Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 77 Luns, 22 de abril de 2013 Páx. 12280

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 3 de abril de 2013 pola que se aproban os estatutos do Colexio Oficial de Peritos e Enxeñeiros Técnicos Industriais de Lugo.

De acordo co establecido no artigo 150.2 da Constitución española, a Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma galega, transfire, no marco da lexislación básica do Estado, o desenvolvemento lexislativo e a execución en materia de corporacións de dereito público representativas de intereses económicos e profesionais.

A transferencia en materia de colexios oficiais ou profesionais fíxose efectiva a través do Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, e asumiuse polo Decreto 337/1996, do 13 de setembro, da Xunta de Galicia, e corresponden á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza as competencias nesta materia en virtude do Decreto 7/2011, do 20 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da dita consellería.

A Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, ditada en virtude da citada competencia, dispón no seu artigo 16 que os colexios profesionais gozarán de autonomía para a elaboración, aprobación e modificación dos seus estatutos, sen máis límites que os establecidos polo ordenamento xurídico. O artigo 18 da mesma norma establece a obrigatoriedade de comunicar á consellería competente en materia de colexios profesionais os estatutos aprobados, así como as súas modificacións.

Dando cumprimento a esta disposición, o Colexio Oficial de Peritos e Enxeñeiros Técnicos Industriais de Lugo acordou en asemblea xeral a aprobación dos seus estatutos, que foron presentados ante a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza para os efectos da súa aprobación definitiva, logo da cualificación de legalidade, en cumprimento do establecido no artigo 18 da Lei 11/2001, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia.

En virtude do anterior, e verificada a adecuación á legalidade dos estatutos presentados, en uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Aprobar os estatutos do Colexio Oficial de Peritos e Enxeñeiros Técnicos Industriais de Lugo que figuran como anexo a esta orde.

Artigo 2. Publicación e inscrición

Ordenar a súa publicación no Diario Oficial de Galicia e a inscrición correspondente no Rexistro de Colexios Profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de abril de 2013

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO
Estatutos do Colexio Oficial de Peritos e Enxeñeiros Técnicos Industriais de Lugo

TÍTULO PRELIMINAR

CAPÍTULO I
Disposicións xerais

Artigo 1. Organización corporativa

1. Constitúe o obxecto destes estatutos a regulación da organización, competencias e funcionamento do Colexio Oficial de Peritos e Enxeñeiros Técnicos Industriais de Lugo.

2. O Colexio Oficial de Peritos e Enxeñeiros Técnicos Industriais de Lugo é unha corporación de dereito público, de carácter representativo da profesión, amparado pola lei e recoñecido polo Estado e a Comunidade Autónoma de Galicia, con personalidade xurídica propia e plena capacidade de obrar para o cumprimento dos seus fins.

Artigo 2. Réxime xurídico

O Colexio rexerase a partir deste momento pola Lei 2/1974, do 13 de febreiro, modificada pola Lei 74/1978, do 26 de decembro; pola Lei 7/1997, do 14 de abril; polo Real decreto lei 6/2000, do 23 de xuño; pola Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 189, do 28 de setembro) (BOE nº 253, do 22 de outubro), modificada pola Lei 1/2010, do 11 de febreiro, de modificación de diversas leis de Galicia para a súa adaptación á Directiva 2006/123/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 12 de decembro de 2006, relativa aos servizos no mercado interior, así como polo Real decreto 104/2003, do 24 de xaneiro, polo que se aproban os estatutos xerais dos colexios oficiais de peritos e enxeñeiros técnicos industriais e do seu Consello Xeral (BOE nº 28, do 1 de febreiro), e demais lexislación aplicable, coas peculiaridades que para este colexio se regulan nos seguintes artigos destes estatutos.

Artigo 3. Alcance

O Colexio estará integrado polos titulados universitarios que exercen a profesión regulada de enxeñeiro técnico industrial con atribucións profesionais propias tuteladas pola Lei 12/1986, do 1 de abril, e a el poderá acceder por petición propia e voluntaria, cumprindo os demais requisitos exixidos polos presentes estatutos, quen estea en posesión do correspondente título académico universitario oficial expedido, homologado ou recoñecido polo Estado ao abeiro da lexislación educativa pertinente.

Os títulos oficiais autorizados por lei para o ingreso neste colexio oficial e o conseguinte exercicio da profesión regulada de enxeñeiro técnico industrial ao abeiro das súas atribucións profesionais son:

a) Graduados en Enxeñaría en especialidades industriais, con titulación obtida conforme a Resolución do 15 de xaneiro de 2009, da Secretaría de Estado de Universidades, e a Orde CIN/351/2009 do Ministerio de Ciencia e Innovación, e con cumprimento dos requisitos establecidos nos reais decretos 1393/2007, do 29 de outubro, e 861/2010, do 2 de xullo.

b) Titulados conforme os plans de estudo anteriores ao Real decreto 1497/1987, do 27 de novembro, os titulados conforme os reais decretos 1402/1992, 1403/1992, 1404/1992, 1405/1992, 1406/1992, todos do 20 de novembro.

c) Enxeñeiros técnicos industriais con titulacións obtidas conforme os reais decretos 1402/1992, 1403/1992, 1404/1992, 1405/1992, 1406/1992, todos do 20 de novembro.

d) Enxeñeiros técnicos en especialidades industriais e peritos industriais con titulacións obtidas con anterioridade ao Real decreto 1497/1987, do 27 de novembro, e homologados polo Real decreto 1954/1994, do 30 de setembro.

e) Enxeñeiros técnicos en Deseño Industrial, con titulación obtida conforme o Real decreto 1462/1990, do 26 de outubro.

f) Graduados en Enxeñaría en Deseño Industrial e Desenvolvemento de Produto, con titulación que dispoña de recoñecemento oficial por parte do Consello de Ministros publicado por resolución ministerial, logo do cumprimento dos requisitos establecidos nos reais decretos 1393/2007, do 29 de outubro, e 861/2010, do 2 de xullo.

g) Outras titulacións universitarias oficiais que, despois da entrada en vigor dos presentes estatutos, poidan marcar o ordenamento xurídico español como útiles e válidas para acceder ao exercicio da profesión regulada de enxeñeiro técnico industrial.

Artigo 4. Ámbito territorial

1. Ten o seu domicilio social na cidade de Lugo, na avenida das Américas 1-3, entresollado. Poderase cambiar o domicilio social por acordo da Xunta Xeral, sen que iso implique a modificación dos presentes estatutos.

2. O ámbito territorial do Colexio é a provincia de Lugo. Poderán crearse, se se considera oportuno, delegacións noutras localidades da provincia e fixaranse as correspondentes demarcacións territoriais destas.

Artigo 5. Relacións coas administracións

1. O Colexio profesional, nas cuestións relativas aos aspectos institucionais e corporativos, relacionarase coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia a través da consellería competente en materia de colexios profesionais, e nas cuestións referentes ao contido da profesión, a través da consellería ou consellerías competentes ao respecto. Todo iso sen prexuízo da competencia do Consello Galego de Enxeñeiros Técnicos Industriais no campo da representación no ámbito galego da profesión.

2. O Colexio, en todo o que atinxe aos contidos da súa profesión e aos aspectos institucionais e corporativos recollidos nas leis, relacionarase coa Administración xeral do Estado a través do ministerio que teña competencias. Todo iso sen prexuízo da competencia exclusiva do Consello Xeral de Peritos e Enxeñeiros Técnicos Industriais no campo da representación nacional da profesión.

3. As relacións coa Administración xeral do Estado estableceranse a través do Consello Xeral.

4. O Colexio relacionarase directamente coas administracións autonómicas, provinciais e locais, así como coas universidades.

CAPÍTULO II
Das funcións e os fins

Artigo 6. Fins

1. O Colexio terá os fins propios dos órganos corporativos profesionais e como finalidade última a tutela do correcto exercicio da profesión como garantía dos dereitos dos cidadáns. En particular:

a) Velará para que se remova calquera obstáculo xurídico ou doutra índole que impida o exercicio por parte dos peritos, enxeñeiros técnicos industriais e titulados de grao da rama Industrial das atribucións integradas na súa actividade profesional que legalmente teñen recoñecidas.

b) Igualmente velará por que se recoñeza o carácter privativo da actuación profesional dos peritos, enxeñeiros técnicos industriais e titulados de grao da rama Industrial nas atribucións que legalmente teñen recoñecidas, promovendo, se é o caso, as actuacións administrativas ou xudiciais que no seu ámbito territorial correspondan contra a intrusión profesional.

c) Tratará de lograr a constante mellora do nivel de calidade das prestacións profesionais dos colexiados, promovendo a formación continua e o perfeccionamento permanente destes.

d) Promoverá o desenvolvemento profesional e a formación continuada do profesorado titulado en Enxeñaría Técnica Industrial ou en grao da rama Industrial, e colaborará coas institucións educativas para programar e realizar actividades de formación científica e técnica.

e) Cooperará na mellora dos estudos conducentes á obtención de títulos habilitantes para o exercicio das correspondentes profesións.

f) Colaborará coas administracións públicas no exercicio das súas competencias, nos termos previstos na lexislación vixente.

Artigo 7. Funcións

Son funcións do Colexio:

1) Ordenar e vixiar o exercicio da profesión, velando polo prestixio desta, e ordenar no marco da súa competencia a actividade dos colexiados, velando pola ética e dignidade profesional destes así como conciliando os seus intereses co interese social e cos dereitos dos cidadáns.

2) Cumprir e facer cumprir aos colexiados as normas legais que afecten o exercicio profesional en todas as súas modalidades, así como exercer a potestade sancionadora sobre os colexiados na orde orgánica e deontolóxica.

3) Representar e defender os dereitos e intereses da profesión ante os tribunais, administracións públicas e toda clase de institucións oficiais ou privadas, así como ante calquera persoa física ou xurídica, con lexitimación bastante para ser parte de cantos procedementos e litixios afecten a profesión, así como para exercer o dereito de petición conforme a lei. Velará para que se remova calquera obstáculo xurídico ou doutra índole que impida o exercicio polos peritos, enxeñeiros técnicos industriais e titulados de grao da rama Industrial das atribucións integradas na súa actividade profesional que legalmente teñen recoñecidas.

4) Perseguir ante os tribunais ou ante as administracións públicas os casos de intrusión en que se pretenda indebidamente exercer a profesión, o uso do título ou das atribucións profesionais do perito industrial, do enxeñeiro técnico industrial e dos titulados universitarios de grao nos campos do ensino técnico propios da enxeñaría industrial, as construcións e as instalacións industriais, así como adoptar as medidas necesarias para evitar a competencia desleal.

5) Recoller e canalizar as aspiracións da profesión, elevando aos organismos oficiais competentes cantas suxestións garden relación coa prestación dos servizos propios daquela, procurando a adecuación da actividade profesional ás exixencias da sociedade.

6) Informar e asesorar os colexiados sobre o ordenamento xurídico relativo ao exercicio da profesión.

7) Organizar congresos, xornadas, reunións e outros actos de carácter científico ou técnico relacionados coa profesión, así como cursos para a formación e o perfeccionamento profesional dos colexiados.

8) Organizar e promover actividades e servizos comúns de carácter profesional, cultural, recreativo ou calquera outro de interese para os colexiados.

9) Manter un servizo de información para dar resposta ás demandas de traballo.

10) Fomentar entre os colexiados os servizos de previsión, mutualidade e cooperativismo.

11) Efectuar o visado dos proxectos, informes, ditames, valoracións, peritaxes e demais traballos subscritos polos colexiados, cando así o soliciten por petición expresa dos seus clientes ou cando o impoñan as leis.

12) Efectuar o rexistro documental daqueles traballos ou documentos técnicos subscritos polos colexiados, cando estes o soliciten.

13) Encargarse do cobramento das remuneracións e honorarios percibidos no exercicio libre da profesión cando o colexiado o solicite, nos termos previstos nestes estatutos.

14) Resolver por laudo arbitral, por instancia das partes interesadas, as discrepancias xurdidas no cumprimento das obrigas dimanantes dos traballos realizados polos colexiados no exercicio da profesión.

15) Intervir, en vía de conciliación ou arbitraxe, nas cuestións que por motivos profesionais se susciten entre os colexiados e, en xeral, procurar a harmonía e a colaboración entre estes.

16) Realizar cantas funcións redunden en beneficio da protección dos intereses dos consumidores e usuarios polos servizos prestados polos seus colexiados.

17) Emitir informe nos procedementos administrativos ou xudiciais en que se discutan cuestións relacionadas cos honorarios profesionais.

18) Mediar e velar pola ordenación e retribución dos colexiados que exerzan a súa profesión por conta allea, mantendo relación coas distintas organizacións de índole laboral.

19) Facilitar aos tribunais, conforme as leis, a relación de colexiados que poidan ser requiridos para intervir como peritos nos asuntos xudiciais ou designalos directamente segundo proceda.

20) Relacionarse e coordinarse con outros colexios profesionais e asociacións, así como co Consello Galego de Enxeñeiros Técnicos Industriais.

21) Exercer cantas funcións lle sexan encomendadas ou delegadas polas administracións públicas.

22) Participar nos consellos, xuntas, comités ou calquera outro tipo de órgano consultivo ou representativo da Administración de Galicia cando esta o requira ou así se estableza na normativa vixente.

23) Asesorar as administracións públicas e colaborar con elas na realización de estudos e informes, elaboración de estatísticas e outras actividades relacionadas coa enxeñaría industrial que lle poidan ser solicitadas ou que se acorde formular por propia iniciativa.

24) Asesorar entidades de calquera natureza e particulares en materias da competencia do Colexio e emitir os informes que se lle requiran.

25) Emitir informe sobre aqueles proxectos de normas que elabore a Comunidade Autónoma de Galicia, e do Estado se proceder, que afecten os profesionais que agrupen ou se refiran aos fins ou ás funcións a eles encomendados.

26) Informar as autoridades competentes dun Estado membro da Unión Europea, nos termos previstos na Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio.

27) Participar na elaboración dos plans de estudo de grao de Enxeñaría da rama Industrial e nos consellos sociais das universidades.

28) Calquera outra actuación que redunde en beneficio dos intereses do Colexio, dos colexiados ou da enxeñaría técnica industrial.

29) A protección dos intereses dos consumidores e usuarios dos servizos dos seus colexiados.

30) Impulsar e desenvolver a mediación, así como desempeñar funcións de arbitraxe, nacional e internacional, de conformidade co establecido na lexislación vixente.

31) Realizar a acreditación profesional dos colexiados conforme as normas aprobadas polo Consello Xeral.

32) Crear e manter un portelo único nos termos previstos na lei e nos estatutos.

33) Elaborar e publicar unha memoria anual nos termos previstos na lei e nos estatutos.

34) Atender as solicitudes de información sobre os seus colexiados e sobre as sancións firmes impostas a eles, así como as peticións de inspección ou investigación que lles formule calquera autoridade competente dun Estado membro da Unión Europea nos termos previstos na Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio, en particular no que se refire a que as solicitudes de información e de realización de controis, inspeccións e investigacións estean debidamente motivadas e que a información se empregue unicamente para a finalidade para a cal se solicitou.

Artigo 8. Idioma

1. O galego e o castelán son as linguas propias do Colexio Oficial de Peritos e Enxeñeiros Técnicos Industriais de Lugo.

2. Publicaranse en galego e castelán os presentes estatutos, as súas modificacións e aquelas disposicións regulamentarias de carácter xeral que rexan a vida corporativa.

3. O logotipo do Colexio editarase indistintamente, acorde coa inscrición ante a Xunta de Galicia.

Artigo 9. Portelo único

1. O Colexio creará e manterá unha páxina web para que, a través do portelo único previsto na Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio, os profesionais poidan realizar todos os trámites necesarios para a colexiación, o seu exercicio e a súa baixa no Colexio, a través dun único punto, por vía electrónica e a distancia. Concretamente farán o necesario para que, a través deste portelo único, os profesionais poidan de forma gratuíta:

– Obter toda a información e formularios necesarios para o acceso e exercicio da súa actividade profesional.

– Presentar toda a documentación e solicitudes necesarias, incluíndo a de colexiación, sen prexuízo das oportunas comprobacións documentais.

– Coñecer o estado de tramitación dos procedementos nos cales teñan a condición de interesado e recibir a correspondente notificación dos actos de trámite preceptivos e a resolución destes do Colexio, incluída a notificación dos expedientes disciplinarios cando non for posible por outros medios.

– Convocar os colexiados ás xuntas xerais ordinarias e extraordinarias e pór no seu coñecemento a actividade pública e privada do colexio profesional.

2. A través do referido portelo único, para a mellor defensa dos dereitos de usuarios e consumidores ofrecerase a seguinte información, que deberá ser clara, inequívoca e gratuíta:

– Os datos das asociacións ou organizacións de consumidores e usuarios ás cales os destinatarios dos servizos profesionais poden dirixirse para obter asistencia.

– As vías de reclamación e os recursos que se poderán interpor en caso de conflito entre un consumidor ou usuario e un colexiado ou o colexio profesional.

– O acceso ao rexistro de colexiados, que estará permanentemente actualizado e no cal constarán, polo menos, os datos seguintes: o nome e apelidos dos profesionais colexiados, o número de colexiación, os títulos académicos oficiais, o domicilio profesional e a situación de habilitación profesional.

O acceso ao Rexistro de Sociedades Profesionais, que terá o contido descrito no artigo 8 da Lei 2/2007, do 15 de marzo, de sociedades profesionais.

Artigo 10. Servizo de atención aos consumidores ou usuarios e colexiados

1. O Colexio disporá dun servizo de atención aos consumidores ou usuarios e colexiados que necesariamente tramitará e resolverá cantas queixas referidas á actividade colexial ou dos colexiados sexan presentadas por calquera usuario ou profesional colexiado, así como por organizacións de consumidores e usuarios na súa representación ou en defensa de intereses colectivos.

2. O servizo de atención aos consumidores ou usuarios e colexiados poderá resolver sobre a solicitude iniciando a vía da arbitraxe de consumo, abrindo un procedemento informativo, arquivando ou adoptando calquera outra decisión que, se é o caso, corresponda.

3. A regulación deste servizo deberá ter en conta a presentación de queixas e reclamacións por vía telemática.

TÍTULO I

CAPÍTULO I
Da colexiación

Artigo 11. Da colexiación

1. Son membros da organización colexial todos os colexiados. Para o exercicio da profesión, tanto libre como por conta allea ou en calquera outra forma, será obrigatorio estar incorporado ao Colexio nos termos previstos na lexislación vixente. Aquela, no que contraveña as ditas leis, será libre e voluntaria.

2. Todos os peritos, enxeñeiros técnicos industriais e titulados de grao da rama Industrial que teñan o seu domicilio profesional único ou principal na provincia de Lugo deberán estar colexiados no Colexio de Lugo.

3. Non se poderá limitar o número de colexiados inscritos no Colexio nin tampouco pechar temporal ou definitivamente a admisión de novos colexiados.

4. A incorporación ao Colexio Oficial de Peritos e Enxeñeiros Técnicos Industriais de Lugo habilita para o exercicio da profesión en todo o territorio do Estado.

Non se lles pode exixir aos colexiados doutro colexio oficial de enxeñeiros técnicos industriais cuxo domicilio profesional único ou principal non radique no ámbito territorial do Colexio de Lugo ningunha habilitación nin pagamento de contraprestacións económicas distintas daquelas que lles exixan habitualmente aos seus colexiados pola prestación dos servizos de que sexan beneficiarios e non se encontren cubertos pola cota colexial. Non obstante, deberán xustificar a súa colexiación noutro colexio, así como xustificar que o seu domicilio profesional único ou principal non está na provincia de Lugo.

CAPÍTULO II
Da condición de colexiado

Artigo 12. Ingreso

1. Para ingresar no Colexio son necesarios os seguintes requisitos:

a) Ter obtido o correspondente título oficial, expedido, homologado ou recoñecido polo Estado.

b) Non estar suxeito a incapacidade legal que lle impida a colexiación nin estar suxeito a pena de inhabilitación para o exercicio profesional por sentenza firme, nin se encontrar impedido para tal exercicio por unha anterior sanción disciplinaria firme.

c) Ter a nacionalidade española ou a dalgún dos Estados membros da Unión Europea, sen prexuízo do disposto nos tratados internacionais ratificados polo Estado español ou os acordos de reciprocidade.

d) Cubrir a documentación para o efecto e satisfacer a cota de ingreso establecida, que non superará os custos asociados á tramitación da inscrición.

2. Poderán ser nomeados colexiados de honra aquelas persoas naturais ou xurídicas, nacionais ou estranxeiras que, teñan ou non titulación académica, reúnan méritos ou prestasen servizos relevantes a favor do Colexio ou da profesión en xeral. Estes nomeamentos só terán efectos honoríficos.

Artigo 13. Réxime das incorporacións colexiais

1. A incorporación ao Colexio ten carácter regrado e non se lles poderá denegar aos que reúnan os requisitos fixados no artigo anterior, salvo o disposto neste precepto.

2. A Xunta de Goberno do Colexio resolverá, logo dos informes oportunos, as solicitudes de colexiación, no prazo de dous meses, mediante acordo motivado contra o cal caberán os recursos establecidos nestes estatutos. A colexiación entenderase producida, respecto das solicitudes deducidas en debida forma, unha vez transcorrido o prazo de dous meses sen que houbese resolución expresa.

3. A colexiación suspenderase, e con ela os dereitos inherentes á condición de colexiado, por acordo expreso e motivado a causa de:

a) A inhabilitación ou incapacitación para o exercicio profesional decretada por resolución xudicial firme.

b) A suspensión no exercicio profesional imposta por sanción disciplinaria colexial devida firme.

c) O incumprimento estatutario que dea lugar a sanción disciplinaria colexial devida firme.

A situación de suspensión manterase mentres subsista a causa que a determina.

Artigo 14. Perda da condición de colexiado

1. Serán causas da perda da condición de colexiado:

a) O falecemento.

b) A baixa voluntaria, que só se admitirá logo de manifestación do cesamento da actividade profesional, e terá efectos desde a súa solicitude, ben que non eximirá do pagamento das cotas e doutras débedas vencidas.

c) A condena por sentenza firme que comporte a pena principal ou accesoria de inhabilitación para o exercicio da profesión. O colexiado estará obrigado a comunicar ao Colexio a sentenza condenatoria dentro dos dez días seguintes a aquel en que se lle notifique, sen prexuízo de absterse de toda actividade profesional desde que produza efectos a sentenza condenatoria.

d) A medida disciplinaria en tal sentido, acordada por resolución firme do Colexio ou do Consello Galego de Enxeñeiros Técnicos Industriais. A sanción de expulsión disciplinaria producirá efectos desde que sexa firme e o Colexio notificarállelo ao Consello Galego e ao Consello Xeral de Colexios de Peritos e Enxeñeiros Técnicos Industriais, que llelo comunicará aos demais colexios.

Artigo 15. Suspensión de dereitos e perda da condición de colexiado por falta de pagamento

1. A falta inxustificada do pagamento das débedas contraídas co Colexio por importe mínimo dun trimestre, tras o pertinente requirimento do seu aboamento, non producirá a perda da condición de colexiado pero si producirá a suspensión temporal de todos os dereitos corporativos. Se o descuberto alcanza as cotas correspondentes a unha anualidade como mínimo, non se procederá ao visado dos traballos do colexiado mentres non aboe todas as cotas pendentes máis os seus xuros legais, todo iso sen prexuízo do disposto no título IV destes estatutos e do alzamento da suspensión dos dereitos tan pronto como o colexiado se poña ao día dos seus pagamentos.

2. Transcorrido un ano en situación de suspensión temporal de todos os dereitos corporativos, e tras dous requirimentos de pagamento non atendidos no prazo outorgado nestes cun intervalo mínimo de dous meses entre eles, producirase a perda da condición de colexiado.

CAPÍTULO III
Dos dereitos e deberes dos colexiados

Artigo 16. Dereitos dos colexiados en relación coa súa actividade profesional

1. Os colexiados teñen dereito ás consideracións debidas á súa profesión recoñecidas pola lexislación e polas normas estatutarias.

2. Os colexiados teñen dereito ao libre exercicio da súa profesión sen que a Administración nin terceiros limiten as atribucións profesionais que teñan recoñecidas nas leis.

3. Os colexiados teñen dereito ao cobramento de honorarios profesionais polos servizos prestados aos seus clientes nos termos previstos nestes estatutos e nas demais disposicións vixentes.

Artigo 17. Deberes dos colexiados no exercicio da súa actividade profesional

Serán deberes dos colexiados:

a) Cumprir coas prescricións legais que sexan de obrigada observancia nos traballos profesionais que realicen.

b) Someter a visado do colexio correspondente a documentación técnica ou facultativa, proxectos, informes ou calquera outro traballo que subscriba no exercicio da súa profesión, cuxo visado sexa exixido polas disposicións legais en vigor ou sexa solicitado polo cliente, calquera que sexa o cliente ou destinatario daqueles.

c) Ter cubertas mediante un seguro de responsabilidade civil aquelas obrigas en que poida incorrer como consecuencia do exercicio profesional mencionado na alínea anterior.

Artigo 18. Dereitos corporativos dos colexiados

Ademais dos dereitos sinalados no artigo anterior con relación á súa actividade profesional, correspóndenlles aos colexiados os seguintes dereitos corporativos:

a) Ao sufraxio activo e pasivo en relación con todos os cargos electivos do Colexio, do Consello Galego e do Consello Xeral, nos termos previstos no artigo 44 e sen prexuízo do establecido nos estatutos dos ditos consellos.

b) A participar na vida colexial, segundo os termos fixados nestes estatutos.

c) A dirixir suxestións e peticións por escrito aos órganos de goberno do Colexio, do Consello Galego e do Consello Xeral.

d) A solicitar o amparo do Colexio cando consideren lesionados ou menoscabados os seus dereitos e intereses profesionais ou corporativos ou non se respecte a consideración e o trato que lles está recoñecido.

e) A participar no uso e desfrute dos bens do Colexio e dos servizos que este teña establecidos, na forma regulamentariamente prevista.

f) A ostentar as insignias e os distintivos propios da profesión.

g) A coñecer a contabilidade colexial na forma que determine o Colexio, pero sen que en ningún caso se poida privar de real efectividade este dereito.

h) A dispor dunha guía profesional co enderezo das oficinas e despachos dos colexiados correspondentes e con suxeición ao previsto na lexislación sobre protección de datos persoais.

Artigo 19. Deberes corporativos dos colexiados

a) Cumprir as prescricións legais en materia de previsión social.

b) Cumprir as resolucións dos órganos de goberno do Colexio, do Consello Galego e do Consello Xeral.

c) Desempeñar os labores que lles encomenden os órganos de goberno do Colexio.

d) Pagar as cotas e os dereitos que fosen aprobados polo Colexio para o seu sostemento e para fins de previsión e mutuo auxilio.

e) Facer respectar o exercicio profesional e o das institucións colexiais.

f) Gardar o segredo profesional.

g) Gardarlles respecto aos membros dos órganos de goberno da corporación e aos demais compañeiros.

CAPÍTULO IV
Da actividade profesional

Artigo 20. Do exercicio da profesión

O exercicio da profesión realizarase en réxime de libre competencia e estará suxeito, en canto á oferta de servizos e fixación da súa remuneración, á Lei de defensa da competencia e á Lei sobre competencia desleal.

Artigo 21. Incompatibilidades

1. O exercicio da profesión é incompatible con calquera situación prevista como tal pola lei.

2. O profesional en quen concorra algunha causa de incompatibilidade deberá comunicalo inmediatamente á Xunta de Goberno do Colexio e cesar no exercicio da profesión.

Artigo 22. Encargos profesionais

1. Salvo que outra cousa resulte dos termos do encargo profesional, o cliente pode resolver o encargo feito a un colexiado e facerllo a outro do mesmo ou doutro colexio, sen prexuízo do pagamento dos honorarios devindicados ata a data polo anterior colexiado.

2. O novo encargo producirá efectos desde a súa data, e así o novo colexiado quedará habilitado para realizar os traballos que lle encarguen.

3. O disposto nos puntos anteriores enténdese sen prexuízo das accións xudiciais que asistan o colexiado, primeiro titular do encargo, e do exercicio daquelas, se é o caso, polo propio Colexio.

Artigo 23. O visado colexial

1. O Colexio visará os traballos profesionais no seu ámbito de competencia de acordo co establecido nas leis vixentes.

2. O visado é unha función pública descentralizada que por atribución da lei exercen os colexios en relación con proxectos e demais traballos profesionais dos colexiados, en garantía dos intereses dos clientes e do interese público xeral.

O Colexio terá á disposición dos consumidores e usuarios un servizo de visado dos traballos realizados polos seus colexiados.

3. O visado garante:

a) A condición de colexiado de quen subscribe os traballos e, polo tanto, a súa capacidade para actuar profesionalmente, así como a súa habilitación para realizar o dito traballo.

b) A corrección e integridade formal da documentación do traballo profesional, o cumprimento das normas sobre especificacións técnicas, así como a observancia do resto da normativa aplicable ao traballo de que se trate.

3. O visado non comporta a fixación dos honorarios nin das demais condicións contractuais do profesional co seu cliente, cuxa determinación se deixa ao libre acordo das partes.

4. Para ter a condición de colexiado usuario do servizo de visados, deberá cumprirse a normativa colexial para o efecto.

5. O Colexio poderá establecer visados de acreditación en que se garantan aspectos técnicos dos traballos, salvagardando a liberdade de proxectar dos colexiados.

6. O visado dos traballos profesionais será realizado polo Colexio, nos casos e circunstancias en que este sexa competente de acordo coas disposicións lexislativas en vigor.

Artigo 24. Responsabilidade profesional

O colexiado responde directamente polos traballos profesionais que subscribe e o Colexio farao subsidiariamente naqueles casos así establecidos pola lexislación en vigor.

Artigo 25. Honorarios profesionais

Os honorarios son libres e os colexiados poderán pactar o seu importe e as condicións de pagamento co seu cliente, ben que deberán observar as prohibicións legais relativas á competencia desleal.

Artigo 26. Cobramento de honorarios

O Colexio, por acordo da Xunta de Goberno, poderá establecer o servizo de cobramento dos honorarios profesionais dos colexiados devindicados no exercicio libre da profesión. Este servizo, unha vez establecido, levarase a cabo sempre e cando o colexiado o solicite libremente en cada un dos casos.

TÍTULO II
Da organización colexial

CAPÍTULO I
Dos órganos de goberno dos colexios

Artigo 27. Clases de órganos de goberno

1. Son órganos esenciais do Colexio a Xunta Xeral, a Xunta de Goberno e o decano. Dependendo destes, e formando parte da Xunta de Goberno, existirán polo menos os seguintes postos: vicedecano, secretario, vicesecretario, tesoureiro, interventor e polo menos cinco vogais.

2. A Xunta de Goberno do Colexio poderá crear ou autorizar a creación dunha comisión executiva da Xunta de Goberno para que, logo de delegación desta, atenda ou resolva os asuntos urxentes que se lle encomenden.

3. A Xunta de Goberno tamén poderá crear outros órganos unipersoais ou colexiados de mera xestión das actividades ou servizos comúns que ofreza o Colexio, ou de preparación e estudo de asuntos que deben resolver outros órganos de goberno.

Artigo 28. Xunta Xeral

1. A Xunta Xeral é o órgano superior de expresión da vontade do Colexio no cal están representados todos os colexiados. Os seus acordos, adoptados conforme os presentes estatutos, serán de obrigado cumprimento para todos os colexiados.

2. Corresponde á Xunta Xeral:

a) A aprobación dos estatutos do Colexio e das súas modificacións posteriores.

b) A aprobación do orzamento, das contas anuais, da cota colexial periódica e a da incorporación ao Colexio. O importe da cota de incorporación ao Colexio non poderá ser restritiva do dereito á colexiación nin superar os custos asociados á tramitación da inscrición, sistemas de acceso e medios de identificación.

c) A aprobación da xestión da Xunta de Goberno e do decano, así como a memoria anual do Colexio.

d) O establecemento ou supresión, se é o caso, dos servizos corporativos necesarios para o cumprimento dos seus fins.

e) A aprobación das normas deontolóxicas colexiais.

f) A creación de entidades non autónomas sobre as cales se manterá un control corporativo adecuado, en todo o que afecte os intereses dos colexiados, como fundacións, ONG ou organizacións de índole similar ás expostas.

g) A creación de entidades autónomas e o sinalamento na súa constitución das funcións que lle sexan asignadas, como cooperativas, ou asociacións con fins concretos, de carácter profesional, de formación ou representativo noutros órganos asociativos.

Artigo 29. Réxime de funcionamento da Xunta Xeral

1. A Xunta Xeral poderá celebrar sesións ordinarias e extraordinarias.

2. O Colexio celebrará todos os anos no primeiro trimestre unha xunta xeral ordinaria. Nesta xunta xeral ordinaria aprobaranse as contas anuais, a marcha económica do Colexio e o orzamento para o correspondente ano.

3. A convocatoria de toda xunta xeral ordinaria cursarase a todos os colexiados cun mes, polo menos, de antelación á data de realización da sesión. Os acordos da Xunta Xeral adoptaranse por maioría simple de asistentes, salvo que legal ou estatutariamente se exixa unha maioría reforzada.

4. A Xunta Xeral celebrará sesión extraordinaria logo de convocatoria decidida polo decano, por acordo da Xunta de Goberno, ou por petición dun número de colexiados superior ao 25 %; a convocatoria expresará os asuntos concretos que se deban tratar nesta. A xunta deberá ter lugar no prazo máximo de corenta días naturais contados desde o acordo do decano ou da Xunta de Goberno, nos dous primeiros casos, ou desde a presentación da solicitude no terceiro.

5. Terán lugar habitualmente na sede colexial. A Xunta de Goberno poderá acordar realizalas noutro local dentro do termo municipal de Lugo, cando as circunstancias así o aconsellen.

6. Para a válida constitución das xuntas xerais será necesaria a asistencia en primeira convocatoria da maioría absoluta dos colexiados. En segunda convocatoria, que terá lugar media hora máis tarde, será suficiente a asistencia do decano e o secretario ou de quen regulamentariamente os substitúa, sexa cal for o número de colexiados asistentes.

7. Non será admitida a delegación de voto.

Artigo 30. Aprobación das actas

Os acordos da Xunta Xeral serán executivos independentemente de cando se produza a aprobación da acta.

Artigo 31. Xunta Xeral ordinaria

A Xunta Xeral ordinaria ten competencia nas seguintes materias:

a) Análise da xestión da Xunta de Goberno.

b) Aprobación, se procede, da renovación de cargos directivos e da provisión de cargos vacantes da Xunta de Goberno.

c) Exame e aprobación, se procede, da memoria económica do ano anterior, así como do balance patrimonial con aprobación das contas, se procede; daráselles aos colexiados unha información xeral sobre a marcha do Colexio en todos os aspectos.

d) Exame e aprobación, se procede, do orzamento do Colexio para o exercicio. Se corresponde, fixación ou modificación das cotas colexiais ordinarias e das taxas e dereitos económicos.

Artigo 32. Xunta Xeral extraordinaria

1. Deberá convocarse Xunta Xeral extraordinaria para:

a) Aprobar ou modificar os estatutos do Colexio.

b) Variar o domicilio social.

c) Aprobar a segregación, integración ou disolución do Colexio.

d) Aprobar ou modificar as normas deontolóxicas da profesión, o regulamento de réxime disciplinario, o de distincións honoríficas ou o de eleccións, así como calquera outro que afecte o exercicio profesional dos colexiados.

e) Aprobar a adquisición, permuta, alleamento ou gravame do patrimonio inmobiliario do Colexio.

f) Aprobar os orzamentos extraordinarios e, se corresponde, establecer cotas e derramas de carácter extraordinario.

g) Censurar a Xunta de Goberno ou algún dos seus membros.

h) Remover os órganos de goberno por medio da moción de censura.

i) Deliberar e resolver sobre calquera outro tema, por petición dun grupo de colexiados. Na solicitude deberanse especificar os motivos que xustifican a convocatoria, o tema concreto que se vai tratar e as propostas de acordo que os solicitantes consideren.

j) Por acordo da Xunta de Goberno para tratar asuntos de importancia relevante que poidan afectar a boa marcha do Colexio ou a profesión.

k) Nos demais casos que se deduzan do marco legal de aplicación.

2. As sesións serán monográficas, aínda que a orde do día se poida desagregar en varios puntos.

Artigo 33. Presidencia das xuntas xerais e o seu desenvolvemento

1. As xuntas xerais serán presididas polo decano, e actuará de secretario o que o sexa do Colexio. Un e outro poderán ser substituídos polos cargos electos que regulamentariamente os suplan.

2. No desenvolvemento de cada un dos puntos da orde do día, o decano exercerá as funcións de moderador establecendo a duración máxima das intervencións daqueles colexiados aos cales conceda o uso da palabra por telo solicitado, decidindo cando un asunto se deba dar por discutido suficientemente e someténdoo, se é o caso, a votación.

3. O decano chamará á orde aos colexiados que se excedan nas súas exposicións, ou nas cuestións obxecto de debate, ou que falten ao respecto a outro colexiado ou á propia Xunta Xeral, e retiraralle a palabra ou expulsará aquel que, chamado tres veces á orde, desatenda os seus requirimentos.

4. A votación poderá ser nominal ou a man alzada. A votación nominal deberá ser sempre secreta e será utilizada obrigatoriamente cando se debatan temas de índole persoal ou, ao criterio do decano, cando así o soliciten algúns dos asistentes.

5. A cada asistente correspóndelle un voto. Tomaranse os acordos por maioría simple, agás naqueles casos en que poida ser exixible unha maioría cualificada dentro do marco legal de aplicación. Poderanse formular votos particulares, cuxo texto deberá figurar transcrito literalmente, se para tal fin se presentan por escrito.

6. Soamente se poderán tomar acordos sobre os puntos e contidos que fosen fixados na orde do día.

7. Sempre se disporá dun punto da orde do día referido a «Rogos e preguntas» nas xuntas xerais ordinarias.

Artigo 34. Da Xunta de Goberno

A Xunta de Goberno é o órgano representativo e executivo a que corresponde o goberno do Colexio, e estará composta polo decano, vicedecano, secretario, vicesecretario, tesoureiro, interventor e polo menos catro vogais. O número de vogais poderá ser ampliado por proposta da Xunta de Goberno, e incorporará as persoas que esta designe. Tanto a creación coma o nomeamento deberán ser ratificados en xunta xeral ordinaria. O funcionamento e as competencias da Xunta de Goberno estarán regulados polos presentes estatutos do Colexio sen prexuízo de que a propia Xunta se dote dun regulamento de funcionamento.

A Xunta de Goberno reunirase en sesión ordinaria unha vez cada mes (non se celebrarán reunións en agosto ou por causas xustificadas), e cantas veces a convoque o decano, ou por solicitude da terceira parte dos seus membros. As súas reunións entenderanse validamente constituídas cando asistan polo menos catro dos seus membros, entre eles o decano ou quen estatutariamente o substitúa. Os seus acordos adoptaranse por maioría simple dos votos expresados. A Xunta de Goberno poderá dotarse dun regulamento interno de funcionamento, que se comunicará para coñecemento á primeira xunta xeral que teña lugar tras a aprobación deste.

Artigo 35. Competencias da Xunta de Goberno

Corresponde á Xunta de Goberno a dirección e administración do Colexio, para o cumprimento dos seus fins, en todo aquilo que de modo expreso non competa á Xunta Xeral.

De modo especial, corresponde á Xunta de Goberno:

a) Velar polo cumprimento dos fins da organización colexial no seu ámbito territorial.

b) Aprobar os informes, estudos, ditames, laudos e arbitraxes encomendados ao Colexio.

c) A formación do orzamento e a rendición das contas anuais.

d) Propor á Xunta Xeral as cotas que deben aboar os colexiados.

e) Dirixir a xestión económica do Colexio e propor á Xunta Xeral os investimentos ou actos de disposición dos bens patrimoniais do Colexio.

f) A admisión e baixa dos colexiados, cos requisitos e mediante a tramitación establecida nos artigos 12, 13, 14 e 15 dos estatutos.

g) Convocar e fixar a orde do día das xuntas xerais e a execución dos seus acordos, sen prexuízo das facultades do decano de decidir en por si a convocatoria de calquera clase de xunta xeral coa orde do día que aquel decida.

h) Mediar na resolución dos problemas que poidan xurdir entre os colexiados.

i) Exercer a potestade disciplinaria.

j) Convocar eleccións para prover os cargos da Xunta de Goberno.

k) Elaborar e propor á Xunta Xeral a reforma dos estatutos e os regulamentos de réxime interior se os houber.

l) Acordar o exercicio de toda clase de accións e recursos, ordinarios e extraordinarios, administrativos e xurisdicionais ante calquera organismo administrativo, xulgado ou tribunal, ou ante o Tribunal Constitucional.

m) As demais funcións que lle encomenden directamente as leis, estes estatutos, os estatutos do Consello Galego e do Consello Xeral.

n) As funcións que sexan competencia do Colexio e non estean expresamente atribuídas a outros órganos colexiais.

ñ) A constitución das comisións colexiais.

o) O visado e/ou rexistro da documentación profesional que se presente.

p) O control do funcionamento das entidades das cales forma parte o Colexio ou que fosen creadas por el.

Artigo 36. Comisión Executiva da Xunta de Goberno

1. Os asuntos que precisen unha urxente solución resolveraos a Comisión Executiva da Xunta de Goberno para que, logo de delegación desta, atenda ou resolva os asuntos urxentes que se lle encomenden. Estará composta polo decano ou o vicedecano, o secretario ou o vicesecretario, o tesoureiro e o interventor, así como por un vogal relacionado corporativamente co asunto que se vai tratar.

2. Será convocada polo decano cunha antelación mínima de 24 horas.

3. Os seus acordos serán válidos e executables cando o número de asistentes sexa polo menos de tres. Os devanditos acordos presentaranse para a súa ratificación á primeira reunión da Xunta de Goberno que teña lugar.

Artigo 37. Competencias do decano

1. Quen desempeñe o cargo de decano deberá encontrarse no exercicio da profesión en calquera das súas formas. Son competencias do decano:

1) Exercer a representación legal do Colexio ante todas as entidades, tanto públicas coma privadas, mesmo ante os tribunais de xustiza.

2) Outorgar poderes a terceiras persoas sempre que non impliquen delegación de competencias, así como os xerais para preitos en favor de avogados e procuradores.

3) Dar posesión dos seus cargos aos membros electos da Xunta de Goberno.

4) Exixir o cumprimento das súas funcións aos membros da Xunta de Goberno.

5) Delegar o desempeño de actuacións concretas noutros membros da Xunta de Goberno.

6) Convocar e fixar a orde do día das reunións da Xunta de Goberno e das xuntas xerais.

7) Presidir as sesións das xuntas xerais, da Xunta de Goberno e de todas as comisións ás cales asista, así como dirixir as deliberacións. O seu voto será sempre de calidade.

8) Dar o visto e prace ás actas e ás certificacións expedidas polo secretario.

9) Autorizar e asinar os libramentos ou ordes de pagamento e asinar os documentos necesarios para a apertura de contas correntes e o peche destas, así como os cheques expedidos pola Tesouraría e demais autorizacións para retirar cantidades con sinatura mancomunada do tesoureiro ou do interventor.

10) Propor á Xunta de Goberno a designación de colexiados para cubrir as vacantes nesta.

11) Autorizar coa súa sinatura os títulos de incorporación ao Colexio. Se é o caso, o carné nacional deberá ir referendado polo Consello Xeral, que o unificará para toda España.

12) Exercer calquera función das atribuídas á Xunta de Goberno, con carácter excepcional, soamente cando exista imposibilidade manifesta de reunir a Comisión Permanente. En tal caso, deberá dar conta á Xunta de Goberno coa maior brevidade e esta pronunciarase sobre a súa actuación.

Artigo 38. O vicedecano

Correspóndenlle ao vicedecano todas as funcións que lle delegue o decano. Este non lle poderá delegar a totalidade das que ten atribuídas. O vicedecano asumirá as funcións do decano en caso de ausencia, enfermidade ou vacante.

Artigo 39. O secretario e o vicesecretario

1. Independentemente dos dereitos e das obrigas especiais que lle confiran os acordos da Xunta de Goberno, correspóndenlle ao secretario as seguintes atribucións:

a) Redactar e cursar, seguindo as instrucións do decano, a convocatoria e a orde do día da Xunta Xeral, da Xunta de Goberno e dos demais órganos colexiados dos cales sexa membro, así como preparar e facilitar a documentación necesaria para a deliberación e adopción de resolucións na sesión correspondente.

b) Levantar a acta das sesións da Xunta Xeral, da Xunta de Goberno e dos demais órganos colexiados de que forme parte.

c) Levar e custodiar os libros de actas e documentación que reflicten a actuación dos órganos citados no parágrafo anterior, e dos demais libros de obrigado mantemento no Colexio.

d) Levar un rexistro de todos os colexiados no cal conste testemuño auténtico do título académico, data de alta no Colexio, domicilio profesional, sinatura actualizada e cantas circunstancias afecten para a súa habilitación para o exercicio profesional. O tratamento e uso destes datos adecuaranse ao disposto na Lei orgánica 15/1999, de protección de datos de carácter persoal.

e) Levar un rexistro de sociedades profesionais e aprobar o regulamento de funcionamento.

f) Redactar a memoria anual.

g) Expedir, co visto e prace do decano, certificacións.

h) Asinar por si, ou co decano en caso necesario, as ordes, correspondencia e demais documentos administrativos de xestión ordinaria.

i) Exercer a xefatura do persoal do Colexio.

j) Ter ao seu cargo o arquivo xeral do Colexio e o seu selo.

k) Recibir e dar conta ao decano de cantas solicitudes e comunicacións se reciban no Rexistro Xeral do Colexio.

l) Cumprir e facer cumprir ao persoal ás súas ordes os acordos da Xunta Xeral e da Xunta de Goberno.

2. Correspóndelle ao vicesecretario auxiliar o secretario no exercicio das súas funcións e exercelas en caso de ausencia, enfermidade ou vacante.

Artigo 40. Competencias do tesoureiro

Son competencias do tesoureiro:

a) Recadar e custodiar os fondos do Colexio sendo responsable deles. Para este fin asinará recibos e recibirá cobramentos.

b) Pagar os libramentos que expida o decano ou o interventor e os demais pagamentos de ordinaria administración autorizados de forma xeral ata a contía autorizada polo decano ou o interventor.

c) Ingresar e retirar fondos das contas bancarias, conxuntamente coa sinatura autorizadora do decano ou do interventor.

d) Cobrar os xuros e as rendas do capital.

e) Dar conta da falta de pagamento das cotas dos colexiados para que a Xunta de Goberno adopte as medidas procedentes.

f) Informar mensualmente a Xunta de Goberno da situación da tesouraría.

Artigo 41. Competencias do interventor

Son competencias do interventor:

a) Levar ou facer levar os libros de contabilidade legalmente exixidos.

b) Asinar a conta de ingresos e pagamentos mensuais para informe da Xunta de Goberno, así como a conta anual para a súa aprobación pola Xunta Xeral.

c) Elaborar a memoria económica anual e dar a coñecer a todos os colexiados o balance de situación económica do Colexio.

d) Elaborar o anteproxecto de orzamento anual.

e) Xestionar o inventario dos bens do Colexio.

Artigo 42. Dos vogais da Xunta de Goberno

1. Son competencias dos vogais:

a) O desempeño das funcións que lles delegue ou encomende o decano ou a Xunta de Goberno.

b) A substitución dos restantes titulares dos cargos da Xunta de Goberno, en caso de ausencia, enfermidade ou vacante temporal.

c) Asistir, en quenda cos restantes vogais, ao domicilio social do Colexio para atender o despacho dos asuntos que o requiran.

2. A substitución dos titulares dos cargos da Xunta de Goberno, en caso de vacante, ausencia ou imposibilidade destes, realizarase conforme o seguinte criterio:

– O vogal primeiro substitúe o vicedecano.

– O vogal segundo, o vicesecretario.

– O vogal terceiro, o tesoureiro.

– O vogal cuarto, o interventor.

3. Cando proceda, a substitución dos vogais citados anteriormente realizarase por orde sucesiva entre os restantes vogais.

Artigo 43. Comisións de traballo

1. Para levar a cabo as tarefas que o Colexio ten encomendadas, a Xunta de Goberno poderá crear as comisións de traballo que considere necesarias ou que se impoñan por acordo da Xunta Xeral.

2. Estas comisións terán como obxecto estudar e ditaminar sobre os asuntos que lles sexan encargados, e elevarán por escrito as súas conclusións e propostas á Xunta de Goberno.

3. A Xunta de Goberno poderá aprobar ou desestimar as propostas das comisións.

Os acordos deberán figurar en acta facendo constar a súa motivación. Non serán vinculantes.

4. De se producir coincidencia de tema en asuntos sometidos a estudo en dúas comisións, a Xunta de Goberno decidirá cal delas debe ditaminar na devandita cuestión.

5. As comisións estarán presididas por un membro da Xunta de Goberno. Cada comisión elaborará as súas propias normas de funcionamento, que someterá á Xunta de Goberno para a súa aprobación.

6. As comisións son órganos de traballo do Colexio sen representatividade fóra do ámbito deste.

CAPÍTULO II
Da elección dos cargos da Xunta de Goberno

Artigo 44. Cargos electivos e dereito de sufraxio activo e pasivo

1. Os membros da Xunta de Goberno do Colexio serán elixidos conforme o que establecen estes estatutos.

2. A elección terá lugar mediante sufraxio libre, igual, directo e secreto de todos os electores. A emisión do voto poderase realizar persoalmente ou por correo nas condicións que establezan os estatutos no Regulamento electoral, o cal deberá ser aprobado pola Xunta Xeral, así como nos mesmos termos da convocatoria.

3. O dereito de sufraxio activo corresponde a todos os colexiados que estean ao día do pagamento das cotas colexiais e no pleno desfrute dos dereitos corporativos.

4. Para ser elixible precísase poder ser elector, residir na demarcación do Colexio e cumprir coas obrigas colexiais.

5. Para os cargos de decano, vicedecano, secretario, vicesecretario, vogal primeiro e vogal segundo será preciso ter o dereito de sufraxio activo, cunha antigüidade mínima ininterrompida como colexiado de cinco anos, mentres que para os demais cargos a antigüidade mínima necesaria será de dous anos.

6. Coa excepción dos membros da Xunta de Goberno que rematan o seu mandato, os demais cargos electos non se poderán presentar como candidatos a outros cargos, salvo que presenten a súa dimisión con anterioridade ao acordo de convocatoria de eleccións.

Artigo 45. Procedemento electoral

1. A convocatoria das eleccións corresponde á Xunta de Goberno.

2. A convocatoria realizarase, como mínimo, cun mes de antelación á data de realización das eleccións e deberá comunicárselles a todos os colexiados e inserirse no taboleiro de anuncios. No dito taboleiro publicarase tamén a lista de electores con dereito de sufraxio activo na data da convocatoria.

A convocatoria deberá expresar os cargos obxecto de elección, a data límite para a presentación de candidaturas, os recursos contra a proclamación e denegación daquelas e o día, a hora e o lugar en que deben ter lugar as eleccións, así como as condicións para emitir o voto por correo.

3. A convocatoria do proceso electoral garantirá, como mínimo:

1º. A duración do mandato dos candidatos elixidos non poderá ser superior a catro anos, sen prexuízo da posibilidade de reelección.

2º. O exercicio efectivo dos dereitos recoñecidos aos colexiados no artigo 18 destes estatutos.

3º. A comunicación das propostas electorais dos candidatos a todos os electores.

4º. A transparencia e obxectividade do proceso electoral, a igualdade das candidaturas e a imparcialidade da Xunta de Goberno saínte.

5º. As vías de recurso para a defensa dos dereitos electorais.

6º. A celeridade na resolución dos recursos, coa fixación de prazos o máis breves posibles.

4. As eleccións para a renovación de cargos por expiración do mandato dos que os desempeñan e por vacantes deberán convocarse no mes de xaneiro de cada ano que corresponda facelo.

5. O calendario electoral terá unha duración máxima de dous meses, entre a data da convocatoria e a da toma de posesión.

6. As candidaturas deberán estar asinadas por cada un dos candidatos. Ningún candidato poderá presentarse para máis dun cargo.

7. Se para a provisión dun cargo só se proclama un candidato, non se celebrarán eleccións para o devandito cargo e o candidato será designado directamente electo para aquel. Se esta circunstancia se produce para todos os cargos obxecto de elección, darase por rematado o proceso electoral coa proclamación consecuente.

Artigo 46. As votacións

1. Efectuaranse o día que se sinale no calendario electoral, ante unha mesa integrada por tres membros designados por sorteo entre os electores, e durante o tempo establecido na convocatoria que non poderá ser inferior a catro nin superior a oito horas.

2. A emisión do voto poderase realizar persoalmente ou por correo nas condicións que estableza o regulamento electoral.

3. Os candidatos poderán designar interventores de mesa entre os colexiados que non se presenten á elección.

Artigo 47. Escrutinio e proclamación de electos

1. Finalizada a votación, procederase ao escrutinio en acto público.

2. O presidente da mesa anunciará o resultado da votación.

3. A mesa levantará a correspondente acta e remitiraa á Xunta de Goberno.

4. Os interventores de mesa poderán incorporar á acta as reclamacións que consideren oportunas.

5. A Xunta de Goberno, en sesión extraordinaria realizará, se procede, a proclamación dos candidatos que resultasen electos.

6. A Xunta de Goberno remitirá ao Consello Xeral e aos interesados a resolución de proclamación de cargos electos e comunicarase polo sistema habitual ao resto dos colexiados.

7. Contra esta resolución cabe interpor o recurso que proceda.

Artigo 48. Vacantes e Xunta Xestora

1. Se por calquera causa quedan vacantes máis da metade dos cargos da Xunta de Goberno do Colexio, o Consello Galego ou, no seu defecto, o Consello Xeral, designará unha xunta provisional de entre os colexiados máis antigos no prazo máis breve posible. Esta xunta deberá convocar eleccións para a provisión dos cargos vacantes no prazo máis breve posible e nunca superior a tres meses.

2. A falta de candidatos electos para os cargos de vicedecano, vicesecretario, tesoureiro e interventor cubrirase con vogais, segundo o previsto no artigo 47.

3. As vacantes dunha ou dúas vogalías poderanse prover por acordo da Xunta de Goberno. Estes nomeamentos deberanse someter a ratificación na primeira xunta xeral ordinaria que teña lugar. Os así nomeados exercerán o cargo polo tempo que reste ata as próximas eleccións.

Artigo 49. Da moción de censura

1. Poderase propor a censura de calquera membro da Xunta de Goberno, conxuntamente a de varios ou a de todos, mediante proposta motivada subscrita por un número de colexiados que represente, polo menos, o dez por cento (10 %) dos colexiados, ou o quince por cento (15 %) se se propuxer a censura do decano ou da maioría ou totalidade da Xunta de Goberno. A proposta deberá incluír o nome do candidato ou candidatos ao cargo ou cargos a que se refira a censura e a aceptación asinada dos ditos candidatos. A proposta presentarase e tramitarase conxuntamente para todos aqueles cuxa censura se propoña. Non se poderá propor a censura de ningún membro da Xunta ata transcorridos seis meses da súa toma de posesión.

2. Presentada a moción de censura e verificado o cumprimento dos seus requisitos, debaterase en xunta xeral extraordinaria, que deberá ter lugar dentro dos corenta (40) días hábiles seguintes ao da presentación. O debate comezará pola defensa da moción, que lle corresponderá ao candidato que para tal fin se designe na proposta, que, de censurarse o decano, deberá ser en todo caso o candidato a decano. A continuación intervirá o censurado, que, de ser varios, será o que designe a Xunta de Goberno, ben que, de ser censurado o decano, será este quen interveña.

3. Seguidamente abrirase un debate entre os asistentes, na forma ordinaria prevista para as xuntas xerais, concluído o cal volverán intervir o defensor da moción e quen se tiver oposto a esta. Os votos emitiranse a favor ou en contra da moción. Os que voten a favor non poderán excluír da censura ningún daqueles para os cales se propoña nin tampouco ningún dos candidatos propostos.

4. Se a participación na votación non alcanza o vinte por cento (20 %) polo menos do total do censo de colexiados, ou o vinte e cinco por cento (25 %) se se propuxer a censura do decano ou da maioría da Xunta de Goberno, a moción entenderase rexeitada sen necesidade de proceder ao escrutinio. Se se alcanzar a participación mínima indicada, será precisa a maioría de dous terzos dos votos validamente emitidos para a aprobación da moción. Se a moción non for aprobada, non se poderá presentar outra por parte de ningún colexiado dos que a subscribisen ata transcorrido polo menos un ano do primeiro día de votación, nin tampouco contra os mesmos cargos ata pasados polo menos seis meses contados desde a mesma data.

Aprobada a moción de censura, quedarán automaticamente proclamados os candidatos propostos, que tomarán posesión inmediatamente dos seus cargos.

TÍTULO III
Do réxime xurídico da actividade e do patrimonio dos entes colexiais

CAPÍTULO I
Do réxime xurídico da actividade

Artigo 50. Réxime da actividade dos entes colexiais suxeita ao dereito administrativo

1. As disposicións colexiais e os actos referidos á organización colexial someteranse ao disposto nos estatutos xerais do Consello Xeral, nos estatutos do Consello Galego e nestes estatutos e regulamentos do Colexio e, supletoriamente, á Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e demais leis e principios de dereito público que lles resulten de aplicación.

2. As disposicións xerais e os actos dos entes colexiais no exercicio das potestades administrativas ditaranse conforme o procedemento establecido nos presentes estatutos.

3. As disposicións xerais deberán publicarse na páxina web, nas circulares e no taboleiro oficial, onde figurarán expostos polo menos durante dous meses.

4. As resolucións do Colexio deberán ditarse con audiencia do interesado e debidamente motivadas cando teñan carácter sancionador, limitativo de dereitos ou intereses lexítimos, ou resolvan recursos.

5. Deberanse notificar os actos que afecten os dereitos e intereses dos colexiados e deixar constancia da súa recepción no expediente. A notificación deberá conter o texto íntegro da resolución, o órgano que a ditou e a data, así como a indicación de se o acto é ou non definitivo na vía corporativa, e os recursos que procedan, prazo para interpolos e órgano ante o cal tivesen que se interpor, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer, se é o caso, calquera outro que consideren procedente.

Artigo 51. Silencio administrativo

1. Salvo o establecido nestes estatutos, entenderase que as solicitudes dos colexiados se deberán resolver no prazo máximo de tres meses.

2. Finalizado o prazo establecido para a resolución de cada procedemento sen que se lle notificase ao interesado solicitante, entenderanse producidos os efectos do silencio administrativo no sentido favorable ao solicitado ou desestimatorio da solicitude, nos casos en que así se estableza nos estatutos.

3. En todo caso, entenderanse estimadas por silencio administrativo as solicitudes referidas á incorporación ao Colexio cando se acreditase na solicitude o cumprimento dos requisitos exixidos por estes estatutos.

Os actos producidos por silencio administrativo positivo que supoñan o recoñecemento ou a atribución de facultades ou dereitos contrarios ao ordenamento xurídico serán nulos de pleno dereito.

Artigo 52. Nulidade e anulabilidade dos actos das corporacións colexiais

Os actos do Colexio serán nulos de pleno dereito ou anulables nos casos establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 53. Acordos dos órganos colexiais

Os órganos colexiados de goberno do Colexio non poderán adoptar acordos sobre asuntos non incluídos na orde do día, salvo que estean presentes todos os seus membros e acorden por maioría absoluta o carácter urxente do asunto que se vai tratar.

Artigo 54. Recursos

1. Os actos e acordos do Colexio que resolvan definitivamente un procedemento serán susceptibles de recurso de alzada ante o Consello Galego de Enxeñeiros Técnicos Industriais, previo ao contencioso-administrativo, nos seguintes supostos:

a) Os supostos de denegación da colexiación.

b) Os actos de proclamación de candidatos e de proclamación de candidatos electos.

c) A denegación do visado colexial.

d) As sancións disciplinarias.

e) Os acordos aprobatorios de normas regulamentarias que afecten directamente o exercicio profesional e cuxa aprobación non corresponda ao Consello Xeral.

f) Os demais supostos sinalados nestes estatutos xerais.

2. Os acordos e actos do Colexio non comprendidos no punto anterior serán susceptibles de recurso de reposición con carácter facultativo.

3. Sen prexuízo dos recursos corporativos sinalados nos puntos anteriores, todos os actos e disposicións do Colexio ditados no exercicio de potestades administrativas poderán ser obxecto de recurso contencioso-administrativo ante os órganos xurisdicionais competentes.

Artigo 55. Procedemento dos recursos

1. O recurso de alzada interporase ante o Consello Galego, no prazo dun mes a partir da súa publicación ou notificación.

2. O recurso de reposición interporase ante o mesmo órgano de goberno do Colexio que o ditou, no prazo dun mes. A resolución dos recursos de reposición contra actos ditados por delegación corresponderá ao órgano delegante.

3. O prazo de resolución dos recursos de alzada e de reposición será de tres meses e dun mes, respectivamente, e entenderanse desestimados se no momento do seu vencemento non lle tivese sido notificada ao recorrente a resolución do recurso.

Artigo 56. Comunicacións co Consello Galego de Enxeñeiros Técnicos Industriais e co Consello Xeral de Colexios Oficiais de Enxeñeiros Técnicos Industriais

O Colexio deberá comunicar ao Consello Galego de Enxeñeiros Técnicos Industriais e ao Consello Xeral de Colexios Oficiais de Enxeñeiros Técnicos Industriais, por fax ou por outro medio que asegure a súa recepción nun prazo máximo de vinte e catro horas desde que se ditaron, os actos de proclamación de candidatos e de candidatos electos e, en caso de proceder recurso de alzada ante o Consello Galego, os recursos que contra estes se interpoñan. De igual forma procederá o Consello Galego a lle comunicar ao colexio correspondente a resolución que proceda nestes supostos. Os demais actos que se deban elevar ao Consello Galego para a súa resolución deberán remitirse nun prazo non superior a dez días, salvo que se trate de recursos interpostos contra actos colexiais, caso en que se deberán remitir nun prazo máximo de cinco días xunto co expediente administrativo.

Artigo 57. Réxime da actividade non suxeita ao dereito administrativo

Os actos e contratos que non garden relación coa organización do Colexio nin co exercicio de potestades administrativas someteranse ao disposto nestes estatutos xerais e ao dereito privado, civil, mercantil ou laboral, segundo corresponda.

CAPÍTULO II
Dos recursos económicos

Artigo 58. Recursos económicos ordinarios

1. Constitúen os recursos económicos ordinarios do Colexio:

a) As cotas colexiais de carácter periódico.

b) Os dereitos de incorporación ao Colexio.

c) As cotas por visado ou rexistro de traballos profesionais.

d) Os ingresos procedentes das rendas do seu patrimonio.

e) As contraprestacións ou subvencións por servizos ou actividades do Colexio.

2. A Xunta de Goberno poderá acordar a redución ou exención das cotas colexiais de carácter periódico a un colexiado ou grupo deles cando concorran circunstancias especiais.

Artigo 59. Recursos económicos extraordinarios

Constitúen os recursos económicos extraordinarios:

a) As cotas ou derramas de carácter extraordinario que sexan aprobadas por unha xunta xeral extraordinaria convocada para o efecto. Para iso necesitarase da aprobación dos dous terzos dos asistentes.

b) As subvencións e os donativos que se outorguen ao Colexio, xa sexan de procedencia pública ou privada.

c) Calquera outro ingreso que se poida obter licitamente.

d) Os bens, mobles e inmobles, que por herdanza ou doazón ou calquera outro título entren a formar parte do patrimonio do Colexio.

Artigo 60. Memoria anual

O Colexio está suxeito ao principio de transparencia na súa xestión. Para iso elaborará unha memoria anual que conteña, polo menos, a información sinalada na Lei 11/2001, do 18 de setembro, modificada pola Lei 1/2010, do 11 de febreiro.

TÍTULO IV
Do réxime disciplinario

Artigo 61. Potestade sancionadora

O Colexio exercerá a potestade disciplinaria para sancionar as infraccións en que incorran os colexiados e os cargos colexiais no exercicio da súa profesión ou na súa actividade colexial.

Artigo 62. Competencia

1. O exercicio desta potestade corresponde á Xunta de Goberno, de oficio ou por denuncia.

2. Salvo causa xustificada, ditarase resolución motivada nun prazo non superior a seis meses desde a data de comezo da instrución do expediente.

Artigo 63. Procedemento disciplinario

1. Non se poderá impor ningunha sanción sen instruír un procedemento previo. Na súa tramitación garantiránselle ao colexiado, en todo momento, os seguintes dereitos:

a) A presunción de non responsabilidade disciplinaria mentres non se demostre o contrario.

b) A ser notificado dos feitos que se lle imputan, das infraccións que tales feitos poidan constituír e das sancións que, se é o caso, se lle poidan impor.

c) A ser notificado da identidade do instrutor, da autoridade competente para impor a sanción e da norma que lle atribúa tal competencia.

d) A coñecer, en calquera momento, o estado da tramitación dos procedementos en que teña a condición de interesado, e a obter copias dos documentos contidos neles e, así mesmo, copia selada dos que presente.

e) A utilizar a lingua propia da Comunidade Autónoma de Galicia.

f) A formular alegacións e presentar documentos en calquera fase do procedemento, anterior ao trámite de alegacións, contra a proposta de sanción.

g) A obter información e orientación xurídica sobre o modo de defender os seus intereses e a dispor das suficientes garantías de defensa no expediente.

h) A que a tramitación do procedemento sancionador teña unha duración non superior a seis meses, salvo causa xustificada da cal quede debida constancia no expediente.

2. As sancións leves poderanse impor nun procedemento abreviado en que se verificará a exactitude dos feitos, se oirá o presunto infractor, se comprobará se estes están tipificados nalgún dos supostos do artigo 64.a) destes estatutos e se sinalará a sanción correspondente.

3. Corresponde á Xunta de Goberno o acordo da iniciación do procedemento sancionador, para o cal nomeará un instrutor entre os seus membros, que cualificará a falta de acordo con estes estatutos e proporá á Xunta de Goberno a sanción correspondente. Esta última será a que dite a resolución que proceda.

Artigo 64. Recusación e abstención

1. O colexiado obxecto da instrución do expediente poderá formular ante a Xunta de Goberno un incidente de recusación do instrutor. Esta recusación resolverase sen ulterior recurso nun prazo de quince días. Non obstante, a recusación poderase formular de novo no recurso que se poida presentar contra a resolución do expediente sancionador.

2. O instrutor do expediente poderá solicitar absterse de tal misión, se as causas que alega son as que a lei establece.

Artigo 65. Infraccións

As faltas cualifícanse en leves, graves e moi graves.

a) Serán faltas leves:

i) As faltas reiteradas de asistencia ou de delegación desta sen causa xustificada ás reunións da Xunta de Goberno do Colexio.

ii) As incorreccións de escasa transcendencia na realización dos traballos profesionais.

iii) As desconsideracións ou ofensas previstas na alínea seguinte, letra c), que non revistan carácter de grave.

iv) O mal uso dos bens mobles ou inmobles do Colexio.

b) Serán faltas graves:

i) O incumprimento grave dos acordos de carácter obrigatorio adoptados polos órganos de goberno da organización colexial en materia da súa competencia ou o incumprimento grave das obrigas establecidas nestes estatutos.

ii) O incumprimento inxustificado das obrigas económicas co Colexio.

iii) A desconsideración ou ofensa grave aos membros dos órganos de goberno da organización colexial, no exercicio das súas funcións, así como cara aos compañeiros no desempeño da actividade profesional.

iv) A competencia desleal.

v) A realización de traballos profesionais que atentan contra o prestixio profesional que especifique o Regulamento de normas deontolóxicas de actuación profesional dos enxeñeiros técnicos industriais.

vi) O incumprimento dos deberes ou incompatibilidades que por razón do seu cargo se deben observar.

vii) O exercicio da profesión sen subscribir un seguro de responsabilidade civil.

viii) Actuacións dolosas que causen prexuízo ao Colexio.

c) Serán faltas moi graves:

i) Os feitos constitutivos de delito como consecuencia do exercicio profesional ou con ocasión deste ou que afecten o exercicio profesional.

ii) O encubrimento da intrusión profesional.

iii) O uso do cargo ou función pública en proveito propio.

iv) O incumprimento deliberado dos acordos de carácter obrigatorio adoptados polos órganos de goberno, cando produza ou sexa susceptible de producir prexuízos para a profesión ou para o regular funcionamento do Colexio.

Artigo 66. Sancións

1. As sancións que se poden impor son:

a) Para as faltas leves: a amoestación privada ou o apercibimento mediante oficio do Colexio.

b) Para as faltas graves: a suspensión dos dereitos colexiais por un prazo máximo de seis meses e a inhabilitación para o exercicio de cargos corporativos ata un ano.

c) Para as faltas moi graves: a suspensión da colexiación ou dos dereitos colexiais ata dous anos, a inhabilitación para o exercicio de cargos corporativos ata cinco anos e a expulsión do Colexio.

2. As faltas que garden relación con obrigas colexiais considéranse corporativas e sancionaranse, segundo a súa gravidade, con amoestación privada ou apercibimento por oficio do decano con anotación no expediente persoal se son leves, suspensión dos dereitos colexiais ata seis meses e inhabilitación para cargos colexiais ata un ano se son graves e suspensión da colexiación e inhabilitación para cargos colexiais ata cinco anos se son moi graves.

3. As faltas que entren na esfera das obrigas profesionais serán sancionables con amoestación privada se son leves, coa suspensión da colexiación ata seis meses se son graves e coa suspensión da colexiación ata dous anos ou a expulsión por dous anos se son moi graves.

4. As sancións por faltas graves ou moi graves levarán en todo caso como anexo a destitución do cargo que, de ser o caso, desempeñe o sancionado nas xuntas de goberno.

Artigo 67. Recursos contra as resolucións sancionadoras

1. As resolucións do Colexio que impoñan sancións leves son susceptibles de recurso ante o propio órgano sancionador e as que impoñan sancións graves ou moi graves serán impugnables ante o Consello Galego, no prazo dun mes desde a súa notificación.

2. As resolucións sancionadoras non serán executivas ata que sexan firmes na vía colexial. Non obstante, se se tiver imposto unha sanción de suspensión por infracción moi grave, o órgano competente poderá acordar a adopción das medidas provisionais pertinentes para garantir a efectividade desta. Neste caso, comunicarállelo inmediatamente ao Consello Xeral e ao Consello Galego, o cal, se se interpón recurso contra a dita sanción, deberá resolvelo no prazo dun mes desde a efectividade da medida provisional acordada polo Colexio de Lugo.

3. A resolución dos recursos contra as resolucións sancionadoras deberase producir no prazo de tres meses e o silencio terá efectos desestimatorios. Contra as resolucións destes recursos só se poderá interpor recurso contencioso-administrativo.

Artigo 68. Prescrición das faltas

1. As infraccións leves prescribirán aos seis meses, as graves aos dous anos e as moi graves aos tres anos contados desde o día en que a infracción se cometese. A incoación debidamente notificada ao presunto infractor do procedemento disciplinario interrompe a prescrición, a cal continuará se o dito procedemento estivese paralizado durante máis dun mes por causa non imputable ao presunto responsable.

2. As sancións prescribirán, se non as fixo efectivas a entidade colexial sancionadora, nos mesmos prazos que as infraccións segundo a súa clase, salvo a expulsión do Colexio, que prescribirá aos cinco anos. O prazo comezará a contar desde o momento en que adquirise firmeza en vía colexial a resolución sancionadora; interromperase a prescrición pola iniciación, con coñecemento do interesado, da súa execución. Continuará se esta se paraliza máis dun mes por causa non imputable ao infractor.

Artigo 69. Anotación e cancelación das sancións

1. Todas as sancións disciplinarias se anotarán no expediente persoal do colexiado, con comunicación ao Consello Galego e ao Consello Xeral, e destes aos colexios no caso de que afecten o exercicio da profesión.

2. Os sancionados poderán pedir a cancelación da nota do seu expediente persoal nos seguintes prazos contados desde o cumprimento da sanción:

a) Se for por falta leve, aos seis meses.

b) Se for por falta grave, aos dous anos.

c) Se for por falta moi grave, aos catro anos.

3. Executada a sanción de expulsión, non se poderá solicitar a reincorporación a ningún dos colexios ata transcorridos cinco anos.

4. A cancelación de antecedentes realizarase logo de instrución dun procedemento en que o colexiado desfrutará dos mesmos dereitos que no procedemento incoado para a imposición da sanción. A resolución que se adopte será susceptible de ser impugnada na mesma forma que a resolución sancionadora.

Artigo 70. Regulamento de réxime disciplinario e réxime supletorio

A Xunta Xeral aprobará un regulamento de réxime disciplinario que desenvolva o establecido nestes estatutos e o que se dispón no título IX da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e o Regulamento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora e demais disposicións concordantes.

TÍTULO V
Da reforma dos estatutos

Artigo 71. Procedemento para a reforma dos estatutos

Para a modificación destes estatutos será preciso o acordo da Xunta Xeral do Colexio convocada para ese exclusivo efecto, adoptado con máis da metade dos votos dos seus membros presentes.

TÍTULO VI
Da disolución do Colexio

Artigo 72. Procedemento para a disolución do Colexio

1. No caso de disolución da organización colexial dos enxeñeiros técnicos industriais, o Colexio de Lugo disolverase por acordo da súa Xunta Xeral extraordinaria, adoptado co voto favorable de máis das tres cuartas partes dos votos dos colexiados asistentes. O patrimonio do Colexio destinarase á entidade representativa asistencial dos enxeñeiros técnicos industriais que acorde a Xunta Xeral coa maioría sinalada.

Para ese efecto, a mesma Xunta Xeral constituirá unha comisión liquidadora integrada pola Xunta de Goberno e por tres colexiados máis designados pola Xunta Xeral, comisión que, no prazo de tres meses desde a súa constitución, deberá ter concluída a liquidación dos dereitos e obrigas do Colexio e pechadas as contas, todo o cal someterá á aprobación da Xunta Xeral.

2. Se a disolución do Colexio se produce por fusión con outro colexio de enxeñeiros técnicos industriais de Galicia ou por absorción por algún deles, requirirase acordo da Xunta Xeral extraordinaria adoptado por maioría de tres quintos dos colexiados asistentes, e, unha vez ditado o decreto previsto no artigo 14.2 da Lei de colexios profesionais de Galicia, o patrimonio do Colexio integrarase plenamente no colexio resultante da fusión ou absorción, o cal sucederá, por efecto directo do decreto aludido, ao Colexio de Lugo, en todos os seus dereitos e obrigas.

3. En caso de disolución do Colexio como consecuencia de que a organización profesional dos enxeñeiros técnicos industriais se integre noutra organización profesional que englobe, a nivel de España, outros titulados xunto cos enxeñeiros técnicos industriais, a disolución acordarase en xunta xeral extraordinaria por maioría simple dos votos dos asistentes e, para os efectos de subrogación e sucesión no patrimonio, dereitos e obrigas do Colexio de Lugo, terá efectos desde a entrada en vigor da disposición que autorice a integración aludida.

Artigo 73. Persoal contratado

Para asegurar o correcto funcionamento dos servizos administrativos xerais do Colexio, a Xunta de Goberno poderá efectuar a contratación do persoal técnico e administrativo que considere pertinente. Este persoal dependerá directamente da Xunta de Goberno.

Os salarios e as condicións de traballo de tipo persoal estableceranse coa normativa legal en vigor.

Disposición transitoria única

A reforma dos presentes estatutos non implicará cesamento ou modificación dos cargos da actual Xunta de Goberno ou modificacións no calendario de procesos electorais.