Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 87 Martes, 7 de maio de 2013 Páx. 14812

IV. Oposicións e concursos

Universidade da Coruña

RESOLUCIÓN do 23 de abril de 2013 pola que se convocan probas selectivas para o ingreso na escala de técnicos de xestión da Universidade da Coruña polo sistema de promoción interna.

Para cumprir o que dispoñen os estatutos da Universidade da Coruña, aprobados polo Decreto 101/2004, do 13 de maio, e modificados polo Decreto 194/2007, do 11 de outubro, e co obxecto de atender as necesidades de persoal de Administración e servizos, esta xerencia, no uso das atribucións conferidas no artigo 40 dos estatutos desta universidade, aprobados polo Decreto 101/2004, do 13 de maio (DOG do 26 de maio), e da delegación de competencias operada por Resolución reitoral do 16 de xaneiro de 2012, e tendo en conta a Resolución do 3 de marzo de 2006, pola que se publica a oferta de emprego público desta universidade, resolve convocar probas selectivas para o ingreso na escala técnica de xestión, subgrupo A1, da Universidade da Coruña polo sistema de promoción interna, de conformidade coas seguintes:

Bases da convocatoria

1. Normas xerais.

1.1. Convócanse probas selectivas para cubrir 3 prazas da escala de técnicos de xestión, subgrupo A1, da Universidade da Coruña pola quenda de promoción interna, polo sistema de concurso-oposición.

1.2. A presente convocatoria non xerará prazas vacantes no corpo ou escala de xestión da que procedan as persoas aspirantes.

1.3. Á realización destas probas selectivas seralles de aplicación a Lei 7/2007, do 12 de abril, do estatuto básico do empregado público, e o Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei da función pública de Galicia, modificado pola Lei 2/2009, do 23 de xuño; o Real decreto 364/1995, do 10 de marzo, polo que se aproba o Regulamento xeral de ingreso do persoal ao servizo da Administración xeral do Estado e de provisión de postos de traballo e promoción profesional dos funcionarios civís da Administración xeral do Estado; o Decreto 95/1991, do 20 de marzo, polo que se aproba o Regulamento de selección do persoal da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia; os estatutos da Universidade da Coruña e o disposto na presente convocatoria.

1.4. O proceso selectivo constará de dúas fases, concurso e oposición, coas probas e puntuacións que se especifican no anexo I.

1.5. O programa que rexerá para a fase de oposición é o que figura no anexo II desta convocatoria.

2. Requisitos das persoas candidatas.

2.1. Para seren admitidas á realización destas probas selectivas, as persoas aspirantes deberán reunir e manter os seguintes requisitos:

a) Ser funcionario/a de carreira de calquera corpo ou escala de xestión, subgrupo A2, en servizo activo, e con destino definitivo ou en adscrición provisional na Universidade da Coruña e posuír unha antigüidade de, polo menos, dous anos no corpo ou na escala de xestión, subgrupo A2, ao que pertenzan.

b) Estar en posesión do título de licenciado/a, arquitecto/a superior, enxeñeiro/a ou equivalente, ou estar en condicións de obtelo na data en que remate o prazo de presentación das solicitudes.

c) Estar en posesión do Celga 4 ou equivalente debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia, de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007, pola que se regulan os certificados oficiais acreditativos dos niveis de coñecemento da lingua galega.

No caso de non posuílo, con carácter previo á realización dos exercicios da fase de oposición, deberán acreditar o coñecemento da lingua galega mediante a realización dunha proba en que se comprobará que posúen un nivel adecuado de comprensión e expresión oral e escrita da lingua galega. Cualificarase de apto/a ou non apto/a.

2.2. Todos os requisitos deberán posuírse no momento de finalizar o prazo de presentación das solicitudes e estar na súa posesión durante o proceso selectivo.

2.3. A xerencia expedirá de oficio o certificado que acredite o cumprimento das condicións exixidas na letra a) do anterior punto 2.1.

3. Solicitudes.

3.1. As persoas que desexaren tomar parte nestas probas selectivas deberán solicitalo na instancia segundo o modelo que figura como anexo III desta convocatoria. Así mesmo, deberán achegarse as copias cotexadas dos diplomas/certificado que acreditan os cursos recibidos e/ou impartidos.

3.2. As solicitudes dirixiranse ao xerente da Universidade da Coruña no prazo de 20 días naturais contados a partir do seguinte ao da publicación desta convocatoria no DOG.

A presentación das solicitudes farase no Rexistro Xeral da Universidade na Coruña (edificio da Reitoría, rúa da Mestranza, nº 9, CP 15001), nos rexistros auxiliares (Casa do Lagar, Elviña-Campus da Coruña, e Edificio de Usos Administrativos, Esteiro-Campus de Ferrol), ou por medio das restantes formas previstas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3.3. A xerencia expedirá, de oficio, unha certificación que acreditará: a antigüidade recoñecida referida á data de remate do prazo de presentación de solicitudes, o grao persoal consolidado e o nivel de complemento de destino do posto que se desempeñe con carácter definitivo na referida data. A citada certificación engadirase á solicitude que presenta a persoa aspirante.

3.4. As persoas aspirantes que padezan algunha discapacidade poderán indicalo no recadro número 14 da solicitude e solicitar, se for o caso, as posibles adaptacións de tempos e medios para a realización dos exercicios en que esta adaptación sexa necesaria, cuestión que indicarán no recadro número 15.

3.5. As persoas aspirantes quedan vinculadas aos datos que fagan constar nas súas solicitudes e poden unicamente demandar a súa modificación mediante un escrito motivado, dentro do prazo establecido na base 3.2 para a presentación de solicitudes. Tras transcorrer ese prazo non se admitirá ningunha petición desta natureza, agás causa excepcional sobrevida e xustificada, e discrecionalmente apreciada polo tribunal.

4. Listaxes de persoas admitidas e excluídas.

4.1. Expirado o prazo de presentación de solicitudes, no prazo dun mes, o xerente da universidade ditará unha resolución en que declarará aprobadas as listaxes provisionais de persoas aspirantes admitidas e excluídas, que serán publicadas no taboleiro de anuncios da Reitoría da Universidade e na Vicerreitoría do Campus de Ferrol, con mención expresa do nome, dos apelidos e, se for o caso, das causas de exclusión.

As persoas aspirantes excluídas disporán dun prazo de dez días, contados a partir da publicación da referida resolución, para emendaren o defecto que motivase a exclusión. Tras transcorrer ese prazo o xerente ditará resolución en que declarará aprobada a listaxe definitiva de persoas admitidas e excluídas, que será publicada nos taboleiros de anuncios da Reitoría e da Vicerreitoría do Campus de Ferrol, contra a que as persoas interesadas poderán interpor un recurso contencioso-administrativo perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses ou un recurso potestativo de reposición perante o reitor no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación da resolución.

4.2. O feito de figurar na listaxe de persoas admitidas non prexulga que se recoñeza ás persoas interesadas a posesión dos requisitos exixidos, que terán que acreditarse no seu momento, de acordo co previsto na base 8 desta convocatoria.

5. Tribunal cualificador.

5.1. A composición do tribunal cualificador destas probas será publicada no taboleiro de anuncios da Reitoría cunha antelación de, polo menos, un mes respecto da data de inicio do primeiro exercicio e terá a categoría primeira das recollidas no Decreto 144/2001, do 7 de xuño (DOG do 25 de xuño), modificado polo Decreto 144/2008, do 26 de xuño (DOG do 18 de xullo).

5.2. Os membros do tribunal deberán absterse de intervir e notificarán ao reitor da Universidade cando concorreren neles algunha das circunstancias das previstas no artigo 28 da Lei 30/1992, ou se participasen en tarefas de preparación de aspirantes a probas selectivas dentro dos cinco anos anteriores á publicación desta convocatoria.

O/a presidente/a poderá solicitar dos membros do tribunal unha declaración expresa de non se acharen inmersos nas circunstancias previstas nos artigos 28 e 29 da Lei 30/1992.

Así mesmo, as persoas aspirantes poderán recusar os membros do tribunal cando concorreren as circunstancias citadas.

5.3. Despois da convocatoria do/a presidente/a, constituirase o tribunal coa asistencia do/a presidente/a e do/a secretario/a, ou se for o caso, daqueles que os/as substitúan, e a metade, cando menos, dos seus membros. Nesta sesión, o tribunal acordará todas as decisións que corresponderen para o correcto desenvolvemento das probas selectivas.

5.4. Para os efectos de realización de sesións, deliberacións e adopción de acordos, requirirase a asistencia dos membros do tribunal especificadas no punto anterior.

5.5. O tribunal resolverá todas as dúbidas que puideren xurdir na aplicación destas normas, así como o que se deba facer nos casos non previstos. O procedemento de actuación do tribunal axustarase ao disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro.

5.6. O tribunal poderá dispoñer a incorporación aos seus traballos de asesores especialistas para as probas correspondentes aos exercicios que estimen pertinentes, cuxa función se limitará a prestaren colaboración nas súas especialidades técnicas. A designación destes asesores será feita polo xerente da Universidade da Coruña, por proposta do tribunal, e seralles de aplicación o previsto na base 5.2.

5.7. Os membros do tribunal cualificador deberán posuír titulación igual ou superior á exixida para ser admitido ás probas.

5.8. O tribunal cualificador adoptará as medidas precisas naqueles casos en que resulte necesario, de forma que as persoas aspirantes con minusvalía gocen de similares condicións para a realización dos exercicios ao resto dos aspirantes. Para as persoas con minusvalía que o solicitaren na forma prevista na base 3.4, estableceranse as adaptacións posibles en tempo e medios.

5.9. O tribunal adoptará as medidas oportunas para garantir que os exercicios escritos que non deban ser lidos ante o tribunal sexan corrixidos sen que se coñeza a identidade dos aspirantes. O tribunal excluirá aqueles opositores que consignen nas follas de exame marcas ou signos que permitan coñecer a súa identidade.

5.10. Para os efectos de comunicacións e de demais incidencias, o tribunal terá a súa sede na Reitoría da Universidade da Coruña.

5.11. En ningún caso o tribunal poderá aprobar nin declarar que superaron as probas selectivas un número superior de aspirantes ao das prazas convocadas. Calquera proposta de aprobados que contraveña o establecido será nula de pleno dereito.

6. Calendario das probas.

6.1. O lugar e a data do primeiro exercicio publicarase na resolución que aprobe as listaxes definitivas de persoas aspirantes admitidas e excluídas.

6.2. A publicación dos sucesivos anuncios de realización dos restantes exercicios será efectuada polo tribunal nos locais onde se efectuase o primeiro, así como na sede do tribunal, e por calquera outro medio que se xulgue conveniente para facilitar a súa máxima divulgación, con vinte e catro horas, polo menos, de antelación á sinalada para a súa iniciación.

6.3. A orde de actuación das persoas aspirantes será a que determine, con carácter xeral, a Dirección Xeral da Función Pública da Comunidade Autónoma para o ano en que se realicen as probas.

7. Listaxes de persoas aprobadas.

7.1. Concluído cada un dos exercicios da fase de oposición, o tribunal cualificador publicará na Reitoría da Coruña, na Vicerreitoría do Campus de Ferrol, e no lugar ou lugares de realización deste, así como naqueloutros que estime oportuno, a relación das persoas aspirantes que o superasen, con indicación da puntuación que obtiveron en cada unha das probas.

As persoas aspirantes disporán de 3 días hábiles contados a partir do seguinte ao da realización de cada exercicio para presentar reclamación contra as preguntas formuladas polo tribunal no correspondente exercicio. Así mesmo, os aspirantes disporán de 7 días hábiles, contados a partir do seguinte ao da publicación das puntuacións do exercicio correspondente, para presentar as reclamacións contra as ditas puntuacións.

7.2. Unha vez realizado o último exercicio da fase de oposición, o tribunal publicará a valoración dos méritos da fase de concurso e sinalará os diversos conceptos.

7.3. A cualificación final realizarase de acordo co previsto no anexo I da presente convocatoria.

7.4. O tribunal publicará a relación das persoas aspirantes que superaron as probas selectivas, constituída por aqueles aspirantes que, en número non superior ao das prazas convocadas, obtivesen a maior puntuación nelas.

7.5. Finalizado o proceso selectivo o tribunal remitiralle ao xerente a relación de persoas aspirantes aprobadas por orde de puntuación, en que constarán as cualificacións que obtiveron nos exercicios da oposición e na fase de concurso.

8. Presentación de documentos.

No prazo de 20 días naturais contados a partir do día seguinte a aquel en que se publicase a relación definitiva de persoas aprobadas nas probas selectivas, estas deberán presentar no Servizo de Persoal de Administración e Servizos (rúa da Mestranza, s/n) unha copia cotexada do título exixido para acceder ás probas.

9. Nomeamento de funcionarios/as e toma de posesión.

9.1. Cumpridos debidamente polos/as aspirantes que superaron as probas selectivas os trámites de presentación de documentos serán nomeados/as funcionarios/as da escala técnica de xestión, mediante resolución do xerente que se publicará no Diario Oficial de Galicia.

9.2. Dadas as peculiaridades deste proceso de promoción interna, exclúese nel a adxudicación de destino de acordo coa orde de puntuación que se obtivo no proceso selectivo, adscribiranse as persoas aspirantes ao mesmo posto que veñan desempeñando como titulares. A adxudicación terá carácter definitivo se o posto de traballo se encontrase adscrito na vixente relación de postos á escala a que aspiran, e de carácter provisional no caso de que non estea incluído na relación de postos nesa escala. Neste último suposto o destino consolidarase como definitivo no caso de que na próxima relación de postos a praza figure adscrita á escala á que accedeu o funcionario.

9.3. Aqueles/as funcionarios/as que, en virtude do disposto no parágrafo anterior, accedan á escala superior con carácter provisional, e mentres permanezan nesa situación, percibirán o complemento de destino correspondente ao posto base da escala á que accedan, salvo que o posto que desempeñen teña asignado un nivel superior. O complemento específico será o correspondente ao posto de traballo realmente desempeñado.

9.4. A toma de posesión das persoas aspirantes aprobadas efectuarase no prazo dun mes, contado desde a data de publicación do seu nomeamento no DOG.

10. Norma derradeira.

A presente convocatoria, as súas bases, e cantos actos administrativos se derivaren dela poderán ser impugnados perante a xurisdición do contencioso-administrativo nos casos e na forma que establece a Lei do 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE do 27 de novembro).

Así mesmo, as persoas interesadas poderán interpor recurso de alzada contra os actos do tribunal cualificador das probas perante o reitor da Universidade da Coruña, nos termos previstos no artigo 114 e concordantes da mencionada lei.

A Coruña, 23 de abril de 2013

Juan Manuel Díaz Villoslada
Xerente da Universidade da Coruña

ANEXO I

Procedemento de selección

O procedemento de selección será o de concurso-oposición, que consta das seguintes fases:

1. Fase de oposición.

A fase de oposición constará dos seguintes exercicios selectivos e eliminatorios:

Primeiro exercicio: de carácter eliminatorio, proba escrita de lingua galega, obrigatorio para aqueles/as aspirantes que non acrediten posuír, na data de finalización de prazo de presentación de instancias, o Celga 4 ou equivalente debidamente homologado polo órgano competente en materia de política lingüística da Xunta de Galicia, de acordo coa disposición adicional segunda da Orde do 16 de xullo de 2007, pola que se regulan as certificacións oficiais acreditativas dos niveis de coñecemento da lingua galega, e consistirá na realización dunha proba na que se comprobará que posúen o nivel de Celga 4 de comprensión oral e escrita da lingua galega, en especial da linguaxe administrativa, dado que é a súa área profesional. Cualificarase de apto/a ou non apto/a.

Segundo exercicio: de carácter obrigatorio e eliminatorio, consistirá en contestar un cuestionario tipo test constituído por 100 preguntas e 5 de reserva, con catro respostas alternativas, en que só unha delas é a correcta, baseado no contido completo do programa que figura no anexo II desta convocatoria. Todas as preguntas terán a mesma puntuación e as respostas erróneas non descontarán. O tempo máximo de realización deste exercicio será de 120 minutos. A puntuación será de 30 puntos e para superalo será necesario obter un mínimo de 15.

Terceiro exercicio: de carácter obrigatorio e eliminatorio, consistirá en resolver 2 supostos prácticos, a elixir de entre catro propostos polo tribunal, baseados no contido completo do programa que figura no anexo II. O tempo máximo de realización deste exercicio será de 5 horas. A puntuación será de 0 a 34 puntos, sendo necesario alcanzar un mínimo de 17 puntos para poder superar o exercicio con un mínimo de 6 puntos en cada un dos supostos. Para a realización deste exercicio os aspirantes poderán servirse de textos legais sen comentarios.

Cuarto exercicio: de carácter obrigatorio e eliminatorio. Os aspirantes deberán desenvolver, por escrito, tres temas de entre cinco elixidos ao chou polo tribunal en presenza dos aspirantes, un de cada bloque de materias do programa que figura no anexo II. O tempo máximo para a realización deste exercicio será de catro horas. Este exercicio deberá ser lido e defendido polos opositores en sesión pública ante o Tribunal. Valorarase especialmente a formación xeral, a claridade a orde de ideas, así como a facilidade de expresión escrita. A cualificación deste exercicio será de 0 a 36 puntos, sendo necesario alcanzar un mínimo de 18 puntos para poder superar o exercicio, con un mínimo de 4 puntos en cada un dos temas.

2. Fase de concurso.

Valoraranse os seguintes méritos:

a) Antigüidade: a antigüidade na Administración pública, referida ao día de remate do prazo de presentación de solicitudes, valorarase ata un máximo de 16 puntos, a razón de:

– 1 punto por ano (0,08 por mes completo) de servizos prestados como funcionario/a de carreira ou funcionario/a interino/a do subgrupo A2 ou contratado/a laboral en postos de administración reservados a funcionarios do subgrupo A2.

– 0,5 puntos por ano (0,04 por mes completo) polos restantes servizos efectivos recoñecidos ao abeiro da Lei 70/1978, do 26 de decembro.

Non se computarán os servizos que se prestasen simultaneamente con outros igualmente alegados.

b) Grao persoal consolidado, segundo o grao persoal que se consolidase e se formalizase a través do acordo de recoñecemento de grao pola autoridade competente o día de remate do prazo de presentación de solicitudes, concederase a seguinte puntuación:

Grao                                                            Puntos

28....................................................................9

27....................................................................8,5

26....................................................................8

25....................................................................7,5

24....................................................................7

23....................................................................6,5

22....................................................................6

21....................................................................5,5

20....................................................................5

19....................................................................4,5

18 ou inferior...................................................4

c) Nivel de complemento de destino, correspondente ao posto de destino definitivo que teña adxudicado a/o funcionaria/o o día de remate do prazo de presentación de solicitudes. Cualificarase do seguinte xeito:

Nivel                                                         Puntos

28................................................................9

25................................................................7,5

22................................................................6

21................................................................5,5

20................................................................5

19................................................................4,5

18................................................................4

d) Cursos: valorarase ata un máximo de 6 puntos, os cursos realizados ou impartidos polo aspirante directamente relacionados co temario desta convocatoria da escala do grupo A1, cunha duración mínima de 50 h e organizados pola UDC, os recibidos na EGAP, no INAP ou noutros centros oficiais de calquera administración pública, así como os homologados pola EGAP e os impartidos por organización sindicais e empresariais dentro dos programas de formación continua.

• Máximo: 5 puntos, a razón de 0,02 puntos/hora os cursos con certificado de aptitude e 0,01 puntos/hora os cursos de asistencia.

• Cursos de lingua galega:

– Curso de linguaxe administrativa: 0,75 puntos.

– Curso de linguaxe administrativa superior: 1 punto.

No caso de posuír máis dun curso de lingua galega só puntuará o de nivel superior.

Puntuación do proceso selectivo.

A puntuación da fase de oposición estará determinada pola suma das puntuacións que se obtiveron nos distintos exercicios. A puntuación do proceso selectivo estará determinada pola suma da fase de oposición e mais os méritos da fase de concurso, sempre que as persoas aspirantes superasen a fase de oposición. No caso de empate a preferencia corresponderá á puntuación que se obtivo respectivamente e por este orde: nos exercicios terceiro, segundo e primeiro e, de persistir este, a preferencia será do candidato que tivese maior antigüidade na Universidade da Coruña na data de remate do prazo de presentación de solicitudes.

ANEXO II
Programa das probas

l. Dereito comunitario, constitucional, autonómico e administrativo.

1. Procedemento de elaboración e de aprobación das leis. Órganos de control da Administración: o Tribunal de Contas e o Defensor do Pobo. A Administración Consultiva: o Consello do Estado.

2. A Constitución española.

3. O Estatuto de Autonomía de Galicia.

4. A Lei orgánica de universidades.

5. As comunidades europeas: obxectivos e natureza xurídica. A adhesión de España ás comunidades. O Tratado da Unión Europea.

6. As institucións das comunidades. O Consello de Ministros. A Comisión: especial referencia á súa estrutura. O Parlamento Europeo. O Tribunal de Xustiza. O Consello Europeo.

7. As fontes do dereito comunitario. Dereito orixinario, dereito derivado: regulamentos, directivas e decisións. As relacións entre o dereito comunitario e o ordenamento xurídico español.

8. A expropiación forzosa: natureza e xustificación, ámbito subxectivo e obxectivo.

9. Procedemento xeral. Peculiaridades do procedemento de urxencia. Procedementos expropiatorios especiais.

10. A responsabilidade patrimonial da Administración. Evolución histórica. Réxime xurídico actual.

11. O patrimonio privado das entidades públicas. Réxime xurídico. Potestades e réxime de adquisición, uso e alleamento.

12. Os bens de dominio público. Réxime xurídico.

13. A dimensión europea do ensino superior: a Declaración de Boloña. Programas de mobilidade.

14. O procedemento administrativo. Concepto e natureza. A Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

15. Requisitos dos actos administrativos. A súa eficacia. Nulidade e anulabilidade.

16. Disposicións xerais sobre procedementos administrativos. Iniciación e ordenación do procedemento. A instrución do procedemento: proba, informes e participación dos interesados.

17. Disposicións xerais sobre procedementos administrativos. Finalización do procedemento: terminación, resolución, desistencia e renuncia e caducidade. Execución.

18. A revisión dos actos en vía administrativa. Revisión de oficio, suspensión e revogación. Os recursos administrativos: recurso de alzada, recurso potestativo de reposición, recurso extraordinario de revisión. Reclamacións previas ao exercicio das accións civís e laborais.

19. A xurisdición contencioso-administrativa: concepto e natureza. Capacidade procesual, lexitimación, representación e defensa. Actos impugnables. O recurso contencioso-administrativo.

20. Recursos de súplica, apelación, casación e revisión. Execución de sentenzas. Os procesos especiais: clases; especial referencia aos procesos en materia electoral e para a protección dos dereitos fundamentais.

21. A potestade sancionadora da Administración. Procedemento sancionador. Principios xerais. Sancións administrativas e medidas sancionadoras.

22. Real decreto lexislativo 3/2011, do 14 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos do sector público.

II. Recursos humanos.

23. Lei 7/2007, do 12 de abril, do estatuto básico do empregado público.

24. Decreto lexislativo 1/2008, do 13 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei da función pública de Galicia.

25. Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

26. A planificación de recursos humanos. A xestión do cambio e a adecuación dos postos de traballo na Administración pública. A función da relación de postos de traballo. Conciliación e plans de igualdade.

27. Os procesos selectivos na Administración pública. A provisión de postos de traballo.

28. A formación e o perfeccionamento dos recursos humanos. Novos sistemas de avaliación, promoción e recoñecemento. Liderado e motivación. A carreira e a promoción profesional. A promoción interna.

29. Réxime disciplinario dos funcionarios públicos. Responsabilidade penal e patrimonial.

30. O sistema retributivo do funcionarios públicos.

31. A Seguridade Social. Réxime xeral. Afiliación e cotización. Acción protectora: continxencias e prestacións. Réximes especiais.

32. A prevención de riscos laborais: conceptos básicos, principios de acción preventiva. Dereitos e obrigas dos traballadores. Órganos de prevención. Conceptos básicos sobre seguranza. Hixiene, ergonomía e vixilancia da saúde. Accidentes de traballo e enfermidades profesionais.

33. Estatuto dos traballadores. Principios xerais, estrutura e contido.

34. Lei orgánica 11/1985, de 2 de agosto, de liberdade sindical.

35. Órganos de representacións dos funcionarios públicos. Delegados de persoal. Xuntas de persoal. Órganos electorais. Procedemento electoral. Dereitos e garantías dos representantes.

36. Persoal laboral ao servizo da Administración pública. Réxime xurídico. O III Convenio colectivo do persoal laboral de Administración e servizos da Universidade da Coruña.

37. O Profesorado universitario: clases e réxime xurídico. Selección. Dereitos e deberes. Réxime de incompatibilidades. Retribucións. Dedicación.

III. Xestión académica e universitaria.

38. O Real decreto 1044/2003, do 1 de agosto, que establece o procedemento para a expedición polas universidades do suplemento europeo ao título e o Real decreto 1125/2003, do 5 de setembro, que establece o sistema europeo de créditos e os sistemas de cualificacións nas titulacións universitarias de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional.

39. Real decreto 1393/2007, do 29 de outubro, que establece a ordenación das ensinanzas universitarias oficiais.

40. Real decreto 1892/2008, do 14 de novembro, que regula as condicións para o acceso ás ensinanzas universitarias oficiais de grao e os procedementos de admisión ás universidades públicas españolas.

41. Normativa propia de xestión académica da Universidade da Coruña.

42. Procedemento para o ingreso nos centros da Universidade da Coruña. Matrícula. Simultaneidade de estudos. Réxime de permanencia. Traslados de expedientes. Validación de estudos españois e estranxeiros: procedemento.

43. Bolsas e axudas ao estudo: clases. Requisitos de carácter económico e académico. Procedemento. Outras axudas.

44. O sistema universitario español. Os fins da universidade. A autonomía das universidades. Réxime xurídico das universidades. Órganos de coordinación universitaria.

45. O financiamento das universidades. Competencias educativas e órganos xestores no ámbito universitario de la Comunidade Autónoma de Galicia.

46. A Autonomía universitaria. Sentido, alcance e límites. As universidades: a súa natureza xurídica. Os estatutos das universidades públicas.

47. Órganos de goberno unipersoais das universidades. O reitor, os vicerreitores, o secretario xeral, o xerente. Outros órganos unipersoais.

48. Órganos colexiados de goberno. Consello Social. Consello de Goberno. Claustro Universitario. Xuntas de Centro e Consellos de Departamento.

IV. Xestión financeira.

49. Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia. A Facenda da comunidade. Os orzamentos da Comunidade Autónoma. Control orzamentario: o Consello de Contas.

50. O Orzamento da Universidade da Coruña.

51. Os ingresos públicos: concepto e clases. Efectos económicos. Taxas e prezos públicos.

52. O gasto público: concepto, natureza e clases. A incidencia do gasto público.

53. Modificacións orzamentarias: créditos extraordinarios e suplementos de crédito. Transferencias. Outras modificacións orzamentarias.

54. Procedemento común de execución do gasto público: autorización, compromiso de gasto. Recoñecemento da obrigación. Proposta de pagamento.

55. Procedemento de pagamento. O pagamento directo polo Tesouro Público. Pagamentos a través de habilitados: anticipos de caixa fixa e pagamentos que se van xustificar.

56. Xestión dos gastos de persoal: retribucións dos empregados públicos. Devindicación e liquidación. Os gastos de clases pasivas.

57. Xestión dos gastos contractuais: tipos de contratos, autorización e compromiso de gastos contractuais. Recoñecemento da obrigación e pagamento. Control dos gastos contractuais.

58. Xestión dos gastos de transferencias. As subvencións: procedemento da concesión. O recoñecemento da obrigación e o pagamento das subvencións: reintegro e control.

59. O control da actividade económico-financeira do sector público. O control orzamentario: concepto, natureza e ámbito de aplicación. Control interno e externo. A intervención xeral. O Tribunal de Contas. Control da legalidade e control da eficiencia.

60. Liquidación do orzamento e rendición de contas.

61. Réxime económico e financeiro da Universidade da Coruña.

62. O patrimonio universitario. Titularidade, administración e disposición: a xestión patrimonial.

Nota: debe entenderse que este temario pode verse afectado polas modificacións normativas e lexislativas que puidesen producirse ata a data do exame.

missing image file