Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 154 Martes, 13 de agosto de 2013 Páx. 32818

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

DECRETO 133/2013, do 24 de xullo, polo que se aproba o cambio de titularidade do treito sobrante que nace do novo trazado da estrada autonómica PO-226 Porráns-Cuntis a prol do Concello de Moraña.

A teor do previsto no artigo 5 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas incluídas nas redes dependentes da Comunidade Autónoma e das entidades locais deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada lei dispón no artigo 54 que as estradas autonómicas ou provinciais ou os treitos determinados delas en que a circulación adquira características urbanas, entregaránselles aos respectivos concellos. O expediente promoverase por proposta do concello ou da administración titular da estrada e será resolto polo Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas, logo de informe de ambos os organismos.

O Pleno do Concello de Moraña, na sesión ordinaria do día 5.11.2012 solicitou á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas a transferencia da titularidade dun tramo antigo da estrada autonómica PO-226 Porráns-Cuntis.

A Axencia Galega de Infraestruturas, de acordo co informe emitido polos servizos competentes, formulou a proposta favorable á transferencia de titularidade do treito sobrante que nace do novo trazado da estrada autonómica PO-226. O treito que se vai transferir ten o seu inicio no p.q.: 6+030 e o seu final no p.q.: 6+870 da nova PO-226 a prol do Concello de Moraña.

De conformidade co anteriormente exposto, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e catro de xullo de dous mil trece,

DISPOÑO:

Artigo 1

Apróbase o cambio de titularidade a prol do Concello de Moraña do treito sobrante que nace do novo trazado da estrada autonómica PO-226. O treito que se vai transferir ten o seu inicio no p.q.: 6+030 e o seu final no p.q.: 6+870 da nova PO-226.

Artigo 2

En aplicación do artigo 4 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, o Concello de Moraña deberá incorporar ao seu plan de estradas a vía a que se refire este decreto.

Artigo 3

A entrega da vía formalizarase no prazo de dous meses seguintes ao da publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia, mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Artigo 4

Corresponderanlle á Concello de Moraña, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación da vía, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que lle poida corresponder como nova Administración titular da estrada.

Disposición derradeira

O presente decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e catro de xullo de dous mil trece

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas