Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 183 Mércores, 25 de setembro de 2013 Páx. 37813

I. Disposicións xerais

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

DECRETO 150/2013, do 5 de setembro, polo que se regula a aplicación do sistema voluntario de etiqueta ecolóxica da UE na Comunidade Autónoma de Galicia.

Partindo da experiencia acumulada na aplicación del Regulamento (CEE) n° 880/1992 do Consello, do 23 de marzo, relativo a un sistema comunitario de outorgamento de etiqueta ecolóxica, e do Regulamento (CE) nº 1980/2000 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de xullo, relativo a un sistema comunitario revisado de outorgamento de etiqueta ecolóxica, o vixente Regulamento (CE) 66/2010, do Parlamento Europeo e do Consello, do 25 de novembro de 2009, relativo á etiqueta ecolóxica da UE constitúe o actual marco normativo comunitario en materia de etiqueta ecolóxica da UE que, mantendo os principios inspiradores das citadas normas precedentes, introduce novos aspectos na regulación deste distintivo e prevé a posibilidade de incrementar o número de bens e servizos que poden acceder ao seu outorgamento.

O sistema de etiquetaxe ecolóxica europeo foi instaurado polas citadas normas como un instrumento voluntario destinado a promover o deseño, a produción, a comercialización e utilización de bens e servizos con menores repercusións no ambiente durante todo o seu ciclo de vida, proporcionando ás persoas consumidoras un distintivo que lles permita identificar tales bens ou servizos no mercado. Para tal efecto, a normativa comunitaria prevé que os Estados membros designen un organismo competente para o desenvolvemento dos labores relacionados coa etiqueta ecolóxica da UE. Esta designación foi conferida ás comunidades autónomas polo Real decreto 598/1994, do 8 de abril, polo que se establecen normas para a aplicación do Regulamento (CEE) número 880/1992, do 23 de marzo, relativo a un sistema comunitario de outorgamento de etiqueta ecolóxica, e o vixente Real decreto 234/2013, do 5 de abril, polo que se establecen normas para a aplicación do Regulamento (CE) nº 66/2010 do Parlamento Europeo e do Consello, do 25 de novembro de 2009, relativo á etiqueta ecolóxica da Unión Europea.

Esta figura foi tamén recollida na normativa galega a través do artigo 26 da Lei 1/1995, do 2 de xaneiro, de protección ambiental de Galicia, que a caracteriza como un mecanismo voluntario de participación das empresas e da cidadanía na protección do ambiente a través da selección de produtos comerciais por criterios ecolóxicos no proceso de utilización dos recursos naturais, a súa fabricación, comercialización, consumo e abandono, e que confire o seu desenvolvemento normativo á Xunta de Galicia con adecuación á normativa xeral e comunitaria.

A etiqueta ecolóxica da UE constitúe un instrumento eficaz para orientar o consumidor cara aqueles bens e servizos que acreditan revestir un menor impacto ambiental na súa comercialización e prestación e permite ás persoas operadoras (produtoras, fabricantes, importadoras, provedoras de servizos, grosistas ou restallistas), acreditar a dita circunstancia no mercado a través dun mecanismo verificado por organismos independentes e avalado pola Administración.

A crecente demanda xurdida en Galicia para a obtención da etiqueta ecolóxica da UE fai necesario levar a cabo o seu desenvolvemento normativo mediante esta disposición, que se estrutura en catro capítulos. No capítulo I recóllense os preceptos relativos ao obxecto e ao ámbito de aplicación. O capítulo II contén a designación do órgano competente e detalla as súas funcións. O capítulo III recolle as previsións correspondentes ao outorgamento da etiqueta ecolóxica da UE, así como a comprobación do mantemento dos requisitos e as súas eventuais prohibición e revogación. No capítulo IV regúlase a adaptación dos produtos etiquetados ás modificacións dos criterios establecidos para a outorgamento do distintivo.

De conformidade co exposto, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, no exercicio da facultade outorgada polo artigo 34.5 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día cinco de setembro de dous mil trece,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I
Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto

Esta disposición ten por obxecto establecer as normas para a aplicación do sistema voluntario de etiqueta ecolóxica da Unión Europea no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, de conformidade co establecido no Regulamento (CE) 66/2010 do Parlamento Europeo e do Consello, do 25 de novembro de 2009, relativo á etiqueta ecolóxica da UE.

Artigo 2. Ámbito de aplicación

1. Esta disposición será aplicable a aqueles bens ou servizos, denominados no sucesivo produtos, subministrados para distribución, consumo ou utilización no mercado comunitario, xa sexa mediante pagamento ou de forma gratuíta, que cumpran os seguintes requisitos:

a) Que o produto estea incluído nalgunha categoría que dispoña de criterios para o outorgamento da etiqueta ecolóxica da UE.

b) Que o produto proceda da Comunidade Autónoma de Galicia, que se fabrique ou se preste no seu territorio, ou que se comercialice nel se procede de fóra.

2. Queda excluído calquera tipo de produto sanitario, en particular os medicamentos para uso humano definidos na Directiva 2001/83/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 6 de novembro de 2001, pola que se establece un código comunitario sobre medicamentos para uso humano, e os medicamentos veterinarios definidos na Directiva 2001/82/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 6 de novembro de 2001, pola que se establece un código comunitario sobre medicamentos veterinarios, así como aqueloutros produtos que se exclúan do sistema voluntario de etiqueta ecolóxica da UE conforme o previsto na normativa de aplicación.

CAPÍTULO II
Órgano competente

Artigo 3. Órgano competente

O órgano competente en materia de etiqueta ecolóxica da UE no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia será o órgano superior ou de dirección da Administración xeral da Comunidade Autónoma que teña atribuídas funcións e competencias en materia de ecoetiquetaxe no correspondente decreto de determinación de estrutura do departamento en que se encadre.

Artigo 4. Funcións do órgano competente

1. O órgano competente en materia de etiqueta ecolóxica da UE exercerá as seguintes funcións:

a) Resolver o outorgamento da etiqueta ecolóxica da UE.

b) Controlar e vixiar a correcta aplicación do sistema voluntario de etiqueta ecolóxica da UE no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) Prohibir a utilización da etiqueta ecolóxica da UE ou, se é o caso, revogar o seu outorgamento cando se dea algunha causa prevista no artigo 15.

d) Iniciar ou dirixir a elaboración o revisión dos criterios da etiqueta ecolóxica da UE nos termos previstos polo artigo 7 do Regulamento (CE) 66/2010 do Parlamento Europeo e do Consello, do 25 de novembro de 2009, relativo á etiqueta ecolóxica da UE.

e) Representar a Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia nos órganos estatais e, se é o caso, comunitarios, en materia de etiquetaxe ecolóxica de acordo co que se estableza na regulación vixente.

f) Adoptar e propoñer medidas destinadas a promover o sistema voluntario de etiqueta ecolóxica da UE.

g) Calquera outra que lle outorgue a regulación vixente do sistema voluntario de etiqueta ecolóxica da UE.

Artigo 5. Promoción da etiqueta ecolóxica da UE

O órgano competente adoptará medidas de promoción da utilización da etiqueta ecolóxica da UE mediante campañas de sensibilización, información e educación pública dirixidas a persoas consumidoras, fabricantes, produtoras, almacenistas, provedoras de servizos, responsables da adxudicación de contratos públicos, comerciantes, comerciantes polo miúdo e ao público en xeral, e o fomento da adopción do sistema, especialmente entre as pemes, apoiando o seu desenvolvemento.

A promoción da etiqueta ecolóxica da UE levarase a cabo, entre outras formas e medios, a través da páxina web da consellería competente en materia ambiente.

CAPÍTULO III
Procedemento

Artigo 6. Solicitude de outorgamento da etiqueta ecolóxica

1. O procedemento de outorgamento da etiqueta ecolóxica europea iniciarase coa presentación, pola persoa interesada, da solicitude segundo o modelo que figura no anexo, dirixida ao órgano competente e acompañada da seguinte documentación:

a) Descrición detallada do produto e documentación pertinente conforme o previsto na disposición da Comisión Europea pola que se establezan os criterios da etiqueta ecolóxica da UE para a categoría do produto. Presentaranse, preferentemente, probas acreditadas de conformidade coa ISO 17025 e verificacións realizadas por organismos acreditados segundo a Norma EN 45011 ou norma internacional equivalente.

b) Acreditación do aboamento da correspondente taxa administrativa.

A persoa interesada poderá presentar calquera outra documentación complementaria relativa ao produto que considere que poida servir de base para o outorgamento da etiqueta ecolóxica da UE.

2. As solicitudes deberán presentarse preferiblemente por vía electrónica a través do formulario electrónico normalizado accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, de acordo co establecido no artigo 35 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, de acceso electrónico dos cidadáns aos servizos públicos, e no 22 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

Os documentos que se xunten á solicitude poderán ser achegados mediante copias dixitalizadas que garantan a fidelidade co orixinal mediante a utilización de sinatura electrónica avanzada. Segundo o disposto no artigo 35.2 da Lei 11/2007, do 22 de xuño, e no artigo 22.3 do Decreto 198/2010, do 2 de decembro, o órgano competente poderá solicitar do correspondente arquivo o cotexo do contido das copias achegadas. Ante a imposibilidade deste cotexo, e con carácter excepcional, poderá requirir ao particular a exhibición do documento ou da información orixinal. A achega de tales copias implica a autorización ao órgano competente para que acceda e trate a información persoal contida en tales documentos.

Tamén se poderán presentar as solicitudes en soporte papel nos rexistros e lugares establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na Guía de procedementos e servizos da Xunta de Galicia
https://sede.xunta.es/guia-de-procedementos-e-servizos.

Artigo 7. Admisión da solicitude

1. Presentada a solicitude de outorgamento de etiqueta ecolóxica europea e a documentación necesaria, a persoa titular do servizo ou unidade adscrita ao órgano competente que teña atribuídas funcións en materia de etiqueta ecolóxica da UE, asumindo a condición de persoa instrutora do procedemento, examinará o cumprimento das condicións exixidas no artigo anterior. Se non se cumprisen as ditas condicións, a persoa instrutora concederá á persoa interesada un prazo de dez días para emendar as deficiencias observadas coa advertencia de que, de non facelo, se terá por desistida da súa solicitude, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das Administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Se o produto indicado na solicitude non estivese incluído nas categorías para as que se establecieron criterios ecolóxicos para o outorgamento da etiqueta ecolóxica da UE, o órgano competente ditará resolución inadmitindo a trámite a solicitude, sen prexuízo de poder iniciar e dirixir, de oficio ou por instancia da persoa solicitante, a elaboración e revisión dos criterios da etiqueta ecolóxica da UE.

2. Á vista da solicitude presentada, poderase consultar aos demais organismos competentes conforme o número 3 do artigo 7 do Regulamento (CE) 1980/2000 do Parlamento Europeo e do Consello, do 17 de xullo, para efectos de comprobar se existe unha solicitude previa e, se é o caso, se foi denegada. Se transcorridos quince días desde a formulación da consulta non se recibise resposta, continuará o procedemento. Durante o devandito prazo, quedará interrompido o cómputo do prazo máximo de resolución do procedemento. Se durante o procedemento se comprobase que a mesma solicitude foi previamente presentada ante outro organismo competente e non recaeu resolución sobre o seu outorgamento ou denegación, o procedemento arquivarase e notificaráselle á persoa solicitante.

Artigo 8. Instrución do procedemento

1. Verificada a suficiencia da documentación presentada, a persoa instrutora practicará os actos de instrución e proba necesarios para comprobar que o produto cumpre cos criterios da etiqueta ecolóxica da UE e os requisitos de avaliación publicados de conformidade co artigo 8 do Regulamento (CE) 66/2010 do Parlamento Europeo e do Consello, do 25 de novembro de 2009, relativo á etiqueta ecolóxica da UE, e poderá, en particular:

a) Requirir a persoa solicitante para que achegue a documentación, probas ou certificacións complementarias que considere necesarias.

b) Solicitar os informes que considere necesarios para resolver a outros órganos da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ou doutras administracións conforme o disposto polo artigo 82 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

c) Realizar unha visita de comprobación ás instalacións de produción co fin de verificar o cumprimento dos requisitos impostos a estas.

2. A solicitude será sometida a consulta polo prazo máximo dun mes coas entidades afectadas.

Artigo 9. Trámite de audiencia

Instruído o procedemento e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, a persoa instrutora porá o procedemento de manifesto ás persoas interesadas e conferiralles trámite de audiencia por un prazo de dez días para que poidan presentar as alegacións, documentos e xustificacións que xulguen pertinentes.

Artigo 10. Resolución do procedemento

1. No caso de que o produto cumpra cos criterios da etiqueta ecolóxica da UE e os requisitos de avaliación publicados de conformidade co artigo 8 do Regulamento (CE) 66/2010 do Parlamento Europeo e do Consello, do 25 de novembro de 2009, relativo á etiqueta ecolóxica da UE, a persoa titular do órgano competente ditará resolución outorgando a etiqueta ecolóxica e asignándolle un número de rexistro ao produto e, en caso contrario, a denegaraa.

2. A resolución de outorgamento ou denegación da etiqueta ecolóxica europea será motivada e notificarase ás persoas interesadas. Contra a devandita resolución, que non esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a persoa titular da consellería a que se atope adscrito o órgano competente no prazo dun mes, segundo o establecido pola Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. A resolución de outorgamento ou denegación da etiqueta ecolóxica será notificada ao organismo competente da Administración xeral do Estado para a súa posterior comunicación por este á Comisión Europea, e farase pública a través da páxina web institucional da consellería competente en materia de ambiente.

4. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución de outorgamento ou denegación de etiqueta ecolóxica será de seis meses, transcorrido o cal sen que se ditase resolución expresa entenderase estimada esta, sen prexuízo da obriga da Administración de ditar resolución expresa nas condicións que se especifican no artigo 43.3.b) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 11. Taxas

O outorgamento da etiqueta ecolóxica devindicará as taxas establecidas na normativa de taxas e prezos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia e as súas actualizacións anuais.

Artigo 12. Condicións de utilización

A utilización da etiqueta ecolóxica da UE polas persoas ás cales se lles outorgase o devandito distintivo estará suxeita á sinatura dun contrato co órgano competente, que se axustará ao disposto polo anexo IV do Regulamento (CE) 66/2010 do Parlamento Europeo e do Consello, do 25 de novembro de 2009, relativo á etiqueta ecolóxica da UE.

Artigo 13. Visitas de comprobación

1. Sen prexuízo das competencias que a normativa vixente outorgue a outros órganos da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia ou doutras administracións públicas, o órgano competente para o outorgamento da etiqueta ecolóxica comunitaria está facultado para verificar en calquera momento o cumprimento dos criterios da etiqueta ecolóxica da UE, dos requisitos de avaliación publicados e das condicións de uso establecidas polo artigo 9 do Regulamento (CE) 66/2010 do Parlamento Europeo e do Consello, do 25 de novembro de 2009, relativo á etiqueta ecolóxica da UE.

Para iso, o órgano competente poderá solicitar á persoa titular da etiqueta ecolóxica da UE calquera tipo de información ou documentación que considere oportuna e visitar as instalacións onde se fabrica o ben ou se presta o servizo.

2. Quedarán exentos das actuacións de verificación indicadas no punto anterior os titulares da etiqueta ecolóxica da UE inscritos no Rexistro EMAS sempre que estes se comprometan expresamente na súa política ambiental a garantir que os seus produtos con etiqueta ecolóxica da UE cumpran os criterios aplicables a esta durante o período de validez do contrato e que este compromiso se incorpore de forma adecuada nos obxectivos ambientais detallados.

En tal caso, deberán enviar cada ano ao órgano competente unha copia da súa declaración ambiental validada e da súa inscrición nun rexistro EMAS, salvo no caso de que a organización estea inscrita no Rexistro EMAS da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 14. Prohibición da utilización de etiqueta ecolóxica

1. Cando o órgano competente que outorgase a etiqueta ecolóxica da UE comprobe que un produto que porta tal distintivo non satisfai os criterios aplicables á categoría do produto correspondente ou que a etiqueta ecolóxica da UE non se utiliza conforme o disposto no artigo 9 do Regulamento (CE) 66/2010 do Parlamento Europeo e do Consello, do 25 de novembro de 2009, relativo á etiqueta ecolóxica da UE, o dito órgano competente prohibirá temporalmente a utilización da etiqueta ecolóxica da UE no produto e requirirá a persoa titular para que, nun prazo de tres meses, adopte as medidas necesarias para que cese o incumprimento. No caso de que a etiqueta ecolóxica da UE fose outorgada por outro organismo competente, informará do feito ao devandito organismo.

2. As citadas prohibicións ou comunicacións serán acordadas motivadamente tras a tramitación do correspondente procedemento administrativo en que deberá darse trámite de audiencia á persoa titular da etiqueta ecolóxica por prazo de quince días.

3. O organismo competente informará sen demora da prohibición aos demais organismos competentes e á Comisión Europea.

Artigo 15. Revogación do outorgamento da etiqueta ecolóxica da UE

1. O órgano competente poderá revogar o outorgamento da etiqueta ecolóxica da UE polos seguintes motivos:

a) Falseamento dos datos subministrados ao órgano competente por parte da persoa titular.

b) Incumprimento da prohibición da utilización da etiqueta ecolóxica da UE acordada segundo o artigo 14.1.

c) Omisión das medidas necesarias para que cese o incumprimento dos criterios aplicables á categoría do produto correspondente ou das condicións de uso da etiqueta ecolóxica da UE no prazo sinalado polo órgano competente segundo o artigo 14.1.

d) Incumprimento das condicións fixadas no contrato a que se refire o artigo 12.

e) Obstaculización da verificación do cumprimento dos criterios da etiqueta ecolóxica da UE e os requisitos de avaliación publicados regulada no artigo 13.1.

f) Incumprimento do deber de comunicar ao órgano competente as modificacións nas características dos produtos que afecten o cumprimento dos criterios.

g) A modificación dos criterios aplicables á categoría do produto, sen prexuízo do disposto polo artigo 17.

2. A revogación acordarase mediante resolución motivada da persoa titular do órgano competente, logo de audiencia da persoa titular da etiqueta ecolóxica da UE. Contra a devandita resolución, que non esgota a vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada ante a persoa titular da consellería a que se atope adscrito o órgano competente no prazo dun mes segundo o establecido pola Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. A resolución pola que se acorde a revogación do outorgamento da etiqueta ecolóxica farase pública a través da web institucional da consellería a que se atope adscrito o órgano competente. O organismo competente informará sen demora da revogación aos demais organismos competentes e á Comisión Europea.

Artigo 16. Confidencialidade

A persoa solicitante da etiqueta ecolóxica da UE deberá informar o órgano competente, no momento de presentar a solicitude, daqueles aspectos do produto sobre os que deba manterse a confidencialidade por atoparse suxeitos a propiedade ou a segredo industrial ou comercial.

O órgano competente non utilizará a información á cal accedese durante a avaliación do cumprimento dos criterios e os requisitos de avaliación publicados con fins alleos ao outorgamento da etiqueta ecolóxica da UE e tomará todas as medidas apropiadas para garantir a protección contra a falsificación ou uso indebido dos documentos que lle foron confiados.

CAPÍTULO IV
Modificación dos criterios ecolóxicos aplicables

Artigo 17. Modificación dos criterios ecolóxicos aplicables á categoría do produto ou servizo

A revisión dos criterios de etiqueta ecolóxica da UE será causa da súa revogación, sen prexuízo da posibilidade de seguir utilizando a etiqueta outorgada durante o prazo que prevexa a correspondente disposición da Comisión Europea e formular unha nova solicitude conforme os novos criterios, coa cal non será preciso achegar aqueles documentos que xa figuren en poder da Administración.

Disposición derradeira primeira. Habilitación de desenvolvemento

Habilítase a persoa titular da consellería competente en materia de ambiente para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento deste decreto no relativo á organización e materias propias do seu departamento.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor

Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, cinco de setembro de dous mil trece

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas