Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 153 Luns, 12 de agosto de 2013 Páx. 32692

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Augas de Galicia

RESOLUCIÓN do 19 de xullo de 2013 pola que se somete a información pública o proxecto de execución da obra hidráulica de saneamento e depuración en Tállara, Lousame.

A obra hidráulica correspondente ao proxecto de execución do saneamento e depuración en Tállara, Lousame (A Coruña), de clave: OH.315.1018, é considerada de interese da Comunidade Autónoma, e acórdase sometela ao trámite de información pública.

O proxecto define e valora as actuacións necesarias para proceder á demolición da antiga estación depuradora de augas residuais, cuxas instalacións están obsoletas e non chegan a cubrir as necesidades actuais. Proxéctase a construción dunha nova estación depuradora de augas residuais con capacidade para 800 habitantes equivalentes. A liña de auga constará de desbastamento de groso, desbastamento fino, tratamento primario mediante dous decantadores dixestores, bombeo de paso a tratamento secundario, tratamento biolóxico de leito bacteriano e dixestor anaeróbico con recirculación ao bombeo. Caudal medio 2,2 l/s e máximo 5,27 l/s.

O Concello de Lousame, de conformidade co disposto no artigo 248 do Real decreto 849/1986, do 11 de abril, polo que se aproba o Regulamento do dominio público hidráulico, que desenvolve os títulos preliminar, I, IV, V, VI e VII da Lei 29/1985, do 2 de agosto, de augas, solicitou con data 18 de xullo de 2013 a autorización para a vertedura ao río Tállara dun volume anual medio de 69.030 m3/ano de augas residuais urbanas depuradas procedentes do termo municipal de Lousame (expediente DH.V15.42662). As coordenadas UTM do punto de vertedura son: X=510.306 e Y=4.732.698.

A actuación hidráulica cofinánciase pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) nun 80 %, no marco do programa operativo Feder Galicia 2007-2013, eixe 3 medio ambiente, contorno natural, recursos hídricos e prevención de riscos, tema prioritario ou medida 46: tratamento de augas residuais. Actuación 3.46.1: actuacións previstas no Plan de saneamento de Galicia, no programa A.X.U.A. (Actuacións para a xestión e a utilización da auga) e nos plans hidrolóxicos de bacía.

Considerando o exposto, ao abeiro da Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, e do Estatuto da entidade pública empresarial Augas de Galicia aprobado polo Decreto 32/2012, do 12 de xaneiro, e segundo o disposto no artigo 12.c do Decreto 59/2013, do 14 de marzo, polo que se desenvolve a Lei 9/2010, do 4 de novembro, de augas de Galicia, en materia de execución e explotación de infraestruturas hidráulicas,

RESOLVO:

Someter, polo prazo de 30 días, contados a partir do día seguinte ao da última publicación deste anuncio de información pública do proxecto de saneamento e depuración en Tállara, Lousame (A Coruña), de clave: OH.315.1018, que se realizará no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial da provincia, para os efectos da súa aprobación, e da tramitación da autorización de vertedura DH.15.42662.

O documento técnico pode consultarse, durante o prazo anteriormente sinalado, nas dependencias de Augas de Galicia, sitas na rúa Doutor Maceira, nº 18, baixo, en Santiago de Compostela (A Coruña) e na páxina web augasdegalicia@xunta.es.

O que se fai público para todos os efectos legais e regulamentarios de aplicación na materia e para o seu coñecemento xeral.

Santiago de Compostela, 19 de xullo de 2013

Francisco Menéndez Iglesias
Director de Augas de Galicia