Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 152 Venres, 9 de agosto de 2013 Páx. 32329

V. Administración de xustiza

Xulgado do Social número 2 da Coruña

EDICTO (369/2011).

Número de autos: procedimiento ordinario 369/2011 F.

Demandante: José María Pérez García.

Demandados: Arquithecnic Galicia, S.L., Fondo de Garantía Salarial (Fogasa).

María Blanco Aquino, secretaria xudicial do Xulgado do Social número 2 da Coruña, fago saber que no procedemento ordinario 369/2011 deste xulgado do social, seguido por instancia de José María Pérez García contra a empresa Arquithecnic Galicia, S.L., sobre ordinario, se ditou a seguinte resolución:

Sentenza: 431/2013.

Procedemento: autos número 369/2011.

A Coruña, 19 de xullo de 2013.

Vistos por Miguel Herrero Liaño, maxistrado xuíz do Xulgado do Social número 2 da Coruña e o seu partido, os presentes autos de xuízo número 369/2011, seguidos por instancia de José María Pérez García, representado polo letrado Sr. Felipe Martínez Ramonde, contra a empresa Arquithecnic Galicia, S.L., con intervención procesual do Fogasa, que non comparecen, sobre reclamación de cantidade.

Antecedentes de feito.

Primeiro. Que a parte demandante antes citada formulou demanda, que correspondeu por quenda e foi recibida neste xulgado con data 11 de abril de 2011, contra a demandada xa mencionada, na cal despois de expor os feitos e fundamentos que estimou pertinentes remataba suplicando que se dite sentenza pola cal se condene a empresa ao aboamento á parte demandante da cantidade de 4721,65 euros.

Segundo. Que admitida a trámite a demanda foron convocadas as partes aos actos de conciliación e xuízo que tiveron lugar coa asistencia da parte demandante, sen que comparecese a demandada nin Fogasa, malia ser citados en legal forma. Ratificada a demanda, foi recibido o xuízo a proba e a parte propuxo interrogatorio de parte e documental, e logo de declaración de pertinencia uníronse os documentos aos autos, co resultado que consta neles; a seguir as partes fixeron uso da palabra para conclusións en apoio das súas peticións e quedou o xuízo visto para sentenza.

Terceiro. Que na tramitación deste xuízo se observaron as prescricións legais vixentes.

Feitos probados.

Primeiro. A parte demandante prestou servizos para a empresa demandada desde o 13 de novembro de 2000, coa categoría profesional de oficial de 1ª e salario de 1.333,95 euros mensuais, co rateo de pagas extraordinarias.

Segundo. O día 30 de setembro de 2009 o demandante cesou na empresa por despedimento obxectivo baseado en causas económicas. Por resolución deste Xulgado número 2 da Coruña, en autos 1329/2009, confirmada por sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia do 4 de febreiro de 2011, foi confirmado o indicado despedimento.

A empresa debe á demandante a cantidade de 4.721,65 euros como 60 % da indemnización legal do despedimento.

Terceiro. Tivo lugar acto de conciliación previa ante o SMAC co resultado de sen efecto.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. A anterior relación fáctica despréndese da valoración conxunta da proba practicada en autos para os efectos do artigo 97.2 da LPL/LRXS, e así da documental achegada pola demandante, comprensiva de carta de despedimento e testemuño das resolucións xudiciais ditadas.

Segundo. No presente procedemento exerce a parte demandante reclamación de cantidade correspondente a indemnización legal por despedimento, que non foi aboada. Verificada a existencia da obriga unha vez que se acredita o cesamento por despedimento e as circunstancias da relación laboral, non consta o pagamento da indemnización debida ex artigo 53 do ET. Correspóndelle á empresa a proba do pagamento como feito extintivo da súa obriga (217.1 e 2 da LEC) e sen prexuízo de que, en aplicación dos artigos 304 da Lei 1/2000, de axuizamento civil, e 91.2 da LPL/LRXS, deben terse ante a súa non comparecencia e citación cos apercibimentos correspondentes por recoñecidos os feitos que constan na demanda, tanto relación laboral, categoría profesional, antigüidade, salarios, como cantidades debidas polos conceptos reclamados.

Vistos os preceptos citados e demais de xeral e pertinente aplicación,

Ditame.

Que debo estimar e estimo a demanda que en materia de cantidade foi interposta por José María Pérez García fronte a Arquithecnic Galicia, S.L., con intervención do Fogasa e, en consecuencia, debo condenar e condeno a demandada a que lle aboe á parte demandante a cantidade de 3.817,77 euros.

Modo de impugnación: advírteselles ás partes que contra a presente resolución poderán interpor recurso de suplicación ante o Tribunal Superior de Xustiza, que deberá ser anunciado por comparecencia ou mediante escrito presentado na oficina xudicial dentro dos cinco días seguintes á notificación desta sentenza, ou por simple manifestación no momento en que se lle practique a notificación. Advírtaselle igualmente ao recorrente que non fose traballador ou beneficiario do réxime público de Seguridade Social, ou habente causa seu, ou non teña recoñecido o beneficio de xustiza gratuíta, que deberá depositar a cantidade de 300 euros na conta aberta en Banesto, a nome desta oficina xudicial co número 1532/0000/36/0369/11, e deberá indicar no campo concepto «recurso», seguido do código «34 Social suplicación», acreditándoo mediante a presentación do xustificante de ingreso no período comprendido ata a formalización do recurso, así como, no caso de ter sido condenado en sentenza ao pagamento dalgunha cantidade, deberá consignar na conta de depósitos e consignacións aberta a cantidade obxecto de condena, ou formalizar aval bancario a primeiro requirimento indefinido pola dita cantidade en que se faga constar a responsabilidade solidaria do avalista, incorporándoos a esta oficina xudicial co anuncio de recurso. En todo caso, o recorrente deberá designar letrado para a tramitación do recurso no momento de anuncialo.

Así, por esta a miña sentenza, definitivamente xulgando, o pronuncioo, mando e asino.

E para que lle sirva de notificación en legal forma a Arquithecnic Galicia, S.L., en ignorado paradoiro, expido a presente para a súa inserción no Diario Oficial de Galicia.

Advírteselle ao destinatario que as seguintes comunicacións se farán fixando copia da resolución ou da cédula no taboleiro de anuncios da oficina xudicial, salvo o suposto da comunicación das resolucións que deban revestir forma de auto ou sentenza, ou cando se trate de emprazamento.

A Coruña, 19 de xullo de 2013

María Blanco Aquino
Secretaria xudicial