Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 79 Mércores, 24 de abril de 2013 Páx. 12681

I. Disposicións xerais

Consellería de Economía e Industria

DECRETO 66/2013, do 18 de abril, polo que se crea a Rede de enerxía da Xunta de Galicia e se regula a organización e competencias para a contratación da subministración enerxética dentro da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

A Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, establece como principios xerais da organización e actividade da Administración xeral e das entidades que integran o sector público autonómico a coordinación, a eficacia e a eficiencia. A eficiencia e o aforro enerxéticos constitúen obxectivos prioritarios para a Administración ao contribuíren á dobre finalidade da austeridade e sustentabilidade financeira do sector público e á de reducir a factura enerxética e a emisión de gases de efecto invernadoiro.

Para conseguir ambos os dous obxectivos, precísase en primeiro lugar da realización dunha análise da situación de partida e así, durante o primeiro trimestre do ano 2013, o Instituto de Enerxético de Galicia (Inega), en colaboración coas secretarías xerais técnicas das consellerías, elaborou un censo dos puntos de subministración eléctrica contratados por toda a Administración xeral e polas entidades instrumentais da Administración autonómica. O resultado do estudo previo é de 1.276 puntos de subministración, o que é igual a outros tantos contratos de acceso á rede e supón unha enorme dispersión das facultades de contratación e de control da Administración autonómica respecto da súa subministración enerxética. O exame das facturas do ano 2012 de todos os puntos de subministración obtivo como conclusión que máis do 17 % tiñan contratada potencia non axeitada, por exceso ou por defecto, o que é insostible en termos de eficiencia enerxética, pero tamén económica. A facturación total durante o ano 2012 superou os 19 millóns de euros, dos cales unha importante porcentaxe se pode aforrar cun axeitado asesoramento en materia de aforro enerxético considerando as distintas instalacións da Xunta de Galicia como un sistema en rede, supervisado nun só centro de xestión e acudindo a medios de contratación centralizada para garantir a subministración.

O obxecto deste decreto é crear a Rede de enerxía da Xunta de Galicia (Redexga) como conxunto de todas as infraestruturas, medios e servizos necesarios para a xestión enerxética dos centros de consumo da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e atribuír a súa xestión ao Inega. É tamén obxecto do decreto a regulación do réxime de contratación centralizada e a distribución de competencias para a contratación da subministración enerxética ao abeiro do artigo 204 do texto refundido da Lei de contratos do sector público, aprobado polo Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, que establece o sistema de contratación centralizada como un dos sistemas da racionalización da contratación.

O novo sistema é máis fiable tecnicamente ao asegurar o normal funcionamento das instalacións e prever as deficiencias dos servizos; máis eficiente ao establecer a xestión unificada do conxunto das instalacións e tender a menor consumo e inferior gasto e, finalmente, é máis transparente ao acudirse a un sistema de licitación pública único para toda a Administración xeral e sector público autonómico.

En consecuencia, por proposta da persoa titular da Consellería de Economía e Industria, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezaoito de abril de dous mil trece,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I
Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

Este decreto ten por obxecto a creación da Rede de enerxía da Xunta de Galicia (Redexga), a regulación do réxime de contratación centralizada e a distribución de competencias para a contratación da subministración enerxética dentro da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Artigo 2. Ámbito de aplicación

De conformidade co previsto neste decreto, a contratación da subministración enerxética que requira a Administración xeral e o sector público autonómico de Galicia debe facerse de forma centralizada.

CAPÍTULO II
Rede de enerxía da Xunta de Galicia

Artigo 3. Natureza

1. Créase a Rede de enerxía da Xunta de Galicia (Redexga), constituída polas infraestruturas, medios e servizos necesarios para a xestión enerxética dos centros de consumo da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

2. A Redexga, xestionada polo Instituto Enerxético de Galicia (Inega), é o instrumento destinado a impulsar dentro da Administración galega principios de aforro e diversificación enerxética.

Artigo 4. Finalidades

1. A Redexga persegue como obxectivo xeral mellorar a eficiencia enerxética e impulsar actuacións de aforro dentro da Administración autonómica.

2. No marco do obxectivo xeral, a Redexga ten por finalidades principais as seguintes:

a) A promoción, nos termos que establece este decreto, dos expedientes de contratación centralizada da subministración enerxética.

b) A interlocución coas compañías enerxéticas nas contratacións da subministración e a centralización das incidencias que se reciban destas compañías para facilitar e axilizar a súa resolución.

c) A promoción e supervisión de estudos enerxéticos que permitan avaliar a viabilidade das medidas de aforro enerxético que se implementen nos centros de consumo.

d) A definición das actuacións necesarias para a mellora da eficiencia enerxética dos centros de consumo adscritos á Redexga e o seguimento destas actuacións.

e) O asesoramento e a formación na implementación da normativa enerxética vixente en cada momento.

f) Ditar as instrucións xerais e as especificacións técnicas das contratacións enerxéticas que realicen os centros de consumo enerxéticos adscritos á Redexga, mentres non se produza a contratación centralizada a que se refire a letra a) deste número.

3. A consellería competente en materia de enerxía levará a cabo cantas actuacións sexan precisas para a constitución e axeitado funcionamento da Redexga.

4. Crearase unha comisión interdepartamental de seguimento, adscrita á consellería competente en materia de enerxía, cuxas funcións serán as de asesoramento, elaboración de propostas e seguimento das actuacións da Redexga.

Esta comisión estará integrada por unha persoa representante de cada consellería, que pola súa vez asumirá a representación das entidades e organismos públicos dependentes ou adscritos a ela adheridos á Redexga. Exercerá a súa presidencia a persoa titular da Secretaría Xeral Técnica da consellería competente en materia de enerxía, actuando como titular da secretaría, con voz pero sen voto, unha persoa funcionaria da consellería competente en materia de enerxía designada pola persoa titular da presidencia. Na súa composición procurarase acadar unha presenza equilibrada de mulleres e homes.

O réxime de funcionamento desta comisión rexerase polo disposto na normativa vixente sobre réxime xurídico previsto para os órganos colexiados e poderá establecer as súas propias normas de funcionamento, que serán aprobadas pola consellería competente en materia de enerxía.

CAPÍTULO III
Contratación centralizada da subministración enerxética

Artigo 5. Contratación centralizada da subministración enerxética

1. No ámbito da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia é obxecto de contratación centralizada a subministración enerxética dos centros de consumo.

2. A persoa titular da consellería competente en materia de enerxía poderá declarar de contratación centralizada os distintos tipos de subministración enerxética dos centros de consumo pertencentes á Redexga. A concreción dos entes vinculados por esta declaración realizarase nos anexos dos pregos que rexerán a contratación da subministración enerxética.

Artigo 6. Tramitación dos expedientes de contratación centralizada

1. A promoción da contratación centralizada da subministración enerxética será realizada pola Redexga a través do seu órgano xestor.

2. Correspóndelle á persoa titular da consellería competente en materia de enerxía, como servizo especializado, a contratación centralizada da subministración enerxética, levando a cabo todas as actuacións que, de conformidade coa normativa en materia de contratación, lle correspondan ao órgano de contratación. Esta contratación poderase levar a cabo mediante a formalización dun contrato, a conclusión dun acordo marco cun ou varios empresarios ou a articulación dun sistema dinámico de contratación.

Para tal efecto, os órganos e entes cofinanciadores do contrato porán á súa disposición os créditos suficientes para satisfacer o importe do obxecto de contratación polo importe correspondente á súa participación.

3. As consellerías e entidades que conforman o sector público de Galicia atenderán os gastos asociados aos consumos enerxéticos e aos investimentos identificados nos estudos e auditorías enerxéticas promovidos pola Redexga, a través do seu órgano xestor.

Disposición adicional única. Impacto orzamentario

A constitución e posta en funcionamento da comisión interdepartamental de seguimento regulada no artigo 4 non xerará aumento dos créditos orzamentarios.

Disposición transitoria única. Réxime transitorio

Unha vez que finalicen as contratacións enerxéticas vixentes dos centros de consumo incluídos no ámbito de aplicación sinalado nos anexos dos pregos que rexerán a contratación, quedarán vinculados polos contratos de subministración enerxética declarados de contratación centralizada, de conformidade co disposto no capítulo III deste decreto, salvo causa xustificada determinada polo Inega.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa

Quedan derrogadas todas as normas de rango igual ou inferior que se opoñan a este decreto.

Disposición derradeira primeira. Xestión da Redexga

O Instituto Enerxético de Galicia será a entidade xestora de Redexga e realizará as actuacións necesarias para a obtención das finalidades descritas no artigo 4, para o cal se dotará dos medios adecuados.

Disposición derradeira segunda. Habilitación normativa

Autorízase a persoa titular da Consellería de Economía e Industria para ditar cantas disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e execución deste decreto.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezaoito de abril de dous mil trece

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Francisco José Conde López
Conselleiro de Economía e Industria