Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 87 Martes, 7 de maio de 2013 Páx. 14792

IV. Oposicións e concursos

Universidade da Coruña

RESOLUCIÓN do 18 de marzo de 2013 pola que se convocan probas selectivas, polo sistema de promoción interna e polo sistema de acceso libre, para a provisión dunha praza de técnico en prevención de riscos laborais, xefe do servizo, vacante na relación de postos de traballo do persoal laboral desta universidade.

Debido á necesaria provisión dunha praza vacante de técnico en prevención de riscos laborais-xefe do servizo, da vixente relación de postos de traballo do persoal laboral de administración e servizos, ao abeiro do disposto na disposición transitoria cuarta do III Convenio colectivo do PAS laboral da UDC, tras a publicación da RPT de 2005, e na Resolución do 3 de marzo de 2006 pola que se publica a oferta pública de emprego do persoal de administración e servizos desta universidade para o ano 2066 (DOG do 19 de marzo), esta xerencia, en uso das atribucións conferidas no artigo 40 dos estatutos desta universidade, aprobados polo Decreto 101/2004, do 13 de maio (DOG do 26 de maio), e da delegación de competencias realizada pola Resolución do 16 de xaneiro de 2012,

RESOLVE:

Convocar probas selectivas para cubrir 1 praza de técnico en prevención de riscos laborais-xefe do servizo (grupo II), polo sistema de promoción interna. De non ser cuberta esta praza polo sistema de promoción interna ofrecerase polo sistema de acceso libre.

Os procesos de selección de promoción interna e acceso libre realizaranse por separado, e será en primeiro lugar o de promoción interna. De non cubrirse a vacante por promoción interna, ofertarase para ser cuberta por acceso libre. As persoas seleccionadas pola quenda de promoción interna, para os que se habilitarán probas específicas, terán preferencia sobre a quenda libre para a elección de vacantes.

Os aspirantes só poderán participar nunha das dúas quendas de acceso.

Ao abeiro do disposto no artigo 22 do III Convenio colectivo do PAS laboral da UDC, ao remataren as probas selectivas constituiranse listaxes de espera para cubrir con carácter temporal os postos de traballo que poidan xurdir ata o próximo proceso selectivo. Para estes efectos as persoas aspirantes deberán presentar a solicitude debidamente cuberta, indicando todos os datos que se requiren no impreso que figura como anexo IV e especificando as súas opcións de preferencia en canto á localidade e/ou ao tipo de contrato.

As probas selectivas realizaranse con suxeición ás seguintes

Bases da convocatoria

1. Solicitudes.

1.1. As persoas que desexaren tomar parte nestas probas selectivas deberán solicitalo no impreso segundo modelo que figura como anexo IV desta convocatoria e deberán presentarse xunto con:

a) Fotocopia do documento nacional de identidade; os/as aspirantes que non posúan nacionalidade española e teñan dereito a participar deberán presentar fotocopia do documento que acredite a súa nacionalidade e, de ser o caso, os documentos que acrediten o vínculo de parentesco e o feito de viviren a expensas ou estaren a cargo do/a nacional doutro Estado con que teñan o dito vínculo. Así mesmo, deberán presentar declaración xurada ou promesa de non estar separado/a de dereito do/a seu/súa cónxuxe e, se é o caso, do feito de que o/a aspirante vive ás súas expensas ou está ao seu cargo.

b) Os/as aspirantes estranxeiros/as que estean exentos/as da realización da proba previa de acreditación do coñecemento do castelán establecida na base 8 desta convocatoria xuntarán para tal efecto a fotocopia compulsada dos diplomas básico ou superior de español como lingua estranxeira ou do certificado de aptitude en español para estranxeiros/as expedido polas escolas oficiais de idiomas. De non achegar esta certificación non poderán ser declarados/as exentos/as, polo que deberán realizar a proba a que se refiren estas bases.

c) Certificación acreditativa dos servizos prestados noutras administracións públicas españolas referido á data de remate do prazo de presentación de solicitudes. Esta certificación será expedida polas respectivas xerencias. Se os servizos foron ou son prestados na UDC deberá indicarse na epígrafe correspondente da solicitude e, deste xeito, a certificación expedirase de oficio e engadirase á solicitude do/a aspirante.

d) Fotocopia da titulación académica requirida.

e) As persoas aspirantes pola quenda libre deberán xustificar o pagamento co documento bancario acreditativo de que se aboaron os dereitos de exame que ascenden a 35,08 €, que se ingresarán no Banco Santander Central Hispano na conta 0049-5030-15-2516011262.

Estarán exentas do pagamento da taxa por dereitos de exame aquelas persoas que teñan recoñecida unha discapacidade igual ou superior ao 33 %. Tamén estarán exentas do pagamento as persoas que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría especial. Así mesmo, gozarán dunha bonificación do 50 % da taxa os membros de familias numerosas de categoría xeral. Estas circunstancias deberán ser acreditadas documentalmente xunto coa solicitude, presentando copia orixinal ou compulsada da cualificación da discapacidade ou do carné de familia numerosa, segundo corresponda.

Tamén estarán exentas as persoas que figuren como demandantes de emprego durante o prazo, polo menos, dun mes anterior á data de publicación desta convocatoria. Para o gozo da exención será requisito que non rexeitasen, no prazo de que se trate, oferta de emprego adecuado nin se negasen a participar, agás causa xustificada, en accións de promoción, formación ou reconversión profesional e que, así mesmo, carezan de rendas superiores, en cómputo mensual, ao salario mínimo interprofesional. O certificado relativo á condición de demandante de emprego, cos requisitos sinalados, solicitarase na oficina dos servizos públicos de emprego. A acreditación das rendas realizarase mediante unha declaración xurada ou promesa escrita da persoa solicitante. Ambos os dous documentos deberán xuntarse á solicitude.

En ningún caso a presentación e pagamento na entidade bancaria suporá a substitución do trámite de presentación, en tempo e forma, da solicitude.

Serán excluídas todas aquelas persoas aspirantes que non presenten o documento referido no punto 1.1.a) ou non aboen os dereitos de exame e non presenten o xustificante de bonificación ou exención dentro do prazo habilitado para a presentación de solicitudes. Non se concederá ningún prazo adicional para o aboamento dos dereitos de exame.

Unicamente procederá a devolución dos dereitos de exame ás persoas aspirantes que sexan excluídas por causas non imputables a elas.

As solicitudes dirixiranse ao xerente da Universidade da Coruña no prazo de 20 días naturais que contarán a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Para os efectos de cómputo de prazos considerarase inhábil o mes de agosto.

A presentación das solicitudes farase no Rexistro Xeral da Universidade da Coruña (Edificio da Reitoría, rúa da Maestranza, nº 9, 15001 A Coruña), nos rexistros auxiliares (Casa do Lagar, Campus de Elviña, A Coruña e Edificio de Usos Administrativos no Campus de Esteiro, Ferrol), ou nas restantes formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE do 27 de novembro), modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (BOE do 14 de xaneiro).

As solicitudes que se subscribiren no estranxeiro poderán cursarse a través das representacións diplomáticas e consulares españolas correspondentes.

1.2. As persoas aspirantes que aleguen méritos na fase de concurso deberanos acreditar mediante a presentación dos documentos xustificativos orixinais ou das copias compulsadas. Os servizos prestados na Universidade da Coruña acreditaranse mediante unha certificación expedida pola Xerencia da Universidade, referida á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

1.3. As persoas aspirantes que padezan algunha discapacidade poderano indicar na solicitude e pedir, de ser o caso, as posibles adaptacións de tempos e medios para a realización dos exercicios en que esta adaptación sexa necesaria.

1.4. As persoas aspirantes quedan vinculadas aos datos que fagan constar na súas solicitudes e poden unicamente demandar a súa modificación mediante un escrito motivado, dentro do prazo establecido na base 1.1 para a presentación de solicitudes. Unha vez transcorrido este prazo non se admitirá ningunha petición desta natureza, agás causa excepcional sobrevida, xustificada e apreciada polo tribunal.

2. Requisitos das persoas candidatas.

2.1. Para seren admitidas á realización destas probas selectivas, as persoas aspirantes deberán reunir e manter os seguintes requisitos:

a) Ser español/a ou nacional dun Estado membro da Unión Europea ou nacional daqueles Estados aos cales, en virtude de tratados internacionais subscritos pola Unión Europea e ratificados por España, lles sexa de aplicación a libre circulación de traballadores nos termos en que esta está definida no Tratado constitutivo da Comunidade Europea. Tamén poderán participar o/a cónxuxe, descendentes e descendentes do/a cónxuxe, dos/as españois/españolas e dos/as nacionais doutros Estados membros da Unión Europea, se non estivesen separados/as de dereito, menores de vinte e un anos ou maiores desta idade que vivan ás súas expensas. Este último beneficio será igualmente de aplicación nos tratados internacionais subscritos pola Unión Europea e ratificados por España.

b) Ter cumpridos dezaseis anos de idade e non exceder os sesenta e cinco.

c) Estar en posesión do título de diplomado/a universitario/a, enxeñeiro/a técnico/a, arquitecto/a técnico/a ou equivalente segundo a normativa vixente, ou en condicións de o obter na data en que remate o prazo de presentación das solicitudes e, ademais, estar en posesión do título de técnico/a de prevención de riscos laborais nas especialidades de seguranza no traballo, hixiene industrial e na especialidade de ergonomía e psicosocioloxía aplicada. No caso de que a persoa aspirante posúa unha titulación académica estranxeira para poder participar no proceso selectivo, deberá ter homologado previamente o título, de acordo co previsto na lexislación española.

d) Non padecer enfermidade nin estar afectado/a por limitación física ou psíquica que sexa incompatible co desempeño das correspondentes funcións.

e) Non ter sido separado/a, mediante expediente disciplinario, do servizo de calquera das administracións públicas nin estar inhabilitado/a para o desempeño de funcións públicas por sentenza firme. As persoas aspirantes de nacionalidade non española deberán acreditar non estar sometidas a sanción disciplinaria ou condena penal que impida, no seu Estado, o acceso á función pública.

2.2. Todos os requisitos deberán posuírse no momento de rematar o prazo de presentación das solicitudes e gozar deles durante o proceso selectivo.

3. Discapacidades.

3.1. Para a realización das probas selectivas o tribunal cualificador que foi asignado para as xulgar establecerá, para as persoas con discapacidade que o demandasen na solicitude de admisión, as adaptacións posibles de tempos e medios.

3.2. Se no desenvolvemento do proceso selectivo se lle presentasen dúbidas ao tribunal con respecto á capacidade das persoas aspirantes con algunha discapacidade para o desempeño das actividades que habitualmente desenvolven os/as traballadores/as da categoría de técnico en prevención de riscos laborais-xefe do servizo, poderá solicitar o correspondente ditame do órgano competente da Comunidade Autónoma.

4. Relacións de persoas admitidas e excluídas.

4.1. Unha vez que remate o prazo de presentación de solicitudes, no prazo máximo de vinte días naturais, o xerente da Universidade ditará a resolución e declarará aprobadas as relacións provisionais de persoas aspirantes admitidas e excluídas, que se publicarán no taboleiro de anuncios da Reitoría da Universidade, na Vicerreitoría do Campus de Ferrol e na páxina web da universidade, con mención expresa do nome, apelidos e documento nacional de identidade e, se for o caso, as causas de exclusión.

As persoas aspirantes excluídas disporán dun prazo de dez días, contado a partir da publicación da referida resolución, para corrixiren o defecto que motivase a exclusión. Unha vez transcorrido o dito prazo o xerente ditará a resolución en que se declarará aprobada a relación definitiva de persoas admitidas e excluídas, que será publicada no taboleiro de anuncios da Reitoría da Universidade, na Vicerreitoría do Campus de Ferrol e na páxina web da universidade.

4.2. O feito de figuraren na relación de persoas admitidas non prexulga que se lles recoñeza ás persoas interesadas a posesión dos requisitos exixidos, que terán que se acreditar no seu momento, de acordo co que está previsto na base 11 desta convocatoria.

5. Sistema selectivo.

5.1. O procedemento de selección das persoas aspirantes será o de concurso-oposición, coa valoración de méritos, exercicios e puntuacións que se especifican no anexo I.

5.2. O programa das probas da fase de oposición é o que figura como anexo II.

6. Tribunal cualificador.

6.1. A composición do tribunal cualificador destas probas será publicada no taboleiro de anuncios da Reitoría cunha antelación de, polo menos, un mes a respecto da data de inicio dos exercicios.

6.2. Os/as membros do tribunal deberán absterse de intervir e notificaranllo ao reitor da Universidade, cando concorran neles circunstancias das previstas no artigo 28 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou participasen en tarefas de preparación de aspirantes a probas selectivas dentro dos cinco anos anteriores á publicación desta convocatoria.

O/a presidente/a poderá solicitar dos membros do tribunal declaración expresa de non se encontraren incursos nas circunstancias previstas nos artigos 28 e 29 da Lei 30/1992. Así mesmo, as persoas aspirantes poderán recusar os membros do tribunal cando concorreren as circunstancias citadas.

6.3. Logo da convocatoria do/da presidente, constituirase o tribunal coa asistencia do/da presidente e do/da secretario/a ou, de ser o caso, daqueles/as que os/as substitúan, e como mínimo da metade dos seus membros. Nesta sesión o tribunal acordará todas as decisións que correspondan para o correcto desenvolvemento das probas selectivas.

6.4. Para os efectos de realización de sesións, deliberacións e adopción de acordos, requirirase a asistencia dos membros do tribunal especificados no punto anterior.

6.5. O tribunal resolverá todas as dúbidas que puidesen xurdir na aplicación destas normas, así como o que se deba facer nos casos non previstos. O procedemento de actuación do tribunal axustarase ao disposto na Lei 30/1992.

6.6. O tribunal poderá dispor a incorporación aos seus traballos de asesores/as especialistas para as probas correspondentes aos exercicios que considere pertinentes, e estes limitaranse a prestar colaboración nas súas especialidades técnicas. A designación de tales asesores/as será feita polo xerente da Universidade da Coruña, por proposta do tribunal, e seralles de aplicación o previsto na base 6.2.

6.7. Os membros do tribunal cualificador deberán posuír titulación igual ou superior á exixida para seren admitidos ás probas.

6.8. O tribunal cualificador adoptará as medidas precisas naqueles casos en que resulte necesario, de forma que as persoas aspirantes con algunha discapacidade gocen de similares condicións para a realización dos exercicios que o resto das persoas aspirantes. Para as persoas con discapacidade que o soliciten na forma prevista na base 1.3, estableceranse as adaptacións posibles en tempo e medios.

6.9. O/a presidente/a do tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir que os exercicios escritos que non deban ser lidos perante o tribunal sexan corrixidos sen que se coñeza a identidade das persoas aspirantes. O tribunal excluirá aqueles/as opositores/as que consignen nas follas de exame marcas ou signos que permitan coñecer a súa identidade.

6.10. Para os efectos de comunicacións e demais incidencias, o tribunal terá a súa sede na Reitoría da Universidade da Coruña.

6.11. En ningún caso o tribunal poderá aprobar nin declarar que superou as probas selectivas un número superior de aspirantes ao das prazas convocadas. Calquera proposta de aprobados que contraveña o establecido será nula de pleno dereito.

6.12. O tribunal terá a categoría segunda das recollidas no Decreto 144/2008, do 26 de xuño, polo que se modifica o Decreto 144/2001, do 7 de xuño, de indemnizacións por razóns de servizos ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia.

7. Calendario das probas.

7.1. O lugar e data de comezo dos exercicios faranse públicos na resolución reitoral que aprobe as relacións definitivas de aspirantes admitidos e excluídos.

7.2. A duración máxima das probas selectivas será dun ano desde a data de publicación da presente convocatoria.

7.3. A orde de actuación dos/das opositores/as iniciarase alfabeticamente por aqueles/as cuxo primeiro apelido empece pola letra X, de conformidade coa Resolución da Consellería de Facenda do 15 de febreiro de 2013, pola que se fai público o resultado do sorteo a que se refire o Regulamento de selección de persoal de administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

7.4. En calquera momento as persoas aspirantes poderán ser requiridas polo tribunal coa finalidade de acreditaren a súa identidade.

7.5. As persoas aspirantes serán convocadas para cada exercicio nun único chamamento e serán excluídas da oposición aquelas que non comparezan, agás non casos de forza maior, debidamente xustificados e libremente considerados polo tribunal.

7.6. A publicación dos sucesivos anuncios de realización dos exercicios será efectuada polo tribunal nos lugares onde se realizase o anterior, así como na sede do tribunal e por calquera outro medio que se xulgue conveniente para facilitar a súa máxima divulgación, con 48 horas de antelación, polo menos, á data sinalada para a súa iniciación.

7.7. En calquera momento do proceso selectivo, se o tribunal tiver coñecemento de que algunha das persoas aspirantes carece dos requisitos exixidos pola presente convocatoria, logo da audiencia do/da interesado/a, deberá proporlle a súa exclusión ao reitor da Universidade da Coruña e comunicarlle tamén as inexactitudes e falsidades formuladas polo/a aspirante na solicitude para os efectos procedentes.

8. Aspirantes de nacionalidade estranxeira.

Con carácter previo á realización dos exercicios da fase da oposición, os aspirantes que non posúan a nacionalidade española deberán acreditar o coñecemento do castelán mediante a realización dunha proba, en que se comprobará que posúen un nivel axeitado de comprensión e de expresión oral e escrita nesta lingua.

O contido desta proba axustarase ao disposto no Real decreto 1137/2002, do 31 de outubro, polo que se regulan os diplomas de español como lingua estranxeira (DELE), para acreditar o nivel de competencia lingüística do idioma español correspondente ao nivel intermedio. A proba cualificarase de apto/a ou non apto/a; é necesario obter a valoración de apto/a para pasar a realizar os exercicios da fase de oposición. Quedan eximidos de realizar esta proba os/as aspirantes que acrediten mediante unha fotocopia compulsada estaren en posesión do diploma español como lingua estranxeira (nivel B2 ou nivel C2) e as persoas estranxeiras nacionais de países cuxo idioma oficial sexa o español. De non achegaren esta documentación non poderán ser declaradas exentas e deberán, en consecuencia, realizar a proba descrita.

9. Relación de persoas aprobadas.

9.1. Concluído cada un dos exercicios da fase de oposición, o tribunal cualificador publicará na Reitoría da Coruña, na Vicerreitoría do Campus de Ferrol e na páxina web da Universidade da Coruña, así como naqueloutros que considere oportuno, a puntuación que obtiveron as persoas aspirantes, así como, se for o caso, a de cada unha das probas que o compoñen.

Os/as aspirantes disporán de 5 días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación das puntuacións provisionais de cada exercicio, para presentar reclamacións. Disporán de idéntico prazo para reclamar contra as puntuacións da fase de concurso, contados a partir do seguinte ao da súa publicación.

Posteriormente, o tribunal publicará, neses mesmos lugares, a relación definitiva de persoas aprobadas para cada un dos sistemas de acceso, que en ningún caso poderá conter un número de persoas candidatas superior ao das prazas convocadas, en que constará o nome e a puntuación das persoas aspirantes que, ao acadaren a puntuación mínima exixida para superar os exercicios da fase de oposición, obtiveron a maior puntuación final calculada de acordo co sistema previsto no anexo I. As persoas opositoras que non estiveren incluídas nas respectivas relacións terán a consideración de non apto/a para todos os efectos, único aspecto acerca do que o tribunal poderá certificar.

9.2. O tribunal publicará a valoración dos méritos da fase de concurso unha vez realizado o último exercicio da fase de oposición.

9.3. A cualificación final do proceso selectivo será a suma das puntuacións que se obteñan na fase de oposición e na fase de concurso. Os puntos que se obteñan nesta última en ningún caso se poderán sumar para os efectos de superar a fase de oposición. No caso de empate, a orde establecerase atendendo á maior puntuación obtida nos exercicios e pola seguinte orde: segundo exercicio do proceso selectivo e, se persistise, atenderase á maior puntuación no primeiro exercicio e, se persistise, atenderase a maior puntuación na fase de concurso. No caso de que continuase persistindo o empate, dirimirase por sorteo público en presenza dos opositores empatados.

9.4. O tribunal remitiralle ao xerente a relación definitiva das persoas aspirantes aprobadas pola orde desta puntuación final, con proposta de que se lles formalice o correspondente contrato de traballo.

10. Listaxes de espera.

Constituiranse listaxe de espera, ao abeiro do disposto no anexo 5 do III Convenio colectivo do persoal laboral da Universidade da Coruña, coas persoas aspirantes que non acadasen a puntuación final suficiente para a súa inclusión na relación definitiva de aprobados. Na listaxe incluiranse as persoas que superasen todos os exercicios da oposición. No caso de existir fase de concurso, sumarase a puntuación obtida nesa fase.

11. Presentación de documentos e formalización dos contratos.

11.1. No prazo de 20 días naturais a partir do día seguinte a aquel en que se publicase a relación definitiva de persoas aprobadas nas probas selectivas, estas deberán presentar no Servizo de Persoal de Administración e Servizos da Universidade da Coruña (rúa da Maestranza, 9) os seguintes documentos:

a) Fotocopias compulsadas dos títulos exixidos para acceder ás probas.

b) Declaración xurada ou promesa de non ter sido separado/a, mediante expediente disciplinario, do servizo de ningunha Administración pública nin estar inhabilitado/a para o exercicio de funcións públicas. As persoas aspirantes que non posúan a nacionalidade española deberán presentar declaración ou promesa de non estaren sometidas a sanción disciplinaria ou condena penal que inhabilite no seu Estado o acceso á función pública.

c) Certificado médico oficial acreditativo de non padecer enfermidade nin defecto físico que o imposibilite para o servizo.

d) Os aspirantes con discapacidade igual ou superior ao 33 % deberán acreditar tal condición, se obtivesen praza, mediante unha certificación dos órganos competentes.

11.2. Unha vez que a persoa aspirante supere as probas selectivas e realice debidamente os trámites de presentación de documentos, será contratada como técnico en prevención de riscos laborais-xefe do servizo.

11.3. O período de proba será de tres meses; neste prazo o/a traballador/a terá os dereitos e as obrigas que lle correspondan en relación co posto de traballo que desempeñe, agás os derivados da resolución da relación laboral, que poderá producirse por solicitude de calquera das partes durante o seu transcurso.

Segundo. De acordo co disposto na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal (LOPD), os datos indicados na solicitude pasarán a formar parte do ficheiro de persoal, que ten por finalidade a xestión do persoal da Universidade da Coruña. O ficheiro está baixo a responsabilidade da Xerencia. Coa súa participación neste proceso selectivo as persoas interesadas autorizan a Universidade da Coruña para a publicación dos seus datos, de acordo cos principios de publicidade e transparencia, cando así derive da natureza deste procedemento de concorrencia competitiva. Así mesmo, poderán exercer os seus dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición, en cumprimento do que establece a LOPD, ante a Secretaría Xeral da Universidade da Coruña.

Terceiro. As presentes probas selectivas axustaranse ao disposto no Decreto 95/1991, do 20 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de persoal de administración da Comunidade Autónoma de Galicia, á Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (BOE do 14 de xaneiro) e aos estatutos desta universidade, aprobados polo Decreto da Xunta de Galicia 101/2004, do 13 de maio (DOG do 26 de maio), a Lei 17/1993, do 23 de decembro (BOE do 24 de decembro), sobre acceso a determinados sectores da función pública dos nacionais dos demais Estados membros da Unión Europea, modificada pola Lei 55/1999, do 29 de decembro, ao establecido no III Convenio colectivo do persoal laboral da Universidade da Coruña (BOP do 1 de setembro) e ás bases desta convocatoria.

Cuarto. A presente convocatoria, as súas bases e cantos actos administrativos derivaren delas poderán ser impugnados perante a xurisdición contencioso-administrativa nos casos e na forma que establece a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE do 27 de novembro), modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (BOE do 14 de xaneiro).

Así mesmo, as persoas interesadas poderán interpor o recurso de alzada contra os actos do tribunal cualificador das probas perante o reitor da Universidade da Coruña, nos termos previstos no artigo 114 e que concordan coa mencionada lei.

A Coruña, 18 de marzo de 2013

Juan Manuel Díaz Villoslada
Xerente da Universidade da Coruña

ANEXO I

Procedemento de selección.

Ao abeiro do disposto na disposición transitoria cuarta do III Convenio colectivo do PAS laboral da UDC, de xeito excepcional e ao tratarse este do primeiro proceso selectivo para técnico en prevención de riscos laborais-xefe do servizo tras a publicación da RPT de 2005, valorarase como segue:

Fase de oposición: 60 puntos.

Primeiro exercicio, de carácter obrigatorio e eliminatorio para aqueles/as candidatos/as que non acrediten posuír, na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes, o Celga 3, curso de iniciación de galego ou equivalente debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia, de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007, pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega (publicada no DOG núm. 146, do 30 de xullo).

Consistirá en realizar por escrito unha proba sobre o uso do idioma galego que determinará o tribunal. Cualificarase de apto/a ou non apto/a e corresponderalle ao tribunal determinar o nivel de coñecementos exixidos para acadar o resultado de apto/a.

O tempo máximo para a realización desta proba será de sesenta minutos.

Segundo exercicio: de carácter obrigatorio e eliminatorio. Consistirá en contestar un cuestionario de 80 preguntas (máis tres de reserva, que só se corrixirán no caso de anulación dalgunha pregunta), con catro respostas alternativas, das cales só unha será correcta. Todas as preguntas terán a mesma puntuación e cada resposta errónea descontará o 25 % do valor da resposta correcta. A súa valoración será de 0 a 20 puntos e será necesario obter 8 puntos para o superar. O cuestionario basearase nos temas dos bloques I, II. O tempo máximo para a realización desta proba será de cento vinte e cinco minutos.

Ao abeiro do que dispón o artículo 18 do vixente Convenio colectivo do PAS laboral da UDC, as persoas aspirantes de promoción interna están exentas de se examinar dos temas correspondentes ao bloque I. O exercicio consistirá en contestar un cuestionario de 60 preguntas (máis tres de reserva, que só se corrixirán no caso de anulación dalgunha pregunta), con catro respostas alternativas, das cales só unha será correcta. Todas as preguntas terán a mesma puntuación e cada resposta errónea descontará o 25 % do valor da resposta correcta. A duración do exercicio será de noventa e cinco minutos, a súa valoración será de 0 a 20 puntos e será necesario obter 8 puntos para o superar.

Terceiro exercicio: de carácter obrigatorio e eliminatorio. Consistirá na resolución de dous supostos prácticos, que se elixirán de entre cinco propostos polo tribunal. A cualificación do exercicio será de 0 a 40 puntos, e é necesario obter 16 puntos para o superar. O temario para este exercicio é o que consta no bloque II. A duración deste exercicio será de 210 minutos.

Fase de concurso: 40 puntos.

A antigüidade, ata un máximo de 30 puntos, valorarase a razón de 0,625 puntos por mes na mesma categoría e grupo na UDC e 0,15 puntos por mes na mesma categoría e grupo noutras administracións.

Os 10 puntos restantes acadaranse pola valoración da formación relacionada coa categoría da praza, acreditada suficientemente e impartida por centros e organismos oficiais e organismos de recoñecido prestixio.

A valoración da formación farase atendendo aos seguintes criterios:

A) Lingua galega, no caso de posuír máis dun curso de lingua galega, só puntuará o máis alto.

Celga 3: 1 punto.

Celga 4: 2 puntos.

Linguaxe administrativa: 2,5 puntos.

Linguaxe administrativa, nivel superior: 3 puntos.

Celga 5: 3 puntos.

B) Formación relacionada coa categoría de pertenza da praza.

Cursos de asistencia:

Menos de 10 horas ou que non indiquen a súa duración: 0,25 puntos/curso.

De 10 a 19 horas: 0,50 puntos/curso.

De 20 a 29 horas: 1 punto/curso.

De 30 a 39 horas: 1,5 puntos/curso.

De 40 a 49 horas: 2 puntos/curso.

De 50 horas ou máis: 2,5 puntos/curso.

Os cursos impartidos ou de aproveitamento puntuarán o dobre.

ANEXO II
Temario

Bloque I.

1. Constitución española: dos dereitos e deberes fundamentais. Da organización territorial do Estado.

2. Estatuto de autonomía de Galicia: do Poder galego. Do réxime xurídico. Da Administración pública galega.

3. Lei orgánica 6/2001, de universidades: da natureza, creación, recoñecemento e réxime xurídico das universidades.

4. Estatutos da Universidade da Coruña.

5. III Convenio colectivo do persoal laboral de administración e servizos da Universidade da Coruña.

6. Lei de prevención de riscos laborais: dereitos e obrigas. Responsabilidades e sancións.

Bloque II.

Temario específico.

1. A Lei de prevención de riscos laborais 31/1995, do 8 de novembro, e a súa posterior modificación na Lei 54/2003, do 12 de decembro. Análise do seu contido. Obxecto e ámbito de aplicación.

2. Conceptos básicos relativos á seguranza e saúde no traballo: danos derivados do traballo. Concepto de risco laboral. Protección e prevención. Prevención primaria, secundaria e terciaria. Condicións de traballo en relación coa saúde.

3. A avaliación de riscos como ferramenta básica da planificación da actividade preventiva na Universidade da Coruña. Fases da avaliación. Tipos de avaliación. Guía do INSHT sobre criterios de calidade do servizo dos servizos de prevención alleos. Aplicación na Universidade da Coruña.

4. A xestión de riscos laborais na empresa: concepto. O sistema de xestión para a prevención. A responsabilidade da dirección. A documentación. Conceptos relativos á auditoría. A auditoría de prevención. A obriga empresarial de someter o seu sistema de prevención a unha auditoría externa. Requisitos e autorización pola autoridade laboral das persoas ou entidades especializadas para a realización de auditorías.

5. O dereito dos traballadores/as á protección fronte aos riscos laborais. O deber empresarial de protección. Situacións de risco grave e inminente. Obrigas dos traballadores/as.

6. Formación e información en prevención de riscos laborais. Dereitos e obrigas. A planificación da formación na empresa. Técnicas de información, formación e comunicación en prevención de riscos laborais. A xestión da formación en materia de prevención de riscos laborais na Universidade da Coruña.

7. Consulta e participación dos traballadores: o deber de consulta do empresario. Os dereitos de participación e representación específica dos traballadores. Os delegados de prevención, a súa designación, garantías, competencias e facultades. O Comité de Seguranza e Saúde da Universidade da Coruña.

8. Real decreto 39/1997, polo que se aproba o Regulamento dos servizos de prevención: organización dos recursos para as actividades preventivas. Modalidades. Os servizos de prevención. Conceptos xerais. Requisitos. Funcións. A organización dos recursos para as actividades preventivas na Universidade da Coruña. Comisión Sectorial para a Calidade Ambiental, Desenvolvemento Sostible e Prevención de Riscos da Conferencia de Reitores das Universidades Españolas.

9. Xestión da prevención. Principios da acción preventiva. Modelos de xestión. Análise de riscos e técnicas de análise. Planificación e aplicación das medidas correctoras e/ou preventivas. Plans e xestión da prevención de riscos laborais na Universidade da Coruña.

10. Coordinación de actividades empresariais. Obrigas e responsabilidades legais. Cooperación. Vixilancia. Información e instrucións. Medios de coordinación. Coordinación de actividades empresariais e a súa xestión na Universidade da Coruña. Real decreto 171/2004: análise do seu contido. Obxecto. Definicións. Obxectivos da coordinación. Dereitos dos representantes dos traballadores. Aplicación do Real decreto 171/2004 ás obras de construción.

11. Seguranza no traballo. Concepto e contido desta especialidade preventiva: as técnicas e os procedementos que teñen por obxecto combater os accidentes no traballo.

12. Hixiene industrial: concepto e obxectivos. Concepto de exposición, doses e valores límite. Riscos hixiénicos. Clasificación. Criterios de valoración.

13. Ergonomía e psicosocioloxía aplicada: definición, conceptos e obxectivos. Concepto de condiciones ambientais de traballo, carga física de traballo e carga mental no traballo. A avaliación psicosocial na Universidade da Coruña.

14. A medicina do traballo: definición, concepto, características e normas. Criterios básicos para a actividade sanitaria dos servizos de prevención. A vixilancia da saúde dos traballadores: definición, concepto e a súa organización na Universidade da Coruña.

15. Protección de traballadores especialmente sensibles a determinados riscos. Riscos laborais específicos para a muller traballadora no período de embarazo, posparto e lactación. Medidas preventivas fronte aos riscos específicos. A xestión da protección de traballadores especialmente sensibles a determinados riscos na Universidade da Coruña.

16. Os accidentes de traballo: definición e concepto. Notificación de accidentes de traballo. Accidentes que se deben investigar. A investigación de accidentes de traballo: obxectivos e metodoloxía da investigación dos accidentes de traballo na Universidade da Coruña.

17. Equipamentos de protección individual: concepto. Tipos de equipamentos de protección individual. Real decreto 773/1997, do 30 de maio, sobre disposicións mínimas de seguranza e saúde relativas á utilización polos traballadores de equipamentos de protección individual e a súa Guía técnica do INSHT. Real decreto 1407/1992, polo que se regulan as condicións para a comercialización e libre circulación intracomunitaria dos equipos de protección individual. Condicións mínimas que deben cumprir os EPI. Comercialización. Procedementos de avaliación da conformidade dos EPI. Clasificación dos EPI.

18. Equipos de traballo. Utilización de equipos de traballo. Real decreto 1215/1997, do 18 de xullo, sobre a utilización polos traballadores dos equipos de traballo. Análises e avaliación de riscos. Procedementos de adecuación e posta en conformidade de equipos de traballo. Guía técnica para a avaliación e prevención dos riscos relativos á utilización dos equipos de traballo.

19. As máquinas. Condicións xerais de seguridade no deseño de máquinas: medios de protección dos puntos de operación. Tipos de protección e de dispositivos de seguridade. Riscos e medidas de actuación. Marcación CE. Declaración CE de conformidade. Exame CE de tipo.

20. O Real decreto 614/2001, do 8 de xuño, sobre a protección de traballadores fronte ao risco eléctrico e a súa Guía técnica do Instituto Nacional de Seguridade e Hixiene no traballo. Traballos sen tensión, en tensión e en proximidade. Traballos en alta tensión. Manobras, medicións, ensaios e verificacións.

21. Normas e sinalización de seguranza: conceptos e requisitos da sinalización de seguranza. O Real decreto 485/1997, do 14 de abril, sobre sinalización de seguranza e saúde no traballo, e a súa Guía técnica do Instituto Nacional de Seguranza e Hixiene no Traballo.

22. Plan de autoprotección. Definición. Obxectivos dun plan de autoprotección. Estrutura e contido dun plan de autoprotección. Os plans de autoprotección nos edificios da Universidade da Coruña. Real decreto 393/2007, polo que se aproba a Norma básica de autoprotección dos centros, establecementos e dependencias dedicados a actividades que poidan dar orixe a situacións de urxencia, Decreto 171/2010, sobre plans de autoprotección na Comunidade Autónoma de Galicia e Orde do 27 de febreiro de 2012: rexistro dos plans de autoprotección. Elaboración dos plans de autoprotección. Definicións utilizadas na Norma básica de autoprotección.

23. Sistemas de detección e de alarma. Medios de loita contra incendios; extintores de incendios, bocas de incendio equipadas, hidrantes, columnas secas e pulverizadores automáticos. Iluminación de sinalización e urxencia. Mantemento mínimo segundo o Real decreto 1942/1993, do 5 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de instalacións de protección contra incendios.

24. O ruído: conceptos. Efectos do ruído. Tipos de ruído laboral. Valoración da exposición laboral ao ruído; medición do ruído; equipamentos de medición. Control do ruído. Avaliación e prevención dos riscos relacionados coa exposición ao ruído.

25. Lugares de traballo. Real decreto 486/1997. Disposicións mínimas de seguranza e saúde nos lugares de traballo e a súa Guía técnica do Instituto Nacional de Seguridade e Hixiene no Traballo: condicións xerais de seguranza nos lugares de traballo, seguranza estrutural espazos de traballo, vías de circulación, vías, saídas, ramplas, escaleiras fixas e de servizo. Orde, limpeza e mantemento nos lugares de traballo.

26. Primeiros auxilios. Concepto. Normas de actuación ante unha urxencia. Reanimación cardiopulmonar. Actuacións ante situacións específicas. Condicións ambientais e de iluminación nos lugares de traballo. Servizos hixiénicos, lugares de descanso e locais de primeiros auxilios, segundo o Real decreto 486/1997. A avaliación dos riscos nos lugares de traballo da Universidade da Coruña.

27. Disposicións mínimas de seguranza e saúde relativas ao traballo con equipamentos que inclúen pantallas de visualización de datos (PVD). Real decreto 488/1997, do 14 de abril, sobre disposicións mínimas de seguridade e saúde relativas ao traballo con equipamentos que inclúen pantallas de visualización e a súa Guía técnica do Instituto Nacional de Seguridade e Hixiene no Traballo.

28. Radiacións ionizantes. Tipos de radiacións ionizantes. Magnitudes e unidades: dose absorbida e equivalente, vida media. Interacción das radiacións ionizantes coa materia: irradiación e contaminación. Efectos das radiacións ionizantes. Métodos de detección e medición das radiacións ionizantes. Protección radiolóxica. Medidas básicas de protección radiolóxica. O Real decreto 786/2001, do 6 de xullo, polo que se aproba o Regulamento sobre protección sanitaria contra radiacións ionizantes.

29. Radiacións non ionizantes: conceptos básicos. Natureza das radiacións non ionizantes, o espectro electromagnético. Magnitudes e unidades das radiacións non ionizantes: enerxía, fluxo e intensidade radiante, irradiancia, emitancia, radiancia, intensidade de campo electromagnético. Efectos sobre a saúde das radiacións non ionizantes. Radiacións ópticas: radiación ultravioleta. Radiación visible e infravermella. Radiación láser. Efectos. Avaliación da exposición. Control da exposición.

30. Manipulación manual de carga. Real decreto 487/1997, do 14 de abril. Disposicións mínimas de seguranza e saúde na manipulación manual de carga e a súa Guía técnica do Instituto Nacional de Seguridade e Hixiene no Traballo.

missing image file