Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 107 Xoves, 6 de xuño de 2013 Páx. 20669

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

DECRETO 81/2013, do 23 de maio, polo que se declara en concreto a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de construción de ampliación de estrutura e beirarrúa no p.q. 0+160 da PO-250 Redondela (clave PO/08/079.06).

Con data do 8 de outubro de 2012 a directora da Axencia Galega de Infraestruturas resolveu aprobar o proxecto de construción de ampliación de estrutura e beirarrúa no p.q. 0+160 da PO-250 Redondela (clave PO/08/079.06).

O mencionado proxecto ten por obxecto a ampliación da estrutura existente na estrada PO-250 sobre o río Alvedosa, de xeito que se poida dotar a calzada na zona de cruzamento dun largo axeitado, con dous carrís de 3,50 metros para a circulación de vehículos e unha beirarrúa na marxe esquerda que permita aos peóns circular pola zona e atravesar o río con garantías de seguridade.

Destácase que este treito de estrada se encontra no núcleo urbano de Redondela e a interferencia entre vehículos e peóns é constante.

Estas circunstancias obrigan a unha inmediata actuación dos poderes públicos para facer fronte aos problemas de seguridade viaria na zona da PO-250 que pasa sobre o río Alvedosa. De aí a necesidade de proceder de forma inmediata á execución do proxecto de referencia e, consecuentemente, a unha urxente ocupación dos bens e dereitos necesarios, os cales aparecen recollidos e valorados no citado proxecto.

De conformidade co artigo 16 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, a aprobación dos proxectos de estradas de titularidade autonómica implicará a declaración de utilidade pública e da necesidade de ocupación dos bens e de adquisición dos dereitos correspondentes aos fins de expropiación, de ocupación temporal ou de imposición ou modificación de servidumes.

A competencia para declarar a urxente ocupación correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia a teor do previsto no artigo segundo do Decreto 156/1982, do 15 de decembro, sobre asunción de transferencias en materia de estradas.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa xuntanza do día vinte e tres de maio de dous mil trece,

DISPOÑO:

Artigo único. Declarar a utilidade pública e a urxente ocupación, para os efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos que se concretan no expediente administrativo instruído, así como en calquera das modificacións que sexa necesario realizar para a execución do proxecto de construción de ampliación de estrutura e beirarrúa no p.q. 0+160 da PO-250 Redondela (clave PO/08/079.06).

Santiago de Compostela, vinte e tres de maio de dous mil trece

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas