Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 160 Venres, 23 de agosto de 2013 Páx. 33977

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

RESOLUCIÓN do 8 de xullo de 2013 pola que se modifica a Resolución do 14 de maio de 2013 pola que se aproba o Plan de xestión do polbo (Octopus vulgaris) con nasa para a campaña 2013-2014.

Feitos.

Mediante Resolución do 14 de maio de 2013 autorízase o Plan de xestión do polbo con nasa para a campaña 2013-2014.

Posteriormente, o 19 de xuño de 2013, modifícase a devandita Resolución do 14 de maio de 2013.

Despois de consultar a Federación Galega e as federacións provinciais de confrarías de pescadores,

RESOLVO:

Modificar no Plan de xestión do polbo (Octopus vulgaris) con nasa, autorizado con data do 14 de maio e modificado o 19 de xuño de 2013, os números noveno e décimo segundo, de tal xeito que quedan redactados como segue:

«Noveno. Réxime de calamento das nasas

A captura do polbo con nasa pechada, coas dimensións previstas para a nasa de nécora, farase por fóra das rías, segundo as liñas definidas como anexo I no Decreto 15/2011, do 28 de xaneiro. Ademais poderán utilizarse por fóra das liñas de referencia sinaladas como anexo V no Decreto 15/2011, do 28 de xaneiro, de acordo co establecido no presente artigo:

– De cabo Silleiro a punta Con da Aguieira: entre o anexo V e o anexo I, as nasas terán que levantarse do seu calamento e levarse a porto todos os días. Por fóra das liñas definidas no anexo I, e en fondos inferiores aos 25 metros (segundo a sonda establecida nas cartas do Instituto Hidrográfico da Mariña) e para a totalidade da cacea, as nasas deberán levantarse do seu calamento e levarse a porto todos os días. E por fóra das liñas definidas no anexo I, e en fondos superiores aos 25 metros (segundo a sonda establecida nas cartas do Instituto Hidrográfico da Mariña) e para a totalidade da cacea, as nasas poderán permanecer no seu calamento de luns a venres sen seren levadas a porto.

– De punta Con da Aguieira a cabo Corrubedo, entre o anexo V e o anexo I, as nasas deberán levantarse do seu calamento e levarse a porto todos os días. Por fóra das liñas definidas no anexo I as nasas poderán permanecer no seu calamento sen seren levadas a porto, incluso durante o período de descanso semanal.

– No resto do litoral galego: as nasas poderán permanecer no seu calamento sen seren levadas a porto, incluso durante o período de descanso semanal. No período comprendido entre o 1 de outubro e o inicio do período de veda anual, as nasas poderán utilizarse por fóra das liñas de referencia sinaladas como anexo V.

Co fin de compensar o esforzo pesqueiro entre as zonas con distinto réxime de calamento das nasas, naquelas zonas onde estas poidan quedar caladas durante a fin de semana, da Guarda a cabo Silleiro e de Con da Aguieira ao río Eo, ao período de veda establecido de xeito xeral para o ano 2014 engadirase un período de inactividade equivalente ao 50 % dos días totais da veda xeral.

Antes de que a embarcación se despache para unha nova modalidade de pesca, deberá levantar e levar a terra todas as nasas segundo as condicións establecidas no punto 8.

A consellería competente na materia poderá autorizar o mantemento das artes ou aparellos calados fóra do horario de traballo establecido e/ou do descanso obrigatorio semanal naqueles casos en que as condicións meteorolóxicas sexan desfavorables, ou por acontecemento sobrevido por causa de forza maior debidamente xustificada, tras a comunicación por parte do armador/a ou patrón/a ao Servizo de Gardacostas ao número de fax 981 54 40 31 ou ben ao correo electrónico: pesca.sala.operacions@xunta.es. Este explicará os motivos e indicará o número de pezas ou caceas, así como a situación destas, expresadas en latitude e lonxitude ou, de ser o caso, indicará da maneira máis exacta posible a situación xeográfica da zona onde se atopen.

Décimo segundo. Programa de seguimento e control

A Subdirección Xeral de Gardacostas coordinará os labores de control específicos deste plan de xestión, en colaboración cos gardapescas das confrarías e os servizos contratados para o efecto.

1. A Consellería do Medio Rural e do Mar, en colaboración coas federacións de confrarías de pescadores, reforzará os servizos de control en terra con persoal contratado para o efecto.

2. No mar os labores de control serán desenvolvidos cos seus propios medios polo Servizo de Gardacostas en colaboración cos gardapescas das confrarías que dispoñan de medios marítimos.

3. Para o control das descargas en terra contarase con persoal de gardacostas, gardapescas das confrarías, gardapeiraos de Portos de Galicia e persoal propio das autoridades portuarias.

4. O Servizo de Gardacostas, dentro do programa de control deste plan, tamén desenvolverá actuacións nas instalacións frigoríficas, de transformación ou comercialización onde se almacene, transforme e comercialice polbo.

5. O Servizo de Gardacostas, antes do final da veda, elaborará un programa de control en coordinación coas federacións de confrarías.

6. Durante o período de vixencia do plan, os gardacostas destinados ao control deste poderán acceder á información proporcionada polos plotters das embarcacións, as facturas da carnada e calquera outra información considerada relevante relacionada con este plan, sempre de xeito motivado e coa autorización do subdirector xeral de Gardacostas ou coordinador do plan de xestión.

7. O Servizo de Gardacostas nomeará un coordinador do Plan de xestión do polbo con nasa.

Este programa de seguimento e control entrará en vigor ao remate da veda deste ano.

Despachos telemáticos.

As embarcacións que opten por desenvolver a actividade entre A Guarda e cabo Silleiro deberán rexistrar a actividade no punto de adhesión ao plan de xestión: [«Plan de xestión polbo-nasa 2013-2014 (Zona Silleiro-A Guarda)»].

As embarcacións que opten por desenvolver a actividade pesqueira entre cabo Silleiro e Con da Aguieira deberán rexistrar a dita actividade no punto de adhesión ao plan de explotación: [«Plan de xestión polbo-nasa 2013-2014 (Zona Con da Aguieira-Silleiro)»].

As embarcacións que opten por desenvolver a actividade pesqueira entre Con da Aguieira e Corrubedo deberán rexistrar a dita actividade no punto de adhesión ao plan de explotación: [«Plan de xestión polbo-nasa 2013-2014 (Zona Con da Aguieira-Corrubedo)»].

As embarcacións que opten por desenvolver a actividade pesqueira entre Corrubedo cara ao norte, ata o río Eo, deberán rexistrar a dita actividade no punto de adhesión ao plan de explotación: [«Plan de xestión polbo-nasa 2013-2014 (Zona río Eo-Corrubedo)»].

En todo caso:

• Os despachos serán específicos para cada zona.

• Cando cambien de zona, o despacho deberá efectuarse o luns e terá unha duración mínima dunha semana.

• No caso de que as condicións meteorolóxicas impidan manter a actividade na zona solicitada ao longo de toda a semana, logo de comunicación xenérica por parte da confraría cunha antelación mínima de 18 horas, permitirase o cambio de despacho. Neste caso, para que as nasas poidan permanecer caladas a fin de semana nas zonas autorizadas para iso (Zona Silleiro-A Guarda e Zona río Eo-Con da Aguieira) será necesario que a embarcación estivese despachada para esa zona polo menos 3 días desa semana.

Mostraxes.

Durante o período de vixencia do plan, técnicos da consellería poderán realizar en calquera das embarcacións participantes mostraxes para control, seguimento e avaliación do plan; os armadores deben colaborar de tal xeito que se permita acadar os obxectivos propostos. A falta de colaboración neste eido ocasionará a baixa definitiva do plan.

A presente resolución non modifica o resto das condicións establecidas no plan».

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso de reposición no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa notificación, ante a conselleira do Medio Rural e do Mar, de conformidade co disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Santiago de Compostela, 8 de xullo de 2013

Rosa Mª Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar