Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 142 Venres, 26 de xullo de 2013 Páx. 29763

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

RESOLUCIÓN do 11 de xullo de 2013, da Dirección Xeral de Mobilidade, pola que se convocan as asociacións profesionais de transportistas e de empresas de actividades auxiliares e complementarias do transporte por estrada para acreditaren a súa representatividade co fin de revisar a composición do Comité Galego de Transportes por Estrada.

O Decreto 251/1998, de 10 setembro, polo que se crea o Comité Galego de Transporte por Estrada e se regula o Rexistro de Asociacións Profesionais de Transportistas e de Empresas de Actividades Auxiliares e Complementarias do Transporte dispón no seu artigo 13 que a composición das distintas seccións do Comité será revisada cada 4 anos. Con este motivo, as distintas asociacións que formen parte de cada sección, así como as que desexen entrar no Comité, serán convocadas pola Dirección Xeral de Mobilidade no último semestre do cuadrienio, co obxecto de que dentro dun prazo non inferior a un mes xustifiquen a súa representatividade de conformidade coas regras establecidas para o efecto.

Tendo en conta que a última revisión da composición do Comité Galego de Transportes por Estrada (a partir deste momento o Comité) se realizou no ano 2009, faise necesario convocar de novo as asociacións que actualmente forman parte de cada sección do Comité, así como as que desexen entrar a formar parte dalgunha ou algunhas delas, co obxecto de que xustifiquen a súa representatividade.

Co obxecto de lograr unha axeitada representatividade no Departamento de Transporte de Viaxeiros, debemos realizar unha interpretación integradora dos artigos 6 e 11 do Decreto 251/1998, o cal implica necesariamente partir da base de que o decreto prevé a posibilidade de que se integren no Comité tanto as federacións coma as asociacións representativas do sector do transporte, coa única limitación de que cando participen federacións no Comité non poderán ter representación neste as asociacións que conformen as referidas federacións.

É consecuencia necesaria da lectura dos referidos preceptos entender que o artigo 6, ao referirse a asociacións, estende os seus efectos sobre as federacións de transportes que soliciten acceder ao Comité, pois que este pretende, como así se establece na exposición de motivos do decreto, servir de canle de comunicación e colaboración do sector do transporte na busca dunha mellor xestión en beneficio dos propios transportistas e dos usuarios, en definitiva, da sociedade no seu conxunto.

De conformidade co exposto, esta dirección xeral entende que cumprirán cos requisitos establecidos no punto 2 do artigo 6 do Decreto 251/1998, do 10 de setembro, as federacións, que gocen de implantación polo menos en tres provincias, e en cada unha das tres provincias alcancen ou ben o 10 % de afiliados ao conxunto das asociacións que soliciten formar parte da sección de que se trate ou ben o 15 % de vehículos autorizados que pertenzan aos socios afiliados a aquelas asociacións.

De conformidade co disposto na disposición final do Decreto 251/1998, de 10 setembro, polo que se crea o Comité Galego de Transporte por Estrada e se regula o Rexistro de Asociacións Profesionais de Transportistas e de Empresas de Actividades Auxiliares e Complementarias do Transporte, pola que se faculta ao conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda (actual titular da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas) para ditar as disposicións necesarias para a aplicación e desenvolvemento deste decreto, oído o Comité Galego de Transporte por Estrada, dítase a presente resolución:

Primeiro. Obxecto da convocatoria

As asociacións profesionais de transportistas por estrada e de empresas de actividades auxiliares e complementarias do transporte que actualmente integran cada unha das seccións do Comité, así como as que desexen participar nel, deberán acreditar ante a Dirección Xeral de Mobilidade a súa respectiva implantación no subsector empresarial o que representan, de conformidade co disposto nesta resolución.

Segundo. Documentación das asociacións e federacións

Para os efectos da súa constancia no Rexistro de Asociacións Profesionais de Transportistas e de Empresas de Actividades Auxiliares e Complementarias do Transporte (regulado nos artigos 10 e 11 do Decreto 251/1998, do 10 setembro), no cal deberán inscribirse necesariamente todas as asociacións que desexen participar como membros do Comité, e co obxecto de acreditar a súa constitución, obxecto e fins, deberá achegarse por cada asociación e, se for o caso, federación en que aquelas se integren orixinal ou copia compulsada dos seguintes documentos:

a) NIF da asociación.

b) Acta de constitución da asociación.

c) Estatutos vixentes. Incluiranse igualmente as modificacións estatutarias habidas e que rexan na actualidade.

d) Poder ou representación que exerce a persoa ou persoas que vaian actuar en nome da asociación.

e) En caso de tratarse dunha federación, denominación, domicilio e NIF das asociacións que a integren.

Deberá quedar acreditado, en todo caso, que a anterior documentación foi obxecto dos trámites precisos para a súa legalización conforme as normas aplicables.

Terceiro. Disposición de persoal e locais

Co fin de acreditar o funcionamento efectivo das asociacións e federacións, deberá xustificarse a disposición dos locais e do persoal axeitado para o exercicio da súa actividade.

As asociacións e federacións que actualmente formen parte do Comité abondará con que acheguen certificación do secretario xeral ou órgano equivalente en que conste que cumpren este requisito.

En relación con aquelas empresas que posúan varios centros de traballo repartidos polo territorio nacional, estando polo menos un deles no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, para os efectos de acreditar a representatividade neste Comité, unicamente se poderán computar aqueles dos seus vehículos habilitados para realizar transporte que estean radicados habitualmente en Galicia, o cal será obxecto de comprobación mediante os TC que as devanditas empresas deberán achegar.

Cuarto. Datos dos afiliados e das autorizacións

1. Para acreditar o número de empresas afiliadas, así como as autorizacións e copias de que son titulares, deberán achegarse os datos en soporte informático de conformidade coas especificacións seguintes previstas no anexo do Decreto 251/1998, do 10 setembro.

En todo caso, e co obxecto de facilitar a recolla dos devanditos datos e o seu posterior tratamento, esta dirección xeral promove a presentación deles nun ficheiro Excel e a súa presentación en CD-R ou CD-RW ou ben a través de medios telemáticos no enderezo de correo electrónico tarxetastransportes@xunta.es

Para tal efecto procedeuse a colgar na páxina web da Dirección Xeral de Mobilidade o referido ficheiro Excel, para a súa descarga e posterior cobertura.

Para acceder á devandita páxina web é necesario acceder á web:

http://www.cmati.xunta.es/mobilidade, e dentro dela na sección de «Formación relativa a procedementos e formularios relacionados coa Dirección Xeral de Mobilidade», accederase á ligazón «outros formularios».

http://www.cmati.xunta.es/seccion-tema/c/Conducion?content=Direccion_Xeral_Mobilidade/Procedementos_formularios/seccion.html&std=outros-formularios-dx-mobilidade.html

Polo que se refire ao contido dos devanditos datos, faise especial fincapé en que deberán achegarse as matrículas dos vehículos presentados e que non se computarán aqueles vehículos en que non conste a matrícula, así como o número de autorización de cada empresa integrante da asociación ou federación.

Igualmente, deberán de presentarse os TC1 ou TC2 das empresas que forman parte de cada asociación ou federación cando as devanditas empresas conten con domicilio social fóra da Comunidade Autónoma de Galicia, co obxecto de verificar tanto a existencia dun centro de traballo na nosa comunidade como o número de traballadores adscritos ao centro.

Tanto a relación de matrículas coma os certificados deberán ser presentados con data do último día do prazo de presentación de solicitudes, sen prexuízo de que esta dirección xeral poida realizar aquelas comprobacións que considere convenientes e requirir a todos os solicitantes que presenten novamente os devanditos documentos nun momento anterior á data en que se dite a resolución de renovación do Comité.

a) Para o Departamento de Transporte de Viaxeiros achegarase un ficheiro de empresas, independente por cada sección do Comité, coa seguinte estrutura de rexistro:

a.1) Con carácter xeral:

– Número de identificación fiscal (NIF) (9 caracteres).

– O nome e apelidos do empresario individual, ou denominación ou razón social, caso de tratarse dunha sociedade mercantil, anónima laboral ou cooperativa de traballo asociado (50 caracteres).

– Domicilio ou sede, único ou central (50 caracteres).

– Municipio (60 caracteres).

– Código postal (5 caracteres).

a.2) Para a sección de transporte público regular de uso xeral interurbano de viaxeiros en autobús incluiranse en cada rexistro do ficheiro de empresas os seguintes campos adicionais:

– Número da autorización de empresa da clase VD nacional (8 caracteres).

– Número de copias da devandita autorización (5 caracteres), que cada empresa teña adscritas aos servizos de transporte regular de uso xeral de que sexa titular.

– Relación de matrículas dos vehículos (10 caracteres).

a.3) Para a sección de transporte público de viaxeiros en vehículos de menos de 9 prazas incluído o condutor, incluirase en cada rexistro do ficheiro de empresas o seguinte campo adicional:

– Número da autorización de empresa da clase VT, VTC, (8 caracteres).

– Relación de matrículas dos vehículos (10 caracteres).

a.4) Para a sección de transporte público discrecional interurbano de viaxeiros en autobús incluiranse en cada rexistro do ficheiro de empresas os seguinte campos adicionais:

– Número da autorización a empresa da clase VD, (8 caracteres).

– Número de copias da devandita autorización (5 caracteres).

– Relación de matrículas dos vehículos (10 caracteres).

a.5) Para a sección de transporte urbano de viaxeiros en autobús, achegaranse dous ficheiros, correspondentes ás empresas e aos vehículos.

a.5.1) O ficheiro de empresas terá o formato definido en a.1).

a.5.2) O ficheiro de vehículos terá esta estrutura:

– Número de identificación fiscal (NIF) (9 caracteres).

– Relación de matrículas dos vehículos (10 caracteres).

a.6) Para a sección de actividades auxiliares e complementarias de transporte por estrada achegaranse dous ficheiros, correspondentes ás empresas e aos vehículos.

a.5.1) O ficheiro de empresas terá o formato definido en a.1).

a.5.2) O ficheiro de vehículos terá esta estrutura:

– Número de identificación fiscal (NIF) (9 caracteres).

– Relación de matrículas dos vehículos (10 caracteres).

b) Para o departamento de transporte de mercadorías achegarase un único ficheiro, independente por cada sección do Comité, coa seguinte estrutura de rexistro:

b.1) Con carácter xeral:

– Número de identificación fiscal (NIF) (9 caracteres).

– O nome e apelidos do empresario individual, ou denominación ou razón social caso de tratarse dunha sociedade mercantil, anónima laboral ou cooperativa de traballo asociado (50 caracteres).

– Domicilio ou sede, único ou central (50 caracteres).

– Municipio (60 caracteres).

– Código postal (5 caracteres).

b.2) Para a sección de transporte público de mercadorías en vehículos pesados e de transporte público de mercadorías en vehículos lixeiros, cada rexistro deberá conter, ademais, estes campos:

– Número da autorización a empresa (da clase MDP, MDL) (8 caracteres).

– Número de copias da devandita autorización (5 caracteres).

– Relación de matrículas dos vehículos (10 caracteres)

b.3) Para a sección de actividades auxiliares e complementarias do transporte por estrada, cada rexistro deberá conter, ademais, este campo:

– Número da autorización a empresa (da clase OT) (8 caracteres).

2. Cando se trate de federacións, os datos deberán de estar referidos a cada unha das asociacións que as integran.

3. Os referidos ficheiros deberán presentarse de forma diferenciada por cada unha das seguintes clases de transporte por estrada e de actividades auxiliares e complementarias do transporte que constitúen seccións diferenciadas no Comité:

a) Transporte de viaxeiros:

– Transporte público regular de uso xeral interurbano de viaxeiros en autobús.

Neste ficheiro incluiranse, dentro das autorizacións da clase VD, o número de copias autorizadas que cada empresa teña adscritas, con carácter de mínimo, aos servizos de transporte regular de uso xeral de que sexa titular. Se o número de copias presentado resultar superior ao número de vehículos que con carácter de mínimo se adscriben en cada título concesional da Comunidade Autónoma galega, de acordo cos datos que constan nos arquivos da Dirección Xeral de Mobilidade, computarase este último para os efectos de representación.

Non serán tidas en conta aquelas empresas con autorizacións adscritas a concesións de ámbito estatal, nin aquelas outras pertencentes a asociacións integradas en federacións, cando o domicilio social ou centro de traballo das devanditas empresas exceda o ámbito territorial propio da respectiva asociación a que pertenzan, como así se prevé nos seus estatutos.

Tampouco se computarán os vehículos dedicados ao transporte urbano nin se computarán as empresas asociadas a varias federacións/asociacións que para os efectos de outorgar representatividade no Comité non elixiron unha soa destas.

– Transporte público discrecional interurbano de viaxeiros en autobús.

Neste ficheiro incluirase a autorización da clase VD de que cada empresa sexa titular. A Administración, para os efectos de cómputo, restará o número de copias que aparecesen relacionadas no ficheiro previsto no guión anterior do número de copias que con carácter de mínimo se adscriben en cada título concesional da Comunidade Autónoma galega, de acordo cos datos que constan nos arquivos da Dirección Xeral de Mobilidade. Se o resultado é cero ou un número negativo, non se computará a empresa nin as súas copias nesta sección.

En relación coas autorizacións VD, é necesario que se anoten na folla do Excel relativa ao «DEPARTAMENTO DE VIAXEIROS: sección de transporte público discrecional de viaxeiros en autobús» os datos de todos os vehículos autorizados, con independencia de que se encontren, pola súa vez, adscritos a algún servizo concesional, de modo que os que estean adscritos deberán ser tamén cargados na correspondente sección.

– Transporte público urbano de viaxeiros en autobús.

O ficheiro de vehículos acompañarase dunha certificación acreditativa de que estes se encontran autorizados para a prestación de tales servizos expedida pola correspondente entidade local.

No caso dos autobuses urbanos que carezan de autorización VD e que sexan obxecto de anotación deberán acompañarse dun certificado do concello en que se faga constar tanto o feito da adscrición como os datos identificadores do vehículo, entre os cales deberá de figurar a matrícula.

– Transporte público de viaxeiros en vehículos de menos de 9 prazas incluído o condutor.

– Estacións de transporte de viaxeiros, segundo o establecido no artigo 184.1 do Regulamento da Lei de ordenación dos transportes terrestres.

– Actividades auxiliares e complementarias de transporte por estrada.

Os solicitantes que sexan empresas de arrendamento de vehículos sen condutor e que desexen formar parte da sección actividades auxiliares e complementarias de transporte por estrada, acompañarán, respecto das sucursais de que dispoñan, unha certificación acreditativa de que estas se encontran abertas ao público conforme a lexislación que resulte de aplicación expedida pola entidade local en que se domicilie.

b) Transporte de mercadorías:

– Transporte público de mercadorías en vehículos pesados e lixeiros.

Deste ficheiro contabilizaranse todas as copias adscritas a vehículos pesados e lixeiros das autorizacións de empresa (das clases MDP ou MDL) referenciadas nel.

Non serán tidas en conta, unha vez efectuada a correspondente comprobación de acordo cos datos que consten no Rexistro Xeral de Transportistas, aquelas autorizacións de empresas que non estean de alta no último día do prazo de presentación de solicitudes por estar en réxime de suspensión ou por outros motivos (renuncia, baixa etc. ).

– Actividades auxiliares e complementarias de transporte por estrada.

En relación coas empresas titulares de autorizacións de clase OT, cada asociación ou, se for o caso, federación, indicará en cal das dúas seccións para cuxa actividade se require a mencionada autorización desexa que se compute mediante a súa inclusión na relación correspondente a esta, sen que poida aparecer simultaneamente en máis dunha sección nos ficheiros que para tales efectos presente.

Quinto. Prazo de presentación

A documentación á que se refiren os puntos anteriores deberá presentarse no prazo comprendido entre o día seguinte ao de publicación da presente resolución e o 20 de setembro de 2013, ambos os dous incluídos. Cando non se achegue a totalidade da documentación ou datos exixidos ou se acheguen de forma diferente á establecida no punto cuarto, a Dirección Xeral de Mobilidade requirirá a asociación ou federación para que, nun prazo de entre dez e quince días, emende a falta ou xunte os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se terá por desistida da súa petición, logo de resolución ou, se é o caso, non se computarán as empresas ou autorizacións en relación coas cales non se acheguen os datos na forma indicada ou sexan insuficientes.

Transcorridos os devanditos prazos, non se admitirá a presentación de nova documentación salvo que sexa requirida expresamente pola Dirección Xeral de Mobilidade.

Sexto. Procedemento de verificación

Unha vez presentada a documentación citada nos puntos precedentes, a Dirección Xeral de Mobilidade, realizará co auxilio, se é o caso, doutras entidades, as necesarias comprobacións dos datos facilitados polas asociacións e federacións.

Para os efectos de verificar os datos de empresas afiliadas tomará unha mostra determinada obxectivamente en función do número total dos rexistros de cada relación, cuxo tamaño garanta, en todo caso, a mesma marxe de erro independentemente do número de afiliados que achegue cada asociación. Os resultados que se obteñan aplicaranse ao número total de empresas e autorizacións achegadas.

Cando os erros que se detecten alteren substancialmente a representatividade que lle correspondería á asociación de que se trate, a Dirección Xeral de Mobilidade, sen prexuízo de iniciar as actuacións oportunas que conduzan á depuración de responsabilidades de quen promoveu o expediente ou certificado acerca da súa veracidade, poderá proceder ao arquivamento da documentación achegada e a súa non consideración para os efectos de participación no Comité.

Neste sentido, considérase que os erros alteran substancialmente a representatividade cando, en calquera das fases do procedemento, afecten polo menos o 60 % das empresas dunha asociación nunha determinada sección das que constitúen o Comité.

Sétimo. Acordos sobre recoñecemento de representatividade

No suposto de que todas as asociacións e/ou federacións que pretendan formar parte dunha mesma sección do Comité se recoñezan mutuamente unha determinada porcentaxe de representatividade, e así o manifesten ante a Dirección Xeral de Mobilidade mediante escrito asinado polos seus respectivos presidentes, aquela aceptará provisionalmente tal repartición de representatividade.

Se antes da finalización do prazo establecido para a presentación de documentación no punto quinto non se dirixe á dirección xeral ningunha outra asociación que pretenda formar parte desa mesma sección ou que disinta do acordo inicialmente alcanzado, aquela elevará a definitivas as porcentaxes de representatividade acordadas polas asociacións.

Con independencia de que este acordo sexa aceptado pola Dirección Xeral de Mobilidade, as asociacións e federacións que o alcanzasen deberán igualmente achegar a documentación prevista na presente resolución.

Se algunha asociación non participase no acordo, este será tido en conta e examinarase a totalidade da documentación requirida, para os efectos da determinación da representatividade que corresponda a unhas e outras conforme o procedemento xeral de contaxe.

Oitavo. Protección de datos

As asociacións e federacións do sector de transporte por estrada deben cumprir os requirimentos establecidos na lexislación española de protección de datos.

Noveno. Falseamento de datos

O falseamento da documentación ou dos datos a que se refire esta resolución poderá determinar que non se teña en consideración a documentación presentada polas asociacións ou federacións e que sexan sancionadas conforme a lexislación vixente.

Santiago de Compostela, 11 de xullo de 2013

Miguel Rodríguez Bugarín
Director xeral de Mobilidade