Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 104 Luns, 3 de xuño de 2013 Páx. 19995

III. Outras disposicións

Instituto Galego da Vivenda e Solo

RESOLUCIÓN do 8 de maio de 2013, da Presidencia do Instituto Galego da Vivenda e Solo, pola que se convocan as subvencións a fondo perdido para o remate de fachadas e cubertas, rehabilitación e reconstrución de edificios e vivendas no ámbito rural, histórico e dos camiños de Santiago.

O Decreto 44/2011, do 10 de marzo, establece os requisitos, procedementos e incentivos para o remate de fachadas e cubertas, rehabilitación e reconstrución de edificios e vivendas no ámbito rural, histórico e dos camiños de Santiago.

No citado decreto determínase, ademais, que as subvencións recollidas nel se regularán por resolucións anuais de convocatoria da Presidencia do IGVS.

As actuacións subvencionadas teñen a finalidade de fomentar a recuperación do patrimonio arquitectónico e tradicional, o seu contorno e potenciar a posta en valor de inmobles para seren utilizados como vivenda habitual e permanente do propietario ou dos inquilinos, no caso de que a rehabilitación se faga nunha vivenda destinada a aluguer.

Pola presente resolución convócanse as subvencións para o exercicio económico 2013, establécese o prazo de presentación de solicitudes de subvencións, indícase o seu importe máximo e a partida orzamentaria en que figuran os créditos que a amparan.

En virtude do exposto anteriormente, e en uso das facultades que teño atribuídas polo Decreto 317/2009, do 4 de xuño, e de acordo coa Lei 9/2007, de subvencións de Galicia:

DISPOÑO:

Base 1ª. Obxecto

1. A presente resolución ten por obxecto abrir a convocatoria no exercicio económico de 2013, nun procedemento de concorrencia non competitiva, das subvencións a fondo perdido para as persoas promotoras de actuacións de remate de fachadas e cubertas, rehabilitación e reconstrución de edificios e vivendas no ámbito rural, histórico e dos camiños de Santiago.

2. As bases reguladoras destas subvencións aprobáronse no Decreto 44/2011, do 10 de marzo, polo que se regulan as axudas autonómicas para o remate de fachadas e cubertas, rehabilitación e reconstrución de edificios e vivendas no ámbito rural, histórico e dos camiños de Santiago.

Base 2ª. Actuacións subvencionables

De acordo co artigo 25 do Decreto 44/2011, do 10 de marzo, serán subvencionables aquelas actuacións para o remate de fachadas e cubertas, rehabilitación e reconstrución de edificios e vivendas no ámbito rural, histórico e dos camiños de Santiago que estean realizadas e conten coa resolución de cualificación definitiva.

Base 3ª. Persoas beneficiarias

1. De acordo co establecido no artigo 26 do Decreto 44/2011, do 10 de marzo, poderán ser beneficiarias das subvencións as persoas físicas promotoras das actuacións que cumpran os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia e, ademais, teñan unha resolución de cualificación definitiva con data anterior ao 18 de abril de 2012 (non incluída) para as actuacións no medio rural e con data anterior ao 25 de abril de 2012 (non incluída) nas actuacións en conxuntos históricos e camiños de Santiago. Así mesmo, deberán destinar a vivenda a domicilio habitual e permanente seu ou da persoa inquilina, no caso de rehabilitación para aluguer, e cumprir os requisitos establecidos na presente convocatoria.

2. Poderán presentarse a esta convocatoria de subvencións, de acordo co establecido na disposición transitoria 4, e no artigo 36 do Decreto 44/2011, do 10 de marzo , as persoas que, estando en posesión da cédula de rehabilitación de calidade, non tivesen presentado previamente a solicitude de subvención, ou que téndoa presentado, rematasen o seu procedemento sen obter subvención por esgotamento do crédito establecido na convocatoria.

3. Tamén poderán presentarse aquelas persoas con solicitudes xa presentadas que non puidesen obter a subvención por non cumpriren o requisito do prazo temporal establecido na convocatoria anterior, figurando na resolución de conformidade unha data de finalización das obras posterior ao 31 de decembro de 2010.

4. No suposto de actuacións promovidas polas comunidades de propietarios, poderán ser persoas beneficiarias as titulares do inmoble ou dun dereito real que permita acometer as ditas actuacións, en función da súa porcentaxe de participación no orzamento protexible das obras.

Base 4ª. Importes máximos das subvencións

1. De acordo co establecido no artigo 27 do Decreto 44/2011, do 10 de marzo, subvenciónanse as actuacións cualificadas definitivamente, nunha contía equivalente ao 50 % do orzamento que figure na resolución de cualificación definitiva, sen que en ningún caso esta subvención poida superar a cantidade máxima de 6.600 euros no caso das modalidades de remate de fachada e rehabilitación, e a cantidade máxima de 8.600 euros na modalidade de reconstrución de edificios e vivendas.

2. En todo caso, o importe da subvención non poderá superar o importe do gasto subvencionable, de acordo co establecido como gasto subvencionable no artigo 3.g) do Decreto 44/2011, do 10 de marzo.

3. No suposto de actuacións promovidas polas comunidades de propietarios, a subvención máxima prevista no número anterior calcularase para cada vivenda en función da súa porcentaxe de participación no orzamento protexible das obras, sempre que se cumpran os demais requisitos previstos neste decreto. No suposto de que simultaneamente coas obras de elementos comúns se realicen actuacións protexibles nas vivendas do edificio, a subvención total que lle correspondería a cada vivenda non poderá exceder as contías establecidas no número anterior.

Base 5ª. Xustificación do gasto subvencionable

1. Para a xustificación do gasto subvencionable observarase o disposto no artigo 31 do Decreto 44/2011, do 10 de marzo.

2. A obtención da cualificación definitiva substitúe a documentación que regula o artigo 48.1 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para a conta xustificativa.

3. A persoa beneficiaria deberá achegar a seguinte documentación establecida para a memoria económica no artigo 48.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia:

a) Relación clasificada de gastos e investimentos da actividade, con identificación do acredor e do documento, o seu importe, a data de emisión e, se é o caso, a data de pagamento. No caso de que a subvención se outorgue segundo un orzamento, indicaranse as desviacións producidas.

b) As facturas, ou documento de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa, incorporadas na relación a que se fai referencia no parágrafo anterior e a documentación acreditativa do pagamento.

c) Os documentos acreditativos dos gastos realizados con medios ou recursos propios e a indicación, se é o caso, dos criterios de repartición dos custos xerais e/ou indirectos incorporados na relación a que se fai referencia na alínea a).

d) Relación detallada doutros ingresos ou subvencións que financiasen a actividade subvencionada, con indicación do importe e procedencia.

4. De acordo co establecido nos artigos 3.g) e 31 do Decreto 44/2011, do 10 de marzo, o gasto subvencionable deberá estar efectivamente pagado e xustificado.

Base 6ª. Compatibilidade

De acordo co establecido no artigo 36 do Decreto 44/2011, do 10 de marzo, preséntase o seguinte réxime de compatibilidades:

1. As subvencións establecidas nesta convocatoria son compatibles coas axudas establecidas en materia de rehabilitación na normativa estatal e autonómica, excepto no previsto no punto 3 deste artigo.

2. En ningún caso o importe total das subvencións concorrentes para as mesmas actuacións con cargo aos orzamentos do Instituto Galego da Vivenda e Solo poderá ser superior ao custo da actividade subvencionada.

3. Non poderán concederse axudas para aquelas vivendas que, ao abeiro de calquera norma autonómica reguladora de axudas para actuacións de rehabilitación, reconstrución ou renovación, ou ao abeiro da normativa estatal dos plans de vivenda, as teñan solicitado nos catro anos inmediatamente anteriores ao da presentación da solicitude de subvención, coa excepción daqueles casos en que as solicitudes rematasen o seu procedemento sen teren obtido subvención por esgotamento do crédito establecido na convocatoria.

Base 7ª. Solicitudes

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no art. 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria.

A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

2. Para acreditar a identidade da persoa solicitante deberá asinar a autorización ao Instituto Galego da Vivenda e Solo para a consulta dos datos de identidade (DNI) no Sistema de Verificación de Datos de Identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas, de conformidade co artigo 2 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, e a Orde da Consellería da Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 7 de xullo de 2009, que o desenvolve. No caso de non facelo, deberá xuntar a fotocopia compulsada do DNI.

3. As persoas membros da unidade familiar deberán acreditar que se atopan ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e que non teñen pendente ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma. Consonte o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, a solicitude de subvencións comportará a autorización para que o Instituto Galego da Vivenda e Solo obteña de forma directa a acreditación do cumprimento das súas obrigas tributarias co Estado, coa Comunidade Autónoma e coa Seguridade Social, a través de certificados telemáticos. Non obstante, a persoa solicitante poderá denegar expresamente o consentimento, e debe presentar entón as ditas certificacións.

4. Estas solicitudes deberán ir xunto coa seguinte documentación:

a) Acreditación da xustificación do pagamento, conforme o establecido no artigo 48.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, de subvencións de Galicia, e na base 5ª desta resolución. Cubrirase o anexo II e xuntarase a documentación xustificativa. No caso de promocións por parte dunha comunidade de propietarios, a citada xustificación poderá realizarse unha única vez para toda a promoción.

b) Xunto coa solicitude presentarase unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades (anexo III). Sen prexuízo do anterior, as persoas beneficiarias deberán comunicar ao órgano concedente, no momento en que se coñeza ou, en calquera caso, antes do pagamento, a modificación das circunstancias contidas na anterior declaración, ou calquera outra circunstancia que fundamente a concesión da subvención, de acordo co previsto no artigo 11 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

c) Declaración responsable sobre a veracidade dos datos consignados na solicitude relativos á conta bancaria en que desexe que se realice o pagamento.

d) Acreditación do uso da vivenda, de acordo co artigo 6 do Decreto 44/2011, do 10 de marzo:

Para o caso de uso propio: autorización ao Instituto Galego da Vivenda e Solo para a consulta ao servizo de verificación de datos de residencia ou, no caso de non facelo, presentación do certificado de empadroamento.

Para o caso de aluguer: presentación do contrato de aluguer, por un período mínimo de cinco anos, con depósito de fianza.

No suposto de persoas galegas residentes no exterior da Comunidade Autónoma haberá que acreditar o cumprimento do requisito mínimo de residencia, polo menos 15 días ao ano na vivenda, establecido no artigo 6.4 do Decreto 44/2011. Para o cumprimento deste requisito achegarase unha declaración responsable acompañada de documentación xustificativa tal como copia dos consumos de auga, luz ou calquera outra documentación que poida acreditar esta circunstancia.

5. Para o caso de solicitudes de subvención correspondentes a actuacións en ámbito rural que contan con cédula de rehabilitación de calidade, de acordo co establecido na base 3ª.2 desta resolución, deberán acreditar o cumprimento do límite de ingresos familiares establecidos no artigo 13.1 do Decreto 44/2011, do 10 de marzo, presentando a seguinte documentación:

– Declaración responsable da composición da unidade familiar e autorización ao Instituto Galego da Vivenda e Solo para solicitar por vía telemática as acreditacións relativas a ingresos e débedas (anexo IV). En caso de non autorizar, presentarase as fotocopias compulsadas da declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas correspondente ao exercicio inmediatamente anterior á data de solicitude e certificado das rendas expedido nos termos do Real decreto 3/2004, do 5 de marzo, pola Axencia Estatal Tributaria, correspondentes ao conxunto dos membros da unidade familiar.

– No caso de non estar obrigado a presentar a declaración do IRPF:

Se ten presentado o modelo de solicitude de devolución 104-105, copia da notificación-liquidación emitida pola Axencia Estatal da Administración Tributaria. Para os que non presentasen o citado modelo de devolución, declaración responsable de todos os ingresos obtidos, xuntando, ademais, os seguintes documentos: declaración das circunstancias familiares, certificado de retribucións e retencións da empresa ou empresas en que estivese de alta no devandito exercicio e, se é o caso, certificado de pensións, ou prestacións periódicas, certificado do INEM, e certificados das entidades bancarias de rendementos do capital mobiliario.

– No suposto de persoas galegas residentes no exterior da Comunidade Autónoma, a xustificación dos ingresos familiares efectuarase mediante copia da declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas presentada en España ou da similar presentada no país onde presten os seus servizos, autenticada, se é o caso, pola agregadoría laboral correspondente ou delegación consular de España.

6. Para o caso de solicitudes de subvención correspondente a actuacións con destino a aluguer deberán acreditar o cumprimento do límite de ingresos familiares establecidos no artigo 13.2 do Decreto 44/2011, do 10 de marzo, de maneira similar ao punto anterior. Neste caso cubrirase o anexo V.

Base 8ª. Prazo de presentación de solicitudes

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta disposición.

Base 9ª. Órganos competentes para a instrución e resolución do procedemento

De acordo co establecido no artigo 28 do Decreto 44/2011, do 10 de marzo, a instrución do procedemento corresponde á xefatura territorial da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas que corresponda por razón da situación da vivenda, e é competente para resolver o director xeral do IGVS.

Base 10ª. Resolución

1. A resolución do director xeral do IGVS é susceptible de recurso de alzada ante o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación.

2. O prazo para resolver fíxase en cinco meses, contados desde a data en que a solicitude tivese entrada no rexistro do órgano competente para resolver. Vencido o prazo máximo establecido sen que se ditase e notificase a resolución, os interesados poderán entender desestimadas as súas pretensións por silencio administrativo, de acordo co establecido no artigo 29 do Decreto 44/2011, do 10 de marzo.

Base 11ª. Causas de denegación

1. Será motivo de denegación da subvención non cumprir algún dos requisitos exixidos na normativa que rexe estas subvencións.

2. Así mesmo, serán obxecto de denegación as solicitudes presentadas que queden sen cobertura orzamentaria. O criterio que, de ser o caso, se utilizará para os efectos de determinar respecto a que expedientes se esgota o crédito será a orde de entrada da solicitude completa no rexistro provincial do IGVS. No caso de persistir o empate, atenderanse as solicitudes prioritariamente segundo a data de maior antigüidade da resolución de cualificación definitiva ou da cédula de rehabilitación de calidade.

3. As persoas solicitantes de subvencións, ao abeiro desta resolución, ás que lles fosen denegadas as súas solicitudes por falta de recursos dispoñibles poderán presentalas de novo na seguinte convocatoria.

Base 12ª. Pagamento da subvención

O pagamento das subvencións ás persoas beneficiarias realizarase, unha vez concedida a subvención, mediante transferencia bancaria á conta que sinalen para o efecto.

Base 13ª. Notificación da resolución

A resolución notificarase no enderezo da persoa asinante da solicitude, a non ser que esta tivese sinalado outro enderezo para a notificación, segundo o establecido no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Base 14ª. Publicidade das subvencións concedidas

1. De acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención, consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas no devandito rexistro e as posibles sancións impostas.

2. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e o artigo 15 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, o Instituto Galego da Vivenda e Solo publicará no Diario Oficial de Galicia e na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das subvencións concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación.

3. Os datos de carácter persoal relacionados coa solicitude de subvencións integraranse nun programa informático de carácter permanente á disposición do Instituto Galego da Vivenda e Solo, para os únicos efectos de tramitación da solicitude, extracción de informes estatísticos e o cumprimento das obrigas recollidas no presente artigo. A negativa a consignar calquera dos datos solicitados no impreso oficial suporá a imposibilidade de continuar coa tramitación da solicitude.

Base 15ª. Importe máximo e dotación orzamentaria

1. Subvencións para actuacións no medio rural:

Para os efectos do determinado no artigo 27 do Decreto 44/2011, do 10 de marzo, o importe máximo será de 1.800.000 euros e instrumentaranse financeiramente a través do crédito que figura consignado na aplicación 07.81.451A.780.0 do orzamento de gastos do Instituto Galego de Vivenda e Solo para o ano 2013.

2. Subvencións en conxuntos históricos e camiños de Santiago.

Familias e institucións sen fin de lucro.

O importe máximo será de 1.400.000 euros, na aplicación 07.81.451A.780.2 do orzamento de gastos do Instituto Galego de Vivenda e Solo para o ano 2013.

Base 16ª. Ampliación

As contías establecidas na base 15ª da presente resolución poderán ser obxecto de ampliación por resolución do director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo e terán efecto logo da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de conformidade co establecido no artigo 30 do Decreto 11/2009, polo que se aproba o regulamento de subvencións de Galicia.

Esta resolución producirá efectos o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de maio de 2013

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Presidente do Instituto Galego da Vivenda e Solo

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file