Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 75 Xoves, 18 de abril de 2013 Páx. 11862

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 16 de abril de 2013 pola que se convoca unha xornada de formación para a protección dos recursos mariños.

Dentro das actividades programadas para o ano 2013 e conforme as funcións atribuídas pola Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública, en colaboración coa Consellería do Medio Rural e do Mar, anúnciase a convocatoria dunha xornada de formación para a protección dos recursos mariños, de acordo coas seguintes bases:

1. Datos da actividade.

Denominación: formación para a protección dos recursos mariños.

Tipo: xornada.

Horas lectivas: 8.

Modalidade: presencial.

Obxectivos:

• Actualización de coñecementos en materia de protección de recursos mariños.

• Concienciar os colectivos implicados nesta tarefa da necesidade de mellorar os procedementos de coordinación.

• Expoñer aspectos normativos de interese, tanto actuais como de previsión futura.

Contido:

1. Aspectos xurídico-administrativos en materia de protección de recursos mariños.

2. Aspectos sanitarios do consumo de produtos perecedoiros.

3. Réxime sancionador aplicable a pesca, ao marisqueo e á acuicultura.

2. Desenvolvemento da convocatoria.

Destinatarios/as: gardapescas, gardacostas, corpos das policías locais de Galicia, corpo da Garda Civil, corpo da Policía Nacional e unidade do CNP adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia.

Prazas ofertadas: ilimitadas.

3. Solicitudes de participación.

a) O persoal que desexe participar no curso convocado nesta resolución deberá cubrir o formulario de matrícula telemática na páxina web da Agasp (http://agasp.xunta.es).

Non se admitirá ningunha outra forma ou modelo de solicitude.

b) A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte o feito.

c) É conveniente consignar no formulario de solicitude un número de teléfono móbil co fin de poder realizar as notificacións necesarias.

d) Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan consignados correctamente os datos necesarios para realizar o proceso selectivo do alumnado, que non se axusten ao formulario de solicitude ou que sexan presentadas fóra de prazo.

e) Prazo para a presentación de solicitudes: o prazo de inscrición e presentación de solicitudes de participación rematará o día 28 de abril de 2013.

4. Formulario normalizado de solicitude.

a) Os formularios de solicitude a que se refire a base anterior serán obtidos e cubertos pola persoa solicitante necesariamente a través da páxina web da Academia Galega de Seguridade Pública, que poden encontrar no enderezo da internet (http://agasp.xunta.es).

b) Para cubrir correctamente os formularios de solicitude, no citado enderezo da internet dispoñerase de instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento polas persoas solicitantes.

c) Os formularios poderán ser obtidos e cubertos ata as 14.00 horas da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

d) En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información, poderán dirixirse á Agasp a través do número de teléfono: 886 20 61 10, do fax: 886 20 61 22 ou do enderezo de correo electrónico: formacion.agasp@xunta.es, que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación de solicitudes.

Lista de solicitudes seleccionadas: o día 30 de abril de 2013 a Academia Galega de Seguridade Pública publicará no sitio web http://agasp.xunta.es, a lista de admitidos.

Obrigas das persoas seleccionadas:

De acordo co establecido no artigo 21 do Regulamento de réxime interior da Agasp as persoas que resulten seleccionadas teñen a obriga de participar no desenvolvemento da actividade, agás que comunicasen a imposibilidade de asistir con polo menos 48 horas de anticipación ao comezo da actividade. A devandita renuncia deberase comunicar por escrito á Agasp, por correo electrónico ao enderezo: formación.agasp@xunta.es ou por fax ao número 886 20 61 22.

Comezado o curso, ao alumnado só se lle permitirá a falta de asistencia a un 10 % como máximo das horas totais, e sempre xustificadamente. De sobrepasar esta porcentaxe, non terá dereito ao diploma ou certificado.

5. Desenvolvemento da actividade.

Lugar: Agasp.

Horario: das 9.00 ás 14.00 horas e das 16.00 ás 19.00 horas.

Día: 3 de maio de 2013.

Certificado de aproveitamento: ao finalizar a actividade entregarase un certificado de asistencia a todas aquelas persoas que acrediten a asistencia continuada.

6. Baremación da actividade.

Para os efectos do previsto nos anexos II e III da Orde do 28 de xaneiro de 2009 da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, publicada no DOG do 2 de febreiro de 2009, esta actividade terá unha baremación de 0,12 puntos.

7. Dereitos e deberes do alumnado participante.

Durante o desenvolvemento da actividade ao alumnado seralle de aplicación, canto aos dereitos e deberes, o previsto no Regulamento de réxime interior da Agasp, aprobado por Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 4 de marzo de 2009 (DOG núm. 30, do 12 de febreiro).

8. Modificacións e incidencias.

A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 16 de abril de 2013

Santiago Villanueva Álvarez
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública