O Regulamento (CE) nº 1698/2005 do Consello, do 20 de setembro de 2005, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Feader establece no seu artigo 31 a concesión de axudas para a implantación de novas normas introducidas na lexislación nacional, en trasposición doutra comunitaria que impoña obrigas ou restricións nas prácticas agrícolas, que teñan unha repercusión negativa nos custos habituais da explotación e afecten un número significativo de agricultores.
Con base nesta posibilidade, o Programa de desenvolvemento rural de Galicia para o período 2007-2013, aprobado por Decisión da Comisión do 15 de febreiro de 2008, preveu a concesión de axudas para a implementación do Regulamento (CE) 504/2008 da Comisión, polo que se aplican as directivas 90/426/CEE e 90/427/CEE no que se refire aos métodos de identificación dos équidos, aplicable a partir do 1 de xullo de 2009.
O Real decreto 1515/2009, do 2 de outubro, polo que se establece un sistema de identificación e rexistro dos animais da especie equina, modificado polo Real decreto 1701/2011, do 18 de novembro, sinala as condicións de aplicación da normativa comunitaria no Estado español, e o Decreto 142/2012, do 14 de xuño, polo que se establecen as normas de identificación e ordenación zoosanitaria dos animais equinos en Galicia, establece e regula, entre outros aspectos, o sistema obrigatorio de identificación individual dos équidos e o seu rexistro.
Conforme estas normas, os titulares das explotacións gandeiras equinas terán que identificar os animais e comunicar ás autoridades competentes os movementos do gando que se produzan na súa explotación mediante xustificación documental ou por medios informáticos. Esta medida contribuirá á ordenación do sector equino en Galicia, de especial dificultade pola existencia dun importante número de cabalos mantidos no monte en réxime de liberdade ou semiliberdade. Porén, a súa implantación nestas explotacións, caracterizadas pola escasa renda que xeran, terá un impacto notable nos custos de funcionamento.
A axuda que se regula nesta orde compensará parcialmente os gastos derivados da identificación dos animais da especie equina que se manteñen nos montes galegos en réxime de liberdade ou semiliberdade.
Será necesario arbitrar un sistema que evite aos propietarios o anticipo dun desembolso económico importante, toda vez que este esforzo non se compensa coa rendibilidade dun retorno proporcional e, por tanto, é previsible que a ausencia deste sistema limite gravemente a consecución do fin perseguido, que non é outro que a identificación do maior número posible de cabalos de monte de Galicia. Así, para tal fin, os propietarios dos équidos disporán da opción de ceder os dereitos de cobramento da axuda que lles corresponda ao veterinario autorizado, nas condicións establecidas no articulado da orde.
Asemade, o fomento da contratación de seguros agrarios de responsabilidade civil fronte a terceiros convértese nun importante instrumento para a regularización e profesionalización do sector gandeiro equino en réxime extensivo en Galicia, xa que aseguran o mantemento da explotación gandeira no caso de producirse un accidente cunha responsabilidade civil subsidiaria, cubrindo con iso todas as eventualidades que se poidan producir no caso dunha posible saída do animal da explotación. A finalidade desta axuda é conseguir un nivel amplo de implantación destes seguros que permita aos produtores de gando equino en extensivo contar cun custo axustado e asumible para os riscos cubertos.
Por este motivo, convócanse tamén na presente orde as axudas para a subscrición de pólizas de seguro de responsabilidade civil fronte a terceiros para équidos mantidos no monte en réxime de liberdade. Este réxime de axudas queda suxeito ao Regulamento (CE) nº 1535/2007 da Comisión, do 20 de decembro de 2007, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas de minimis no sector da produción de produtos agrícolas (DOUE L 337/35, do 21 de decembro).
En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das facultades que me confire a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, modificada pola Lei 11/1998 e pola Lei 2/2007,
DISPOÑO:
Artigo 1. Obxecto
A presente orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e a convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, para o ano 2013 das seguintes liñas de axuda:
1. Axudas para compensar os gastos derivados da identificación do gando equino mantido nos montes de Galicia en réxime de liberdade ou semiliberdade, consonte as prescricións establecidas na medida 131 do Programa de desenvolvemento rural de Galicia para o período 2007-2013, aprobado por Decisión da Comisión do 15 de febreiro de 2008, en aplicación do disposto no artigo 31 do Regulamento (CE) 1698/2005 do Consello, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Feader.
2. Axudas á subscrición de pólizas de seguro de responsabilidade civil fronte a terceiros para équidos mantidos no monte en réxime de liberdade.
Artigo 2. Definicións
Para os efectos desta orde, serán de aplicación as seguintes definicións:
1. Explotación equina: calquera instalación, construción ou, no caso de cría ao aire libre, calquera lugar en que se teñan, críen, manexen ou se expoñan ao público animais da especie equina, con ou sen fins lucrativos.
2. Explotación extensiva de équidos en liberdade: aquelas explotacións extensivas asentadas sobre terreos agrícolas ou forestais, xa sexan públicos ou privados, onde se explotan baixo control os animais en completa liberdade.
3. Titular de explotación equina: calquera persoa física ou xurídica ou, se é o caso, unha comunidade de montes veciñais en man común, que sexa propietaria ou responsable, por calquera título distinto ou de dominio, dunha explotación equina.
4. Responsable de pasto de uso común: a persoa física, xurídica ou unha comunidade de montes veciñais en man común, titular do dereito de aproveitamento de pastos, coincida ou non coa persoa propietaria do terreo, e que asume, ademais das obrigas derivadas do negocio xurídico privado de explotación que corresponda, as establecidas no Decreto 142/2012, do 14 de xuño, derivadas do aproveitamento en común dos pastos.
Artigo 3. Beneficiarios
1. Poderán ser beneficiarios os titulares de explotacións extensivas de équidos en liberdade que aproveiten o monte e que reúnan os seguintes requisitos:
a) Cumprir coas obrigas establecidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xullo, de subvencións de Galicia.
b) A explotación debe estar situada no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia. Nos casos en que unha explotación estea integrada parcialmente por elementos territoriais situados noutra comunidade autónoma, considerarase dentro do ámbito de aplicación desta orde cando a maior parte da súa base territorial estea situada na Comunidade Autónoma de Galicia.
c) Estar ao día nas súas obrigas fiscais, coa Seguridade Social e non ter ningunha débeda pendente de pagamento coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.
d) Non ter sido sancionado pola Consellería do Medio Rural e do Mar por cometer infraccións en materia de sanidade animal no prazo dun ano se a infracción foi cualificada como leve, dous anos se a infracción foi cualificada como grave ou de tres anos se a infracción foi cualificada como moi grave, computados os prazos desde a data de presentación da solicitude de axuda.
2. Ademais de cumprir os anteriores requisitos, para o caso das axudas á subscrición de pólizas de seguros de responsabilidade civil por danos fronte a terceiros, os animais asegurados deberán estar identificados de acordo coa lexislación vixente.
Artigo 4. Definición das axudas e contías
1. Axudas á identificación do gando equino:
a) A axuda financia o custo da identificación, incluídos o dispositivo electrónico, a aplicación clínica e a emisión dos documentos dos équidos mantidos en réxime de liberdade ou semiliberdade nos montes de Galicia.
b) Para a determinación do importe da axuda, estimarase un custo máximo por animal identificado de 40 € (IVE incluído). A axuda consistirá nun importe anual a tanto global, temporal e decrecente. Para este último ano da convocatoria, o importe da axuda pasa a ser do 40 % dos custos.
c) A contía máxima da axuda poderá alcanzar 10.000 € por explotación ata o ano 2013. O IVE non é subvencionable, coas excepcións dispostas no artigo 71 do Regulamento (CE) 1698/2005 do Consello.
d) Estas axudas son incompatibles con calquera outra financiada con fondos comunitarios, pero si poden ser compatibles con outros fondos públicos ou privados ata o importe máximo subvencionable.
