Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 204 Xoves, 24 de outubro de 2013 Páx. 41937

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 17 de outubro de 2013 pola que se homologa o contrato tipo de compravenda de uva para a súa transformación en viño da denominación de orixe Ribeiro para as campañas 2013, 2014 e 2015.

A Secretaría Xeral de Medio Rural e Montes elevou a correspondente proposta relativa á solicitude de homologación dun contrato tipo de compravenda de uva para a súa transformación en viño na zona de produción da denominación de orixe Ribeiro. A dita solicitude foi formulada, no que corresponde ao sector produtor, polos representantes das organizacións agrarias: Xóvenes Agricultores-Asaja, Unións Agrarias-UPA e Sindicato Labrego Galego. Polo que atinxe ao sector elaborador, a proposta veu avalada polas seguintes empresas: Bodegas Alanís, S.L.U.; A Portela, S.A.T.; Bodegas Nairoa, S.L.; Bodega Castro Rei, S.L.; Bodegas Loeda, S.L.; Bodegas Cunqueiro, S.L.; Bodegas Rodríguez Méndez, S.L. e Bodegas O´Ventosela.

A dita proposta faise de conformidade co disposto na Lei 2/2000, do 7 de xaneiro, reguladora dos contratos tipo de produtos agroalimentarios, e de acordo cos requisitos previstos no Real decreto 686/2000, do 12 de maio, polo que se aproba o seu regulamento, e co fin de que os operadores do sector dispoñan dun instrumento útil para dotar de transparencia o mercado mellorando a concorrencia neste.

Tendo en conta que o ámbito de aplicación do contrato proposto non supera o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia e en virtude do artigo 149.3º da Constitución, que establece a supletoriedade do dereito estatal,

DISPOÑO:

Artigo 1. Homologación do contrato tipo da D.O. Ribeiro

Homológase o contrato tipo de compravenda de uva para a súa transformación en viño na zona de produción da denominación de orixe Ribeiro, cuxo texto figura no anexo desta disposición.

Artigo 2. Período de vixencia

O período de vixencia da homologación deste contrato tipo será as campañas vitícolas 2013, 2014 e 2015.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 17 de outubro de 2013

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar

ANEXO
Contrato de compravenda de uva para a súa transformación en viño na D.O. Ribeiro
Campañas 2013, 2014 e 2015

..., ...de... de 20...

Reunidos:

Dunha banda..., de agora en diante o/a vendedor/a, con NIF nº..., con enderezo en..., concello de..., provincia de..., e que actúa en nome propio.

E doutra..., de agora en diante o/a comprador/a, con NIF nº..., con enderezo en..., concello de..., provincia de..., representado por..., con NIF nº..., con capacidade para a formalización deste contrato en virtude de documento do... de... de 20..., no cal adquire apoderamento da empresa, inscrito no Rexistro Mercantil de... cos seguintes datos...

Recoñécense ambas as partes capacidade e lexitimación para formalizar este contrato e fano conforme as seguintes

Estipulacións:

Primeira. Obxecto do contrato

A compravenda de uva das parcelas e variedades que se establecen no anexo I deste contrato, que reúnan as seguintes condicións de calidade:

O produto obxecto do presente contrato será recolectado polo vendedor ao alcanzar a madurez determinada polas seguintes características: color natural, bo sabor, textura firme, exento de oídio, mildio, botrite e outras enfermidades e sabores estraños, conservará todas as calidades organolépticas da respectiva variedade e posuirá as propiedades fisicoquímicas que permitan obter viños coas características protexidas pola denominación de orixe. Admitiranse as seguintes tolerancias máximas en peso: 10 % froitos rotos ou mazados, 10 % froitos con mofo, 10 % froitos con defectos por calquera outra causa, 10 % botrite. A suma dos defectos anteriormente citados combinados non superará o 10 % da partida contratada.

De non se cumpriren estas condicións, o/a comprador/a non estará obrigado/a a comprala.

Segunda. Duración do contrato

A vixencia do presente contrato é anual, comeza o día da súa sinatura e finaliza o 31 de decembro de 201..., prorrogable ata dous anos.

Este contrato poderá ser rescindido antes do 31 de xullo de cada ano, por mutuo acordo das partes, cuestión que será notificada nun prazo de 7 días á comisión de seguimento.

Terceira. Especificacións técnicas

O/a vendedor/a non poderá utilizar produtos fitosanitarios distintos dos autorizados nin exceder as doses máximas recomendadas, e respectará os prazos de seguranza de cada produto e a normativa ao respecto.

Cuarta. Prezo

O prezo total que se aplicará neste contrato para a uva apta para a elaboración de viño da D.O. Ribeiro será o resultado de sumar ou restar ao prezo libremente pactado entre as partes no anexo II o importe dos conceptos variables (primas e penalizacións) que se acorden entre as partes e se definen no anexo III deste contrato.

Con anterioridade suficiente á vendima de cada ano revisaranse as primas e penalizacións de acordo coas circunstancias que as partes consideren.

Quinta. Condicións de facturación e pagamento

O/a vendedor/a está obrigado/a a entregar factura ao/á comprador/a antes de que transcorran 30 días desde a recepción efectiva da mercadoría, conforme o artigo 4.1 da Lei 3/2004, na redacción dada polo Real decreto lei 4/2013, sendo a dita data o último día da entrega, co IVE correspondente e na cal figurará a cantidade de uva e o prezo pactado.

As cantidades monetarias resultantes do cumprimento deste contrato pagaranse nos prazos que as partes establezan no anexo IV do contrato.

Sexta. Recepción, control e imputabilidade de custos

A cantidade de uva correspondente a este contrato será entregada na súa totalidade na adega ou nalgún dos puntos de recepción máis próximos ao das parcelas do/a vendedor/a, instalados para o efecto polo/a comprador/a.

O control da calidade e peso do froito efectuarase no momento da entrega na adega ou punto de recepción. Poderá estar presente unha persoa habilitada para o efecto polo/a vendedor/a.

No caso de discrepancia entre as partes sobre as condicións de calidade do produto marcadas no presente contrato recorrerase a un laboratorio designado polo/a interesado/a. Os gastos ocasionados serán por conta da parte que estivese equivocada na súa apreciación.

Sétima. Comisión de seguimento

O control, seguimento e vixilancia do cumprimento do presente contrato, para os efectos dos dereitos e obrigas de natureza privada, serán realizados por unha comisión de seguimento constituída para o efecto. A dita comisión terá personalidade xurídica de seu e constituirase sen ánimo de lucro e con carácter representativo e composición paritaria entre os representantes dos produtores e das adegas da D.O. asinantes da solicitude de homologación do contrato tipo a que se axusta este contrato.

A comisión de seguimento recibirá os contratos para a súa homologación ata o 20 de outubro da campaña.

Oitava. Indemnizacións

Salvo os casos de forza maior demostrada, derivados de folgas, sinistro, situacións catastróficas ou adversidades climatolóxicas producidas por causas alleas á vontade das partes, circunstancias que deberán comunicarse dentro das setenta e dúas horas seguintes a producirse, o incumprimento deste contrato para os efectos de entrega ou recepción da uva dará lugar a unha indemnización da parte responsable á parte afectada dun 25 % do valor da produción estimada nesa campaña polas persoas designadas con anterioridade, sempre que no dito incumprimento se aprecie a decidida vontade de desatender a obriga contraída, apreciación que poderá facerse pola correspondente comisión de seguimento logo de comunicación, dentro dos sete días seguintes ao de producirse o incumprimento.

A consideración dunha situación de forza maior poderá ser constatada pola citada comisión, para o cal recibirá aviso da parte afectada dentro do mesmo prazo anteriormente establecido.

Novena. Arbitraxe

Calquera diferenza que puider xurdir entre as partes en relación coa interpretación ou execución deste contrato e que non puider resolverse de mutuo acordo, ou pola comisión de seguimento a que se fai referencia na cláusula sétima, deberá someterse á arbitraxe regulada na Lei 60/2003, do 23 de decembro, coa especialidade prevista na Lei 2/2000, do 7 de xaneiro, reguladora dos contratos tipo de produtos agroalimentarios, consistente en que o árbitro ou árbitros serán nomeados pola Consellería do Medio Rural e do Mar.

De conformidade con canto antecede, e para que conste para os fins procedentes, asínanse os preceptivos exemplares para os efectos oportunos no lugar e na data expresados no encabezamento deste contrato.

Asdo. O/a vendedor/a

Asdo. O/a comprador/a

ANEXO I
Uva contratada
Identificación de parcelas obxecto deste contrato

Concello

Lugar

Nome parcela

Polígono

Parcela-subparcela

Superficie

Variedade

Identificación de variedades

Variedades brancas:

Variedades tintas:

Treixadura:

Caíño:

Albariño:

Sousón:

Godello:

Brancellao:

Loureira:

Ferrón:

Torrontés:

Mencía:

Palomino:

Garnacha tintureira:

Permitirase unha tolerancia de +/- 20 % da cantidade contratada.

O viticultor achegará certificado de inscrición no Consello Regulador da D.O. Ribeiro.

ANEXO II
Prezo inicial

Variedade

Prezo €/kg

ANEXO III
Primas e penalizacións

Parámetro

Intervalo

Prima ou penalización €/kg

Grao

Capa

ANEXO IV
Condicións de pagamento

Pagamento

Porcentaxe

Data

Primeiro

Segundo