Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 142 Venres, 26 de xullo de 2013 Páx. 29774

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 15 de xullo de 2013 pola que se regula o procedemento para o reintegro individual de gastos por asistencia a actividades de formación do profesorado non universitario para o ano 2013.

Os plans de formación do profesorado de niveis non universitarios da Comunidade Autónoma de Galicia perseguen, como obxectivos xerais, mellorar a competencia profesional do profesorado, fomentar a reflexión crítica sobre a súa actividade cotiá e crear actitudes proclives á investigación e á experimentación educativas.

Coa finalidade de facilitar a participación do profesorado en actividades de formación que contribúan á consecución dos obxectivos anteriormente sinalados, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria organiza distintas actividades de formación orientadas a conxugar as necesidades derivadas do propio sistema educativo coas demandas xurdidas do mesmo profesorado.

Con independencia da oferta formativa desenvolvida pola consellería, faise necesario, co fin de favorecer o desenvolvemento profesional do persoal docente, fomentar as iniciativas individuais cara á súa propia formación que redunden na mellora do sistema educativo e permitan aliñalas coas liñas prioritarias da formación en Galicia.

É por iso polo que procede establecer un sistema que permita o reintegro, cando menos parcial, dos gastos orixinados pola asistencia a este tipo de actividades de formación do profesorado.

En consecuencia, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1. Obxecto e orzamento

1. Establecer o procedemento para o reintegro individual de gastos derivados da participación como asistente a actividades de formación non organizadas polas estruturas de formación da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria que se desenvolvan na Comunidade Autónoma de Galicia, no resto do territorio español ou no estranxeiro, e que teñan lugar entre os días 1 de xaneiro e 30 de novembro de 2013.

2. Para facilitar a distribución do orzamento ao longo do período anteriormente indicado estableceranse dúas quendas. A primeira abranguerá as actividades que se desenvolvan entre os días 1 de xaneiro e 30 de xuño de 2013, e terá unha dotación orzamentaria de 20.000 euros. A segunda será para actividades que se desenvolvan entre os días 1 de xullo e 30 de novembro de 2013 e terá unha dotación orzamentaria de 40.000 euros. No caso de que o orzamento dedicado á primeira quenda non se esgotase, pasará a incrementar o orzamento da segunda quenda.

3. En ningún caso se concederán reintegros para a asistencia a actividades de formación de carácter regrado.

4. Os reintegros individuais financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 09.50.422I.640.1. Unha vez repartidas as ditas contías, as solicitudes de reintegro serán automaticamente denegadas por ter esgotado o orzamento.

Artigo 2. Destinatarios e requisitos

1. Poderá solicitar os ditos reintegros o persoal docente de carreira que pertenza aos corpos que imparten ensinanzas das establecidas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, con destino en centros docentes públicos en que exerza docencia directa co alumnado, equipos de orientación específicos, postos de asesoría dentro da estrutura administrativa da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e na Inspección Educativa.

Os solicitantes non poderán percibir outro tipo de axudas para a asistencia á actividade solicitada e non poden ter recibido reintegro individual nas dúas últimas convocatorias (anos 2011 e 2012).

2. A consellería publicará na súa páxina web oficial a relación das persoas  beneficiarias e o importe das contías de reintegro, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das persoas beneficiarias e da súa publicación na citada páxina web.

Artigo 3. Actividades incluídas e tipos de reintegros

1. Os reintegros concederanse para actividades de formación directamente relacionadas coas tecnoloxías da comunicación e información e co plurilingüismo. Ademais, en función da dispoñibilidade ozamentaria, concederanse para aquelas actividades directamente relacionadas coa disciplina, área, ciclo ou especialidade que imparta o solicitante e sexa directamente trasladable á práctica docente ou teña interese para as necesidades do centro educativo.

2. Os reintegros concederanse segundo os seguintes tipos e límites que se indican:

Tipo I, na Comunidade Autónoma de Galicia, ata un máximo de 100 euros.

Tipo II, no resto do territorio español, ata un máximo de 150 euros.

Tipo III, no estranxeiro, ata un máximo de 600 euros

Tipo IV, reintegros vinculados a estadías:

– Ámbito europeo, ata un máximo de 1.200 euros.

– Ámbito extraeuropeo, ata un máximo de 2.000 euros.

Os reintegros cobren exclusivamente os gastos de matrícula e desprazamento, non incluíndo os gastos de mantenza e aloxamento.

Artigo 4. Solicitudes, documentación e prazo de presentación

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010 polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedementos administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria.

A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010 polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. O prazo de presentación será de polo menos 1 mes de antelación con respecto á data do comezo da actividade.

Para as actividades formativas que comezaron a partir do 1 de xaneiro, así como para aquelas que comecen a partir do día da publicación desta orde e que non poidan cumprir o prazo de solicitude con 1 mes de antelación, a solicitude entenderase en prazo sempre que sexa presentada dentro dos quince días naturais a partir do día seguinte da publicación da presente orde no DOG.

2. Coa solicitude deberá achegarse a seguinte documentación:

a) Orixinal ou fotocopia da convocatoria da actividade para a cal se solicita o reintegro.

b) Certificación da dirección do centro na cal se xustifique que a persoa solicitante exerce actualmente nel e se especifique a disciplina, área, ciclo ou especialidade que imparte. A dita certificación substituirase por outra expedida polo servizo de inspección correspondente no caso de que a persoa solicitante estea destinada nunha escola unitaria. Se está destinado nos servizos centrais da consellería, será o xefe de servizo da súa unidade administrativa.

c) Orzamento dos gastos de matrícula e desprazamento. En ningún caso se farán constar gastos de mantenza e aloxamento.

d) Memoria explicativa dos motivos polos cales se desexa asistir á actividade e repercusión da asistencia a esta na súa función docente.

e) Declaración responsable de non ter recibido reintegro individual nas dúas últimas convocatorias (anos 2011 e 2012), así como de non percibir outro tipo de axuda para a mesma actividade (anexo III).

De acordo co establecido no artigo 71 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, a xefatura territorial correspondente requirirá aquelas persoas cuxas solicitudes non reúnan os requisitos anteriormente sinalados para que, nun prazo de dez días, emenden as faltas ou xunten os documentos preceptivos; de non o faceren, considerarase que desistiron da súa petición e arquivarase o expediente.

Artigo 5. Procedemento de xestión

As xefaturas territoriais da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, coa maior brevidade, e sempre dentro dos 5 días seguintes ao da súa recepción, remitiranlle á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa os expedientes de solicitude co informe da Inspección Educativa e a súa proposta, segundo o modelo que figura no anexo II desta orde.

Artigo 6. Criterios e comisión de valoración

1. O reintegro concederase de forma individual e a súa contía fixarase tendo en conta os seguintes criterios: a adecuación das características da actividade, o lugar de realización, os gastos de matrícula e os gastos de desprazamento orixinados pola distancia ao centro de destino. En todo caso, terán preferencia aquelas persoas que teñan concedida unha licenza por estudos na modalidade de perfeccionamento en linguas estranxeiras no exterior e os solicitantes que non obtiveron o reintegro en convocatorias anteriores.

2. A comprobación dos requisitos da solicitude para a concesión de reintegros será valorada por unha comisión que estará integrada por:

Presidente: subdirector xeral de Ordenación e Innovación Educativa e Formación do Profesorado.

Vogais:

– A xefa do Servizo de Formación do Profesorado.

– Unha persoa adscrita ao Servizo de Formación do Profesorado.

– Unha persoa adscrita á Subdirección Xeral de Inspección, Avaliación e Calidade do Sistema Educativo.

– Unha persoa adscrita á Subdirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa e Formación do Profesorado, que realizará as funcións de secretaría.

A comisión reunirase dúas veces ao ano, unha para a proposta de reintegros correspondentes ao primeiro semestre e outra para os do segundo semestre.

A comisión elevará a proposta de resolución á persoa titular da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

Artigo 7. Resolución

1. A concesión ou denegación do reintegro seralle notificada directamente á persoa interesada, no prazo máximo de seis meses, mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa. Contra esta resolución as persoas interesadas poderán interpor recurso de alzada ante o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da recepción da notificación, de acordo co disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión do reintegro individual de gastos, e en todo caso a obtención concorrente de axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

3. As solicitudes entenderanse desestimadas de non existir resolución expresa no prazo de cinco meses, contados a partir da data de entrada no rexistro xeral da solicitude do reintegro individual.

Artigo 8. Pagamento

Para a tramitación do pagamento o beneficiario deberá remitir á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, no prazo dos 10 días seguintes a data da recepción da notificación da resolución da concesión do reintegro individual, a seguinte documentación:

a) Memoria en formato papel da actividade desenvolvida (mínimo 5 páxinas a unha cara con tipografía de 12 puntos).

b) Documento orixinal que xustifique o pagamento da matrícula ou inscrición na actividade e que especifique o importe do gasto realizado.

c) Xustificación dos gastos de desprazamento, segundo corresponda (billete e tarxetas de embarque de avión, de tren, factura de axencia ou declaración xurada de ter realizado o desprazamento en vehículo propio (recibos de autoestrada), facturas de taxi), tal como se establece no Decreto 144/2001, do 7 de xuño (DOG do 25 de xuño). Todo iso en documentos orixinais.

d) Fotocopia debidamente compulsada do certificado de asistencia, expedido pola entidade organizadora, no caso de idiomas certificado de aproveitamento asinado polo director do centro en que gozou a licenza por estudos.

e) Declaración xurada de non ter percibido nin solicitado outro tipo de achega para a mesma actividade e, de ser o caso, de ter concedida unha licenza por estudos na modalidade de perfeccionamento en linguas estranxeiras no exterior, indicando o lugar e as datas de duración desta.

Artigo 9. Publicidade

Unha vez concedida a totalidade dos reintegros, publicarase no DOG a relación das persoas beneficiarias desta convocatoria, sen prexuízo da súa exposición na páxina web desta consellería.

Artigo 10. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional primeira

Os reintegros solicitados no derradeiro trimestre de 2012 cuxo pagamento non foi tramitado por peche do exercicio poderán imputarse con cargo ao orzamento de 2013.

Disposición adicional segunda

Cando do marco das accións de colaboración, promoción e cooperación establecidas entre a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e outras institucións derive unha oferta de accións formativas para o profesorado, este poderá beneficiarse dos reintegros individuais nas condicións que se fixen nas correspondentes convocatorias.

Santiago de Compostela, 15 de xullo de 2013

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO III

D/Dª ..., con DNI ..., e enderezo ...., para poder optar ao reintegro individual dos gastos derivados de asistencia a actividades de formación.

Declaro baixo a miña responsabilidade:

Que non teño recibido reintegro individual nas dúas últimas convocatorias (anos 2011 e 2012), e que non percibo outro tipo de axuda para a mesma actividade.

..., ... de ... de 2013

Asdo.: