Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 204 Xoves, 24 de outubro de 2013 Páx. 41935

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 15 de outubro de 2013 pola que se modifica o prazo de presentación da licenza municipal de obra e dos diferentes permisos administrativos previstos na Orde do 13 de xuño de 2013 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a modernización das explotacións agrarias, para a incorporación de mozos á actividade agraria, e para o fomento da utilización de instalacións e equipamentos en común para a mellora dos procesos produtivos en réxime asociativo cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2007-2013, e se convocan para o ano 2013.

A Orde do 13 de xuño de 2013 (publicada no DOG nº 118, do 21 de xuño) pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para a modernización das explotacións agrarias, para a incorporación de mozos á actividade agraria, e para o fomento da utilización de instalacións e equipamentos en común para a mellora dos procesos produtivos en réxime asociativo cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2007-2013, e se convocan para o ano 2013, establece nos artigos 7.6, 19.2 e 23.1.i), respectivamente e segundo sexa o tipo de solicitude, un prazo para presentar a licenza municipal de obra e do resto de permisos administrativos, o máis tardar o 30 de outubro de 2013.

E ante as peticións de diferentes organismos para prolongar o dito prazo co fin de poder emitir os preceptivos permisos, cómpre ampliar o prazo de presentación da licenza municipal e resto de permisos administrativos.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1º.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das facultades que me confire a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único

A data de presentación da licenza municipal e resto de permisos administrativos establecidos nos puntos 6 do artigo 7, 2 do artigo 19 e 1.i) do artigo 23, respectivamente, previstos na Orde do 13 de xuño de 2013, que inicialmente figura ata o 30 de outubro, para a convocatoria do ano 2013 amplíase ata o 15 de novembro de 2013, inclusive.

Disposición derradeira única

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de outubro de 2013

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar