Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 160 Venres, 23 de agosto de 2013 Páx. 33981

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

RESOLUCIÓN do 18 de xullo de 2013 pola que se modifica a Resolución do 14 de maio de 2013 pola que se aproba o Plan de xestión do polbo (Octopus vulgaris) con nasa para a campaña 2013-2014.

Feitos.

Mediante Resolución do 14 de maio de 2013 autorízase o Plan de xestión do polbo con nasa para a campaña 2013-2014.

Posteriormente, o 19 de xuño e o 8 de xullo de 2013, modifícase a devandita Resolución do 14 de maio de 2013.

Recibida proposta da Federación de Confrarías de Pescadores da Provincia de Pontevedra con data do 12 de xullo de 2013.

Despois de consultar a Federación Galega e as federacións provinciais de confrarías de pescadores,

RESOLVO:

Modificar no Plan de xestión do polbo (Octopus vulgaris) con nasa, autorizado con data do 14 de maio e posteriormente modificado o 19 de xuño e o 8 de xullo de 2013, os números noveno e décimo segundo, de tal xeito que quedan redactados como segue:

«Noveno. Réxime de calamento das nasas

A captura do polbo con nasa pechada, coas dimensións previstas para a nasa de nécora, farase por fóra das rías, segundo as liñas definidas como anexo I no Decreto 15/2011, do 28 de xaneiro. Ademais poderán utilizarse por fóra das liñas de referencia sinaladas como anexo V no Decreto 15/2011, do 28 de xaneiro, de acordo co establecido no presente artigo:

– De cabo Silleiro a punta Con da Aguieira: entre o anexo V e o anexo I, as nasas terán que levantarse do seu calamento e levarse a porto todos os días. Por fóra das liñas definidas no anexo I, e en fondos inferiores aos 25 metros (segundo a sonda establecida nas cartas do Instituto Hidrográfico da Mariña) e para a totalidade da cacea, as nasas deberán levantarse do seu calamento e levarse a porto todos os días. E por fóra das liñas definidas no anexo I, e en fondos superiores aos 25 metros (segundo a sonda establecida nas cartas do Instituto Hidrográfico da Mariña) e para a totalidade da cacea, as nasas poderán permanecer no seu calamento sen seren levadas a porto incluso durante o período de descanso semanal.

– De punta Con da Aguieira a cabo Corrubedo, entre o anexo V e o anexo I, as nasas deberán levantarse do seu calamento e levarse a porto todos os días. Por fóra das liñas definidas no anexo I as nasas poderán permanecer no seu calamento sen seren levadas a porto, incluso durante o período de descanso semanal.

– No resto do litoral galego: as nasas poderán permanecer no seu calamento sen seren levadas a porto, incluso durante o período de descanso semanal. No período comprendido entre o 1 de outubro e o inicio do período de veda anual, as nasas poderán utilizarse por fóra das liñas de referencia sinaladas como anexo V.

Co fin de compensar o esforzo pesqueiro entre as zonas con distinto réxime de calamento das nasas, naquelas zonas onde estas poidan quedar caladas durante a fin de semana, ao período de veda establecido de xeito xeral para o ano 2014 engadirase un período de inactividade equivalente ao 50 % dos días totais da veda xeral.

Antes de que a embarcación se despache para unha nova modalidade de pesca, deberá levantar e levar a terra todas as nasas segundo as condicións establecidas no punto 8.

A consellería competente na materia poderá autorizar o mantemento das artes ou aparellos calados fóra do horario de traballo establecido e/ou do descanso obrigatorio semanal naqueles casos en que as condicións meteorolóxicas sexan desfavorables, ou por acontecemento sobrevido por causa de forza maior debidamente xustificada, tras a comunicación por parte do armador/a ou patrón/a ao Servizo de Gardacostas ao número de fax 981 54 40 31 ou ben ao correo electrónico: pesca.sala.operacions@xunta.es. Este explicará os motivos e indicará o número de pezas ou caceas, así como a situación destas, expresadas en latitude e lonxitude ou, de ser o caso, indicará da maneira máis exacta posible a situación xeográfica da zona onde se atopen.

12. Programa de seguimento e control

A Subdirección Xeral de Gardacostas coordinará os labores de control específicos deste plan de xestión, en colaboración cos gardapescas das confrarías e os servizos contratados para o efecto.

1. A Consellería do Medio Rural e do Mar, en colaboración coas federacións de confrarías de pescadores, reforzará os servizos de control en terra con persoal contratado para o efecto.

2. No mar os labores de control serán desenvolvidos cos seus propios medios polo Servizo de Gardacostas en colaboración cos gardapescas das confrarías que dispoñan de medios marítimos.

3. Para o control das descargas en terra contarase con persoal de gardacostas, gardapescas das confrarías, gardapeiraos de Portos de Galicia e persoal propio das autoridades portuarias.

4. O Servizo de Gardacostas, dentro do programa de control deste plan tamén desenvolverá actuacións nas instalacións frigoríficas, de transformación ou comercialización onde se almacene, transforme e comercialice polbo.

5. O Servizo de Gardacostas, antes do final da veda elaborará un programa de control en coordinación coas federacións de confrarías.

6. Durante o período de vixencia do plan, os gardacostas destinados ao control deste poderán acceder á información proporcionada polos plotters das embarcacións, as facturas da carnada e calquera outra información considerada relevante relacionada con este plan, sempre de xeito motivado e coa autorización do subdirector xeral de Gardacostas ou coordinador do plan de xestión.

7. O Servizo de Gardacostas nomeará un coordinador do Plan de xestión do polbo con nasa.

Este programa de seguimento e control entrará en vigor ao remate da veda deste ano.

Despachos telemáticos.

As embarcacións que opten por desenvolver a actividade entre A Guarda e cabo Silleiro deberán rexistrar a actividade no punto de adhesión ao plan de xestión: [«Plan de xestión polbo-nasa 2013-2014 (Zona Silleiro-A Guarda)»].

As embarcacións que opten por desenvolver a actividade pesqueira entre cabo Silleiro e Con da Aguieira deberán rexistrar a dita actividade no punto de adhesión ao plan de explotación: [«Plan de xestión polbo-nasa 2013-2014 (Zona Con da Aguieira-Silleiro)»].

As embarcacións que opten por desenvolver a actividade pesqueira entre Con da Aguieira e Corrubedo deberán rexistrar a dita actividade no punto de adhesión ao plan de explotación: [«Plan de xestión polbo-nasa 2013-2014 (Zona Con da Aguieira-Corrubedo)»].

As embarcacións que opten por desenvolver a actividade pesqueira entre Corrubedo cara ao norte, ata o río Eo deberán rexistrar a dita actividade no punto de adhesión ao plan de explotación: [«Plan de xestión polbo-nasa 2013-2014 (Zona río Eo-Corrubedo)»].

En todo caso:

• Os despachos serán específicos para cada zona.

• Cando cambien de zona, o despacho deberá efectuarse o luns e terá unha duración mínima dunha semana.

• No caso de que as condicións meteorolóxicas impidan manter a actividade na zona solicitada ao longo de toda a semana, logo de comunicación xenérica por parte da confraría cunha antelación mínima de 18 horas, permitirase o cambio de despacho. Neste caso, para que as nasas poidan permanecer caladas a fin de semana nas zonas autorizadas para iso (Zona Silleiro-A Guarda e Zona río Eo-Con da Aguieira) será necesario que a embarcación estivese despachada para esa zona alomenos 3 días desa semana.

Mostraxes.

Durante o período de vixencia do plan, técnicos da consellería poderán realizar en calquera das embarcacións participantes mostraxes para control, seguimento e avaliación do plan; os armadores deben colaborar de tal xeito que se permita acadar os obxectivos propostos. A falta de colaboración neste eido ocasionará a baixa definitiva do plan.

A presente resolución non modifica o resto das condicións establecidas no plan».

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso de reposición no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da súa notificación, ante a conselleira do Medio Rural e do Mar, de conformidade co disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Santiago de Compostela, 18 de xullo de 2012

Rosa Mª Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar