O Concello de Bueu considerou conveniente organizar correctamente o seu emblema municipal para perpetualo coa simboloxía adecuada e conforme as normas de heráldica. Para iso, e de acordo coas facultades que lle confiren as disposicións legais vixentes, elevou o informe histórico-heráldico, coa correspondente proposta de representación gráfica do escudo, para a súa aprobación definitiva.
A competencia exclusiva en materia de adopción, modificación ou rehabilitación dos emblemas heráldicos dos concellos e doutras entidades locais corresponde á Comunidade Autónoma galega, segundo o disposto polo artigo 27.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.
O expediente tramitouse conforme as normas de procedemento establecidas na Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local; Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia; no Decreto 19/2010, do 11 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento de símbolos das entidades locais de Galicia, e no Regulamento de organización, funcionamento e réxime xurídico das corporacións locais, aprobado polo Real decreto 2568/1986, do 10 de decembro.
Na súa virtude, visto o informe emitido pola Comisión de Heráldica da Xunta de Galicia e por proposta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trinta de maio de dous mil trece,
DISPÓN:
Artigo único
Aprobar o escudo do Concello de Bueu, que figura como anexo, organizado do seguinte xeito:
De azur (azul), un navío (bergantín) de ouro (amarelo) coas velas despregadas de prata (branco), sobre ondas de prata e azur. Ao timbre, coroa real pechada.
Santiago de Compostela, trinta de maio de dous mil trece
Alberto Núñez Feijóo
Presidente
Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza
ANEXO