Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 132 Venres, 12 de xullo de 2013 Páx. 27838

III. Outras disposicións

Consellería de Sanidade

ORDE do 11 de xullo de 2013 pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións en réxime de concorrencia competitiva para o cofinanciamento de proxectos de prevención de drogodependencias e condutas adictivas promovidos por concellos ou agrupacións de concellos da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria.

A Estratexia nacional sobre drogas 2009-2016, cos seus correspondentes plans de acción, recollen a prevención do consumo de drogas como o ámbito clave. Concretamente, o Plan de acción 2013-2016 da dita estratexia pon en valor a dimensión da saúde pública como compoñente social nas políticas de drogas e supón unha firme aposta para mellorar as intervencións e garantir a súa calidade a través da actividade coordinada entre todas as administracións contando coa colaboración imprescindible dos concellos para pór en marcha as medidas que contén o dito plan, onde se prevén seis ámbitos de intervención de acordo cos obxectivos marcados na estratexia nacional. O maior peso recae no ámbito da redución da demanda, que conta con 36 accións, o que supón máis da metade das que ten o plan. Dentro dese ámbito, a prevención é o parte privilexiada, con 17 accións, entre as cales se destacan accións dirixidas a sensibilizar e informar os distintos sectores sociais sobre os riscos a que pode conducir o consumo de drogas, así como a énfase posta en todo o que ten que ver coa prevención nos ámbitos educativo e escolar.

O Plan de trastornos adictivos de Galicia 2011-2016 recolle, así mesmo, dez liñas estratéxicas de actuación entre as cales destaca: a redución da prevalencia dos consumos de bebidas alcohólicas, tabaco ou drogas ilícitas; a regulación e control da oferta de bebidas alcohólicas e tabaco a menores; a prevención das adiccións sociais e condutas relacionadas e a diminución de riscos e redución de danos asociados ao uso e abuso de drogas. Concretamente, as cinco primeiras liñas estratéxicas establecen as actuacións clave e as persoas responsables de desenvolvelas, e serán os concellos e as entidades cidadás, é dicir, as entidades privadas que traballan en materia de drogodependencias, as que terán competencia no desenvolvemento de campañas e actos de sensibilización social sobre as consecuencias do uso e abuso de drogas e outras adiccións sociais e condutas relacionadas, e na elaboración de guías e materiais de sensibilización social nos ámbitos escolar, familiar, xuvenil e laboral. Faise especial fincapé na necesidade de ter en conta as evidencias científicas existentes para o deseño das políticas e programas en materia de prevención.

Para o desenvolvemento deste plan tívose en conta a investigación socio-epidemiolóxica do consumo de drogas. En Galicia, esta investigación faise de forma continuada desde o ano 1988 con estudos bianuais. O último estudo do consumo de drogas en Galicia, ademais da análise de prevalencias, factores de risco e protección e doutras variables sociolóxicas, describe o mapa de risco epidemiolóxico atendendo á ordenación das diferentes áreas sanitarias de Galicia.

O mapa establece dous índices de risco: o índice do risco absoluto, en función da presenza significativa das trece drogas estudadas en cada unha das áreas e o índice de risco relativo que pondera a incidencia de cada droga polo peso de poboación de cada área de saúde, isto permite establecer unha orde de prioridade. Así, cun risco alto atópanse as áreas sanitarias de Vigo, A Coruña e Santiago de Compostela, cun risco medio-alto atópanse as de Ourense, Ferrol, Pontevedra e Lugo e cun risco menor as do Salnés, Cervo-Burela, O Barco de Valdeorras e Monforte de Lemos.

Así pois, salientando a importancia de intensificar a coordinación e cooperación institucional e co fin de promover a participación social entre concellos de Galicia que traballan no ámbito da prevención, e de acordo cos obxectivos estratéxicos do Plan de trastornos adictivos de Galicia, esta orde pretende fomentar e dar continuidade ás políticas de prevención de drogodependencias e doutras condutas adictivas impulsadas desde hai anos pola Xunta de Galicia.

Cómpre por iso que, ademais de pretender dar continuidade temporal aos programas desenvolvidos ao abeiro dos convenios de colaboración asinados entre diversos concellos de Galicia e a Consellería de Sanidade en materia de prevención de drogodependencias durante anos anteriores, se promova a concorrencia competitiva neste ámbito de actuación a novos concellos de Galicia.

A orde conta cun total de 23 artigos e tres disposicións derradeiras. Ten como obxecto o establecemento das bases reguladoras e a convocatoria, en réxime de cofinanciamento e concorrencia competitiva de subvencións a proxectos de prevención de drogodependencias e condutas adictivas, e poderán concorrer á concesión das ditas subvencións todos aqueles concellos da Comunidade Autónoma de Galicia que pretendan desenvolver individualmente ou agrupados un proxecto obxecto da presente orde.

De acordo co exposto, e con suxeición ao previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e ao Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o seu regulamento, e na Lei 4/2006, do 30 de xullo, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e en consonancia coas facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, modificada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro, nos seus artigos 34 e 38,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convocar en réxime de cofinanciamento e concorrencia competitiva a concesión de subvencións a proxectos de prevención de drogodependencias e condutas adictivas que se van desenvolver en Galicia nos anos 2013 e 2014, en consonancia coas áreas de actuación prioritarias establecidas pola Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública, entre as cales se atopan as recollidas no artigo 4 da presente orde.

2. Aos aspectos non contidos nesta orde aplicarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, pola que se aproba o seu regulamento e, supletoriamente, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no seu regulamento, aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo.

Artigo 2. Beneficiarios

Poderán concorrer á concesión das subvencións, todos aqueles concellos da Comunidade Autónoma de Galicia que pretendan desenvolver individualmente ou agrupados, un proxecto de prevención das drogodependencias e outras condutas adictivas, obxecto da presente orde.

A asignación económica da subvención terá carácter individual para cada concello, agás no caso de agrupacións de concellos en que se asignará unha única subvención para realizar o proxecto común. Nestes casos, os concellos integrantes da agrupación nomearán un/unha representante único/a do proxecto conxunto que actuará como coordinador/a e interlocutor/a coa Consellería de Sanidade.

Ningún concello poderá figurar nunha solicitude colectiva e subscribir outra individual. De darse o caso prevalecerá a solicitude realizada de forma conxunta.

Artigo 3. Requisitos

Serán requisitos para optar a unha subvención para os proxectos de prevención de drogodependencias e condutas adictivas:

1. A presentación dun proxecto de actuación para os anos 2013 e 2014 orientado ao fomento de estilos de vida saudables cara á prevención das drogodependencias e outras condutas adictivas (sociais e comportamentais). Este proxecto denominarase xenericamente para os efectos desta convocatoria: Proxecto de prevención de drogodependencias e condutas adictivas no eido local.

2. A creación formal dunha unidade/servizo de prevención de condutas adictivas que estará constituída, polo menos, por un/unha profesional (titulado/a superior ou grao medio), preferentemente licenciado/a en Psicoloxía, Pedagoxía, Educación Social ou Traballo Social, con formación específica en drogodependencias e outras condutas adictivas, que actuará como coordinador/a e representante técnico do proxecto ante a Consellería de Sanidade.

3. Contar coa infraestrutura física axeitada e necesaria para a localización da unidade/servizo de prevención de condutas adictivas cara ao adecuado desenvolvemento das funcións e programas e actividades que debe desenvolver.

4. Estar inscrito/s no momento da solicitude de subvención, no Rexistro de entidades colaboradoras do Plan de Galicia sobre drogas regulado no Decreto 74/2002, do 28 de febreiro, polo que se crea o Rexistro de entidades colaboradoras do Plan de Galicia sobre drogas, e se regula o procedemento para a súa declaración de interese, modificado polo Decreto 58/2005, do 24 de febreiro.

5. Para tal efecto, o concello solicitante non rexistrado, poderá con carácter previo á solicitude da subvención, solicitar a súa inscrición na Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública quen procederá, sempre que cumpra os requisitos necesarios exixidos no decreto citado no punto anterior, á súa inscrición no rexistro nun prazo máximo de 15 días contados desde a data de entrada da solicitude na Subdirección Xeral de Programas de Fomento de Estilos de Vida Saudables, unidade xestora do antedito rexistro.

6. Acreditar de forma fidedigna, a institución solicitante, unha experiencia profesional de traballo no eido das drogodependencias de cando menos 5 anos.

7. Para o caso de proxectos presentados con carácter individual ou de agrupación de concellos, deberán abranguer unha área de actuación dun mínimo de 10.001 habitantes, ben como concello individual ou como suma dos/as habitantes dos concellos para os cales se presenta o proxecto común.

Para tal fin, comprobarase a veracidade de tal aspecto mediante o padrón municipal que figure na páxina web do Instituto Galego de Estatística na data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

8. Os concellos ou a agrupación de concellos optarán á clase que lles corresponda segundo o indicado no artigo 8 desta orde.

9. Presentar a documentación completa requirida no artigo 11 desta orde, no prazo establecido nel.

10. No suposto de solicitudes presentadas por agrupacións de concellos, será suficiente con que os anteriores requisitos sexan cumpridos por, polo menos, un deles.

Artigo 4. Contidos dos proxectos

1. Serán programas e actividades de carácter obrigatorio nas áreas da prevención universal, selectiva e indicada:

Aqueles proxectos que desenvolvan programas de prevención das drogodependencias nos ámbitos comunitario, escolar, familiar e xuvenil recollidos no catálogo de programas que figuran na carteira de servizos en materia de prevención do Plan de Galicia sobre drogas da Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública da Consellería de Sanidade que, tamén, se reflicten no anexo II da presente orde.

2. Serán programas e actividades de carácter complementario e voluntario, igualmente valorables, neste eido da prevención:

Aqueles programas e actividades encamiñadas á prevención das drogodependencias dirixidos a outros ámbitos que, recollidos ou non, no citado catálogo, se estean levando a cabo ou propoñan pór en marcha os concellos. Para tal fin, poderanse desenvolver programas no ámbito da prevención laboral, xénero ou outras actividades transversais de información, sensibilización e formación de mediadores/as sociais e sanitarios/as (ver anexo II da presente orde).

Tanto nas actividades de carácter obrigatorio como nas complementarias e voluntarias deberase prever a perspectiva de xénero, no relativo á súa metodoloxía e contidos.

Artigo 5. Funcións da unidade/servizo de prevención de condutas adictivas

1. Atender e canalizar as demandas de información, asesoramento e formación en relación coas drogas no seu ámbito territorial de actuación.

2. Planificar, programar, coordinar, executar e avaliar programas de prevención de drogodependencias nos diferentes ámbitos de intervención: educativo, familiar, xuvenil, laboral, poboacións vulnerables, programas en clave de xénero e outras actividades transversais de información-sensibilización, así como formación de mediadores/as sociais e sanitarios/as.

3. Mecanizar todos os programas preventivos realizados así como cada unha das variables que conforman o Sistema de información da Consellería de Sanidade na área da prevención das drogodependencias, a través da aplicación informática Xesapi (Xestión do Sistema de avaliación de programas de prevención).

4. Ser un nexo de unión e de coordinación coas distintas entidades que potencialmente poidan estar implicadas no proxecto no ámbito do seu territorio de actuación, tales como: centros escolares, sociais, sanitarios, entidades veciñais e de todo tipo, e a Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública.

5. Difundir á sociedade por todos os medios de comunicación ao seu alcance as estratexias preventivas que se estean realizando no seu territorio, así como os resultados alcanzados con elas: visualización social do proxecto no contexto que se aplica.

6. Detectar no seu ámbito posibles incumprimentos de normativa sobre promoción, publicidade, venda e consumo de bebidas alcohólicas e tabaco.

7. Atender ás indicacións da Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública emanadas dos principios e directrices do Plan de trastornos adictivos da Xunta de Galicia 2011-2016 en materia de prevención; en concreto, no que poida atinxir á realización conxunta de proxectos piloto en materia de innovación e xestión da saúde pública.

8. Elaborar os informes que permitan o correcto seguimento e avaliación dos proxectos segundo os procedementos de seguimento e avaliacións intermedias, que determine a Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública.

Artigo 6. Dispoñibilidade orzamentaria

1. A contía total das subvencións concedidas ao abeiro da presente orde aos proxectos de prevención de drogodependencias e condutas adictivas, ascende a 1.154.000 euros, e financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 1002.413A.460.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia. Distribuiranse en dúas anualidades:

– Ano 2013: 807.800 €.

– Ano 2014: 346.200 €.

2. Non entanto, estas contías pódense ver incrementadas a través das oportunas modificacións orzamentarias, quedando condicionadas á dispoñibilidade do crédito como consecuencia dalgunha das circunstancias expostas no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e en todo o demais aplicarase o mencionado no citado artigo.

3. En calquera caso, a concesión das subvencións reguladas nesta orde limitarase ás dispoñibilidade orzamentaria existente no momento de resolución de concesión. As subvencións que se concedan e as contribucións que se conveñan terán carácter ocasional, están suxeitas a limitación orzamentaria e non xerarán ningún dereito de continuidade na asignación de financiamento aos concellos destinatarios para exercicios sucesivos.

Artigo 7. Normas xerais sobre as subvencións

1. A contía da subvención non poderá ser superior á cantidade solicitada ou ao 95 % do orzamento total do proxecto para o cal se solicita a subvención.

2. Ademais, a contía máxima destas subvencións non poderá, en ningún caso, superar o custo do proxecto que desenvolvan os concellos beneficiarios, xa sexa illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións ou entes públicos ou privados.

3. Nos proxectos presentados de forma agrupada, serán excluídas ou non admitidas de inicio as solicitudes que non acrediten unha realización conxunta de actividades ou servizos e que supoñan actuacións independentes en cada entidade local.

4. Poderán subvencionarse os programas e actividades recollidas no proxecto que abranga a súa realización desde o 1 de xaneiro de 2013 ata o 31 de marzo de 2014.

5. Só se subvencionará un proxecto, presentado individualmente ou por unha agrupación de concellos. Por iso, só se poderá optar á subvención e concorrer a unha das clases especificadas no artigo 8 da presente orde.

6. Os proxectos serán seleccionados dentro da clase a que opte a/s institución/s solicitante/s con base na puntuación que acaden en aplicación dos criterios especificados no artigo 9 da presente orde.

7. Só serán seleccionados para a definitiva adxudicación da contía que se subvencionará aqueles proxectos que acaden unha puntuación mínima de 50 puntos da puntuación máxima teórica de 100 puntos que se poden acadar na fase de baremación.

8. Para o procedemento de selección e asignación da correspondente contía que resulte daquela, aplicarase o procedemento especificado nos puntos 5 e 6 do artigo 33 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

9. O empate na puntuación acadada entre proxectos que se presenten para un concello ou agrupacións de concellos, resolverase a favor daquel proxecto que xa fose subvencionado con anterioridade a través de convenios de colaboración coa Consellería de Sanidade, co fin de darlle continuidade temporal. A posible persistencia no empate resolverase a favor do proxecto presentado conxuntamente por un maior número de concellos. Se aínda así persiste o empate, este, resolverase por sorteo simple.

10. A subvención que se concederá para cada proxecto será aboada en función das porcentaxes e exercicios establecidas no artigo 20 relativo a forma de pagamento e xestión económica.

Artigo 8. Clases e contías das subvencións

a) Clase 1.

Para proxectos que enmarquen a súa xestión preventiva en concellos individuais ou en agrupacións de concellos que abranguen unha poboación igual ou superior aos 100.001 habitantes.

Destínanse a esta clase 192.334 euros da contía total da orde especificada no artigo 6.1, e outorgaráselles subvención só ata un máximo de 4 proxectos que acaden maior puntuación.

Nesta clase, a subvención mínima que se outorgará a cada proxecto acadará a contía de 48.000 euros, respectando a porcentaxe máxima expresada no artigo 7.1.

b) Clase 2.

Para proxectos que enmarquen a súa xestión preventiva en concellos individuais ou agrupacións de concellos que abranguen unha poboación igual ou superior aos 50.001 e igual ou inferior a 100.000 habitantes.

Destínanse a esta clase 269.266 euros da contía total da orde especificada no artigo 6.1, e outorgaráselles subvención só ata un máximo de 7 proxectos que acaden maior puntuación.

Nesta clase a subvención mínima que se outorgará a cada proxecto acadará a contía de 38.000 euros, respectando a porcentaxe máxima expresada no artigo 7.1.

c) Clase 3.

Para proxectos que enmarquen a súa xestión preventiva en concellos individuais ou agrupacións de concellos que abranguen unha poboación igual ou superior aos 10.001 e igual ou inferior a 50.000 habitantes.

Destínanse a esta clase 692.400 euros da contía total da orde especificada no artigo 6.1, e outorgaráselles subvención só ata un máximo de 35 proxectos que acaden maior puntuación.

Nesta clase, a subvención mínima que se outorgará a cada proxecto acadará a contía de 18.000 euros, respectando a porcentaxe máxima expresada no artigo 7.1.

Artigo 9. Criterios de baremación

Os criterios de baremación que serán aplicados á hora de seleccionar os proxectos presentados e que permitirán facer a proposta razoada das contías subvencionadas, son os seguintes:

1. Calidade técnica, rigor metodolóxico e definición dun proxecto de prevención de drogodependencias e condutas adictivas: ata 41 puntos.

Valorarase, segundo o índice recollido no anexo II, da forma seguinte:

a) Ata 5 puntos por cada programa de carácter obrigatorio que se desenvolva no ámbito especificado no artigo 4.1. Puntuación máxima que se pode obter nesta epígrafe: 35 puntos.

b) Ata 2 puntos por cada programa de carácter voluntario que se desenvolva noutros ámbitos, segundo o especificado no artigo 4.2. Puntuación máxima que se pode obter nesta epígrafe: 6 puntos.

Para a avaliación dos programas e da asignación da súa correspondente puntuación, cada un deles computará ata un índice base de 100 unidades, equivalente ao máximo de 5 puntos alcanzables por cada programa de carácter obrigatorio e de ata 2 puntos por cada un dos programas de carácter complementario e voluntario. O cálculo da puntuación obtida farase efectuando a conversión das unidades en puntos mediante regra de tres simple.

2. Pola simple presentación de solicitude conxunta de varios concellos nun proxecto común, nos termos e requisitos que se establecen na presente orde: 10 puntos.

3. Co fin de fomentar a agrupación de concellos, incentivaranse con ata 10 puntos aqueles proxectos que promovan o asociacionismo mutuo presentando un proxecto común, de acordo coa seguinte puntuación:

a) Polo número de concellos agrupados.

• Proxecto que agrupe a dous concellos: 1 punto.

• Proxecto que agrupe tres concellos: 2 puntos.

• Proxecto que agrupe catro concellos: 3 puntos.

• Proxecto que agrupe cinco concellos: 4 puntos.

• Proxecto que agrupe a seis ou máis concellos: 5 puntos.

b) Polo número de poboación total dos concellos agrupados.

• De 10.001 a 15.000 habitantes: 1 punto.

• De 15.001 a 20.000 habitantes: 2 puntos.

• De 20.001 a 30.000 habitantes: 3 puntos.

• De 30.001 a 40.000 habitantes: 4 puntos.

• De 40.001 ou máis habitantes: 5 puntos.

4. Valorarase con ata 10 puntos a presentación dunha memoria de aforro de custos das solicitudes formalizadas conxuntamente, respecto da formalizada de modo individual.

5. Grao de interacción da unidade/servizo coas estruturas existentes no/s concello/s: implicación e coordinación cos recursos escolares, sociais, sanitarios e sociosanitarios do ámbito local, mediante as oportunas acreditacións dos organismos e instancias manifestados: ata 4 puntos.

6. Emprego da lingua galega na redacción do proxecto e no desenvolvemento das actividades propostas: 1 punto.

7. Experiencia no desenvolvemento de programas de prevención de drogodependencias, expresada en anos de colaboración coa Consellería de Sanidade e co Servizo Galego de Saúde, nesta materia:

1. Valorarase con ata 5 puntos aquel concello que colaborase coa Consellería de Sanidade e co Servizo Galego de Saúde durante 15 ou máis anos.

2. Valorarase con ata 4 puntos aquel concello que colaborase coa Consellería de Sanidade e co Servizo Galego de Saúde entre 10 e 14 anos.

3. Valorarase con ata 2 puntos aquel concello que colaborase coa Consellería de Sanidade e co Servizo Galego de Saúde nove ou menos anos.

4. Valorarase con 0 puntos aquel concello que nunca colaborase con anterioridade coa Consellería de Sanidade e co Servizo Galego de Saúde.

No caso de se presentar dous ou máis concellos agrupados que con anterioridade contasen coa expresada colaboración, só se valorará esta epígrafe unha vez, e asignaránselle á agrupación os puntos do concello con maior tempo de colaboración coa Consellería de Sanidade e/ou co Servizo Galego de Saúde.

8. Segundo o índice de risco epidemiolóxico (IRE) de consumo de alcohol e outras drogas do espazo xeográfico en que desenvolven o proxecto:

1. Valorarase con 10 puntos se o IRE está definido como alto.

2. Valorarase con 5 puntos se o IRE está definido como medio-alto.

3. Valorarase con 1 punto se o IRE está definido como menor.

9. Tendo en conta a formación profesional e modalidade de contratación do persoal con que vaia contar o concello ou a agrupación de concellos, para levar a cabo o proxecto, tomando como referencia as categorías de persoal do convenio único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, puntuarase ata un máximo de 9 puntos de acordo coa seguinte puntuación:

1. Contratación a xornada completa:

Por cada titulado/a superior (grupo I laboral da Xunta de Galicia) 3 puntos; por cada titulado/a de grao medio (grupo II) 2 puntos e por especialistas e persoas encargadas (grupo III) 1 punto.

2. Contratación a media xornada:

Por cada titulado/a superior (grupo I laboral da Xunta de Galicia) 1,5 punto; por titulado/a de grado medio (grupo II) 1 punto e por especialistas e persoas encargadas (grupo III) 0,5 puntos.

Artigo 10. Cálculo das contías das subvencións

1. Aos proxectos que resulten seleccionados segundo a súa clase asignaráselles o crédito dispoñible segundo a relación ordenada que se obteña de maior a menor ata completar a contía global ou orzamento asignado á clase, segundo o especificado no artigo 8.

2. Para fixar a contía das subvencións que se outorgarán, dividirase o total do orzamento correspondente a cada clase entre a suma de puntos obtida pola valoración de todos os proxectos seleccionados nesa clase, e deste xeito obterase a cantidade en euros establecida para cada punto.

Unha vez obtido, na clase correspondente, o valor en euros de cada punto, multiplicarase pola puntuación obtida por cada proxecto presentado, para obter a contía da axuda.

3. Se nunha clase, un ou varios proxectos fosen excluídos da asignación das axudas, ben por non acadar a puntuación mínima exixida na fase de selección, ben porque a contía que se lle vai outorgar, resultante de aplicar o método antes descrito, non acada a subvención mínima que se debe outorgar, expresada segundo a clase no artigo 8, ou por calquera outra circunstancia debidamente xustificada, os importes destes proxectos excluídos reasignaranse aos proxectos restantes seleccionados na clase, e a contía que se asigne, calcularase da seguinte maneira:

a) Se o número de proxectos seleccionados nunha clase é só un menos do número máximo que se vai subvencionar, o orzamento total desa clase non variará, adxudicándose entre os seleccionados, segundo o método especificado no punto anterior.

b) Se o número de proxectos seleccionados son dous ou máis proxectos menos, dese máximo que se subvencionará nunha clase, o importe global da clase reducirase. O cálculo da redución farase da seguinte maneira.

Procederase a minorar do importe global da clase a suma das contías mínimas que estaban previstas para eses proxectos non seleccionados, repartindo esa suma como segue: o 50 % para incrementar o importe a adxudicar entre os seleccionados da clase e o outro 50 % pasará a incrementar por igual o orzamento das demais clases.

4. De semellante maneira ao expresado no punto anterior se procederá cando un ou varios proxectos non se presenten á concorrencia nunha clase, resultando menos proxectos para seleccionar que o número especificado que se subvencionará na clase.

5. En caso de non resultar seleccionado ningún proxecto nunha determinada clase ou quedar deserta a concorrencia nunha clase por mor de non se presentar ningún proxecto a ela, o orzamento global destinado a esa clase irá destinado en exclusiva a incrementar por igual os orzamentos das demais clases.

Artigo 11. Documentación, lugar e prazo de presentación das solicitudes

1. Documentación.

As solicitudes deberán presentarse xunto coa totalidade da documentación que se relaciona de seguido:

a) Anexo I de solicitude dirixida á Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública da Consellería de Sanidade.

b) Copia do NIF dos concellos solicitantes.

c) Copia compulsada do DNI do/a representante no caso de non autorizar a consulta dos seus datos de identidade no Sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas no anexo I e documentación acreditativa da representación.

d) Anexo II, memoria do proxecto en soporte papel e extensión recollida neste anexo.

e) Anexo III, declaración responsable e comprensiva do feito de non atoparse o concello ou concellos solicitantes incursos nalgunha das prohibicións recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. No caso de concellos que realizan a súa xestión asociados, xuntaranse as declaracións de cada concello participante no proxecto conxunto.

f) Anexo IV, declaración do concello/s solicitante/s da subvención en que figure o conxunto de subvencións e axudas solicitadas para o proxecto que presenta ou proxectos cos mesmos fins, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes das administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

g) Tal como prevé o artigo 3.10 da presente orde, no caso de que unha solicitude sexa presentada por un concello que pensa realizar a xestión do proxecto asociado a outro, ou varios, ademais da documentación exixida na alínea anterior, estes concellos deberán amosar individualmente a aceptación do nomeamento do concello solicitante como único representante do proxecto común, que actuará como representante ante a Consellería de Sanidade. Para tales efectos, téñense que achegar cubertos os anexos V e VI, de nomeamento de representante dos concellos agrupados e da aceptación conforme de tal condición, respectivamente.

2. Lugar de presentación.

As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Neste caso, a documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada, segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

En caso de enviarse por correo, o envío debera ser certificado, co selo de correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria.

3. Prazo de presentación de solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

4. Autorizacións.

A presentación da solicitude de subvención polo/s concello/s interesado/s comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente da Xunta de Galicia, cando sexan pertinentes. Non obstante, o solicitante poderá denegar expresamente o consentimento; neste caso deberá presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

Artigo 12. Emendas da solicitude

As unidades administrativas da Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública responsables da tramitación dos procedementos de concesión das subvencións reguladas nesta orde, comprobarán que as solicitudes reúnen todos os requisitos exixidos. Se unha solicitude non está debidamente cuberta ou non se achega a documentación exixida, requirirase o concello interesado para que, de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, emende a falta ou presente os documentos preceptivos nun prazo máximo e improrrogable de 10 días con indicación de que, se así non o fixer, se lle terá por desistido da súa solicitude e procederase conforme o establecido no devandito artigo.

Artigo 13. Instrución e comisión de valoración

1. O órgano competente para a instrución do procedemento de concesión será a Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública que, a través da Subdirección Xeral de Programas de Fomento de Estilos de Vida Saudables, en concreto, do Servizo de Prevención de Condutas Adictivas, realizará de oficio cantas actuacións considere necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación de datos que deben motivar a proposta de resolución.

2. Durante a instrución do procedemento constituirase como órgano colexiado unha comisión de valoración que, de acordo cos criterios de baremación das solicitudes establecidos no artigo 9 da presente orde, avaliará os proxectos dos concellos solicitantes e emitirá o correspondente informe coa puntuación acadada polos proxectos presentados, realizará a selección e emitirá informe ao órgano instrutor.

Esta comisión poderá adoptar validamente os seus acordos, sempre que asistan o/a presidente/a, ou persoa en quen delegue, a persoa que exerza de secretario/a, e polo menos a metade dos/as seus/súas membros. Se por calquera causa, no momento en que a comisión de avaliación ten que examinar as solicitudes, algún dos membros que a compoñen non pode asistir, será substituído pola persoa que, para o efecto, designe o/a presidente/a da comisión.

Para o seu funcionamento, a comisión rexerase polo establecido no título II, capítulo II, artigos 22 ao 27 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, relativo aos órganos colexiados.

A comisión de valoración, facendo a motivación oportuna, poderá requirir aos solicitantes das axudas información ou documentación adicional que, non estando en poder da Administración, teña fundamental relevancia e unha relación directa para unha mellor avaliación das solicitudes.

A comisión de valoración estará integrada polos/as seguintes membros:

• Presidente/a: a persoa titular da Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública ou persoa en quen delegue.

• Vogais:

• A persoa titular da Subdirección Xeral de Programas de Fomento de Estilos de Vida Saudables.

• A persoa titular da xefatura do Servizo de Prevención de Condutas Adictivas.

• Un/unha técnico/a do devandito servizo, que actuará como secretario/a.

• Un/unha ou dous/dúas avaliadores/as externos/as alleos á Subdirección Xeral de Programas de Fomento de Estilos de Vida Saudables que, para o efecto, designe o/a presidente/a da comisión.

Na composición da comisión de valoración, procurarase acadar unha composición equilibrada de homes e mulleres.

3. Unha vez avaliadas as solicitudes e á vista do informe da comisión de valoración, a Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública formulará a proposta de resolución provisional debidamente motivada que será notificada individualmente aos concellos interesados, aos cales se lles concederá un prazo de dez días para presentar alegacións.

Cando o importe da subvención da proposta de resolución provisional sexa inferior ao que figura na solicitude presentada, poderase instar o beneficiario á reformulación da súa solicitude para axustar os compromisos e condicións á subvención outorgable.

En calquera caso, a reformulación de solicitudes deberá respectar o obxecto, condicións e finalidade da subvención, así como os criterios de valoración establecidos respecto das solicitudes ou peticións.

4. Examinadas, de ser o caso, as alegacións aducidas ou as solicitudes reformuladas polos interesados, a Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública formulará a proposta de resolución definitiva.

5. As propostas de resolución provisional e definitiva non crean ningún dereito a favor do beneficiario proposto mentres non se lle notificase a resolución de concesión.

Artigo 14. Resolución

1. A proposta de resolución definitiva será elevada polo órgano instrutor á persoa titular da Consellería de Sanidade, que, de conformidade co previsto no artigo 34 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, ditará a resolución definitiva. A dita resolución deberá conter, de maneira expresa, a relación dos concellos solicitantes aos cales se lles concede a subvención e a desestimación do resto das solicitudes, se é o caso.

2. As resolucións de concesión de subvencións serán motivadas e notificaranse aos concellos beneficiarios no prazo de tres meses. Transcorrido o dito prazo sen que se dite resolución expresa, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

3. Todo incumprimento ou alteración das condicións en que se basea a concesión da subvención e, se é o caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 15. Notificación e publicación

1. A resolución deberá ser notificada aos beneficiarios de forma individualizada, de acordo co previsto nos artigos 58 e 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e procedemento administrativo común.

2. A notificación de forma individualizada farase sen prexuízo da publicación no Diario Oficial de Galicia das subvencións concedidas.

A publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia deberá conter a relación de solicitantes aos cales se conceden, desestiman e non concedan as subvencións para os respectivos proxectos, con indicación da norma reguladora, a súa correspondente contía e as causas de denegación, se é o caso.

3. De conformidade co establecido nos artigos 14.2 e 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no artigo 13.3 e 4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 24 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a Consellería de Sanidade publicará na súa páxina web oficial e nos rexistros públicos referidos, a relación dos concellos beneficiarios e o importe das axudas concedidas, polo que a solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos destes e da súa publicación na citada páxina web.

4. Conforme o establecido no artigo 14.1.m) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, poderán existir circunstancias que, como consecuencia da alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, dean lugar á modificación da resolución de concesión.

5. En cumprimento do disposto no artigo 5 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, infórmase de que os datos persoais recollidos ao abeiro desta orde se incorporarán a un ficheiro para o seu tratamento coa finalidade da xestión deste procedemento; poderanse exercer os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición previstos na lei dirixindo un escrito á:

Consellería de Sanidade, Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública, Servizo de Prevención de Condutas Adictivas, Edificio Administrativo San Lázaro, s/n, 1º andar, 15781 Santiago de Compostela, A Coruña.

6. Infórmanse os interesados da existencia do Rexistro Público de Subvencións, regulado no artigo 16 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 16. Aceptación e renuncia

1. Sen prexuízo dos recursos que procedan contra a resolución, unha vez notificada a resolución definitiva polo órgano competente, os concellos interesados propostos como beneficiarios disporán dun prazo de dez días para a súa aceptación, transcorrido o cal sen que se produza manifestación expresa se entenderá tacitamente aceptada.

2. A aceptación da subvención ou a súa renuncia poderase facer axustándose aos modelos que se inclúen como anexos VII e VIII respectivamente ou por calquera medio que permita a súa constancia, de acordo co establecido no artigo 91 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e procedemento administrativo común.

3. No caso de que se comunique a renuncia en prazo, a conselleira de Sanidade ditará a correspondente resolución nos termos do artigo 42.1. da mesma lei.

Artigo 17. Recursos

1. Contra a resolución do procedemento que pon fin á vía administrativa, os concellos interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición, de conformidade co disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ante a persoa titular da Consellería de Sanidade, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación da resolución ao concello interesado.

2. Igualmente procederá interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo, de conformidade coa Lei 29/1998, do 13 de xuño, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da recepción da correspondente notificación se a resolución é expresa; se non fose así, o prazo será de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

3. De presentarse recurso potestativo de reposición, non poderá acudirse á vía contencioso-administrativa ata que este sexa resolto expresamente ou se produza a súa desestimación presunta.

4. Non obstante, de conformidade co disposto no artigo 44 da referida Lei 29/1998, do 13 de xuño, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, poderase requirir previamente o órgano que ditou a resolución para que derrogue a disposición, anule ou revogue o acto, no prazo de dous meses contados desde a notificación da resolución. O requirimento entenderase rexeitado se non é contestado no mes seguinte á súa recepción.

Artigo 18. Conceptos subvencionables

Considéranse gastos subvencionables, aqueles que de maneira indubidable respondan á natureza da actividade subvencionada e se realicen no prazo establecido no artigo 7.3. En ningún caso o custo de adquisición dos gastos subvencionables poderá ser superior ao valor de mercado. En particular subvencionaranse os seguintes conceptos de gasto:

a) Gastos de persoal, ás retribucións en nómina sumaranse os gastos de seguridade social correspondentes á empresa e o seu total constituirá o gasto subvencionable por custos de persoal laboral.

b) Axudas de custo por desprazamento, debidamente xustificadas en relación co proxecto.

c) Gastos materiais. Neste sentido admitiranse gastos derivados da difusión e visualización social do proxecto, gastos de material preventivo ou divulgativo.

d) Gastos xerais derivados do mantemento do servizo, tales como os correspondentes a alugamentos dos locais, asesoría, electricidade, gas, auga, telefonía, lixo ou comunidade.

e) Custos indirectos, sempre que sexan imputados á actividade subvencionada na parte que razoablemente corresponda.

f) Gastos financeiros, de asesoría xurídica ou financeira, gastos notariais e rexistrais e gastos xudiciais se están directamente relacionados coa actividade subvencionada e son indispensables para a súa preparación ou execución.

g) Os tributos consideraranse gastos subvencionables cando o/s concello/s beneficiario/s desta axuda os aboen efectivamente e sempre que, no caso dos impostos indirectos, non sexan pola súa parte susceptible de recuperación ou compensación.

h) Non obstante, en ningún caso, terán a consideración de gastos subvencionables os xuros debedores de contas bancarias, así como os xuros, recargas ou sancións administrativas ou os gastos de procedementos xudiciais.

Artigo 19. Xustificación

Unha vez rematado o desenvolvemento do proxecto, e en todo caso antes do 31 de abril de 2014, os concellos beneficiarios remitirán á Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública a seguinte documentación, co fin de realizar as propostas de pagamento da subvención concedida:

1. Declaración da/s institución/s peticionaria/s da subvención en que figure o conxunto das subvencións e axudas solicitadas para a mesma finalidade, procedentes das administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, tanto as efectivamente percibidas como as aprobadas ou concedidas ou as pendentes de resolución, así como calquera outro ingreso ou recurso financeiro que teña como finalidade o financiamento das actuacións obxecto da subvención (segundo o modelo do anexo IV actualizado).

2. Memoria dos programas e actividades realizadas no período obxecto da subvención. Será presentada segundo o sistema de información co que conta a Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública. Informes de memoria que recolle o Sistema de avaliación de programas de prevención de drogodependencias (Xesapi).

3. Considerarase gasto realizado o que se contabilizase como recoñecemento da obriga polo órgano competente do concello. En todo caso, a forma de xustificación deberá ter en conta o previsto no artigo 28 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, en que, segundo o seu número 6, a xustificación deberá comprender a totalidade dos gastos dos programas e actividades desenvolvidas, debendo acreditar os gastos da subvención outorgada. Ademais, observarase o previsto no artigo 29.2 desa mesma lei con relación ao concepto de gasto realizado.

4. Nos termos recollidos nos artigos 28 a 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, a xustificación por cada concello do cumprimento das condicións impostas e da consecución dos obxectivos previstos, consistirá na certificación da intervención ou do órgano que teña atribuídas as facultades de control da toma de razón en contabilidade e do cumprimento da finalidade para a cal foi concedida.

5. A xustificación acreditará expresamente o destino e importe dos gastos efectivamente realizados con cargo a cada programa ou axuda. Cando as actividades fosen financiadas, ademais de coa subvención, con fondos propios ou outras subvencións ou recursos, acreditarase na xustificación o importe, procedencia e aplicación de tales fondos ás actividades.

6. Segundo o artigo 7.3 da presente orde, as actuacións que se subvencionan deberán efectuarse desde o 1 de xaneiro de 2013 e, consecuentemente, os xustificantes de pagamento que soporten as ditas actuacións poderán referirse a gastos xerados a partir dese período. No entanto, e motivado polos prazos impostos polo peche do exercicio orzamentario anual, a documentación será requirida con anterioridade ao seu pagamento efectivo (salvo a relativa ás cantidades aboadas como anticipo), na forma que oportunamente se especifica no artigo 20, coa finalidade de ser realizada pola Comunidade Autónoma o correspondente recoñecemento da obriga.

7. Nos termos recollidos no artigo 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño , así como no artigo 58 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, o derradeiro pagamento da subvención correspondente, quedará condicionado á comprobación e certificación da realización da actividade e do cumprimento da finalidade para a cal se concedeu.

8. Ao remate do proxecto, xunto coa memoria dos programas e actividades obxecto do período correspondente, presentarase copia de todos os materiais divulgativos xerados.

9. En ningún caso o importe das subvencións ou axudas concedidas ao abeiro desta orde poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia coas concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais ou internacionais, supere o custo total do proxecto que vaia desenvolver o beneficiario.

Artigo 20. Pagamento e xestión económica

1. O recoñecemento da obriga e o pagamento posterior da subvención á entidade local beneficiaria farase sempre que esta xustifique, de acordo coa normativa aplicable, a realización do obxecto da subvención, o cumprimento das condicións e as súas finalidades.

2. Os pagamentos correspondentes a cada subvención concedida realizaranse de conformidade co previsto no artigo 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e nos artigos 62.2 e 4 e 63.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, e farase efectiva do seguinte xeito:

a) Anualidade do 2013.

• Primeiro pagamento de carácter anticipado, equivalente ao 70 % da contía total da subvención outorgada, en concepto de gastos de preparación, posta en marcha e execución inicial de actividades do proxecto. Este pagamento de carácter anticipado efectuarase unha vez ditada a resolución de concesión, logo de aceptación da subvención concedida, e deberá ser xustificado posteriormente con ocasión da presentación de pagamentos á conta.

b) Anualidade de 2014.

• Segundo pagamento, á conta da liquidación definitiva, equivalente ao 10% da contía total outorgada, segundo o especificado no artigo 62 do citado Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. Efectuarase tras a presentación da certificación da intervención do concello ou do órgano que teña atribuídas as facultades de control da toma de razón en contabilidade e dun informe de seguimento por parte do responsable do proxecto co visto e prace do/a alcalde/alcaldesa que represente este, en concepto de gastos de continuación da execución das actividades programadas, e logo da conformidade emitida pola Subdirección Xeral de Programas de Fomento e Estilos de Vida Saudables.

Este pagamento á conta librarase despois da debida xustificación dos gastos executados efectivamente pagados que correspondan ás actividades desenvolvidas desde o 1 de xaneiro de 2013 ata o 31 de xaneiro de 2014.

Cara a unha mellor e máis eficiente xestión, a solicitude deste pagamento á conta deberá presentarse ante a Consellería de Sanidade antes do 28 de febreiro de 2014.

En todo caso, os ditos importes (anticipo e pagamentos á conta) non poderán superar o 80 % da subvención concedida, logo de autorización do Consello da Xunta para superar a porcentaxe máxima prevista no artigo 63.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

• O libramento do pagamento do 20 % derradeiro non se levará a cabo ata que estean integramente xustificados a totalidade dos gastos correspondentes á actividade subvencionada, e efectuarase tras a presentación da documentación requirida no artigo 19, á vista do informe das avaliacións intermedias que realice, de ser o caso, a Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública, e da memoria final, en concepto de execución conforme das actividades do proxecto subvencionado.

Cara a unha mellor e máis eficiente xestión, a solicitude deste derradeiro pagamento deberá presentarse ante a Consellería de Sanidade antes do 30 de abril de 2014.

Todo pagamento da subvención outorgada exixe a acreditación das circunstancias previstas no artigo 31.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

Artigo 21. Obrigas dos beneficiarios

1. Serán obrigas dos beneficiarios as recollidas con carácter xeral no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

2. Quedarán tamén obrigadas a dar adecuada publicidade e difusión, por calquera clase de medio escrito ou audiovisual, da participación da Xunta de Galicia nas actividades que se desprendan do proxecto subvencionado.

3. Obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino da subvención.

4. Deberán cumprir as condicións exixidas para a concesión da subvención. No caso de posible incumprimento, aplicarase o criterio de proporcionalidade previsto no artigo 14.1.n) para determinar a cantidade que finalmente teña que percibir ou, se é o caso, a cantidade que se debe reintegrar.

5. Calquera outra das obrigas establecidas na normativa vixente en materia de subvencións.

Artigo 22. Revogación e reintegro das axudas

O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións establecidas na presente orde, así como a duplicidade de axudas con cargo a outros créditos dos orzamentos xerais do Estado, da Seguridade Social e da Administración institucional, autonómica ou local, constituirá causa determinante de revogación da axuda e do seu reintegro polo concello beneficiario ou solicitante, xunto cos xuros de demora.

Artigo 23. Infraccións e sancións

No relativo a esta materia, rexerá o disposto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e no título VI do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

Disposición derradeira primeira

A Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública adoptará as medidas oportunas para o seguimento, avaliación, difusión e execución dos proxectos seleccionados, previstos nesta orde.

Disposición derradeira segunda

Autorízase a persoa titular da Dirección Xeral de Innovación e Xestión da Saúde Pública para ditar as instrucións necesarias que permiten a aplicación e desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira terceira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de xullo de 2013

Rocío Mosquera Álvarez
Conselleira de Sanidade

ANEXO II
Proxecto de prevención de drogodependencias e condutas adictivas

1. Título do proxecto.

O título deberá ir acompañado dos datos identificativos do CONCELLO que o presenta.

2. Extensión do proxecto.

A memoria do proxecto que se presente en ningún caso poderá exceder os 30 folios en Din A-4 polas dúas caras. Co anexo I da solicitude de axuda xuntarase un exemplar impreso en Din A-4.

3. Índice e contidos do proxecto.

Relacionaranse os programas e actividades para cada ámbito de actuación segundo a carteira de servizos en materia de prevención das drogodependencias.

Os programas de carácter obrigatorio susceptibles de subvención son:

– Ámbito escolar.

• Programa de prevención universal do consumo de drogas no ámbito educativo: PPCDE/saúde na escola e intervención socioeducativa na aula.

• Programa de prevención selectiva: Non pasa nada, pasa algo.

– Ámbito familiar.

• Programa de prevención universal: Máis que un teito.

• Programa de prevención selectiva: En familia todos contan.

• Programa de prevención indicada: Entre todos.

– Ámbito xuvenil.

• Programa de prevención universal: Activa.

• Programa de prevención selectiva: Cambio de sentido.

Os programas e/ou actividades de carácter complementario e voluntario susceptibles de subvención son:

• Programa de prevención laboral: Ao alcance.

• Programa de prevención en clave de xénero: Penélope.

• Actividades transversais de información-sensibilización e formación de mediadores/as sanitarios e sociais.

Para a avaliación dos programas e da asignación da súa correspondente puntuación, cada un deles computará ata un índice base de 100 unidades, equivalente ao máximo de 5 puntos alcanzables por cada programa de carácter obrigatorios e de ata 2 puntos por cada un dos programas de carácter complementario e voluntario. O cálculo da puntuación obtida farase efectuando a conversión das unidades en puntos mediante regra de tres simple.

a) Definición do programa.

• Descrición da poboación destinataria.

• Definición dos obxectivos.

• Definición das actividades e metodoloxía.

• Temporalidade/ cronograma.

• Avaliación.

b) Calidade do programa.

• Xustificación da necesidade ou análise da situación.

• Modelo teórico e metodoloxía.

• Recursos económicos e materiais previstos.

• Concreción do orzamento.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file