Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 78 Martes, 23 de abril de 2013 Páx. 12514

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 4 de abril de 2013 pola que se aproban os estatutos do Colexio Oficial de Peritos e Enxeñeiros Técnicos Industriais de Ourense.

De acordo co establecido no artigo 150.2 da Constitución española, a Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma galega, transfire, no marco da lexislación básica do Estado, o desenvolvemento lexislativo e a execución en materia de corporacións de dereito público representativas de intereses económicos e profesionais.

A transferencia en materia de colexios oficiais ou profesionais fíxose efectiva a través do Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, e asumiuse polo Decreto 337/1996, do 13 de setembro, da Xunta de Galicia. As competencias nesta materia corresponden á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza en virtude do Decreto 7/2011, do 20 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da dita consellería.

A Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, ditada en virtude da citada competencia, dispón no seu artigo 16 que os colexios profesionais gozarán de autonomía para a elaboración, aprobación e modificación dos seus estatutos, sen máis límites que os establecidos polo ordenamento xurídico. O artigo 18 da mesma norma establece a obrigatoriedade de comunicar á consellería competente en materia de colexios profesionais os estatutos aprobados, así como as súas modificacións.

Dando cumprimento a esta disposición, o Colexio Oficial de Peritos e Enxeñeiros Técnicos Industriais de Ourense acordou en asemblea xeral a aprobación dos seus estatutos, que foron presentados ante a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza para os efectos da súa aprobación definitiva, logo da cualificación de legalidade, en cumprimento do establecido no artigo 18 da Lei 11/2001, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia.

En virtude do anterior, e verificada a adecuación á legalidade dos estatutos presentados, en uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto aprobar os estatutos do Colexio Oficial de Peritos e Enxeñeiros Técnicos Industriais de Ourense que figuran como anexo a esta orde.

Artigo 2. Publicación e inscrición

Ordenar a súa publicación no Diario Oficial de Galicia e a inscrición correspondente no Rexistro de Colexios Profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición derrogatoria única. Derrogación da Orde do 24 de abril de 2008

Quedan derrogados os anteriores estatutos aprobados pola Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 24 de abril de 2008.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de abril de 2013

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO
Estatutos do Colexio Oficial de Peritos e Enxeñeiros Técnicos Industriais
de Ourense

Título preliminar

Capítulo I
Disposicións xerais

Artigo 1. Organización corporativa

1. Constitúe o obxecto destes estatutos a regulación da organización, competencias e funcionamento do Colexio Oficial de Peritos e Enxeñeiros Técnicos Industriais de Ourense.

2. O Colexio Oficial de Peritos e Enxeñeiros Técnicos Industriais de Ourense é unha corporación de dereito público, de carácter representativo da profesión, amparado pola lei e recoñecido polo Estado e a Comunidade Autónoma de Galicia, con personalidade xurídica propia e plena capacidade de obrar para o cumprimento dos seus fins.

Artigo 2. Réxime xurídico

O Colexio rexerase no sucesivo pola Lei 2/1974, do 13 de febreiro, modificada pola Lei 74/1978, do 26 de decembro; pola Lei 7/1997, do 14 de abril; polo Real decreto lei 6/2000, do 23 de xuño; pola Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 189, do 28 de setembro, BOE nº 253, do 22 de outubro), así como polo Real decreto 104/2003, do 24 de xaneiro, polo que se aproban os estatutos xerais dos colexios oficiais de peritos e enxeñeiros técnicos industriais e do seu Consello Xeral (BOE nº 28, do 1 de febreiro), e demais lexislación aplicable, coas peculiaridades que para este colexio se regulan nos seguintes artigos destes estatutos.

Artigo 3. Alcance

O Colexio estará integrado polos titulados universitarios que exercen a profesión regulada de enxeñeiro técnico industrial con atribucións profesionais propias tuteladas pola Lei 12/1986, do 1 de abril, e a el poderá acceder por petición propia e voluntaria, cumprindo os demais requisitos exixidos polos presentes estatutos, quen estea en posesión do correspondente título académico universitario oficial expedido, homologado ou recoñecido polo Estado ao abeiro da lexislación educativa pertinente.

Os títulos oficiais autorizados por lei para o ingreso neste colexio oficial e conseguinte exercicio da profesión regulada de enxeñeiro técnico industrial ao abeiro das súas atribucións profesionais son:

a) Graduados en Enxeñaría en especialidades industriais, con titulación obtida conforme a Resolución do 15 de xaneiro de 2009, da Secretaría de Estado de Universidades, e a Orde CIN/351/2009 do Ministerio de Ciencia e Innovación, e con cumprimento dos requisitos establecidos nos reais decretos 1393/2007, do 29 de outubro, e 861/2010, do 2 de xullo.

b) Titulados conforme os plans de estudo anteriores ao Real decreto 1497/1987, do 27 de novembro, os titulados conforme os reais decretos 1402/1992, 1403/1992, 1404/1992, 1405/1992, 1406/1992, todos do 20 de novembro.

c) Enxeñeiros técnicos industriais con titulacións obtidas conforme os reais decretos 1402/1992, 1403/1992, 1404/1992, 1405/1992, 1406/1992, todos do 20 de novembro.

d) Enxeñeiros técnicos en especialidades industriais e peritos industriais con titulacións obtidas con anterioridade ao Real decreto 1497/1987, do 27 de novembro, e homologados polo Real decreto 1954/1994, do 30 de setembro.

e) Enxeñeiros técnicos en Deseño Industrial, con titulación obtida conforme o Real decreto 1462/1990, do 26 de outubro.

f) Graduados en Enxeñaría en Deseño Industrial e Desenvolvemento de Produto, con titulación que dispoña de recoñecemento oficial por parte do Consello de Ministros publicado por resolución ministerial, logo do cumprimento dos requisitos establecidos nos reais decretos 1393/2007, do 29 de outubro, e 861/2010, do 2 de xullo.

g) Outras titulacións universitarias oficiais que, despois da entrada en vigor dos presentes estatutos, poidan marcar o ordenamento xurídico español como útiles e válidas para acceder ao exercicio da profesión regulada de enxeñeiro técnico industrial.

Artigo 4. Ámbito territorial

1. O ámbito territorial do Colexio Oficial de Peritos e Enxeñeiros Técnicos Industriais de Ourense abrangue toda a provincia de Ourense.

2. O seu domicilio fíxase na rúa Progreso nº 139, da cidade de Ourense, e poderá cambiarse, dentro da cidade, por acordo da Xunta Xeral e a comunicación deste a todos os colexiados e aos organismos competentes.

3. O Colexio poderá establecer delegacións ou demarcacións naquelas localidades, distintas da capitalidade, en que o considere conveniente.

Artigo 5. Relacións coas administracións

1. O Colexio profesional, nas cuestións relativas aos aspectos institucionais e corporativos, relacionarase coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia a través da consellería competente en materia de colexios profesionais e, nas cuestións referentes ao contido da profesión, a través da consellería ou consellerías competentes ao respecto. Todo iso sen prexuízo da competencia do Consello Galego de Enxeñeiros Técnicos Industriais no campo da representación no ámbito galego da profesión.

2. O Colexio, en todo o que atinxe aos contidos da súa profesión e aos aspectos institucionais e corporativos considerados nas leis, relacionarase coa Administración xeral do Estado a través do ministerio que teña competencias en materia industrial. Todo iso sen prexuízo da competencia exclusiva do Consello Xeral de Graduados en Enxeñería da rama Industrial, de Peritos e Enxeñeiros Técnicos Industriais, no campo da representación nacional da profesión.

3. As relacións coa Administración xeral do Estado estableceranse a través do Consello Xeral.

4. O Colexio relacionarase directamente coas administracións provinciais e locais, así como coas universidades.

Capítulo II
Dos fins e funcións do Colexio

Artigo 6. Fins e funcións do Colexio

1. O Colexio terá os fins propios destes órganos corporativos profesionais e como finalidade última a tutela do correcto exercicio da profesión como garantía dos dereitos dos cidadáns. En particular:

a) Velará para que se remova calquera obstáculo xurídico ou doutra índole que impida o exercicio polos peritos e enxeñeiros técnicos industriais das atribucións integradas na súa actividade profesional que legalmente teñen recoñecidas.

b) Igualmente velará por que se recoñeza o carácter privativo da actuación profesional dos peritos e enxeñeiros técnicos industriais nas atribucións que legalmente teñen recoñecidas, promovendo, se é o caso, as actuacións administrativas ou xudiciais que no seu ámbito territorial correspondan contra a intrusión profesional.

c) Tratará de lograr a constante mellora do nivel de calidade das prestacións profesionais dos colexiados, e promoverá a formación e o seu perfeccionamento.

d) Así mesmo, velarán por que todas as súas accións estean presididas polo servizo á sociedade en xeral.

2. O Colexio, no seu ámbito territorial, terá as seguintes funcións:

a) A protección dos intereses dos consumidores e dos usuarios dos servizos dos seus colexiados.

b) Exercer cantas funcións lle sexan encomendadas ou delegadas polas administracións públicas.

c) Asesorar as administracións públicas e colaborar con elas na realización de estudos e informes, elaboración de estatísticas e outras actividades relacionadas coa profesión que lles poidan ser solicitadas ou acorden formular por propia iniciativa.

d) Ordenar a actividade profesional dos colexiados.

e) Exercer a potestade disciplinaria na orde profesional e colexial sobre os colexiados.

f) Facilitarlles aos tribunais, conforme as leis, a relación de colexiados que puideren ser requiridos para intervir como peritos nos asuntos xudiciais, ou designalos directamente, segundo proceda.

g) Posuír no seu ámbito competencial a representación exclusiva e defensa dos dereitos e intereses da profesión ante toda clase de institucións, tribunais, administracións públicas, entidades sociais e particulares.

h) Perseguir ante as administracións públicas ou ante os tribunais de xustiza todos os casos de intrusión en que pretendan exercer a profesión persoas non colexiadas.

i) Recoller e canalizar as aspiracións da profesión, e dirixirlles aos organismos oficiais competentes cantas suxestións garden relación co perfeccionamento e coas normas que rexan a prestación de servizos propios.

j) Participar na formulación do perfil profesional dos colexiados.

k) Realizar o recoñecemento de sinatura, o visado, revisión documental, o rexistro ou calquera que sexa a súa denominación, de proxectos, informes, ditames, valoracións, peritaxes e demais traballos que leven a cabo os colexiados, nos termos e casos previstos na lexislación vixente.

l) Encargarse do cobramento das remuneracións e honorarios percibidos no exercicio libre da profesión nos termos previstos no artigo 24.

m) Emitir informe e ditaminar nos procedementos administrativos ou xudiciais en que se discutan cuestións relacionadas cos honorarios profesionais dos colexiados, e establecer baremos orientativos para os efectos de taxación.

n) Intervir, en vía de conciliación ou arbitraxe, nas cuestións que por motivos profesionais se susciten entre os colexiados ou entre estes e os seus clientes.

o) Calquera outra función que redunde en beneficio dos intereses dos colexiados ou da enxeñaría técnica industrial.

p) Fomentar e facer promoción dos servizos da Mutualidade de Previsión Social dos Enxeñeiros Técnicos Industriais (Mupiti).

q) Levar o Rexistro de Colexiados e de Sociedades Profesionais integradas por colexiados.

r) Crear e manter un portelo único, nos termos previstos na lei.

s) Elaborar e publicar unha memoria anual, nos termos previstos na lei e nestes estatutos.

t) Crear e manter un servizo de queixas e reclamacións.

u) Participar na elaboración dos plans de estudo e informar as normas de organización dos centros docentes correspondentes ás profesións respectivas, manter permanente contacto con estes e preparar a información necesaria para facilitar o acceso á vida profesional dos novos profesionais.

v) Cumprir e facerlles cumprir aos colexiados as leis xerais e especiais e os estatutos profesionais e regulamentos de réxime interior, así como as normas e decisións adoptadas polos órganos colexiais, en materia da súa competencia.

w) Organizar actividades e servizos comúns de interese para os colexiados, de carácter profesional, formativo, cultural, asistencial e de previsión e outros análogos, provendo o sostemento económico mediante os medios necesarios.

x) Atender as solicitudes de información sobre os seus colexiados e sobre as sancións firmes impostas a eles, así como as peticións de inspección ou investigación que lles formule calquera autoridade competente dun Estado membro da Unión Europea nos termos previstos na Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio, en particular no que se refire a que as solicitudes de información e de realización de controis, inspeccións e investigacións estean debidamente motivadas e que a información obtida se empregue unicamente para a finalidade para a cal se solicitou.

y) Exercer as funcións de autoridade competente nos termos reflectidos na lexislación vixente e especificamente na Lei 17/2009.

z) Impulsar e desenvolver a mediación, así como desempeñar funcións de arbitraxe, nacional e internacional, de conformidade co establecido na lexislación vixente.

Artigo 7. Portelo único

1. O Colexio creará e manterá unha páxina web para que, a través do portelo único previsto na Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio, os profesionais poidan realizar todos os trámites necesarios para a colexiación, o seu exercicio e a súa baixa no Colexio, a través dun único punto, por vía electrónica e a distancia. Concretamente, fará o necesario para que, a través deste portelo único, os profesionais poidan de forma gratuíta:

a) Obter toda a información e formularios necesarios para o acceso á actividade profesional e o seu exercicio.

b) Presentar toda a documentación e solicitudes necesarias, incluíndo a da colexiación.

c) Coñecer o estado de tramitación dos procedementos nos cales teña consideración de interesado e recibir a correspondente notificación dos actos de trámite preceptivos e a resolución destes, incluída a notificación dos expedientes disciplinarios cando non fose posible por outros medios.

d) Coñecer as convocatorias das reunións estatutarias.

2. A través do referido portelo único, para a mellor defensa dos dereitos dos consumidores e usuarios ofrecerase a seguinte información, que deberá ser clara, inequívoca e gratuíta:

a) O acceso ao Rexistro de Colexiados, que estará permanentemente actualizado e no cal constarán, polo menos, os seguintes datos: nome e apelidos dos profesionais colexiados, número de colexiación, títulos oficiais dos cales estean en posesión, domicilio profesional e situación de habilitación profesional.

b) O acceso ao Rexistro de Sociedades Profesionais, que terá o contido descrito no artigo 8 da Lei 2/2007, do 15 de marzo, de sociedades profesionais.

c) As vías de reclamación e os recursos que se poderán interpor en caso de conflito entre o consumidor ou usuario e un colexiado ou o Colexio profesional.

d) Os datos das asociacións ou organizacións de consumidores e usuarios ás cales os destinatarios dos servizos profesionais se poden dirixir para obter asistencia.

e) O contido dos códigos deontolóxicos.

3. Para tal fin, adoptaranse as medidas necesarias para o cumprimento do previsto neste artigo, incorporando para iso as tecnoloxías precisas e creando e mantendo as plataformas tecnolóxicas que garantan a interoperabilidade entre os distintos sistemas e a accesibilidade das persoas con discapacidade. Para isto poderanse pór en marcha os mecanismos de coordinación e colaboración necesarios, mesmo coas corporacións doutras profesións.

4. O Colexio facilitaralles ao Consello Xeral e ao Consello Galego a información concernente ás altas, baixas e calquera outra modificación que afecte os rexistros de colexiados e de sociedades profesionais, para o seu coñecemento e anotación nos rexistros centrais de colexiados e de sociedades profesionais.

Artigo 8. Memoria anual

1. O Colexio estará suxeito ao principio de transparencia na súa xestión. Para iso elaborará unha memoria anual que conteña polo menos a información seguinte:

a) Informe anual de xestión económica, incluíndo os gastos de persoal suficientemente analizados e especificando, se é o caso, as retribucións dos membros dos seus órganos en razón do seu cargo.

b) Importe das cotas aplicables desagregadas por conceptos e polo tipo de servizos prestados, así como as normas para o seu cálculo e aplicación.

c) Información agregada e estatística relativa aos procedementos informativos e sancionadores en fase de instrución ou que alcanzasen firmeza, con indicación da infracción a que se refiren, da súa tramitación e da sanción imposta, se é o caso, de acordo, en todo caso, coa lexislación en materia de protección de datos de carácter persoal.

d) Información agregada e estatística relativa a queixas e reclamacións presentadas polos consumidores ou usuarios ou as súas organizacións representativas, así como sobre a súa tramitación e, se é o caso, os motivos de estimación ou desestimación da queixa ou reclamación, de acordo, en todo caso, coa lexislación en materia de protección de datos de carácter persoal.

e) Os cambios no contido dos seus códigos deontolóxicos, en caso de dispor deles.

f) As normas sobre incompatibilidades e as situacións de conflito de intereses en que se atopen os membros das xuntas de goberno.

g) Información estatística sobre a actividade de visado.

2. A memoria anual deberá facerse pública a través da páxina web no primeiro semestre de cada ano.

Artigo 9. Servizo de queixas e reclamacións

1. O Colexio atenderá, no ámbito da súa competencia, as queixas ou reclamacións presentadas polos colexiados.

2. Así mesmo, disporá dun servizo de atención os consumidores ou usuarios que necesariamente tramitará e, se é o caso, resolverá cantas queixas e reclamacións referidas á actividade colexial ou profesional dos colexiados presente calquera consumidor ou usuario que contrate os servizos profesionais, así como as asociacións e organizacións de consumidores e usuarios na súa representación ou en defensa dos seus intereses.

3. A través deste servizo de atención aos consumidores ou usuarios resolverase sobre a queixa ou reclamación segundo proceda: informando sobre o sistema extraxudicial de resolución de conflitos, remitíndolles o expediente aos órganos colexiais competentes para instruír os oportunos expedientes informativos ou disciplinarios, arquivando ou adoptando calquera outra decisión da súa competencia, consonte dereito.

4. A regulación deste servizo deberá prever a presentación de queixas e reclamacións por vía electrónica e a distancia.

Título I

Capítulo I
Da colexiación

Artigo 10. Da colexiación

1. Son membros da organización colexial todos os colexiados. Para o exercicio da profesión, tanto libre como por conta allea ou en calquera outra forma, será obrigatorio estar incorporado ao Colexio nos termos previstos na lexislación vixente. Aquela, no que contraveña as ditas leis, será libre e voluntaria.

2. Todos os peritos, enxeñeiros técnicos industriais e titulados de grao da rama Industrial que teñan o seu domicilio profesional único ou principal na provincia de Ourense deberán estar colexiados no Colexio de Ourense.

3. Non se poderá limitar o número de colexiados inscritos no Colexio nin tampouco pechar temporal ou definitivamente a admisión de novos colexiados.

4. A incorporación ao Colexio Oficial de Peritos e Enxeñeiros Técnicos Industriais de Ourense habilita para o exercicio da profesión en todo o territorio do Estado.

Non se lles pode exixir aos colexiados doutro colexio oficial de enxeñeiros técnicos industriais cuxo domicilio profesional único ou principal non radique no ámbito territorial do Colexio de Ourense ningunha habilitación nin pagamento de contraprestacións económicas distintas daquelas que lles exixan habitualmente aos seus colexiados pola prestación dos servizos de que sexan beneficiarios e que non se encontren cubertos pola cota colexial. Non obstante, deberán xustificar a súa colexiación noutro colexio así como que o seu domicilio profesional único ou principal non está na provincia de Ourense.

Artigo 11. Requisitos da colexiación

1. Para a incorporación ao Colexio requírese, con carácter xeral:

a) Ter obtido o correspondente título oficial, expedido, homologado ou recoñecido polo Estado.

b) Non estar legalmente suxeito a incapacidade que lle impida a colexiación.

c) Ter a nacionalidade española ou a dalgún dos Estados membros da Unión Europea, ou a dos Estados parte ou signatarios do Acordo sobre o Espazo Económico Europeo, sen prexuízo do disposto nos tratados internacionais ratificados polo Estado español e publicados no Boletín Oficial del Estado, e os estranxeiros que cumpran os requisitos establecidos na lexislación española.

d) Non estar suxeito a pena de inhabilitación para o exercicio profesional por sentenza firme nin estar impedido para tal exercicio por unha anterior sanción disciplinaria firme.

e) Satisfacer a cota de ingreso correspondente que se estableza na asemblea xeral.

2. Poderán ser nomeados colexiados de honra aquelas persoas naturais ou xurídicas, nacionais ou estranxeiras que, teñan ou non titulación académica, reúnan méritos ou prestasen servizos relevantes a favor do Colexio ou da profesión en xeral. Estes nomeamentos só terán efectos honoríficos.

Artigo 12. Réxime das incorporacións colexiais

1. A incorporación ao Colexio ten carácter regulado e non se lles poderá denegar aos que reúnan os requisitos fixados no artigo anterior, salvo o disposto neste precepto.

2. A Xunta de Goberno do Colexio resolverá, cos informes previos oportunos, as solicitudes de colexiación, no prazo de dous meses, mediante un acordo motivado, contra o cal caberán os recursos establecidos nestes estatutos.

3. A colexiación entenderase producida, respecto das solicitudes deducidas en debida forma, unha vez transcorrido o prazo de dous meses sen que houbese resolución expresa.

4. A colexiación suspenderase, e con ela os dereitos inherentes á condición de colexiado, como consecuencia de:

a) A inhabilitación ou incapacitación para o exercicio profesional decretada por resolución xudicial firme.

b) A suspensión no exercicio profesional imposta por unha sanción disciplinaria colexial que se volveu firme.

5. A situación de suspensión manterase mentres subsista a causa que a determina.

Artigo 13. Perda da condición de colexiado

1. Serán causas de perda da condición de colexiado:

a) A condena por sentenza firme que comporte a pena principal ou accesoria de inhabilitación para o exercicio da profesión.

O colexiado estará obrigado a comunicarlle ao Colexio a sentenza condenatoria dentro dos dez días seguintes a aquel en que se lle notifique, sen prexuízo de se abster de toda actividade profesional desde que produza efectos a sentenza condenatoria.

b) A expulsión disciplinaria acordada por resolución firme do colexio correspondente ou do Consello Galego.

c) A sanción de expulsión disciplinaria producirá efectos desde que sexa firme e o Colexio notificarállelo ao Consello Galego e ao Consello Xeral, que llelo comunicarán aos demais colexios.

d) A baixa voluntaria do colexiado que, no caso das persoas que exerzan a profesión, só se admitirá logo de manifestación de cesamento da actividade profesional, terá efectos desde a súa solicitude, aínda que non eximirá do pagamento das cotas e doutras débedas vencidas.

e) O falecemento do colexiado.

f) O descuberto nas cotas colexiais por importe superior a unha anualidade, con requirimento previo de pagamento notificado con polo menos un mes de antelación, desatendido polo colexiado.

2. A falta de pagamento de cotas e outras achegas colexiais, logo de requirimento do seu aboamento, non producirá a perda da condición de colexiado pero si a suspensión de todos os seus dereitos corporativos, incluído o dereito de visado ou rexistro dos seus traballos profesionais. Todo isto sen prexuízo do disposto no título IV destes estatutos e do alzamento da suspensión dos dereitos tan pronto como o colexiado se poña ao día dos seus pagamentos.

Capítulo II
Dereitos e deberes dos colexiados

Artigo 14. Dereitos dos colexiados en relación á súa actividade profesional

a) Os colexiados teñen dereito ás consideracións debidas á súa profesión, recoñecidas pola lexislación e as normas estatutarias.

b) Os colexiados teñen dereito ao libre exercicio da súa profesión sen que a Administración nin terceiros limiten as atribucións profesionais que teñan recoñecidas nas leis.

c) Os colexiados teñen dereito ao cobramento de honorarios profesionais polos servizos prestados aos seus clientes nos termos previstos nestes estatutos e demais disposicións vixentes.

Artigo 15. Deberes dos colexiados no exercicio da súa actividade profesional

a) Cumprir coas prescricións legais que sexan de obrigada observancia nos traballos profesionais que realicen.

b) Someter ao visado do colexio correspondente toda a documentación técnica ou facultativa, proxectos, informes ou calquera outro traballo que subscriba no exercicio da súa profesión, calquera que sexa o cliente ou destinatario daqueles, nos casos e termos previstos na lexislación vixente.

Artigo 16. Dereitos corporativos dos colexiados

Ademais dos dereitos sinalados no artigo anterior en relación coa súa actividade profesional, correspóndenlles aos colexiados os seguintes dereitos corporativos:

a) De sufraxio activo e pasivo en relación con todos os cargos electivos do Colexio, do Consello Galego e do Consello Xeral, nos termos previstos no artigo 38 e sen prexuízo do establecido nos estatutos dos ditos consellos.

b) Participar na vida colexial, segundo os termos fixados nestes estatutos.

c) Dirixirlles suxestións e peticións por escrito aos órganos de goberno do Colexio, do Consello Galego e do Consello Xeral.

d) Solicitar o amparo do Colexio cando consideren lesionados ou menoscabados os seus dereitos e intereses profesionais ou corporativos ou non se respecte a consideración e o trato que lles está recoñecido.

e) Participar no uso e desfrute dos bens do Colexio e dos servizos que este teña establecidos, na forma regulamentariamente prevista.

f) Ostentar as insignias e distintivos propios da profesión.

g) Coñecer a contabilidade colexial na forma que determine o Colexio pero sen que en ningún caso poida privarse de real efectividade este dereito.

h) Dispor dunha guía profesional co enderezo das oficinas e despachos dos colexiados correspondentes e con suxeición ao previsto na lexislación sobre protección de datos persoais.

Os colexiados que, reunindo os requisitos exixidos, se acollan voluntariamente á xubilación como profesionais conservarán todos os dereitos corporativos, sen prexuízo do disposto no punto 4 do artigo 38.

Artigo 17. Deberes corporativos dos colexiados

a) Cumprir as prescricións legais en materia de previsión social.

b) Cumprir as resolucións dos órganos de goberno do Colexio, do Consello Galego e do Consello Xeral.

c) Desempeñar os labores que lles encomenden os órganos de goberno do Colexio.

d) Pagar as cotas e os dereitos que fosen aprobados polo Colexio para o seu sostemento e para fins de previsión e mutuo auxilio.

e) Facer respectar o exercicio profesional e o das institucións colexiais.

f) Gardar o segredo profesional.

g) Gardarlles respecto aos membros dos órganos de goberno da corporación e aos demais compañeiros.

h) Comunicarlle e facilitarlle ao Colexio calquera cambio ou modificación que se produza do domicilio profesional e facilitarlle os datos necesarios para mellorar a atención e a información.

Capítulo III
Da ordenación do exercicio da profesión

Artigo 18. Do exercicio da profesión

O exercicio da profesión realizarase en réxime de libre competencia e estará suxeito, en canto á oferta de servizos e fixación da súa remuneración, á Lei de defensa da competencia e á Lei sobre competencia desleal.

Artigo 19. Incompatibilidades

1. O exercicio da profesión é incompatible con calquera situación prevista como tal pola lei.

2. O profesional en quen concorra algunha causa de incompatibilidade deberá comunicarllo inmediatamente á Xunta de Goberno do Colexio e cesar no exercicio da profesión.

Artigo 20. Encargos profesionais

1. Salvo que outra cousa resulte dos termos do encargo profesional, o cliente pode resolver o encargo feito a un colexiado e facerllo a outro deste ou doutro colexio, sen prexuízo do pagamento dos honorarios devindicados ata a data polo anterior colexiado.

2. O novo encargo producirá efectos desde a súa data, e así o novo colexiado quedará habilitado para realizar os traballos que se lle encarguen.

3. O disposto nas epígrafes anteriores enténdese sen prexuízo das accións xudiciais que asistan o colexiado, primeiro titular do encargo, e do exercicio daquelas, se é o caso, polo propio Colexio, conforme o previsto nestes estatutos.

4. Os encargos profesionais suxeitaranse en todo caso ao previsto na Lei 17/2009, do 23 de novembro.

Artigo 21. Visado

1. O visado é unha función pública descentralizada que, por atribución da lei, exercen os colexios en relación con todos os proxectos e demais traballos profesionais dos colexiados, en garantía dos intereses dos clientes e do interese público xeral.

O visado será obrigatorio nos casos previstos no ordenamento xurídico.

2. O obxecto do visado é comprobar, polo menos:

a) A identidade e a habilitación profesional do autor do traballo, utilizando para iso os rexistros de colexiados previstos nestes estatutos.

b) A corrección e integridade formal da documentación do traballo profesional de acordo coa normativa aplicable ao traballo de que se trate.

c) A subscrición e vixencia do seguro de responsabilidade civil previsto no artigo 22.

d) A adscrición do colexiado ao réxime da Seguridade Social ou, se é o caso, mutualidade alternativa procedente, comprobación que se realizará anualmente a través da habilitación profesional.

En todo caso, o visado expresará claramente cal é o seu obxecto, detallando qué cuestións son sometidas a control, e informará sobre a responsabilidade que, de acordo co previsto no punto seguinte, asume o Colexio.

3. En caso de danos derivados dun traballo profesional que visase o Colexio, no que resulte responsable o seu autor, o Colexio responderá subsidiariamente dos danos que teñan a súa orixe en defectos que deberían ter sido postos de manifesto polo Colexio ao visar o traballo profesional e que garden relación directa cos elementos que se visaron nese traballo concreto.

4. Cando o visado colexial sexa preceptivo, o seu custo será razoable, non abusivo nin discriminatorio. Os colexios farán públicos os prezos dos visados dos traballos, que se poderán tramitar por vía telemática.

5. O visado non comprenderá os honorarios nin as demais condicións contractuais, cuxa determinación se deixa ao libre acordo das partes, e non sancionará o contido do traballo profesional nin a súa corrección técnica.

6. No caso de traballos profesionais que teñan que producir efectos fóra do ámbito territorial da provincia de Ourense, o Colexio, por requirimento do colexiado autor do traballo, dirixiralle ao colexio en cuxo ámbito produza os seus efectos o traballo unha comunicación identificativa do colexiado autor do traballo e do traballo mesmo.

7. O Colexio poderá desenvolver e fomentar o uso dos modelos de procedemento tendentes a establecer a calidade do servizo de visado e, se é o caso, o visado de acreditación de calidade.

8. Así mesmo, o Colexio poderá formular modelos organizativos de simplificación e economía que lle faciliten o acceso ao servizo dos seus usuarios baseado no principio de corresponsabilidade.

9. No marco dos criterios xerais acordados polo Consello Xeral, o Colexio poderá establecer procedementos de valor engadido, de verificación técnico-profesional e de visados de acreditación ou equivalentes nos cales garantan aspectos técnicos dos traballos, a súa calidade e a súa adecuación á normativa vixente en canto ás solucións técnicas adoptadas, elementos descritivos e cálculos, e salvagardando a liberdade de proxectar dos colexiados.

10. O establecido neste artigo será de aplicación, no que proceda, ás demais actuacións colexiais recollidas na letra k) do punto 2 do artigo 6 destes estatutos.

Cando proceda aplicarase, en relación con estes procedementos, o previsto no punto 6 deste artigo.

Artigo 22. Responsabilidade profesional

O colexiado responde directamente polos traballos profesionais que subscribe e está obrigado a manter unha póliza de seguro de responsabilidade civil que cubra os danos derivados dos traballos que sometan a visado, polo menos, na contía e nas condicións que teña fixadas o Colexio, en garantía dos intereses dos consumidores e usuarios.

En caso de que o colexiado cause baixa no Colexio, está obrigado a manter subscrita unha póliza de seguro de responsabilidade civil que cubra os danos derivados dos traballos que sometan a visado no Colexio, polo menos na contía e condicións que teña fixadas o Colexio no ano en que cause baixa. A dita póliza deberá mantela en vigor durante o período legal de garantía dos ditos traballos.

Artigo 23. Honorarios profesionais

Os honorarios son libres e os colexiados poderán pactar o seu importe e as condicións de pagamento co seu cliente, aínda que deberán observar as prohibicións legais relativas á competencia desleal.

O Colexio poderá establecer criterios orientativos de honorarios, para os efectos das taxacións de custas.

Artigo 24. Cobramento de honorarios

O Colexio, por acordo da Xunta de Goberno, poderá establecer o servizo de cobramento dos honorarios profesionais dos colexiados, devindicados no exercicio libre da profesión. Este servizo, unha vez establecido, levarase a cabo sempre e cando o colexiado o solicite libremente en cada un dos casos.

Título II
Da organización colexial

Capítulo I
Dos órganos de goberno dos colexios

Artigo 25. Clases de órganos de goberno

1. Son órganos esenciais do Colexio a Xunta Xeral, a Xunta de Goberno e o decano. Dependendo destes, e formando parte da Xunta de Goberno, existirán polo menos os seguintes postos: vicedecano, secretario, vicesecretario, tesoureiro, interventor e polo menos catro vogais.

2. A Xunta de Goberno do Colexio poderá crear ou autorizar a creación dunha comisión executiva da Xunta de Goberno para que, logo da delegación desta, atenda ou resolva os asuntos urxentes que se lle encomenden.

3. A Xunta de Goberno tamén poderá crear outros órganos unipersoais ou colexiados de mera xestión das actividades ou servizos comúns que ofreza o Colexio, ou de preparación e estudo de asuntos que deben resolver outros órganos de goberno.

Artigo 26. A Xunta Xeral

1. A Xunta Xeral é o órgano superior de expresión da vontade do Colexio no cal están representados todos os colexiados. Os seus acordos, adoptados conforme estes estatutos, serán de obrigado cumprimento para todos os colexiados.

2. Correspóndelle á Xunta Xeral:

a) A aprobación dos estatutos do Colexio e das súas modificacións posteriores.

b) A aprobación do orzamento, das contas anuais, da cota colexial periódica e a da incorporación ao Colexio. O importe da cota de incorporación ao Colexio non poderá ser restritivo do dereito á colexiación nin superar os custos asociados á tramitación da inscrición.

c) A aprobación da xestión da Xunta de Goberno e do decano.

d) O establecemento ou supresión, se é o caso, dos servizos corporativos necesarios para o cumprimento dos seus fins.

Artigo 27. Réxime de funcionamento da Xunta Xeral

1. A Xunta Xeral poderá celebrar sesións ordinarias e extraordinarias.

2. No primeiro semestre do ano, o Colexio celebrará unha xunta xeral ordinaria para a aprobación do orzamento. Nesta xunta xeral ordinaria aprobaranse as contas e daráselles aos colexiados unha información xeral sobre a marcha do Colexio en todos os seus aspectos.

3. A convocatoria de toda xunta xeral ordinaria cursarase a todos os colexiados cun mes, polo menos, de antelación á data de celebración da sesión.

Os acordos da Xunta Xeral adoptaranse por maioría simple de asistentes, salvo que legal ou estatutariamente se exixa unha maioría reforzada.

4. A Xunta Xeral celebrará sesión extraordinaria logo dunha convocatoria decidida polo decano, ou por acordo da Xunta de Goberno, ou por petición de número de colexiados superior a quince por cento (15 %); a convocatoria expresará os asuntos concretos que teñan que tratarse nela. A xunta deberá ter lugar no prazo máximo dun mes contado desde o acordo do decano ou da Xunta de Goberno, nos dous primeiros casos, ou desde a presentación da solicitude no terceiro.

5. Para a válida constitución da Xunta Xeral, tanto en sesión ordinaria como extraordinaria, será necesaria a asistencia da maioría absoluta dos seus membros en primeira convocatoria e poderá celebrarse a segunda convocatoria media hora máis tarde, na cal abondará para a válida constitución das xuntas a presenza do decano e o secretario, ou quen regulamentariamente os supla, calquera que sexa o número de colexiados asistentes.

Artigo 28. Aprobación das actas

Os acordos da Xunta Xeral serán executivos, independentemente de cando se produza a aprobación da acta.

Artigo 29. A Xunta de Goberno

A Xunta de Goberno é o órgano representativo e executivo ao cal corresponde o goberno do Colexio, e estará composta polo decano, vicedecano, secretario, vicesecretario, tesoureiro, interventor e polo menos catro vogais. O número de vogais poderá ser ampliado pola Xunta Xeral, por proposta da Xunta de Goberno, e incorporará as persoas que a Xunta de Goberno designe, que deberán ratificar en xunta xeral ordinaria e que deberán concorrer, de así o decidiren, nas seguintes eleccións.

O funcionamento e as competencias da Xunta de Goberno estarán regulados por estes estatutos do Colexio, sen prexuízo de que a propia Xunta se dote dun regulamento de funcionamento.

A Xunta de Goberno reunirase polo menos unha vez ao trimestre e cantas veces a convoque o decano, por si ou por solicitude da terceira parte dos seus membros. As súas reunións entenderanse validamente constituídas cando asistan polo menos cinco dos seus membros, entre eles o decano ou quen estatutariamente o substitúa.

Os seus acordos adoptaranse por maioría simple dos votos expresados. A Xunta de Goberno poderá dotarse dun regulamento interno de funcionamento, que se comunicará para coñecemento á primeira asemblea xeral ordinaria que teña lugar tras a súa aprobación.

Artigo 30. Competencias da Xunta de Goberno

Correspóndelle á Xunta de Goberno a dirección e administración do Colexio, para o cumprimento dos seus fins, en todo aquilo que de xeito expreso non lle compete á Xunta Xeral.

De modo especial, correspóndelle á Xunta de Goberno:

a) Velar polo cumprimento dos fins da organización colexial no seu ámbito territorial.

b) Aprobar os informes, estudos, ditames, laudos e arbitraxes encomendadas ao Colexio.

c) A formación do orzamento e a rendición das contas anuais.

d) Proporlle á Xunta Xeral as cotas que deben aboar os colexiados.

e) Dirixir a xestión económica do Colexio e proporlle á Xunta Xeral os investimentos ou actos de disposición dos bens patrimoniais do Colexio.

f) A admisión e baixa dos colexiados, cos requisitos e mediante a tramitación establecida nos artigos 7, 8, 9 e 10 destes estatutos.

g) Convocar e fixar a orde do día das xuntas xerais e a execución dos seus acordos, sen prexuízo das facultades do decano de decidir por si a convocatoria de calquera clase de xunta xeral coa orde do día que el decida.

h) Mediar na resolución dos problemas que poidan xurdir entre os colexiados.

i) Exercer a potestade disciplinaria.

j) Convocar eleccións para prover os cargos da Xunta de Goberno.

k) Elaborar e aprobar os regulamentos de réxime interior, cando así o decida a Xunta de Goberno.

l) Acordar o exercicio de toda clase de accións e recursos, ordinarios e extraordinarios, administrativos e xurisdicionais ante calquera organismo administrativo, xulgado ou tribunal, ou ante o Tribunal Constitucional.

m) As demais funcións que lle encomenden directamente as leis, estes estatutos, os estatutos do Consello Galego e do Consello Xeral.

As funcións que sexan competencia do Colexio e non estean expresamente atribuídas a outros órganos colexiais.

Artigo 31. O decano

1. Quen desempeñe o cargo de decano deberá atoparse no exercicio da profesión en calquera das súas formas.

2. Correspóndenlle ao decano as seguintes funcións:

a) Exercer a representación legal do Colexio, outorgar poderes en favor de procuradores dos tribunais e designar letrados.

b) Convocar e fixar a orde do día de calquera reunión colexial, incluída a da Xunta Xeral, dirixir as deliberacións e autorizar coa súa sinatura as actas da Xunta Xeral e a de Goberno.

c) Darlles posesión aos membros da Xunta de Goberno.

d) Autorizar coa súa sinatura os títulos de incorporación ao Colexio. Se é o caso, o carné nacional deberá ir referendado polo Consello Xeral, quen o unificará para toda España.

e) Autorizar coa súa sinatura as certificacións que expida o secretario do Colexio.

f) Autorizar e asinar os libramentos ou ordes de pagamento e asinar os documentos necesarios para a apertura de contas correntes, así como os cheques expedidos pola tesourería e demais autorizacións para retirar cantidades.

Todas aquelas que lle outorguen estes estatutos colexiais.

Artigo 32. O vicedecano

Correspóndenlle ao vicedecano todas as funcións que lle delegue o decano, sen que poida este delegarlle a totalidade das que ten atribuídas.

O vicedecano asumirá as funcións do decano en caso de ausencia, enfermidade ou vacante.

Artigo 33. O secretario e o vicesecretario

1. Independentemente dos dereitos e obrigas especiais que lle confiran os acordos da Xunta de Goberno, correspóndenlle ao secretario as seguintes atribucións:

a) Redactar e cursar, seguindo as instrucións do decano, a convocatoria e orde do día da Xunta Xeral, da Xunta de Goberno e dos demais órganos colexiados dos cales sexa membro, así como preparar e facilitar a documentación necesaria para a deliberación e adopción de resolucións na sesión correspondente.

b) Levantar a acta das sesións da Xunta Xeral, da Xunta de Goberno e dos demais órganos colexiados de que forme parte.

c) Levar e custodiar os libros de actas e documentación que reflicten a actuación dos órganos citados no parágrafo anterior, e dos demais libros que se deban levar no Colexio.

d) Redactar a memoria anual.

e) Expedir, co visto e prace do decano, certificacións.

f) Asinar por si, ou co decano en caso necesario, as ordes, correspondencia e demais documentos administrativos de xestión ordinaria.

g) Exercer a xefatura do persoal do Colexio.

h) Ter ao seu cargo o arquivo xeral do Colexio e o seu selo.

i) Recibir e dar conta ao decano de cantas solicitudes e comunicacións se reciban no Rexistro Xeral do Colexio.

j) Cumprir e facerlle cumprir ao persoal ás súas ordes os acordos da Xunta Xeral e Xunta de Goberno e as ordes do decano, cuxa execución lle corresponda.

2. Correspóndelle ao vicesecretario auxiliar o secretario no exercicio das súas funcións e exercelas en caso de ausencia, enfermidade ou vacante.

Artigo 34. O tesoureiro

Correspóndelle ao tesoureiro:

a) Recadar e custodiar os fondos do Colexio, dos cales será responsable e para cuxo fin asinará recibos e recibirá cobramentos.

b) Pagar os libramentos que expida o decano e os demais pagamentos de ordinaria administración autorizados de forma xeral ata a contía autorizada polo decano.

c) Ingresar e retirar fondos das contas bancarias, conxuntamente coa sinatura autorizada do decano.

d) Cobrar os xuros de demora e as rendas do capital.

e) Dar conta da falta de pagamento das cotas dos colexiados, para que a Xunta de Goberno adopte as medidas procedentes.

Artigo 35. O interventor

Correspóndelle ao interventor:

a) Levar os libros de contabilidade legalmente exixidos.

b) Asinar a conta de ingresos e pagamentos mensuais para o informe da Xunta de Goberno, así como a conta anual para a súa aprobación pola Xunta Xeral.

c) Elaborar a memoria económica anual, dando a coñecer a todos os colexiados o balance de situación económica do Colexio.

d) Elaborar o anteproxecto de orzamentos do Colexio.

e) Levar o inventario dos bens do Colexio.

Artigo 36. Dos vogais da Xunta de Goberno

Correspóndelles aos vogais da Xunta de Goberno:

a) O desempeño das funcións que lles delegue ou encomende o decano ou a Xunta de Goberno.

b) Substituír os titulares dos restantes cargos da Xunta de Goberno en caso de ausencia, enfermidade ou vacante temporal, sen prexuízo do disposto nestes estatutos.

c) Asistir, en quenda cos restantes vogais, ao domicilio social do Colexio para atender o despacho dos asuntos que o requiran.

Artigo 37. Estatutos particulares e regulamentos internos do Colexio

O Colexio poderá, se iso for necesario, regular o seu funcionamento mediante regulamentos internos que deberán ser comunicados, así como as súas modificacións, ao Consello Galego e ao Consello Xeral.

Capítulo II
Da elección dos cargos da Xunta de Goberno

Artigo 38. Cargos electivos e dereito de sufraxio activo e pasivo

1. Os membros da Xunta de Goberno do Colexio serán elixidos conforme o que establecen estes estatutos.

2. A elección terá lugar mediante sufraxio libre, igual, directo e secreto de todos os electores. A emisión do voto poderá realizarse persoalmente, por correo ou polos medios telemáticos nas condicións que establezan no regulamento electoral, o cal deberá ser aprobado pola Asemblea Xeral, así como nos mesmos termos da convocatoria.

3. O dereito de sufraxio activo correspóndelles a todos os colexiados que estean ao día de pagamento das cotas colexiais e no pleno desfrute dos dereitos corporativos, e que o día da elección leven incorporados ao Colexio polo menos doce meses seguidos.

4. Para ser candidato precisarase posuír o dereito de sufraxio activo, levar incorporado ao Colexio polo menos dezaoito meses seguidos e atoparse no exercicio da profesión en calquera das súas formas.

Artigo 39. Procedemento electoral

1. A convocatoria das eleccións correspóndelle á Xunta de Goberno.

2. A convocatoria realizarase, como mínimo, cun mes de antelación á data de celebración das eleccións e deberá comunicárselles a todos os colexiados e inserirse no taboleiro de anuncios. No dito taboleiro publicarase tamén a lista de electores con dereito de sufraxio activo na data da convocatoria.

A convocatoria deberá expresar os cargos obxecto de elección, a data límite para a presentación de candidaturas, os recursos contra a proclamación e denegación daquelas e o día, hora e lugar en que se deben celebrar as eleccións, así como as condicións para emitir o voto por correo.

3. Na convocatoria do proceso electoral garantirase, como mínimo:

1) A duración do mandato dos candidatos elixidos non poderá ser superior a catro anos, e poderán ser reelixidos.

2) O exercicio efectivo dos dereitos recoñecidos aos colexiados no artigo 16 destes estatutos.

3) A comunicación das propostas electorais dos candidatos a todos os electores.

4) A transparencia e obxectividade do proceso electoral, a igualdade das candidaturas e a imparcialidade da Xunta de Goberno saínte.

5) As vías de recurso para a defensa dos dereitos electorais.

6) A celeridade na resolución dos recursos.

4. Se por calquera causa quedasen vacantes máis da metade dos cargos da Xunta de Goberno do Colexio, o Consello Galego ou, no seu defecto, o Consello Xeral, designará unha xunta provisional de entre os colexiados máis antigos no prazo de tempo máis breve posible. Esta xunta deberá convocar eleccións para a provisión dos cargos vacantes no prazo máis breve posible e nunca superior a tres meses.

5. Aqueles membros da Xunta de Goberno de quen vencese o mandato por ter transcorrido máis de catro anos permanecerán en funcións ata a toma de posesión dos que resultaron elixidos.

6. En canto á regulamentación do procedemento electoral, elaborarase un regulamento electoral que deberá ser aprobado pola Asemblea Xeral.

Artigo 40. Da moción de censura

1. Poderá proporse a censura de calquera membro da Xunta de Goberno, conxuntamente a de varios ou todos, mediante proposta motivada subscrita por un número de colexiados que leven incorporados ao Colexio un mínimo de 12 meses e que represente, polo menos, o quince por cento (15 %) dos colexiados, ou o vinte por cento (20 %) de se propor a censura do decano ou da maioría ou totalidade da Xunta de Goberno. A proposta deberá incluír o nome do candidato ou candidatos ao cargo ou cargos a que se refira a censura e a aceptación asinada dos ditos candidatos.

A proposta presentarase e tramitarase conxuntamente para todos aqueles cuxa censura se propoña.

Non se poderá propor a censura de ningún membro da Xunta ata transcorridos seis meses da súa toma de posesión.

2. Presentada a moción de censura e verificado o cumprimento dos seus requisitos, debaterase en xunta xeral extraordinaria que deberá ter lugar dentro dos trinta (30) días hábiles seguintes ao da presentación.

O debate comezará pola defensa da moción, que lle corresponderá ao candidato que para tal fin se designe na proposta que, de censurarse o decano, deberá ser en todo caso o candidato a decano. A continuación intervirá o censurado que, de seren varios, será o que designe a Xunta de Goberno, aínda que, de ser censurado o decano, será este quen interveña.

3. A seguir abrirase un debate entre os asistentes, na forma ordinaria prevista para as xuntas xerais, e, unha vez concluído, volverán intervir o defensor da moción e quen se tivese oposto a esta.

Os votos emitiranse a favor ou en contra da moción, sen que os que voten a favor poidan excluír da censura ningún daqueles para os cales se propoña nin tampouco ningún dos candidatos propostos.

4. Se a participación na votación non alcanza o vinte por cento (20 %) polo menos dos colexiados, ou o vinte e cinco por cento (25 %) se se propón a censura do decano ou da maioría da Xunta de Goberno, a moción entenderase rexeitada sen necesidade de proceder ao escrutinio.

Se se alcanzar a participación mínima indicada, será precisa a maioría de dous terzos dos votos validamente emitidos para a aprobación da moción.

Se a moción non fose aprobada, non poderá presentar outra ningún colexiado dos que a subscribiron ata transcorrido un ano do primeiro día de votación, nin tampouco contra os mesmos cargos, ata pasados seis meses contados na mesma forma.

Aprobada a moción de censura, quedarán automaticamente proclamados os candidatos propostos, que tomarán posesión inmediatamente dos seus cargos.

Título III
Do réxime xurídico da actividade e do patrimonio dos entes colexiais

Capítulo I
Do réxime xurídico da actividade

Artigo 41. Réxime da actividade dos entes colexiais suxeita ao dereito administrativo

1. As disposicións colexiais e os actos referidos á organización colexial someteranse ao disposto nos estatutos xerais do Consello Xeral, nos estatutos do Consello Galego e nestes estatutos e regulamentos do Colexio, e supletoriamente á Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e demais leis e principios de dereito público que lles resulten de aplicación.

2. As disposicións colexiais e os actos colexiais ditaranse conforme o procedemento establecido nestes estatutos.

3. As disposicións colexiais deberán publicarse na páxina web e no taboleiro oficial, onde figurarán expostos polo menos durante dous meses.

4. As resolucións do Colexio deberán ditarse con audiencia do interesado e debidamente motivadas cando teñan carácter sancionador, limitativo de dereitos ou intereses lexítimos, ou resolvan recursos.

5. Deberán notificarse os actos que afecten os dereitos e intereses dos colexiados, deixando constancia da súa recepción no expediente. A notificación deberá conter o texto íntegro da resolución, o órgano que a ditou e a data, así como a indicación de se o acto é ou non definitivo na vía corporativa, e dos recursos que procedan, prazo para interpolos e órgano ante o cal se deban interpor, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer, se é o caso, calquera outro que consideren procedente.

Artigo 42. Silencio administrativo

1. Salvo o establecido nestes estatutos, entenderase que as solicitudes dos colexiados se deberán resolver no prazo máximo de tres meses.

2. Finalizado o prazo establecido para a resolución de cada procedemento sen que se lle notificase ao interesado solicitante, entenderanse producidos os efectos do silencio administrativo no sentido favorable ao solicitado ou desestimatorio da solicitude, nos casos en que así se estableza nos estatutos.

3. En todo caso, entenderanse estimadas por silencio administrativo as solicitudes referidas á incorporación ao Colexio cando se acreditase na solicitude o cumprimento dos requisitos exixidos por estes estatutos.

Os actos producidos por silencio administrativo positivo que supoñan o recoñecemento ou a atribución de facultades ou dereitos contrarios ao ordenamento xurídico serán nulos de pleno dereito.

Artigo 43. Nulidade e anulabilidade dos actos das corporacións colexiais

Os actos do Colexio serán nulos de pleno dereito ou anulables nos casos establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 44. Acordos dos órganos colexiados

Os órganos colexiados de goberno do Colexio non poderán adoptar acordos sobre asuntos non incluídos na orde do día, salvo que estean presentes todos os seus membros e acorden por maioría absoluta o carácter urxente do asunto que se vai tratar.

Artigo 45. Recursos

1. Os actos e acordos do Colexio que resolvan definitivamente un procedemento serán susceptibles de recurso de alzada ante o Consello Galego, previo ao contencioso-administrativo, nos seguintes supostos:

a) Nos supostos de denegación da colexiación.

b) Os actos de proclamación de candidatos e de proclamación de candidatos electos.

c) A denegación do visado colexial.

d) As sancións disciplinarias, segundo o disposto no artigo 54.

e) Os acordos aprobatorios de normas regulamentarias que afecten directamente o exercicio profesional e cuxa aprobación non lle corresponda ao Consello Xeral.

f) Os demais supostos sinalados nestes estatutos.

2. Os acordos e actos do Colexio non comprendidos no punto anterior serán susceptibles de recurso de reposición con carácter facultativo.

3. Sen prexuízo dos recursos corporativos sinalados nos puntos anteriores, todos os actos e disposicións do Colexio ditados no exercicio de potestades administrativas poderán ser obxecto de recurso contencioso-administrativo ante os órganos xurisdicionais competentes.

Artigo 46. Procedemento dos recursos

1. O recurso de alzada interporase ante o Consello Galego, no prazo dun mes a partir da súa publicación ou notificación.

2. O recurso de reposición interporase ante o mesmo órgano de goberno do Colexio que o ditou, no prazo dun mes.

A resolución dos recursos de reposición contra actos ditados por delegación corresponderalle ao órgano delegante.

3. O prazo de resolución dos recursos de alzada e de reposición será de tres meses e dun mes, respectivamente, e entenderanse desestimados se no momento do seu vencemento non lle fose notificada ao recorrente a resolución do recurso.

Artigo 47. Comunicacións entre os colexios e o Consello Galego e o Consello Xeral

O Colexio deberá comunicarlles ao Consello Galego e ao Consello Xeral, por fax ou por outro medio que asegure a súa recepción, nun prazo máximo de vinte e catro horas desde que se ditaron, os actos de proclamación de candidatos e de candidatos electos e, en caso de proceder recurso de alzada ante o Consello Galego, os recursos que contra estes se interpoñan. De igual forma procederá o Consello Galego a comunicarlle ao colexio correspondente a resolución que proceda nestes supostos.

Os demais actos que se teñan que elevar ao Consello Galego para a súa resolución deberán remitirse nun prazo non superior a dez días, salvo que se trate de recursos interpostos contra actos colexiais, caso en que se deberán remitir nun prazo máximo de cinco días xunto co expediente administrativo.

Artigo 48. Réxime da actividade non suxeita ao dereito administrativo

Os actos e contratos que non garden relación coa organización do Colexio nin co exercicio de potestades administrativas someteranse ao disposto nestes estatutos e ao dereito privado, civil, mercantil ou laboral, segundo corresponda.

Capítulo II
Dos recursos económicos

Artigo 49. Recursos económicos do Colexio

1. Constitúen recursos económicos ordinarios do Colexio:

a) Os dereitos de incorporación ao Colexio.

b) As cotas periódicas a cargo dos colexiados.

c) As cotas por visado de traballos profesionais.

d) Os ingresos procedentes das rendas do seu patrimonio.

e) As contraprestacións ou subvencións por servizos ou actividades do Colexio.

2. Son recursos económicos de carácter extraordinario do Colexio:

a) As cotas ou derramas que poidan ser aprobadas nunha xunta xeral extraordinaria convocada para o efecto. Para iso necesítase a aprobación dos dous terzos dos asistentes.

b) As subvencións e donativos a favor do Colexio.

c) Calquera outro ingreso que se poida obter licitamente.

Título IV
Do réxime disciplinario

Artigo 50. Competencia

O Colexio exercerá a potestade disciplinaria para sancionar as infraccións en que incorran os colexiados e os cargos colexiais no exercicio da súa profesión ou na súa actividade colexial.

Artigo 51. Infraccións

As infraccións que poden ser obxecto de sanción disciplinaria clasifícanse en moi graves, graves e leves.

1. Son infraccións moi graves:

a) Os feitos constitutivos de delito como consecuencia do exercicio profesional ou con ocasión deste ou que afecten o exercicio profesional.

b) O encubrimento da intrusión profesional.

c) O uso do cargo ou función pública en proveito propio.

d) O incumprimento do artigo 22 destes estatutos.

e) O exercicio da profesión en situación de inhabilitación profesional ou estando incurso en causa de incompatibilidade ou prohibición.

2. Son infraccións graves:

a) O incumprimento grave dos acordos de carácter obrigatorio adoptados polos órganos de goberno da organización colexial en materia da súa competencia ou o incumprimento grave das obrigas establecidas nestes estatutos.

b) O incumprimento inxustificado das obrigas económicas co Colexio.

c) A desconsideración ou ofensa grave aos membros dos órganos de goberno da organización colexial, no exercicio das súas funcións, así como cara aos compañeiros no desempeño da actividade profesional.

d) O incumprimento do artigo 15 destes estatutos.

e) A competencia desleal.

f) A realización de traballos profesionais que atentan contra o prestixio profesional.

g) O incumprimento dos deberes ou incompatibilidades que, por razón do seu cargo, se deben observar.

3. Son infraccións leves:

a) As faltas reiteradas de asistencia ou de delegación desta sen causa xustificada ás reunións da Xunta de Goberno do Colexio. As incorreccións de escasa transcendencia na realización dos traballos profesionais.

b) As desconsideracións ou ofensas previstas na alínea c) do número anterior que non revistan carácter de grave.

c) O mal uso dos bens mobles ou inmobles do Colexio.

Artigo 52. Sancións

1. As sancións disciplinarias clasifícanse en leves, graves e moi graves:

a) Son sancións leves: a amoestación privada e o apercibimento por oficio do decano.

b) Son sancións graves: a suspensión da colexiación ou dos dereitos colexiais ata seis meses e a inhabilitación para o exercicio de cargos corporativos ata un ano.

c) Son sancións moi graves: a suspensión da colexiación ou dos dereitos colexiais ata dous anos, a inhabilitación para o exercicio de cargos corporativos ata cinco anos e a expulsión do Colexio por cinco anos.

2. As faltas que garden relación con obrigas colexiais considéranse corporativas e sancionaranse, segundo a súa gravidade, con amoestación privada ou apercibimento polo oficio do decano con anotación no expediente persoal se son leves; suspensión dos dereitos colexiais ata seis meses e inhabilitación para cargos colexiais ata un ano, se son graves, e suspensión da colexiación e inhabilitación para cargos colexiais ata cinco anos se son moi graves.

3. As faltas que entren na esfera das obrigas profesionais serán sancionables con amoestación privada se son leves; coa suspensión da colexiación ata seis meses se son graves, e coa suspensión da colexiación ata dous anos ou a expulsión por dous anos se son moi graves.

Artigo 53. Procedemento disciplinario

1. Non se poderá impor ningunha sanción sen instruír un procedemento previo. Na súa tramitación garantiránselle ao colexiado, en todo momento, os seguintes dereitos:

a) Á presunción de non responsabilidade disciplinaria mentres non se demostre o contrario.

b) A ser notificado dos feitos que se lle imputan, das infraccións que tales feitos poidan constituír e das sancións que, se é o caso, se lle poidan impor.

c) A ser notificado da identidade do instrutor, da autoridade competente para impor a sanción e da norma que lle atribúa tal competencia.

d) A coñecer, en calquera momento, o estado da tramitación dos procedementos en que teña a condición de interesado, e a obter copias dos documentos contidos neles e, así mesmo, copia selada dos que presente.

e) A utilizar a lingua propia da Comunidade Autónoma de Galicia.

f) A formular alegacións e presentar documentos en calquera fase do procedemento anterior ao trámite de alegacións contra a proposta de sanción.

g) A obter información e orientación xurídica sobre o modo de defender os seus intereses e a dispor das suficientes garantías de defensa no expediente.

h) A que a tramitación do procedemento sancionador teña unha duración non superior a seis meses, salvo causa xustificada da que quede debida constancia no expediente.

2. As sancións leves poderanse impor nun procedemento abreviado en que se verificará a exactitude dos feitos, se oirá o presunto infractor, se comprobará se estes están tipificados nalgún dos supostos do artigo 48.3 destes estatutos e se sinalará a sanción correspondente.

3. Correspóndelle á Xunta de Goberno o acordo da iniciación do procedemento sancionador, para o cal nomeará un instrutor entre os seus membros que cualificará a falta de acordo con estes estatutos e lle proporá á Xunta de Goberno a sanción correspondente, e esta será a que dite a resolución que proceda.

Artigo 54. Recursos contra as resolucións sancionadoras

1. As resolucións do Colexio que impoñan sancións leves son susceptibles de recurso ante o propio órgano sancionador e as que impoñan sancións graves ou moi graves serán susceptibles de recurso ante o Consello Galego, no prazo dun mes desde a súa notificación.

2. As resolucións sancionadoras non serán executivas ata que sexan firmes na vía colexial.

Non obstante, se se tiver imposto unha sanción de suspensión por infracción moi grave, o órgano competente poderá acordar a adopción das medidas provisionais pertinentes para garantir a súa efectividade. Neste caso, comunicarállelo inmediatamente ao Consello Xeral e ao Consello Galego, o cal, se se interpón recurso contra a dita sanción, deberá resolvelo no prazo dun mes desde a efectividade da medida provisional acordada polo Colexio de Ourense.

3. A resolución dos recursos contra as resolucións sancionadoras deberase producir no prazo de tres meses e o silencio terá efectos desestimatorios.

4. Contra as resolucións destes recursos só se poderá interpor recurso contencioso-administrativo.

Artigo 55. Prescrición de infraccións e sancións

1. As infraccións leves prescribirán aos seis meses, as graves aos dous anos e as moi graves aos tres anos, contados desde o día en que a infracción se cometeu. A incoación debidamente notificada ao presunto infractor do procedemento disciplinario interrompe a prescrición e esta continuará se o dito procedemento estivese paralizado durante máis dun mes por causa non imputable ao presunto responsable.

2. As sancións prescribirán, se non as fixo efectivas a entidade colexial sancionadora, nos mesmos prazos que as infraccións segundo a súa clase, salvo a expulsión do Colexio, que prescribirá aos cinco anos. O prazo comezará a contar desde o momento en que adquirise firmeza en vía colexial a resolución sancionadora; interromperase a prescrición pola iniciación, con coñecemento do interesado, da súa execución e continuará se esta se paraliza máis dun mes por causa non imputable ao infractor.

Artigo 56. Anotación e cancelación das sancións

1. Todas as sancións disciplinarias se anotarán no expediente persoal do colexiado, con comunicación ao Consello Galego e ao Consello Xeral e destes aos colexios, no caso de que afecten o exercicio da profesión.

2. Os sancionados poderán pedir a cancelación da nota do seu expediente persoal nos seguintes prazos, contados desde o cumprimento da sanción:

a) Se for por falta leve, aos seis meses.

b) Se for por falta grave, aos dous anos.

c) Se for por falta moi grave, aos catro anos.

3. Executada a sanción de expulsión, non se poderá solicitar a reincorporación a ningún dos colexios ata transcorridos cinco anos.

4. A cancelación de antecedentes realizarase logo de instrución dun procedemento en que o colexiado desfrutará dos mesmos dereitos que no procedemento incoado para a imposición da sanción. A resolución que se adopte será susceptible de ser impugnada na mesma forma que a resolución sancionadora.

Artigo 57. Réxime supletorio

No non previsto neste título e nos estatutos particulares do Colexio rexerán como supletorios a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, o Regulamento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora e demais disposicións concordantes.

Título V
Da reforma dos estatutos

Artigo 58. Procedemento para a reforma dos estatutos

Para a modificación deste estatutos será preciso o acordo da Xunta Xeral do Colexio, adoptado coa maioría absoluta dos votos dos seus membros presentes ou representados, e a súa aprobación pola Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente.

Título VI
Da disolución do Colexio

Artigo 59. Procedemento para a disolución do Colexio

1. No caso de disolución da organización colexial dos enxeñeiros técnicos industriais, o Colexio de Ourense disolverase por acordo da súa Xunta Xeral extraordinaria, adoptado co voto favorable de máis da metade dos votos dos colexiados asistentes.

O patrimonio do Colexio destinarase á entidade representativa asistencial dos enxeñeiros técnicos industriais que acorde a Xunta Xeral coa maioría sinalada.

Para ese efecto, a mesma Xunta Xeral constituirá unha comisión liquidadora integrada pola Xunta de Goberno e por tres colexiados máis, designados pola Xunta Xeral, comisión que, no prazo de tres meses desde a súa constitución, deberá ter concluída a liquidación dos dereitos e obrigas do Colexio e pechadas as contas. Todo isto someterase á aprobación da Xunta Xeral.

2. Se a disolución do Colexio se produce por fusión con outro colexio de enxeñeiros técnicos industriais de Galicia ou por absorción por outro deles, requirirase acordo da Xunta Xeral extraordinaria adoptado por maioría de tres quintos dos colexiados asistentes e, unha vez ditado o decreto previsto no artigo 14.2 da Lei de colexios profesionais de Galicia, o patrimonio do Colexio integrarase plenamente no colexio resultante da fusión ou absorción, o cal sucederá, por efecto directo do decreto aludido, ao Colexio de Ourense, en todos os seus dereitos e obrigas.

3. En caso de disolución do Colexio, como consecuencia de que a organización profesional dos enxeñeiros técnicos industriais se integre noutra organización profesional que englobe, a nivel de España, outros titulados xunto cos enxeñeiros técnicos industriais, a disolución acordarase en xunta xeral extraordinaria por maioría simple dos votos dos asistentes e, para os efectos de subrogación e sucesión no patrimonio, dereitos e obrigas do Colexio de Ourense, terá efectos desde a entrada en vigor da disposición que autorice a integración aludida.

Disposición derrogatoria única

Quedan derrogados os estatutos do Colexio Oficial de Peritos e Enxeñeiros Técnicos Industriais de Ourense aprobados o 24 de abril de 2008 (Diario Oficial de Galicia número 86, do 6 de maio).