Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 107 Xoves, 6 de xuño de 2013 Páx. 20689

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 28 de maio de 2013 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para o libro galego, no que se refire á tradución para outras linguas de obras publicadas orixinariamente en galego e á tradución para o galego de obras publicadas orixinariamente noutras linguas, e se procede á súa convocatoria para o ano 2013.

De acordo coas atribucións que asigna o marco competencial, correspóndelle á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria favorecer o enriquecemento cultural da sociedade galega e poñer á súa disposición materiais para o seu desenvolvemento persoal no campo da creación, do pensamento, da técnica, do lecer ou de calquera outro en que as persoas poidan expresarse, formarse ou transformar a súa percepción esencial do mundo en que habitan.

Así mesmo, é competencia desta consellería favorecer a difusión da produción intelectual e creativa de Galicia noutras culturas e, ao mesmo tempo, facilitar o acceso da cidadanía galega aos textos producidos orixinalmente noutras linguas e territorios, co fin de contribuír ao intercambio cultural e á configuración dunha sociedade plural e integradora.

Por este motivo, dentro das responsabilidades que lle competen, no uso das facultades que se lle conferiron, e de acordo co previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria establece as correspondentes liñas de subvención para a versión en galego de obras publicadas orixinariamente noutras linguas e para a versión noutras linguas de obras publicadas orixinariamente en galego, de maneira que se poidan encontrar na nosa comunidade e na nosa lingua os textos significativos producidos no exterior, ao mesmo tempo que as nosas autoras e autores conten con vías para exportar a súa produción.

No exercicio destas competencias, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria quere, con esta orde, establecer un instrumento que, conforme a normativa legal vixente, marque as pautas para unha distribución, segundo os criterios de publicidade, obxectividade e concorrencia, dos recursos destinados ao libro, axustada ao previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Na súa virtude, no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, modificada parcialmente pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO

Artigo 1. Finalidade e obxecto

1. Convócanse axudas á produción editorial para apoiar o libro galego, no que se refire á tradución para outras linguas de obras publicadas orixinariamente en galego e á tradución para o galego de obras publicadas orixinariamente noutras linguas.

2. O procedemento para a concesión das subvencións recollidas nesta orde tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, ao abeiro do disposto no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Co fin de cumprir co principio de concorrencia sinalado, as solicitudes serán examinadas por unha comisión de avaliación, que se axustará aos preceptos contidos no título II, capítulo II, da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. As axudas establecidas nesta orde para apoiar o libro galego, no que se refire á tradución para outras linguas de obras publicadas orixinariamente en galego e á tradución para o galego de obras publicadas orixinariamente noutras linguas, quedan suxeitas ao Regulamento (CE) nº 1998/2006 da Comisión, do 15 de decembro de 2006, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas de minimis (DOUE L 379/5, do 28.12.2006).

4. No desenvolvemento desta orde, observarase o disposto nas seguintes leis e disposicións:

a) Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas da Administración pública galega.

d) Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos.

E, supletoriamente:

e) Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, reguladora dos requisitos de concesión e xustificación de subvencións concedidas na Administración do Estado. Nesta lei recóllense artigos de carácter básico que resultan de aplicación á normativa desta comunidade autónoma e, consecuentemente, a esta orde de convocatoria.

f) Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

g) Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídido das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 2. Imputación orzamentaria e contía

1. As axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 09.20.432A.770.0, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2013, por un importe de 90.000,00 euros, e, con cargo aos orzamentos de 2014, a cantidade de 110.000,00 euros.

2. A contía máxima adxudicada por medio desta orde ascende a douscentos mil euros (200.000,00 euros), do seguinte modo:

a) Para a tradución desde outras linguas para o galego destínase o 60 % do orzamento total previsto, polo que se asigna unha contía de 120.000,00 euros.

b) Para a tradución desde o galego para outras linguas destínase o 40 % do orzamento total previsto, polo que se asigna unha contía de 80.000,00 euros.

c) Quedarán excluídas destas axudas aqueles proxectos que, logo de aplicado o baremo previsto nesta orde, acaden unha puntuación inferior ao 50 % do máximo total.

d) A contía fíxase en 20 euros por páxina.

e) O cómputo e a determinación da contía realizarase sobre unha páxina estándar de 30 liñas por 60 caracteres, para un total de 1.800 caracteres.

f) A axuda non pode superar en ningún caso os 6.000,00 euros.

3. Estas axudas son compatibles con outras axudas ou subvencións outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, se o importe total que perciba o beneficiario non supera a porcentaxe máxima do investimento.

4. Este importe inicial pode ser ampliado en función das dispoñibilidades orzamentarias, o que poderá dar lugar á concesión de máis subvencións, de acordo co disposto no artigo 31.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia

5. As axudas deberán cumprir as condicións de exención e os límites do artigo 2, números 2 a 5 do Regulamento (CE) nº 1998/2006. A contía total das axudas de minimis concedidas a unha empresa non poderá exceder os 200.000,00 euros nun período de tres exercicios fiscais. Este limiar aplicarase independentemente da forma da axuda ou do obxectivo perseguido. As axudas de minimis non se acumularán con ningunha axuda estatal correspondente aos mesmos gastos subvencionables se a dita acumulación dá lugar a unha intensidade de axuda superior á establecida para as circunstancias concretas de cada caso pola normativa comunitaria.

Artigo 3. Requisitos das entidades solicitantes

1. Poderán optar a estas axudas todas aquelas entidades que acrediten a súa condición de editoras, coas limitacións que establece o punto seguinte deste artigo.

2. Non poden beneficiarse das axudas recollidas nesta orde aquelas persoas xurídicas que se encontren nos supostos previstos nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Non poderán ser beneficiarias destas axudas as empresas en crise, conforme a definición prevista no artigo 1, número 7, do Regulamento (CE) nº 800/2008, do 6 de agosto, da Comisión, en relación coas pemes e conforme o disposto no número 2.1 das directrices comunitarias sobre axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas en crise (2004/C 244/02) en relación coas grandes empresas.

Artigo 4. Presentación de solicitudes, prazo e documentación

1. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

2. Presentarase unha solicitude por cada obra, preferentemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadán aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

En caso de enviarse por correo o envío deberá ser certificado co selo de Correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria.

A documentación complementaria poderá presentarse electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Ás solicitudes en soporte papel xuntarase a documentación indicada nas bases específicas para a concesión das axudas, así como a seguinte documentación xeral, que só se presentará unha vez, no caso de varias solicitudes da mesma editorial, en orixinal ou fotocopia compulsada:

a) Fotocopia do DNI, NIF, NIE ou equivalente, orixinal ou debidamente compulsado ou cotexado, só no caso de que non autorice o solicitante a súa consulta. O solicitante poderá autorizar a Secretaría Xeral de Cultura para o acceso de oficio aos datos de verificación da súa identidade, de acordo co establecido no Decreto 255/2008, do 23 de outubro. Se é unha editorial estranxeira, deberá enviar a documentación identificativa propia do seu país.

b) Acreditación da personalidade do solicitante e da súa representación, mediante fotocopia da escritura pública de constitución ou modificación, se é o caso, da sociedade, e do poder notarial correspondente, ambos os dous documentos debidamente inscritos no Rexistro Mercantil ou no rexistro que corresponda, de non ser sociedade mercantil.

c) Fotocopia do último recibo do imposto de actividades económicas, certificado de exención, no caso de proceder, ou declaración xurada de tal exención.

d) O catálogo actualizado da produción realizada pola editorial.

e) Declaración do beneficiario de non ter a condición de empresa en crise, conforme a definición prevista no artigo 1, número 7, do Regulamento (CE) nº 800/2008, do 6 de agosto, da Comisión, en relación coas pemes e conforme o disposto no número 2.1 das directrices comunitarias sobre axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas en crise (2004/C 244/02) en relación coas grandes empresas. Anexo III desta orde.

f) Declaración sobre calquera outra axuda de minimis recibida durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso (artigo 3.1 do Regulamento de minimis). Anexo IV desta orde.

g) Declaración (ademais das axudas de minimis) doutras axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución (para os mesmos gastos subvencionables), das distintas administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades. Anexo II desta orde.

3. Nas solicitudes, os interesados xuntarán os documentos e as informacións determinados na norma ou convocatoria, salvo que os documentos exixidos xa estivesen en poder de calquera órgano da Administración actuante. Neste caso, o solicitante poderá acollerse ao establecido na letra f) do artigo 35 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que se faga constar a data e o órgano ou a dependencia en que foron presentados ou, de ser o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento a que correspondan.

Nos supostos de imposibilidade material de obter o documento, o órgano competente poderá requirirlle ao solicitante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento, con anterioridade á formulación da proposta de resolución.

4. A documentación relacionada nas letras a) e b) poderá substituírse por unha declaración do presidente ou director da editorial en que se faga constar que esta documentación se encontra plenamente vixente con respecto á presentada para este mesmo fin nas convocatorias de anos anteriores. No caso de editoriais estranxeiras non procede a documentación da letra c).

5. A Secretaría Xeral de Cultura poderá pedirlles aos solicitantes que acheguen a documentación complementaria ou orixinais que considere necesarios para acreditar os datos que figuren na solicitude, incluídos albarás, facturas, certificados de tiraxe e de distribución etc.

6. Os beneficiarios das axudas terán a obriga de facilitar toda a información que lles requira a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas ou o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

7. Polo que se refire especificamente ás obras que se proxecte traducir, é preciso achegar a seguinte documentación:

a) Calendario de investimentos para desenvolver cada proxecto editorial.

b) Modelo de contrato que a editorial asinaría co tradutor da obra, conforme o establecido na Lei de propiedade intelectual, no cal debe constar o importe da tradución.

c) Un exemplar completo da obra para a que se solicite a axuda.

d) Xustificante de ter os dereitos precisos para a publicación da obra. No caso de ser de dominio público a obra, farase constar este aspecto e indicarase a data de falecemento do autor, se é o caso.

e) Memoria en que consten os premios recibidos pola obra que se vai traducir, así como os países en que se comercialice.

f) Plan de distribución previsto, baseado na realidade da editorial ou, se for o caso, con xustificación das expectativas.

g) Se o editor o considerar necesario, xustificación do impacto na imaxe de calidade da creación escrita ou gráfica galega.

h) Curriculum vitae do tradutor.

8. A documentación que se achegue coa solicitude debe vir obrigatoriamente nunha das dúas linguas oficiais de Galicia ou, noutro caso, acompañada da súa correspondente tradución, certificada polo solicitante, que será responsable da veracidade da tradución.

9. A presentación da solicitude de concesión de axuda ou subvención pola persoa ou entidade interesada comporta a autorización ao órgano instrutor –neste caso, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria– para solicitar de oficio e de forma telemática as consultas de encontrarse ao día nas obrigas fiscais e tributarias, que deben emitir a Axencia Estatal de Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia.

10. Esta consulta farase de oficio e de forma telemática. No caso de que para o órgano instrutor non fose posible a obtención desta información, poderá requirirlla directamente ao solicitante.

Artigo 5. Emenda das solicitudes

Se a documentación presentada fose incompleta ou presentase erros emendables, requirirase o solicitante para que, no prazo de 10 días hábiles, rectifique a falta ou achegue os documentos preceptivos, coa advertencia de que, de non o facer, se terá por desistido da súa solicitude, segundo o disposto no artigo 20.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, logo de que se dite a oportuna resolución ao abeiro do artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 6. Instrución do procedemento e selección das solicitudes

1. Correspóndelle á Secretaría Xeral de Cultura a instrución do procedemento de concesión de subvencións, que desenvolverá de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos que deba formularse a proposta de resolución.

2. A comisión avaliadora a que fai referencia o punto 2 do artigo 1 estará constituída polos seguintes membros:

– Presidente: o subdirector xeral de Bibliotecas.

– Vogais: a xefa do Servizo de Bibliotecas e a xefa do Servizo do Libro e Publicacións.

– Un funcionario, designado polo secretario xeral de Cultura, que actuará como secretario.

En caso de ausencia dalgún dos membros integrantes da comisión, poderá ser substituído por outra persoa que, para o efecto, designe o secretario xeral de Cultura.

3. Esta comisión valorará os expedientes conforme os seguintes criterios, por orde decrecente de prioridade e coas puntuacións máximas que figuran na relación:

a) Interese xeral da obra, tendo en conta as celebracións culturais recoñecidas oficialmente que se conmemoren en 2013 e 2014: ata 15 puntos.

b) Repercusión pública e difusión da obra no mercado editorial, tendo en conta o número de edicións na lingua orixinal da obra: ata 10 puntos.

c) Para as obras publicadas orixinariamente en galego e que se proxecte verter a outras linguas:

c.1) Formación de coleccións, acreditada mediante o plan editorial: ata 10 puntos.

c.2) Proxección internacional da tradución tendo en conta os premios recibidos pola obra e os países en que se comercialice: ata 10 puntos.

d) Curriculum vitae do/a tradutor/a: ata 6 puntos.

e) Plan de distribución previsto, baseado na realidade da editorial ou, se for o caso, con xustificación das expectativas: ata 6 puntos.

Realizada a avaliación, a comisión redactará un informe co resultado desta que será elevado ao órgano instrutor. Este elevará o dito informe xunto coa proposta de resolución ao conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

No suposto de que algunha entidade non acepte a axuda ou renuncie a ela, o órgano instrutor poderá formular proposta de resolución complementaria, adxudicando o importe dispoñible ás solicitudes valoradas pola comisión e que non alcanzasen axuda por límites orzamentarios, de acordo coa orde de puntuación establecida.

Artigo 7. Resolución

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no prazo de 15 días desde a elevación da proposta de resolución, ditará a resolución de concesión de acordo co disposto no artigo 34 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Deberá comunicarse por escrito ao beneficiario o importe da axuda (en equivalente bruto de subvención) e o seu carácter de axuda de minimis exenta en aplicación do Regulamento (CE) nº 1998/2006 da Comisión, do 15 de decembro de 2006, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas de minimis (DOUE L 379/5, do 28.12.2006).

Artigo 8. Notificación e desestimación

O prazo máximo para ditar e notificarlles aos interesados a resolución expresa non poderá superar os seis meses, segundo establece o artigo 23.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O prazo computarase a partir do día da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

O vencemento do prazo máximo sen que se notifique a resolución expresa faculta o interesado para entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo.

Artigo 9. Aceptación, xustificación e pagamento

1. Notificada a resolución definitiva polo órgano competente, os interesados propostos como beneficiarios dispoñerán dun prazo de 10 días para a súa aceptación. Transcorrido este sen que se producise manifestación expresa, entenderase como tacitamente aceptada, agás que no mesmo prazo se comunique de xeito formal e expreso a renuncia á subvención concedida, debidamente asinada polo representante do beneficiario.

2. A contía correspondente á primeira anualidade (45 % do orzamento total) librarase antes do 15 de novembro de 2013, tras a aceptación da axuda por parte do beneficiario e da entrega dunha fotocopia compulsada do contrato asinado co tradutor, que terá data posterior á publicación desta orde no DOG. Para o pagamento da segunda anualidade (55 % do orzamento total) debe presentarse, antes do 15 de novembro de 2014, a factura xunto co xustificante do pagamento realizado ao tradutor, así como cinco exemplares da tradución editada.

No caso de que a editorial conte cun equipo propio de tradución, acreditará que a persoa responsable da tradución está incluída no seu cadro de persoal, nunha categoría que a habilite para o exercicio de tal labor.

3. Considéranse documentos xustificativos do pagamento das facturas os seguintes:

– Xustificante bancario do pagamento polo beneficiario (transferencia bancaria, xustificante bancario de ingreso en efectivo polo portelo, certificación bancaria), en que conste o número da factura obxecto do pagamento.

– Identificación da persoa que realiza o pagamento, que deberá coincidir co beneficiario da axuda.

– Identificación do destinatario do pagamento, que deberá coincidir coa persoa, empresa e entidade que emitiu a factura.

4. Con carácter excepcional, admitiranse pagamentos en metálico cando o seu importe, individual ou en conxunto por provedor, non supere os 1.000 euros. Neste caso, o pagamento xustificarase mediante a factura asinada e selada polo provedor en que figure a expresión «recibín en metálico».

5. Transcorrido o prazo establecido de xustificación sen que se efectúe ante o órgano administrativo competente, este requirirá o beneficiario para que a presente no prazo improrrogable de dez días. A falta de presentación da xustificación no prazo establecido comportará a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención, a exixencia do reintegro e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, segundo o disposto no artigo 45.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da citada lei.

A Secretaría Xeral de Cultura poderá requirir, en todo momento, calquera documentación que considere oportuna para a xustificación da axuda.

Cando as actividades fosen financiadas, ademais de coa subvención, con fondos propios ou outras subvencións ou recursos, deberá acreditarse na xustificación o importe, procedencia e aplicación de tales fondos ás actividades subvencionadas, segundo recolle o artigo 28.6 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 10. Obrigas dos beneficiarios

1. Os beneficiarios desta axuda quedan suxeitos ás obrigas recollidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Os beneficiarios da subvención farán constar en toda a comunicación e publicidade xerada o seguinte texto: «Esta obra recibiu unha axuda da Secretaría Xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia na convocatoria de axudas para a tradución do ano 2013», e cumprirán, así mesmo, coa normativa vixente exixida para o depósito legal.

3. No momento da xustificación da execución total do proxecto e, en calquera caso, antes do último pagamento, o peticionario deberá presentar unha declaración complementaria das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes, ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

4. Os beneficiarios desta axuda deberán presentar a documentación xustificativa de que a obra subvencionada foi editada, onde conste expresamente o número de exemplares editados. O órgano instrutor poderá comprobar, a través das canles habituais de distribución, que as obras se encontren realmente integradas no mercado editorial galego ou nos ámbitos para os que estiver destinado o proxecto subvencionado, e requirir, de ser o caso, a xustificación acreditativa deste aspecto.

Artigo 11. Reintegro da axuda e procedemento sancionador

1. Procederá o reintegro, total ou parcial, das subvencións e axudas públicas percibidas cando concorra calquera das circunstancias previstas no título II da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. No caso de que o beneficiario da axuda incumprise algunha das condicións ou obrigacións estipuladas, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria instruirá o correspondente expediente sancionador, de conformidade co previsto no título IV da Lei 9/2007, citada no punto anterior.

3. Toda alteración das condicións observadas para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

Artigo 12. Recursos

Contra os actos resolutivos que esgotan a vía administrativa poderá interpoñer o interesado recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados desde a recepción da notificación da resolución ou, potestativamente, interpoñer, no prazo dun mes desde a recepción da resolución, recurso de reposición ante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Artigo 13. Publicidade

1. Os órganos administrativos concedentes publicarán no Diario Oficial de Galicia as subvencións concedidas con expresión da convocatoria, o programa e o crédito orzamentario a que se imputen, beneficiario, cantidade concedida e a finalidade ou finalidades da subvención, ao abeiro do disposto no artigo 15.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería publicará na súa páxina web oficial a relación dos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

3. As entidades solicitantes prestan o seu consentimento para incluír e facer públicos no Rexistro Público de Axudas, Subvencións e Convenios, creado polo artigo 16.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, as axudas outorgadas ao abeiro desta orde.

Disposición derradeira primeira

Facúltaselle o secretario xeral de Cultura, no ámbito das súas competencias, para para ditar as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira segunda

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de maio de 2013

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file