2. Axudas á subscrición de pólizas de seguro de responsabilidade civil por danos fronte a terceiros:
a) A axuda será de 12 € por équido asegurado, sen superar en ningún caso o 50 % da base impoñible do custo total da póliza. O IVE non é subvencionable.
b) A aplicación destas subvencións terá carácter retroactivo para todos os seguros contratados, segundo regula esta norma, desde o 1 de xaneiro de 2013.
c) En ningún caso se poderá superar unha contía de axuda de 5.000 € por explotación e convocatoria.
d) A axuda total de minimis concedida non será superior a 7.500 euros nun período de tres exercicios fiscais. O beneficiario será informado por escrito do importe da axuda (expresado en importe bruto de subvención) e sobre o seu carácter de axuda de minimis, exenta en aplicación do Regulamento (CE) Nº 1535/2007 da Comisión, do 20 de decembro de 2007, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE.
e) Estas axudas son compatibles con outras subvencións que estableza co mesmo obxecto calquera outra Administración, sempre que se respecte o nivel máximo de axuda.
Artigo 5. Presentación das solicitudes de axuda
1. O prazo de presentación de solicitudes será de tres meses contados a partir do día seguinte ao da publicación da presente orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.
2. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través dos formularios normalizados dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es) de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.
3. Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.
4. En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria.
5. A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.
6. A solicitude poderá ser presentada por:
a) Comunidades de montes veciñais en man común, cooperativas equinas ou asociacións equinas con personalidade xurídica propia titulares de explotacións extensivas de équidos en liberdade que exerzan un aproveitamento directo do monte en representación propia.
b) Persoas físicas ou xurídicas, titulares de explotacións extensivas de équidos en liberdade, que aproveiten o monte e, no caso de que pertenzan a unha CMVMC cumpran as directrices do regulamento da comunidade.
c) Por comunidades de montes veciñais en man común, cooperativas equinas ou asociacións equinas con personalidade xurídica propia en representación do conxunto dos seus comuneiros ou socios que sexan titulares de explotacións gandeiras equinas, sempre que esta se faga de acordo co establecido no parágrafo 2 do artigo 8 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 6. Documentación
Os solicitantes deberán presentar a seguinte documentación:
1. Solicitude de axuda:
a) Axudas á identificación do gando equino. De acordo co anexo I. Este fará mención do titular ou titulares de cabalos, número de animais que se prevé identificar e orzamento estimado de gasto.
b) Axudas á subscrición de pólizas de seguro de responsabilidade civil por danos fronte a terceiros. De acordo co anexo VII. Este fará mención do titular ou titulares de cabalos, número de animais que se prevé asegurar e orzamento estimado de gasto.
2. Esta deberá ir acompañada dos seguintes documentos:
a) Titular individual:
1º. No caso de representación exixirase autorización para facer a solicitude nos termos exixidos no artigo 32 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. De ser o caso, certificación do órgano competente en que se especifique o acordo polo que se concede autorización para facer a solicitude ao asinante dela. Se actuar en virtude de atribucións fixadas nos estatutos, indicarase así na solicitude, presentando copia cotexada deles e citando a disposición que recolle a competencia. De non ser así, deberá acreditarse a representación conforme o artigo 32 da Lei 30/1992.
2º. Para o suposto de comuneiros, certificación da CMVMC a que pertenza o titular que acredite que é integrante dela, que aproveita o monte e cumpre as directrices e regulamentos da comunidade.
b) Comunidades de montes veciñais en man común, cooperativas equinas ou asociacións equinas con personalidade xurídica propia que actúen en representación do conxunto dos seus comuneiros ou socios que sexan titulares de explotacións gandeiras equinas:
1º. Certificación do órgano competente en que se especifique o acordo polo que se concede autorización para facer a solicitude ao asinante dela. Se actuar en virtude de atribucións fixadas nos estatutos, indicarase así na solicitude, presentando copia cotexada deles e citando a disposición que recolle a competencia. De non ser así, deberá acreditarse a representación conforme o artigo 32 da Lei 30/1992.
2º. De acordo co establecido no parágrafo 2 do artigo 8 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os socios ou comuneiros que deleguen a presentación da solicitude deberán presentar un escrito polo cal atribúen a representatividade á comunidade de montes veciñais, cooperativa ou asociación equina.
3. Ademais desta documentación, os solicitantes das axudas á subscrición de pólizas de seguro de responsabilidade civil por danos fronte a terceiros deberán presentar tamén:
a) Declaración de non ter a condición de empresa en crise, conforme a definición prevista no artigo 1 número 7 do Regulamento (CE) nº 800/2008, do 6 de agosto, da Comisión, en relación coas pemes e conforme ao disposto no número 2.1 das directrices comunitarias sobre axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas en crise (2004/C 244/02) en relación ás grandes empresas, segundo o modelo que figura no anexo X.
b) Declaración do conxunto de todas as axudas de minimis por calquera concepto solicitadas ou concedidas ao solicitante polas distintas administracións públicas competentes, durante os dous exercicios fiscais anteriores e durante o exercicio fiscal en curso, de acordo co artigo 4.1, do regulamento xeral de minimis, segundo o modelo que figura no anexo X.
4. En todos os casos, a presentación da solicitude de concesión da axuda comportará a autorización á Consellería do Medio Rural e do Mar, para todo o período de compromisos, para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, segundo o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 7. Criterios de prioridade
1. A concesión de axudas axustarase aos principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non-discriminación, segundo o artigo 5.2.a) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. As axudas previstas nesta orde concederanse en réxime de concorrencia competitiva, en función da dispoñibilidade orzamentaria, das porcentaxes de axuda e das solicitudes recibidas que cumpran os requisitos establecidos nela.
3. As solicitudes clasificaranse en función dos seguintes criterios referidos ao titular e á explotación, coa seguinte puntuación máxima por criterio:
a) As CMVMC titulares de explotación: 10 puntos.
b) Os titulares de explotación con condición de comuneiro dunha CMVMC: 8 puntos.
c) Os titulares de explotación que non pertenzan a unha CMVMC: 6 puntos.
Dentro de cada grupo ordenaranse as solicitudes de axuda de maior a menor número de équidos para identificar ou asegurar en función do tipo de axuda solicitada. No caso de que a dispoñibilidade orzamentaria limite o número de persoas beneficiarias, aprobaranse as axudas así ordenadas ata esgotar o orzamento. No caso de que se produza igualdade, priorizaranse as solicitudes dos titulares cuxas explotacións leven máis tempo dadas de alta.
Artigo 8. Tramitación e resolución da solicitude de axuda
1. O órgano responsable da instrución dos expedientes destas axudas será a Dirección Xeral de Produción Agropecuaria.
2. Recibidas as solicitudes e a súa documentación, serán examinadas polo órgano xestor, que, de observar deficiencias, requirirá a súa emenda ao solicitante, concedéndolle un prazo de 10 días, consonte o artigo 71 da Lei 30/1992, modificada pola Lei 4/1999. Transcorrido este prazo sen que se produza a emenda do expediente, terase por desistido da súa petición, logo de resolución.
3. A resolución do expediente corresponde ao secretario xeral de Medio Rural e Montes por delegación da conselleira do Medio Rural e do Mar, por proposta da directora xeral de Produción Agropecuaria, logo da avaliación das solicitudes polo órgano colexiado, integrado por tres funcionarios desa mesma dirección xeral con categoría non inferior a xefe de negociado, un dos cales actuará como secretario, e que estará presidido polo subdirector xeral de Gandaría. As resolucións serán notificadas ás persoas interesadas, segundo o previsto na normativa vixente.
4. O prazo para resolver e notificar as subvencións será de 6 meses segundo o previsto na Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e sempre antes do 31 de decembro. Se transcorrer o citado prazo máximo sen se ditar resolución expresa por parte do órgano competente, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes, para os efectos da interposición dos correspondentes recursos potestativo de reposición e contencioso-administrativo.
5. Na resolución e notificación das subvencións informaranse os beneficiarios de que a medida se subvenciona en virtude dun programa cofinanciado polo Feader, así como do eixe prioritario do programa de desenvolvemento rural de que se trate.
Artigo 9. Recursos administrativos
As resolucións expresas ou presuntas dos expedientes tramitados en aplicación desta orde ou na respectiva orde de convocatoria esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer os seguintes recursos:
1. Potestativamente, recurso de reposición ante a conselleira do Medio Rural e do Mar, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou de tres meses, contado a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo os casos, de conformidade co establecido nos artigos 107, 116 e 117 da Lei 30/1992, segundo a redacción dada pola Lei 4/1999.
2. Directamente, recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa notificación, se é expresa.
Artigo 10. Execución das actividades
Unha vez presentada a solicitude, os beneficiarios comunicarán a data prevista e o lugar de identificación dos animais cunha anticipación mínima de 10 días, mediante a presentación do anexo II da orde de convocatoria no rexistro da oficina agraria comarcal que corresponda.
Artigo 11. Presentación da solicitude de pagamento
1. Unha vez realizadas as actuacións obxecto da axuda, os beneficiarios deberán presentar a solicitude de pagamento.
2. A data límite para a súa presentación é o 2 de novembro de 2013, preferentemente nos rexistros dos órganos dependentes da Consellería do Medio Rural e do Mar. Así mesmo, poderán presentarse nos rexistros de calquera órgano administrativo que pertenza á Administración xeral do Estado, á de calquera Administración das comunidades autónomas ou a algunha das entidades que integran a Administración local se, neste último caso, se subscribiu o oportuno convenio, ou por calquera outro medio previsto no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
3. No caso de envío por correo farase de acordo co regulamentariamente previsto no artigo 31 do Real decreto 1829/1999, do 3 de decembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regula a prestación dos servizos postais, en desenvolvemento do establecido na Lei 24/1998, do 13 de xullo, do servizo postal universal e de liberalización dos servizos postais, presentándoo en sobre aberto, co obxecto de que no encabezamento da primeira folla do documento que se queira enviar se faga constar, con claridade, o nome da oficina e a data, o lugar, a hora e minuto da súa admisión.
Artigo 12. Documentación xustificativa
Para xustificar as actuacións realizadas, os solicitantes deberán presentar a seguinte documentación:
1. Solicitude de pagamento:
a) Axudas á identificación do gando equino: de acordo co anexo III.
b) Axudas á subscrición de pólizas de seguro de responsabilidade civil por danos fronte a terceiros: de acordo co anexo VIII.
2. Esta deberá ir acompañada dos seguintes documentos:
a) Axudas á identificación do gando equino:
1º. Se o representante que presenta a solicitude de pagamento varía respecto do que presentou a solicitude de axuda, exixirase de novo certificación do órgano competente en que se especifique o acordo polo que se concede autorización para facer a solicitude ao asinante dela. Se actuase en virtude de atribucións fixadas nos estatutos, indicarase así na solicitude, presentando copia cotexada deles e citando a disposición que recolle a competencia. De non ser así, deberá acreditarse a representación conforme o artigo 32 da Lei 30/1992.
2º. Declaración individual ou conxunta, segundo o tipo de solicitude, dos animais obxecto da identificación indicando para os casos en que a solicitude a presentase unha CMVMC actuando en representación dos seus comuneiros, para cada un deles, os animais identificados. Correspóndese co anexo IV da orde.
3º. Orixinais das facturas que emite o veterinario autorizado a cada un dos gandeiros. No caso de presentar copias cotexadas das facturas, as orixinais deben ser presentadas na oficina agraria comarcal que corresponda, onde se dilixenciarán cun selo coa inscrición «Investimento cofinanciado con fondos europeos». Estas deben especificar claramente a subvención para cuxa xustificación foron presentadas e reflectir o custo total da actuación. Así mesmo, deberán indicar se o importe do xustificante se imputa total ou parcialmente á subvención, sinalando, neste último caso, a contía exacta que resulte afectada pola subvención.
Todos os gastos deberán de suxeitarse ao establecido polo Real decreto 1852/2009, do 4 de decembro, que establece os criterios para subvencionar os gastos no marco dos programas de desenvolvemento rural cofinanciados polo Feader.
4º. Os beneficiarios, en función do que acorden co veterinario autorizado, teñen dúas opcións de xustificación con diferenzas canto á documentación que deben presentar:
A. No caso de que o solicitante faga fronte ao total dos custos da identificación:
A factura virá acompañada do documento que verifique o pagamento efectivo do 100 % do importe da base impoñible máis o IVE íntegro, é dicir, un xustificante bancario do pagamento debidamente selado pola entidade, o cal pode ser un xustificante de transferencia bancaria, un xustificante bancario de ingreso de efectivo por mostrador ou unha certificación bancaria. Se o pagamento se instrumenta mediante efectos mercantís que permitan o pagamento aprazado (cheque, obriga de pagamento, letra de cambio), achegarase a factura xunto coa copia do efecto mercantil, acompañado da documentación bancaria (extracto da conta do beneficiario, documento bancario acreditativo do pagamento do efecto) en que conste que o dito efecto foi efectivamente cargado na conta da persoa beneficiaria, dentro do prazo para a xustificación da axuda. Non obstante, no caso de que o gasto non supere os 300 €, admitirase como xustificante de pagamento a factura asinada e selada polo veterinario autorizado e debe figurar a inscrición «Recibín en metálico a contía de... € por parte de...».
B. No caso de que o solicitante aboe ao veterinario autorizado a parte non subvencionable do total dos custos de identificación, debido á dificultade de facer fronte ao custo total, dada a escasa rendibilidade destas producións, este poderá ceder os dereitos de cobramento da axuda ao veterinario autorizado, tal como establece o artigo 42.3 do Regulamento de subvencións da comunidade autónoma, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro:
1) A factura virá acompañada do documento que verifique o pagamento efectivo do 60 % do importe da base impoñible máis o IVE íntegro, é dicir, un xustificante bancario do pagamento debidamente selado pola entidade, o cal pode ser un xustificante de transferencia bancaria, un xustificante bancario de ingreso de efectivo por mostrador ou unha certificación bancaria. Se o pagamento se instrumenta mediante efectos mercantís que permitan o pagamento aprazado (cheque, obriga de pagamento, letra de cambio) achegarase a factura xunto coa copia do efecto mercantil, acompañado da documentación bancaria (extracto da conta do beneficiario, documento bancario acreditativo do pagamento do efecto) en que conste que o dito efecto foi efectivamente cargado na conta da persoa beneficiaria, dentro do prazo para a xustificación da axuda. Non obstante, no caso de que o gasto non supere os 300 €, admitirase como xustificante de pagamento a factura asinada e selada polo veterinario autorizado e debe figurar a inscrición «Recibín en metálico a contía de... € por parte de...».
2) Documento orixinal de cesión do dereito de cobramento da subvención que corresponda a favor do veterinario autorizado, e que figura como anexo V da orde.
b) Axudas á subscrición de pólizas de seguro de responsabilidade civil por danos fronte a terceiros:
1º. Se o representante que presenta a solicitude de pagamento varía respecto do que presentou a solicitude de axuda, exixirase de novo certificación do órgano competente en que se especifique o acordo polo que se concede autorización para facer a solicitude ao asinante dela. Se actuar en virtude de atribucións fixadas nos estatutos, indicarase así na solicitude, presentando copia cotexada deles e citando a disposición que recolle a competencia. De non ser así, deberá acreditarse a representación conforme o artigo 32 da Lei 30/1992.
2º. Declaración individual ou conxunta, segundo o tipo de solicitude, dos animais asegurados, indicando para os casos en que a solicitude a presentase unha CMVMC, cooperativa equina ou asociación equina con representación xurídica propia actuando en representación dos seus comuneiros ou asociados, para cada un deles, os números de identificación dos animais asegurados (anexo IX da orde).
3º. Copia da póliza de seguro subscrita coa empresa aseguradora e as súas regularizacións e actualizacións para aquelas pólizas contratadas desde o 1 de xaneiro de 2013, de ser o caso.
4º. A póliza virá acompañada do documento que verifique o pagamento efectivo da prima de seguro, e dicir, un xustificante bancario do pagamento debidamente selado pola entidade, o cal pode ser un xustificante de transferencia bancaria, un xustificante bancario de ingreso de efectivo por mostrador ou unha certificación bancaria. Se o pagamento se instrumenta mediante cheques mercantís que permiten o pagamento aprazado (cheque, obriga de pagamento, letra de cambio) presentarase a factura xunto coa copia do efecto mercantil, acompañado da documentación bancaria (extracto da conta do beneficiario, documento bancario acreditativo do pagamento do efecto) en que conste que o dito efecto foi efectivamente cargado na conta da persoa beneficiaria, dentro do prazo para a xustificación da axuda (desde o 1 de xaneiro ao 2 de novembro de 2013).
3. No caso de que haxa algunha variación en relación coa declaración xa incluída no anexo de solicitude do conxunto de todas as solicitudes de axuda, efectuadas ou concedidas para o mesmo proxecto polas distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, así como doutros ingresos ou recursos que financien o proxecto, no momento previo ao pagamento final deberán presentar unha declaración complementaria a este respecto (anexo VI).
Artigo 13. Obrigas
1. Ademais da documentación complementaria que durante a tramitación do procedemento poidan exixir os órganos competentes da Consellería do Medio Rural e do Mar, as persoas beneficiarias das axudas teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas, polo Consello de Contas ou polo servizo de auditoría interna do Fogga, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas públicas, así como a que lles sexa solicitada por calquera órgano comunitario de inspección ou control.
2. Nas axudas á subscrición de pólizas de seguro de responsabilidade civil por danos fronte a terceiros, no caso da saída do animal da explotación, so poderá ser con destino a sacrificio ou ben a outra explotación equina galega en réxime extensivo. En caso contrario, incoarase o correspondente procedemento de reintegro da axuda recibida.
3. Os beneficiarios de axudas á identificación equina financiados con fondos comunitarios deben de levar un sistema de contabilidade separado, ou ben un código contable axeitado para todas as transaccións relativas ás operacións de identificación dos équidos, conforme ao establecido no artigo 75 do Regulamento (CE) nº 1698/2005 do Consello, relativo ás axudas ao desenvolvemento rural a través do Feader.
Artigo 14. Modificación da resolución de concesión
1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas previstas nesta orde e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.
2. Así mesmo, poderá acordarse a modificación da resolución de concesión por instancia da persoa beneficiaria, de conformidade co previsto no artigo 14.m) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da lei, sempre que concorra algunha das seguintes circunstancias:
a) Cambio de titularidade da explotación.
b) Perda de parte ou de todos os animais obxecto da identificación ou asegurados por venda, enfermidade, desastre natural ou outras circunstancias que repercutan á baixa no número de animais para identificar ou asegurar.
A solicitude de modificación da resolución deberá presentarse antes do día 2 de novembro de 2013.
Artigo 15. Reintegro das axudas
1. O interesado ten a obriga de reintegro total ou parcial da subvención ou axuda pública percibida xunto cos xuros de demora desde o seu pagamento no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e, en todo caso, nos supostos previstos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, tendo en conta as excepcións contidas nela e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da lei.
2. Ademais, para o caso das axudas á identificación equina, os beneficiarios deberán observar tamén o disposto no artigo 2 do Regulamento 937/2012 polo que se modifica o texto do artigo 5 número 2 do Regulamento (CE) 65/2011, no cal se establece que os xuros se calcularán en función do tempo transcorrido entre a finalización do prazo de pagamento para o beneficiario indicado na orde de recuperación, que non poderá fixarse en máis de 60 días entre a data de reembolso ou dedución.
Artigo 16. Controis, reducións, exclusións e sancións
1. A Dirección Xeral de Produción Agropecuaria será a responsable de efectuar as actuacións necesarias tendentes á realización tanto dos controis administrativos das solicitudes de axuda e de pagamento como dos controis sobre o terreo, para verificar o cumprimento polos beneficiarios dos compromisos e obrigas que asumisen, todo isto sen prexuízo dos controis que deban realizar outras unidades con base no disposto na regulamentación aplicable a esta medida.
2. No tocante a infraccións e sancións, será de aplicación o título IV, infraccións e sancións administrativas en materia de subvencións, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvenciones de Galicia.
3. Ademais, no caso das axudas á identificación equina, estas están suxeitas aos controis establecidos no Regulamento (CE) 65/2011, do 27 de xaneiro, particularmente nos artigos 24, 25 e 26. O cálculo dos pagamentos e a imposición de reducións, exclusións e sancións efectuarase consonte as disposicións do artigo 30 do Regulamento (CE) 65/2011, do 27 de xaneiro.
Artigo 17. Financiamento
O financiamento das axudas recollidas na presente orde efectuarase con cargo a:
1. Axudas á identificación do gando equino:
Ás aplicacións orzamentarias 12.22.713E.770.3 e 12.22.713E.781.1 dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia, nas cales existe crédito adecuado para o ano 2013 de noventa mil cincocentos euros (90.500 euros) e nove mil cincocentos euros (9.500 euros), respectivamente. Esta axuda está cofinanciada polo Feader, o Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente e a Xunta de Galicia. As ditas aplicacións orzamentarias poderán incrementarse con fondos adicionais, comunitarios, estatais e da comunidade autónoma.
2. Axudas á subscrición de pólizas de seguro de responsabilidade civil por danos fronte a terceiros:
A aplicación orzamentaria 12.22.713C.771.3 dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia, na cal existe crédito adecuado para o ano 2013 de corenta e cinco mil euros (45.000 euros). Esta axuda está financiada integramente con fondos da Comunidade Autónoma.
Disposición adicional primeira. Publicidade das axudas
1. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería do Medio Rural e do Mar publicará na súa páxina web oficial as concesións das axudas reguladas nesta orde, polo que a presentación da solicitude leva implícita autorización para o tratamento necesario dos datos dos/as beneficiarios/as e da súa publicación na citada páxina web, e procederase tamén á súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo coa Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
2. Así mesmo, de acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións, convenios e sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da axuda consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como as sancións impostas, de ser o caso.
Disposición adicional segunda
En todo o non recollido nesta orde aplicarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 xuño, de subvencións de Galicia, así como o establecido no Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia 2007-2013 e no Regulamento (CE) nº 1698/2005, do 25 de setembro, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Feader.
Disposición derradeira primeira
Facúltase a directora xeral de Produción Agropecuaria para ditar as instrucións precisas para a aplicación desta orde.
Disposición derradeira segunda
A presente orde entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 29 de maio de 2013
Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar