Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 93 Xoves, 16 de maio de 2013 Páx. 17053

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Tributaria de Galicia

RESOLUCIÓN do 13 de maio de 2013, da Dirección da Axencia Tributaria de Galicia, pola que se somete a información pública o proxecto de orde pola que se regula a xestión, a presentación e o pagamento electrónico da taxa fiscal sobre o xogo realizado a través de máquinas de xogo.

Coa finalidade de regular diferentes aspectos da modalidade electrónica da taxa fiscal sobre o xogo, a Axencia Tributaria de Galicia está a elaborar o proxecto de orde pola que se regula a xestión, a presentación e o pagamento electrónico da taxa fiscal sobre o xogo realizado a través de máquinas de xogo.

Para esta modalidade do tributo a opción de cumprir as obrigas tributarias dos suxeitos pasivos dun xeito electrónico vén establecida desde hai unha década, e cómpre remarcar a aceptación do procedemento e o éxito do seu funcionamento, que permite nunha única transacción a presentación da autoliquidación da taxa de todas as máquinas con autorización vixente á data do devengo de cada ano. É preciso estender a dita posibilidade ao longo de todo o ano para o cumprimento das obrigas tributarias tamén nos casos de reinicio da explotación da expedición de novas autorizacións e para o caso dos trocos das máquinas con modificacións nas súas características.

Eses motivos fan necesaria a elaboración dunha nova orde que recolla a normativa, hoxe dividida en dúas ordes, e que desenvolva os procedementos electrónicos para a presentación de autoliquidacións de calquera carácter durante todo o ano.

De conformidade co disposto no artigo 42.3 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, cando o contido e a repercusión da disposición o aconsellen, esta será sometida a información pública. Asemade, no artigo 42.5 prevese a posibilidade de abreviar o trámite de información pública ata o mínimo de sete días hábiles cando razóns debidamente motivadas así o xustifiquen. Neste caso considérase urxente, polo propio interese dos contribuíntes, que esta norma entre en vigor o antes posible.

Na súa virtude,

RESOLVO:

Someter a información pública, por un prazo de 7 días hábiles contados desde o seguinte ao da publicación desta resolución, o proxecto de orde polo que se regula a xestión, a presentación e o pagamento electrónico da taxa fiscal sobre o xogo realizado a través de máquinas de xogo.

O proxecto de orde poderase consultar na páxina web da Consellería de Facenda: http://www.conselleriadefacenda.es/web/portal/disposicions

As posibles alegacións presentaranse durante o prazo sinalado, dirixidas ao director da Axencia Tributaria de Galicia, en calquera das oficinas previstas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 13 de maio de 2013

Ulpiano L. Villanueva Rodríguez
Director da Axencia Tributaria de Galicia