Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 181 Luns, 23 de setembro de 2013 Páx. 37248

I. Disposicións xerais

Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 147/2013, do 19 de setembro, polo que se modifica o Decreto 39/2008, do 21 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento de máquinas recreativas e de azar da Comunidade Autónoma de Galicia.

En virtude da Lei 12/2011, do 26 de decembro, de medidas fiscais e administrativas da Comunidade Autónoma de Galicia, modificáronse diversos preceptos da Lei 14/1985, do 23 de outubro, reguladora dos xogos e apostas en Galicia, e algunhas destas modificacións tiveron unha incidencia directa no sector das máquinas recreativas e de azar na medida que supoñen un cambio substancial na súa definición e características.

Neste senso, o artigo 17 da Lei 14/1985, do 23 de outubro, segundo a redacción que lle outorga a antedita Lei 12/2011, do 26 de decembro, deseña unha nova tipoloxía de máquinas recreativas e de azar, mantendo nalgúns casos as denominacións anteriores e creando noutros unhas novas, como ocorre no caso da máquina de tipo B especial. Pero, en calquera caso e con independencia do nome que reciba cada categoría de máquinas, o certo é que coa dita modificación se produce un cambio na configuración legal destas máquinas que asume como premisa o obxectivo de acadar unha maior flexibilización na regulación destas e, para conseguir este obxectivo, remítese a lei ao correspondente desenvolvemento regulamentario para os efectos de concretar as previsións xerais contidas na propia lei.

Por este motivo, resulta imprescindible a consecuente modificación do Regulamento de máquinas recreativas e de azar que se acomete mediante o presente decreto. Esta modificación incorpora ao dito regulamento a nova categoría de máquinas prevista pola lei –que é a denominada máquina de tipo B especial– e actualiza os requisitos dos restantes tipos de máquinas conforme as disposicións legais anteriormente sinaladas pero, ademais, contén unha importante novidade como é a inclusión do réxime xurídico das máquinas de tipo A especial. Esta inclusión serve para saldar unha regulación que estaba pendente xa desde a aprobación do actual regulamento de máquinas recreativas e de azar e persegue posibilitar a inclusión deste tipo de máquinas no mercado de máquinas na nosa comunidade autónoma xa que, ata o de agora, non podían ser comercializadas precisamente por carecer da pertinente regulación.

Polo demais, esta modificación ten por obxecto a harmonización terminolóxica entre a normativa de máquinas recreativas e de azar e a normativa de metroloxía así como o avance na procura da necesaria transparencia e seguridade no funcionamento das máquinas recreativas e de azar e na simplificación de trámites para as persoas interesadas, de acordo coa evolución procedemental impulsada polo conxunto das administracións públicas.

Esta disposición foi sometida ao procedemento de información en materia de normas e regulamentacións técnicas e de regulamentos relativos aos servizos da sociedade da información, previsto na Directiva 98/34/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 22 de xuño, modificada pola Directiva 98/48/CE, do 20 de xullo, así como no Real decreto 1337/1999, do 31 de xullo, que incorpora estas directivas ao ordenamento xurídico español.

Na súa virtude, por proposta do vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, oída a Comisión de Xogo de Galicia, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta Galicia na súa reunión do día dezanove de setembro de dous mil trece,

DISPOÑO:

Artigo único. Modificación do Decreto 39/2008, do 21 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento de máquinas recreativas e de azar da Comunidade Autónoma de Galicia

Un. O número 3 do artigo 3 do regulamento queda redactado da seguinte maneira:

«3. Para os efectos do seu réxime xurídico, as máquinas de xogo clasifícanse nos seguintes tipos:

a) Máquinas de tipo A ou recreativas.

b) Máquinas de tipo A especial.

c) Máquinas de tipo B ou recreativas con premio programado.

d) Máquinas de tipo B especial.

e) Máquinas de tipo C ou de azar».

Dous. Os número 1 e 6 do artigo 4 do regulamento quedan redactados da seguinte maneira:

«1. Son máquinas de tipo A ou recreativas aquelas que, a cambio dun prezo, lle permiten á persoa usuaria un tempo de recreo sen ningún tipo de premio nin contraprestación en diñeiro, en especie ou en forma de tíckets ou vales con puntos cambiables por obxectos ou diñeiro, agás a posibilidade de prolongación da propia partida ou doutras adicionais co mesmo importe inicial.

6. As máquinas de tipo A poderán incorporar os requisitos técnicos previstos para as máquinas de tipo B ou recreativas con premio programado no artigo 8 alíneas c) e d)».

Tres. O artigo 5 do regulamento queda redactado da seguinte maneira:

«Artigo 5. Máquinas de tipo A especial

1. Son máquinas de tipo A especial aquelas que, a cambio dun prezo, á parte de proporcionar un tempo de uso ou de xogo, poden conceder, eventualmente, un premio directo, en diñeiro, en especie ou en forma de tíckets, fichas, vales ou similares con puntos cambiables por obxectos ou diñeiro, en función da habilidade, destreza ou coñecemento da persoa xogadora.

2. O prezo máximo da partida será de vinte céntimos de euro. O pagamento do prezo da partida poderá efectuarse mediante moeda corrente e/ou mediante sistema de pagamento previo, tarxetas electrónicas ou magnéticas ou outro soporte físico, cambiable ou reintegrable dentro do establecemento por diñeiro de curso legal que deberán estar debidamente homologados.

3. O premio máximo que eventualmente a máquina poida entregar, non poderá superar os corenta euros

4. As máquinas de tipo A especial poderán incorporar mecanismos ou dispositivos que permitan a realización simultánea dun número acumulado de partidas que, no seu conxunto, non supere o valor do prezo máximo da partida autorizado.

5. As máquinas tipo A especial poderán incorporar os requisitos técnicos establecidos no artigo 8, alíneas d) e g).

6. Poderán homologarse e inscribirse no Rexistro de Modelos máquinas tipo A especial que, conformando un só moble, permiten a súa utilización simultánea por dúas ou máis persoas xogadoras. Para os efectos de capacidade, computarán como unha soa máquina.

7. No taboleiro frontal destas máquinas e dunha forma visible, deberá constar a indicación de prohibición de utilización a menores de dezaoito anos».

Catro. O artigo 6 do regulamento queda redactado da seguinte maneira:

«1. Son máquinas tipo B ou recreativas con premio programado aquelas que, a cambio dun prezo, permiten á persoa usuaria un tempo de lecer e, eventualmente, obter un premio en diñeiro, de acordo co programa de xogo e cos límites que nesta norma se establecen.

2. Son máquinas tipo B especial aquelas máquinas recreativas con premio programado de instalación exclusiva en salóns de xogo, bingos e casinos, con premios máximos superiores aos previstos para as máquinas tipo B, conforme os requisitos e os límites que nesta norma se establecen.

3. Para todo o non establecido nesta norma ou noutras do seu mesmo ou inferior rango con carácter específico para as máquinas tipo B especial, aplicarase o establecido nelas para as máquinas tipo B».

Cinco. O artigo 7 do regulamento queda redactado da seguinte maneira:

«Artigo 7. Requisitos xerais das máquinas B

Para ser homologadas e inscritas na sección correspondente do Rexistro de Modelos, as máquinas de tipo B terán que cumprir as condicións seguintes:

a) O prezo máximo de cada partida será de 20 céntimos de euro, sen que obste a súa posible división en cantidades de menor importe. O anterior entenderase sen prexuízo do dispositivo opcional para a realización de ata cinco partidas simultáneas a que se refire o artigo 8 c).

b) O premio máximo que a máquina pode entregar non poderá exceder cincocentas veces o prezo máximo da partida simple ou da suma do prezo das partidas simultáneas. O programa de xogo non poderá provocar ningún tipo de encadeamento ou secuencia de premios cuxo resultado sexa a obtención dunha cantidade de diñeiro superior ao premio máximo establecido.

c) Cada máquina estará programada de forma que devolva, en todo ciclo de corenta mil partidas consecutivas, unha porcentaxe de premios que nunca será inferior ao 70 % do prezo das partidas efectuadas.

d) A duración media de cada partida non será inferior a tres segundos sen que a duración mínima de 1200 partidas sexa inferior a 60 minutos. Para os efectos da duración, a realización de partidas simultáneas contabilizarase como se se tratase dunha partida simple.

e) O pagamento de premios das máquinas instaladas en salóns de xogo, en salas de bingo e casinos, poderá instrumentarse, a elección da persoa acertante, mediante a entrega á persoa xogadora de fichas, puntos, créditos. Tamén se poderá instrumentar a través dun efecto bancario ou a través de métodos electrónicos de pagamento legalmente admitidos, contra a conta bancaria da entidade titular.

Así mesmo, co fin de facilitar as medidas de seguridade nos salóns de xogo, en salas de bingo e casinos, a dirección xeral competente en materia de xogo poderá autorizar a expedición para os devanditos establecementos de soportes ou tarxetas magnéticas ou electrónicas de pagamento e reintegro, para realizar tanto as apostas coma o cobramento dos premios obtidos polas persoas xogadoras, que se cambiarán dentro das súas dependencias e que evitarán a acumulación de elevadas sumas de moedas nestes locais.

f) As máquinas deberán dispoñer dun mecanismo de expulsión automática dos premios ao exterior, sen necesidade de ningunha acción por parte da persoa xogadora.

g) Para iniciar a partida requirirase que a persoa xogadora accione o interruptor ou dispositivo de posta en marcha. Transcorridos tres segundos sen facelo, a máquina poderá funcionar automaticamente.

h) No taboleiro frontal deberán constar con claridade as regras de xogo, a descrición das combinacións gañadoras, o importe do premio correspondente a cada unha delas e a porcentaxe mínima de devolución en premios.

i) O contador de créditos da máquina non admitirá unha acumulación superior ao equivalente a 100 veces o prezo máximo autorizado por partida.

l) Deberá constar, así mesmo, no taboleiro frontal e dunha forma visible, a indicación de prohibición de utilización a menores de dezaoito anos.

m) No caso de que se utilice o soporte de vídeo ou sistemas similares, as máquinas poderán presentar a información relativa ás regras de xogo, descrición de combinacións gañadoras e plans de ganancias, a través da utilización das propias pantallas.

n) A memoria electrónica da máquina que determina o xogo deberá ser imposible de alterar ou manipular.

ñ) As máquinas incorporarán unha fonte de alimentación de enerxía autónoma, que preserve a memoria en caso de desconexión ou interrupción do fluído eléctrico e permita, de ser o caso, o reinicio do programa no mesmo estado.

o) As máquinas non poderán instalar ningún tipo de dispositivo sonoro que entre en funcionamento mentres a máquina non estea en uso por unha persoa xogadora.

p) O xogo poderase desenvolver mediante a utilización de pantalla de televisión ou soporte físico análogo, controlado por sinal de vídeo ou similar.

q) As máquinas poderán ter un máximo de cinco xogos homologados, que poderán funcionar indistintamente e requirirán autorización previa para o cambio de todos ou cada un deles por outros igualmente homologados. En calquera caso, para os efectos das porcentaxes de premios exixibles, estes xogos computarán como unha soa máquina».

Seis. Engádese o artigo 7 bis do regulamento que queda redactado da seguinte maneira:

«Artigo 7 bis. Requisitos xerais das máquinas de tipo B especial

Para ser homologadas e inscritas na sección correspondente do Rexistro de Modelos, as máquinas de tipo B especial terán que cumprir as condicións seguintes:

a) O prezo máximo de cada partida será de 20 céntimos de euro, sen que impida a súa posible división en cantidades de menor importe. O anterior entenderase sen prexuízo do dispositivo opcional de realización de ata trinta partidas simultáneas previsto no artigo 8.c).

b) O premio máximo que a máquina pode entregar non poderá exceder seiscentas veces o prezo máximo da partida simple ou da suma do prezo das partidas simultáneas. O programa de xogo non poderá provocar ningún tipo de encadeamento ou secuencia de premios, cuxo resultado sexa a obtención dunha cantidade de diñeiro superior ao premio máximo establecido.

c) Cada máquina estará programada de forma que devolva, en todo ciclo de cento vinte mil partidas consecutivas, unha porcentaxe de premios que nunca será inferior ao 80 por 100 do prezo das partidas efectuadas.

d) As demais condicións enumeradas nas alíneas d) á q) do artigo 7».

Sete. O artigo 8 do regulamento queda redactado da seguinte maneira:

«Artigo 8. Dispositivos opcionais

Con carácter opcional as máquinas de tipo B ou B especial poderán estar dotadas dos seguintes mecanismos ou características:

a) Os que permitan por vontade da persoa usuaria arriscar os premios previamente obtidos, practicar o dobre ou nada ou outras apostas análogas, sempre que o programa de xogo garanta o mantemento da porcentaxe de devolución e que non se superen os premios máximos previstos en cada caso.

b) Os que permitan a retención parcial da combinación dunha partida non gañadora por outra posterior.

c) Os que permitan a realización simultánea dun número acumulado de partidas que, en conxunto, non supere o valor de cinco veces o prezo máximo da partida autorizado para cada modelo, no caso das máquinas de tipo B, e de trinta veces o devandito prezo, no caso das máquinas de tipo B especial.

d) Moedeiros aptos para admitir moedas ou billetes de valor non superior en cen veces o prezo máximo autorizado por partida.

e) Acumulador ou contador de moedas, non destinadas ao xogo, que recolla o diñeiro introducido e os premios obtidos e que lle permita á persoa que xogue recuperar o importe acumulado en calquera momento, sempre que non sexa no transcurso dunha partida, ou transferir o diñeiro ao contador de créditos destinados ao xogo. O importe acumulado deberá ser entregado automaticamente á persoa xogadora se transcorren 10 segundos desde que o contador de créditos chega a cero.

f) Mecanismos que posibiliten o aumento da porcentaxe mínima de devolución a que se fai referencia nos artigos 7 e 7 bis.

g) Mecanismos para que non devolvan cambio por importe inferior ou igual a 1 euro. Neste caso, a máquina estará programada de forma que xogue automaticamente a partida ou partidas sucesivas que correspondan ata a finalización do importe introducido. Esta característica deberá figurar obrigatoriamente no taboleiro frontal da máquina.

h) As que conformando un só moble permitan a súa utilización simultánea e independente por dúas ou máis persoas xogadoras, para a súa instalación exclusiva nos salóns de xogo e en dependencias habilitadas para o efecto en salas de bingo e casinos de xogo.

Estas máquinas estarán amparadas por unha única autorización de explotación e, para efecto exclusivo de capacidade, computarán como unha máquina por cada dúas persoas xogadoras ou fracción excedente deste múltiplo.

Para os efectos da porcentaxe de premios exixible e independentemente do número de prazas de persoas xogadoras que a conformen, computarán como unha soa máquina.

Estas máquinas poderán dispoñer dun mecanismo de acumulación de premios a un banco de créditos equivalente ao premio máximo e poderán estar dotadas de prestacións especiais en relación aos seus prezos e premios.

i) Dispositivos para que as máquinas funcionen mediante tarxeta electrónica ou magnética denominada de pagamento previo.

l) As máquinas B especial poderán desenvolver o seu xogo a través de sistemas que conten cos seguintes elementos e funcións:

– Un servidor de grupo, que terá a función de establecer o diálogo continuo coas máquinas ocupadas, respecto das apostas realizadas e os premios obtidos.

– Un servidor de comunicacións, que terá a función de canalizar e garantir o intercambio de información entre o servidor de grupo e o servidor central.

– Un servidor central, que terá a función de arquivar todos os datos relativos ás apostas realizadas e premios obtidos e deberá confeccionar as estatísticas e informes do número de partidas realizadas, cantidades xogadas e combinacións gañadoras outorgadas con indicación do día e hora.

– Un sistema informático de caixa, que terá a función de cargar nas tarxetas electrónicas de pagamento previo ou en calquera outra modalidade ou soporte de transacción económica, debidamente autorizados polo órgano que teña atribuída a competencia en materia de xogo, as cantidades solicitadas polas persoas xogadoras e indicará o seu saldo final para o seu pagamento ás persoas xogadoras. A este fin, deberá contar cun programa informático de control e xestión de todas as transaccións económicas realizadas. Este sistema contará cun terminal de caixeiro.

– Un sistema de verificación, que terá a función de comprobar diariamente, antes do inicio de cada sesión de xogo, o correcto funcionamento da totalidade do sistema. No caso de que durante o funcionamento se detecten avarías ou fallos nos servidores ou nas pantallas dos terminais das máquinas, deberase proceder a comprobar, antes do reinicio do sistema, o correcto funcionamento deste e de todas e cada unha das pantallas e terminais, así como a devolver ás persoas xogadoras as cantidades apostadas nas partidas afectadas polos devanditos fallos ou avarías.

– Un contador en cada máquina que conte coas seguintes características:

1ª. Deberá posibilitar a lectura dos datos de forma independente pola Administración.

2ª. Deberá identificar a máquina en que se encontre instalado o contador ou referenciar os datos do servidor a cada máquina.

3ª. Estará seriado e protexido para evitar manipulacións.

4ª. Contará e acumulará os datos correspondentes ao número de partidas realizadas e premios obtidos, de forma permanente e desde a súa primeira instalación.

5ª. Permitirá o mantemento dos datos almacenados na memoria aínda coa máquina desconectada e impedirá o seu uso en caso de avaría ou desconexión do contador.

Non obstante, poderase implementar no servidor do establecemento un sistema de información ensaiado por un laboratorio de ensaios que, conectado ás máquinas instaladas no establecemento, conte coas mencionadas características».

Oito. O artigo 9 do regulamento queda redactado da seguinte maneira:

«Artigo 9. Interconexión de máquinas

1. As máquinas de tipo B instaladas nos establecementos indicados no artigo 50.1.c) poderán interconectarse de acordo coas seguintes condicións:

a) O número mínimo de máquinas interconectadas entre distintos locais será de 10.

b) O premio máximo que poderá conseguirse por todos os conceptos, a través da interconexión entre locais, non poderá ser superior a 4.000 €.

2. Nos salóns de xogo, nas salas de bingo e nos casinos de xogo, poderase autorizar a instalación de sistemas de interconexión debidamente homologados de máquinas de tipo B e tipo B especial, aínda cando sexan multiposto ou máquinas que permitan a súa utilización simultánea e independente por varias persoas xogadoras, que poderán outorgar un premio máximo acumulado cuxa contía non será superior a 15.000 euros.

3. Tamén se poderá autorizar a interconexión de máquinas entre os establecementos referidos no parágrafo segundo mediante sistemas debidamente homologados, que poderán outorgar un premio máximo acumulado, cuxa contía non será superior a 30.000 €. Os salóns de xogo deberán dispoñer, na zona onde estean instaladas as máquinas que conten cun sistema de interconexión que outorgue un premio de ata 30.000 €, dun servizo de admisión que controlará o acceso á dita zona do salón de todas as persoas xogadoras ou visitantes para os efectos de impedir a entrada a todas aquelas persoas que o teñan prohibido.

4. Nos supostos de interconexión entre máquinas situadas en distintos establecementos, o centro de control do sistema de interconexión deberá estar situado dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

5. O premio acumulado outorgado polo sistema de interconexión non poderá supoñer unha mingua da porcentaxe de devolución de cada unha das máquinas interconectadas».

Nove. Modifícase o artigo 11 do regulamento, artigo que pasa a denominarse «Requisitos xerais e dispositivos opcionais das máquinas tipo C», que queda redactada da seguinte maneira:

«Artigo 11. Requisitos xerais e dispositivos opcionais das máquinas tipo C

1. Para proceder á homologación e inscrición no Rexistro de Modelos das máquinas de tipo C ou de azar, estas deberán cumprir como mínimo os seguintes requisitos técnicos:

a) O prezo da partida será fixado para cada modelo de máquina na correspondente resolución de inscrición no Rexistro de Modelos, poderanse homologar máquinas tipo C que estean deseñadas con varias liñas de aposta e máquinas das denominadas multidenominación, que son aquelas en que o/a cliente pode elixir á súa conveniencia o prezo da partida.

Así mesmo, poderanse utilizar, logo da homologación, fichas, tarxetas magnéticas prepagamento ou outro soporte físico, en substitución das moedas de curso legal, para o establecemento de xogo onde estean instaladas as máquinas.

O diñeiro introducido na máquina poderá acumularse nun contador de créditos específico e poderá recuperalo a persoa xogadora á súa vontade en calquera momento.

O número de créditos obtidos por cada unidade de aposta será proporcional ao valor monetario desta última.

b) O premio máximo que as máquinas C poden outorgar nunha partida será o que se fixe para cada modelo na correspondente resolución de inscrición no Rexistro de Modelos da Comunidade Autónoma de Galicia, respectando para tal fin a porcentaxe de devolución que se establece neste artigo. Así mesmo, poderanse homologar máquinas de tipo C que permitan a acumulación dunha porcentaxe das sumas apostadas co obxecto de conformar premios especiais ou bolsas de carácter progresivo, cuxa obtención se logrará mediante a consecución de combinacións específicas do xogo de cada modelo.

En todo caso, o límite máximo dos premios que se poderán outorgar polas máquinas C será de 15.000 veces a aposta máxima.

c) A duración mínima de cada xogada ou partida será 2,5 segundos.

d) Os modelos de cada máquina deberán estar deseñados tecnicamente para que na súa explotación lle devolvan en premios á persoa xogadora, de acordo coa serie estatística de partidas que resulte da totalidade de combinacións posibles, unha porcentaxe non inferior ao 80 % das apostas efectuadas. A devandita porcentaxe de devolución poderase incrementar por vontade da empresa titular da máquina.

No caso de que o modelo da máquina estea deseñado tecnicamente para acumular progresivamente unha porcentaxe do apostado para conformar premios especiais ou bolsas, esta acumulación será adicional á porcentaxe de devolución prevista no parágrafo anterior. Independentemente do enunciado, poderán tamén interconectarse as máquinas de tipo C coa finalidade de outorgar premios especiais que as persoas usuarias daquelas poderán recibir polo simple feito de atoparse xogando nunha delas e sen que se condicione a súa obtención á consecución dunha combinación gañadora do plan de ganancias da máquina ou á contía da aposta realizada.

e) Sen prexuízo do establecido no artigo 12.3 deste regulamento, deberán dispoñer dun mecanismo de pagamento automático dos premios obtidos co fin de que non sexa necesario para obtelos ningunha acción por parte da persoa usuaria.

2. A entrega dos premios deberá consistir en moeda de curso legal, salvo que exista autorización para a utilización de fichas, tarxetas magnéticas prepagamento ou doutros soportes físicos autorizados. Nestes casos, os premios serán entregados á persoa usuaria mediante fichas ou recargas nas tarxetas ou outros soportes que serán cambiables ou reintegrables por diñeiro de curso legal dentro do mesmo establecemento de xogo.

3. No taboleiro frontal ou, de ser o caso, na pantalla de vídeo que incorpore a máquina, deberá constar polo menos a seguinte información:

a) Indicación do número de apostas posibles que se poderá efectuar por partida.

b) As regras de xogo.

c) Indicación dos tipos e valores das moedas, billetes, fichas, tarxetas ou outros soportes físicos autorizados que acepta.

d) Descrición das combinacións gañadoras e o importe dos premios correspondentes a cada un deles.

e) Porcentaxe mínima de devolución en premios da máquina.

4. As máquinas C poderán desenvolver o seu xogo a través de sistemas a que se refire o artigo 8 alínea l)».

Dez. O número 1 do artigo 12 do regulamento queda redactado da seguinte maneira

«1. Salvo autorización en contra, reflectida na resolución de inscrición do modelo no Rexistro de Modelos, todas as máquinas de tipo C ou de azar estarán dotadas dos depósitos internos de moedas seguintes:

a) Un depósito destinado á reserva de pagamentos, que terá como finalidade reter o diñeiro ou fichas destinadas ao pagamento automático dos premios.

b) Un depósito de ganancias, que terá como finalidade reter o diñeiro ou fichas que non sexan empregadas pola máquina para o pagamento automático dos premios. A tal fin, este depósito deberá estar nun compartimento separado de calquera outro da máquina, salvo da canle de alimentación.

Estarán exentas destes depósitos as máquinas de tipo C que utilicen como exclusivo medio de pagamento de premios tarxetas de pagamento previo electrónicas ou magnéticas ou outro soporte físico, cambiables ou reintegrables dentro do mesmo establecemento por diñeiro de curso legal e aquelas que estean conectadas a un sistema centralizado de aviso atendido por persoal que se encargue do pagamento de premios en moeda de curso legal».

Once. Os números 1, 2 e 3 do artigo 13 do regulamento quedan redactados da seguinte maneira:

«1. As máquinas de tipo B, B especial e C deberán incorporar contadores que cumpran os requisitos seguintes:

a) Posibilitar a súa lectura independente pola Administración.

b) Identificar a máquina en que están instalados.

c) Estar seriados e protexidos contra toda manipulación.

d) Manter os datos almacenados en memoria, aínda coa máquina desconectada, e impedir o uso da máquina en caso de avaría ou desconexión do contador.

e) Almacenar os datos correspondentes ao número de partidas realizadas e premios obtidos, de forma permanente e acumulada desde a súa primeira instalación.

2. Os contadores incorporados a este tipo de máquinas quedan suxeitos ao control metrolóxico do Estado segundo a súa lexislación sectorial, sen prexuízo das competencias de execución que corresponden á Comunidade Autónoma.

3. A instalación dos contadores a que fai referencia este artigo non será preceptiva para as máquinas de tipo B, B especial e C se o establecemento en que están instaladas dispón dun sistema informático central, autorizado previamente pola dirección xeral competente en materia de xogo e conectado ás máquinas, no cal queden rexistradas, polo menos, as mesmas operacións que nos contadores individuais das máquinas».

Doce. O número 1 do artigo 14 do regulamento queda redactado da seguinte maneira:

«As máquinas de tipo B, B especial e C incorporarán os seguintes dispositivos de seguridade:

a) Os que impidan o funcionamento e o uso da máquina ou a desconecten automaticamente cando non funcionen correctamente os contadores preceptivos ou, se é o caso, o sistema informático que os substitúe.

b) Os que impidan a manipulación dos contadores, preserven a súa memoria, aínda no caso de interrupcións de corrente eléctrica, e permitan a continuación de calquera partida no estado en que se encontraba no momento da interrupción.

c) Os mecanismos protectores que garantan a integridade da memoria de xogo no momento en que se intente a súa manipulación».

Trece. O número 2 do artigo 15 do regulamento queda redactado da seguinte maneira:

«Para a inscrición dos modelos de máquinas A especial, B, B especial e C será necesaria a homologación previa. Para a inscrición dos modelos de máquinas de tipo A abondará a súa comunicación acompañada da documentación sinalada no artigo 22».

Catorce. O artigo 16 do regulamento queda redactado da seguinte maneira:

«Artigo 16. Ensaios previos

Todos os modelos de máquinas A especial, B, B especial e C e, de ser o caso, os sistemas de interconexión empregados, deberán ser sometidos, con anterioridade á súa homologación e inscrición, a ensaio en laboratorio de ensaio, de acordo co protocolo de avaliación ou de probas establecido polo órgano competente. As entidades ou laboratorios de ensaio informarán sobre se o funcionamento da máquina, o programa de xogo e a distribución de premios se corresponden coas especificacións técnicas contidas na memoria de funcionamento e nos planos da máquina achegados pola empresa fabricante, importadora, distribuidora ou comercializadora ao laboratorio así como na normativa técnica que en cada caso sexa de aplicación».

Quince. O artigo 17 do regulamento queda redactado da seguinte maneira:

«Artigo 17. Laboratorios de ensaio de máquinas

Para os efectos deste regulamento, enténdense por laboratorios de ensaios as entidades ou organismos acreditados por unha entidade de acreditación no eido de aplicación das máquinas recreativas e de azar, segundo o indicado pola normativa sectorial aplicable».

Dezaséis. Os número 2 e 3 do artigo 18 do regulamento quedan redactados da seguinte maneira:

«2. O Rexistro de Modelos estará encomendado á dirección xeral competente en materia de xogo e constará das seguintes seccións nas cales, por orde do conselleiro con competencia en materia de xogo, se desenvolverá, e poderán crearse subseccións:

a) Sección I: máquinas de tipo A ou recreativas.

b) Sección II: máquinas de tipo A especial.

c) Sección III: máquinas de tipo B ou recreativas con premio programado.

d) Sección IV: máquinas de tipo B especial.

e) Sección V: máquinas de tipo C ou de azar.

f) Sección VI: outros aparellos de xogo.

3. Nas cinco primeiras seccións inscribiranse os modelos que concorden co tipo de máquina a que se refire. A sección VI recollerá os modelos dos aparellos ou sistemas necesarios para as interconexións previstas neste regulamento así como todos aqueles dispositivos necesarios para os xogos previstos neste regulamento que non poidan ser tipificados como modelos para inscribir nas seccións anteriores».

Dezasete. O artigo 21 do regulamento queda redactado da seguinte maneira:

«Artigo 21. Solicitude ou comunicación para a inscrición no Rexistro de Modelos

1. As empresas fabricantes, distribuidoras, importadoras ou comercializadoras que desexen inscribir un modelo de máquina ou doutros aparellos de xogo no Rexistro de Modelos deberán dirixir á dirección xeral competente en materia de xogo un escrito de solicitude ou, de tratarse de modelos de máquinas de tipo A ou recreativas, comunicación previa que, ademais dos requisitos exixidos polo artigo 70 e 71 bis respectivamente da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, conteña os seguintes datos:

a) Nome comercial do modelo.

b) Nome da empresa fabricante e número do rexistro da empresa para as máquinas fabricadas en España, ou nome da empresa importadora e número e data da licenza de importación, determinándose os datos da empresa fabricante estranxeira, salvo para o suposto de máquinas procedentes de Estados membros da Unión Europea ou o Espazo Económico Europeo, en que será suficiente especificar un/unha responsable da súa comercialización.

c) Dimensións da máquina.

d) Breve descrición do xogo ou xogos no caso das máquinas de tipo A e descrición completa da forma de uso ou do xogo nas de tipo A especial, B, B especial e C.

2. En calquera caso, a dirección xeral competente en materia de xogo garantirá o segredo e a inaccesabilidade doutras persoas ou empresas á documentación técnica achegada pola solicitante para inscribir o modelo de que se trate, de conformidade coa normativa que regula o segredo comercial ou industrial a que se refire o artigo 37.5 d) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Dezaoito. Modifícase o artigo 22 que queda redactado da seguinte maneira:

«Artigo 22. Documentación para a inscrición de modelos de máquinas tipo A

Co escrito de comunicación para a inscrición dos modelos de máquinas de tipo A presentarase a seguinte documentación:

a) Fotografías de 15 x 10 centímetros, nítidas e en cor, dos parámetros exteriores da máquina.

b) Declaración responsable da solicitante de que o modelo cumpre as directivas europeas de aplicación e o disposto no artigo 3.1».

Dezanove. Modifícase o artigo 23 que queda redactado da seguinte maneira:

«Artigo 23. Documentación para a homologación e inscrición de modelos de máquinas tipos A especial, B, B especial e C

1. Coa solicitude de inscrición dos modelos de máquinas de tipo A especial, B, B especial e C presentarase a seguinte documentación:

a) Fotografías de 15×10 centímetros, nítidas e en cor, dos parámetros exteriores da máquina.

b) Un exemplar dos planos da máquina e do seu sistema eléctrico.

c) Memoria de funcionamento da máquina nos termos previstos no ordinal cuarto deste artigo agás para as máquinas A especial.

d) Declaración de conformidade CE ou certificado de conformidade CE, segundo os casos, que acredite que o produto satisfai todos os requisitos esenciais das distintas directivas de aplicación.

2. Os documentos sinalados na alínea b) do punto anterior deberán estar subscritos por técnico/a competente.

3. Para a inscrición dos modelos de máquinas a que se refire este artigo, ademais do exixido anteriormente, a persoa interesada deberá achegar coa solicitude:

a) Certificado de ensaio previo da máquina expedido por laboratorio de ensaios segundo o indicado polo artigo 16.

b) Para as máquinas B e B especial un informe-resumo estatístico dunha simulación da secuencia do xogo que incluirá, polo menos, dous ciclos. O orixinal desta simulación manterase á disposición da dirección xeral competente en materia de xogo.

c) Para as máquinas B, B especial e C un exemplar do soporte en que se almacena o xogo. Este soporte só poderá ser substituído logo da nova homologación. Cando así o requira a dirección xeral competente en materia de xogo, a empresa solicitante verase obrigada a proporcionar, pola súa conta, o correspondente lector de memoria.

d) Para as máquinas B, B especial e C descrición do tipo de contador que incorpora o modelo, declaración de conformidade deste e certificado de ensaios realizado polo organismo de control metrolóxico correspondente.

e) Prototipo do modelo, se é requirido.

4. No caso de inscrición de máquinas dos tipos B, B especial e C, a memoria de funcionamento recollerá e describirá os seguintes extremos:

a) Prezo da xogada ou aposta.

b) Premio máximo que pode outorgar a máquina por partida, así como descrición do plan de ganancias e dos distintos premios, incluíndo os de bolsa, que a máquina pode conceder, detallando o procedemento de obtención.

c) Porcentaxe teórica de premios, que especifique, no caso de máquinas tipo B e B especial, o ciclo ou número de xogadas que se deben realizar para o cálculo da devandita porcentaxe.

d) Existencia ou non de mecanismos ou dispositivos que permitan aumentar a porcentaxe de devolución de premios, con indicación da devandita porcentaxe.

e) Outros mecanismos ou dispositivos con que conte a máquina».

Vinte. Modifícase o artigo 24 que queda redactado da seguinte maneira:

«Artigo 24. Tramitación da solicitude

«1. Presentada a solicitude de inscrición do modelo, a dirección xeral competente en materia de xogo comprobará o estrito cumprimento das condicións e requisitos documentais esixidos para tal fin neste regulamento.

2. Se a solicitude ou a documentación presentada non reune os requisitos previstos neste regulamento, requirirase o peticionario, para que no prazo de dez días emende a deficiencia ou achegue e complete a documentación preceptiva, indicándolle que se así non se fixer, teráselle por desistido da súa petición logo da oportuna resolución.

3. A dirección xeral competente en materia de xogo poderá solicitar, tanto doutras administracións públicas coma de entidades privadas, cantos informes considere necesarios para ditar a correspondente resolución».

Vinte e un. Modifícase o artigo 25 que queda redactado da seguinte maneira:

«Artigo 25. Resolución

1. Efectuadas as operacións de comprobación a que se refire o artigo anterior, a dirección xeral competente en materia de xogo ditará e notificará a resolución que proceda en cada caso, dentro dos dous meses seguintes a presentación da solicitude. A falta de resolución ten sentido positivo.

2. Acreditado pola persoa solicitante o pagamento da taxa administrativa correspondente, procederase á inscrición do modelo no rexistro, asignándoselle o número que corresponda, e remitiráselle ao/á interesado/a a resolución de inscrición na cal se fará constar nela o devandito número».

Vinte e dous. O número 1 do artigo 28 do regulamento queda redactado da seguinte maneira:

«1. Sen prexuízo do procedemento establecido neste capítulo para a homologación e inscrición de modelos de máquinas de xogo, antes de procederse ás oportunas operacións de ensaio nos laboratorios de ensaios, a empresa fabricante ou importadora poderá solicitar autorización para probar o funcionamento de prototipos de máquinas mediante a súa instalación e explotación en establecementos autorizados».

Vinte e tres. O número 1 do artigo 31 do regulamento queda redactado da seguinte maneira:

«1. Para inscribirse no Rexistro de Empresas de Máquinas de Xogo da Comunidade Autónoma de Galicia como empresa fabricante, importadora, comercializadora, distribuidora, operadora de máquinas de xogo e de servizos técnicos, prestadora de servizos de interconexión, ou titular de salón recreativo ou de xogo, deberanse reunir os seguintes requisitos e condicións:

a) Estar constituída baixo a forma xurídica de sociedade mercantil, de conformidade cos requisitos establecidos na lexislación mercantil vixente. O capital social deberá estar totalmente subscrito e desembolsado.

b) Ter como obxecto social, en cada caso, a fabricación ou a importación de elementos de xogo, a súa comercialización, a operación e instalación de máquinas de xogo e prestación de servizos técnicos, ou a explotación de salóns recreativos e salóns de xogo.

c) O capital social mínimo requirido para cada unha das empresas anteriormente referidas será o seguinte:

– Empresas de fabricación, importación, distribución e comercialización de máquinas de xogo: 60.000 euros (sesenta mil euros).

– Empresas operadoras de máquinas de xogo e de servizos técnicos ou empresas prestadoras de servizos de interconexión: 60.000 euros (sesenta mil euros).

– Empresas titulares de salóns recreativos e de xogo: 30.000 euros (trinta mil euros), por cada salón.

d) A participación de capital proveniente de persoas físicas ou xurídicas que non estean domiciliadas no espazo económico da Unión Europea non poderá exceder en ningún caso a proporción establecida na lexislación vixente do Estado.

e) No caso das empresas importadoras, ter unha representación legal con domicilio permanente dentro do territorio do Reino de España.

f) No caso de empresas cuxa actividade estea referida a modelos de máquinas suxeitos a homologación, ter constituída e depositada fianza a favor da consellería competente en materia de xogo, co importe establecido no seguinte artigo. A dita fianza, que poderá constituírse en metálico, mediante aval bancario ou de sociedade de garantía recíproca ou póliza de caución individual, quedará afecta ao pagamento das sancións pecuniarias que o órgano competente en materia de xogo impoña, así como ao pagamento dos premios e os tributos que deban ser aboados como consecuencia da súa actividade».

Vinte e catro. A letra b do número 2 do artigo 33 do regulamento queda redactada da seguinte maneira:

«b) De cada unha das persoas socias: no caso das persoas socias que sexan persoas físicas, fotocopia do DNI ou número do dito documento xunto coa autorización para que sexa verificado pola Administración na base de datos de NIF do Ministerio do Interior ou documento equivalente en caso de persoas estranxeiras e certificado de conduta cidadá nos termos previstos na Lei 68/1980, do 1 de decembro, de conduta cidadá, no caso de que se trate dunha persoa física. No caso de persoas socias que sexan persoas xurídicas, fotocopia do número de identificación fiscal, da escritura pública de constitución así como do DNI da persoa representante, ou número do dito documento xunto coa autorización para que sexa verificado pola Administración na base de datos de NIF do Ministerio do Interior ou documento equivalente en caso de persoas estranxeiras».

Vinte e cinco. Os número 2 e 4 do artigo 40 do regulamento quedan redactados da seguinte maneira:

«2. A autorización de explotación habilita a empresa operadora para explotar con carácter exclusivo unha máquina A especial, B, B especial ou C e ampara, en todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, a legalidade individualizada da específica máquina de xogo en canto á súa correspondencia co modelo homologado e inscrito na sección correspondente do Rexistro de Modelos da Comunidade Autónoma e á súa titularidade.

A devandita autorización deberá ser inscrita no Rexistro de Empresas de Máquinas de Xogo.

4. A autorización de explotación solicitaraa a empresa operadora titular da máquina mediante modelo normalizado ante a xefatura territorial da consellería competente en materia de xogo que corresponda. Xunto coa solicitude deberá acompañar o certificado de fabricación da máquina e o xustificante acreditativo do pagamento da taxa administrativa que corresponda».

Vinte e seis. O artigo 43 do regulamento queda redactado da seguinte maneira:

«1. Cando por avaría ou por calquera outra causa as empresas operadoras desexen suspender temporalmente a explotación dunha máquina dos tipos B, B especial ou C, retirarana da súa instalación e explotación e solicitarán, da correspondente xefatura territorial da consellería competente en materia de xogo, a suspensión provisional da autorización de explotación. A dita solicitude deberá formalizarse mediante modelo normalizado que deberá ser subscrito pola empresa operadora e con el xuntaranse:

a) Exemplares para a empresa e para a máquina da autorización de explotación a que se refire o artigo 41.1.

b) Exemplares da comunicación de localización regulada no artigo 56.

2. Antes de solicitar a suspensión provisional da autorización de explotación a empresa operadora retirará a máquina da súa instalación e explotación e presentaralle á Administración os documentos referidos no punto anterior.

3. Cando a empresa operadora desexe reiniciar a explotación dunha máquina con autorización de explotación en situación de suspensión provisional deberá formalizar a correspondente solicitude ante a xefatura territorial da consellería competente en materia de xogo, que tramitou a suspensión, co obxecto de retirar os exemplares da autorización de explotación.

4. A duración da suspensión provisional da autorización de explotación das máquinas recreativas non poderá exceder os 25 meses dende a presentación da solicitude. Transcorrido o devandito prazo, a empresa operadora deberá solicitar a baixa definitiva.

De non facelo así, a xefatura territorial que tramitou a suspensión ordenará o precinto da máquina e tramitará a devandita baixa».

Vinte e sete. Os número 3 e 4 do artigo 45 do regulamento queda redactado da seguinte maneira:

«3. A transmisión dunha autorización de explotación dunha máquina de tipo B que estea instalada nun establecemento de hostalaría ou análogo suporá a modificación da autorización de instalación e localización do dito establecemento, a favor da empresa operadora adquirente. Xunto coa solicitude de transmisión da autorización de explotación deberá ser entregado o exemplar orixinal da autorización de instalación e localización en vigor do dito establecemento.

Esta previsión tamén será de aplicación para os casinos de xogo, salóns recreativos ou de xogo e salas de bingo con relación ás máquinas de xogo que non exploten directamente.

4. Sen prexuízo do disposto no punto anterior, nos quince días seguintes ao acordo empresarial, a empresa adquirente solicitaralle a transmisión á xefatura territorial da consellería competente en materia de xogo que corresponda, e presentará os seguintes documentos:

a) Título de transmisión, mediante calquera forma xurídica admitida pola lexislación civil ou mercantil, coas sinaturas do seu representante legal.

b) Exemplares da autorización de explotación correspondentes á operadora e á máquina».

Vinte e oito. Os números 1 e 3 do artigo 47 quedan redactados da seguinte maneira:

«1. As empresas que desexen cambiar máquinas de tipo A especial, B, B especial ou C en explotación por outras da mesma tipoloxía, deberán solicitalo ante a correspondente xefatura territorial da consellería competente en materia de xogo, mediante modelo normalizado.

3. A xefatura territorial da consellería competente en materia de xogo comprobará a documentación a que se refire o punto anterior. Se a documentación está completa e correcta selarase e darase autorización provisional no documento achegado como solicitude polo empresario. Esta autorización é provisional por un prazo de 30 días naturais.

A devandita autorización provisional e a autorización de explotación da máquina que causa baixa será a documentación que amparará a explotación da máquina que se desexa explotar polo prazo de 30 días autorizado».

Vinte e nove. O artigo 48 do regulamento queda redactado da seguinte maneira:

«1. A actualización ou o novo xogo que se instale en máquina de vídeo deberá estar previamente homologado e inscrito no Rexistro de Modelos da Comunidade Autónoma de Galicia e quedar garantido que no programa que se vai instalar non existe posibilidade de escritura ou de alteración por parte da persoa usuaria, independentemente do soporte que se utilice.

2. As marcas de fábrica do xogo instalado deberán aparecer permanentemente, de forma clara e lexible, na pantalla de vídeo da máquina para os efectos do oportuno control administrativo.

3. Unha orde da persoa titular da consellería competente en materia de xogo regulará o procedemento de autorización do cambio de xogo en máquinas de vídeo tipo B ou B especial».

Trinta. O número 1 do artigo 49 do regulamento queda redactado da seguinte maneira:

«1. As máquinas de tipo A ou recreativas poderán instalarse para a súa explotación comercial nos seguintes establecementos:

a) Nos salóns recreativos e de xogo, centros de ocio infantil, salas de bingo e casinos de xogo.

b) En locais e dependencias habilitadas para o efecto en centros hoteleiros, cámpings, parques de atraccións e feiras de mostras

c) Nos establecementos de hostalaría, bares, cafetarías, restaurantes, clubs e establecementos análogos».

Trinta e un. Engádese un novo número 3 e un novo número 4 ao artigo 50 do regulamento que queda redactado da seguinte maneira:

«3. As máquinas de tipo B especial só poderán autorizarse en:

a) Salóns de xogo.

b) Locais e dependencias habilitadas para tal efecto en salas de bingo e casinos de xogo.

4. En calquera caso o número de máquinas tipo B especial nunca poderá superar o 50 % do número de máquinas de tipo B autorizadas nun salón de xogo ou nunha sala de bingo e, no caso dos casinos de xogo, o número de máquinas de tipo C autorizadas».

Trinta e dous. A letra a) do número 2 do artigo 52 do regulamento queda redactado da seguinte maneira:

«a) Nos salóns recreativos e de xogo e centros de ocio infantil: o número de máquinas que determine o órgano competente en materia de xogo en función da superficie construída e a capacidade do local. No caso dos salóns, a instalación das máquinas deberá respectar, en todo caso, as limitacións regulamentarias contidas no anexo deste regulamento e non se poderá superar a limitación dunha máquina por cada 2 metros cadrados de superficie útil da sala destinada a xogos».

Trinta e tres. Os números 1, 3 e 4 do artigo 53 do regulamento quedan redactados da seguinte maneira:

«1. A autorización de instalación e localización é o documento administrativo, dilixenciado pola xefatura territorial da consellería competente en materia de xogo, en exemplar triplicado, mediante o cal se vincula, durante un período determinado, unha empresa operadora cun específico local autorizado, para a instalación de máquinas de xogo.

3. Correspóndelle á empresa operadora solicitar á xefatura territorial da consellería competente en materia de xogo da Comunidade Autónoma de Galicia correspondente ao lugar en que estea o local, a autorización de instalación e localización. A solicitude presentarase segundo o modelo normalizado que virá asinado ademais pola persoa titular do local.

Na autorización de instalación e localización faranse constar, polo menos, os seguintes datos:

a) Os datos do establecemento e da persoa titular.

b) Os datos da empresa operadora titular da máquina ou máquinas que se van instalar.

c) O número de máquinas que se van instalar.

d) Data de autorización de instalación das máquinas nun establecemento concreto e o seu vencemento.

4. Xunto coa solicitude deberanse presentar, ademais, os seguintes documentos:

a) Fotocopia do DNI da persoa titular do establecemento ou número do dito documento xunto coa autorización para que sexa verificado pola Administración na base de datos de NIF do Ministerio do Interior ou documento equivalente en caso de persoas estranxeiras, no caso de que se trate dunha persoa física; fotocopia do número de identificación fiscal, da escritura pública de constitución así como do DNI da persoa representante, no caso de tratarse dunha persoa xurídica.

b) Fotocopia da solicitude de licenza municipal de apertura a nome da persoa titular do establecemento.

c) Fotocopia do documento polo que se acredite a realización dunha actividade económica de hostalaría ou análoga no local.

d) Documento acreditativo da titularidade ou dispoñibilidade do local.

e) Xustificante acreditativo do pagamento da taxa administrativa correspondente».

Trinta e catro. Os números 1, 2 e 3 do artigo 54 do regulamento quedan redactados da seguinte maneira:

«1. O período de vixencia da autorización de instalación e localización será o que libremente acorden a persoa titular do establecemento e a empresa operadora, sen que poida ser inferior a cinco anos. A xefatura territorial da consellería competente en materia de xogo que corresponda, dilixenciará a autorización polo período e localización acordada, para os efectos da súa validez, incluíndoa no Rexistro de Empresas de Máquinas de Xogo. A autorización de instalación e localización poderá deixala sen efecto calquera das partes, cando denuncien a súa validez tres meses antes do seu vencemento. De non ser así, a dita autorización entenderase prorrogada polo mesmo prazo que foi concertada.

2. Durante o período de vixencia da autorización de instalación e localización, os cambios de titularidade do negocio desenvolvido no establecemento ou da autorización de explotación da máquina instalada nel non serán causa de revogación daquela. As novas persoas titulares quedarán subrogadas nos dereitos e obrigas que para os anteriores derivasen da autorización en vigor.

Os cambios de titularidade do negocio desenvolvido deberán ser comunicados pola nova persoa titular á correspondente xefatura territorial da consellería competente en materia de xogo nos quince días hábiles seguintes á data en que teñan lugar.

Coa referida comunicación deberán xuntarse os seguintes documentos:

a) A mesma documentación que para a primeira comunicación prevé o artigo 53.4. agás a referida na alínea b) do dito artigo.

b) Documento acreditativo da solicitude do cambio de titularidade da licenza municipal de apertura a favor da nova persoa titular.

c) Exemplar da autorización de instalación e localización en vigor.

3. Comprobados os citados documentos ou logo de se autorizar a transmisión da autorización de explotación da máquina instalada no local, a xefatura territorial da consellería competente en materia de xogo emitirá un novo documento que dará soporte á autorización de instalación e localización en vigor, no cal, unicamente se modificarán, segundo os casos, os datos relativos á nova persoa titular do local, á súa nova denominación comercial e/ou á nova persoa titular da autorización de explotación da máquina».

Trinta e cinco. Engádese unha alínea g) ao artigo 55 que queda redactada como segue:

«Polo peche do establecemento autorizado ou o cesamento da actividade que constitúe o obxecto da autorización durante un período de tres anos».

Trinta e seis. O artigo 56 do regulamento queda redactado da seguinte maneira:

«1. A comunicación de localización é o documento polo que unha empresa operadora comunica a instalación e explotación dunha máquina de tipo A, A especial, B, B especial e C específica, da que é titular, nalgún dos establecementos autorizados ou no seu almacén.

2. A empresa operadora deberá efectuar a comunicación con carácter previo á instalación ou retirada da máquina, mediante a presentación da solicitude xunto co documento administrativo tipo, debidamente cuberto e asinado polo representante legal da empresa operadora, en exemplar triplicado, destinados á Administración, máquina e empresa operadora.

3. A xefatura territorial da consellería competente en materia de xogo dilixenciará o citado documento mediante a anotación da data de alta e o selo do organismo, trámite sen o cal a citada comunicación non amparará a instalación ou retirada da máquina. A instalación deberá efectuarse dentro das 48 horas seguintes á entrega das comunicacións de localización dilixenciadas.

4. A dilixenciación da comunicación de localización poderá realizararse mediante presentación directa na xefatura territorial da consellería competente en materia de xogo ou por vía telemática.

5. Todo cambio de situación ou traslado de máquina requirirá unha nova comunicación de traslado, que dará lugar á extinción da anterior.

6. A instalación das máquinas de tipo A, A especial, B, B especial e C sen a preceptiva comunicación de localización dará lugar á incoación de expediente sancionador».

Trinta e sete. Os números 1 e 2 do artigo 58 do regulamento quedan redactados da seguinte maneira:

«1. As máquinas de tipo B ou recreativas con premio programado, B especial e as de tipo C ou de azar, deberán dispoñer nos seus depósitos dunha cantidade de diñeiro de curso legal abondo para o pagamento automático dos premios ás persoas xogadoras, agás nos supostos previstos para as máquinas interconectadas nos establecementos a que se refire o artigo 9, nas cales se poderán aboar os premios, ben mediante tarxetas prepagamento ou ben mediante talón bancario librado pola persoa habilitada para iso no establecemento.

2. A máquina deberá ter un mecanismo para deterse cunha alarma no caso en que non estea en condicións de pagar un posible premio».

Trinta e oito. Modifícase o artigo 59 do regulamento que queda redactado da seguinte maneira:

«Artigo 59. Prohibicións e obrigas

1. Queda prohibido á empresa de xogo titular da máquina recreativa e de azar, ás persoas titulares dos establecementos en que se encontren e ao persoal ao servizo de ambos os dous:

a) Usar as máquinas dos tipos A especial, B, B especial e C en calidade de persoas xogadoras, directamente ou a través doutras persoas.

b) Conceder empréstitos ou diñeiro á conta ás persoas usuarias das máquinas, aínda cando sexa por períodos limitados de tempo ou sen ningún tipo de xuro ou remuneración.

c) Conceder bonificacións ou participacións gratuítas ás persoas usuarias das máquinas para xogos ulteriores á vista do importe das apostas.

2. As persoas titulares ou responsables dos establecementos en que se encontren instaladas as máquinas de tipo A especial, B, B especial ou C, impedirán o uso destas ás persoas menores de idade. Deberá figurar no frontal das devanditas máquinas e de forma visible a prohibición de uso a estas.

3. Durante o primeiro trimestre do ano as empresas operadoras deberán remitir á dirección xeral competente en materia de xogo os datos de volume de xogo e premios outorgados polas máquinas no ano natural anterior que para efectos estatísticos lle sexan solicitados por esta».

Trinta e nove. A letra b do número 1 do artigo 62 queda redactada da seguinte maneira:

«b) A autorización de explotación, no caso das máquinas A especial, B, B especial e C».

Corenta. As alíneas b e d do artigo 63 quedan redactadas da seguinte maneira:

«b) O exemplar para a empresa operadora da autorización de explotación da máquinas, no caso das máquinas A especial, B, B especial e C, salvo nos casos de trámite de troco ou transmisión, nos cales se observará o disposto neste regulamento.

d) Un exemplar da autorización de instalación e localización salvo nos casos de transmisión, no cal se observará o disposto neste regulamento».

Corenta e un. Os números 1 e 4 do artigo 64 do regulamento quedan redactados da seguinte maneira:

«1. Enténdese por salón, para os efectos deste regulamento, o establecemento destinado á explotación de máquinas recreativas dos tipos A, A especial, B, ou B especial.

4. Os salóns de xogo, son aqueles establecementos destinados á explotación de máquinas de tipo A especial, B ou B especial. Tamén poderán instalarse máquinas de tipo A ou recreativas».

Corenta e dous. O número 2 do artigo 67 queda redactado da seguinte maneira:

«2. Xunto co devandito escrito de solicitude achegarase:

a) Documento que acredite a dispoñibilidade do local.

b) Proxecto básico das obras e instalacións do local, redactado por persoal técnico competente e visado polo colexio profesional correspondente.

O contido mínimo do devandito proxecto conterá:

– Plano de situación do edificio onde se pretende instalar o salón, a escala 1/1000.

– Plano ou planos de planta do local a escala 1/100.

– Memoria descritiva das instalacións en relación co cumprimento das condicións técnicas contidas no anexo deste regulamento, en que se especifique o número de máquinas de tipo A ou recreativas, A especial e/ou B e/ou B especial que se pretendan instalar na superficie útil do local».

Corenta e tres. O artigo 71 do regulamento queda redactado da seguinte maneira:

«1. Nos salóns poderá instalarse na fachada, un indicador co nome do establecemento e a expresión «Salón recreativo» ou, se é o caso, «Salón de xogo».

Tanto nos salóns recreativos coma nos de xogo, poderase instalar servizo de bar. Nos ditos casos a superficie destinada ao dito servizo será como máximo dun 35 % da superficie útil do espazo habilitado para os xogos.

2. Nos salóns de xogo está prohibido o acceso a menores de idade e deberán ter un servizo que velará polo cumprimento da devandita prohibición. Como excepción permitirase a entrada a menores de idade naqueles salóns de xogo que ademais teñan instalada unha máquina de tipo A, como mínimo, se a sala onde estean instaladas as máquinas tipo A especial, B ou B especial estea claramente delimitada e separada por tabiques, biombos ou outros elementos separadores fixos ou móbiles e perfectamente controlado o acceso a esta».

Corenta e catro. O número 5 do anexo do regulamento queda redactado da seguinte maneira:

«1. O número de máquinas que se poderán instalar e explotar nos salóns recreativos será como mínimo de 10 máquinas, de tipo A, e nos salóns de xogo como mínimo será de 10 máquinas B.

2. As máquinas colocaranse de forma que nin elas nin os seus espazos de utilización obstaculicen os corredores e vías de circulación que, en todo caso,deberán ter un ancho mínimo de 1,20 metros».

Disposición adicional primeira. Presentación de solicitudes

1. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido nos artigos 27 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 24 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes. Para a presentación das solicitudes será necesario o documento nacional de identidade electrónico ou calquera dos certificados electrónicos recoñecidos pola sede da Xunta de Galicia.

Alternativamente, tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel en calquera dos lugares e rexistros establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

2. A documentación complementaria poderase presentar de acordo co disposto polo artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso dos cidadáns aos servizos públicos, e 22.3 do Decreto 198/2010, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

3. Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, a persoa interesada deberá mencionar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de expediente e o número ou código único de rexistro

Disposición adicional segunda. Homologación e validación de modelos de máquinas fabricadas ou comercializadas fóra de Galicia

1. As máquinas legalmente fabricadas ou comercializadas nos Estados membros da Unión Europea e as orixinarias dos países asinantes do acordo sobre o Espazo Económico Europeo e Turquía, poderán ser homologadas polo procedemento establecido no Regulamento de máquinas recreativas e de azar da Comunidade Autónoma de Galicia sempre que reúnan os requisitos exixidos neste.

 2. Así mesmo, poderanse validar as homologacións de máquinas recreativas e de azar, concedidas polas autoridades competentes da Unión Europea e do Espazo Económico Europeo e Turquía, sempre que se comprobe que as regulamentacións ao abeiro das cales foron concedidas garantan un nivel equivalente de protección dos intereses lexítimos perseguidos polo regulamento a que se refire o punto anterior e que se levaron a termo ensaios previos á homologación con niveis de precisión, seguridade, adecuación e idoneidade equivalentes aos requiridos por esta norma.

3. Poderán recoñecerse e inscribirse no Rexistro de Modelos todos aqueles modelos que fosen homologados por outras comunidades autónomas que prevexan requisitos técnicos análogos aos previstos no antedito regulamento.

Disposición transitoria primeira. Expedientes en trámite

As solicitudes que estean en trámite no momento da entrada en vigor deste decreto deberán axustarse aos requisitos previstos neste.

Disposición transitoria segunda. Servizos de admisión e control

Mentres non estea aprobada e entre en vigor a norma pola que se regula o servizo de admisión e control nos establecementos de xogo, para aqueles establecementos en que sexa obrigatorio contar co dito servizo será de aplicación o disposto na normativa reguladora das distintas modalidades de xogo da Comunidade Autónoma de Galicia vixente no momento da entrada en vigor do presente decreto.

Disposición derrogatoria única

Quedan derrogadas todas aquelas normas de igual ou inferior rango que se opoñan ao previsto neste decreto, en concreto a disposición transitoria sétima do Decreto 39/2008, do 21 de febreiro, polo que se aproba o regulamento de máquinas recreativas e de azar da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición derradeira primeira

Modificación a Orde do 16 de decembro de 2008 pola que se aproban os modelos normalizados de solicitudes e autorizacións previstas no Regulamento de máquinas recreativas e de azar da Comunidade Autónoma de Galicia, aprobado polo Decreto 39/2008, do 21 de febreiro.

 Facúltase a persoa titular da consellería competente en materia de xogo para modificar mediante orde a Orde do 16 de decembro de 2008 pola que se aproban os modelos normalizados de solicitudes e autorizacións previstas no Regulamento de máquinas recreativas e de azar da Comunidade Autónoma de Galicia, aprobado polo Decreto 39/2008, do 21 de febreiro.

Disposición derradeira segunda

Modificación da Orde do 28 de marzo de 2011 polo que se regula a homologación e autorización de instalación de sistemas de interconexión de máquinas recreativas e de azar da Comunidade Autónoma de Galicia.

1. A Orde do 28 de marzo de 2011 polo que se regula a homologación e autorización de instalación de sistemas de interconexión de máquinas recreativas e de azar da Comunidade Autónoma de Galicia queda modificada como segue:

Un. O artigo 1 da orde queda redactado da seguinte maneira:

«Esta orde ten por obxecto o desenvolvemento da regulación da homologación e autorización de instalación de sistemas de interconexión de máquinas B en locais de hostalaría e establecementos análogos, de máquinas B e B especial en salóns, bingos e casinos e de máquinas C ou de azar en casinos así como da homologación e autorización de instalación de sistemas de interconexión entre os devanditos establecementos na Comunidade Autónoma de Galicia».

Dous. O artigo 2 da orde queda redactado da seguinte maneira:

«Poderanse homologar sistemas de interconexión e autorizarse a interconexión de máquinas B, B especial e C sempre que se cumpra co disposto polo Decreto 39/2008, do 21 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento de máquinas recreativas e de azar e pola presente orde».

Tres. A alínea e do número 1 do artigo 4 da orde, artigo que pasa a denominarse «Requisitos para a homologación de sistemas de interconexión de máquinas B, B especial e C», queda redactada da seguinte maneira:

«Que o premio non supere, no caso das máquinas C, a suma dos premios máximos que poidan outorgarse no total de máquinas habitualmente interconectadas. Tratándose de máquinas B e B especial que o premio non exceda os 15.000 euros.

Así mesmo, tanto no caso das máquinas B como no das máquinas B especial e C deberá acreditarse que o dito premio máximo vén configurado de fábrica e garantirse que non poderá ser alterado pola empresa operadora».

Catro. As alíneas b e e do número 2 do artigo 5 da Orde quedan redactadas da seguinte maneira:

«b) Informe de ensaio de laboratorio de ensaio que acredite o cumprimento de cada un dos requisitos previstos no artigo anterior á vista da memoria de funcionamento do sistema que debe acompañar á solicitude.

e) Declaración de conformidade CE ou certificado de conformidade CE, segundo os casos, que acredite que o produto satisfai todos os requisitos esenciais das distintas directivas de aplicación».

Cinco. A alínea e do artigo 6 da orde queda redactada da seguinte maneira:

«Que o premio non supere, no caso das máquinas C, a suma dos premios máximos que se poidan outorgar no total de máquinas habitualmente interconectadas. Tratándose de máquinas B e B especial que o premio non exceda os seguintes límites:

1º. 4.000 euros cando se trate de interconexionar máquinas instaladas en establecementos de hostalaría, bares, cafetarías, restaurantes, clubs e establecementos análogos.

2º. 30.000 euros cando se trate de interconexionar máquinas instaladas en salóns, bingos ou casinos».

Seis. As alíneas b e e do número 2 do artigo 7 da orde quedan redactadas da seguinte maneira:

«b) Informe de ensaio de laboratorio de ensaio que acredite o cumprimento de cada un dos requisitos previstos no artigo anterior á vista da memoria de funcionamento do sistema que debe acompañar á solicitude».

e) Declaración de conformidade CE ou certificado de conformidade CE, segundo os casos, que acredite que o produto satisfai todos os requisitos esenciais das distintas directivas de aplicación».

Sete. Modifícase o artigo 8 da orde que queda redactado da seguinte maneira:

«Artigo 8. Inscrición no Rexistro de Modelos

Se a solicitude reúne todos os requisitos exixibles, o dispositivo de interconexión inscribirase na sección VI «Outros aparellos» do Rexistro de Modelos da Comunidade Autónoma de Galicia, e asignaráselle o número que corresponda de acordo co previsto no Regulamento de máquinas recreativas e de azar».

Oito. O número 3 do artigo 9 da orde queda redactado da seguinte maneira:

«Enténdese por modificación non substancial aquela alteración que afecte os restantes elementos do sistema e deberá ser solicitada de acordo co modelo previsto no anexo IV desta orde. Cando a xuízo da dirección xeral competente en materia de xogo, a modificación solicitada revista o carácter de non substancial, resolverase sobre ela sen máis trámite. De existir dúbidas sobre o carácter non substancial da modificación, esta dirección xeral poderá requirir informe de laboratorio de ensaio sobre este extremo».

Nove. A letra a do número 2 do artigo 11 da orde queda redactada da seguinte maneira:

«Relación de máquinas que se interconectarán, con especificación do modelo e o número de autorización de explotación das máquinas que se pretendan interconectar. En todo caso, o número de máquinas interconectadas en cada grupo ou carrusel non poderá ser inferior a tres agás no caso das interconexións de máquinas en establecementos de hostalaría, bares, cafetarías, restaurantes, clubs e establecementos análogos nos que o grupo ou carrusel non poderá ser inferior a dez».

Dez. A alínea c do número 1 do artigo 16 da orde queda redactada da seguinte maneira:

«No caso de que, como consecuencia de producirse alteracións na relación de máquinas interconectadas, o número de máquinas que forme parte do carrusel ou grupo sexa inferior aos límites establecidos no artigo 11.2.a)».

2. Facúltase a persoa titular da consellería competente en materia de xogo para modificar mediante orde os modelos normalizados de solicitudes incluídos nos anexos I, II e III da Orde do 28 de marzo de 2011 pola que se regula a homologación e autorización de instalación de sistemas de interconexión de máquinas recreativas e de azar da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición derradeira terceira. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezanove de setembro de dous mil trece

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza