Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 105 Martes, 4 de xuño de 2013 Páx. 20188

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 24 de maio de 2013 pola que se crea a Oficina de Rexistro da Axencia Tributaria de Galicia e se aproba o cambio de denominación dos rexistros existentes nas delegacións da Axencia Tributaria de Galicia nas cidades da Coruña e Ourense.

O Decreto 202/2012, do 18 de outubro, polo que se crea a Axencia Tributaria de Galicia e se aproba o seu estatuto, dispón no seu artigo 1.1 que a Axencia Tributaria de Galicia é unha axencia pública autonómica das previstas e reguladas na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

O Decreto 191/2011, do 22 de setembro, de organización e funcionamento dos rexistros da Administración xeral e das entidades públicas instrumentais da Comunidade Autónoma de Galicia, dispón no seu artigo 8.2 que a creación, modificación ou supresión das oficinas de rexistro auxiliares se fará mediante orde da consellería competente en materia de administracións públicas por proposta da consellería ou entidade correspondente logo de informe da Oficina de Rexistro Xeral.

Tendo en conta a anterior situación e co fin de facilitar o acceso dos cidadáns aos arquivos e rexistros públicos tal e como dispón o artigo 37 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e como consecuencia da creación da Axencia Tributaria de Galicia, resulta preciso proceder á creación dunha oficina de rexistro propia nos servizos centrais da Axencia Tributaria de Galicia e a modificar a denominación dos rexistros existentes na antiga Xefatura Territorial da Consellería de Facenda da Coruña e da Xefatura Territorial da Consellería de Facenda de Ourense.

Polo exposto, e en uso das facultades que me confiren os artigos 34.6 e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1

Créase a Oficina de Rexistro da Axencia Tributaria de Galicia, sita na rúa Pastoriza nº 8, 15871 de Santiago de Compostela.

Artigo 2

Modifícase a denominación dos seguintes rexistros:

O Rexistro da antiga Xefatura Territorial da Consellería de Facenda da Coruña, que pasa a denominarse Rexistro da Delegación da Axencia Tributaria de Galicia na Coruña, sito na praza de Pontevedra nº 22.

O Rexistro da antiga Xefatura Territorial da Consellería de Facenda de Ourense, que pasa a denominarse Rexistro da Delegación da Axencia Tributaria de Galicia en Ourense, sito na rúa Xoán XXIII, nº 33.

Disposición derradeira primeira

O establecido nesta orde non suporá incremento de gasto.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de maio de 2013

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza