Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 186 Luns, 30 de setembro de 2013 Páx. 38326

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 26 de setembro de 2013 de modificación da Orde do 8 de maio de 2013, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para os obradoiros de emprego, dentro dos programas mixtos de emprego e formación da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2013.

No Diario Oficial de Galicia número 93, do 16 de maio, publicouse a Orde do 8 de maio de 2013, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para os obradoiros de emprego, dentro dos programas mixtos de emprego e formación da Comunidade Autónoma de Galicia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2013.

Esta orde, no parágrafo 3 de seu artigo 4, relativo ás etapas e duración dos obradoiros de emprego, establecía que a data límite para o inicio dos obradoiros de emprego será o día 1 de setembro de 2013.

Ante a imposibilidade de cumprir con este prazo debido á complexidade dos procedementos de selección do persoal e do alumnado traballador destes proxectos, publicouse no Diario Oficial de Galicia número 164, do 29 de agosto, a Orde do 20 de agosto de 2013 de modificación da citada Orde do 8 de maio de 2013, fixando, no seu artigo 1, como data límite para o inicio dos obradoiros o 1 de outubro de 2013.

Tendo en conta a complexidade dos procedementos de selección do persoal e do alumnado traballador destes proxectos, consencuencia do elevado número de persoas desempregadas existentes como posibles aspirantes a integrarse como alumnado traballador dos obradoiros, este prazo resulta de imposible cumprimento tanto para as entidades promotoras como para a propia Consellería de Traballo e Benestar polo que resulta imprescindible proceder de novo á modificación da convocatoria do ano 2013, ampliando estes prazos, para o inicio dos obradoiros, sen que estas modificacións teñan incidencia no prazo de presentación de solicitudes.

En consecuencia, no exercicio das facultades que teño conferidas polo artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, e tendo en conta as regras establecidas na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no seu regulamento, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

DISPOÑO:

Artigo 1

1. Modifícase o parágrafo 3 do artigo 4. Etapas e duración, que queda redactado como segue:

«A data límite para o inicio dos obradoiros será o día 1 de novembro de 2013».

Artigo 2

Esta modificación non afecta o prazo establecido na referida orde para a presentación de solicitudes.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 26 de setembro de 2013

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar