Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 152 Venres, 9 de agosto de 2013 Páx. 32183

III. Outras disposicións

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 8 de agosto de 2013 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan subvencións para a execución de infraestruturas de uso público destinadas aos concellos de Galicia, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.

A Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, establece a obrigatoriedade de prestación de determinados servizos públicos polos concellos.

Así mesmo, a devandita lei dispón que as funcións de coordinación e axuda da Comunidade Autónoma de Galicia se dirixirán preferentemente a acadar o obxectivo da prestación homoxénea dos ditos servizos.

Pola súa banda, a Comunidade Autónoma de Galicia busca garantir un equilibrio no territorio galego entre o medio rural e urbano, o interior e a costa que permita o desenvolvemento económico da totalidade do territorio e que os cidadáns galegos teñan unhas óptimas condicións de vida, con independencia do seu lugar de residencia, potenciando e apoiando a prestación de servizos por parte dos nosos concellos, como Administración máis próxima aos administrados, e converténdoos en motores do desenvolvemento económico rexional.

Neste sentido, a Unión Europea incide, a través das correspondentes directrices estratéxicas, como prioridade para o conxunto da Unión. Así, a posta en marcha de medidas que respondan ás necesidades dos ámbitos rurais e urbanos da Comunidade Autónoma incidirá de xeito decisivo no cumprimento dos obxectivos que a Unión Europea se propuxo e que se ven materializados no programa operativo Feder 2007-2013, no seu eixo 5 de desenvolvemento sustentable local e urbano, tema prioritario 58, actuación 5 que ten como fin as axudas ás entidades locais para infraestruturas de uso público.

Por esta razón, a Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza pretende colaborar cos concellos na mellora da calidade de vida local, regulando, por medio desta orde, os requisitos e o procedemento que se seguirá para a concesión de axudas económicas aos concellos de Galicia, de forma individual e mediante o sistema de xestión compartida, destinadas á realización de infraestruturas de uso público, coa finalidade de acadar unha mellora nos servizos prestados á cidadanía por parte dos concellos galegos.

O actual escenario de crise económica que afecta tamén os concellos obriga a impulsar medidas relativas á xestión eficaz e eficiente dos recursos dispoñibles, co obxecto de poder continuar prestando os debidos servizos aos cidadáns, en condicións de calidade, que satisfagan as súas necesidades, polo que cómpre minimizar custos e xestionar de forma compartida as actuacións públicas.

Cómpre optimizar os recursos económicos das administracións mediante fórmulas innovadoras que permitan a xestión compartida na prestación dos servizos públicos de forma e maneira que o impacto da crise económica nos servizos sexa menor e os resultados da posta en común dos recursos minimicen a situación económica municipal.

Por outra banda, cómpre incentivar tanto a cooperación entre os concellos como os procesos de fusión municipal, voluntariamente concertados, como medida de reorganización que faga posible un aforro de custos e unha xestión máis eficaz.

Neste senso, o Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día 28 de febreiro de 2013 adoptou o acordo de aprobar os criterios aplicables ás axudas e subvencións destinadas ás entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia para primar proxectos de xestión compartida e incentivar procesos de fusión municipal.

En cumprimento do devandito acordo, a presente convocatoria pública incorpora criterios para primar as solicitudes presentadas conxuntamente por agrupacións ou asociacións de concellos fronte ás presentadas individualmente.

O Decreto 72/2013, do 25 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, atribúelle á Dirección Xeral de Administración Local as relacións cos concellos, así como as convocatorias e propostas de adxudicación de axudas e subvencións aos concellos que sexan competencia desa dirección xeral.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e bases reguladoras

Por medio desta orde regúlanse as bases e a convocatoria de subvencións para o ano 2013, en réxime de concorrencia competitiva, aos concellos de Galicia, de xeito individual ou mediante asociacións ou agrupacións de concellos, destinadas á execución de infraestruturas de uso público: creación, adecuación ou rehabilitación de espazos públicos, prazas, rúas e vías públicas, paseos municipais e parques destinados á infancia.

Artigo 2. Gastos subvencionables e requisitos dos proxectos

1. Para os efectos desta orde, considéranse gastos subvencionables aqueles en que incorrese a entidade solicitante, con posterioridade á publicación desta convocatoria, como consecuencia da realización de proxectos acordes cos requisitos e criterios indicados neste artigo.

2. Para ter a consideración de gastos subvencionables deben respectar o previsto no artigo 7 do Regulamento (CE) 1080/2006, e cumprir os requisitos da Orde EHA/524/2008, do Ministerio de Economía e Facenda, do 26 de febreiro, pola que se aproban as normas sobre os gastos subvencionables dos programas operativos do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional e Fondos de Cohesión (BOE nº 53, do 1 de marzo), e demais normativa de aplicación.

3. Serán gastos subvencionables aqueles que reúnan os seguintes requisitos:

a) En todo caso, as subvencións están destinadas á realización de investimentos, polo que serán subvencionables a execución de obras e a adquisición de equipamentos que sexan imputables ao capítulo VI do orzamento de gastos da entidade local, de conformidade coa clasificación económica establecida pola Orde EHA/3565/2008, do 8 de decembro, pola que se aproba a estrutura dos orzamentos das entidades locais.

b) As actuacións que se subvencionarán deberán responder ás seguintes tipoloxías:

a. Creación, adecuación ou rehabilitación de espazos públicos, prazas, rúas e vías públicas.

b. Creación, adecuación ou rehabilitación de paseos municipais.

c. Creación, adecuación ou rehabilitación de parques destinados á infancia.

c) Serán proxectos completos (fase única), susceptibles da súa posta en servizo inmediata como consecuencia directa da execución do proxecto subvencionado.

4. Sen prexuízo de calquera outra actuación que non se considere subvencionable como consecuencia do previsto nesta orde, na normativa xeral de subvencións ou na normativa específica que regula os fondos Feder, en ningún caso serán subvencionables:

a) Os gastos orixinados para a creación ou adquisición de bens que reúnan algunha das seguintes características:

1) Ser bens funxibles.

2) Ter unha duración previsiblemente inferior ao exercicio orzamentario.

3) Non ser susceptibles de inclusión en inventario.

4) Ser gastos previsiblemente reiterativos.

b) Os gastos relacionados no punto 2 das normas sobre gastos subvencionables dos programas operativos financiados polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) e o Fondo de Cohesión, aprobadas pola Orde EHA/524/2008, do 26 de febreiro.

c) Os investimentos de carácter inmaterial, os honorarios profesionais de redacción de proxecto e/ou dirección de obra, as obras de reparación simple e de mantemento, como rozas e limpezas de gabias ou reparación de fochas en vías públicas, ou a substitución ou reparación de pezas illadas en mobiliario ou equipamentos públicos.

Artigo 3. Beneficiarios e requisitos das solicitudes

1. Poderán ser beneficiarios desta subvención aqueles concellos de Galicia, de forma individual ou mediante asociacións ou agrupacións, que reúnan os seguintes requisitos:

a) Que teñan menos de 30.000 habitantes, de acordo coas cifras oficiais do padrón municipal de habitantes en 1 de xaneiro de 2012, publicadas polo Instituto Galego de Estatística.

b) Ter remitidas as contas do concello correspondentes ao exercicio orzamentario de 2011 ao Consello de Contas. Este requisito deberá estar cumprido antes do remate do prazo de presentación de solicitudes.

No caso de agrupación ou asociación de concellos, deberán cumprir con estes requisitos todos os concellos agrupados ou asociados. A falta de acreditación do requisito de remisión das contas ao Consello de Contas por parte dalgún dos concellos participantes na solicitude de subvención supoñerá a inadmisión desta.

2. As solicitudes presentadas deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Só poderá presentarse unha solicitude por concello, ben sexa de forma individual, ben conxunta, que se corresponderá cun único proxecto, no cal poderá incluírse máis dunha actuación.

A presentación dunha solicitude individual dun concello exclúe a presentación doutra solicitude individual ou a participación deste concello noutra solicitude presentada por unha agrupación ou asociación de concellos. Cando o órgano tramitador observe que un concello participa en máis dunha solicitude, poñerallo de manifesto para que, no prazo máximo de dez días, poida desistir da solicitude ou solicitudes necesarias para dar cumprimento ao establecido neste artigo.

De non se recibir a comunicación da desistencia dentro do prazo establecido, inadmitiranse todas as solicitudes en que o concello participe.

b) O orzamento total do proxecto para o cal se solicita subvención non poderá ser superior a 50.000 euros para as solicitudes individuais e de 57.500 euros para as solicitudes presentadas por agrupacións ou asociacións de concellos.

c) Que os terreos ou predios sobre os cales se pretenden realizar as actuacións sexan de titularidade municipal e o concello teña a plena dispoñibilidade sobre eles. Este requisito deberá estar cumprido antes do remate do prazo de presentación de solicitudes e acreditarase mediante a certificación emitida pola secretaría do concello solicitante no modelo do anexo III ou pola secretaría do concello representante no modelo do anexo V, segundo proceda. Neste último caso, a certificación emitirase de acordo coa emitida pola secretaría do concello titular dos terreos ou predios en que se vaian desenvolver as actuacións que integran o proxecto.

d) Que existe acordo do concello polo cal se solicita a subvención para as obras ou equipamentos concretos que se pretenden executar ao abeiro desta orde, e se aceptan expresamente as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos nela. Este acordo deberá estar adoptado antes do remate do prazo de presentación de solicitudes e acreditarase mediante certificación emitida pola secretaría do concello solicitante no modelo do anexo III ou pola secretaría do concello representante no modelo do anexo V. Neste último caso, emitirase a certificación de acordo cos acordos adoptados, antes do remate do prazo de presentación de solicitudes, por cada un dos concellos que integran a asociación ou agrupación, e incluirá a designación dun/dunha alcalde/sa como representante único que actuará como coordinador/a e interlocutor/a ante a Dirección Xeral de Administración Local e será quen reciba e xustifique a subvención.

e) Sen prexuízo doutros supostos en que proceda a inadmisión da solicitude, para as solicitudes conxuntas formuladas por agrupacións ou asociacións de concellos, establécese expresamente a inadmisión daquelas solicitudes en que non se acredite a realización conxunta da actuación ou servizo para a cal se solicita subvención e que supoñan actuacións independentes en cada entidade local.

3. Os concellos que desexen formular unha solicitude conxunta, deberán regular a agrupación ou asociación mediante un convenio de colaboración que achegarán xunto coa solicitude e que terá o contido mínimo obrigatorio que se establece no artigo 7.7 desta orde.

4. O incumprimento de calquera das condicións ou requisitos establecidos neste artigo na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes constituirá causa de inadmisión da solicitude, sen prexuízo de calquera outra que poida derivar da normativa aplicable.

Artigo 4. Crédito e importe máximo das subvencións

1. Estas subvencións faranse efectivas con cargo á aplicación orzamentaria 05.23.141A. 760.3 (código de proxecto: 2008 00178 Plans de desenvolvemento local), ata unha contía máxima dun millón cento setenta e un mil douscentos setenta e un euros con corenta céntimos (1.171.271,40 €), correspondente aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2013.

Existe a posibilidade de ampliación de crédito nos supostos previstos no artigo 30.2 do Decreto 11/2009, do 8 xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Nestes casos, o órgano concedente deberá publicar a ampliación de crédito nos mesmos medios que a convocatoria, sen que tal publicidade implique a apertura de prazo para presentar novas solicitudes nin o inicio de novo cómputo de prazo para resolver.

2. Esta liña de subvencións finánciase nun 80% con cargo ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), e nun 20% con cargo a fondos FCI. Estes fondos Feder están incluídos no programa operativo Feder 2007-2013, no seu eixo 5 de desenvolvemento sustentable local e urbano, tema prioritario 58, actuación 5, que ten como fin, entre outros, as axudas ás entidades locais para infraestruturas de uso público.

3. A axuda económica que se conceda poderá financiar como máximo ata o 80 % do orzamento da obra ou equipamento que se vai realizar, co límite de 40.000 euros para as solicitudes individuais e 46.000 euros para as solicitudes conxuntas.

Artigo 5. Iniciación e prazo de presentación de solicitudes

1. Os concellos, individualmente, asociados ou agrupados, que desexen acollerse aos beneficios desta orde presentarán solicitude dirixida á persoa titular da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, segundo o modelo que figura como anexo I desta orde. A solicitude deberá ir acompañada da documentación que se estableza no artigo 6 ou no artigo 7 desta orde, segundo proceda.

2. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica, a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, dispoñible no enderezo https://sede.xunta.es ou accesible a través do portal EidoLocal, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

3. Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

4. En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado, co selo de Correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria.

5. A documentación complementaria poderase presentar electronicamente utilizando calquera procedemento de copia dixitalizada do documento orixinal. Neste caso, as copias dixitalizadas presentadas garantirán a fidelidade co orixinal baixo a responsabilidade da persoa solicitante. A Administración poderá requirir a exhibición do documento orixinal para o cotexo da copia electrónica presentada, segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos e 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

6. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao de publicación, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

Artigo 6. Documentación que integra a solicitude individual

Para solicitar as subvencións que se regulan mediante esta orde, o concello peticionario presentará a documentación que se indica a continuación:

1. Solicitude no modelo normalizado que se xunta como anexo I (PR480D) a esta orde.

2. Declaración responsable asinada polo representante do concello solicitante, segundo o modelo do anexo II desta orde, en que se faga constar:

a. O conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas, para as mesmas actuacións solicitadas ao abeiro desta orde, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos e o compromiso de comunicar decontado cantas axudas solicite e/ou obteña doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, a partir da data desta declaración.

b. Que o concello non está incurso en ningunha das prohibicións establecidas no artigo 10, números 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para obter a condición de beneficiario dunha subvención.

Para os efectos do previsto no artigo 11.e) e concordantes da Lei de subvencións de Galicia, esta declaración será documento suficiente para acreditar que concello se está ao día das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma e que non é debedor por resolución de procedemento de reintegro.

c. Que todos os datos contidos na solicitude, incluídos os relativos á conta bancaria en que se realizará o pagamento da subvención, de ser o caso, e nos documentos que se achegan son certos.

3. Certificación emitida polo/a secretario/a do concello solicitante no modelo do anexo III, na cal se faga constar:

a. O acordo do concello polo cal se solicita a subvención para as obras ou equipamentos concretos que se pretenden executar ao abeiro desta orde, e se aceptan as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos nela. No referido acordo deberá constar expresamente que se aceptan as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos na orde, e o acordo deberá estar adoptado antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes. O incumprimento destes requisitos constituirá causa de inadmisión da solicitude.

b. A remisión das contas do concello ao Consello de Contas de Galicia, correspondentes ao exercicio orzamentario de 2011, a que fai referencia o artigo 3.1.b) desta orde. No certificado quedará acreditado que a remisión das contas ao Consello de Contas se efectuou antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes, polo que se consignará a data de remisión ao Consello de Contas e non se admitirán aquelas en que non se faga constar a data de remisión. O incumprimento destes requisitos constituirá causa de inadmisión da solicitude.

c. A titularidade e plena disposición do concello sobre os terreos e predios onde se pretenden realizar as actuacións. Deberá quedar acreditado que o concello, antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes, xa é titular dos terreos ou predios e ten a plena dispoñibilidade sobre eles. O incumprimento destes requisitos constituirá causa de inadmisión da solicitude.

d. Dereitos recoñecidos netos (capítulos I, II e III do estado de ingresos) do orzamento liquidado da entidade do ano 2011, para o cálculo do esforzo fiscal do concello.

4. Memoria xustificativa da necesidade das obras ou equipamentos para as cales se solicita a subvención, asinada polo representante da entidade local.

5. Ademais da documentación indicada nos puntos anteriores, nas solicitudes de subvención para obras, deberá achegarase proxecto ou anteproxecto da obra que se vai realizar, co seguinte contido mínimo:

– Memoria explicativa.

– Orzamento detallado.

– Planos.

No caso de parques infantís será obrigatoria a súa adaptación á normativa europea para este tipo de instalacións.

6. Nas solicitudes de subvención para equipamento, ademais da documentación indicada nos puntos anteriores, deberá achegarse unha memoria detallada e valorada do equipamento para o que se solicita subvención, asinada polo representante do concello solicitante, que conterá a descrición e o orzamento detallado do equipamento solicitado.

Artigo 7. Documentación que integra a solicitude conxunta

Para solicitar as subvencións que se regulan mediante esta orde, a agrupación ou asociación de concellos presentará a documentación que se indica a continuación:

1. Solicitude no modelo normalizado que se xunta como anexo I (PR480D) a esta orde.

2. Declaración responsable subscrita polo/a alcalde/sa representante da asociación ou agrupación de concellos no modelo do anexo IV, na cal se faga constar, con base nas declaracións responsables emitidas polos/as alcaldes/as de cada un dos concellos asociados ou agrupados participantes na solicitude:

a. O conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas, para as mesmas actuacións solicitadas ao abeiro desta orde, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos e o compromiso de comunicar decontado cantas axudas solicite e/ou obteña doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, a partir da data desta declaración.

b. Que ningún dos concellos integrantes da solicitude está incurso nalgunha das prohibicións establecidas no artigo 10, números 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para obter a condición de beneficiario dunha subvención.

Para os efectos do previsto no artigo 11.e) e concordantes da Lei de subvencións de Galicia, esta declaración será documento suficiente para acreditar que concello está ao día das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma e que non é debedor por resolución de procedemento de reintegro.

c. Que todos os datos contidos na solicitude, incluídos os relativos á conta bancaria en que se realizará o pagamento da subvención, de ser o caso, e nos documentos que se achegan son certos.

As declaracións orixinais emitidas polos concellos integrantes da asociación ou agrupación deberán quedar en poder do concello representante para a súa achega no procedemento de subvencións, de ser requirido para iso polo órgano tramitador.

3. Certificación emitida polo/a secretario/a do concello representante no modelo do anexo V, na cal se faga constar, con base nos acordos adoptados polos órganos competentes de cada un dos concellos asociados ou agrupados e/ou nas certificacións emitidas polos/as secretarios/as dos concellos participantes na solicitude:

a. Que acordan solicitar subvención para as obras ou equipamentos concretos que se pretenden executar ao abeiro desta orde, mediante a fórmula de xestión compartida.

b. Que aceptan as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos nela. No referido acordo deberá constar expresamente que se aceptan as condicións de financiamento e demais requisitos establecidos na orde, e o acordo deberá estar adoptado antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes. O incumprimento destes requisitos constituirá causa de inadmisión da solicitude.

c. O nomeamento do/a alcalde/sa representante con poderes suficientes para cumprir con todas as obrigas que como entidade beneficiaria corresponden á agrupación ou asociación, e que actuará como coordinador/a, interlocutor/a, perceptor/a e xustificador/a da axuda.

d. O compromiso solidario de execución e de aplicación solidaria da subvención.

e. Que todos os concellos participantes na solicitude remitiron as contas do exercicio orzamentario 2011 ao Consello de Contas, segundo exixe o artigo 3.1.b) desta orde. Nesta certificación deberá quedar acreditado que a remisión das contas ao Consello de Contas se efectuou antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes, polo que a data de sinatura do certificado implicará que a data de remisión das respectivas contas ao Consello de Contas se efectuou en todo caso nunha data anterior á emisión do certificado.

f. A titularidade e plena disposición do concello ou concellos sobre os terreos e predios en que se van desenvolver as actuacións. Deberá quedar acreditado que o/s concello/s, antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes, xa é titular ou son titulares dos terreos ou predios e teñen a plena dispoñibilidade sobre eles. O incumprimento destes requisitos constituirá causa de inadmisión da solicitude.

g. Certificación referida aos dereitos recoñecidos netos (capítulos I, II e III do estado de ingresos) dos orzamentos liquidados dos concellos do ano 2011, para o cálculo do esforzo fiscal da entidade solicitante.

Os acordos deberán estar adoptados e as contas remitidas antes do vencemento do prazo de presentación de solicitudes. O incumprimento destes requisitos ou a falta de referencia expresa ao contido determinado en calquera das letras deste número 3, aínda que afecte unha soa das entidades agrupadas ou asociadas, determinará a inadmisión da solicitude conxunta.

Os acordos orixinais emitidos polos concellos integrantes da asociación ou agrupación así como as certificacións emitidas polos/as secretarios/as destes concellos, entre as cales se atopará en todo caso a certificación de titularidade e plena dispoñibilidade dos terreos emitida polo/a secretario/a do concello en que se van desenvolver as actuacións, deberán quedar en poder do concello representante para a súa achega no procedemento de subvencións, de ser requirido para iso polo órgano tramitador.

4. Memoria xustificativa da necesidade das obras ou equipamentos para as cales se solicita a subvención, asinada polo representante da entidade local.

Esta memoria xustificativa conterá unha memoria de aforro de custos, na cal se fará constar en cadro comparativo a diferenza dos custos da execución compartida respecto da execución individual por cada concello participante. Neste cadro comparativo consignaranse o importe do orzamento da actuación conxunta e os importes en euros que representen o cálculo do custo que a execución individual da actuación produciría para cada un dos concellos.

5. Ademais da documentación indicada nos puntos anteriores, nas solicitudes de subvención para obras, deberá achegarase proxecto ou anteproxecto da obra que se vai realizar, co seguinte contido mínimo:

– Memoria explicativa.

– Orzamento detallado.

– Planos.

No caso de parques infantís será obrigatoria a súa adaptación á normativa europea para este tipo de instalacións.

6. Nas solicitudes de subvención para equipamento, ademais da documentación indicada nos puntos anteriores, deberá achegarse unha memoria detallada e valorada do equipamento para os cales se solicita subvención, asinada polo representante do concello solicitante, que conterá a descrición e o orzamento detallado do equipamento solicitado.

7. Convenio de colaboración que regule a asociación ou agrupación de concellos, co seguinte contido mínimo obrigatorio:

a. Concellos que subscriben o convenio e capacidade xurídica con que actúa cada unha das partes.

b. Obxecto do convenio, obxectivos e actuacións que acorden desenvolver para o cumprimento da actuación subvencionada, de ser o caso.

c. Designación de alcalde ou alcaldesa como representante único que actuará como coordinador/a e interlocutor/a ante a Dirección Xeral de Administración Local e será quen reciba e xustifique a subvención.

d. Os compromisos de execución asumidos por cada membro da asociación ou agrupación de concellos.

e. O importe do proxecto que achega cada un dos concellos asociados ou agrupados.

f. O compromiso solidario de execución e de aplicación solidaria da subvención.

g. O compromiso de non disolver a agrupación ou asociación mentres non transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 65 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 8. Defectos na solicitude e outra documentación

1. O defecto na solicitude seralles notificado aos interesados pola Dirección Xeral de Administración Local, que é o órgano competente para a instrución do procedemento, e daráselles un prazo de dez días para emendar os erros ou omisións, con indicación que de non facelo así se lles terá por desistidos da súa petición, logo da resolución que deberá ditarse nos termos do artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Se algunha documentación das solicitadas neste artigo xa constase en poder da Dirección Xeral de Administración Local, e non se producise desde o momento en que foi presentada variación que afectase o contido ou a vixencia desta, non será necesario achegala novamente. Neste caso, o concello solicitante indicará a data e o procedemento para os cales foron presentados, ou, se é o caso, emitidos, e cando non transcorresen máis de cinco anos desde a finalización do procedemento ao que correspondan, sen prexuízo do previsto con carácter xeral no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. A Dirección Xeral de Administración Local poderá solicitar calquera documentación que considere necesaria para a correcta verificación da solicitude.

Artigo 9. Instrución e resolución

1. Recibidas as solicitudes de subvención e a súa documentación, serán analizadas por unha comisión de valoración presidida pola persoa titular da Dirección Xeral de Administración Local e da cal formarán parte os/as delegados/as territoriais da Xunta de Galicia. Actuará como secretario/a a persoa titular da Subdirección Xeral de Xestión e Cooperación Económica coas Entidades Locais da Dirección Xeral de Administración Local, ou un/unha funcionario/a da citada dirección xeral con nivel mínimo de xefe/a de servizo.

Unha vez realizada a valoración das solicitudes presentadas de conformidade cos criterios de avaliación e repartición establecidos no artigo 10, da cal quedará constancia en acta motivada, a comisión de valoración elevará proposta á persoa titular da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, quen resolverá.

2. O prazo para resolver e notificar será de tres meses contados desde o día da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 10. Criterios de avaliación

Na valoración das solicitudes presentadas teranse en conta os seguintes aspectos:

a) Co fin de fomentar a realización de proxectos conxuntos, incentivaranse as solicitudes presentadas por agrupacións ou asociacións de concellos para a realización dun proxecto común, reservándose ata 30 puntos da puntuación total. Para a valoración deste criterio teranse en conta:

a. Pola presentación dunha solicitude conxunta: 10 puntos.

b. Polo número de concellos participantes no proxecto para o cal se solicita subvención, ata 5 puntos.

c. A repercusión do proxecto medida a través da cifra de poboación total dos concellos participantes, ata 5 puntos.

d. Valoración dunha memoria de aforro de custos respecto da execución das actuacións subvencionadas de xeito individual, ata 10 puntos.

En caso de presentar solicitude unha entidade resultante ou en proceso de fusión municipal, outorgaranse os 30 puntos previstos nesta letra a) pola simple presentación da solicitude por parte dunha entidade resultante ou en proceso de fusión municipal.

b) Necesidade das actuacións solicitadas, en relación coa situación actual do concello, considerando as seguintes circunstancias que permiten avaliar a cobertura de atención, as necesidades de investimento en equipamentos sociais e o compromiso de mantemento do concello:

a) Dispersión da poboación calculada en número de habitantes por quilómetro cadrado: ata 10 puntos.

b) Maior ratio de poboación de menores de 10 anos en relación ao total da poboación do concello: ata 5 puntos.

c) Poboación de 65 ou máis anos en relación co total da poboación do concello: ata 5 puntos.

d) Menor ratio de investimento subvencionado en relación co total da poboación do concello solicitante. Para estes efectos considerarase investimento subvencionado o importe total das subvencións concedidas ao concello nos últimos 3 anos, para actuacións sinaladas no artigo 1.2 destas bases reguladoras, con cargo aos créditos da Dirección Xeral de Administración Local e cofinanciadas co programa operativo Feder 2007-2013, no seu eixe 5 de desenvolvemento sustentable local e urbano, tema prioritario 58. Ata 10 puntos.

e) Valoración da necesidade das actuacións para as cales se solicita subvención, con base no contido da memoria presentada por cada entidade solicitante: ata 15 puntos.

f) Por presentar un compromiso da entidade solicitante co mantemento e actividade do investimento subvencionado: ata 5 puntos.

– Compromiso formal especificado pola entidade solicitante: ata 3 puntos.

– Compromiso formal en que ademais se achegue unha programación específica de dinamización en relación coa actuación proxectada: ata 5 puntos.

c) Valoración do esforzo fiscal do concello, determinando a contribución media por habitante ao orzamento liquidado do concello do ano 2011, de acordo coa fórmula: dereitos recoñecidos netos (capítulos I, II e III)/nº habitantes: ata 10 puntos.

d) De conformidade co establecido no artigo 20.2.l) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, por utilización da lingua galega na realización das actividades para as cales se solicita axuda, acreditada mediante compromiso expreso do concello achegado xunto coa solicitude: 10 puntos.

Para a asignación de puntuacións naqueles criterios que incorporan referencias a datos de poboación, utilizaranse as cifras oficiais do padrón municipal de habitantes en 1 de xaneiro de 2012, publicadas polo Instituto Galego de Estatística.

A puntuación máxima será de 100 puntos e a axuda económica que se conceda poderá financiar como máximo ata o 80 % do orzamento da obra ou equipamento que se vai realizar, co límite de 40.000 euros para as solicitudes individuais e 46.000 euros para as solicitudes conxuntas.

Artigo 11. Notificación

1. A resolución notificaráselles a todas as entidades beneficiarias da subvención, na forma prevista no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Conforme o disposto no artigo 44.1 da mesma lei, de non notificarse resolución no prazo de tres meses contados desde a publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, os interesados poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo. Todo iso sen prexuízo do establecido nos artigos 42 e 43 da devandita lei.

2. Contra esta resolución, as persoas interesadas poderán interpoñer recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o xulgado do contencioso-administrativo que corresponda.

3. Así mesmo, o órgano competente para a concesión destas axudas poderá acordar a modificación da resolución por instancia da entidade beneficiaria, sempre e cando non se cause prexuízo a terceiro, no prazo e na forma previstos no artigo 7 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

Artigo 12. Aceptación

1. A entidade beneficiaria disporá dun prazo de dez días, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, para comunicar a aceptación da subvención e das condicións contidas nela. Esta aceptación inclúe, en todo caso, o compromiso de execución completa do proxecto que fundamentou a resolución de concesión.

2. Transcorrido o prazo sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada.

Artigo 13. Obrigas dos beneficiarios

Sen prexuízo das demais obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, os beneficiarios das axudas concedidas ao abeiro desta orde quedan obrigados a:

1. Cumprir o obxectivo, executar o proxecto, realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión das subvencións.

2. Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e das condicións, así como o cumprimento da finalidade da subvención, a realización do proxecto completo que fundamentou a concesión da subvención e o seu custo real.

3. Destinar os fondos percibidos ao obxecto concreto para o cal foron concedidos e executar a totalidade do proxecto presentado xunto coa solicitude e que fundamentou a resolución de concesión, segundo o estipulado no artigo 41 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. O incumprimento desta obriga producirá a perda do dereito ao cobramento da subvención, sen prexuízo do establecido no artigo 11.5 desta orde.

4. Proceder ao reintegro total ou parcial das cantidades percibidas, se as houber, xunto cos xuros de demora correspondentes, segundo o procedemento establecido no artigo 38 da Lei de subvencións de Galicia, nos seguintes supostos:

a) Incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión. Sen prexuízo doutros supostos, considerarase incumprimento das condicións establecidas para a concesión a xustificación de conceptos e elementos que representen menos do 60 % do orzamento dalgunha das actuacións subvencionables.

b) Incumprimento da obriga de xustificar a execución das actuacións subvencionadas, particularmente a obriga de xustificar o pagamento nos termos establecidos no artigo 15.3.f) desta orde.

c) Incumprimento da obriga de solicitar e obter as tres ofertas exixidas polo artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, non achegalas xunto coa xustificación da subvención e a falta ou insuficiente acreditación de que a elección recaeu na oferta economicamente máis vantaxosa.

d) Incumprimento da obriga de destinar os bens ao fin concreto para o cal se concede esta subvención durante un período mínimo de cinco anos.

e) Incumprimento das obrigas establecidas nos artigos 11 e 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

f) Nos supostos establecidos no artigo 33 da devandita Lei de subvencións de Galicia ou calquera outro que resulte da normativa aplicable.

Nas solicitudes de agrupacións ou asociacións de concellos, responderán de forma solidaria todos os concellos integrantes da agrupación ou asociación.

5. Realizar o proceso de tramitación e adxudicación da contratación conforme coas prescricións contidas na lexislación sobre contratación administrativa das entidades locais e, especificamente, a que rexe as contratacións das administracións públicas, sen prexuízo do establecido no artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, no artigo 31.3 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e nos artigos 9.c) e 10.e) do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas. Serán os concellos contratantes os responsables directos das consecuencias que dos incumprimentos puidesen derivar.

6. Destinar os bens ao fin concreto para o cal se concede esta subvención durante un período mínimo de cinco anos, e procederase ao reintegro das cantidades percibidas no caso de incumprimento desta obriga. A axuda só será definitiva se non sofre antes de transcorridos cinco anos do seu remate unha modificación que afecte a natureza do investimento.

7. Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos percibidos, incluídos os documentos electrónicos, mentres poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

8. Comunicarlle ao órgano concedente a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

9. Consentir expresamente a inclusión dos datos relevantes da subvención nos rexistros públicos que proceda, conforme a disposición adicional do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o exercicio 2006, e artigo 16 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Particularmente, a aceptación da axuda supón a súa publicación nunha lista pública de beneficiarios prevista nos artigos 6 e 7.2 d) do Regulamento (CE) 1828/2006, da Comisión, do 8 de decembro.

10. Todas as entidades beneficiarias, con independencia da contía do proxecto subvencionado, do importe da subvención concedida ou do número de actuacións que integran o proxecto subvencionado, estarán obrigadas a cumprir as obrigas de información e publicidade comunitaria establecidas nos artigos 8 e 9 do Regulamento (CE) 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro, e no artigo 1, números 1 e 2 do Regulamento (CE) 846/2009 da Comisión, do 1 de setembro de 2009.

De acordo co artigo 9 do Regulamento (CE) 1828/2006 e o artigo 1.2 a) do Regulamento (CE) 846/2009, todas as medidas de información e publicidade establecidas incluirán os seguintes elementos:

a) O emblema da Unión Europea.

b) Referencia ao Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder).

c) Declaración do fondo: «Unha maneira de facer Europa».

d) Proporcionalidade entre emblemas.

Este plan pode consultarse na seguinte páxina web:

http://www.conselleriadefacenda.es/web/porta/area-de-planificacion-e-fondos

Aqueles proxectos que inclúan varias actuacións deberán cumprir as obrigas de publicidade en todas e cada unha das devanditas actuacións, polo que a entidade solicitante procederá á colocación, en todos os lugares en que as actuacións se desenvolvan, dos respectivos carteis informativos durante a execución e de placa explicativa permanente, cos elementos indicados.

11. Someterse ás actuacións de comprobación que deba efectuar o órgano concedente, ás de control financeiro que corresponden á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma en relación coa subvención concedida, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas e, de ser o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

12. Os beneficiarios deberán manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable adecuado que facilite unha pista de auditoría apropiada en relación con todos os gastos correspondentes cos investimentos realizados ao abeiro desta orde, e deberán conservar a documentación xustificativa dos devanditos investimentos por un período de tres anos a partir do peche do programa operativo, de acordo co disposto nos artigos 60 e 90 do Regulamento (CE) 1083/2006, do Consello, do 11 de xullo de 2006.

Artigo 14. Contratación

1. Os concellos poderán concertar con terceiros a execución total do proxecto que constitúe o obxecto da subvención. A tramitación e contratación das obras ou equipamentos será realizada polos concellos conforme a normativa de aplicación no ámbito local e, especificamente, a que rexe as contratacións das administracións públicas, e serán os concellos contratantes os responsables directos das consecuencias que dos incumprimentos puidesen derivar. En todo caso haberá que aterse ao establecido nos artigos 27 e 29.3 da Lei de subvencións de Galicia.

2. Nos supostos previstos no artigo 29.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o beneficiario deberá solicitar e obter como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación, salvo que, polas especiais características dos gastos subvencionables, non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención.

A entidade beneficiaria deberá obter como mínimo tres ofertas de diferentes provedores con carácter previo á contratación e achegalas xunto coa documentación xustificativa da subvención. Tamén deberá achegar a resolución de adxudicación da obra e/ou equipamento, na cal se xustifique a elección entre as ofertas presentadas que, con carácter xeral, recaerá na proposta económica máis vantaxosa. No suposto de non recaer a adxudicación na proposta económica máis vantaxosa, deberán achegar unha memoria en que se xustifique expresamente a elección do adxudicatario do contrato.

3. En todo o proceso de licitación e de execución das actuacións levadas a cabo polo concello beneficiario deberá facerse constar que as actuacións contan co cofinanciamento da Unión Europea, fondos Feder e da Xunta de Galicia (Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Publicas e Xustiza/Dirección Xeral de Administración Local). No cumprimento desta obriga, as entidades beneficiarias coidarán especialmente de que en toda a documentación relacionada coa execución do proxecto subvencionado se utilicen as medidas de información e publicidade indicadas.

Artigo 15. Xustificación da subvención

1. As entidades beneficiarias terán de prazo para executar as actuacións subvencionadas e presentar a documentación xustificativa ata o 30 de decembro de 2013.

2. No caso das subvencións concedidas a asociacións ou agrupacións de concellos, será o concello representante o responsable de acreditar a execución do proxecto subvencionado e de presentar a documentación xustificativa establecida neste artigo.

3. A documentación xustificativa que deberán achegar as entidades beneficiarias das subvencións, no prazo indicado no número 1 deste artigo, é a seguinte:

a) Factura orixinal e certificación de obra con relación valorada e tramitada conforme o procedemento que rexe para a Administración local.

b) Declaración responsable asinada polo representante da entidade beneficiaria (concello, agrupación ou asociación de concellos), segundo o modelo do anexo VI desta orde, en que se faga constar:

1. O conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas para as mesmas actuacións solicitadas ao abeiro desta orde, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos, e o compromiso de comunicar decontado cantas axudas solicite e/ou obteña doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, a partir da data desta declaración.

2. Que o concello non está incurso en ningunha das prohibicións establecidas no artigo 10, números 2 e 3, da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, para obter a condición de beneficiario dunha subvención.

Para os efectos do previsto no artigo 31.7 e concordantes da Lei de subvencións de Galicia, esta declaración será documento suficiente para acreditar que concello está ao día nas súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma e que non é debedor por resolución de procedemento de reintegro.

3. Así mesmo, incluirá a seguinte información:

– Prezos da/s placa/s e do/s cartel/carteis de obra, así como a data de colocación de cada un destes elementos.

– Parques infantís creados e/ou mellorados (nº) coa execución do proxecto subvencionado.

– Superficie de espazos públicos mellorados (m2) coa execución do proxecto subvencionado.

c) Certificación emitida polo/a secretario/a do concello beneficiario ou do concello representante, no caso de agrupacións ou asociacións de concellos, no modelo do anexo VII, na cal se faga constar:

1. O acordo de aprobación polo órgano competente do concello beneficiario das facturas e, no caso de obras, da correspondente certificación de obra, en que conste que se cumpriu a finalidade para a cal foi concedida a subvención.

2. Que, segundo informe da intervención municipal, se tomou razón na contabilidade do gasto correspondente á execución do proxecto subvencionado.

3. Ter cumprido o estipulado no Regulamento 1828/2006 da Comisión Europea, modificado polo Regulamento (CE) 846/2009 da Comisión, do 1 de setembro, sobre publicidade de fondos Feder, e que nos documentos que forman parte do expediente se fixo constar que as actuacións contan co financiamento da Unión Europea, fondos Feder.

d) En cumprimento das obrigas de publicidade establecidas na orde deberán achegar ademais:

– Fotografías, en soporte dixital ou papel, do lugar ou lugares onde efectuasen as actuacións, tomadas durante e con posterioridade á súa realización. A presentación das fotografías farase de xeito que permita identificar os lugares e o momento da execución a que correspondan.

– Fotografías, en soporte dixital ou papel, do cartel ou carteis das actuacións, en que se aprecie a publicidade do cofinanciamento das actuacións con fondos Feder (80% da subvención).

– Fotografías, en soporte dixital ou papel, da placa ou placas explicativas permanentes, coa publicidade sobre o financiamento das actuacións, colocada nun lugar visible no lugar das actuacións, que deberá permanecer durante, cando menos, cinco anos.

e) Nos supostos previstos no artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, a entidade beneficiaria (concello beneficiario ou concello representante da asociación ou agrupación de concellos) deberá achegar:

a) As tres ofertas que deben solicitar e obter, de conformidade co establecido no artigo 48.2.f) do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei de subvencións de Galicia, e no artigo 14.2 desta orde.

b) Copia compulsada da resolución de adxudicación da obra ou equipamento, onde quede acreditado o cumprimento do establecido nos artigos 29.3 da Lei de subvencións de Galicia, e 31.3 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, especialmente que a elección entre as ofertas recaeu na proposta económica máis vantaxosa.

f) Xustificante do pagamento da totalidade das actuacións que integran o proxecto subvencionado, mediante copia de transferencia bancaria, que deberá estar debidamente identificada, selada pola entidade bancaria e asinada polo concello beneficiario ou polo concello representante da asociación ou agrupación de concellos, segundo o caso.

No suposto de que o pagamento se realice mediante banca electrónica, o xustificante da transferencia bancaria deberá presentarse asinado e selado pola entidade beneficiaria das subvencións.

g) Acta de recepción das obras ou equipamentos.

h) Certificado do/a secretario/a do concello beneficiario ou do concello representante, no caso das agrupacións ou asociacións de concellos, en que se faga constar que na tramitación e contratación das obras e equipamentos se cumpriu a normativa de aplicación no ámbito local e, especificamente, a que rexe as contratacións das administracións públicas.

4. A Dirección Xeral de Administración Local poderá solicitar calquera outra documentación necesaria para a correcta verificación da subvención, que incluirá, en todo caso, a comprobación do cumprimento da obriga das entidades beneficiarias de manter un sistema de contabilidade separado ou un código contable adecuado que facilite unha pista de auditoría apropiada, recollida no número 12 do artigo 13 desta orde.

5. A falta de presentación da xustificación no prazo indicado comportará a perda do dereito ao cobramento da subvención e demais responsabilidades establecidas na Lei de subvencións de Galicia, sen prexuízo do previsto nos artigos 45.2 e 46 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

6. A Dirección Xeral de Administración Local, de atopar conforme a documentación xustificativa, proporá o libramento dos fondos, sempre que o beneficiario cumpra a obriga de executar o proxecto que fundamentou a concesión, segundo o estipulado no artigo 41 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 16. Redución proporcional e execución deficiente

1. No caso de que o investimento realizado teña un custo inferior ao inicialmente previsto e sempre que isto non supoña unha realización deficiente da totalidade do proxecto, a contía da subvención reducirase proporcionalmente, manténdose constante a porcentaxe da axuda respecto ao custo total do investimento.

2. Para os efectos desta orde, e sen prexuízo doutras causas, considerarase realización deficiente do proxecto a xustificación de conceptos e elementos que representen menos do 60 % do orzamento dalgunha das actuacións que integran o proxecto subvencionado.

Artigo 17. Perda do dereito ao cobramento da subvención

Sen prexuízo de calquera outra causa que derive da normativa aplicable á subvención, constitúen en todo caso unha causa de perda do dereito ao cobramento da subvención as seguintes:

a) Non presentar toda a documentación xustificativa en tempo e forma, de conformidade co previsto no artigo 15 desta orde.

b) Incumprimento das condicións establecidas para a concesión da subvención. Sen prexuízo doutros supostos, consideraranse incumprimento das condicións establecidas para a concesión os seguintes:

– Non executar o proxecto completo que fundamentou a resolución de concesión. En todo caso, entenderase que non se executou o proxecto completo cando a baixa sobre o orzamento inicial implique unha execución deste orzamento inferior ao 60 %.

– Incumprimento das obrigas de publicidade establecidas nesta orde, particularmente a obriga de colocar cartel e placa informativa permanente en todos os lugares en que se executen as actuacións que integran o proxecto subvencionado e non achegar as fotografías que acrediten o cumprimento destas obrigas cos requisitos establecidos para a súa presentación no artigo 15.3 desta orde.

– Non achegar as 3 ofertas exixidas no artigo 29.3 da Lei de subvencións de Galicia e a falta ou insuficiente acreditación de que a elección entre as ofertas recaeu na proposta económica máis vantaxosa.

– Incumprimento da obriga de xustificar o pagamento de todas as actuacións subvencionadas antes da finalización do prazo de xustificación fixado no artigo 15.1, nos termos establecidos no artigo 15.3.f).

Artigo 18. Cantidades dispoñibles

As cantidades que resultaren sobrantes por causa de renuncia expresa ou non presentación das xustificacións correspondentes por parte dos concellos beneficiarios poderán dedicarse a subvencionar os concellos que presentaron, en prazo, solicitude de subvención ao abeiro desta orde.

Artigo 19. Modificación

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente doutras achegas fóra dos casos permitidos nas normas reguladoras, poderán dar lugar á modificación da resolución de concesión, de acordo co artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Así mesmo, o concello beneficiario da subvención deberá destinar os bens ao fin concreto para o cal se concedeu a subvención durante, como mínimo, cinco anos posteriores ao seu outorgamento.

O incumprimento da obriga de destino referida, que se producirá, en todo caso, co alleamento ou gravame dos bens, será causa de reintegro, nos termos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e quedarán os bens afectos ao pagamento do reintegro, calquera que sexa o seu posuidor.

Artigo 20. Concorrencia de axudas e subvencións públicas

1. O importe da subvención non poderá ser, en ningún caso, de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo elixible da actividade que vaia desenvolver o beneficiario.

2. As axudas que se concedan poden acumularse con outras axudas compatibles sempre que se respecten as intensidades de axuda máxima indicadas nas directrices ou nos regulamentos de exención por categorías aplicables.

3. Estas axudas son acumulables con outras procedentes do Feder, con excepción daquelas financiadas con cargo ao P.O. Galicia 2007-2013. Estas axudas non poderán acumularse con outras axudas procedentes doutros fondos ou instrumentos financeiros comunitarios, con excepción dos supostos previstos no artigo 34 do Regulamento (CE) 1083/2006 do Consello, do 11 de xullo de 2006.

Artigo 21. Incumprimentos

No caso de incumprimento das obrigas establecidas nos artigos 11 e 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e, en todo caso, nos supostos establecidos no artigo 33 da devandita lei, o concello comprométese a reintegrar as cantidades percibidas, se as houber, xunto cos xuros de demora que deba aquel, segundo o procedemento establecido no artigo 38 da mesma norma legal.

Artigo 22. Publicidade das subvencións concedidas

As persoas beneficiarias e os importes das axudas concedidas serán publicadas no Diario Oficial de Galicia, así como na páxina web oficial da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, nos termos previstos no artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega; do mesmo xeito integraranse, na forma que se estableza regulamentariamente, no Rexistro Público de Subvencións, que será de acceso público.

O incumprimento da obriga do concello beneficiario da subvención de dar a adecuada publicidade do cofinanciamento das actuacións, en especial, do previsto no artigo 10 desta orde, e de acordo co previsto no artigo 15.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en relación co artigo 33.d) da citada norma, será causa de reintegro por parte do concello das cantidades percibidas, se as houber, xunto cos xuros de demora que deba aquel, segundo o procedemento establecido no artigo 38 da mesma norma legal.

Disposición derradeira primeira

De conformidade co previsto no artigo 3.4 da Orde do 14 de maio de 2013 (DOG nº 92, do 15 de maio), delégase na persoa titular da Secretaría Xeral Técnica a competencia para resolver os procedementos de subvención que se inicien en virtude desta orde.

Disposición derradeira segunda

Facúltase a persoa titular da Dirección Xeral de Administración Local para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Disposición derradeira terceira

En todo o non previsto nesta orde rexerá a normativa xeral en materia de subvencións contida na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ademais do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

É de aplicación a este réxime de axudas o Regulamento (CE) 1080/2006 do Parlamento Europeo e do Consello, do 5 de xullo de 2006, relativo ao Feder, e o Regulamento (CE) 1083/2006 do Consello, do 11 de xullo de 2006, polo que se establecen as disposicións xerais relativas ao Feder, ao FSE e ao Fondo de Cohesión. Así mesmo, é aplicable o Regulamento (CE) 1828/2006 da Comisión, do 8 de decembro de 2006, modificado polo Regulamento (CE) 846/2009 da Comisión, do 1 de setembro de 2009, así como o previsto no marco temporal comunitario.

Disposición derradeira cuarta

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de agosto de 2013

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file