Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 108 Venres, 7 de xuño de 2013 Páx. 21228

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 3 de xuño de 2013 pola que se convoca o programa Xuventude Crea.

O Real decreto 2434/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de cultura, especifica no seu anexo I.B.3.h que esta asume as competencias de promoción e organización de actividades de animación sociocultural no ámbito artístico, artesanal, turístico e de aire libre, dirixidas aos sectores da mocidade, infancia, terceira idade e sectores marxinados.

A Consellería de Traballo e Benestar, en virtude do Decreto 42/2013, do 21 de febreiro, polo que se establece a súa estrutura orgánica, é o órgano competente da Administración autonómica ao cal lle corresponde o exercicio das competencias e funcións en materia de, entre outras, apoio ao desenvolvemento da actividade xuvenil, que leva a cabo a través da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.

Polo exposto, a Consellería de Traballo e Benestar, consciente da importancia que ten facilitar vías polas que poida manifestarse a inquedanza artística individual e colectiva da mocidade galega, convoca unha serie de actividades que abranguen un amplo abano de manifestacións de carácter artístico e que constitúen o programa Xuventude Crea.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Capítulo I
Parte xeral

Artigo 1. Obxecto

Esta disposición ten por obxecto establecer as bases que rexen o programa Xuventude Crea e proceder á súa convocatoria para o ano 2013 por parte da Consellería de Traballo e Benestar, que inclúe as especialidades de teatro, artes plásticas, música, relato breve, poesía, videocreación, banda deseñada, graffiti, carteis, moda e deseño de xoias.

Artigo 2. Orzamento

As actividades que impliquen o desenvolvemento deste programa serán custeadas con cargo á partida orzamentaria 11.06.313A.640.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2013, cunha contía de 96.854 euros.

Artigo 3. Destinatarios/as

1. Poderán solicitar a participación os/as mozos ou mozas galegos/as ou residentes en Galicia, non profesionais, con idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos de idade cumpridos no ano 2013, agás o establecido no capítulo II segundo cada especialidade.

2. Non poderán participar nunha especialidade aquelas persoas que gañasen o primeiro premio desa mesma especialidade na edición do ano anterior.

3. Enténdese por profesional para os efectos da presente disposición aquela persoa que mantén unha relación contractual permanente ou ocasional con algunha empresa vinculada á especialidade concreta en que solicita participar levando a cabo traballos directamente relacionados con ela, ou que está dado/a de alta como autónomo/a nunha actividade que teña unha relación directa coa citada especialidade.

4. Salvo no caso das especialidades de teatro, música, banda deseñada e graffiti, a participación será sempre a título individual.

5. A participación supón a aceptación total das condicións fixadas nesta disposición, e unicamente a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado queda facultada para dirimir calquera controversia derivada da súa interpretación, así como para decidir a suspensión dunha especialidade no caso de non acadarse unha participación mínima de dez solicitantes, logo de comunicación a elas/as.

6. A información contida neste artigo debe ser complementada co disposto no capítulo II (parte específica).

Artigo 4. Inscricións

1. A solicitude dos/as participantes deberá facerse no impreso de solicitude (anexo I).

2. Esta solicitude irá acompañada:

2.1. Se é o caso, da obra ou da documentación que corresponda, de acordo co disposto na parte específica para cada especialidade concreta. Tanto na obra como na documentación citada non figurarán datos que identifiquen o autor ou autora.

2.2. Dun sobre pechado en cuxo exterior figurará exclusivamente o título e o pseudónimo do autor ou da autora, e no cal irá o boletín de inscrición (anexo II) debidamente cuberto, xunto coa seguinte documentación:

– Fotocopia do DNI polas dúas caras ou de documento oficial que acredite suficientemente a identidade (se o/a participante é un grupo será a de todos/as os/as membros do grupo), no caso de que o/a interesado/a ou os/as membros do grupo (anexo IV) non autoricen expresamente a comprobación dos datos por medio do acceso telemático ao Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas. No caso da especialidade de teatro, achegarase ademais a fotocopia do NIF do grupo.

– No caso de que o/a participante sexa menor de idade, autorización do/a pai/nai ou titor/a legal para participar nesta convocatoria, así como para calquera cuestión con ela relacionada.

– No caso dos/as mozos e mozas non galegos/as residentes en Galicia, ademais do documento oficial que acredite suficientemente a identidade, certificado de empadroamento, no caso de que o/a interesado/a ou os/as membros do grupo (anexo IV) non autoricen expresamente a comprobación dos datos por medio do acceso telemático ao Sistema de verificación de datos de residencia do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas.

– Declaración responsable en que quede constancia de que non mantén relación contractual permanente ou ocasional con ningunha empresa vinculada á especialidade concreta en que solicita participar levando a cabo traballos directamente relacionados con ela, ou que non está dado/a de alta como autónomo/a nunha actividade que teña unha relación directa coa citada especialidade (anexo III).

– Declaración responsable en que quede constancia de que a obra non foi premiada en ningún outro certame ou concurso no momento do remate do prazo de presentación de solicitudes, e de que é inédita no caso das especialidades de relato breve, poesía, videocreación, banda deseñada, graffiti e carteis (anexo III).

– Calquera soporte audiovisual que se envíe (CD, DVD...) deberá ter as óptimas condicións de visionamento e gravación.

3. As solicitudes poderán presentarse xunto co resto da documentación nos rexistros das seguintes dependencias administrativas:

Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado

Edificio Administrativo San Lázaro, s/n, 3º

15781 Santiago de Compostela

Consellería de Traballo e Benestar

Xefatura Territorial da Coruña

R/ Salvador de Madariaga, 9, 1º

15008 A Coruña

Consellería de Traballo e Benestar

Xefatura Territorial de Lugo

Rolda da Muralla, 70

27071 Lugo

Consellería de Traballo e Benestar

Xefatura Territorial de Ourense

Avenida da Habana, 79

32004 Ourense

Consellería de Traballo e Benestar

Xefatura Territorial de Vigo

R/ Concepción Arenal, 8

36201 Vigo

Oficina Local de Pontevedra

R/ Fernández Ladreda, 43, 4º andar

36003 Pontevedra

Oficina Local de Ferrol

Edificio Administrativo

Praza Camilo José Cela, 1º

15403 Ferrol

Todo isto, sen prexuízo do disposto no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A información contida neste artigo debe ser complementada co disposto no capítulo II (parte específica).

Artigo 5. Prazo de presentación das solicitudes e emenda de defectos

1. O prazo de presentación de solicitudes iniciarase ao día seguinte da publicación desta disposición no Diario Oficial de Galicia e rematará o día 31 de xullo de 2013.

2. Se na solicitude se apreciasen defectos ou falta de documentación a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado requirirá a persoa solicitante para que no prazo de 10 días emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, se considerará desistida da súa petición, de conformidade co previsto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, logo de resolución, que será ditada nos termos do artigo 42.

Artigo 6. Protección de datos de carácter persoal

De acordo co artigo 5 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, infórmase que os datos recollidos ao abeiro desta disposición, que se consideran exactos e postos ao día, ademais de pertinentes e axeitados, serán incorporados ao ficheiro «Actividades dirixidas á cidadanía», do cal é responsable a Consellería de Traballo e Benestar, cuxa finalidade é a xestión de todas as actividades dirixidas á cidadanía tales como programas de lecer, actividades de voluntariado, desenvolvemento de actividades culturais, etc. Os datos recollidos non serán cedidos a terceiros, agás que algunha lei o previse. O/a interesado/a pode exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición ante a persoa responsable do tratamento: Secretaría Xeral Técnica; no enderezo Edificio Administrativo San Caetano, 15781 Santiago de Compostela (A Coruña).

Artigo 7. Comisión de selección

Constituirase unha comisión de selección, cuxos/as membros serán nomeados/as pola persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar para cada especialidade, por proposta da persoa titular da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, e estará integrada por un/unha presidente/a, un/unha secretario/a e un máximo de cinco vogais. Actuará como presidente/a a persoa titular da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado ou a persoa en quen delegue, como vogais actuarán profesionais e expertos/as de recoñecido prestixio na especialidade concreta que se valore, e a secretaría recaerá nun/nunha funcionario/a da Consellería de Traballo e Benestar con voz pero sen voto.

Na composición da comisión de selección procurarase acadar a presenza equilibrada de mulleres e homes.

Percibirán axudas de custo, pola súa colaboración, os/as compoñentes da comisión de selección, agás o/a presidente/a.

Os nomes dos/as integrantes de cada unha das comisións de selección serán publicados na páxina web http://xuventude.xunta.es con anterioridade ás reunións que se levarán a cabo.

As decisións da comisión de selección serán inapelables.

Artigo 8. Tramitación e resolución

1. Sen prexuízo do disposto no artigo 5 da presente disposición, as solicitudes dos mozos e mozas que non cumpran os requisitos establecidos nesta disposición non serán admitidas a trámite, e ditarase para o efecto a oportuna resolución.

2. As demais solicitudes remitiranse á comisión de selección, que examinará e valorará as diferentes obras en función da súa calidade, proporá a adxudicación de tres premios por especialidade e redactará a proposta de resolución.

Corresponderá ditar a resolución á persoa titular da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, por delegación da persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar.

3. A resolución será notificada a todas as persoas solicitantes no prazo máximo de cinco meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta disposición no Diario Oficial de Galicia.

Esta resolución esgota a vía administrativa e contra ela poderá interporse recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que a ditase no prazo dun mes contado a partir do día seguinte á notificación da resolución, se o acto fose expreso, ou no prazo de tres meses contado a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, ou ser impugnados directamente ante a xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, se o acto fose expreso, ou no prazo de seis meses se o acto fose presunto, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

A relación de premiados/as de cada especialidade será publicada na páxina web http://xuventude.xunta.es

Artigo 9. Obras e premios

1. Cada persoa participante poderá presentar unha obra por especialidade ou por modalidade.

2. As obras presentadas polos/as participantes non poderán ter sido premiadas, no momento do remate do prazo de presentación de solicitudes, noutros certames ou concursos.

3. A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado quedará eximida de calquera responsabilidade derivada do plaxio ou de calquera transgresión da lexislación vixente que en materia de propiedade intelectual puidesen incorrer os/as participantes.

4. Establécense os seguintes premios por especialidade (teatro, artes plásticas, música, relato breve, poesía, videocreación, banda deseñada, graffiti, carteis, moda e deseño de xoias):

Un primeiro premio de 3.000 €.

Un segundo premio de 1.500 €.

Un terceiro premio de 1.000 €.

O cobramento destes premios queda condicionado á correspondente actuación por parte das persoas premiadas nos lugares que determine a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado enmarcados dentro do Circuíto de creatividade. Os/as primeiros/as premiados/as realizarán dúas actuacións e os/as segundos/as e terceiros/as unha actuación.

Poderanse outorgar mencións de honra, que carecerán de dotación económica, nas diferentes especialidades a aquelas obras que, a xuízo da comisión seleccionadora, acaden a suficiente calidade.

5. Cada persoa participante non poderá recibir máis que un premio por especialidade.

6. Estes premios serán complementados de acordo co disposto na parte específica de cada especialidade.

7. As contías dos premios obxecto desta convocatoria serán únicos e estarán suxeitos ás retencións correspondentes conforme a lexislación tributaria.

8. Entregaranse diplomas a todos/as os/as premiados/as e ás persoas finalistas.

9. Segundo a calidade das obras poderían ser declarados desertos ou compartidos algúns dos premios. Neste último caso, a contía do premio que se repartirá será de xeito directamente proporcional ao número de obras premiadas.

Artigo 10. Destino e devolución das obras

1. As obras dos/as participantes premiados/as quedarán en posesión da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.

2. A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado poderá desenvolver as accións que considere oportunas encamiñadas á difusión dos traballos seleccionados de todas as especialidades incluídas na presente convocatoria.

A presentación a esta convocatoria implicará, no caso de traballos premiados, a colaboración nas accións de difusión que se organicen, así como a cesión a favor da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado dos dereitos de edición.

O feito de participar nesta convocatoria supón a autorización dos/as participantes a favor da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado para montar exposicións e/ou para a exhibición, reprodución ou publicación da imaxe ou contido das obras presentadas por calquera medio que se considere oportuno, sen máis limitacións que as derivadas do Real decreto lexislativo 1/1996, do 12 de abril, polo que se aproba o texto refundido da Lei de propiedade intelectual, regularizando, aclarando e harmonizando as disposicións legais vixentes sobre a materia.

3. Os autores e as autoras quedarán comprometidos/as a realizar as modificacións precisas nos documentos finais e/ou subministrar os arquivos de código fonte necesarios para que poidan ser publicados total ou parcialmente no formato máis adecuado.

4. As obras dos/as participantes non premiados/as ou, de ser o caso, calquera outro material presentado no seu lugar deberán ser retiradas por eles/as ou pola persoa autorizada no lugar que determine a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da recepción da notificación, coa decisión da comisión de selección.

Transcorrido este prazo, as obras non retiradas quedarán á disposición da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, que poderá darlles o destino que considere oportuno.

Capítulo II
Parte específica

Sección 1ª Teatro

Artigo 11. Condicións xerais

1. Poderán concorrer grupos teatrais, non profesionais, compostos por mozos ou mozas galegos/as ou residentes en Galicia, con idades comprendidas entre os 16 e os 30 anos de idade cumpridos no ano 2013. Admitirase que ata un 25 % dos/as compoñentes do grupo supere os 30 anos ou teña entre os 14 e 16 anos.

En calquera caso, tanto os/as integrantes da dirección como o equipo técnico non se verán afectados polo disposto no artigo 3, parágrafo 1º desta disposición.

2. Xunto coa documentación indicada no artigo 4 da presente disposición, e no mesmo sobre, os grupos participantes presentarán:

– Listaxe dos/as compoñentes do grupo, indicando a idade e a función.

– Unha síntese da obra (título, autor/a e adaptación dos diálogos, de ser o caso) e da posta en escena (número de personaxes, tipo de decorado, vestiario, espazo que se precisa...).

– DVD dunha representación da obra presentada a concurso ou dun ensaio xeral, feito con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2012.

En todo caso, a gravación debe estar feita a velocidade normal para que a súa duración corresponda coa duración real da representación, e ten que estar en boas condicións, tanto de imaxe coma de son, para o seu correcto visionamento.

3. As representacións serán en lingua galega.

4. As obras poderán ser de autores ou autoras galegos/as, españois/españolas ou estranxeiros/as.

5. Poderán presentarse obras orixinais.

6. A duración da representación de cada obra non poderá exceder dunha hora e trinta minutos.

Artigo 12. Desenvolvemento

A comisión poderá seleccionar para a fase final ata un máximo de 6 grupos, que serán os que representen as obras ante esta, no lugar e na data que determine a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, que asumirá os gastos orixinados polas representacións por un importe máximo de 650 € por grupo.

Sección 2ª Artes plásticas

Artigo 13. Condicións xerais

1. Establécense as seguintes modalidades: pintura, escultura e fotografía.

2. Xunto coa documentación indicada no artigo 4 da presente disposición, e no mesmo sobre, os/as participantes presentarán:

– Unha ou varias fotografías en cor ou branco e negro da obra presentada, adheridas a un folio (preferentemente DIN A-4) e tamén en CD. No caso de obras escultóricas, as fotografías deberán presentarse desde diferentes perspectivas para que se poida realizar a valoración adecuada destas. As obras orixinais serán requiridas ás persoas participantes só no caso de que fosen seleccionadas para a exposición ou previamente cando, a xuízo da comisión, sexa necesario velas co fin de outorgar os premios.

– Declaración responsable de que a obra presentada non forma parte doutra exposición e está en propiedade do autor ou autora.

– Ficha técnica da obra en que se indicará o título, o ano de realización, a técnica empregada, as dimensións reais, así como o seu peso (isto último só no caso da escultura).

Artigo 14. Desenvolvemento

1. Para a exposición a comisión seleccionará as obras que acaden a maior calidade artística, que se exhibirán no lugar e na data que determine a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.

2. A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado no seu momento porase en contacto cos autores e autoras das obras seleccionadas para a exposición, co fin de establecer as mellores condicións de entrega e recollida en cada caso, e ademais comunicará o lugar e a data en que terá lugar a exposición, todo isto sen prexuízo do disposto no número 8 deste artigo.

3. Os/as participantes seleccionados/as para a exposición presentarán as súas obras en perfecto estado e cos elementos necesarios para realizar a montaxe. Cando a súa complexidade o requira, a montaxe faraa o autor ou autora.

4. As obras seleccionadas para a exposición serán enviadas empregando unha embalaxe cun material ríxido e suficientemente sólido que asegure a súa integridade.

5. As obras presentadas serán orixinais.

6. O tema e as técnicas serán libres.

7. As pinturas deberán levar marco ou bastidor.

8. A organización non se responsabiliza das posibles roturas, danos, extravíos ou de calquera outro acto alleo á súa vontade que se produza nas obras.

Sección 3ª Música

Artigo 15. Condicións xerais

1. Poderán concorrer solistas e grupos de pop, folk, rock, hip-hop e demais variedades de música contemporánea.

Admitirase que ata un 25 % dos/as compoñentes do grupo supere os 30 anos. Tamén poderá superar a idade máxima a persoa que desenvolva a función de acompañamento musical cos/as participantes que se presenten como solistas.

2. Xunto coa documentación indicada no artigo 4 da presente disposición, e no mesmo sobre, os/as participantes presentarán:

– Maqueta en CD debidamente identificada, co pseudónimo e título, e gravada polos/as compoñentes inscritos/as, con dous temas, que serán os que avaliará a comisión de selección, e unha duración máxima de dez minutos. Valorarase positivamente a utilización do galego e en calquera caso un dos temas deberá ser en galego, agás que se trate de pezas instrumentais.

– Ficha técnica en que se detalle o título, duración e autoría dos temas presentados, seguindo a orde presentada na gravación.

– Fotografía recente do grupo ou solista.

– Relación nominal mecanografada dos/as compoñentes do grupo, con indicación da idade e do instrumento que tocan.

– Letras, se as houber, dos temas incluídos na maqueta, debidamente mecanografadas.

– Autorización escrita para gravar ou emitir a súa actuación na fase final do certame, no suposto de resultar seleccionado/a.

– Declaración responsable acreditativa de que o/a participante dispón dun repertorio dun mínimo de 30 minutos.

Toda esta documentación deberá presentarse en soporte papel e tamén en CD.

3. Os temas serán de creación propia e nunca antes editados comercialmente.

Artigo 16. Desenvolvemento

1. A comisión poderá seleccionar para a fase final ata un máximo de 6 participantes, que serán os/as que actuarán ante esta, no lugar e data que determine a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, que asumirá os gastos ocasionados pola actuación por un importe máximo de 600 € no caso de grupos ou de 300 € no caso de solistas.

2. Para as actuacións da fase final os/as participantes levarán os seus propios instrumentos, agás a batería, que será proporcionada pola organización.

3. O equipo técnico de son e luces proporcionarao a organización en coordinación cos grupos finalistas e será manexado polos/as técnicos/as da organización.

Sección 4ª Relato breve

Artigo 17. Condicións xerais

1. As obras serán orixinais, inéditas e en galego.

2. O tema será libre.

3. As obras, que deberán estar feitas a ordenador, terán unha extensión mínima de 5 páxinas e máxima de 10, mecanografadas a dobre espazo e por unha soa cara, en DIN A-4 e en tamaño 12. As follas estarán numeradas e encadernadas e presentaranse en único exemplar.

Sen prexuízo do anterior, as obras deberán presentarse tamén en CD.

Sección 5ª Poesía

Artigo 18. Condicións xerais

1. As obras serán orixinais, inéditas e en galego.

2. O tema e a técnica serán libres.

3. As obras, que deberán estar feitas a ordenador, terán unha extensión mínima de 50 versos e máxima de 100, a dobre espazo e por unha soa cara, en DIN A-4 e en tamaño 12. As follas estarán numeradas e encadernadas e presentaranse en único exemplar.

Sen prexuízo do anterior as obras deberán presentarse tamén en CD.

Sección 6ª Videocreación

Artigo 19. Condicións xerais

1. As obras serán orixinais, inéditas e en galego.

2. Quedan excluídas deste certame todas as obras que teñan concedidas axudas económicas da Administración autonómica para a súa realización no momento do remate do prazo de presentación de solicitudes.

3. O tema será libre, mais deberá dar prioridade aos contidos artísticos e culturais dunha maneira innovadora e experimental. Enténdese por experimental a obra que se sitúa fora dos códigos convencionais, que aposta por fórmulas audiovisuais onde se dá prioridade á subxectividade.

4. Xunto coa documentación indicada no artigo 4 da presente disposición, e no mesmo sobre, os/as participantes presentarán:

– Unha ficha técnica da obra en que se inclúa o título, un breve argumento, a data e o lugar de realización, unha fotografía da videocreación e datos técnicos e artísticos de interese.

5. As obras poderán ser producidas en calquera formato de vídeo, pero deberán presentalo en DVD, onde figurará o título e o pseudónimo do seu autor ou autora.

En todo caso, a gravación deberá estar feita a velocidade normal para que a súa duración corresponda coa duración real e ten que estar en boas condicións, tanto de imaxe como de son, para o seu correcto visionamento, xa que en caso contrario a obra será rexeitada.

6. A duración de cada obra non poderá exceder dos 12 minutos.

7. A realización das obras debe ser posterior ao 1 de xaneiro de 2012.

8. A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado resérvase o dereito a solicitarlle ás persoas participantes unha copia en formato orixinal para a súa proxección pública.

9. A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado resérvase a posibilidade de utilizar un fragmento da obra de ata un máximo de tres minutos para a súa posible difusión nos medios de comunicación.

Sección 7ª Banda deseñada

Artigo 20. Condicións xerais

1. As obras serán orixinais e inéditas.

2. A temática será libre, con textos en galego.

3. A técnica pode ser calquera, feita en branco e negro ou en cor.

4. O formato deberá ser en DIN A-4 ou DIN A-3 e a extensión mínima terá que ser de 10 páxinas. En caso de que a obra fose feita en formato dixital, á parte dunha versión impresa deberá xuntarse un CD ou DVD cos arquivos orixinais.

5. Cada obra deberá levar pseudónimo e título.

6. A organización non se responsabiliza das posibles roturas, danos, extravíos ou de calquera outro acto alleo á súa vontade que se produza nas obras.

Sección 8ª Graffiti

Artigo 21. Condicións xerais

1. As obras serán orixinais, inéditas e, de ter texto, este estará en galego.

2. O tema e a técnica serán libres.

3. Os traballos poderán ser individuais ou en grupo neste último caso poderán ter un máximo de 3 membros.

4. Xunto coa documentación indicada no artigo 4 da presente disposición, e no mesmo sobre, os/as participantes presentarán:

– Proxecto orixinal da obra que se vai realizar en formato DIN A-3 (realizado á man e presentado a cor).

– Fotografías dos graffitis realizados máis recentemente polo/a solicitante (ou enderezo da internet onde se poidan ver os traballos).

Artigo 22. Desenvolvemento

1. A comisión poderá seleccionar para a fase final ata un máximo de 9 participantes, que serán requiridos para realizar un mural de aproximadamente 4 m x 2 m ante esta, no lugar e na data que determine a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, que asumirá os gastos de material por un importe máximo de 350 € por participante individual ou grupo. A selección realizarase tendo en conta, entre outros, os seguintes criterios: deseño, estrutura, tema e colorido (que deberán responder á maior calidade).

2. A xuízo da comisión, será motivo de descualificación a realización de graffitis fóra dos espazos e horarios asignados pola organización.

Sección 9ª Carteis

Artigo 23. Condicións xerais

1. A participación será a título individual.

2. As obras serán orixinais, inéditas e en galego.

3. O tema do cartel será: «As redes sociais e as novas tecnoloxías».

4. A técnica será libre dentro dos límites usuais, para permitir unha normal reprodución fotomecánica.

5. As obras deberán presentarse sobre cartón, cartón pluma ou similar, en formato vertical, cunhas medidas máximas de 47 x 64 cm e presentaranse suficientemente protexidas e montadas sobre un soporte ríxido e desmontable que permita a súa perfecta exposición.

Sen prexuízo do anterior, as obras deberán presentarse tamén en CD.

6. En ningún caso se admitirán obras cuxo soporte supoña perigo para o seu almacenamento ou montadas con materiais que poidan danar a súa integridade.

Artigo 24. Desenvolvemento

1. A comisión poderá seleccionar para a exposición as obras que acaden maior calidade artística, e serán exhibidas no lugar e data que determine a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.

2. A organización non se responsabiliza das posibles roturas, danos, extravíos ou de calquera outro acto alleo á súa vontade que se produza nas obras.

Sección 10ª Deseño de xoias

Artigo 25. Condicións xerais

1. A colección debe ser orixinal e estará composta por 3 xoias.

2. Xunto coa documentación indicada no artigo 4 da presente disposición, e no mesmo sobre, os/as participantes presentarán:

– Unha fotografía de cada unha das 3 xoias que poderán ser tanto para home como para muller.

As fotografías das xoias deberán presentarse sobre unha folla de álbum de fotos, tamaño DIN A-4 e mostrarse na escala máis próxima á real 1:1. Deben estar sen asinar e sen ningunha identificación do autor ou da autora.

– Na parte posterior da folla do álbum de fotos incluirase unha ficha técnica da colección, onde se explicarán os materiais utilizados e todos os datos que sexan de interese na colección.

Sen prexuízo do anterior, as fotografías das xoias presentaranse tamén en CD.

Artigo 26. Desenvolvemento

A comisión poderá seleccionar para a fase final ata un máximo de 10 participantes, tendo en conta preferentemente os seguintes criterios: creatividade, selección de materiais, terminacións e acabados, e estas obras exhibiranse ante esta comisión no lugar e data que determine a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, se fosen requiridos para iso.

Sección 11ª Moda

Artigo 27. Condicións xerais

1. As coleccións deben ser orixinais.

2. Xunto coa documentación indicada no artigo 4 da presente disposición, e no mesmo sobre, os/as participantes presentarán:

– Unha colección coherente de 5 modelos de home ou muller. Terá que definir o tecido utilizado e os complementos para cada un dos modelos presentados. Presentaranse estes deseños en láminas de formato DIN A-3 (297 mm x 420 mm), con deseño de fronte e de costas.

– Ficha técnica da colección e mostras dos tecidos que se empregarán na súa confección.

Artigo 28. Desenvolvemento

1. A comisión poderá seleccionar para unha exposición ata un máximo de 10 participantes que confeccionarán a colección de cinco modelos obrigatorios, tendo en conta preferentemente os seguintes criterios: creatividade, experimentación formal nos deseños, selección de tecidos, colorido, patronaxe, volumes e texturas, e que se exhibirán no lugar e data que determine a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.

2. A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado non asumirá os gastos derivados da confección dos modelos.

Disposición adicional única

Apróbase a delegación de atribucións da persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar na persoa titular da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado para ditar as oportunas resolucións no ámbito desta disposición.

Disposición derradeira primera

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado para ditar, no ámbito das súas competencias as resolucións precisas para o desenvolvemento desta disposición.

Disposición derradeira segunda

A presente disposición entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de xuño de 2013

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file