Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 103 Venres, 31 de maio de 2013 Páx. 19483

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 16 de maio de 2013 pola que se determinan como colectivo de atención preferente con axudas excepcionais as persoas afectadas por execucións hipotecarias no marco do Programa Aluga.

No actual contexto económico, as excepcionais circunstancias en que se poden atopar moitas familias afectadas por desafiuzamentos da súa vivenda habitual por impagamentos de créditos hipotecarios aconsellan a adopción de medidas co fin de facilitarlles o acceso a unha vivenda en réxime de alugamento. Nesta actuación, é obrigado reforzar a súa prioridade nas axudas ao alugamento de vivendas de titularidade privada, na actualidade desenvolvidas polo Decreto 84/2010, do 27 de maio, polo que se regula o Programa Aluga, para o fomento do alugamento de vivendas na Comunidade Autónoma de Galicia.

Así, nesta orde, determínanse as persoas afectadas por execucións hipotecarias como colectivo de atención preferente coa consideración de colectivo prioritario e, no caso de ter ingresos anuais ponderados inferiores a 0,7 veces o indicador público da renda de efectos múltiples (IPREM), como colectivo cualificado para a adxudicación de vivendas incorporadas ao Programa Aluga. E, pola súa vez, en atención á actual situación socioeconómica que afecta de maneira singular estas familias, modifícanse os límites e as porcentaxes para a determinación da contía da axuda ás persoas inquilinas, que para o colectivo de persoas afectadas por execucións hipotecarias pode acadar ata o 100 % do prezo anual do alugamento se teñen ingresos anuais ponderados inferiores a 1 vez o IPREM.

Na súa virtude, de acordo coas competencias atribuídas á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas polo Decreto 316/2009, do 4 de xuño, polo que se establece a súa estrutura orgánica, e segundo o previsto nos artigos 21.h) e 44.3 do Decreto 84/2010, do 27 de maio, polo que se regula o Programa Aluga, para o fomento do alugamento de vivendas na Comunidade Autónoma de Galicia, e en uso das facultades atribuídas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Colectivo de atención preferente e cualificado: persoas afectadas por execucións hipotecarias

1. Determínanse como colectivo de atención preferente, no marco do Programa Aluga, as persoas que se visen privadas da súa vivenda habitual como consecuencia de procedementos xudiciais ou extraxudiciais de execucións hipotecarias, coa consideración de colectivo prioritario ou de colectivo cualificado para o caso de ingresos anuais ponderados inferiores a 0,7 veces o IPREM, segundo o establecido nos artigos 21 e 22 do Decreto 84/2010, do 27 de maio, polo que se regula o Programa Aluga, para o fomento do alugamento de vivendas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Para xustificar a pertenza ao dito colectivo deberá achegarse a documentación acreditativa de que a vivenda habitual foi obxecto de proceso xudicial ou extraxudicial de execución hipotecaria.

2. En virtude do establecido no artigo 32 do Decreto 84/2010, do 27 de maio, procederá a adxudicación directa de vivendas incorporadas ao Programa Aluga para satisfacer as necesidades de vivenda do colectivo sinalado no número anterior deste artigo.

Artigo 2. Determinación da contía da axuda ás persoas inquilinas afectadas por execucións hipotecarias

A contía da axuda ás persoas inquilinas calcúlase en función do establecido no artigo 44 do Decreto 84/2010, do 27 de maio.

Cando se trate de unidades familiares ou de convivencia pertencentes ao colectivo definido no artigo 1 desta orde con ingresos anuais ponderados que no excedan 2,5 veces o IPREM, non lles será de aplicación o límite establecido no artigo 44.1 do dito decreto, relativo á parte da renda do alugamento que deben asumir as persoas inquilinas. As porcentaxes que se aplicarán sobre o prezo anual da renda para a determinación da contía máxima da subvención neste suposto, segundo os tramos de ingresos, son as seguintes:

Inferiores a 1 vez o IPREM: 100 % da renda anual do alugamento.

Entre 1 e menos de 2 veces o IPREM: 70 % da renda anual do alugamento.

Entre 2 e ata 2,5 veces o IPREM: 60 % da renda anual do alugamento.

Disposición derradeira

Esta orde producirá efecto o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de maio de 2013

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas