Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 122 Venres, 28 de xuño de 2013 Páx. 25549

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 29 de maio de 2013, da Xefatura Territorial da Coruña, de autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución e declaración de utilidade pública, en concreto, dunha instalación eléctrica no concello de Ordes (expediente IN407A 54/2012).

Visto o expediente para o outorgamento da autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución e declaración de utilidade pública, en concreto, da instalación que a continuación se detalla:

Solicitante: Unión Fenosa Distribución, S.A.

Domicilio social: avda. de Arteixo, 171 A Coruña.

Denominación: LMT, CTC e RBT Paraíso II.

Situación: concello de Ordes.

Características técnicas:

Liña de media tensión soterrada (LMTS) a CTC Paraíso II, a 20 kV, cunha lonxitude de 0,652 km, con condutor tipo RHZ1-2OL 12/20 kV-3(1×240) Al, con orixe en empalmes que se van realizar en LMTS SME-809 entre CTC Paraíso (expediente IN407A 2001/195) e CT Instituto (expediente IN407A 1998/169), e final na mesma liña unha vez que entre e saía do CT Paraíso II proxectado.

Liña de media tensión soterrada (LMTS) a CTC enlace SIG-802, a 20 kV, cunha lonxitude de 0,025 km, con condutor tipo RHZ1-2OL 12/20 kV-3(1×240) Al, con orixe no CT Paraíso II proxectado e final en apoio existente da LMTA SIG-802 anterior ao CT Paraíso (expediente 27211), que se vai desmontar.

Centro de transformación (CT) prefabricado Paraíso II, cunha potencia de 250 kVA , con celas compactas 3L+1P, e unha relación de transformación 20.000/400-230 V.

Saídas de baixa tensión soterradas do Paraíso II, cunha lonxitude de 0,140 km, composta por dous circuítos con condutor tipo XZ1 0,6/1 kV 4(1×240) Al, con orixe no CT Paraíso II proxectado e final nas redes de baixa tensión aéreas existentes, no concello de Ordes.

Resultan os seguintes feitos:

Primeiro. Mediante Resolución do 10 de xullo de 2012 esta xefatura territorial someteu a información pública a solicitude de autorización administrativa e declaración de utilidade pública, en concreto, de acordo co establecido no Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro. A resolución foi publicada no DOG do 7 de agosto de 2012, no BOP do 30 de xullo de 2012 , e no diario La Voz de Galicia do 20 de xullo de 2012; así mesmo consta o certificado de exposición ao público no taboleiro de anuncios do Concello de Ordes. Do mesmo xeito, procedeuse á notificación individual aos propietarios dos bens e dereitos afectados.

Segundo. De acordo co establecido no artigo 127 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, deuse traslado ás distintas administracións, organismos ou, se for o caso, empresas de servizo público ou de servizo de interese xeral dunha separata do proxecto na parte que a instalación puidese afectar bens e dereitos ao seu cargo, incluíndo as características da instalación e a documentación cartográfica correspondente.

Remitíronse separatas aos seguintes organismos:

– Ao Concello de Ordes, que amosou a súa conformidade con condicionantes, entre os cales está a presentación de autorización previa da Consellería de Economía e Industria para a instalación eléctrica, a autorización da Deputación Provincial, así como de todos os organismos afectados, exixe aval e, así mesmo, que a canalización baixo a calzada se execute soterrada mediante un equipamento de perforación dirixido, na medida do posible. A empresa promotora está conforme ao respecto.

– Á Deputación Provincial da Coruña, quen non contestou. Reiterouse a solicitude e non se tivo resposta.

Terceiro. Durante o período de información pública foron presentadas as seguintes alegacións:

Elena Mirás Mariño (propietaria do predio nº 1), quen alega que ten a titularidade do predio afectado, e que se lle notificou a ocupación para o centro de transformación.

Propón alternativas por orde de preferencia, desprazar o CT ao final do camiño de acceso, situar o CT soterrado, desprazar o CT de maneira que ocupe a metade do terreo no predio lindante e desprazamento do CT ao norte, ata que sexa lindante co predio do veciño.

Ademais, indica que o predio está clasificado no novo PXOM como zona urbana, dotado de vías que acceden á estrada Ordes-Ponte Carreira, rede de sumidoiros, auga, luz e liña telefónica, e que o solo está nunha rede de edificacións, e con expectativas urbanísticas.

Tamén alega que a instalación do transformador non só afecta a superficie ocupada senón tamén a servidume, en que non se poderá edificar. Sinala que se debe ter en conta a zona de servidume da liña de condución eléctrica, unha banda de 15 metros aproximadamente que impide as plantacións e toda clase de obras e especialmente edificios de nova planta.

Cuarto. As alegacións foron remitidas á empresa promotora, que contestou nos seguintes termos:

En relación coa alegación de Elena Mirás Mariño (propietaria do predio nº 1), a empresa promotora respondeu que a proposta de trasladar a situación do CT ao final do camiño non é posible xa que non se pode instalar no camiño público ocupando este ben de titularidade pública, e se fose a algún predio implicaría trasladar a afección a outra propiedade particular, e os propietarios poderían manifestarse no mesmo sentido que a alegante.

En canto á proposta de realizar o CT soterrado, isto non suporía a eliminación das afeccións sobre o terreo.

Sinala a empresa que o CT debe gardar unha distancia de recuamento de cinco metros aos lindes por aplicación da normativa urbanística do concello.

Engade que a clasificación urbanística deste predio e os servizos con que conta serán emitidos polo concello e que o novo PXOM non está en vigor.

En canto á valoración dos bens afectados, será o Xurado de Expropiación de Galicia o encargado de valoralos segundo a lexislación aplicable.

Aclara que a parcela está afectada por trinta e sete metros de pleno dominio, sen que a parcela se vexa gravada con afección distinta á sinalada, e que a dita sociedade non ten coñecemento da limitación dunha franxa de 15 metros libre de plantacións e novas edificacións á que fai referencia. Engade que fóra do límite de superficie expropiada non existe impedimento na normativa eléctrica, nin por parte desta sociedade, para que se realicen os usos ou actividades que a propietaria considere oportuno e a normativa lle permita.

A empresa promotora presentou un escrito complementario á súa resposta anterior, alegando que o artigo 161 do Real decreto 1955/2000 establece que non é admisible a variante cando o seu custo sexa superior nun 10 % ao orzamento da parte afectada pola variante, e que o proposto de soterrar o CT supera ese 10 %, polo que non é admisible a modificación proposta. Considera que o proxecto en tramitación cumpre a normativa, lexislación e regulamentación exixida.

Fundamentos de dereito:

Primeiro. A Xefatura Territorial da Consellería de Economía e Industria é competente para resolver este expediente con fundamento no Estatuto de autonomía de Galicia, o Real decreto 2563/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de industria, enerxía e minas (BOE núm. 246, do 24 de xullo); a Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico (BOE núm. 285, do 28 de novembro); o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, e o Decreto 36/2001, do 25 de xaneiro, que establece os órganos competentes para a resolución dos procedementos de autorización de instalacións eléctricas que sexan competencia da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG núm. 34, do 16 de febreiro).

Segundo. No presente expediente cumpríronse os trámites sinalados na Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, e no título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro.

Terceiro. A autorización administrativa, a aprobación do proxecto de execución e a declaración de utilidade pública, en concreto, das instalacións obxecto deste expediente, cumpren coa normativa vixente, isto é, a Lei 54/1997, do 27 de novembro; o Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro; o Real decreto 3275/1982, do 12 de novembro, sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en centrais eléctricas, subestacións e centros de transformación (BOE núm. 288, do 1 de decembro); o Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre condicións técnicas e garantías de seguridade en liñas eléctricas de alta tensión e as súas instrucións técnicas complementarias (BOE núm. 68, do 19 de marzo); e o Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico para baixa tensión (BOE núm. 224, do 18 de setembro).

Cuarto. Á vista das alegacións formuladas e das contestacións achegadas pola empresa solicitante, cómpre facer unhas consideracións previas de carácter xeral en relación coa descrición dos bens afectados, coas peticións de modificación de trazado e coa valoración económica deses bens:

1) As manifestacións e datos que sexan útiles para determinar os dereitos afectados, así como a medición e descrición exacta das superficies e bens afectados, faranse constar no levantamento da acta previa á ocupación, momento para o que os interesados afectados sexan oportunamente convocados mediante notificación. Este acto desenvolverase de conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954.

2) De conformidade co disposto no número 1.5 da Instrución técnica complementaria ITC-LAT 07 do Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, as liñas eléctricas aéreas estudaranse seguindo o trazado que considere máis conveniente o autor do proxecto, no seu intento de acadar a solución óptima para o conxunto da instalación, axustándose en todo caso ás prescricións que nesta instrución se establecen. É dicir, o trazado da liña será o elixido polo autor do proxecto, sempre que cumpra os requisitos xerais e de seguridade que establece o propio Real decreto 223/2008, do 15 de febreiro, e non infrinxa as limitacións e prohibicións que para a constitución de servidumes de paso de liñas aéreas establecen o artigo 57 da Lei 54/1997, do 27 de novembro, e o artigo 161 do Real decreto 1995/2000, do 1 de decembro.

3) Polo que respecta á valoración dos terreos e bens afectados, para o caso de que as partes non cheguen a un acordo previo, a determinación do prezo xusto corresponde ao Xurado de Expropiación de Galicia, de conformidade coas normas establecidas no capítulo III da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954, e no tamén capítulo III do Regulamento da Lei de expropiación forzosa, do 26 de abril de 1957.

Polo que se refire, en concreto, ás alegacións formuladas por Elena Mirás Mariño, ademais do sinalado nos tres números anteriores deste cuarto fundamento de dereito, cómpre manifestar o seguinte:

1) Respecto á solicitude de variación de localización do centro de transformación e, consecuentemente, das liñas eléctricas soterradas proxectadas, hai que dicir que non consta acreditado que existan limitacións á constitución de servidume de paso recollidas no artigo 57 da Lei do sector eléctrico e 161 do Real decreto 1955/2000. Así mesmo, o Concello de Ordes informa que non existe inconveniente desde o punto de vista técnico á dita instalación eléctrica.

2) En canto á afección da parcela, recóllese no anuncio sometido a información pública, coa relación concreta e individualizada dos bens e dereitos afectados polo procedemento de expropiación forzosa do pleno dominio ou para a imposición de servidume de paso de enerxía eléctrica. Non obstante, cabe dicir que sería durante o levantamento da acta previa de ocupación, acto a cal deben ser convocados os interesados conforme establece o artigo 52 da Lei do 16 de decembro de 1954, sobre expropiación forzosa, cando se describirá o ben ou dereito expropiable e se farán constar todas as manifestacións e datos que acheguen uns e outros e que sexan útiles para determinar os dereitos afectados, os seus titulares, o valor daqueles e os prexuízos determinantes da rápida ocupación; así mesmo, hai que dicir que o número 1 do artigo 4 da Lei 54/1997, do sector eléctrico, establece que a declaración de utilidade pública levará implícita, en todo caso, a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados e implicará a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

3) En relación coa servidume de paso de enerxía eléctrica, cómpre dicir que o número 1 do artigo 58 de Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico, e o número 1 do artigo 162 do Real decreto 1955/2000 establecen que a servidume de paso de enerxía eléctrica non impide ao dono do predio servente cercalo ou edificar sobre el, deixando a salvo a devandita servidume, sempre que sexa autorizado pola Administración competente, que tomará en especial consideración a normativa vixente en materia de seguridade. Poderá tamén o dono solicitar o cambio de trazado da liña se non existen dificultades técnicas, e serán pola súa conta os gastos da variación, incluíndo nos devanditos gastos os prexuízos ocasionados.

4) Respecto á indemnización polo valor dos bens e dereitos que se van expropiar, hai que dicir que non corresponde a este momento procedemental xa que, segundo establece o artigo 156 do Real decreto 1955/2000, efectuada a ocupación do terreo, tramitarase o expediente de expropiación e a imposición de servidume nas súas fases de prezo xusto e pagamento, segundo a regulación establecida na Lei de expropiación forzosa e as súas normas de desenvolvemento; así mesmo, a indemnización polo valor dos bens e dereitos que se van expropiar determinaranse de conformidade co previsto no capítulo III do título II da Lei de expropiación forzosa.

Corresponde a fixación do prezo xusto na expropiación forzosa, cando a Administración expropiante sexa a Comunidade Autónoma, ao Xurado de Expropiación de Galicia (artigo 232 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia); de conformidade coas normas establecidas no capítulo III da Lei de expropiación forzosa, do 16 de decembro de 1954, e no tamén capítulo III do Regulamento da Lei de expropiación forzosa, do 26 de abril de 1957.

De acordo co anterior, e no exercicio das competencias atribuídas, resolve:

Autorizar, aprobar o proxecto de execución, e declarar de utilidade pública, en concreto, as ditas instalacións, nas cales as características se axustarán en todas as partes ás que figuran no proxecto e ás condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación.

Esta autorización outórgase sen prexuízo das concesións e autorizacións que sexan necesarias, de acordo con outras disposicións que resulten aplicables e, en especial, as relativas á ordenación do territorio e ao ambiente.

As instalacións executaranse nun prazo non superior a un ano, contado a partir da data de ocupación dos terreos.

A declaración de utilidade pública leva implícita a necesidade de ocupación dos bens ou de adquisición dos dereitos afectados, e implicará a urxente ocupación para os efectos do artigo 52 da Lei de expropiación.

Contra a presente resolución poderase interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación desta resolución; tamén se poderá interpoñer calquera outro recurso que considere pertinente ao seu dereito.

A Coruña, 29 de maio de 2013

Susana Vázquez Romero
Xefa territorial da Coruña