Diario Oficial de Galicia, se tivese recibido unha transferencia do Ministerio de Educación, Cultura y Deporte para esta mesma finalidade, e así se publique no Diario Oficial de Galicia.

O pagamento das axudas efectuarase con cargo á partida 09.60.423A.481.0 dos orzamentos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para o ano 2013.

Cuarto. As axudas van destinadas tanto para a realización de actividades como para sufragar gastos derivados da xestión, administración, adquisición de material non inventariable e mantemento ordinario das instalacións, que se orixinen no período subvencionado.

Quinto. As solicitudes, segundo o modelo de instancia que figura como anexo I a esta orde, deberán conter os datos actualizados do solicitante e deberán vir acompañadas da seguinte documentación:

a) Orzamento desagregado de cada unha das actividades, dos gastos derivados da xestión, administración, adquisición de material non inventariable e mantemento das instalacións que se orixinen no período subvencionado.

b) Plan de actividades para as cales se solicita a axuda, facendo constar unha breve memoria por cada unha das actividades.

c) Copia certificada do acordo do órgano competente polo que se decide solicitar a axuda.

d) Para as federacións, relación das asociacións de pais de alumnos que as integran. Para as confederacións, relación das asociacións de pais de alumnos e das federacións que as integran.

e) Declaracións (anexo II).

Sexto. As instancias e demais documentación presentaranse no Rexistro Único da Xunta de Galicia, edificio administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou nos lugares e na forma previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE do 27 de novembro). Tamén se poderán presentar electronicamente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia no enderezo: http://www.xunta.es/sede electronica.

Se a solicitude fose remitida por correo, será necesaria a súa presentación en sobre aberto para que o funcionario de correos poida facer constar o selo e a data antes de proceder á súa certificación.

Sétimo. O prazo de presentación de instancias será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non houbese día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Presentada a solicitude, examinarase para ver se reúne os requisitos exixidos e se vai acompañada da preceptiva documentación; en caso contrario requirirase o solicitante para que, no prazo de dez días, emende e/ou complete os documentos e/ou datos que deben achegarse, advertíndo de que, se así non o fixese, se terá por desistido da súa petición e procederá ao seu arquivo sen máis trámite, logo de resolución ditada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Oitavo. Baixo a presidencia do titular da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos ou persoa en quen delegue, constituirase unha comisión integrada polos seguintes membros:

– O titular da subdirección xeral de Centros.

– O funcionario que ocupe a xefatura de servizo de Centros.

– O funcionario que ocupe a xefatura de servizo de Xestión de Programas Educativos.

– O funcionario que ocupe a xefatura de sección de Programas Educativos.

– Un funcionario da dirección xeral de Centros e Recursos Humanos, que actuará como secretario, con voz e sen voto.

Noveno. A distribución das axudas farase do seguinte xeito:

a) As confederacións recibirán unha contía fixa que será igual para todas e que non excederá para cada unha do 10% do importe total da convocatoria, coa finalidade de garantir unha axuda mínima para cada unha das solicitudes.

b) As federacións de ámbito provincial recibirán unha contía fixa que será igual para todas e que non excederá para cada unha o 2% do importe total da convocatoria, coa finalidade de garantir unha axuda mínima para cada unha das solicitudes.

c) As federacións de ámbito inferior ao provincial recibirán unha contía fixa que será igual para todas e que non excederá para cada unha o 1,5% do importe total da convocatoria, coa finalidade de garantir unha axuda mínima para cada unha das solicitudes.

d) As confederacións recibirán, ademais, un importe variable que estará en función do número de federacións e asociacións de pais de alumnos que as integran. O importe por cada federación confederada non excederá do 1,5 % do importe total da convocatoria. O importe por cada APA confederada non excederá do 0,5 % do importe total da convocatoria.

e) Todas as federacións recibirán, ademais, un importe variable que estará en función do número de asociacións de pais de alumnos que as integran. O importe por APA federada non excederá do 0,5% do importe total da convocatoria.

f) As asociacións de pais de alumnos de centros de educación especial recibirán unha contía que será igual para todas as asociacións e que non excederá para cada unha do 1,5% do importe total da convocatoria, coa finalidade de garantir unha axuda mínima para cada unha das solicitudes.

Non obstante, poderanse superar as porcentaxes anteriores se, de acordo co número de solicitudes presentadas e as porcentaxes máximas indicadas, non fose posible a distribución total do importe da convocatoria. O incremento será proporcional ás porcentaxes máximas establecidas para as contías fixas e variables fixadas nas letras da a) á f) deste mesmo artigo.

Décimo. A comisión de selección elaborará a proposta de adxudicación das subvencións e elevaraa ao titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, para a resolución que proceda.

A resolución de concesión das axudas, ditada polo titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, publicarase no Diario Oficial de Galicia no prazo máximo de cinco meses contados desde a publicación desta convocatoria.

No suposto de que non se ditase resolución expresa dentro do prazo máximo previsto, os solicitantes poderán entender desestimadas as súas solicitudes para os efectos de interpoñer o recurso administrativo ou contencioso-administrativo que proceda.

A resolución, que esgotará a vía administrativa, poderá ser obxecto de recurso de reposición, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia, ante o titular da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, segundo o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (BOE do 14 de xaneiro), ou ben os interesados poderán presentar directamente o recurso contencioso-administrativo, ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, conforme se establece na Lei 23/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa (BOE do 14 de xullo).

Décimo primeiro. O pagamento das axudas concedidas farase de conformidade co disposto no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG do 25 de xuño).

Para poder dar curso aos libramentos, os beneficiarios presentarán, antes do 31 de outubro de 2013, a xustificación dos gastos realizados, mediante orixinais ou copias compulsadas de facturas e/ou nóminas e acreditación documental de que se efectuou o seu aboamento.

Ademais, os beneficiarios deberán presentar o anexo II (declaracións cos datos actualizados), tendo que acharse ao corrente no cumprimento das obrigas tributarias e da Seguridade Social e non ter pendente ningunha débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma segundo o establecido no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvención de Galicia.

A xustificación indicada nos dous parágrafos anteriores será enviada no prazo mencionado á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, Subdirección Xeral de Centros, Servizo de Xestión de Programas Educativos, edificio administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela.

Décimo segundo. A Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos poderá requirir do solicitante cantos documentos e aclaracións considere necesarios para complementar o expediente, e tamén poderá dispor que se leven a cabo as comprobacións oportunas dos datos achegados polos peticionarios.

Calquera alteración que se produza nos datos contidos na solicitude ou na documenta-ción que a acompaña será comunicada polo solicitante á citada dirección xeral.

Décimo terceiro. O beneficiario está obrigado a facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Décimo cuarto. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Décimo quinto. Nas convocatorias públicas, publicidade e propaganda das actividades realizadas ao abeiro desta orde que realicen as confederacións, federacións e asociacións, deberá figurar que están subvencionadas pola Xunta de Galicia, Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, co seu respectivo anagrama ou logotipo.

Décimo sexto. Procederá o reintegro, total ou parcial, da axuda percibida, xunto cos xuros de demora, nos casos indicados no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG do 25 de xuño).

Décimo sétimo. Esta orde adáptase ao texto articulado da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Décimo oitavo. De conformidade co artigo 13.4º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Xunta de Galicia publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

Ademais, de acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, e regulados no artigo 16 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a sinatura da solicitude supón o consentimento expreso para incluír e facer públicos, nos rexistros regulados no referido decreto, os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas.

Disposición adicional

No non previsto nesta orde haberá que aterse ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG do 25 de xuño).

Disposición derradeira primeira

Facúltase o titular da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos para adoptar todos os actos e medidas necesarias para a execución e desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda

Contra esta orde os interesados poderán interpor recurso contencioso-administrativo, ante a sala do contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición derradeira terceira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 9 de abril de 2013

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file