Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 148 Luns, 5 de agosto de 2013 Páx. 31126

I. Disposicións xerais

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 120/2013, do 24 de xullo, polo que se aproba o Regulamento do Comité Galego de Xustiza Deportiva.

O Estatuto de autonomía de Galicia, aprobado pola Lei orgánica 1/1981, do 6 de abril, no seu artigo 27.22, atribúe á Comunidade Autónoma galega a competencia exclusiva en materia de promoción do deporte.

Ao abeiro desta competencia, aprobouse a Lei 3/2012, do 2 de abril, do feporte de Galicia, cuxo obxecto é o de promover e coordinar o deporte na Comunidade Autónoma de Galicia, así como ordenar o seu réxime xurídico e a súa organización institucional, de acordo coas competencias que o Estatuto de autonomía e o resto do ordenamento xurídico lle atribúen á Comunidade Autónoma de Galicia. A devandita norma prevé expresamente no artigo cinco a competencia exclusiva da Administración autonómica para levar a cabo o desenvolvemento regulamentario da lei.

A normativa actual contida no Decreto 198/1998, do 25 de xuño, polo que se constitúe o Comité Galego de Xustiza Deportiva e se establece o procedemento de designación dos seus membros, queda derrogada coa nova regulación deste órgano ao que a Lei do deporte de Galicia encomenda a xurisdición deportiva. O Comité Galego de Xustiza Deportiva está adscrito ao órgano da Administración autonómica competente en materia de deporte, e actúa con independencia funcional deste e da Administración da Comunidade Autónoma no coñecemento de todos os conflitos que poidan xurdir na esfera deportiva.

Faise necesario regular de xeito claro os requisitos, incompatibilidades, funcións e dereitos e obrigas dos membros do Comité Galego de Xustiza Deportiva, así como as causas de renuncia, separación, suspensión, abstención e recusación e o procedemento aplicable nestes supostos e as normas internas de funcionamento do órgano.

Tamén, dando cumprimento ao mandato legal establecido polo artigo 93.2 da anteriormente citada Lei 3/2012, debe establecerse o procedemento que rexerá a tramitación dos recursos presentados ante o comité nas materias da súa competencia fixadas polo mesmo artigo. Neste punto, en desenvolvemento dos artigos 91.1, 93.2 e 111.2 da Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, o decreto recolle unha serie de disposicións comúns aplicables a todos os procedementos e regula, con carácter concreto, o procedemento ordinario, o procedemento disciplinario deportivo, o procedemento en materia electoral federativa e o procedemento para o exercicio da potestade sancionadora en materia administrativo-deportiva, de xeito que se dote a súa actuación da imprescindible seguridade xurídica.

E, finalmente, tamén cumprindo o mandato legal establecido polos artigos 91.1 e 95.3 do mesmo texto legal, o decreto fai unha regulación comprensiva da organización, procedemento e composición das formacións arbitrais polo que se refire á solución extraxudicial de conflitos non sancionadores nin disciplinarios que tamén se encomendan a este órgano colexiado.

Por todo isto é polo que, por proposta do titular da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do vinte e catro de xullo de dous mil trece,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I
Normas xerais

Artigo 1. Obxecto

Este decreto ten por obxecto aprobar o Regulamento do Comité Galego de Xustiza Deportiva.

Artigo 2. Natureza do Comité Galego de Xustiza Deportiva

1. O Comité Galego de Xustiza Deportiva, nos termos e de acordo coas competencias que lle atribúe a Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, é o órgano administrativo superior da xurisdición deportiva no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Estará adscrito ao órgano da Administración autonómica competente en materia de deporte e actuará con total independencia funcional deste, das demais entidades da Administración xeral da Comunidade Autónoma e das demais entidades da organización deportiva de Galicia.

Artigo 3. Competencias

1. Na súa condición de órgano administrativo superior da xurisdición deportiva no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, o Comité Galego de Xustiza Deportiva é o órgano competente para coñecer dos actos que se produzan relativos a:

a) Disciplina deportiva, incluídos os correspondentes á prevención, ao control e ás sancións en materia de dopaxe.

b) Os de carácter organizativo–competicional que poidan xurdir en relación coa organización das competicións.

c) Control das decisións ditadas nos procesos electorais polos órganos competentes das federacións deportivas de Galicia, incluída a súa convocatoria.

d) Control administrativo respecto das funcións públicas encomendadas ás federacións.

e) Incoación, instrución e resolución de expedientes disciplinarios deportivos, sempre que se substancien por feitos cometidos polos/as presidentes/as ou directivos/as das federacións deportivas galegas.

f) Tramitación e resolución de procedementos sancionadores deportivos sobre as materias deste tipo que lle son atribuídas pola Lei 3/2012, do 2 de abril.

2. No ámbito do Comité Galego de Xustiza Deportiva crearase unha sección diferenciada para a solución arbitral das decisións que non deban adoptarse mediante os procedementos disciplinarios previstos na Lei 3/2012, do 2 de abril, conforme o disposto no capítulo VI.

CAPÍTULO II
Organización do Comité Galego de Xustiza Deportiva

Artigo 4. Composición

1. O Comité Galego de Xustiza Deportiva estará integrado por unha presidenta ou presidente e catro vogais, todos eles licenciados/as en dereito.

2. Designaranse, igualmente, dous/dúas suplentes para os supostos de vacantes, enfermidade ou ausencia dos membros titulares ou por calquera outra causa legal. Os membros suplentes deberán reunir os mesmos requisitos que os membros titulares.

3. Na sesión constitutiva do órgano elixirase unha presidenta ou presidente.

4. O Comité Galego de Xustiza Deportiva estará asistido por un secretario ou secretaria. O secretario ou a secretaria terá a condición de funcionario/a e asistirá ás reunións do comité con voz pero sen voto. A designación e o cesamento, así como a substitución temporal da persoa que exerza a secretaría en supostos de vacante, ausencia ou enfermidade, realizarase conforme o disposto no número 2 do artigo 12.

Artigo 5. Nomeamento, aceptación e duración do cargo dos membros do Comité Galego de Xustiza Deportiva

1. A competencia para o nomeamento dos membros do Comité Galego de Xustiza Deportiva, titulares e suplentes, correspóndelle ao órgano da Administración autonómica competente en materia deportiva.

2. O nomeamento dos membros do comité será publicado no Diario Oficial de Galicia.

3. Os nomeamentos dos membros do Comité Galego de Xustiza Deportiva faranse procurando acadar unha presenza equilibrada de mulleres e homes na súa composición total.

4. Feito o nomeamento, este producirá efecto desde a aceptación. Para tal efecto, os/as nomeados/as deberán aceptar o cargo expresamente e por escrito, dentro do prazo dos quince días seguintes ao do nomeamento, e deberán, no momento da aceptación, manifestar que non están incursos/as en causa de incompatibilidade para o exercicio do cargo, segundo o previsto no artigo 14.

5. A duración do mandato dos integrantes do Comité Galego de Xustiza Deportiva será de catro anos, que se contarán a partir da data de nomeamento.

6. A duración do mandato dos membros suplentes será, así mesmo, de catro anos, ben que, no caso de pasaren a ser membros titulares do comité, a duración do cargo será igual á que lle restase por cumprir ao membro a quen suplan, co fin de que o nomeamento do Comité Galego de Xustiza Deportiva se faga en bloque.

7. De producirse algunha vacante, enfermidade ou ausencia, garantirase en todo momento a existencia de, cando menos, un suplente legalmente designado dispoñible para a cobertura dunha nova eventualidade de tal condición.

8. No suposto de que por calquera causa se demore o nomeamento de novos membros do comité, os cesantes seguirán desempeñando as súas funcións ata que a renovación teña efectividade polo nomeamento correspondente.

Artigo 6. Axudas de custo e indemnizacións

O cargo e mandato dos membros do Comité Galego de Xustiza Deportiva e do seu secretario/a non será remunerado. Devidicaranse só as axudas de custo que, se é o caso, se establezan na normativa aplicable pola súa asistencia ás sesións, así como pola realización de gastos de locomoción, manutención e estancia por desprazamentos fóra da sede do comité, que teñan causa directa na realización das funcións que lles corresponden.

Artigo 7. Cesamentos

1. O órgano da Administración autonómica competente en materia deportiva destituirá os membros do Comité Galego de Xustiza Deportiva polas seguintes causas:

a) Expiración do prazo do seu mandato.

b) Condena por delito en virtude de sentenza firme.

c) Incapacidade ou inhabilitación para ocupar cargo público declarada por resolución xudicial firme.

d) Concorrencia de causa de incompatibilidade.

e) Separación do cargo por incumprimento grave dos seus deberes, conforme ao establecido no número 9 deste artigo.

2. O cesamento será acordado mediante resolución motivada que esgota a vía administrativa, será impugnable ante a xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 8. Renuncia á condición de membro do Comité Galego de Xustiza Deportiva

1. A renuncia voluntaria á condición de membro do Comité Galego de Xustiza Deportiva deberá ser manifestada por escrito e será aceptada expresamente polo órgano da Administración autonómica competente en materia deportiva.

2. Non poderá ser aceptada a renuncia cando o membro estea suxeito a expediente incoado para a súa separación ou se iniciase o procedemento de revogación do nomeamento, sen prexuízo da posibilidade de suspensión de funcións que se poida adoptar, de oficio ou por instancia de parte, para asegurar a eficacia da resolución que poida recaer, se existisen elementos de xuízo suficientes para iso.

3. A renuncia á condición de membro do Comité Galego de Xustiza Deportiva non inhabilita para que a devandita persoa poida volver ser nomeada como membro do comité.

Artigo 9. Separación dos membros do Comité Galego de Xustiza Deportiva

1. Os membros do Comité Galego de Xustiza Deportiva poderán ser separados logo de tramitación do correspondente procedemento contraditorio, por incumprimento grave das súas obrigas.

2. Procedemento para poder acordar a separación:

a) Competencia. O órgano da Administración autonómica competente en materia deportiva poderá acordar, de oficio, por propia iniciativa ou por denuncia, e logo da tramitación do correspondente procedemento, a separación dos/das membros do comité por incumprimento grave das súas obrigas.

b) Incoación. O órgano da Administración autonómica competente en materia deportiva, se tivese coñecemento de que un membro do Comité Galego de Xustiza Deportiva incorreu en incumprimento grave das súas obrigas, incoará o procedemento para a súa separación e ditará acordo en que se farán constar os feitos que dan lugar á incoación do procedemento, procederá ao nomeamento de instrutor/a e acordará conceder trámite de audiencia ao membro contra o que se incoe o procedemento, para que, se interesase ao seu dereito, formule alegacións e propoña as probas de que intente valerse, presentando escrito perante o/a instrutor/a, dentro do prazo de cinco días hábiles.

O nomeamento de instrutor/a recaerá en funcionario/a público/a ou persoal laboral dependente do órgano da Administración autonómica competente en materia deportiva, que deberá estar en posesión do título de licenciado/a en dereito.

Serán aplicables ao/á instrutor/a as causas de abstención e recusación e procedemento establecidas no capítulo III do título II da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico da administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O acordo de incoación do procedemento deberá ser notificado persoalmente ao membro fronte ao cal se incoa, de acordo co disposto polos artigos 58 e 59 da Lei 30/1992, ou por medios electrónicos de acordo co establecido no artigo 28 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e nos artigos 25 e 26 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

O membro do comité fronte ao cal se instrúa o expediente, no escrito que, se é o caso, presente para formular alegacións poderá propoñer a práctica das probas que considere oportunas para acreditar o cumprimento dos deberes cuxo suposto incumprimento grave dese lugar á incoación do procedemento.

c) Instrución e proposta de resolución. Recibidas, se é o caso, as alegacións formuladas en prazo polo membro fronte ao cal se instrúa o expediente, o/a instrutor/a acordará a apertura dun período de proba por un prazo non superior a trinta días nin inferior a dez. O instrutor/a só poderá rexeitar as probas propostas polo interesado cando sexan manifestamente improcedentes ou innecesarias, mediante resolución motivada. Así mesmo,o instrutor/a realizará de oficio as actuacións que resulten necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales deba pronunciarse a resolución.

Tras a instrución do expediente e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, porase de manifesto ao/á interesado/a para que, nun prazo non inferior a dez días nin superior a quince, poida alegar e presentar os documentos e xustificacións que considere convenientes. Poderase prescindir do trámite de audiencia cando non figuren no procedemento nin sexan tidos en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións e probas máis que as aducidas polo/a interesado/a.

Na proposta de resolución o/a instrutor/a fará constar a fixación dos feitos, a valoración da proba e, ben a proposta de separación no caso de que dos feitos considerados probados se desprenda un incumprimento grave das obrigas, ben a proposta de declaración de inexistencia de tal incumprimento grave.

A devandita proposta de resolución será remitida ao órgano da Administración autonómica competente en materia deportiva, para que dite a resolución procedente.

d) Resolución. O órgano da Administración autonómica competente en materia deportiva, recibida a proposta de resolución do/a instrutor/a, ditará e notificará, no prazo máximo de quince días, resolución motivada que resolverá, conforme dereito, todas as cuestións formuladas no expediente, e expresará os recursos que procedan contra ela, o órgano xudicial ante o que deban presentarse e o prazo para interpoñelos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren oportuno. A resolución porá fin á vía administrativa e será executiva desde o momento da súa notificación.

A resolución que recaia deberá ser notificada persoalmente ao membro fronte ao cal se incoa, de acordo co disposto polos artigos 58 e 59 da Lei 30/1992, ou por medios electrónicos, de acordo co establecido no artigo 28 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e nos artigos 25 e 26 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

3. Iniciado o procedemento para a separación dun membro do Comité Galego de Xustiza Deportiva, o órgano administrativo competente para resolvelo poderá adoptar, de oficio ou por instancia de parte, a medida preventiva de suspensión de funcións para asegurar a eficacia da resolución que poida recaer, se existisen elementos de xuízo suficientes para iso.

4. A separación dun membro do Comité Galego de Xustiza Deportiva inhabilita para que o membro separado poida volver ser nomeado como membro do comité.

Artigo 10. Dereitos e obrigas dos membros do Comité Galego de Xustiza Deportiva

1. Todos os membros do Comité Galego de Xustiza Deportiva, ademais dos dereitos inherentes ao seu cargo e funcións, segundo o previsto no presente regulamento, teñen os seguintes dereitos:

a) Participar nos debates das sesións.

b) Exercer o seu dereito ao voto e formular voto particular, así como expresar o sentido do voto e os motivos que o xustifican.

c) Recibir, cunha antelación mínima de tres días, salvo nos casos de convocatoria urxente, que será cunha antelación mínima de 48 horas, a convocatoria que conteña a orde do día das reunións. A información sobre os temas que figuren na orde do día, incluída a proposta de resolución, de ser o caso, estará á disposición dos membros coa antelación referida.

d) Formular rogos e preguntas.

c) Obter a información precisa para o cumprimento das súas funcións.

2. Todos os membros do Comité Galego de Xustiza Deportiva, ademais das obrigas e funcións inherentes ao cargo que desempeñan, teñen as seguintes obrigas xerais:

a) Asistir ás reunións do Comité Galego de Xustiza Deportiva.

b) Facerse cargo dos asuntos que lles correspondan, estudalos e formular a correspondente proposta de resolución dentro do prazo establecido con ese fin.

c) Observar a debida dilixencia na custodia dos documentos e expedientes que lles sexan entregados.

d) Gardar segredo sobre as deliberacións do comité e sobre o contido dos expedientes e documentos a que teñan acceso ou dos cales teñan coñecemento por razón do seu cargo.

e) Comunicar de inmediato os supostos en que concorra causa de abstención ou de incompatibilidade sobrevida.

f) Comunicar a imposibilidade de asistir a calquera das reunións do comité.

Artigo 11. O presidente ou presidenta do Comité Galego de Xustiza Deportiva

1. Ao presidente ou presidenta, sen prexuízo dos demais dereitos, obrigas e funcións que ten como membro do comité, correspóndelle:

a) Desempeñar a representación do Comité Galego de Xustiza Deportiva.

b) Acordar a convocatoria das sesións ordinarias e extraordinarias e a fixación da orde do día, tendo en conta, de ser o caso, as peticións dos demais membros formuladas con, polo menos, tres días de antelación á celebración da sesión.

c) Velar pola boa orde e goberno do comité, cumprindo e facendo cumprir as normas e disposicións que regulan as materias da súa competencia.

d) Presidir as sesións, moderar o desenvolvemento dos debates e suspendelos por causas xustificadas.

e) Dirimir co seu voto os empates, para os efectos de adoptar acordos e resolucións.

f) Visar coa súa sinatura as actas e certificacións dos acordos e resolucións que se adopten e de calquera documento en que aquela sexa necesaria.

g) Realizar convocatorias con carácter de urxencia, respectando, en todo caso, o prazo mínimo de 48 horas para a súa recepción.

h) Asegurar o cumprimento das leis.

i) Exercer cantas outras funcións sexan inherentes á súa condición de presidente/a do órgano de xustiza deportiva.

2. En caso de vacante, ausencia, enfermidade ou outra causa legal, o/a presidente/a será substituído/a polo membro do comité de maior antigüidade e idade, por esta orde, de entre os seus compoñentes.

Artigo 12. A Secretaría do Comité Galego de Xustiza Deportiva

1. O Comité Galego de Xustiza Deportiva estará asistido por un secretario ou unha secretaria que será designado polo órgano da Administración autonómica competente en materia deportiva de entre os/as funcionarios/as ao servizo dela.

2. No caso de vacante, ausencia e enfermidade, e con carácter excepcional, a persoa que exerza a secretaría será substituída polo membro do comité de maior antigüidade, e subsidiariamente, de maior idade, de entre os membros, e non poderá asumir as súas funcións en ningún caso o/a presidente/a.

3. Corresponde ao secretario ou secretaria do comité:

a) Asistir ás reunións, con voz pero sen voto.

b) Efectuar a convocatoria das sesións do comité por orde da Presidencia, así como as citacións aos seus membros.

c) Recibir os actos de comunicación dos membros do comité e, por tanto, as notificacións, peticións de información ou datos, rectificacións ou calquera outra clase de escritos de que se deba ter coñecemento.

d) Coidar a estrita observancia de todos os trámites e advertir sobre aqueles defectos de forma que considere que se produciron ou poidan producirse.

e) Preparar de forma concisa e completa os apuntamentos dos expedientes para coñecemento dos membros do comité.

f) Levar a repartición de asuntos e asignación de relatorios entre os membros do comité, de acordo co sistema de quenda que aqueles teñan establecido.

g) Conservar e custodiar a documentación e arquivos do comité.

h) Preparar o despacho dos asuntos e redactar e autorizar as actas das sesións.

i) Expedir certificacións das consultas, ditames e acordos aprobados.

j) Notificar ás persoas ou entidades interesadas as resolucións do comité.

k) Cantas outras funcións sexan inherentes á condición de secretario/a do Comité Galego de Xustiza Deportiva.

Artigo 13. Incompatibilidades dos membros e do/da secretario/a do Comité Galego de Xustiza Deportiva

1. A condición de membro do Comité Galego de Xustiza Deportiva é incompatible:

a) Coa adscrición como funcionario/a ou traballador/a ao órgano ou entidade pública ou privada da Comunidade Autónoma de Galicia con competencias en materia deportiva. Esta causa de incompatibilidade non será de aplicación ao secretario/a do comité.

b) Coa pertenza a un órgano disciplinario deportivo na Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Co desempeño dun cargo directivo ou técnico nalgún club, agrupación, federación deportiva ou nalgunha das entidades asimiladas ás entidades deportivas segundo o previsto na Lei do deporte de Galicia, así como a pertenza ao colexio de árbitros ou xuíces dalgunha federación deportiva.

d) Co exercicio de cargo ou relación laboral con entidades deportivas da Comunidade Autónoma de Galicia.

e) Coa propiedade ou posesión de títulos, accións ou participacións en calquera entidade deportiva ou empresa que teña como obxecto social a promoción, o patrocinio ou práctica do deporte, sempre que tales circunstancias poidan poñer en compromiso o exercicio do cargo con independencia, a xuízo do órgano da Administración autonómica con competencias en materia deportiva.

2. As causas de incompatibilidade contidas no punto anterior serán de aplicación ao/a secretario/a do Comité Galego de Xustiza Deportiva, agás a recollida na letra a).

3. Entenderase que concorre a causa de incompatibilidade prevista na letra e) anterior cando a participación sexa igual ou superior a un cinco por cento. A inexistencia de incompatibilidade non afectará o deber de abstención nin o dereito de recusación.

4. A persoa nomeada poderá cesar nas actividades ou poñer fin ás circunstancias que dean lugar á causa de incompatibilidade con carácter previo á aceptación do nomeamento, debendo facer constar a data de cesamento ou fin da concorrencia da causa de incompatibilidade na declaración que se prevé no punto seguinte.

5. Para os efectos do previsto no presente artigo, os membros do comité teñen a obriga de declarar o cesamento nas actividades a que se refire o número 1 anterior, tanto no momento da aceptación do nomeamento como en calquera momento do seu mandato en que poida producirse a posible causa de incompatibilidade.

6. No caso de que non se produza a declaración preceptuada no punto anterior, e existindo unha posible causa de incompatibilidade, o/a titular do órgano da Administración autonómica competente en materia deportiva deberá ditar, logo da tramitación do oportuno expediente na forma prevista no artigo 9 para a separación, resolución no prazo máximo dun mes, en que declare a incompatibilidade motivadamente e a perda da condición de membro do comité.

Artigo 14. Abstención dos membros do Comité Galego de Xustiza Deportiva

1. Os membros do Comité Galego de Xustiza Deportiva en quen concorra algunha das circunstancias recollidas no número dous seguinte deberanse abster de intervir no procedemento e comunicarano ao/á secretario/a do comité, quen lle dará traslado ao resto de membros do comité, os cales resolverán o procedente, aceptando ou rexeitando a abstención comunicada.

2. Son motivos de abstención, de acordo co disposto no artigo 28 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, os seguintes:

a) Ter interese persoal ou profesional no procedemento de que se trate ou noutro en cuxa resolución poida influír a daquel, ser administrador/a de sociedade ou entidade interesada, ou ter cuestión litixiosa pendente con algún interesado.

b) Ter parentesco de consanguinidade dentro do cuarto grao ou de afinidade dentro do segundo, con calquera dos/das interesados/as, cos administradores/as de entidades ou sociedades interesadas e tamén cos/coas asesores/as, representantes legais ou mandatarios que interveñan no procedemento, así como compartir despacho profesional ou estar asociado con estes/as para o asesoramento, representación ou mandato.

c) Ter amizade íntima ou enemizade manifesta con algunha das persoas mencionadas no punto anterior.

d) Ter intervido como perito/a ou testemuña no procedemento de que se trate.

e) Ter relación de servizo coa persoa natural ou xurídica interesada directamente no asunto, ou terlle prestado nos dous últimos anos servizos profesionais de calquera tipo e en calquera circunstancia ou lugar.

3. A actuación de membros do comité en que concorran motivos de abstención non implicará, necesariamente, a invalidez dos actos en que interveña.

4. A non abstención nos casos en que proceda dará lugar a responsabilidade.

Artigo 15. Recusación dos membros do Comité Galego de Xustiza Deportiva

1. Nos casos previstos no artigo anterior, os/as interesados/as, en calquera momento da tramitación do procedemento, poderán promover recusación.

2. A recusación formularse por escrito en que se expresará a causa ou causas en que se fundamenta.

3. Do escrito de recusación, o/a secretario/a do comité daralle traslado inmediato ao membro a que se refira, quen manifestará, no día seguinte, se se dá ou non nel a causa alegada. De recoñecer a concorrencia de causa de recusación, o secretario/a limitarase a facelo constar, e procederase á substitución do membro inmediatamente.

4. Se o/a recusado/a negase a causa de recusación, o/a secretario/a comunicarao ao resto de membros do comité, para que , no prazo de tres días, diten resolución, logo dos informes e comprobacións que consideren oportunos.

5. Contra as resolucións adoptadas nesta materia non caberá recurso ningún, sen prexuízo da posibilidade de alegar a recusación ao interpoñer o recurso que proceda contra o acto que termine o procedemento.

CAPÍTULO III
Normas internas de funcionamento do Comité Galego de Xustiza Deportiva

Artigo 16. Convocatoria

1. A convocatoria das sesións do comité corresponde ao/á seu/súa presidente/a, quen, así mesmo, determinará a orde do día. O/a secretario/a efectuará a convocatoria por orden do/a presidente/a e a citación aos membros do órgano.

2. Sen prexuízo da competencia do/a presidente/a para determinar a orde do día, os membros do comité poderán propoñer a inclusión de asuntos na orde do día, formuladas con, polo menos, 3 días de antelación.

3. A convocatoria será recibida polos membros do Comité Galego de Xustiza Deportiva cunha antelación mínima de corenta e oito horas, e debe conter a orde do día das sesións.

4. A información sobre os temas que figuren na orde do día estará á disposición dos/as membros coa mesma antelación prevista no punto anterior.

5. De declararse a urxencia da convocatoria, o prazo será de corenta e oito horas.

Artigo 17. Uso de medios electrónicos

1. O Comité Galego de Xustiza Deportiva poderá constituírse e adoptar acordos utilizando medios electrónicos, respectando o establecido nos artigos 26 e 27.1 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, na Lei 4/2006, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, e na Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

2. A convocatoria poderá efectuarse por medio do correo electrónico sempre que se cumpran os seguintes requisitos:

a) O sistema de notificación electrónica permitirá acreditar a data e a hora en que se produza a posta á disposición do interesado da convocatoria notificada, así como a de aceso ao seu contido, momento a partir do cal a notificación se entenderá practicada para todos os efectos legais; en todo caso, presumirase que a notificación se produciu polo transcurso de 24 horas, excluíndo sábados, domingos e festivos, desde a posta á disposición do interesado da convocatoria notificada, salvo que, de oficio ou por instancia do destinatario, se comprobe a imposibilidade técnica ou material do aceso.

b) Todos os membros do comité que teñan a condición de cargo público ou empregado público da Administración de que forme parte o dito órgano serán notificados no seu enderezo electrónico institucional correspondente. O resto de membros serán notificados electronicamente no enderezo de correo electrónico que sinalen para ese efecto.

c) Os membros do comité poderán ser validamente convocados para que a sesión se realice en varios lugares simultaneamente sempre que os medios técnicos permitan o normal desenvolvemento da sesión e o respecto dos dereitos dos membros. Unha vez constituído o órgano, a persoa que exerza a súa presidencia designará, para cada un dos lugares onde non se atope fisicamente o/a secretario/a, un dos membros asistentes para que o auxilie nas súas funcións.

3. O/a presidente/a velará pola legalidade da convocatoria, das sesións e o seu desenvolvemento formal ou procedemental.

Artigo 18. Sesións e constitución do Comité Galego de Xustiza Deportiva

1. O Comité Galego de Xustiza Deportiva funciona en pleno.

2. As sesións do Comité Galego de Xustiza Deportiva terán lugar nas dependencias do órgano da Administración autonómica con competencia en materia de deporte en Santiago de Compostela, salvo que, por causas que deberán de ser motivadas, por proposta da Presidencia, se sinale outro lugar ou lugares distintos para a celebración dalgunha sesión.

3. Para os efectos da celebración das sesións, deliberacións e toma de acordos, para a válida constitución do Comité Galego de Xustiza Deportiva, requirirase en primeira convocatoria a presenza do presidente/a e da persoa que desempeñe a secretaría do Comité Galego de Xustiza Deportiva ou, se é o caso, daqueles que os substitúan, e da metade, polo menos, dos/das vogais. Para a válida constitución do Comité Galego de Xustiza Deportiva en segunda convocatoria será suficiente coa presenza do/a presidente/a e da persoa que desempeñe a secretaría do Comité Galego de Xustiza Deportiva ou, se é o caso, daqueles/as que os substitúan, e un/unha vogal.

4. O Comité Galego de Xustiza Deportiva reunirase, en sesión ordinaria, cantas veces considere necesario atendendo ao número de asuntos sobre os cales deba pronunciarse, ou en sesión extraordinaria cando a persoa titular da presidencia o considere pertinente ou o solicite a maioría de dous terzos dos seus membros.

5. Cando xurdan asuntos que requiran unha urxente resolución, especialmente cando sexa necesario pronunciarse sobre a adopción de medidas preventivas, o/a presidente/a acordará a convocatoria dunha reunión urxente para decidir sobre eles, convocatoria que se comunicará cunha antelación mínima de 48 horas.

6. Non poderá ser obxecto de deliberación ou acordo ningún asunto que non figure incluído na orde do día, agás que estean presentes todos os membros do órgano colexiado e sexa declarada a urxencia do asunto polo voto favorable da maioría.

7. Os acordos serán adoptados por maioría simple de votos. No caso de empate, o voto do/a presidente/a terá carácter dirimente.

Artigo 19. Actas

1. De cada sesión que celebre o Comité Galego de Xustiza Deportiva o/a secretario/a levantará a acta, que especificará necesariamente os/as asistentes, a orde do día da reunión, as circunstancias do lugar e tempo en que se realizou, os puntos principais das deliberacións, así como o contido dos acordos adoptados.

2. Na acta farase constar, por solicitude dos respectivos membros do comité, o voto contrario ao acordo adoptado, a súa abstención e os motivos que a xustifiquen ou o sentido do seu voto favorable. Así mesmo, calquera membro ten dereito a solicitar a transcrición íntegra da súa intervención ou proposta, sempre que se refira a algún dos puntos da orde do día e achegue no acto, ou no prazo que sinale o presidente/a, o texto que se corresponda fielmente coa súa intervención, e farase constar así na acta ou uniráselle copia a esta.

3. Os membros que discrepen do acordo maioritario poderán formular voto particular por escrito no prazo de corenta e oito horas contado desde o momento en que o/a presidente/a dea por finalizada a sesión, que se lle incorporará ao texto aprobado.

4. Cando os membros do Comité Galego de Xustiza Deportiva voten en contra ou se absteñan quedarán exentos da responsabilidade que, de ser o caso, poida derivar dos acordos.

5. As actas aprobaranse na mesma ou na seguinte sesión; no entanto, o/a secretario/a poderá emitir certificación sobre os acordos específicos que se adoptasen, sen prexuízo da ulterior aprobación da acta, ben que nas certificacións de acordos adoptados emitidas con anterioridade á aprobación da acta se fará constar expresamente tal circunstancia.

6. As actas das sesións do comité poderán ser aprobadas por vía telemática, logo de sérenlles remitidas aos seus membros ao seu enderezo electrónico, e dispoñendo estes dun prazo máximo de dous días hábiles para emitir o seu voto, o que levarán a cabo polo mesmo medio.

7. Aqueles que acrediten a titularidade dun interese lexítimo poderanse dirixir ao/á secretario/a do comité para que lles expida unha certificación dos seus acordos.

CAPÍTULO IV
Normas de procedemento do Comité Galego de Xustiza Deportiva

Sección 1ª. Disposicións comúns

Artigo 20. Prazos.

1. De conformidade co establecido polo artigo 48 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, cando no presente regulamento os prazos se fixen por días enténdese que estes son hábiles, excluíndose do cómputo os domingos e os declarados festivos. Se o prazo se fixa en meses ou anos, estes computaranse a partir do día seguinte a aquel en que teña lugar a notificación ou publicación do acto de que se trate, ou dende o seguinte a aquel en que se produza a estimación ou desestimación por silencio administrativo. Se no mes do vencemento non houbese día equivalente a aquel en que comeza o cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

2. De acordo co disposto no artigo 42.6 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, excepcionalmente, o comité poderá acordar a ampliación do prazo máximo sinalado para a resolución e notificación, mediante motivación clara das circunstancias concorrentes e só unha vez esgotados todos os medios de disposición posibles. Contra a resolución que acorde a ampliación do prazo non caberá recurso.

3. O transcurso do prazo máximo para resolver e notificar a resolución poderá suspenderse cando deban solicitarse informes que sexan preceptivos e determinantes do contido da resolución ao órgano da mesma ou distinta Administración, polo tempo que medie entre a petición, que deberá comunicarse aos interesados, e a recepción do informe, que igualmente deberá ser comunicada a eles. Este prazo de suspensión non poderá exceder en ningún caso dos tres meses.

Artigo 21. Medios de notificación

O Comité Galego de Xustiza Deportiva realizará as notificacións de acordo co disposto polos artigos 58 e 59 da Lei 30/1992, ou por medios electrónicos, de acordo co establecido no artigo 28 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e nos artigos 25 e 26 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Artigo 22. Criterios de repartición.

1. A repartición de expedientes entre os membros do Comité Galego de Xustiza Deportiva para a realización de relatorios e de propostas de resolución efectuarase segundo o criterio establecido polo propio comité.

2. Para a aprobación do criterio de repartición, o comité axustarase aos seguintes trámites:

a) Convocatoria do comité con inclusión da fixación do criterio de repartición na orde do día.

b) Formulación da proposta de criterio de repartición ou, se é o caso, de modificación da existente e votación dela. No caso de modificación do criterio de repartición, non poderá afectar os asuntos que xa estean repartidos.

3. O criterio de repartición aprobado será público logo da petición por calquera interesado/a.

Artigo 23. Acumulación

1. O Comité Galego de Xustiza Deportiva, de acordo co disposto no artigo 73 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, poderá dispoñer a acumulación dun expediente a outros con que garde identidade substancial ou íntima conexión.

2. A acumulación poderase solicitar ou acordar de oficio, en calquera momento, antes de que recaia resolución nos expedientes.

3. Contra o acordo de acumulación non procederá recurso ningún.

4. A consecuencia da acumulación será a de seguirse os expedientes acumulados nun único e a de terminarse cunha única resolución.

Artigo 24. Medidas provisionais

1. Iniciado o procedemento, e de conformidade co establecido polo artigo 72 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, o comité poderá adoptar, de oficio ou por instancia de parte, as medidas provisionais que considere oportunas para asegurar a eficacia da resolución que poida recaer, se existiren elementos de xuízo suficientes para iso.

2. As medidas preventivas poderaas solicitar o/a interesado/a xunto coa solicitude de iniciación do procedemento, ben que tamén poderán solicitarse en calquera momento da tramitación do recurso, antes de que recaia resolución.

3. Non se poderán adoptar medidas provisionais que poidan causar prexuízo de difícil ou imposible reparación aos interesados ou que impliquen violación dos dereitos amparados polas leis.

4. As medidas provisionais poderán ser alzadas ou modificadas durante a tramitación do procedemento, de oficio ou por instancia de parte, en virtude de circunstancias sobrevidas ou que non puideron ser tidas en conta no momento da súa adopción. En todo caso, extinguiranse coa eficacia da resolución que poña fin ao procedemento.

Artigo 25. Resolucións

1. As resolucións do Comité Galego de Xustiza Deportiva adoptaranse en sesión deste, logo da deliberación e votación, e levantarase a correspondente acta expresiva dos acordos adoptados.

2. As deliberacións do comité son secretas. Tamén o será o sentido das votacións, sen prexuízo do disposto sobre a publicidade dos votos particulares.

3. As resolucións do comité deberán ser motivadas, con expresión dos feitos e fundamentos legais que xustifiquen o acordo que se adopte, expresará ademais os recursos que contra elas procedan, o órgano administrativo ou xudicial ante o que deban presentar e o prazo para interpoñelos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren oportuno.

4. No suposto de que un membro do comité queira incluír na resolución que se dite un voto particular deberá anuncialo no momento da votación en que resulte a adopción de acordo en sentido contrario ao do seu voto. Do exercicio deste dereito deixarase constancia na acta que se levante.

5. As resolucións que se diten serán notificadas a todos/as os/as interesados/as no prazo de dez días desde que se adopten os acordos que conteñan.

Artigo 26. Invariabilidade das resolucións. Aclaración e corrección

1. O Comité Galego de Xustiza Deportiva non poderá variar as resolucións que adopte despois de asinadas, pero si aclarar algún concepto escuro e rectificar calquera erro material, de feito ou aritmético que conteñan.

2. As aclaracións a que se refire o punto anterior poderán facerse de oficio ou por petición da parte interesada. Neste último caso, a aclaración deberá ser solicitada dentro dos dous días hábiles seguintes ao de notificación da resolución, e o comité deberá resolver dentro dos tres días seguintes ao de presentación do escrito que solicite a aclaración. A aclaración de oficio deberá facerse no prazo de dous días hábiles desde a adopción do acordo.

3. Os erros materiais, de feito ou aritméticos, en que incorran as resolucións do comité poderán ser rectificados en calquera momento, de oficio ou por instancia dos interesados.

4. Non caberá recurso ningún contra a resolución en que se acorde a aclaración ou rectificación, sen prexuízo dos que procedan contra a resolución respecto da que se solicitou ou acordou a aclaración ou rectificación.

Artigo 27. Publicidade das resolucións

Con independencia da correspondente notificación persoal ou notificación pública, poderá acordarse a comunicación pública das resolucións, cando o aconsellen razóns de interese público apreciadas polo órgano que ditou a resolución. A comunicación pública deberá respectar o dereito á honra e á intimidade das persoas conforme a legalidade vixente.

Artigo 28. Recursos

As resolucións que dite o Comité Galego de Xustiza Deportiva esgotan a vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse recurso ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 29. Execución das resolucións

As resolucións do comité terán carácter executivo e serán executadas en primeira instancia a través da correspondente federación deportiva, que será responsable do seu efectivo cumprimento.

Sección 2ª. Procedemento ordinario

Artigo 30. Obxecto

1. O Comité de Xustiza Deportiva tramitará e resolverá a través do procedemento regulado nesta sección os asuntos que versen sobre os actos ou omisións que se produzan relativos:

a) Aos de carácter organizativo-competicional que poidan xurdir en relación coa organización das competicións oficiais e que non teñan reflexo no réxime disciplinario deportivo.

b) Ao control administrativo respecto das funcións públicas encomendadas ás federacións.

c) Á convocatoria das eleccións federativas e o regulamento electoral aprobado pola asemblea xeral federativa

d) Ás impugnacións realizadas pola Administración da Comunidade Autónoma, de conformidade co disposto polo artigo 57.6 da Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia.

e) Á responsabilidade disciplinaria regulada nos artigos 57.2 e 62.3 da Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia.

Artigo 31. Iniciación

1. O procedemento iniciarase de oficio por acordo do Comité Galego de Xustiza Deportiva, ben por propia iniciativa, por pedimento razoado doutros órganos ou por denuncia, ou pola solicitude da persoa interesada.

2. Con anterioridade ao acordo de iniciación, o Comité Galego de Xustiza Deportiva poderá abrir un período de información previa co fin de coñecer as circunstancias do caso concreto e mais a conveniencia ou non de iniciar o procedemento.

Artigo 32. Solicitudes de iniciación

1. As solicitudes que se formulen deberán conter, de acordo co disposto no artigo 70 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común:

a) Nome e apelidos do/a interesado/a e, se é o caso, da persoa que o/a represente, así como a identificación do medio preferente ou do lugar que se sinale para os efectos de notificacións.

b) Feitos, alegacións ou razóns e petición en que se concrete, con toda claridade, a solicitude.

c) Lugar e data.

d) Sinatura do solicitante ou acreditación da autenticidade da súa vontade expresada por calquera medio.

e) Facultativamente, de consideralo conveniente o/a solicitante, os elementos ou documentos que considere para precisar ou completar a información exixida.

2. Poderanse presentar nunha única solicitude as pretensións correspondentes a unha pluralidade de persoas, sempre que aquelas teñan un contido e fundamento idéntico ou substancialmente similar.

Artigo 33. Lugar de presentación

1. A solicitude de iniciación poderá presentarse, segundo se establece no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común:

a) No rexistro do órgano administrativo a que o Comité Galego de Xustiza Deportiva figure adscrito.

b) No rexistro de calquera órgano administrativo que pertenza á Administración xeral do Estado, a calquera Administración das comunidades autónomas ou a algunha das entidades que integran a Administración local se, neste último caso, se subscribiu o oportuno convenio.

c) Nas oficinas de Correos, na forma regulamentariamente establecida, e por medio que deixe constancia da data de presentación.

d) Nas representacións diplomáticas ou oficinas consulares de España no estranxeiro

e) En calquera outro que establezan as disposicións vixentes.

2. Poderá tamén presentarse mediante o uso de técnicas e medios electrónicos, informáticos ou telemáticos; neste caso a presentación deberá axustarse ás previsións contidas no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Artigo 34. Admisión

1. Recibida a solicitude, o/a secretario/a do Comité Galego de Xustiza Deportiva procederá ao seu rexistro e asignación de número de expediente.

2. Se, recibida a solicitude, o/a secretario/a aprecia que non reúne todos os requisitos previstos no artigo 32, procederá a requirir o/a solicitante para que, no prazo de dez días, emende a falta, con indicación de que, se así non o fixese, se terá por non presentada a solicitude e arquivarse o expediente. De conformidade co disposto no artigo 71.2 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, o prazo poderá ser ampliado prudencialmente ata cinco días, por petición do interesado ou iniciativa do órgano, cando a achega dos documentos requiridos presente dificultades especiais.

3. Asignado o número de expediente e, de ser o caso, emendados os defectos apreciados, o/a secretario/a levará o asunto á primeira reunión do comité que se celebre para a súa repartición, que se rexerá polas normas contidas no artigo 22. Corresponderá o exame da admisibilidade do asunto ao membro do comité que por quenda corresponda, quen, se entende que procede a inadmisión, levará a proposta ao pleno.

Artigo 35. Principios reguladores do procedemento

O procedemento ordinario en única instancia axustarase aos seguintes principios establecidos polos artigos 74, 76 e 77 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común:

a) Impulso de oficio, con sometemento ao criterio de celeridade.

b) Os trámites que deban formalizar os/as interesados/as deberán realizarse nos prazos fixados na presente subsección e, de non fixarse prazo expreso, no de dez días a partir da notificación do correspondente acto. Cando en calquera momento se considere que algún dos actos dos interesados non reúne os requisitos necesarios, a Administración porao en coñecemento do seu autor, concedéndolle un prazo de dez días para formalizalo.

c) Cando os/as interesados/as non cumpran os prazos concedidos, poderanse declarar decaídos no seu dereito ao trámite correspondente; non obstante, admitirase a actuación do interesado e producirá os seus efectos legais se se produciu antes ou dentro do día que se notifique a resolución en que se teña por transcorrido o prazo.

d) As cuestións incidentais que se poidan suscitar non suspenderán a tramitación do procedemento, agás a relativa á recusación.

Artigo 36. Instrución e práctica de proba

1. Incoado o procedemento, procederase a nomear instrutor/a do procedemento a un dos membros do comité, consonte as normas de repartición que se aproben, de conformidade co disposto no artigo 22. Os/as interesados/as poderán en calquera momento coñecer a identidade do membro do comité que teña no expediente a condición de instrutor/a.

2. Os actos de instrución necesarios para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales deba pronunciarse a resolución realizaraos de oficio o/a instrutor/a, sen prexuízo do dereito dos interesados/as a propoñer aquelas actuacións que requiran a súa intervención ou constitúan trámites legais ou regulamentariamente establecidos.

3. En calquera momento do procedemento anterior ao trámite de audiencia os interesados poderán facer alegacións e achegar documentos ou outros elementos de xuízo, os cales serán tidos en conta polo/a instrutor/a ao redactar a proposta de resolución.

4. Os feitos relevantes para a decisión dun procedemento poderán acreditarse por calquera medio de proba admisible en dereito. Cando o comité non teña por certos os feitos alegados polos/as interesados/as ou a natureza do procedemento o exixa, o/a instrutor/a acordará a apertura dun período de proba por un prazo non superior a trinta días nin inferior a dez, co fin de que poidan practicarse cantas xulgue pertinentes. O/a instrutor/a do procedemento só poderá rexeitar as probas propostas polos interesados cando sexan manifestamente improcedentes ou innecesarias, mediante resolución motivada. O/a instrutor/a comunicaralles aos/ás interesados/as, a través do Comité Galego de Xustiza Deportiva, con antelación suficiente, o inicio das actuacións necesarias para a realización das probas que fosen admitidas. Na notificación consignarase o lugar, data e hora en que se practicará a proba, coa advertencia de que o/a interesado/a pode nomear técnicos que o/a asistan.

5. Nos casos en que, por petición do interesado, deban efectuarse probas que impliquen gastos que non deba soportar o comité, este poderá exixir o seu anticipo, a reserva da liquidación definitiva, unha vez practicada a proba. A liquidación dos gastos practicarase unindo os comprobantes que acrediten a realidade e a súa contía.

6. O/a instrutor/a solicitará os informes que xulgue necesarios para resolver. Os informes serán evacuados no prazo de dez días. De non emitirse o informe no prazo sinalado, e sen prexuízo da responsabilidade en que incorra o responsable da demora, poderanse proseguir as actuacións.

7. Cando por razón da materia ou do obxecto do procedemento sexa necesario contar, para ter un axeitado xuízo de valor, con coñecementos profesionais ou técnicos específicos, o comité poderá solicitar informes externos. Para a emisión dos ditos informes solicitarase a colaboración dos colexios profesionais e federacións, que determinarán o perito que realice o informe.

Artigo 37. Trámite de audiencia

De conformidade co establecido polo artigo 84 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común:

1. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, porase de manifesto aos/ás interesados/as ou, se é o caso, aos/ás seus/súas representantes, salvo o que afecte as informacións e datos a que se refire o artigo 37.5 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Os/as interesados/as, nun prazo non inferior a dez días nin superior a quince, poderán alegar e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes.

3. Se antes do vencemento do prazo os/as interesados/as manifestan a súa decisión de non efectuar alegacións nin achegar novos documentos ou xustificacións, terase por realizado o trámite.

4. Poderase prescindir do trámite de audiencia cando non figuren no procedemento nin se teñan en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións e probas máis que as aducidas polo/a interesado/a.

Artigo 38. Proposta de resolución

Finalizado o trámite de audiencia regulado no artigo anterior, o membro do comité que teña a condición de instrutor formulará, no prazo máximo de dez días, a correspondente proposta de resolución, da cal se dará traslado ao comité, para que dite resolución na primeira reunión que se celebre para a deliberación e resolución.

Artigo 39. Dilixencias finais

1. Antes de ditar proposta de resolución, o/a instrutor/a poderá acordar a práctica, de oficio ou por instancia de parte, como dilixencias finais, daquelas probas que crea necesarias para o esclarecemento dos feitos e o seu adecuado axuizamento.

2. As dilixencias finais só poderán acordarse con suxeición ás seguintes regras:

a) Non se poderán practicar como dilixencias finais as probas que se poidan ter proposto en tempo e forma os/as interesados/as.

b) Poderá admitirse a práctica de dilixencias finais cando por causas alleas ao/á interesado/a que as propuxo, non se practicase algunha das probas admitidas polo/a instrutor/a.

c) Tamén se poderán admitir e practicar as probas que o/a instrutor/a considere pertinentes e útiles, que se refiran a feitos novos ou de nova noticia.

3. Excepcionalmente, o/a instrutor/a poderá acordar, de oficio ou por instancia de parte, que se practiquen de novo probas sobre feitos relevantes, oportunamente alegados, se os actos de proba anteriores non resultan concluíntes por causa de circunstancias xa desaparecidas e independentes da vontade e dilixencia dos/as interesados/as, sempre que existan motivos fundados para crer que as novas actuacións permitirán adquirir certeza sobre aqueles feitos. Na resolución que acorde a práctica destas dilixencias deberase deixar constancia das circunstancias e motivos concorrentes.

4. Deberán practicarse no prazo de quince días. Practicadas as probas acordadas ou transcorrido o prazo, darase trámite de audiencia aos interesados antes de ditar resolución.

Artigo 40. Resolución

O Comité Galego de Xustiza Deportiva ditará a resolución que poña fin ao procedemento e que decidirá todas aquelas cuestións formuladas polos/as interesados/as e aqueloutras derivadas del. Cando se trate de cuestións conexas que non fosen formuladas polos/as interesados/as, o comité poderá pronunciarse sobre elas, poñéndoo antes de manifesto a aqueles, por un prazo non superior a quince días, para que formulen as alegacións que consideren pertinentes e acheguen, se é o caso, os medios de proba.

As resolucións conterán a decisión, que será motivada e expresará, ademais, os recursos que contra ela procedan, o órgano xudicial ante o que se deban presentar e o prazo para interpoñelos, sen prexuízo de que os interesados poidan exercer calquera outro que consideren oportuno.

O prazo para ditar resolución será de seis meses, transcorrido o dito prazo sen que se notifique resolución expresa poderá entenderse desestimada a solicitude.

Sección 3ª. Procedemento disciplinario deportivo

Artigo 41. Obxecto

O Comité Galego de Xustiza Deportiva tramitará e resolverá a través do procedemento disciplinario deportivo os recursos contra as resolucións que en materia de disciplina deportiva diten os órganos competentes das federacións deportivas, o que esgotará a vía federativa, incluída a materia de dopaxe.

Artigo 42. Prazo para a interposición dos recursos

Os recursos a que se refire o artigo anterior deberán interpoñerse ante o Comité Galego de Xustiza Deportiva no prazo máximo dun mes, contado a partir do día seguinte a aquel en que teña lugar a notificación ou publicación da resolución de que se trate, ou desde o seguinte a aquel en que se produza a súa desestimación por silencio administrativo.

Artigo 43. Contido

1. O recurso formularase mediante o correspondente escrito dirixido ao Comité Galego de Xustiza Deportiva que conterá, polo menos, os seguintes requisitos:

a) Nome e apelidos do/a recorrente, e, se é o caso, da persoa que o represente, así como a súa identificación persoal.

b) A identificación do acordo ou resolución que se impugna e a razón da súa impugnación.

c) Lugar, data, sinatura do recorrente ou acreditación da autenticidade da súa vontade expresada por calquera medio, identificación do medio e, se é o caso, do lugar que se sinale para os efectos de notificacións.

d) A solicitude de práctica de proba, de ser o caso.

e) A petición, se é o caso, da suspensión da executoriedade dos acordos ou resolucións.

2. Ao escrito de interposición deberán xuntarse os seguintes documentos:

a) Copia da resolución ou acordo impugnado, salvo que non exista resolución expresa.

b) Acreditación, de ser o caso, da representación que se teña, podendo en calquera caso, acreditar a devandita representación por calquera medio válido en dereito que deixe constancia fidedigna, ou mediante declaración en comparecencia persoal ante o/a secretario/a do Comité Galego de Xustiza Deportiva.

c) Aqueloutros que se consideren oportunos para a tramitación e coñecemento do recurso.

Artigo 44. Lugar de presentación

1. O escrito de interposición do recurso deberá presentarse, dentro do prazo establecido, e segundo se establece no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común:

a) No rexistro do órgano administrativo a que o Comité Galego de Xustiza Deportiva figure adscrito.

b) No rexistro de calquera órgano administrativo que pertenza á Administración xeral do Estado, a calquera Administración das comunidades autónomas ou a algunha das entidades que integran a Administración local, se, neste último caso, se subscribise o oportuno convenio.

c) Nas oficinas de Correos, na forma regulamentariamente establecida, e por medio que deixe constancia da data de presentación.

d) Nas representacións diplomáticas ou oficinas consulares de España no estranxeiro

e) En calquera outro que establezan as disposicións vixentes.

2. Poderá, tamén, presentarse mediante o uso de técnicas e medios electrónicos, informáticos ou telemáticos. Neste caso, a presentación deberá adecuarse ás previsións contidas no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Artigo 45. Admisión

1.Unha vez recibido o escrito de interposición do recurso polo/a secretario/a do comité, este procederá ao seu rexistro e asignación de número de expediente.

2. Se, unha vez recibido o recurso, o/a secretario/a aprecia que este non reúne todos os requisitos previstos no artigo 43, procederá a requirir o/a recorrente para que, no prazo de dez días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se terá por non presentado o recurso e arquivarase o expediente. De conformidade co disposto no artigo 71.2 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, o prazo poderá ser ampliado prudencialmente ata cinco días, por petición do interesado ou por iniciativa do órgano, cando a achega dos documentos requiridos presente dificultades especiais.

3. Unha vez asignado o número de expediente e, de ser o caso, emendados os defectos apreciados, o/a secretario/a levará o asunto á primeira reunión do comité que se celebre para a súa repartición que se rexerá polas normas contidas no artigo 22. Corresponderá o exame da admisibilidade do asunto ao membro do comité que por quenda corresponda, quen, se entende que procede a inadmisión, levará a proposta ao pleno.

Artigo 46. Suspensión da execución

1. A interposición do recurso non suspenderá a execución do acto impugnado. Non obstante, o comité poderá, de oficio ou por instancia do/a recorrente, suspender razoadamente a execución do acto ou acordo obxecto de recurso, logo de ponderación, suficientemente razoada, entre o prexuízo que causaría ao interese público ou a terceiros a suspensión e o prexuízo que se causa ao recorrente como consecuencia da eficacia inmediata do acto impugnado e tendo en conta a aparencia de bo dereito.

2. A suspensión do acto, por instancia do/a recorrente, requirirá que se solicite xunto co recurso que se formule, ben que tamén se poderá solicitar en calquera momento da tramitación do recurso, antes de que recaia resolución, acreditando a concorrencia de circunstancias de urxencia e necesidade para a súa adopción nese momento.

3. O comité proverá a petición da suspensión se concorren os requisitos para a súa adopción, logo da audiencia por prazo de tres días hábiles de todos/as os/as interesados/as.

4. A adopción do acordo de suspensión poderá efectuarse sen audiencia previa dos/as interesados/as se concorren razóns de urxencia e necesidade que fagan que a espera poida comprometer a efectividade da resolución que puidese recaer na resolución do recurso interposto.

5. Como regra xeral, a suspensión que se acorde subsistirá mentres dure a tramitación do expediente ata que recaia a resolución do recurso. Porén, excepcionalmente, poderá ser deixada sen efecto, por instancia de parte ou de oficio, durante a tramitación do procedemento, se concorren circunstancias sobrevidas ou que non se poidan ter en conta no momento da súa adopción e que aconsellen a revogación do acordo de suspensión.

6. Ao se ditar o acordo de suspensión poderán adoptarse as medidas que sexan necesarias para asegurar a protección do interese público ou de terceiros e a eficacia da resolución ou do acto impugnado, de acordo co previsto no artigo 24.

Artigo 47. Reclamación do expediente e emprazamentos dos interesados

1. Unha vez admitido a trámite o recurso, o/a secretario/a do comité, nos cinco días seguintes, remitirá ao órgano que ditou o acto ou resolución impugnada unha copia do escrito de interposición e reclamaralle o expediente, para que, no prazo máximo de dez días hábiles, o remita ao comité xunto cun breve informe relativo ás pretensións do/a recorrente e emprazará os/as interesados/as no expediente para que fagan as alegacións que ao seu dereito conveñan no prazo máximo de dez días hábiles

2. Unha vez recibido o expediente e as alegacións dos/as interesados/as entregaranse ao membro do comité que por quenda corresponda.

3. O Comité Galego de Xustiza Deportiva, en calquera momento durante a tramitación do recurso, poderá de oficio ou por instancia de parte, pedir ao órgano que ditou o acto ou resolución impugnada que complete o expediente, se aprecia nel a ausencia de documentación ou información necesaria para a resolución do recurso.

Artigo 48. Probas

1. Á vista do expediente, o/a instrutor/a proporá, de ser o caso, a admisión ou inadmisión das probas solicitadas polo/a recorrente.

2. O comité só poderá admitir e acordar a práctica daqueles medios de proba que, debidamente propostos en instancias anteriores e sendo procedentes, fosen indebidamente negados ou non practicados por causa non imputable a quen os propuxo. Asemade, serán admitidos como proba aqueles documentos que sexan de data posterior ao acto impugnado ou cuxa existencia non puido ser coñecida antes de se ditar o devandito acto.

3. De oficio, o comité deberá acordar, en todo caso, a práctica daquelas probas que considere pertinentes ou de notoria transcendencia para a resolución do recurso, comunicándoo ao/á interesado/a coa antelación suficiente.

4. As probas admitidas practicaranse dentro do prazo de dez días con intervención do/a secretario/a.

5. O instrutor só poderá rexeitar as probas propostas polos interesados cando sexan manifestamente improcedentes ou innecesarias, mediante resolución motivada.

Artigo 49. Audiencia dos/as interesados/as

De conformidade co establecido no artigo 84 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común:

1. Unha vez instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, porase de manifesto aos/ás interesados/as ou, se for o caso, aos/ás seus/súas representantes, salvo o que afecte as informacións e datos a que se refire o artigo 37.5 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Os interesados, nun prazo non inferior a dez días nin superior a quince, poderán alegar e presentar os documentos e xustificacións que consideren pertinentes.

3. Se antes do vencemento do prazo os/as interesados/as manifestan a súa decisión de non efectuar alegacións nin achegar novos documentos ou xustificacións, terase por realizado o trámite.

4. Poderase prescindir do trámite de audiencia cando non figuren no procedemento nin se teñan en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións e probas que as aducidas polo/a interesado/a.

Artigo 50. Dilixencias finais

1. Antes de ditar proposta de resolución, o instrutor poderá acordar a práctica, como dilixencias finais, daquelas probas que crea necesarias para o esclarecemento dos feitos e o seu adecuado axuizamento.

2. As dilixencias finais só poderán acordarse con suxeición ás seguintes regras:

a) Non se poderán practicar como dilixencias finais as probas que se puidesen ter proposto en tempo e forma polos/as interesados/as.

b) Cando, por causas alleas ao/á interesado/a que as propuxese non se practicase algunha das probas admitidas polo/a instrutor/a.

c) Tamén se poderán admitir e practicar as probas que o instrutor considere pertinentes e útiles, que se refiran a feitos novos ou de nova noticia.

3. Excepcionalmente, o instrutor poderá acordar de oficio que se practiquen de novo probas sobre feitos relevantes, oportunamente alegados, se os actos de proba anteriores non resultan concluíntes a causa de circunstancias xa desaparecidas e independentes da vontade e dilixencia dos/as interesados/as, sempre que existan motivos fundados para crer que as novas actuacións permitirán adquirir certeza sobre aqueles feitos. Na resolución que acorde a práctica destas dilixencias deberase deixar constancia das circunstancias e motivos concorrentes.

4. Deberán practicarse no prazo de quince días. Practicadas as probas acordadas ou transcorrido o prazo, darase trámite de audiencia aos interesados antes de ditar resolución.

Artigo 51. Proposta de resolución

Unha vez finalizado o trámite de audiencia ou, se é o caso, practicadas as dilixencias finais reguladas no artigo anterior, o/a instrutor/a, no prazo máximo de quince días, formulará a correspondente proposta de resolución, que presentará aos membros do comité na primeira sesión que se celebre para a deliberación e resolución.

Artigo 52. Deliberación e resolución

1. O comité, na correspondente sesión, deliberará sobre a proposta formulada polo/a instrutor/a e adoptará a resolución que proceda.

2. A resolución do recurso estimará, en todo ou en parte, ou desestimará as pretensións formuladas nel ou declarará a súa inadmisión.

3. Cando por existir un vicio de forma non se considere procedente resolver sobre o fondo, ordenarase a retroacción do procedemento ao momento en que se cometeu o vicio.

4. O comité decidirá cantas cuestións, tanto de forma como de fondo, presente o procedemento, fosen alegadas ou non polos interesados. Neste último caso, serán oídos previamente. Non obstante, a resolución será congruente coas peticións formuladas polo/a recorrente, sen que en ningún caso poida agravarse a súa situación inicial.

5. As resolucións deberán ser motivadas con, cando menos, sucinta referencia aos feitos e fundamentos xurídicos en que se basean.

6. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución será de tres meses. Transcorrido este prazo sen que se dite resolución, poderase entender desestimado o recurso e quedará aberta a vía xudicial.

Artigo 53. Notificacións

1. As resolucións notificaranse ao/á recorrente e demais interesados/as, e darase traslado delas á federación autora do acto ou resolución obxecto do recurso.

2. As notificacións deberán conter o texto íntegro da resolución, con indicación de que esgota a vía administrativa, a expresión do recurso que proceda, órgano ante o que teña que presentarse e prazo para interpoñelo.

3. Cursaranse as notificacións dentro dos dez días hábiles seguintes á sinatura da resolución, as cales deberán practicarse no domicilio dos interesados ou no que estes tivesen establecido para tal efecto.

4. As notificacións realizaranse de acordo co establecido no artigo 21.

Artigo 54. Tramitación de urxencia

Naqueles supostos en que, polas circunstancias concorrentes, fose urxente a resolución do recurso, o comité poderá acordar, de oficio ou por petición do/a interesado/a, a aplicación ao procedemento da tramitación de urxencia, de forma motivada, pola cal se reducirán á metade os prazos establecidos, salvo os relativos á presentación de solicitudes e recursos, e non caberá recurso ningún contra o acordo que declare a aplicación da tramitación de urxencia ao procedemento.

Sección 4ª. Procedemento en materia electoral federativa

Artigo 55. Obxecto e natureza

1. O Comité Galego de Xustiza Deportiva tramitará e resolverá a través do procedemento en materia electoral federativa os recursos que presenten contra as resolucións das xuntas electorais das federacións deportivas.

2. O procedemento en materia electoral é de natureza sumaria e de cognición limitada, cinguíndose ás reclamacións formuladas respecto ao proceso electoral federativo.

3. O presente procedemento non será de aplicación ás reclamacións que se presenten contra a convocatoria das eleccións federativas e o regulamento electoral aprobado pola asemblea xeral das federacións deportivas galegas, as cales se substanciarán polo procedemento establecido na sección 2ª do capítulo IV deste regulamento.

Artigo 56. Lexitimación

Está lexitimado para interpoñer recurso electoral quen fose parte na impugnación ante a xunta electoral federativa ou as persoas interesadas directamente polo seu acordo ou resolución.

Artigo 57. Prazo de interposición

O prazo para a interposición do recurso electoral ante o Comité Galego de Xustiza Deportiva será de tres días hábiles contados desde o seguinte ao da notificación da resolución ou acordo obxecto de recurso ou, se for o caso, desde o momento en que se produza a desestimación tácita da reclamación electoral presentada.

Artigo 58. Contido

O recurso interpoñerase mediante escrito dirixido ao comité co contido previsto no artigo 43.

Artigo 59. Lugar de presentación

Resulta de aplicación o previsto no artigo 44.

Artigo 60. Suspensión do acordo ou resolución impugnada

1. A interposición do recurso non suspende a execución do acto impugnado nin o proceso electoral a que o recurso se refire.

2. Porén, o comité poderá suspender a execución do acordo ou resolución da xunta electoral federativa nos termos previstos no artigo 46.

3. A suspensión das eleccións poderá acordala o comité, de oficio ou por instancia de parte interesada, valorando os prexuízos que concorran e especialmente a entidade e transcendencia dos prexuízos que derivarían da continuación do proceso electoral.

4. Así mesmo, o comité, de oficio ou por instancia de parte interesada, poderá acordar, durante a tramitación do recurso, a adopción de cantas medidas provisionais considere indispensables para asegurar a execución da resolución do comité, segundo o previsto no artigo 24.

5. As medidas provisionais poderán ser alzadas ou modificadas durante a tramitación do procedemento, de oficio ou por instancia de parte, en virtude de circunstancias sobrevidas ou que non puideron ser tidas en conta no momento da súa adopción. En todo caso, extinguiranse coa eficacia da resolución que poña fin ao procedemento.

Artigo 61. Tramitación

1. Unha vez recibido o recurso polo/a secretario/a do comité, procederá ao seu rexistro e asignación de número de expediente. Se aprecia que este non reúne os requisitos previstos no artigo 43 actuará conforme o establecido no artigo 45, ben que o prazo outorgado para a emenda dos defectos do recurso será de 10 días hábiles.

2. Unha vez asignado o número de expediente e, de ser o caso, emendados os defectos apreciados, o/a secretario/a levará o asunto á primeira reunión do comité que se celebre para a súa repartición, que se rexerá polas normas contidas no artigo 22. Corresponderá o exame da admisibilidade do asunto ao membro do comité que por quenda corresponda, quen, se entende que procede a inadmisión, levará a proposta ao pleno.

3. De decidirse a admisión a trámite do recurso presentado, o/a secretario/a solicitará de inmediato, por fax, correo electrónico ou calquera outro medio que a tecnoloxía ofreza, o expediente ao órgano que ditou a resolución ou acordo obxecto de recurso, que deberá remitilo de xeito urxente no prazo máximo de cinco días, cumprindo o disposto no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

4. Así mesmo, darase traslado do recurso, de ser posible por fax ou correo electrónico, ás persoas ou entidades que estean directamente interesadas na impugnación para que, no mesmo prazo de tres días, poidan formular alegacións, cumprindo o disposto no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

5. Ao mesmo tempo, nomearase o membro do comité que por quenda corresponda para a elaboración da proposta de resolución, quen poderá propoñer a adopción de medidas provisionais conforme o previsto no artigo anterior.

Artigo 62. Proposta de resolución

Unha vez finalizado o trámite de audiencia, entregarase o expediente completo ao membro do comité designado para que no prazo máximo de sete días formule a súa proposta de resolución, que presentará aos membros do comité na primeira sesión que se celebre para a deliberación e resolución.

Artigo 63. Deliberación e resolución

1. O comité, na correspondente sesión, deliberará sobre a proposta formulada e adoptará a resolución que proceda.

2. A resolución do recurso estimará, en todo ou en parte, ou desestimará as pretensións formuladas nel ou declarará a súa inadmisión.

3. Cando, por existir vicio de forma, por carecer o acto dos requisitos formais para alcanzar o seu fin ou por dar lugar á indefensión dos interesados, non se estime procedente resolver sobre o fondo, ordenarase a retroacción do procedemento ao momento en que se cometeu o vicio.

4. O órgano que resolva o recurso decidirá cantas cuestións, tanto de forma como de fondo, presente o procedemento, fosen ou non alegadas polos interesados. Neste último caso serán oídos previamente. Non obstante, a resolución será congruente coas peticións formuladas polo recorrente, sen que en ningún caso poida agravarse a súa situación inicial.

5. As resolucións deberán ser motivadas con, cando menos, sucinta referencia aos feitos e fundamentos xurídicos en que se basean.

6. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución será dun mes contado desde a data en que o recurso tivo entrada no rexistro do comité. Transcorrido este prazo sen que se dite resolución, poderase entender desestimado o recurso.

7. As resolucións do comité que poñan fin ao procedemento esgotan a vía administrativa e fronte a elas poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. O prazo para interpoñer recurso contencioso-administrativo será de dous meses contados desde o día seguinte ao da notificación ou publicación do acto que poña fin á vía administrativa, se for expreso. Se non o for, o prazo será de seis meses e contarase para o solicitante e outros posibles interesados a partir do día seguinte a aquel en que, de acordo coa súa normativa especifica, se produza o acto presunto.

Artigo 64. Notificacións

1. No prazo máximo de dez días desde a adopción da resolución, cursarase a súa notificación ao/á recorrente e aos/ás restantes interesados/as, así como á federación deportiva implicada e directamente á xunta electoral que ditou o acto impugnado.

2. Así mesmo, a resolución poñerase en coñecemento da Administración autonómica competente en materia de deportes.

3. A notificación deberá conter o texto íntegro da resolución, con indicación de que esgota a vía administrativa, a expresión do recurso que proceda, órgano ante o que tería que presentarse e prazo para interpoñelo.

Sección 5ª. Procedemento para o exercicio da potestade sancionadora en materia administrativo-deportiva

Artigo 65. Procedemento para o exercicio da potestade sancionadora en materia administrativo-deportiva

1. O exercicio da potestade sancionadora en materia administrativo-deportiva correspóndelle ao Comité Galego de Xustiza Deportiva sobre calquera persoa física ou xurídica pola comisión das infraccións previstas nos artigos 116, 117 e 118 da Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia.

2. Os procedementos aplicables nestes casos serán os previstos no Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto, polo que se aproba o Regulamento para o exercicio da potestade sancionadora.

CAPÍTULO V
Do exercicio da arbitraxe

Artigo 66. Réxime

Nos termos previstos no artigo 95 da Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, a administración de arbitraxe por parte dos membros do Comité Galego de Xustiza Deportiva rexerase pola Lei 60/2003, do 23 de decembro, de arbitraxe.

Artigo 67. Ámbito

1. Nos termos previstos nas normas reguladoras da arbitraxe privada o Comité Galego de Xustiza Deportiva, coa composición prevista no artigo 95.2 da Lei 3/2012, do deporte de Galicia, resolverá as cuestións litixiosas de índole privada e de libre disposición en materia deportiva que sexan sometidas á súa decisión en relación coa actividade deportiva e que non estean incluídas no ámbito das potestades delegadas públicas.

2. A posibilidade de arbitraxe quedará excluída para o caso de que se teña acudido aos órganos de conciliación, mediación ou arbitrais existentes nas federacións deportivas galegas ante os que os suxeitos deportivos federados poidan someter voluntariamente os seus conflitos internos.

Artigo 68. Convenio arbitral

A forma e o contido do convenio arbitral axustarase ás normas recollidas nos artigos 9 e seguintes da Lei 60/2003, do 23 de decembro, de arbitraxe.

Artigo 69. Composición da sección arbitral do Comité Galego de Xustiza Deportiva nos supostos de arbitraxe

1. No ámbito do Comité Galego de Xustiza Deportiva crearase unha sección arbitral que estará composta por tres membros do comité. Un deles terá a condición de presidente e os outros dous a condición de vogais.

2. De acordo co disposto no artigo 95.3 da Lei 3/2012, do 2 de abril, do deporte de Galicia, establécese o seguinte procedemento:

Cada parte nomeará un árbitro e os dous árbitros así designados nomearán o terceiro, quen actuará como presidente da formación arbitral. Se unha parte non nomea o árbitro dentro dos 30 días seguintes á recepción do requirimento da outra para que o faga, a designación do árbitro faraa a sección arbitral, por petición de calquera das partes. O mesmo se aplicará cando os árbitros designados non consigan poñerse de acordo sobre o terceiro árbitro dentro dos 30 días contados desde a última aceptación.

No caso de pluralidade de demandantes ou de demandados, estes nomearán un árbitro e aqueles outro. Se os demandantes ou demandados non se poñen de acordo sobre o árbitro que lles corresponde nomear, todos os árbitros serán designados pola sección arbitral por petición de calquera das partes.

3. A designación de árbitros cando corresponda á sección arbitral farase por sorteo.

Artigo 70. Procedemento

1. Os membros das formacións arbitrais decidirán a cuestión litixiosa con suxeición a dereito ou en equidade, segundo o seu saber e entender, á elección das partes. No caso de que as partes non opten expresamente pola arbitraxe de equidade, a sección arbitral do comité resolverá con suxeición a dereito.

2. O procedemento axustarase, como regra xeral, ao disposto na Lei 60/2003, do 23 de decembro, de arbitraxe, coas especificidades contidas no presente decreto e sempre respectando os principios esenciais de audiencia, contradición e igualdade entre as partes.

3. As actuacións arbitrais desenvolveranse, con carácter xeral, na sede do comité, sen prexuízo de que, se concorren circunstancias excepcionais que o xustifiquen, o/a presidente/a da formación arbitral poderá establecer o lugar en que se levará a cabo unha determinada actuación.

4. Se durante as actuacións arbitrais as partes chegan a un acordo que poña fin total ou parcialmente á controversia, os árbitros darán por terminadas as actuacións con respecto aos puntos acordados e, se ambas partes o solicitan e os árbitros non aprecian motivo para opoñerse, farán constar ese acordo en forma de laudo nos termos convidos polas partes. O laudo ditarase de acordo co disposto no artigo seguinte e terá a mesma eficacia que calquera outro laudo ditado sobre o fondo do asunto.

Artigo 71. Laudo

1. Salvo acordo en contrario das partes, os árbitros decidirán a controversia nun só laudo ou en tantos laudos parciais como consideren necesarios.

2. Se as partes non dispoñen outra cousa, os árbitros deberán decidir a controversia dentro dos seis meses seguintes á data de presentación da contestación á demanda de arbitraxe ou de expiración do prazo para presentala. Salvo acordo en contrario das partes, este prazo poderá ser prorrogado polos árbitros, por un prazo non superior a dous meses, mediante decisión motivada. Salvo acordo en contrario das partes, a expiración do prazo sen que se dite laudo definitivo non afectará a eficacia do convenio arbitral nin a validez do laudo ditado, sen prexuízo da responsabilidade en que poidan incorrer os árbitros.

3. Todo laudo deberá constar por escrito e ser asinado polos árbitros, que poderán deixar constancia do seu voto a favor ou en contra. Non obstante, bastarán as sinaturas da maioría dos membros da sección arbitral ou só a do seu presidente, sempre que se manifesten as razóns da falta dunha ou máis sinaturas.

Para os efectos do disposto no parágrafo anterior, entenderase que o laudo consta por escrito cando do seu contido e sinaturas quede constancia e sexan accesibles para a súa ulterior consulta en soporte electrónico, óptico ou doutro tipo.

4. O laudo deberá ser sempre motivado, a menos que se trate dun laudo pronunciado nos termos convidos polas partes conforme o artigo anterior.

5. Constarán no laudo a data en que se dite e o lugar da arbitraxe. O laudo considerarase ditado nese lugar.

7. Os árbitros notificarán o laudo ás partes na forma e no prazo que estas acordasen ou, no seu defecto, mediante entrega a cada unha delas dun exemplar asinado, dentro do prazo dos dez días hábiles desde a súa emisión.

8. O laudo poderá ser protocolizado notarialmente. Calquera das partes, pola súa conta, poderá instar dos árbitros, antes da notificación, que o laudo sexa protocolizado.

Disposición adicional primeira. Axudas de custo dos membros do Comité Galego de Xustiza Deportiva

Será de aplicación, para a determinación das axudas de custo que correspondan aos membros do Comité Galego de Xustiza Deportiva, o Acordo do Consello da Xunta de Galicia do 2 de decembro de 1995 ou, se for o caso, o acordo ou norma que o substitúa.

Disposición transitoria primeira. Renovación do Comité Galego de Xustiza Deportiva

O Comité Galego de Xustiza Deportiva manterá a actual composición (Resolución do 4 de xullo de 2012, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se nomean os membros do Comité Galego de Xustiza Deportiva, DOG nº 132, do 11 de xullo) ata que se produza a súa renovación, unha vez concluída a duración do mandato dos seus membros.

Disposición transitoria segunda. Procedementos en tramitación

Os procedementos que se encontren en tramitación na data da entrada en vigor do presente decreto continuarán tramitándose segundo a normativa en vigor no momento da súa iniciación ata a súa finalización.

Disposición derrogatoria primeira

Queda derrogado o Decreto 198/1998, do 25 de xuño, polo que se constitúe o Comité Galego de Xustiza Deportiva e se establece o procedemento de designación dos seus membros.

Disposición derrogatoria segunda. Cláusula derrogatoria xeral

Quedan derrogadas cantas normas de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido no presente decreto.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

O presente decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e catro de xullo de dous mil trece

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza