Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 108 Venres, 7 de xuño de 2013 Páx. 21380

V. Administración de xustiza

Xulgado do Social número 2 da Coruña

EDICTO (1256/2011).

Número de autos: seguridade social 1256/2011 F.

Demandante: Mutua Universal Mugenat.

Avogada: Carlota Peláez Sabell.

Demandados: Instituto Nacional da Seguridade Social, Tesouraría Xeral da Seguridade Social, Alvac, S.A., Francisco Javier Novo González.

María Adelaida Egurbide Margañón, secretaria xudicial do Xulgado do Social número 2 da Coruña, fago saber:

Que no procedemento de Seguridade Social 1256/2011 deste Xulgado do Social, seguido por instancia de Mutua Universal Mugenat contra a empresa Alvac, S.A., sobre Seguridade Social, se ditou a seguinte resolución:

Xulgado do Social número 2 da Coruña.

Sentenza: 250/2013.

Xulgado do Social número 2 da Coruña.

Procedemento: incapacidade número 1256/2011.

Sentenza

A Coruña, quince de abril de dous mil trece

Vistos por Montserrat Matos Salgado, maxistrada xuíza substituta do Xulgado do Social número 2 da Coruña e o seu partido, os presentes autos de xuízo número 1256/2011, seguidos por instancia de Mutua Universal Mugenat, que comparece representada pola letrada Sra. Peláez Sabell, contra o Instituto Nacional da Seguridade Social e a Tesouraría Xeral da Seguridade Social, que comparecen representados pola letrada Sra. Pardo Costas, contra a empresa Alvac, S.A., que comparece representada polo letrado Sr. Aguilar Caño e contra Francisco Javier Novo González, que comparece representado polo letrado Sr. Cornide Álvarez, versando a litis sobre incapacidade.

Antecedentes de feito.

Primeiro. Con data 19.12.2011 foi repartida a este xulgado demanda subscrita pola parte demandante na cal, tras alegar os feitos e fundamentos legais que estimou procedentes ao seu dereito, suplicaba que se ditase sentenza pola cal se revogue a resolución de incapacidade permanente total derivada de accidente de traballo ditada pola Dirección Provincial do INSS en data 14.9.2011 e se declare o Sr. Novo afecto de incapacidade permanente parcial para a súa profesión habitual derivada de accidente de traballo, con dereito á percepción dunha cantidade alzado de 24 mensualidades da súa base reguladora mensual de 2.470,13 euros.

Segundo. Admitida a trámite a demanda e sinalado día e hora para a celebración do acto de conciliación e xuízo, este tivo lugar o día 11.3.2013, coa comparecencia de todas as partes e defensores destas, segundo consta na acta expedida. Aberto o xuízo, a parte demandante afirmouse e ratificouse na súa demanda, e solicitou o recibimento do preito a proba. E unha vez contestada a demanda polos codemandados foron practicadas as probas propostas e admitidas e solicitouse despois, en conclusións, sentenza de conformidade coas respectivas pretensións e intereses, segundo consta na acta levantada, e quedaron os autos á vista para ditar sentenza.

Terceiro. Na tramitación dos presentes autos observáronse os requisitos legais.

Feitos probados.

Primeiro. O demandante, Francisco Javier Novo González, con DNI 32828648-N, encóntrase afiliado á Seguridade Social no réxime xeral, co número de afiliación 15/10082751/40, sendo a súa profesión habitual a de oficial 1ª autoestrada con tarefas de condución (expediente administrativo).

Segundo. En data 11.2.2010 o demandante sofre accidente laboral e iníciase proceso de IT co seguinte diagnóstico: «Traumatismo severo de pé esquerdo con amputación de 4-5 radios e lesión por degloving de dorso e talón con exposición de calcáneo».

Terceiro. Iniciado expediente polo INSS para valoración da capacidade laboral do demandante, ditouse resolución en data 28.6.2011 pola que se declara o Sr. Peláez afecto de incapacidade permanente parcial, e sinálase como responsable do seu aboamento directo a Mutua Universal Mugenat (expediente administrativo).

Cuarto. Non conforme coa dita resolución formula o demandante reclamación previa en escrito de data 3.8.2011 en que interesa que se lle recoñeza afecto de incapacidade permanente total (expediente administrativo).

Quinto. En data 14.9.2011 emite novo ditame proposta o EVI que sinala como cadro residual do demandante o seguinte: «AT 2/10: aprazamento pé esquerdo: nocello esquerdo flexión plantar 35º, dorsiflexión 5º pé esquerdo: amputación 4º e 5º dedos incluído metatarsiano. Múltiples cicatrices pé e coxa esquerdos e hemotórax dereito.»

Sexto. En resolución do INSS de data 28.10.2011 recoñécese finalmente o demandante afecto de incapacidade permanente total derivada de accidente de traballo en porcentaxe do 55 %, do que resulta unha pensión de 962,25 euros.

Sétimo. A base reguladora da prestación de invalidez permanente total ascende a 1.749,55 euros (expediente administrativo).

Oitavo. A empresa Alvac, S.A. tiña concertada a cobertura das continxencias profesionais coa Mutua Universal Mugenat.

Fundamentos de dereito.

Único. Postula a parte demandante na presente litis que se deixe sen efecto a resolución pola que se declara o Sr. Novo en situación de incapacidade permanente total e recoñézaselle afecto de incapacidade permanente parcial, como resultado das doenzas que padece, as cales puideron determinarse fundamentalmente con base no ditame proposta do EVI e os informes dos servizos médicos que atenden o paciente.

Para resolver a cuestión litixiosa debe partirse do concepto de incapacidade permanente que se define no artigo 136 da Lei xeral da seguridade social (Real decreto lexislativo 1/1994, do 20 de xuño de 1994), como «a situación do traballador que, despois de estar sometido ao tratamento prescrito e de ser dado de alta medicamente, presenta reducións anatómicas ou funcionais graves, susceptibles de determinación obxectiva e previsiblemente definitivas, que diminúan ou anulen a súa capacidade laboral», e debe terse en conta que o carácter marcadamente profesional do noso sistema de protección social en relación coa invalidez obriga a valorar as limitacións funcionais, máis que a índole e natureza dos padecementos que as orixinan, pois son as limitacións as que lle van impedir a unha persoa desenvolver un concreto traballo ou todos eles. En definitiva, interesa determinar a capacidade laboral residual que as secuelas consideradas definitivas lle permiten conservar ao afectado.

Polo que respecta ao grao de incapacidade permanente total, está configurado no artigo 137.4 da LXSS como aquel que inhabilita o traballador para a realización de todas ou das fundamentais tarefas da súa profesión habitual, sempre que poida dedicarse a outra distinta. A valoración deste grao de invalidez require que se poñan en relación as limitacións funcionais do traballador cos requirimentos das tarefas que constitúen o núcleo da concreta profesión.

E polo que atinxe á pretensión subsidiaria, a incapacidade permanente parcial está definida no artigo 137.3 da LXSS como aquela que, sen alcanzar o grao de total, ocasione ao traballador unha diminución non inferior ao 33 por 100 no seu rendemento normal para a dita profesión habitual, sen impedirlle a realización das tarefas fundamentais desta; debe recordarse ademais que a xurisprudencia sinala que esa diminución de rendemento devén non só atendendo ao que obxectivamente pode render o traballador afectado, senón tendo en conta tamén a maior perigosidade ou penosidade que comporta.

No suposto de autos, o Sr. Novo padece «AT 2/10: aprazamento pé esquerdo: nocello esquerdo flexión plantar 35º, dorsiflexión 5º pé esquerdo: amputación 4º e 5º dedos incluído metatarsiano. Múltiples cicatrices pé e coxa esquerdos e hemotórax dereito», establecendo o facultativo do EVI que lle recoñece que as limitacións orgánicas e/ou funcionais son: «Nocello esquerdo e flexión plantar 35º e dorsiflexión 5º. Pé esquerdo: amputación 4º e 5º dedos incluído metatarsianos. Cicatrices múltiples en pé esquerdo, coxa esquerda e hemitórax dereito». Así as cousas, estímase, salvo mellor criterio, que as doenzas que padece o Sr. Novo lle impiden levar a cabo as fundamentais ocupacións da súa profesión habitual que implican tarefas de condución. A afectación que o demandante padece no seu pé esquerdo derivado do accidente de traballo sufrido tradúcese en dificultades para a deambulación e intolerancia de presión sobre a zona, así como carga mantida en rexión calcánea, o que avoca a que deba considerarse que está impedido para realizar as tarefas propias e esenciais da súa profesión habitual, toda vez que a limitación de movemento que presenta se traduce, salvo mellor criterio, nunha limitación ergonómica suficiente que determina que o Sr. Novo sexa declarado afecto de incapacidade permanente total.

Vistos os preceptos legais de pertinente aplicación

Ditame:

Que desestimando a demanda interposta por Mutua Universal Mugenat, que comparece representada polo letrada Sra. Peláez Sabell, contra o Instituto Nacional da Seguridade Social e Tesouraría Xeral da Seguridade Social, que comparecen representados polo letrada Sra. Pardo Costas, contra a empresa Alvac, S.A., que comparece representada polo letrado Sr. Aguilar Caño e contra Francisco Javier Novo González, que comparece representado polo letrado Sr. Cornide Álvarez, debo declarar e declaro a Francisco Javier Novo González afecto de incapacidade permanente en grao de total, e absolvo os codemandados de todas as pretensións deducidas na súa contra.

Notifíqueselles esta resolución ás partes, ás cales se fará saber que esta non é firme e contra ela cabe interpor recurso de suplicación para ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, que se deberá anunciar ante este xulgado no prazo de cinco días contados desde a notificación desta sentenza, do cal coñecerá, de ser o caso, a Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, tal como establece o artigo 188 e seguintes do texto refundido da lei, aprobado polo Real decreto lexislativo 2/1995, do 7 de abril, pasados os cales quedará firme e se procederá ao seu arquivamento. Para a interposición do dito recurso deberá aboar na conta deste xulgado a taxa correspondente establecida pola Lei 10/2012, do 20 de novembro.

Así, por esta a miña sentenza, definitivamente xulgando en primeira instancia, o pronuncia, manda e asina Montserrat Matos Salgado, maxistrada xuíza substituta do Xulgado do Social número 2 da Coruña.

Publicación. A anterior resolución foi lida e publicada pola Sra. xuíza que a autoriza, en audiencia pública, lugar e data nesta indicados. Dou fe.

E para que lle sirva de notificación en legal forma a Alvac, S.A., en ignorado paradoiro, expido a presente para a súa inserción no Diario Oficial de Galicia.

Advírteselle ao destinatario que as seguintes comunicacións se farán fixando copia da resolución ou da cédula no taboleiro de anuncios da oficina xudicial, salvo o suposto da comunicación das resolucións que deban revestir forma de auto ou sentenza, ou cando se trate de emprazamento.

A Coruña, 20 de maio de 2013

Adelaida Egurbide Margañón
Secretaria xudicial