Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 95 Martes, 21 de maio de 2013 Páx. 17405

III. Outras disposicións

Instituto Enerxético de Galicia

RESOLUCIÓN do 14 de maio de 2013 pola que se establecen as bases reguladoras e se anuncia a convocatoria de subvencións a proxectos de aforro e eficiencia enerxética na industria e servizos para o ano 2013.

A sensibilidade especial que para a cidadanía está a ter o uso racional das enerxías e a busca de novas fontes enerxéticas calou de forma importante no enfoque das administracións públicas, que unanimemente están a actuar neste campo prestando o seu apoio ás iniciativas que sobre aforro e eficiencia enerxética ou enerxías renovables se están a desenvolver na actualidade.

O Instituto Enerxético de Galicia (Inega) xa contén na súa lei de creación –Lei 3/1999, do 11 de marzo– unha referencia expresa ao fomento destas actividades, concretada mediante o impulso das iniciativas e programas de aplicación das tecnoloxías enerxéticas, incluídas as renovables, á mellora do aforro e a eficiencia enerxética, ao fomento do uso racional da enerxía e, en xeral, á óptima xestión dos recursos enerxéticos nos distintos sectores económicos de Galicia. Igualmente recolle a participación na xestión e prestación de servizos noutros campos sinérxicos ao enerxético, de acordo coas directrices do Goberno no ámbito das súas competencias.

A Xunta de Galicia, mediante o desenvolvemento do Plan Impulsa-Lugo, do Plan Impulsa-Ourense, do Plan Ferrol, Eume e Ortegal e do Plan Revive Costa da Morte pretende impulsar o crecemento e a creación de riqueza nos concellos comprendidos nos devanditos plans. Dada a situación económica actual, na cal as provincias de Lugo e Ourense e os concellos de Ferrolterra e da Costa da Morte se viron afectados con especial incidencia pola desaceleración no desenvolvemento das empresas existentes, así como unha menor implantación de novas iniciativas empresariais, considérase fundamental que o Inega conceda unha puntuación adicional ás iniciativas empresariais implantadas nestas áreas xeográficas coa finalidade de estimular o seu desenvolvemento económico e social.

Para o desenvolvemento dos obxectivos anteriores, o Inega establece este sistema de subvencións, complementario dos creados por outras entidades públicas, relacionados con proxectos que fomenten o aforro e a eficiencia enerxética en empresas do sector industrial e de servizos.

A dotación da presente convocatoria con cargo aos orzamentos do Inega para o ano 2013 -2014 ascende a 2.550.000 euros para esta liña de axudas.

Como un dos órganos encargados de desenvolver a política enerxética da Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia, o Inega considera de máximo interese potenciar as actuacións de mellora do aforro e a eficiencia enerxética, as enerxías renovables e a óptima xestión dos recursos enerxéticos nos distintos sectores en Galicia.

Por todo o anterior, en virtude do disposto nos artigos 7.1 e 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia,

RESOLVO:

Aprobar as bases reguladoras da concesión de subvencións a proxectos de aforro e eficiencia enerxética e convocar a todos aqueles interesados en solicitalas en función do establecido nestas

Bases reguladoras

Artigo 1. Obxecto e normativa de aplicación

1. Estas bases teñen por obxecto regular a concesión de subvencións ás actuacións e proxectos de aforro e eficiencia enerxética no sector industrial e de servizos, que cumpran cos requisitos e condicións establecidos no articulado desta resolución.

2. O procedemento administrativo para a concesión de subvencións será o de concorrencia competitiva, e axustarase ao disposto nas propias bases sen prexuízo do establecido na seguinte normativa de alcance xeral: Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións (BOE nº 276, do 18 de novembro); Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 121, do 25 de xuño); Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG nº 20, do 29 de xaneiro); Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE nº 285, do 27 de novembro); Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades delas dependentes (DOG nº 241, do 17 de decembro).

3. As axudas recollidas na presente resolución están suxeitas ás condicións que se establecen no capítulo I do Regulamento (CE) núm. 800/2008 da Comisión, do 6 de agosto, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 107 y 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea (Regulamento xeral de exención por categorías), publicado no DOUE L 214, do 9 de agosto de 2008, e ás disposicións do capítulo II do dito regulamento.

A presente convocatoria refírese ás que aparecen definidas dentro da sección 4ª do dito capítulo II como Axudas para a protección do ambiente concedidas ao investimento en medidas de aforro enerxético (artigo 21).

Artigo 2. Actuacións que se subvencionan

Poderán obter dereito a subvención todas aquelas actuacións descritas no artigo 5 destas bases que se executen dentro do territorio da Comunidade Autónoma. O período de execución dos investimentos comezará unha vez que se teña efectuada a solicitude de axuda ante esta entidade e rematará en función dos prazos previstos no artigo 21, podendo ter carácter bianual. Tratándose de grandes empresas, deberá verificarse, ademais, que o proxecto responde a algún dos criterios previstos no artigo 8.3 do citado Regulamento xeral de exención por categorías sobre o efecto incentivador das axudas.

Para as actuacións bianuais entenderase que os investimentos realizados desde a data límite de xustificación do exercicio corrente ata o final do ano corresponderán á anualidade seguinte e, por tanto, poderanse presentar para o cobramento na devandita anualidade.

Artigo 3. Financiamento

1. A concesión das axudas financiarase con cargo aos orzamentos do Inega para os exercicios 2013-2014, na aplicación orzamentaria A2.733A.770.0, de conformidade coa seguinte distribución:

Exercicio 2013, cun importe de 1.500.000 euros.

Exercicio 2014, cun importe de 1.050.000 euros.

2. O importe dos fondos previstos para cada concepto entenderase máximo, ben que cabería a posibilidade de ampliar o crédito como consecuencia da existencia dunha maior dispoñibilidade orzamentaria derivada dalgunha das circunstancias previstas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e, se for o caso, logo da aprobación da modificación orzamentaria que proceda. Isto podería dar lugar á concesión de máis subvencións de acordo coa orde de prelación de solicitantes que resulte da aplicación dos criterios de valoración fixados no artigo 13 destas bases.

3. De producirse a ampliación de crédito, publicarase no DOG e na páxina web do Inega (www.inega.es), sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo para resolver. Só poderán concederse novas subvencións no exercicio 2013, debendo iniciarse a execución dos investimentos tamén no presente exercicio e antes de que remate o prazo de xustificación previsto para os investimentos.

Artigo 4. Beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarios das subvencións, sen prexuízo de reuniren os demais requisitos establecidos nestas bases:

a) As empresas legalmente constituídas e os empresarios autónomos, incluídas no sector da industria (sección C e D do CNAE-2009), coa excepción da industria extractiva enerxética, as de refinación do petróleo e biocombustible, así como as empresas de xeración, transporte e distribución de enerxía eléctrica, e no sector servizos.

Serán consideradas pemes (categoría de microempresa, pequenas e medianas empresas) aquelas que cumpran coa definición que establece o anexo I do Regulamento (CE) núm. 800/2008 da Comisión, do 6 de agosto (DOUE núm. L 214/38, do 9 de agosto).

b) As empresas de servizos enerxéticos que xestionen total ou parcialmente instalacións consumidoras de enerxía e que o obxecto dos contratos sexa a consecución de aforro económico derivado dun menor consumo de enerxía. O pagamento dos servizos que prestan as ditas empresas baséase na obtención de melloras de eficiencia enerxética e no cumprimento dos demais requisitos de rendemento convidos. Contarase en todo caso con visto e prace do titular da instalación, por se der lugar a modificación do contrato existente entre ambas as partes.

2. As persoas ou entidades que resulten beneficiarias da subvención e que con posterioridade contraten a xestión enerxética, total ou parcialmente, a unha empresa de servizos das definidas no punto anterior deste artigo, poderán solicitar a modificación da resolución de concesión no sentido de que pase a ser beneficiaria esta última, xuntando unha copia cotexada do contrato de servizos enerxéticos en que se recollan as cláusulas asociadas ao proxecto para o cal se solicita a axuda. Esta solicitude deberá presentarse, como mínimo, 20 días hábiles antes da finalización do prazo de xustificación do investimento do proxecto, podendo dar lugar á minoración da axuda inicialmente outorgada tras a aplicación da metodoloxía de cálculo da axuda segundo o establecido nestas bases, no caso de que se produza unha variación do investimento elixible ou das características técnicas do proxecto.

3. Non poderán ter a condición de beneficiarias as persoas ou entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

4. Estas axudas non se aplicarán ás actuacións previstas no artigo 1.2 do Regulamento (CE) núm. 800/2008 nin aos sectores da economía previstos no artigo 1.3, e tampouco se aplicarán ás actuacións previstas no artigo 1.6 da mesma norma. As axudas que superen os límites de notificación individual previstos no artigo 6 do regulamento deberán ser obxecto de notificación individual á Comisión Europea.

Artigo 5. Gastos que se subvencionan

1. Considéranse custo elixible aqueles conceptos de gasto que poden ser obxecto de subvención, entendendo por tales os seguintes:

a) No sector industrial:

– Os investimentos en substitución ou mellora de equipamentos e instalacións consumidores de enerxía do proceso produtivo, así como dos sistemas auxiliares necesarios para o seu funcionamento, por equipamentos e instalacións que utilicen tecnoloxía de alta eficiencia ou a mellor tecnoloxía dispoñible. O aforro enerxético mínimo requirido para ser subvencionable deberá ser dun 5 % respecto do consumo inicial. Este aforro enerxético deberá xustificarse en función do consumo específico por unidade de produto do proceso produtivo en que se realice o investimento polo cal solicita a subvención.

– A renovación de equipamentos de instalacións existentes de produción de calor e frío destinadas a atender a demanda de benestar e hixiene das persoas, por outras de alta eficiencia enerxética, con excepción das que utilicen enerxías renovables, seleccionados con base a un maior rendemento enerxético. O aforro enerxético mínimo requirido para ser subvencionable deberá ser dun 20 % respecto do consumo inicial.

– A mellora da eficiencia enerxética das instalacións de iluminación interior existentes que leven asociada unha redución anual de, ao menos, un 30 % respecto ao consumo inicial en iluminación, garantindo un confort lumínico adecuado á tarefa que se vai realizar.

– Calquera outra actuación non mencionada nos guións anteriores que implique un aforro enerxético mínimo dun 20 % respecto do consumo inicial.

b) No sector servizos:

– A substitución de equipamentos para a produción de calor e/ou frío, excepto os que empreguen enerxías renovables, por outros seleccionados por maior rendemento enerxético. Deberán reducir os consumos de calefacción e refrixeración da empresa como mínimo nun 20 %.

– As medidas necesarias para implementar unha contabilización e/ou telexestión do consumo de enerxía.

– A mellora da eficiencia enerxética das instalacións de iluminación interior existentes que leven asociada unha redución anual de, ao menos, un 30 % respecto ao consumo inicial en iluminación, garantindo un confort lumínico adecuado á tarefa que se vai realizar.

– Calquera outra actuación mencionada nos guións anteriores que implique un aforro enerxético mínimo dun 20 % respecto do consumo inicial.

Os aforros enerxéticos mínimos exixidos deberán estar debidamente xustificados.

Considéranse custos subvencionables o prezo dos equipamentos, a súa montaxe e posta en marcha. Non se considera subvencionable nin o proxecto de enxeñaría nin a obra civil, nin gastos de legalización.

Non se subvencionan os gastos que se realicen en pagamento de licenzas, gastos sometidos a aranceis, adquisición de bens de segunda man e os recollidos con tal carácter no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Non se subvencionará o imposto sobre o valor engadido (IVE).

2. Os proxectos de aforro e eficiencia enerxética deberán cumprir, como mínimo, os seguintes requisitos:

– Levar asociado o aforro enerxético mínimo requirido para cada proxecto segundo o indicado no punto 1 deste artigo.

– Se a instalación está incluída no ámbito de aplicación do documento HE-3 (Eficiencia enerxética das instalacións de iluminación) do Código técnico da edificación, a nova instalación debe cumprir coas exixencias establecidas nel.

Para os cambios de equipamentos xeradores de calor en instalacións de auga quente sanitaria e climatización, os equipamentos novos que se instalen deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Naqueles casos en que proceda, os equipamentos novos que se instalen deberán contar cun coeficiente de eficiencia enerxética en modo calefacción (COP) igual ou superior a 3,9 e un coeficiente de eficiencia enerxética en modo refrixeración (EER) igual ou superior a 3,5, nas condicións establecidas na norma UNE-EN 14511, sempre que os equipamentos estean incluídos no campo de aplicación da devandita norma. Excepcionalmente poderán subvencionarse equipamentos cuns coeficientes de rendemento menores sempre e cando se xustifique que non existe no mercado tecnoloxía dispoñible máis eficiente para esa solución particular.

b) No caso das caldeiras estándar con potencia nominal inferior a 400 kW terán como mínimo os seguintes rendementos:

– Rendemento a potencia nominal (Pn) en kW e a unha temperatura media da auga na caldeira de 70 ºC:

η ≥ 90 + 2 log Pn

– Rendemento a carga parcial de 0,3 Pn e a unha temperatura media da auga na caldeira ≥ 50 ºC:

η ≥ 86 + 3 log Pn

c) No caso das caldeiras estándar con potencia nominal superior a 400 kW cumprirán co rendemento exixido para as caldeiras de 400 kW.

O investimento mínimo para que a actuación sexa subvencionable deberá ser de 6.000 euros.

3. Non serán subvencionables as seguintes actuacións:

– A rehabilitación da envolvente térmica dos edificios.

– Os sistemas de distribución de calor interior (tubaxes, emisores de calor …).

– A substitución de radiadores eléctricos portátiles.

– A substitución de caldeiras que utilicen enerxías renovables (biomasa).

– A renovación de instalacións de iluminación interior destinadas á iluminación de emerxencia, de rótulos lumínicos e sinalización, de terrazas ou de xardíns.

4. Con carácter xeral, e de acordo co establecido no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, considéranse gastos subvencionables aqueles que de xeito indubitable respondan á natureza da actividade subvencionable.

Artigo 6. Contía máxima da subvención

A contía máxima da axuda será do 20 % do investimento subvencionable. Esta contía incrementarase en 20 puntos porcentuais para axudas a pequenas empresas e 10 puntos porcentuais para axudas a medianas empresas. En todo caso a axuda máxima non superará os 200.000 euros por proxecto.

Para o cálculo do custo subvencionable terase en conta o establecido no punto 5 do artigo 21 do Regulamento (CE) nº 800/2008 da Comisión, do 6 de agosto, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (Regulamento xeral de exención por categorías).

Artigo 7. Forma e prazo de presentación das solicitudes

1. As solicitudes serán subscritas directamente polos interesados ou por persoa que acredite a súa representación por calquera medio válido en dereito.

2. O prazo de presentación de solicitudes será de 30 días naturais, contados desde o seguinte a aquel en que publiquen as presentes bases no DOG.

3. As solicitudes tramitaranse exclusivamente por vía electrónica de acordo co establecido no artigo 27.6 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e no artigo 24.2 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro , polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. A publicación dos formularios de solicitude no DOG faise unicamente para efectos informativos.

4. Os formularios da solicitude están dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es) e na páxina web do Inega (www.inega.es) e so poderán ser cubertos e confirmados acudindo á aplicación informática dispoñible nos ditos enderezos, á cal se accede co DNI e o contrasinal establecido polo propio interesado. A presentación da solicitude deberá acompañarse dos anexos e de copias dixitalizadas (formato PDF) da documentación indicada no artigo 8 destas bases. En caso necesario, o Inega poderá requirir a documentación orixinal.

5. Na páxina web do Inega disporase de instrucións de axuda para consulta dos solicitantes. En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información no momento de encher os formularios, poderanse dirixirse a esta entidade pública a través do teléfono 981 54 15 38, do número de fax 981 54 15 15 ou do enderezo de correo electrónico info@inega.es

6. Nos formularios da solicitude deberanse cubrir todos os campos obrigatorios sen engadir novos datos e sen emendar, variar nin riscar o seu formato orixinal. En caso contrario, as solicitudes non serán admitidas a trámite.

Tampouco se admitirán a trámite aquelas solicitudes referidas a proxectos que xa se presentasen en convocatorias anteriores e ás cales lles fose concedida a axuda correspondente, agás que previamente renuncien a elas.

Artigo 8. Documentación e información que debe constar na solicitude

Xunto coa solicitude presentaranse anexadas copias dixitalizadas da documentación complementaria. Os documentos da solicitude deberán incluír unha parte administrativa (A) e unha parte técnica(B) que se describe a seguir:

A) Documentación administrativa:

Dentro da parte administrativa distinguirase a documentación común a todas as solicitudes (subepígrafe A.1) e a específica en función do tipo de solicitante (subepígrafe A.2).

A.1. Documentación que deben achegar todos os solicitantes:

1. Modelo de solicitude (anexo I).

2. Declaración expresa doutras axudas (anexo II).

A presentación da solicitude autoriza o órgano xestor para pedir a seguinte información:

– Autorización para coñecer se o solicitante está ao día nas súas obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria, coa Tesouraría da Seguridade Social ou coa Facenda da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia. De non dar a autorización para a comprobación do mencionado, deberá presentar os certificados emitidos polos organismos anteriormente sinalados. Non obstante o anterior, están exentos de achegar os xustificantes de cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social os beneficiarios das subvencións establecidos no artigo 55 da Lei 2/2013, do 27 de febreiro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2013 (DOG núm. 42, do 28 de febreiro) que deberán presentar unha declaración responsable.

– Autorización para pedir información necesaria en relación co DNI do solicitante (persoa física). De non dar a autorización para esta comprobación, deberá presentarse copia do DNI en vigor.

A.2. Especificacións segundo o tipo de solicitante:

1. Autónomos:

No suposto de que quen presente a solicitude se defina como profesional autónomo, a presentación da solicitude autorizará o órgano xestor para solicitar o certificado da AEAT en que se indiquen as epígrafes do imposto de actividades económicas (IAE) en que figura dado de alta. De non dar a autorización para a comprobación do mencionado, deberá presentar o certificado que acredite ao epígrafe en que está dado de alta.

2. Empresas:

A solicitude da axuda leva consigo a autorización ao órgano xestor para solicitar ao Rexistro Mercantil toda a información das empresas solicitantes que sexa necesaria para a resolución do procedemento. As entidades que non se atopen obrigadas por lei a inscribirse no Rexistro Mercantil ou calquera outro rexistro público presentarán a documentación acreditativa da constitución e da representación correspondente.

No caso de tratarse dunha empresa de servizos enerxéticos que xestione total ou parcialmente instalacións consumidoras de enerxía, deberase achegar, ademais, unha copia do contrato de servizos enerxéticos en que se recollan as cláusulas asociadas ao proxecto para o cal se solicita a axuda, así como a constancia por escrito da autorización e coñecemento por parte do titular ou titulares da instalación de que se solicita a subvención.

Para efectos do cálculo da porcentaxe de subvención, segundo se establece no artigo 6, para a acreditación da condición de pequena ou mediana empresa definidas segundo o que se establece no anexo I do Regulamento (CE) núm. 800/2008 da Comisión, do 6 de agosto, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado común en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea (Regulamento xeral de exencións por categorías), deberá achegarse a seguinte documentación:

– TC-2. Boletín de cotización á Seguridade Social.

– Documento do imposto de sociedades ou contas xerais rexistradas do último exercicio.

B) Documentación técnica:

A documentación técnica consta de:

– Datos xerais do proxecto (anexo III).

– Memoria técnica do proxecto segundo o modelo dispoñible na web do Inega (www.inega.es) subscrito por un técnico cualificado, onde se incluirá a xustificación do aforro de enerxía mínimo exixido para cada tipo de actuación. O incumprimento do contido mínimo desta memoria poderá dar lugar á inadmisión a trámite desta solicitude.

– Ficha de consumo dos equipamentos, segundo o modelo dispoñible na web do Inega (www.inega.es)

– Auditoría enerxética ou certificado de xestión enerxética, se é o caso.

– Documentación xustificativa do código CNAE da empresa.

– Folla de características da caldeira, onde deberán estar incluídos os rendementos requiridos.

– Certificado do coeficiente de rendemento (COP/EER) emitido por un laboratorio independente e acreditado para realizar as probas segundo a norma UNE-EN 14511, para os equipamentos incluídos no ámbito de aplicación da dita norma (os que non estean incluídos teñen que xustificalo con un informe técnico do fabricante). Para os fabricantes asociados a Eurovent será suficiente con presentar a impresión da parte da base de datos en que figure a combinación unidade exterior-interior para a cal se solicita a axuda. Para os equipamentos con selo de calidade da EPHA (Asociación Europea de Bomba de Calor) será suficiente con achegar calquera documento que xustifique que o modelo ten o dito selo en vigor.

Artigo 9. Concorrencia con outras axudas

1. O importe da subvención outorgada en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, supere o 100 % do investimento subvencionable ou, se é o caso, supere o límite máximo establecido na normativa que resulte de aplicación.

2. Non obstante, para as axudas sometidas ao réxime de exención previsto no Regulamento 800/2008 (Regulamento xeral de exención por categorías) a intensidade de axuda non poderá exceder o 20 % dos custos subvencionables, salvo que se trate de medianas ou pequenas empresas en que tal intensidade xenérica podería incrementarse, respectivamente, en 10 ou 20 puntos porcentuais de acordo co previsto no artigo 21.4 do dito regulamento.

3. A axuda exenta en virtude do Regulamento 800/2008 poderase acumular con calquera outra axuda exenta en virtude do mesmo regulamento, sempre que as ditas medidas de axuda se refiran a custos subvencionables identificables diferentes.

A axuda exenta en virtude do Regulamento 800/2008 non se acumulará con ningunha outra axuda exenta en virtude do dito regulamento, ou con ningunha axuda de minimis que reúna as condicións establecidas no Regulamento (CE) núm. 1998/2006, nin con ningún outro financiamento comunitario correspondente (parcial ou totalmente) aos mesmos custos subvencionables, se tal acumulación supera a intensidade máis elevada ou o maior importe de axuda aplicable á devandita axuda en virtude do reiterado regulamento.

4. A obtención doutras axudas ou subvencións deberá comunicarse ao Inega tan pronto como o interesado teña coñecemento e, en todo caso, con anterioridade á xustificación do investimento realizado.

5. O incumprimento do disposto neste artigo considerarase unha alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión nos termos previstos no artigo 17 destas bases reguladoras.

Artigo 10. Consentimentos e autorizacións

1. A presentación da solicitude implica o coñecemento e a aceptación destas bases reguladoras.

2. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións, convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, no devandito rexistro, feito que terá lugar agás nos supostos legalmente establecidos, todo isto consonte o establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e na Lei orgánica 1/1982, do 5 de maio, pola que se regula a protección civil do dereito á honra, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe.

3. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, o Inega publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e a súa publicación na citada páxina web, coas excepcións previstas nas leis.

A devandita autorización esténdese á cesión dos seus datos persoais á entidade financeira en que se aboe o pagamento das axudas, ao DOG e as demais cesións previstas na lei.

4. O solicitante poderá exercer os seus dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición no enderezo do Inega, sito na rúa Avelino Pousa Antelo núm. 5, San Lázaro, 15707 Santiago de Compostela (A Coruña).

Artigo 11. Órganos competentes

O Departamento de Secretaría e Servizos Xerais do Inega será o órgano competente para a instrución do procedemento administrativo de concesión das subvencións, e corresponde ao director do Inega ditar as diferentes resolucións que deriven del.

Artigo 12. Instrución dos procedementos

1. De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administración públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude de axuda non reúne algún dos requisitos ou non se xunta a correspondente documentación exixida nestas bases reguladoras, requirirase o interesado para que, nun prazo de dez (10) días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixer, se terá por desistido na súa petición, logo da correspondente resolución.

Igual requirimento se efectuará no suposto de resultado negativo da consulta cos organismos a que se refire o artigo 8.7 destas bases: Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT); Tesouraría Xeral da Seguridade Social (TXSS); consellería competente en materia de economía e facenda; Rexistro Mercantil e outros rexistros públicos.

2. Tales requirimentos de emenda, así como calquera tipo de notificación, realizarase a través de medios electrónicos, de conformidade coa Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, así como do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da administración electrónica da Xunta de Galicia e as entidades delas dependentes. De maneira que, cando existindo constancia da posta a disposición da notificación, transcorresen 10 días naturais sen que se acceda a o seu contido, entenderase que a notificación foi rexeitada, cos efectos previstos no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, salvo que, de oficio ou por instancia do destinatario, se comprobe a imposibilidade técnica ou material de acceso.

A práctica dos requirimentos electrónicos farase da seguinte maneira:

– Enviaráselle ao interesado ao enderezo de correo electrónico que facilitase na solicitude un aviso que o informará da posta á disposición destas notificacións.

– Poderá acceder á citada notificación no taboleiro dispoñible na aplicación co seu usuario e contrasinal.

3. A documentación a que se refire a emenda presentarase a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (http://sede.xunta.es) ou da páxina web do Inega (www.inega.es)

4. Sen prexuízo do disposto no parágrafo anterior, poderá requirirse o solicitante para que achegue aqueles datos, documentos complementarios ou aclaracións que resulten necesarios na tramitación e resolución do procedemento.

5. Logo de revisar as solicitudes e as emendas feitas, os expedientes administrativos que reúnan todos os requisitos e a documentación necesaria serán remitidos á comisión encargada da súa valoración. Aqueles que non cumpran coas exixencias contidas nestas bases ou na normativa de aplicación, ou que non conteñan a documentación necesaria, serán obxecto de resolución de inadmisión a trámite ou de denegación, dependendo da circunstancia que concorra en cada caso.

Artigo 13. Comisión de valoración

1. A comisión de valoración será o órgano colexiado encargado de avaliar as solicitudes de acordo cos criterios obxectivos fixados no artigo seguinte, así como de propoñer a concesión ou, se é o caso, a denegación das subvencións aos interesados.

2. A composición da comisión de valoración será a seguinte:

a) O director do Departamento de Secretaría e Servizos Xerais do Inega.

b) A xefa da Área de Aforro e Eficiencia Enerxética do Inega.

c) Un técnico dependente da Área de Aforro e Eficiencia Enerxética.

3. No documento co resultado da avaliación que elabore a comisión figurarán de xeito individualizado os solicitantes propostos para obter a subvención, especificándose a puntuación que lles corresponde, así como o importe da subvención para cada un deles, ata esgotar o crédito dispoñible nos diferentes tipos de actuacións que se subvencionan. A comisión tamén poderá determinar unha puntuación por debaixo da cal considera inadecuado conceder a subvención.

4. A comisión de valoración poderá, con carácter xeral e para todos os proxectos presentados dentro dunha liña de axudas, establecer límites máximos de investimento subvencionable (custo elixible) naqueles conceptos en que xustificadamente o considere necesario, segundo o criterio de máxima eficiencia na asignación dos recursos.

5. Exceptuarase o sistema de valoración previsto no artigo seguinte cando os fondos dispoñibles sexan abondos para que perciban as axudas solicitadas todos os proxectos que fosen admitidos a trámite e reúnan os requisitos establecidos nesta convocatoria.

Artigo 14. Criterios de valoración

Os proxectos ou actuacións que se presenten deberán ser técnica, económica e financeiramente viables.

Ademais do cumprimento das bases reguladoras, a valoración dos proxectos terá en conta os seguintes criterios:

1) Aforro e eficiencia enerxética: 45 %.

Estímase a porcentaxe de aforro de enerxía final derivado da mellora proposta e valórase a razón de 1 punto por cada % de aforro ata un máximo de 45 puntos.

2) Relación aforro/investimento elixible: 35 %.

Outórgase a puntuación máxima de 35 puntos a aqueles proxectos que obteñan valores de 15 kWh/€ ou superiores; os que teñan un rateo inferior puntuaranse proporcionalmente.

O aforro calcularase partindo da situación de consumo inicial e da situación de consumo final (despois do investimento).

3) Existencia dunha auditoría enerxética que avale o proxecto presentado ou ter implantado un Sistema de Xestión Enerxética: 15 %.

No caso de auditoría puntuarase sempre e cando cumpran os requisitos da norma UNE 216501:2009 ou da UNE-EN 16247-1:2012 e no caso do Sistema de Xestión Enerxética sempre que o teñan implantando segundo a norma UNE-EN ISO 50001:2011.

4) Co obxecto de potenciar e dinamizar as áreas específicas incluídas nos plans Impulsa Lugo, Impulsa Ourense, comarca de Ferrol e Plan Revive Costa da Morte, os proxectos que se localicen nas zonas incluídas nestes plans terán unha valoración do 5 %.

Artigo 15. Resolución e notificación

1. Elaborada a relación prevista no artigo 13.3 destas bases, e sempre con anterioridade á resolución do procedemento, poderase efectuar o trámite de audiencia, por un prazo de 10 días. Porén, poderá prescindirse do trámite de audiencia cando non figuren no procedemento nin se vaian ter en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polos interesados.

2. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento será de tres (3) meses, contados desde a data de finalización do período de presentación das solicitudes ou, se for o caso, da súa emenda.

Se transcorrer o prazo sen que se dite resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo, de conformidade co artigo 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. No suposto de ampliación do crédito e ata o límite do crédito dispoñible, observarase o sinalado no artigo 33.7 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia.

4. Con carácter xeral non se enviarán notificacións postais e, de conformidade co establecido no artigo 59.6.b) da indicada lei, no caso das resolucións de concesión da subvención poderase substituír a notificación individual pola publicación no DOG e na páxina web do Inega. Nesta publicación especificarase a data da convocatoria, o beneficiario, a cantidade concedida e a finalidade da subvención outorgada. Coa publicación no DOG poderán remitirse os beneficiarios a que consulten a información detallada da resolución a través do taboleiro electrónico de anuncios habilitado para estes efectos na páxina web do Inega.

Na publicación que se faga no DOG e no taboleiro electrónico das axudas individuais concedidas ao abeiro desta convocatoria, incluirase unha referencia expresa ás disposicións pertinentes do Regulamento 800/2008, o seu título e a data de publicación no Diario Oficial de la Unión Europea (DOUE).

Artigo 16. Réxime de recursos

As resolucións ditadas ao abeiro do procedemento previsto nestas bases porán fin á vía administrativa e contra elas caberá interpoñer recurso contencioso-administrativo, ante os xulgados competentes segundo a Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. O prazo de interposición é de dous (2) meses contados desde o día seguinte á recepción da notificación da resolución, ou ben de seis (6) meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Con carácter potestativo, os interesados poderán interpoñer recurso de reposición perante o director do Instituto Enerxético de Galicia no prazo dun (1) mes, desde o día seguinte ao da recepción da notificación da resolución ou de 3 meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo o establecido nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Non se poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo ata que se resolva expresamente ou se produza a desestimación presunta do recurso de reposición interposto.

Artigo 17. Modificación da resolución

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Cando por circunstancias técnicas sexa imprescindible variar o contido específico dos investimentos recollidos no proxecto inicial, o órgano competente para a concesión da axuda poderá acordar a modificación da resolución por instancia do beneficiario, debendo cumprirse os requisitos previstos no número seguinte.

3. O órgano competente para a concesión da subvención poderá autorizar a modificación da resolución por instancia do beneficiario respectando os seguintes requisitos:

a) Que a modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das normas ou bases reguladoras.

b) Que se acredite a inexistencia de prexuízos a terceiros.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de teren concorrido na concesión inicial, non suporían a denegación da axuda.

4. O beneficiario deberá solicitar a modificación mediante instancia dirixida ao director do Inega acompañada da documentación presentada coa solicitude que se vexa afectada, cun límite de 20 días hábiles antes da data de finalización do prazo de xustificación do investimento.

Deberá enviar un escrito en formato .pdf comunicando este feito, a través da aplicación informática.

5. O acto polo cal se acorde ou se denegue a modificación do proxecto, que poderá ou non afectar os termos da resolución de concesión, será ditado polo director do Inega logo da instrución do correspondente expediente, no cal se dará audiencia aos interesados.

Artigo 18. Aceptación e renuncia

1. Sen prexuízo dos recursos que procedan contra a resolución de concesión, transcorridos 10 días hábiles desde a notificación ou publicación desta sen que o interesado comunicase expresamente a súa renuncia á subvención, entenderase que a acepta, e desde ese momento adquirirá a condición de beneficiario.

2. No caso de que a persoa física ou xurídica que resulte beneficiaria dunha subvención desexe renunciar á axuda concedida para a súa solicitude, deberá enviar un escrito en formato PDF comunicando este feito, a través do taboleiro electrónico, co fin de proceder ao arquivamento do expediente.

No caso de que se comunicase a renuncia, ditarase a correspondente resolución, que se notificará ao interesado por medios electrónicos, de conformidade co procedemento establecido no artigo 12.2 destas bases reguladoras.

Artigo 19. Obrigas dos beneficiarios

Son obrigas dos beneficiarios, sen prexuízo das demais obrigas que figuran no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:

a) Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión das subvencións.

b) Xustificar ante o Inega o cumprimento dos requisitos e condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou goce da subvención.

c) Someterse ás actuacións de comprobación que efectúe o Inega, así como a calquera outra de comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, nomeadamente a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, achegando canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores. Ademais, no caso de fondos comunitarios, someterase á autoridade de xestión e aos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

d) Comunicar ao Inega a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e sempre con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Manter o investimento de que se trate para a finalidade e co carácter solicitado por un período mínimo de cinco anos unha vez rematado o proxecto.

f) Dispoñer dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como cantos estados contables e rexistros específicos sexan exixidos polas bases reguladoras das subvencións e normas comunitarias, coa finalidade de garantir o axeitado exercicio das facultades de comprobación e control, así como facilitar a «pista de auditoría». Así mesmo, deberán conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control, durante un período de tres anos a partir do peche do programa operativo.

g) O beneficiario da axuda deberá dar publicidade ao financiamento por parte do Inega do investimento que se subvenciona, consistente en incluír a imaxe institucional do Inega e da Consellería de Economía e Industria, así como as inscricións relativas ao financiamento público nos carteis, placas conmemorativas, materiais impresos, medios electrónicos audiovisuais ou ben en mencións realizadas nos medios de comunicación.

h) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos, total ou parcialmente, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión ou nos supostos previstos no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 20. Subcontratación

Permitirase que o beneficiario subcontrate con terceiros a execución total ou parcial da actuación que se subvenciona nos termos recollidos no artigo 27 e concordantes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 21. Xustificación da subvención

1. Para o cobramento da subvención concedida o beneficiario deberá xustificar previamente o investimento que lle supuxo executar o proxecto ou actuación subvencionada. Todos os investimentos deberán estar plenamente realizados, operativos e verificables na data límite de xustificación do proxecto.

2. Na data establecida no número seguinte, deberá ter autorización emitida pola consellería competente en materia de industria para a posta en servizo da instalación, nos casos en que sexa obrigatorio. Non será necesario achegar copia da autorización, que será comprobado directamente polo Inega. No caso de que non se dispoña dela na data en que remate o prazo de xustificación, deberá solicitarse coa restante documentación do procedemento de autorización correspondente (certificado de instalación, memoria técnica).

3. O último día para presentar a documentación xustificativa do investimento será o 30 de setembro de 2013, excepto nos casos de execución bianual, nos cales se disporá ata o 30 de novembro 2013 para xustificar, como mínimo, un 30 % do investimento elixible e ata o 30 de novembro de 2014 para xustificar o resto do investimento.

No caso de subvencións bianuais, os pagamentos á conta segundo o disposto no artigo 62 do Decreto 11/2009, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, non poderán superar o 80 % da subvención concedida.

Será exixible aos beneficiarios das axudas a constitución de garantía nos supostos e condicións previstos nos artigos 65 e 67 do Decreto 11/2009, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007.

4. A documentación correspondente á xustificación do investimento realizado presentarase a través da páxina web do Inega (www.inega.es).

Tal e como dispón o artigo 46 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei de subvencións de Galicia, cando o órgano administrativo competente para a comprobación da subvención aprecie a existencia de defectos emendables nas xustificacións presentadas polos beneficiarios, porao no seu coñecemento e concederalle un prazo de dez (10) días para a súa corrección. Os requirimentos de emenda serán notificados tal e como se establece no artigo 12.2 destas bases reguladoras.

5. No suposto de que transcorrese o prazo establecido para a xustificación sen terse presentado documentación ningunha, requirirase igualmente o beneficiario para que no prazo improrrogable de dez (10) días hábiles a presente. Igual requirimento efectuará o Inega no suposto de resultado negativo da consulta cos seguintes organismos: Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT), Tesouraría Xeral da Seguridade Social e Consellería de Facenda, así como a verificación do DNI do solicitante (persoa física).

A presentación da xustificación no prazo adicional de dez (10) días non eximirá das sancións que, conforme a lei correspondan.

6. De non levarse a cabo a xustificación do investimento nos prazos sinalados anteriormente, producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 22. Documentación xustificativa do investimento

Achegaranse copias dixitalizadas dos seguintes documentos:

A. Documentación xenérica:

a) Conta xustificativa composta de:

1º. Xustificante do gasto mediante presentación de facturas desagregadas por conceptos ou unidades de obra. Para os efectos da súa xustificación, as facturas que se paguen de xeito fraccionado deberán de incluírse no expediente nunha única solicitude de pagamento.

Non se admitirán supostos de autofacturación (facturas emitidas polo propio beneficiario da subvención) e en relación coas empresas ou entidades vinculadas co beneficiario, a subcontratación estará limitada polo disposto no artigo 43 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, debendo concorrer as dúas circunstancias previstas no artigo 27.7.d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:

• Que a contratación se realice de acordo coas condicións normais de mercado.

• Que se obteña a pertinente autorización por parte da dirección do Inega.

2º. Xustificante do pagamento efectuado polo beneficiario:

• Xustificante bancario (transferencia bancaria, xustificante bancario de ingreso de efectivo por portelo, certificación bancaria), en que conste o número da factura obxecto de pagamento, a identificación da persoa que realiza o pagamento, que deberá coincidir co beneficiario da axuda e a identificación do destinatario do pagamento, que deberá coincidir coa persoa, empresa ou entidade que emitiu a factura.

• Efectos mercantís que permitan o pagamento aprazado (cheque, obriga de pagamento, letra de cambio): achegarase copia do efecto mercantil acompañada da documentación bancaria (extracto da conta do beneficiario, documento bancario acreditativo do pagamento do efecto etc.) en que conste claramente que o efecto foi efectivamente cargado na conta do beneficiario dentro do prazo de xustificación.

• Naqueles casos en que os investimentos se fixesen mediante contratos de préstamo ou leasing, a axuda aplicarase á amortización anticipada parcial de préstamo/leasing, diminuíndo o principal pendente e tendo que acreditar o beneficiario a propiedade dos bens obxecto de leasing no prazo de xustificación final das subvencións.

• Non se admitirán en ningún caso como xustificante os documentos acreditativos de pagamentos en metálico nin os obtidos a través da internet se non están validados pola entidade bancaria ou se non dispoñen de códigos para a súa verificación por terceiros na sede electrónica da dita entidade bancaria.

A data dos xustificantes de gasto e do pagamento terán como límite para a súa validez e admisión o último día do prazo de xustificación previsto no parágrafo 3º do artigo 21.

b) Sempre que o custo elixible sen IVE da actuación concreta que se subvenciona supoña un gasto para o beneficiario superior a 50.000 € (en concepto de execución de obra) ou a 18.000 € (cando subministran bens ou prestan servizos empresas de consultoría ou asistencia técnica) o beneficiario deberá solicitar e achegar ao Inega, como mínimo, o contido de 3 ofertas de distintos provedores. Non se aceptará como válido o certificado, informe ou documento similar en que se indique que se cumpriu co dito trámite de solicitar as 3 ofertas, pois o que debe achegarse é o orixinal ou copia compulsada do contido de cada unha das ofertas.

A elección dunha das ofertas fundamentarase sempre en criterios de aforro. Ademais, será necesario achegar como xustificación unha memoria cando a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

Non será necesario presentar as 3 ofertas se polas especiais características dos gastos que se subvencionan non existe no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten, e neste suposto o beneficiario debe prestar declaración expresa motivada en tal sentido.

c) Declaración expresa actualizada con data de xustificación do conxunto das axudas concedidas destinadas ao financiamento do mesmo proxecto, indicando a súa contía. Deberase achegar unha copia da resolución ou resolucións de concesión das devanditas axudas.

d) Excepcionalmente, no caso de que o solicitante denegase expresamente a autorización ao órgano xestor para que solicite de oficio os certificados de que está ao día das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, así como de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración da Comunidade Autónoma, deberá achegar estas certificacións.

B. Documentación técnica:

a) Declaración expresa por parte do beneficiario de que o proxecto foi executado conforme o indicado na solicitude e na documentación inicial. Na páxina web do Inega (www.inega.es) estará dispoñible o modelo de declaración a que se refire esta alínea. De existiren modificacións no proxecto, achegarase a documentación técnica presentada coa solicitude que se vexa afectada polas modificacións.

b) Fotografías dos equipamentos principais instalados no lugar.

c) Informe técnico da actuación realizada, segundo o modelo dispoñible na páxina web do Inega (www.inega.es)

A falta de xustificación ou a xustificación insuficiente, así como a presentación da documentación xustificativa alén da data e do prazo que figuran no parágrafo 2º deste artigo, comportará, en función do suposto de que se trate, a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, sen prexuízo das demais responsabilidades previstas pola Lei de subvencións de Galicia.

Artigo 23. Pagamento

1. Os órganos competentes do Inega poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que consideren convenientes. Transcorrido o prazo concedido para o efecto sen que o beneficiario os presentase, poderase entender que renuncia á subvención.

2. Previamente á proposta de pagamento, os servizos técnicos do Inega poderán realizar unha inspección de comprobación material en que certifiquen que se realizou o investimento que foi obxecto da axuda e que tal investimento coincide co previsto na resolución de concesión.

3. No caso de que o investimento realizado teña un custo inferior ao inicialmente previsto e sempre que isto non supoña unha realización deficiente do proxecto, a contía da subvención poderá reducirse proporcionalmente se debido á redución do investimento se superan as porcentaxes máximas de subvención.

Artigo 24. Reintegro das axudas

1. O incumprimento das obrigas contidas nestas bases reguladoras ou na demais normativa aplicable, así como das condicións que, se é o caso, se establezan na resolución de concesión, dará lugar á obriga de devolver total ou parcialmente a subvención percibida, así como os xuros de demora correspondentes.

2. Para facer efectiva a devolución a que se refire o número anterior tramitarase o oportuno procedemento de reintegro, que se axustará ao previsto no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e ás súas normas de desenvolvemento.

Artigo 25. Réxime de sancións

Aos beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases aplicaráselles o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 26. Fiscalización e control

Os beneficiarios destas subvencións someteranse ás actuacións de control que realice o Instituto Enerxético de Galicia para o seguimento dos proxectos aprobados e ás de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, así como ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, e, de ser o caso, á autoridade de xestión e aos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

Artigo 27. Comprobación de subvencións

1. O órgano competente para conceder a subvención comprobará a axeitada xustificación da subvención, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión ou o gozo da subvención.

2. Nas subvencións de capital superiores a 60.000 euros, no seu cómputo individual, destinadas a investimentos en activos tanxibles, será requisito imprescindible a comprobación material do investimento, e quedará constancia no expediente mediante acta de conformidade asinada tanto polo representante da Administración coma polo beneficiario.

Artigo 28. Publicidade

1. No prazo máximo de tres meses contados desde a data de resolución das concesións, publicarase no DOG a relación de subvencións concedidas, con indicación da norma reguladora, beneficiario, crédito orzamentario, contía e finalidade da subvención.

2. Non obstante o anterior, cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas, sexan de contía inferior a 3.000 euros, non será necesaria a publicación no DOG, que será substituída pola publicación das subvencións concedidas na páxina web do Inega.

Artigo 29. Remisión normativa

En todo o non previsto nestas bases observarase o disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da dita Lei 9/2007, sen prexuízo da aplicación dos regulamentos comunitarios citados no artigo 1 destas bases, e da restante normativa comunitaria e nacional que resulte de aplicación.

Santiago de Compostela, 14 de maio de 2013

Ángel Bernardo Tahoces
Director do Instituto Enerxético de Galicia

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file