Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 161 Luns, 26 de agosto de 2013 Páx. 34061

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ORDE do 23 de agosto de 2013 pola que se determinan os servizos mínimos dirixidos a garantir os servizos esenciais durante a folga de carácter temporal, convocada polos/as traballadores/as de empresas auxiliares do Complexo Ambiental de Cerceda, que comezará o vindeiro 26 de agosto de 2013, ás 23.00 horas, e se estenderá ata as 23.00 horas do 27 de agosto de 2013.

O artigo 28.2 da Constitución española recoñece como dereito fundamental da persoa o dereito á folga.

O exercicio deste dereito na Administración e nas empresas, nas entidades e institucións públicas ou privadas, que presten servicios públicos ou de recoñecida e inaprazable necesidade no ámbito e competencias da Comunidade Autónoma de Galicia, está condicionado ao mantemento dos servicios esenciais fixados no artigo 2 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño (DOG nº 116, do 20 de xuño), polo que se ditan normas para garantir a prestación dos servizos esenciais no ámbito da Comunidade Autónoma. O artigo 3 deste decreto faculta os conselleiros competentes por razón dos servizos esenciais afectados para que, mediante orde e ante cada situación de folga, determinen o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento de tales servizos, así como para a fixación do persoal preciso para a súa prestación, oído o comité de folga.

Os criterios determinantes para fixar os servizos mínimos establecidos na presente orde tiveron en conta os distintos pronunciamentos do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no tocante á motivación dos factores e criterios tidos en conta para a fixación dos servizos mínimos, e, igulamente, no criterio establecido no Auto do 19 de xuño de 2002 deste tribunal, onde entende que os servizos mínimos que cómpre fixar para o período de folga convocado non poderán exceder en cada centro, departamento ou oficina, o número de persoas que normalmente permanecen neles con ocasión dun domingo ou día festivo, agás que se trate de órganos que tales días permanecen pechados, caso en que se terá que atender ás quendas establecidas para os sábados. Este criterio pode ser incorporado e tido en conta no concreto ámbito da xestión de residuos sólidos urbanos, atendendo ao carácter temporal da folga convocada, tal e como se particulariza e xustifica en relación cos servizos fixados a través desta orde.

Así, a Lei 10/2008, do 3 de novembro, de residuos de Galicia, dispón, no seu artigo 10, que corresponderá á Sociedade Galega de Medio Ambiente (en adiante, Sogama ) a xestión dos residuos sólidos urbanos a partir do momento en que son depositados nas estacións de transferencia ou plantas de tratamento, previstas no plan de xestión de residuos urbanos, coas seguintes operacións de transporte, almacenamento, valorización, tratamento, comercialización e depósito controlado dos residuos. Neste sentido, engade no seu parágrafo segundo que toda a xestión de Sogama se realizará de xeito que se garanta o cumprimento de todos os obxectivos recollidos na dita lei, para o cal deberá concertar as súas accións coas dos xestores que interveñan nas fases iniciais do proceso.

A xestión dos residuos urbanos, polo que respecta a Sogama e ao presente conflito, iníciase coa recepción dos residuos de máis de 270 concellos, atendendo unha poboación superior aos 2 millóns de persoas, o que supón unha media diaria de arredor de 2.500 toneladas de residuos que proceden de toda Galicia e que chegan ás instalacións de Sogama en Cerceda por medio de camións e/ou trens, neste último caso procedentes de Ourense e Vigo.

Non se debe descoñecer que o anuncio do paro convocado polos traballadores/as das denominadas empresas auxiliares de Sogama afecta precisamente os traballadores/as das empresas subcontratadas de Sogama , empresas que realizan procesos concretos de xestión de residuos e que supoñen un cadro de persoal duns 400 traballadores/as afectados/as.

Polo tanto, o paro convocado vai dirixido precisamente ás empresas que como subcontratadas de Sogama operan nas instalacións de transformación e xestión de residuos no concello de Cerceda (Complexo Ambiental de Cerceda, CAC e vertedoiro de Areosa), imposibilitando directamente a prestación do servizo público referido na presente orde, e que está expresamente previsto nas leis 10/2008, do 3 de novembro, de residuos de Galicia, e 7/1985, do 2 de abril, de bases de réxime local, onde se cualifica a xestión de residuos como un servizo ineludible á comunidade (no mesmo senso se dita a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Sala do Contencioso-Administrativo, do 9 de outubro de 2002).

O proceso de tratamento dos residuos sólidos urbanos que se realiza nas instalacións de Sogama debe desenvolverse en ciclo continuo e, polo tanto, a súa interrupción é grave en calquera das súas fases. Non obstante, esta interrupción resulta vital na fase final que se desenvolve na planta termoeléctrica, que constitúe unha planta de xeración de electricidade por valorización dos residuos urbanos, unha vez tratados nas fases previas, supoñendo as paradas intermitentes desta instalación un serio risco para a seguridade dos traballadores/as do complexo e para a integridade desta.

Por todo isto, tendo tamén en conta o volume de residuos que se transportan e xestionan diariamente, a parada da actividade provocaría o colapso na recollida dos residuos a nivel autonómico que tardaría días en corrixirse, o que, sen lugar a dúbidas, pode provocar serios problemas de salubridade e ambientais a nivel autonómico, cuxas consecuencias serían imprevisibles, non podendo garantir a prestación do servizo público se non se mantén o mínimo de actividade das instalación mediante o sinalamento dos servizos mínimos que se fixan e xustifican nesta orde, oído o comité de folga.

Débese sinalar, a maiores, que os servizos mínimos son proporcionados, ao seren inferiores ao 30 % do cadro de persoal afectado pola folga e afectaren menos persoal que o que estaría operativo un sábado, domingo ou festivo.

Con base no anterior e consonte o disposto na Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, e no Decreto 155/1988, do 9 de xuño, polo que se ditan as normas para garantir a prestación dos servizos esenciais en caso de folga no ámbito da Comunidade Autónoma,

DISPOÑO:

Artigo 1

A convocatoria de folga que afecta traballadores/as das empresas auxiliares do Complexo Ambiental de Cerceda, que se iniciará o vindeiro día 26 de agosto de 2013, ás 23.00 horas, e que se estenderá ata as 23.00 horas do día 27 de agosto de 2013, sen prexuízo daquelas empresas que teñan traballadores/as que inicien a quenda de traballo ás 22.00 horas do 26 de agosto de 2013, que comezarán a folga ás 22.00 horas e rematarana ás 22.00 horas do 27 de agosto, enténdese condicionada ao mantemento dos servizos mínimos que se establecen a seguir:

a) Complexo Ambiental de Cerceda (CAC):

– Servizos xerais:

1 operario/a por quenda en conserxaría e control de accesos.

1 operario/a por quenda de limpeza de vestiarios e local de descanso.

1 operario/a por quenda en depuradoras do CAC.

1 DUE por quenda (enfermaría).

– Planta termoeléctrica e coxeración:

1 xefe/a de quenda por quenda.

2 operadores/as por quenda.

1 roldista por quenda.

1 auxiliar de roldista por quenda.

Retén de mantemento, 5 persoas a disposición (sen presenza).

Retén de laboratorio, 1 persoa a disposición (sen presenza).

2 ensacadores/as por quenda en ensacado de cinzas.

1 camioneiro/a de escouras por quenda.

– Planta de reciclaxe, tratamento e elaboración de combustible (PRTE):

1 xefe/a de quenda por quenda.

1 axente de circulación en quenda de mañá e en quenda de tarde.

1 camioneiro/a por quenda.

1 electricista en quenda de mañá e en quenda de tarde.

2 operadores/as de guindastre por quenda.

4 triadores/as por quenda.

1 operador/a por quenda.

1 operador/a de pa por quenda.

2 roldistas por quenda.

1 oficial de secadoiro por quenda.

1 oficial de trituradora por quenda.

– Planta de clasificación de envases lixeiros:

1 xefe de quenda por quenda.

1 padexeiro por quenda.

b) Vertedoiro de Areosa:

1 xefe/a de quenda por quenda.

1 operador/a de pa por quenda.

1 operario/a de control de accesos por quenda.

1 operario/a de depuradoras por quenda.

Artigo 2

A determinación dos efectivos necesarios e a designación nominal do persoal que deberá cubrir os distintos servizos realizaraa a dirección das empresas auxiliares do Complexo Ambiental de Cerceda .

Artigo 3

O disposto nos artigos anteriores non significará ningún tipo de limitación dos dereitos que a normativa reguladora da folga lle recoñece ao persoal nesta situación, nin tampouco sobre a tramitación e efectos das peticións que a motiven.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de agosto de 2013

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas