Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 102 Xoves, 30 de maio de 2013 Páx. 19123

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

DECRETO 75/2013, do 10 de maio, polo que se aproba o Plan de recuperación da subespecie lusitánica da escribenta das canaveiras (Emberiza schoeniclus L.subsp. lusitanica Steinbacher) en Galicia.

O artigo 148.9º da Constitución española dispón que as comunidades autónomas poderán asumir competencias na xestión en materia de protección do ambiente. A lexislación estatal en materia de ambiente, ao amparo da competencia exclusiva para o establecemento dunha lexislación básica sobre a protección do ambiente promulga a Lei 4/1989, do 27 de marzo, de conservación dos espazos naturais e da flora e fauna silvestres (derrogada pola Lei 42/2007, do 13 de decembro, do patrimonio natural e da biodiversidade).

Neste marco, a Comunidade Autónoma de Galicia, coa aprobación do Estatuto de autonomía, asumiu a competencia para ditar normas sobre protección do ambiente adicionais á lexislación básica do Estado. Apróbase, por tanto, a Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, que recolle no seu artigo 48 a creación dun Catálogo galego de especies ameazadas. Posteriormente, mediante o Decreto 88/2007, do 19 de abril, regúlase o Catálogo galego de especies ameazadas.

Debido ao declive poboacional estimado e ao reducido tamaño da poboación actual, a subespecie lusitánica da escribenta das canaveiras aparece recollida no anexo I do Decreto 88/2007 na categoría «en perigo de extinción». Esta categoría está reservada para aquelas especies cuxa supervivencia é pouco probable se os factores causantes da súa actual situación seguen actuando.

A catalogación dunha especie como en perigo de extinción implica a elaboración dun plan de recuperación cuxo fin é garantir a conservación da especie que vive en estado silvestre no territorio da Comunidade Autónoma, dos seus hábitats e establecer medidas adecuadas que permitan preservar, manter e restablecer as súas poboacións naturais facéndoas viables.

Por todo isto, a Dirección Xeral de Conservación da Natureza redactou unha proposta de plan de recuperación da subespecie lusitánica da escribenta das canaveiras (Emberiza schoeniclus L. subsp. lusitanica Steinbacher) en Galicia baseándose nunha proposta técnica elaborada previamente onde se recollen os fundamentos das medidas de conservación incluídas neste decreto. Este proxecto normativo iniciou a súa tramitación mediante a Resolución do 23 de marzo de 2012, da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, e posteriormente someteuse a consultas previas das consellerías con competencias afectadas por el e ao trámite de información pública e audiencia ás persoas interesadas. Á vista das observacións e informes recibidos, redactouse a proposta final do plan de recuperación, que se elevou ao Consello da Xunta para a súa aprobación mediante decreto.

O presente decreto pretende actualizar e complementar a normativa en vigor en coherencia coa necesidade de aplicar medidas de protección e xestión da subespecie lusitánica da escribenta das canaveiras para evitar o seu risco de extinción en Galicia. A aprobación deste plan executivo vincula tanto os particulares como as administracións competentes, que deben cumprir as directrices e actuacións contidas neste decreto. En calquera caso, o plan aprobado debe de considerarse como un instrumento dinámico, para o cal se prevén os mecanismos necesarios para o seguimento da súa eficacia e para a súa revisión cando así o requira.

Na súa virtude, tendo en conta as consideracións que anteceden, por proposta do Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, previa deliberación no Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do dez de maio de dous mil trece,

DISPOÑO:

TÍTULO I

Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

Este decreto ten por obxecto a aprobación do Plan de recuperación da subespecie lusitánica da escribenta das canaveiras (Emberiza schoeniclus L.subsp. lusitanica Steinbacher) en Galicia.

Artigo 2. Ámbito de aplicación

O presente decreto é de aplicación en todos aqueles lugares de Galicia considerados como imprescindibles para a conservación e recuperación da subespecie, os cales se estruturan en tres tipos de áreas, delimitadas no título II do presente decreto e representadas graficamente nos planos contidos no seu anexo II.

Artigo 3. Finalidade e obxectivos

1. A finalidade do plan de recuperación, de acordo cos antecedentes e razóns que se expoñen no anexo I, é a de inverter a tendencia demográfica regresiva da subespecie lusitánica da escribenta das canaveiras en Galicia ata que se limite de xeito significativo o seu risco de extinción nun horizonte temporal de 20 anos, se acade a recuperación das localidades de reprodución coñecidas que se perderon e unha poboación reprodutora superior a 112 parellas.

2. As propostas do plan concrétanse nunhas normas de protección da especie e do seu hábitat e nunhas medidas de actuación para a acadar os seguintes obxectivos:

a) Aumentar o tamaño da poboación existente ata que a modelización dos seus parámetros demográficos limite de xeito significativo o seu risco de extinción nun horizonte temporal de 20 anos e se acade unha poboación reprodutora superior a 112 parellas.

b) Fomentar a colonización de humidais de reprodución da subespecie que se perderon (Gándaras de Budiño, encoro de Cecebre...).

c) Levar e manter nun estado de conservación favorable todos os humidais que sexan utilizados pola subespecie, mellorando, á vez, a súa calidade como hábitat dela.

d) Aumentar o coñecemento da dinámica e viabilidade dos núcleos poboacionais, da bioloxía reprodutiva e dos factores que determinan o declive da poboación, para un mellor axuste das accións de conservación da subespecie.

e) Realizar un seguimento e avaliación das medidas adoptadas.

f) Crear un fondo documental de apoio á xestión e investigación desta subespecie.

g) Informar, concienciar e facer partícipe a sociedade da problemática de conservación da escribenta das canaveiras e dos esforzos para a súa recuperación.

Artigo 4. Vixencia e revisión

1. A vixencia do plan será indefinida ata acadar os obxectivos propostos.

2. Co fin de adaptar o plan aos novos condicionantes existentes para a conservación da subespecie, avaliaranse os seus resultados cada 6 anos, e modificarase no caso de que se requira o reaxuste das medidas de recuperación.

3. No caso de considerarse necesario, poderanse realizar modificacións antes do dito período no referente ás actuacións e á zonificación tal e como recolle o Decreto 88/2007, do 19 de abril, polo que se regula o Catálogo galego de especies ameazadas.

TÍTULO II

Ámbito de aplicación: zonificación

Artigo 5. Zonificación

1. De conformidade co disposto no artigo 2, o ámbito de aplicación deste decreto, que comprende a denominada «zonificación da escribenta das canaveiras», está constituída pola área de distribución potencial, a área de presenza e a área prioritaria de conservación, que se representan graficamente no anexo II.

2. A subespecie lusitánica da escribenta das canaveiras está presente en Galicia durante todo o ciclo anual (período reprodutivo e período invernal).

Artigo 6. Área de distribución potencial

No presente plan inclúense na área de distribución potencial todos aqueles humidais costeiros que poderían ser empregados pola subespecie ben como áreas de descanso durante movementos dispersivos ou entre as áreas de distribución actual, ou ben en épocas diferentes ás de cría, en especial durante o inverno. A delimitación da zona inclúe todos os humidais de Galicia con vexetación palustre de gran porte presentes entre a liña de costa e 15 km cara ao interior, e represéntase graficamente no anexo II.

Artigo 7. Área de presenza

A área de presenza da subespecie lusitánica da escribenta das canaveiras durante o período reprodutivo está ligada aos humidais costeiros con vexetación palustre de gran porte (cana, xunco e espadana) e zonas circundantes constituídas por terreos agrícolas. Sitúanse nos seguintes humidais, onde a presenza de exemplares foi regular nos últimos cinco anos, que están delimitados no anexo II:

– Esteiro do Miño.

– Canaval do Vao.

– Canaval do Ulla.

– Lagoa de Vixán.

– Esteiro do Tambre.

– Canaval de Outes.

– Lagoa de Traba.

– Marismas de Ponteceso.

– Marismas de Baldaio.

– Humidal de Barrañán.

– Lagoa de Doniños.

– Carregal de San Xurxo.

– Lagoa da Frouxeira.

Artigo 8. Área prioritaria de conservación

A área prioritaria de conservación comprende os enclaves ocupados por canavais e xunqueiras nos humidais sinalados no artigo anterior. Son zonas vitais para a supervivencia e recuperación da subespecie, xa que os utiliza para a reprodución e alimentación. Están delimitados no anexo II.

TÍTULO III

Normas de protección da especie e do seu hábitat

Artigo 9. Normas xerais

En todos aqueles territorios de Galicia incluídos na zonificación da escribenta das canaveiras serán de aplicación, con carácter xeral, as seguintes normas:

a) No marco de aplicación do Decreto 20/2011, do 10 de febreiro, polo que se aproba definitivamente o Plan de ordenación do litoral de Galicia, os proxectos de ordenación e restauración ambiental ou paisaxística realizaranse conforme os criterios, principios e normas establecidos neste plan, respectarán os requirimentos ecolóxicos da subespecie lusitánica da escribenta das canaveiras e recollerán medidas sobre a conservación e manexo dos humidais e dos seus perímetros.

b) Tanto os proxectos comprendidos no ámbito de aplicación do Real decreto lexislativo 1/2008, do 11 de xaneiro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de avaliación de impacto ambiental de proxectos, como os plans e programas comprendidos no ámbito de aplicación da Lei 9/2006, de 28 de abril, sobre avaliación dos efectos de determinados plans e programas no ambiente, cando poidan afectar o hábitat da subespecie lusitánica da escribenta das canaveiras, deberán avaliar os seus efectos sobre o mesmo e sobre a posible recuperación da súa poboación.

Artigo 10. Normas específicas para a área de presenza

Requirirán informe favorable da dirección xeral competente en materia de conservación da natureza, previa á concesión da autorización ou aprobación, de ser necesario, polo órgano competente, as seguintes actividades que poidan afectar a área de presenza da subespecie:

a) O novo trazado ou modificación de estradas, pistas, camiños ou similares.

b) Os instrumentos de planificación urbanística e territorial así como calquera modificación destes con efectos ambientais.

c) A construción de infraestruturas.

d) As actividades deportivas e recreativas de motor.

e) Repoboacións forestais.

Artigo 11. Normas específicas para a área prioritaria de conservación

Requirirán da autorización da dirección xeral competente en materia de conservación da natureza as seguintes actividades que poidan afectar a área prioritaria de conservación da subespecie:

a) A corta de formacións de vexetación palustre.

b) O aproveitamento gandeiro de formacións de vexetación palustre.

Artigo 12. Programa de actuacións para a recuperación da especie

Para a consecución dos obxectivos enumerados no número 2 do artigo 3 do presente decreto, establécese o programa de actuacións que figura no anexo III. A cada medida e actuación proposta asígnaselle un nivel de prioridade e un prazo de execución segundo o calendario que se indica no anexo IV. A realización das ditas medidas corresponderá á consellería competente en materia de conservación da natureza, dentro do seu ámbito de competencias.

Disposición adicional

Para o adecuado desenvolvemento das actuacións previstas no plan, así como para a consecución da súa finalidade global, a Xunta de Galicia garantirá a dotación dos medios humanos e materiais suficientes, así como dos créditos necesarios no orzamento anual da consellería competente en materia de conservación da natureza, sen prexuízo da colaboración doutras entidades públicas e/ou privadas que poidan amosar un interese lexítimo e prioritario na conservación da especie.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas as disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao disposto neste decreto.

Disposición derradeira primeira. Facultade de desenvolvemento

Facúltase a persoa titular da consellería competente en materia de conservación da natureza para ditar cantas disposicións sexan precisas para o desenvolvemento e aplicación do presente decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dez de maio de dous mil trece

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ANEXO I

Inventario

I Antecedentes e estado natural da especie

A subespecie lusitánica da escribenta das canaveiras (Emberiza schoeniclus subsp. lusitanica Steinbacher), residente en Galicia, está incluída no orde Passeriformes, familia Emberizidae. Estreitamente ligada a humidais costeiros, con importantes representacións de vexetación palustre de gran porte (cana, xunco e espadana) onde ocupa as zonas da beira, tanto na Comunidade Autónoma como en boa parte da súa área de distribución. O rango de distribución mundial da especie nominal estímase en 10.000.000 km2, e abrangue máis de 70 países da rexión paleártica e Estados Unidos. En Europa atópase presente como especie reprodutora, cunha poboación de máis de 4.800.000 parellas en case todos os países, (ausente de Islandia e de boa parte da área mediterránea), no obstante en descenso (12-20 %) desde 2000.

Na Península Ibérica, atópanse presentes dúas subespecies, a E. s. witherbyi (254-360 parellas) no val do Ebro, a Comunidade Valenciana, a maior parte de Castela-A Mancha, Mallorca e Menorca; mentres que E. s. lusitanica (65-71 parellas) reprodúcese ao longo da vertente cantábrica, da Galicia atlántica e do litoral portugués ao norte do río Texo, onde constitúe unha única unidade de conservación. Ambas as subespecies sufriron severos declives dos seus efectivos, superiores ao 70 % na década de 1995-2005 para E. s. witherbyi. No caso de E. s. lusitanica o descenso foi tamén moi notorio no sector cantábrico da súa área de distribución.

En Galicia realizouse unha diagnose de detalle do estado de conservación da subespecie E. s. lusitanica na proposta técnica deste plan, onde se recolle que os censos da poboación se concentran en 12 humidais costeiros das provincias da Coruña e Pontevedra. No ano 2007 contabilizáronse un mínimo de 56 machos no noso territorio. Comparando os datos de poboación existentes dunha selección dos citados humidais (1990-2001) existe un descenso da poboación que vai do 23-100 % ata o 2005, e menos notorio en anos posteriores. O declive poboacional estimado da subespecie e o reducido tamaño da poboación actual determinan que se considere a este taxon en perigo de extinción.

Entre os impactos causantes do declive da escribenta das canaveiras está unha elevada taxa de predación nos niños favorecida pola fragmentación do seu hábitat, xa que a probabilidade de depredación descende co incremento da cobertura da vexetación. Outros posibles impactos directos de menor transcendencia son as molestias en época de reprodución (abril-xuño), os cambios no nivel das augas (asociados aos efectos do cambio climático) e os factores intrínsecos asociados ao pequeno tamaño da poboación.

Canto ás principais ameazas para o hábitat, son todas as que inclúan a súa destrución, degradación ou fragmentación, principalmente a intensificación do traballo agrícola e os cambios na xestión dos canavais, as cortas da vexetación en épocas sensibles, a urbanización e as vías de comunicación. Outras ameazas, aínda que máis en desuso na nosa comunidade autónoma, son as accións de drenaxe de zonas húmidas e os movementos de terras.

II Estado legal da especie

A seguir recóllese a situación de protección legal da subespecie lusitánica da escribenta das canaveiras a nivel internacional, español e en Galicia. Á parte destas disposicións e da normativa vixente relativa á conservación da natureza, as medidas de xestión da especie establecidas neste decreto están condicionadas de forma substancial polo Real decreto lexislativo 1/2001, do 20 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de augas, pola Lei 22/1988, do 28 de xullo, de costas, e pola Lei 22/1973, do 21 de xullo, de minas, e os correspondentes regulamentos que as desenvolven.

Convenios internacionais

Convenio de Berna (1979) relativo á conservación da vida silvestre e do medio natural en Europa: figura no apéndice II, polo que a especie se atopa «estritamente protexida» e isto implica a previsión de protección dos seus lugares de reprodución e repouso.

Lexislación europea

Directiva 2009/147/CEE do Parlamento Europeo e do Consello, do 30 de novembro de 2009, relativa á conservación de aves silvestres: entra dentro das especies de aves referidas no seu artigo 1, o que obriga a manter ou adaptar as súas poboacións nun nivel que corresponda ás esixencias ecolóxicas, científicas e culturais, tendo en conta as exixencias económicas e recreativas, así como manter unha superficie suficiente de hábitat.

Lexislación nacional

Real decreto 139/2011, do 4 de febreiro, para o desenvolvemento da Lista de especies silvestres en réxime de protección especial e do Catálogo español de especies ameazadas: figura na Lista de especies en réxime de protección especial e no Catálogo español de especies ameazadas coa categoría de «en perigo de extinción», o que implica a realización dunha xestión activa das súas poboacións e un seguimento específico co fin de realizar unha avaliación periódica do seu estado de conservación.

Lexislación autonómica

Decreto 88/2007, do 19 de abril, polo que se regula o Catálogo galego de especies ameazadas: figura no anexo I, Taxons e poboacións catalogadas «en perigo de extinción».

ANEXO II

Cartografía

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO III

Programa de actuacións

Sección 1ª Medidas de xestión dos humidais

1.1. Caracterización de humidais que constitúen a área de distribución potencial.

Promoverase a realización dun inventario en cada un dos humidais que conforman a área de distribución potencial, así como unha caracterización deles destinada a avaliar a cobertura dos distintos medios representados (palustre, agrícola, forestal, urbanizado...) e a estrutura dos tipos de vexetación palustre existente.

1.2. Medidas de manexo do hábitat.

1. Realizaranse traballos experimentais de deseño e execución de cortas de diferentes tipos de vexetación palustre. Con esta medida preténdese introducir heteroxeneidade na estrutura do hábitat coa finalidade de incrementar o número de reprodutores na área de presenza e fomentar a colonización da área de distribución potencial. Estas cortas non poderán afectar hábitats prioritarios da Directiva 92/43/CEE e avaliarase previamente o seu posible impacto sobre outras especies de interese de conservación asociadas ao hábitat palustre.

2. A anterior medida aplicarase a escalas espaciais máis amplas, tras avaliar a resposta da subespecie a estas actuacións e realizar a identificación da problemática asociada ao deseño, manexo e execución que poidan ter.

3. Desenvolveranse unhas directrices específicas para os usos agrogandeiros que incidan na área de presenza, co finalidade de fomentar a recuperación e mantemento nun estado de conservación favorable da subespecie. Estas directrices prestarán especial atención ao aproveitamento da vexetación palustre, desenvolverán o estipulado no Plan director da Rede Natura 2000 en Galicia e unha, vez aprobadas, serán publicadas. Promoveranse acordos de custodia para a implantación destas medidas.

Sección 2ª Medidas de investigación e seguimento

2.1. Medidas para aumentar o coñecemento sobre a ecoloxía e bioloxía da subespecie en Galicia.

Realizaranse labores de investigación dirixidas a acadar melloras no proceso de xestión da poboación ameazada da escribenta das canaveiras. As liñas de investigación de interese para este obxectivo son as seguintes:

1. Determinaranse os perímetros de protección dos humidais que constitúen o hábitat potencial da subespecie. Con esta medida preténdese garantir a conservación de todos aqueles hábitats importantes para a supervivencia dos núcleos poboacionais galegos da subespecie, tanto en época de reprodución como fóra dela.

2. Estimación de parámetros demográficos. Determinar as taxas de supervivencia, o éxito reprodutor e/ou produtividade, a estimación de número de exemplares da poboación galega da subespecie. Co obxectivo de explicar o declive da poboación, identificar os posibles factores responsables do declive e dirixir as accións de conservación á súa corrección.

3. Estudo da migratoloxía e dispersión para a obtención de recuperacións de exemplares marcados. Avaliar o nivel de dispersión e o grao de comunicación dos exemplares individualizados entre as diferentes localidades galegas e portuguesas; identificar as áreas de distribución invernal.

4. Avaliación da viabilidade de diferenciación entre as subespecies lusitanica e schoeniclus baseándose en caracteres morfolóxicos e de plumaxe. Desenvolver un método robusto de diferenciación da subespecie lusitanica en épocas de coincidencia coa subespecie schoeniclus.

5. Análise da evolución histórica das características de macrohábitat das localidades ocupadas pola subespecie en época de reprodución. Coñecer a evolución dos diferentes usos e coberturas vexetais das localidades de presenza da subespecie.

6. Determinación da selección de macro e microhábitat da subespecie. Determinar o tipo de formacións vexetais que utiliza, a importancia de cada unha delas, e as súas posibles variacións espaciais e temporais. Determinar os dominios vitais da subespecie nas localidades galegas.

7. Identificación e avaliación de factores de ameaza. Explorar e avaliar en detalle todos aqueles factores que poden afectar o estado de conservación da subespecie, como, entre outros, a expansión de diferentes especies exóticas invasoras ou os efectos do cambio global.

2.2. Medidas de seguimento da subespecie e de revisión do plan.

1. Testaxe de metodoloxías de censo de efectivos reprodutores. Desenvolver unha ferramenta robusta para facer un seguimento da evolución dos efectivos da subespecie e avaliar as actuacións de manexo emprendidas.

2. Con base na metodoloxía anterior, seguimento da evolución dos efectivos da subespecie e do seu hábitat, cunha periodicidade de cada 3 anos como mínimo.

3. Establecerase un protocolo de seguimento específico que desenvolverá a gardaría e vixilantes dos servizos de Conservación da Natureza, para o seguimento do estado do hábitat, das ameazas sobre a subespecie e a detección de novas áreas de presenza.

4. Tras a execución dos traballos de determinación de parámetros demográficos, evolución histórica do hábitat e manexo exploratorio da estrutura do hábitat, e, como mínimo cada 6 anos, avaliarase en que medida se están acadando os obxectivos do plan de recuperación se é o caso, revisaranse as actuacións propostas tanto no referido ao seu alcance coma á súa intensidade.

5. A avaliación técnica da efectividade do plan realizarase tendo en consideración o seguinte sistema de indicadores:

– Número de efectivos das poboacións existentes en relación aos recollidos no documento técnico de base do plan de recuperación.

– Variación dos parámetros poboacionais e demográficos nas localidades coñecidas en relación aos existentes en poboacións cun estado de conservación favorable.

– Variación (porcentual ou en ha) da superficie da área de presenza.

– Número de novas localidades detectadas.

– Valoración da calidade do hábitat na área de presenza da especie.

– Número de especies exóticas invasoras con impacto coñecido sobre as poboacións da especie.

– Número de informes de seguimento da especie e de indicadores cubertos.

– Número de documentos sobre a especie aplicables a Galicia no fondo documental.

– Número de actividades de divulgación desenvolvidas e noticias nos medios de comunicación sobre a especie.

Sección 3ª Medidas de información, educación ambiental e participación social

3.1. Fondo documental.

1. A dirección xeral competente en conservación da natureza manterá un fondo documental coa información dispoñible de utilidade para a xestión desta subespecie.

2. Subministrarase ás persoas peticionarias de información unha listaxe de todos os recursos documentais para facilitar o coñecemento da información dispoñible e do seu acceso. Considerarase información técnica sensible con carácter restrinxido a relativa á localización precisa dos puntos de nidificación.

3.2. Medidas de información.

Difundirase a outros departamentos da Administración cuxas decisións poden afectar o estado de conservación da subespecie e do seu hábitat o plan de recuperación e as medidas de actuación para promover a sensibilización sobre esta subespecie e dar a coñecer e coordinar as accións de recuperación.

Para estes efectos estableceranse vínculos estables de colaboración para a mellora do hábitat e recuperación da subespecie cos concellos onde se sitúan as zonas de presenza, os organismos de bacía, as direccións xerais competentes en sustentabilidade da costa e avaliación ambiental, e coa Administración portuguesa responsable da xestión da subespecie.

3.3. Educación ambiental e participación social.

1. Fomentarase a participación pública nas principais accións de recuperación que afecten as diferentes actividades tradicionais desenvolvidas nas localidades de presenza.

2. Impartiranse charlas de divulgación e interpretación ambiental, dirixidas á poboación escolar e ao público en xeral, das localidades da contorna dos humidais con presenza da subespecie.

3. Crearanse soportes informativos sobre a escribenta das canaveiras, os problemas asociados á súa conservación e ás accións previstas polo plan de recuperación.

4. Manterase información actualizada do desenvolvemento deste plan de recuperación na páxina web da Xunta de Galicia.

ANEXO IV

Calendario de actuacións

A título orientador e de acordo cos fondos dispoñibles, o programa de actuacións desenvolverase, de acordo cos seguintes prazos e prioridades.

Actuación

Prazos*

Prioridade

Curto

Medio

Longo

1.1

Caracterización de humidais que constitúen a área de distribución potencial.

X

Media

1.2

Traballos experimentais de deseño e execución de cortas de diferentes tipos de vexetación palustre.

X

Alta

Aplicación a escalas espaciais máis amplas das cortas.

X

Alta

Directrices para usos agrogandeiros que incidan na área de presenza.

X

X

Alta

2.1

Determinación dos perímetros de protección dos humidais que constitúen o hábitat potencial.

X

Media

Estimación de parámetros demográficos, migratoloxía e dispersión.

X

Alta

Avaliación da viabilidade de diferenciación entre as subespecies.

X

Alta

Evolución histórica das características de macrohábitat.

X

Alta

Determinación da selección de macro e microhábitat

X

X

Alta

Identificación e avaliación de factores de ameaza.

X

X

Alta

2.2

Testaxe de metodoloxías de censo de efectivos reprodutores.

X

Alta

Seguimento da evolución dos efectivos e parámetros poboacionais.

X

X

X

Alta

Protocolo de seguimento específico que desenvolverá a gardaría e vixilantes.

X

X

X

Alta

3.1

Fondo documental.

X

X

X

Alta

3.2

Medidas de información.

X

Alta

3.3

Participación pública, información na páxina web da Xunta de Galicia.

X

X

X

Media

Soportes informativos sobre a subespecie.

X

Media

Charlas de divulgación e interpretación ambiental.

X

Media

* Curto, 3 primeiros anos; medio, ata 6 anos; longo, máis de 6 anos.